• info@semescom.gal

Tag Archives: SEMESCOM

PENEDOS4

O SEMESCOM alega contra o Plan dos Penedos

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), asociación que desde a súa constitución se decatou do enorme valor paisaxístico, xeolóxico e natural dos Penedos de Pasarela e Traba e participou en todas as accións que se organizaron en defensa deste importante ben patrimonial, desde os seus inicios promoveu unha serie de actividades para dar a coñecer esta singular formación granítica: charlas informativas, visitas guiadas, edición de materiais divulgativos como a “Guía dos Penedos de Pasarela e Traba”, elaboración de materiais audiovisuais como o DVD “Os penedos de Pasarela e Traba, a arte dos dedos do tempo” ou a convocatoria do concurso literario “Certame de Poesía dos Penedos”. Toda esta defensa e divulgación deste espazo natural contribuiría á declaración no ano 2009 como Paisaxe Protexida por parte do goberno da Xunta de Galicia.
Despois dun dilatado período de tempo a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia aproba un plan de xestión para os Penedos de Pasarela e Traba, ao que a nosa asociación presenta as seguintes ALEGACIÓNS:

1.-SOBRE A PROHIBICIÓN DE ACTIVIDADES DE GRANDE IMPACTO NA PAISAXE PROTEXIDA E NA SÚA CONTORNA
Consideramos positiva a prohibición de actividades na contorna desta Paisaxe Protexida que produzan grande impacto no medio como poden ser a instalación de novos parques eólicos, actividades extractivas (minas ou canteiras) ou actividades industriais.

Na actualidade a maior ameaza que existe neste sentido e neste momento é o proxecto do parque eólico de Pena dos Mouros, a nosa asociación xa presentou alegacións contra el (9-03-2021), que
ademais de estar moi próximo aos Penedos, no caso de construírse, tería un impacto severo sobre os Penedos de Piñeo, situados na parroquia de Carantoña (Vimianzo), que tamén dispoñen de
formacións xeolóxicas tan singulares e evocadoras como Pena da Aiga, Pena Orelluda ou Pena do Frade. Por tal motivo pedimos que a Xunta de Galicia non autorice a instalación deste parque.
2.- SOBRE AS PROPOSTAS DE TEMPORALIDADE E PRIORIDADE DAS ACTUACIÓNS QUE SE PROPOÑEN NO PLAN DE XESTIÓN:
Non nos parece adecuada a distribución de temporalidade (5, 10 e máis anos) e de prioridade (alta, media e baixa) que se fai de cada unha das actuacións por ser pouco realista e efectiva. Ten sentido propoñer unha actuación a máis de dez anos cun orzamento actual?
Defendemos que todas estas actuacións do Plan que se consideran necesarias para a posta en valor deste singular espazo natural, como son os Penedos de Pasarela e Traba, non supoñen un orzamento elevado, polo tanto deberían realizarse por parte da Xunta de Galicia e demais administracións, nun prazo breve, como máximo de dous anos.
3.-SOBRE O APARCADOIRO NA ZONA DO CRUCE DO BRAÑAL
Si, á habilitación dunha área destinada a aparcadoiro na zona do Cruce do Brañal, sempre que esta actuación se realice co máximo respecto medioambiental e tendo en conta que se deberá priorizar o acceso a pé desde os núcleos máis próximos: Pasarela e O Penedo (Calo, Vimianzo) e A Costa (Traba, Laxe).
4.- SOBRE A LIMPEZA E MANTEMENTO DAS INFRAESTRUTURAS VIARIAS DO PARQUE
Si, aos labores de limpeza e mantemento das infraestruturas de uso público centradas fundamentalmente en lograr que as pistas forestais e os sendeiros estean limpos de vexetación e en bo
estado de conservación. Pero propoñemos que estes labores se realicen como mínimo con dúas limpezas ao ano, tanto das pistas forestais como dos sendeiros que levan ás estacións onde se atopan as formacións xeolóxicas de maior realce. Consideramos, tamén, imprescindible a ampliación destes labores de limpeza aos arredores de cada unha das esculturas naturais.
A súa vez, hai que ter en conta que as últimas investigacións están a permitir localizar novas xeoformas, o que creará máis necesidades de limpieza diante dun parque en progresiva expansión.

5.- CRITERIOS SOBRE A SINALIZACIÓN DA “PAISAXE PROTEXIDA”
Respecto aos puntos de deseño e instalación de paneis interpretativos das vistas panorámicas situados nos lugares de maior amplitude visual e paisaxística, sinalización do xacemento arqueolóxico da Torre da Moa e instalación dun panel informativo, colocación de novos paneis interpretativos no comezo das rutas de sendeirismo ou a sinalización de cruces de rutas, pensamos que a instalación de paneis informativos ou interpretativos deberían ser os estritamente necesarios sobre o espazo protexido para producir o menor impacto posible. Cremos que é moito máis efectiva a elaboración dunha información dixital á que poida acceder calquera visitante a través dun dispositivo electrónico.
Tampouco nos parece do máis axeitado a sinalización de puntos de observación como miradoiros, xa que ao longo do percorrido hai moitos lugares desde os que se pode observar a paisaxe da contorna, e cada visitante pode gozar dela naqueles sitios do percorrido que considere oportunos.
6.-SOBRE A CREACIÓN DUN CENTRO DE INTERPRETACIÓN DOS PENEDOS
Defendemos a creación dun Centro de Interpretación dos Penedos no edificio da antiga casa-escola Labarta Pose de Pasarela, situado no centro desta localidade, a máis próxima a esta paisaxe protexida e tamén punto de partida da maioría dos visitantes deste espazo. Co futuro trazado da prolongación da autovía AG-55, o núcleo de Pasarela quedará moi próximo a unha das súas saídas, o que facilitará aínda máis a entrada de visitantes a través desta ruta. Este centro consideramos que sería un lugar idóneo para a recepción de excursionistas e para recibir información previa sobre este espazo natural e a súa contorna. Para abaratar os custes de xestión propoñemos que sexa un centro automatizado e autovisitable, como algúns outros que xa se teñen instalados na nosa comunidade.

Alegacións

penedos5

morteFISTERRA

A morte nos fisterras europeos: Bretaña e Galicia

O Consello da Cultura Galega acolleu os días 25 e 26 de abril as xornadas ‘A morte nos fisterras europeos: Bretaña e Galicia’. Nelas interviu o presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema, coa conferencia “A Costa da Morte. Notas sobre o seu patrimonio cultural e natural”.  A presentación contou con abundantes imaxes, nas que se procurou establecer conexións (semellanzas, paralelismos) entre a Costa da Morte (e Galicia en xeral) coa Bretaña, maiormente os relacionados co tratamento da morte (os dolmens megalíticos; as necrópoles romano-suevas; os nosos adros parroquiais e os “enclos paroissiaux” bretóns; os naufraxios; piratas e corsarios; as romaxes…). Pola tarde realizouse unha viaxe nun microbús os/as participantes bretóns/bretoas e galegos/as pola Costa da Morte, sobre todo para ver in situ o Cemiterio dos Ingleses en Camariñas e o cabo de Fisterra, onde estaba esperando o alcalde para ver o Cemiterio da fin do mundo do arquitecto César Portela, que tamén participou nas xornadas.

DESCARGA A PRESENTACIÓN

denegadoparqueeolico

Os Penedos, salvados (Unha vez máis, e van…!)

Unha boa noticia. Unha vitoria colectiva das entidades que, como o Seminario de Estudos da Costa da Morte (SEMESCOM), se molestaran no seu día en redactar e presentar alegacións contra este parque eólico que ameazaba unha das dúas únicas Paisaxes Protexidas de Galicia. As alegacións do SEMESCOM (9-03-2021), que asinaron outras entidades da zona, consta de 69 páxinas, dada a importancia do lugar. A prensa salientaba en titulares: “Batería de alegaciones del Semescom contra el parque eólico de los Penedos de Pasarela y Traba” (La Voz de Galicia, 12-03-2021). Sabemos que tamén o Consello da Cultura Galega presentara alegacións demoledoras contra este atentado paisaxístico que a Xunta de Galicia debera ter desbotado de inicio. O Seminario tamén presentara alegacións contra o outro parque, Pena dos Mouros, pois afecta visualmente ó de Pasarela e Traba e nel atópanse os Penedos do Piñeo (nada se di del, de momento).

Xosé María Lema Suárez, presidente do SEMESCOM.

denegadoparqueeolico
semescom penedos de pasarela

Proxectan a nivel internacional os Penedos de Pasarela e Traba

Artigo en El Correo Gallego (15/11/2022)

Os Penedos de Pasarela e Traba, que se estenden polos concellos de Vimianzo e Laxe, foron declarados como Paisaxe Protexida pola Xunta de Galicia en 2009 e, á espera de que se desenvolva o esperado plan de xestión da contorna, a sú magnificencia foi dada a coñecer no último Congreso Internacional de Xeomorfoloxía celebrado en Coímbra (Portugal), no que o catedrático de Xeografía Física da USC, Augusto Pérez Alberti, presentou os resultado dun amplo estudo de campo elaborado este ano.

Un traballo que complementa o estudo que el mismo elaborara para xustificar a declaración do espazo como Paisaxe Protexida e, a través do cal, puido identificar 92 xeoformas singulares polo seu deseño, aínda que, engade, “a bo seguro que a cantidade é maior”. O seu obxectivo é que este “museo de xeoformas que acadan a categoría de arte natural” poida ser coñecido en todo o mundo, pois como ben comprobou no congreso luso, no que se deron cita os maiores especialistas en xeomorfoloxía, “moi poucos coñecían os Penedos de Traba e Pasarela”. Un descoñecemento que, afirma, é extensible ao ámbito nacional e, mesmo, a nivel máis local, a pesares do bo traballo realizado por entidades como o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom).

Ler o artigo completo (PDF).

rio_catalunha

Percorrido fluvial. Dez anos de trato cos ríos de Europa nas viaxes do SEMESCOM

Por Xela Cid

Unha década permitiu aos membros viaxeiros do SEMESCOM percorrer moitos países e lugares de Europa. Atopámonos coas grandes vías fluviais que regan este continente e cos pequenos ríos que atravesan cada unha das localidades que imos coñecendo. É un patrimonio case infinito.
Esta quere ser unha pequena lembranza dos momentos nos que nos achegamos á cabeceira dun destes ríos ou moi preto, ao seu curso medio, e ás veces á desembocadura marabillándonos dos esteiros e deltas que forman. As viaxes fixéronse no mes de Agosto con algunha excepción en Xullo.

> CONTINUAR LENDO O ARTIGO

 

2007_viaxe_bretanha

Unha ollada ao retrovisor das viaxes do SEMESCOM

Por Xan Fernández Carrera, vicepresidente do SEMESCOM

Na xa longa historia do Semescom que comezou no ano 2004, as viaxes foron as actividades que máis se mantiveron no tempo e que acadaron un maior éxito. Quizais fose polo acertado da súa planificación, pero tamén pola boa relación que se mantivo entre os compoñentes do grupo que habitualmente participamos nelas.

Unha das causas do seu inicio correspóndese co interese que sempre tivo a nosa asociación en coñecer a cultura máis primitiva do territorio da Costa da Morte, o megalitismo, e descubrir como se desenvolveu noutros territorios  da Europa Atlántica. A organización do Simposio sobre o Patrimonio megalítico da Costa da Morte no seu contexto atlántico, realizado no Pazo da Cultura de Carballo en xullo de 2006 cun gran éxito de participantes (172 inscritos), coordinado polo profesor da USC Antón Rodríguez Casal, no que participaron figuras tan relevantes como Germán Delibes ou o bretón Charles Le Roux, serviu de motivación para que ao ano seguinte se organizase a primeira das viaxes do Semescom a Bretaña, unha ruta inesquecible polas terras bretoas para os que participamos nela, polo interesante do seu contido, pero tamén polo magnífico guía que tivemos: o profesor Le Roux.

2007_viaxe_bretanha

Dolmen de Crec’h Quillié (Bretaña)

 

De feito, no ano 2008, a motivación da viaxe que organizamos durante as vacacións de Semana Santa ao Alentejo e a outros lugares de Portugal foi tamén a cultura megalítica. Guiados pola profesora portuguesa Goretti Sousa, visitamos as antas, os  menhires e os crómlech máis importantes desa rexión do sur de Portugal, aínda que aproveitamos tamén para ver outros lugares de interese como  a citania de Briteiros, Idanha, Garda ou Porto.

200_viaxe_alentejo

Crómlech dos Almendres (Alentejo, Portugal)

Na ponte do primeiro de maio dese mesmo ano o Semescom planificou unha excursión a Atapuerca, na que vimos outros lugares do norte de Burgos e tamén algún dolmen da zona.

Nos anos 2009 e 2010 non se programaron viaxes, pero retomámolas no 2011 coa excursión a Cornualles, guiada por Manolo Vilar, que coñecía ben aquel territorio británico. Nesta o megalitismo tamén se tivo en conta, xa que unha das visitas máis salientables foi a de Stonehenge, o crómlech máis espectacular desta cultura. Nesta ruta había outro aliciente importante que era coñecer outras fisterras atlánticas, e Cornualles era unha delas. Esta era outra das teimas do Semescom.

200_viaxe_cornualles
Land’Send (Cornualles)

No ano 2012 volvemos a Bretaña, para coñecer a súa parte norte que non viramos na anterior, aínda que repetimos algúns dos lugares. Estivemos en Paimpol, Concal, Saint Maló, Dinán, pero tamén nos achegamos a ver o gran menhir Champ Dolent. Despois entramos en Normandía por Saint Michel e continuamos por Granville, Saint Lo, Bayeux e Caen.

No 2013 toucoulle a Irlanda, un pais atlántico que conserva unha gran cultura megalítica, pois aquí están os maiores túmulos coma o de Newgrage. Foi unha viaxe moi completa na que visitamos os lugares patrimoniais máis importantes da illa. Cidades como Lemerik, Cork, Galway ou a súa capital Dublín. Tamén percorremos parte de Irlanda do Norte, con visita á súa capital, Belfast, e a Calzada dos Xigantes.

200_viaxe_irlandanorte

Calzada dos Xigantes (Irlanda do Norte)

No 2014 completamos a ruta de Normandía e incluímos Bélxica e Luxemburgo e parte da Francia central. Nesta viaxe a historia Contemporánea recobrou máis protagonismo  que a prehistoria, polos acontecementos bélicos que se sucederon nesta parte de Francia, como a batalla de Verdún ou o desembarque de Normandía. Mais tamén consideramos que foi a viaxe de gozar do mellor gótico francés con visitas ás cidades de Ruán, Amiens, Reims ou Metz. Tamén vimos as cidades máis notables de Bélxica: Amberes, Bruxas ou Bruxelas.

A viaxe do 2015 levounos ao centro de Europa, ao estado de Baviera, situado no sur de Alemaña. Un estado cunha gran variedade de paisaxes, que van desde as elevadas terras dos Alpes ata as chairas do Rin ou Danubio, un territorio con espléndidos bosques autóctonos que alternan coas augas interiores dos lagos, que tivemos a oportunidade de disfrutar, pero tamén de gozar da historia das súas cidades: Ausburgo, Nuremberg, Bamberg, Ratisbona ou Munich. Tamén se nos presentou a ocasión de visitar Baden,  Heindelberg,  Friburgo, Estrasburgo ou achegarnos á abadía de Cluny.

200_viaxe_alemanha

Palacio de xustiza de Nuremberg (Alemaña)

No 2016 volvemos de novo á cultura megalítica de Estremadura e Portugal, aos dolmens da Lagunita, recordados sobre todo por aquel día de calor extremo, e do Alentejo, pero tamén á cultura clásica romana representada en Mérida, Alcántara ou Évora. Non desaproveitamos a posibilidade da cultura lingüística que nos ofrecía o val do Xálama coa súa fala, que comprobamos en San Martín de Trevejo. O interese pola historia tamén nos levou ás cidades de Cáceres, Plasencia, Garda, Viseu ou Lisboa.

No 2017 desprazámonos ao Mediterráneo, á Provenza. Nesta viaxe tamén estivo moi presente a historia e a cultura romana, coas visitas a Nimes ou Arlés,  pero tamén a cristiá, cando nos trasladamos á abadía cisterciense de Senanque ou á cidade de Aviñón.

200_viaxe_marsella

Marsella, embarcando cara ás Calanques

En 2018 volvemos ao Mediterráneo, aínda que boa parte da viaxe discorreu polas terras do interior do norte de Italia: Milán, Brescia, Verona, Padua, Módena ou Parma. Para despois desprazarnos ao Mare Nostrum e percorrer as rúas de Xénova e ou as vilas de Cinque Terra.

No 2019 retornamos á cultura atlántica, ao país de Gales. A historia medieval estivo moi presente na visita aos castelos como o de  Caerphilly ou Caerfarnon. Mais tamén na abadía de Tintern. Outros compoñentes importantes desta ruta foi a paisaxe galesa tanto de costa como de interior ou a visita ás cidades de Cardiff, capital do pais, ou Birmingham.

200_viaxe_gales

Castelo de Caernarfon (País de Gales)

O 2020 foi ese ano perdido, que sería mellor esquecer, non obstante quedará moi gravado na memoria individual e colectiva de todos nós polos feitos acontecidos. Tamén nos lembramos dese fatídico ano pola viaxe que non puidemos realizar ao norte de Alemaña, que xa estaba practicamente organizada e cun programa ben atractivo. Queda pendente para outro ano.

No 2021 retomamos as viaxes, pero cos restricións impostas pola covid-19 que condicionaron o programa da ruta a elixir. Con todo iso a viaxe escollida superou con moito as expectativas que tiñamos antes de realizala. Tivo como centro de interese o románico palentino, pero converteuse nunha ruta diversa e moi completa. Ademais do singular  románico que  vimos,  visitamos verdadeiras xoias do gótico como a catedral de Burgos ou León. Salientables mosteiros como o de San Millán de la Cogolla ou Santo Domingo de Silos. Fermosas vilas históricas: Escaray, Covarrubias, Lerma ou Oña. E as cidades de Logroño, Soria, Burgos, Palencia ou León. Resultou tamén de interese algo non programado como foi a ruta dos dinosaurios e o museo dedicado a estes grandes réptiles en Enciso,  tan ben explicado por Chou. De Volta fixemos unha parada en San Andrés del Rabanedo para honrar a figura do crego Juan Antonio Posse.

200_viaxe_castela

Igrexa de San Salvador de Catamuda (Palencia)

E chegamos a este 2022 no que volvemos ter como temática central o románico, desta vez o pirenaico de Aragón e Cataluña, pero a viaxe foi moito máis ampla e enriquecedora. Visitamos os mosteiros máis importantes de Cataluña: Poblet, Santes Creus, Vallbona ou Ripoll, vilas históricas de gran encanto como Montblanc, Besalú, Cadaqués,  Peralada, Castellfollit de la Roca ou La Seu D’urgell e as cidades de Valladolid,  Lleida, Vic ou Girona, pero tamén tivemos ocasión de achegarnos ao mundo clásico na visita ao xacemento de Empuries ou aos espazos naturais dos Pirineos ou da Garrotxa.

2007_viaxe_catalunha

Igrexa de Sant Climent de Taüll (Lleida)

Coa ruta deste ano cúmprese o décimo aniversario de viaxes programadas por Chus Barbeira, Xosé Mª Lema e Pablo Bustelo, que se iniciaron coa ruta a Bretaña e Normandía o ano 2012. Por iso nos pereceu un bo momento para botar unha ollada ao retrovisor desta actividade viaxeira  do Semescom.

Para algúns dez anos ao mellor non lle parecen moitos, pero se botamos a vista a atrás e vemos as fotos daquela viaxe que fixemos ás terras bretoas ou normandas, seguro que percibiremos mellor ese paso do tempo.

Tamén nos decataremos do discorrer dos anos se intentamos lembrar os centos de lugares visitados en todo ese período, que supuxeron a gran riqueza patrimonial que tivemos a oportunidade de coñecer ao longo dese tempo.

Dez anos compartindo moitos quilómetros en autobús, moitos hoteis, moitas conversas, moitas visitas e moita historia e cultura.

Somos conscientes do traballo que supoñe organizar cada unha destas viaxes, o tempo que hai que dedicarlle a elaborar o programa, a atopar aloxamento no mes de agosto para un grupo tan numeroso, buscar información e redactar a guía de viaxe que se lle entrega a cada un de nós e facer fronte aos imprevistos que xorden a diario.

Por iso este ano queremos ter un recoñecemento especial para estas tres persoas que son as que nos permiten que cada un de nós non teñamos máis preocupación que subir ao autobús e ver cada día o programa de visitas que imos realizar esa xornada.

viaxeCatalunya_xanfernadez

O retorno á casa

Por Xan Fernández Carrera, vicepresidente do SEMESCOM

Na viaxe do pasado ano comentouse que de non ser pola  COVID-19, un ano en branco, sería a número dez con Xosé María Lema, Chus Barbeira e Pablo Bustelo ao fronte da organización das mesmas.

Pois ben, este ano 2022 si que despedimos por fin unha década de viaxes levadas adiante por estas tres persoas, traballadoras onde as haxa, que lle deron un toque especial, máxico, xerando unha maneira diferente de viaxar.

Estas viaxes, ademais de cumprir cos obxectivos iniciais do SEMESCOM  da descuberta do Megalitismo Atlántico e as súas Fisterras, foron un paso máis alá. Coa participación cada vez maior, aproveitando as etapas longas no bus,  achegando informacións complementarias, naceron as AULAS RODANTES. Destaparon a Xeografía, a Xeoloxía e Bioloxía, os Fósiles, os Espazos Naturais, os Ríos, a Literatura, as Linguas Minoritarias, a Gastronomía e a Música dos lugares por onde pasamos, e xunto coa súa Historia, esta sempre da man do profesor e presidente do Seminario Xosé María Lema.

Segundo o país de destino estas aulas mudan de nome e foron PETISCOS en Portugal, PROVENZAIS no Sur de Francia ou CHIACCHERATAS en Italia. A creatividade e variedade nos temas tratados, así como a paixón nos relatos expostos alixeiran o camiño e contribúen a facer únicas as viaxes deste grupo.

Agradedecemento para as persoas que escriben, as que falan e sobre todo para os que escoitan.

> CONTINUAR LENDO O ARTIGO

viaxeCatalunya_Alavandeira03

Unha viaxe de máis de 3.200 quilómetros á Idade Media

Fotos e artigo de A. Lavandeira en La Voz de Galicia

Seminario de Estudos Comarcais (Semescom) rematou o sábado unha viaxe de máis de 3.200 quilómetros á Idade Media, concretada en 17 grandes conxuntos románicos de Cataluña, Aragón e Navarra, algúns deles sitios declarados patrimonio da humanidade. Foi un intenso e profundo percorrido por mosteiros, igrexas, catedrais, castelos e conxuntos históricos profusamente explicados por varios disertadores e guías que converteron as aulas rodantes da entidade nunha especie de intenso minimáster. Completarase o 15 de outubro coa visita a varios templos románicos da Costa da Morte, en concreto polos que dan á ría de Camariñas e Muxía.

Claustros, ábsidas, arcos, criptas, torres, campanarios, capiteis, crismóns, murallas… Cada elemento arquitectónico ou decorativo recibiu a súa análise correspondente. E así en cada parada. Ademais das sistemáticas introducións históricas de Xosé María Lema Suárez, presidente do Semescom, Pablo Sanmartín, secretario da Rula, debullaba cada elemento construtivo, así como a historia dos mosteiros —moitos deles da orde de cistercense— de gran implantación na comunidade catalá. Santa María de Poblet, Santa María des Santes Creus, La Seu Vella, Vallbona de les Monges, San Pere el Gros, Santa María de Ripoll, Girona, Sant Pere de Besalú, catedral de La Seu d’ Urgell, San Joan de Boí, Santa María e San Climent de Taüll, o castelo de Loarre e Leyre.

viaxeCatalunya_Alavandeira04

Pero non só de románico gozaron os viaxantes do Semescom. O seu periplo tivo unha estación de parada no parque natural de la Garrotxa, con camiñada de acceso ao volcán de Santa Margarida. No seu cráter tamén hai unha capela. Xela Cid, que se mantivo moi activa e foi unha das grandes animadoras da aula rodante, Manuel Chouza e o profesor carballés Antón Losada explicaron profusamente os fenómenos causantes das trinta erupcións durante a historia xeolóxica catalá. En Castellfollit de la Roca, o grupo do Semescom puido admirar as casas colgadas.

Pablo Bustelo, ao fronte do seu vehículo de Autocares de Santiago —que como dixo o poeta Miro Villar vai levando a silueta da catedral de Compostela por Europa adiante—, avanzaba, ás veces, entre montañas vestidas de verde vizoso con curutos alopécicos, e outras, por vales milleirais xa logrados, froiteiras e campos de xirasois. E houbo visita a Cadaqués e ao territorio artístico de Dalí. Ata alguén puido mollarse no Mediterráneo e apreciar a inmensidade da Fisterra oriental á beira do Cabo de Creus.

Non estivo a viaxe exenta de anécdotas e momentos lúdicos. Mesmo no bus hai espazos para o humor. E dá moita tranquilidade viaxar cun médico a bordo. Xan Fernández Garrido atende as incidencias dos pasaxeiros e mesmo de quen se encontre polo camiño. De feito, na torre da igrexa de Sant Joan de Boí atendeu a unha moza que non coñecía de nada que se mancara ao caer polas escaleiras da torre medieval e sufrira unha forte ferida e máis mareos.

viaxeCatalunya_Alavandeira05

En Ampurias correspondeu inmersión no mundo romano e grego, coa conseguinte explicación do latinista Pepe Carballude, quen tamén amosou a vertente lúdica do medievo, con creacións literarias invitando a vivir e a beber. «Cando estamos na taberna non pensamos na terra (morte)», reza unha das estrofas de Carmina Burana.

Camiño dos Pireneos, Rosa García Vilariño tratou na súa quenda sobre as relacións da Xeración Nós con Cataluña e os poetas galegos traducidos á «llengua». Penas Patiño, pola súa banda, disertou apaixonadamente sobre a fauna pirenaica. Tamén contou que agora viñan grandes momentos para observación da migración de aves dende Touriñán. O bus seguía agora por estradas en forma de serpe, entre vagoadas profundas, con vistas a altas montañas adornadas con freixos, faias, pinos silvestres… En fin, unha pantalla verde de inmensas tonalidades. A cada curva, os Pireneos ofrecían unha estampa diferente e o sol reflectido nas súas calvas daba un brillo intenso. Foi neste senso unha viaxe de grandes contrastes, onde se pasou de pobos colgados nas montañas con castelos vencidos polo tempo e montes espidos a vales formados por glaciares. As pistas de esquí están agora ermas.

viaxeCatalunya_Alavandeira03

Traducidos ao catalán

A última charla impartiuna Miro Villar, que lembrou aos poetas da Costa da Morte traducidos ao catalán, Antón Zapata e Gonzalo López Abente, e a influencia de Eduardo Pondal en Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.

Na última xornada houbo un recoñecemento á equipa formada por Xosé María Lema, Chus Barbeira e Pablo Bustelo polos dez anos seguidos (a excepción do 2020 pola pandemia) que levan organizando esta xeira de viaxes formativas, que tiveron o seu comezo no 2004 co congreso sobre o megalitismo. Antes houbo outros percorridos formativos do Semescom, pero desde o 2012 están as mesmas persoas ao fronte desta aventura chea de saberes.

viaxeCatalunya_Alavandeira01

Da Fisterra atlántica á Fisterra mediterránea

Por A. Lavandeira en La Voz de Galicia

Dende a Fisterra atlántica á Fisterra mediterránea é a nova viaxe da aula rodante do Seminario de Estudos Comarcais (Semescom), na que participan medio cento de persoas, a meirande parte delas profesionais do ensino. Uns percorridos que recuperaron a normalidade tralas limitacións da pandemia do covid. «A busca do románico catalán» titula o Semescom a súa aventura.

O percorrido comezou o xoves 17, no autobús de Lázara, guiado coma sempre por Pablo Bustelo, de gran experiencia en viaxes de tipo cultural. A primeira parada deste periplo tivo lugar en Urueña (Valladolid), conxunto histórico artístico dende 1975 e que goza do título de Vila do Libro. Esta pequena cidade rodeada de murallas do século XIII, cun castelo do XI e cun centro dedicado Miguel Delibes foi a elexida para xantar. Valladolid converteuse no lugar da pernocta inaugural con percorrido e visitas, entre outros lugares, ao Museo Arqueolóxico.

viaxeCatalunya_Alavandeira02

Virían logo na mañá do venres as primeiras aulas rodantes, a cargo do presidente do Semescom, Xosé María Lema, autor da guía histórica da viaxe; Xela Cid, que disertou sobre ríos, ecosistemas e flora do Ebro e outros cauces incluídos na guía, que elaborou Chus Barbeira, tamén responsable da organización do percorrido. Mentres o autobús avanzaba no medio dun mar de viñas de Vega Sicilia (e outras bodegas de Ribera del Duero), o latinista Pepe Carballude abordou a vida e obra de autores nacidos no territorio do itinerario e que foron grandes persoeiros da vida cultural e literaria de Roma, Quintiliano a Marcial, natural da cidade agora aragonesa Bílbilis. A pesares de que os temas poidan semellar áridos, a verdade é que son amenos.

Pablo Sanmartín, secretario de A Rula, tratou sobre o románico e dos moitos mosteiros cistercenses, obxecto case principal da viaxe. Pola súa banda, Xan Fernández Carrera, presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns, aproveitou a proximidade de Calatayud para abordar a relación desta cidade con Muxía e o consumo de congro procedente dos secadoiros da vila da Barca. Esta actividade artesanal con máis de 500 anos de historia vai desaparecer por culpa das normativas sanitarias e a conseguinte aplicación dunha multa por parte de Sanidade ao último produtor.

Antón Losada, profesor carballés, disertou sobre os aspectos xeográficos da área de incursión, e nos vindeiros días haberá máis participantes neste intercambio de saberes.

En San Esteban de Gormaz, terra de aventuras do Cid, o Douro baixa recollido e silencioso por debaixo dunha ponte romana. O venres, nunha viaxe entre pobos torrados con pouso histórico e restos de castelos e igrexas cargadas de séculos e ríos con augas entre grises e verdes, tivo lugar a primeira visita a un convento, o Monasterio de Piedra, na provincia de Zaragoza. Un vello cenobio reconvertido en parte en establecemento hostaleiro e rodeado dunha natureza moi vizosa, con moitas fervenzas, pasadizos con escaleiras e pequenos túneles que mesmo semella máis froito da fantasía ca da realidade.

viaxeCatalunya_Alavandeira01

En Lleida, lugar da segunda pernocta, os viaxeiros buscaron, como xa tiña explicado Lema Suárez, unha das tres representacións medievais da Traslatio de Santiago, semellante á do pórtico sur da igrexa de Cereixo, e que está nun capitel do claustro da Seu Vella. O sábado houbo visitas aos mosteiros de Poblet, Patrimonio Mundial da Humanidade, e Santa María de Santes Creus. Un verdadeiro mergullo, moi detido e profundo, no nacemento no século XII destes conventos cistercenses e a súa importancia histórica, relixiosa, social, cultural, económica e política. Ámbolos dous acollen tumbas dos reis de Aragón e Cataluña. Os monarcas favoreceron estas institucións, que acadaron grandes dimensións en moitos aspectos, tamén no interese arquitectónico. No medio houbo unha parada para xantar na vila medieval de Montblanc, onde hai unha inscrición en latín que vén a dicir que os monumentos de Montblanc ensinan a grandeza deste lugar. Quedan, ata o día 27, outros moitos mosteiros por ver e examinar e tamén por ir a Cabo de Creus, a Fisterra mediterránea.

Visita 5º EI Expo Megalitismo Fogar Santa Margarida

A exposición do Megalitismo da Costa da Morte continúa a xirar polas aulas

A nosa exposición do megalitismo da Costa da Morte segue a viaxar polos centros de ensino. Este curso estivo no IES de Ponteceso, no de Vimianzo, no de Baio, no CPI de Cabana e en marzo traspasou por primeira vez as fronteiras da rexión, levándoa á cidade da Coruña, no CEIP Fogar Santa Margarida. En abril terémola de novo pola Costa da Morte, no CPI de Laxe.

A mostra itinerante “As Antas da Costa da Morte” consiste en 20 paneis a través dos que se realiza un percorrido polos monumentos fúnebres do megalitismo nas nosas comarcas. Trátase dun dun completo traballo de divulgación que ten a súa orixe no libro Polas antas e mámoas da Costa da Morte de Xosé María Lema Suárez. Iníciase cun mapa no que se ilustra toda a riqueza arqueolóxica da parte central e oriental da Terra de Soneira, marcando como camiño principal a chamada Vía Arqueolóxica. No resto aparecen excelentes fotografías con información sobre estas construcións de carácter funerario: Pedra Vixía, Pedra da Moura, Pedra da Arca, Pedra Cuberta, Arca da Piosa, a Mina de Recesindes, a Mina de Parxubeira, a Pedra da Lebre ou Dombate son algúns exemplos dos 14 monumentos dos que se propón a súa visita.

IES Maximino Romero de Lema de Baio

IES Maximino Romero de Lema de Baio

O alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio puido completar a exposición cunha unidade didáctica elaborada dende o Departamento de Historia; ademais, posteriormente, na primavera, algúns dos cursos achegárase in situ para apreciar esta parte da súa herdanza cultural. Desde o Centro aplauden “iniciativas deste tipo que permiten coñecer o noso patrimonio: só así poderemos defendelo das agresións constantes e difundir a súa historia para non perder a esencia como pobo”.

Por primeira vez, fóra da Costa da Morte

O CEIP Santa Margarida da Coruña acolle na biblioteca Agustín Fernández Paz a mostra, sendo a primeira vez fóra do noso territorio. A mostra estará aberta durante todo o mes de marzo e a ela acudirá alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Formación Profesional Básica, Ciclo Medio e Bacharelato. Profesorado dos departamentos de Lingua e Historia elaboraron distintas propostas didácticas adecuadas a cada nivel educativo. Xeráronse autodefinidos, sopas de letras, encrucillados e un cuestionario-guía para pescudar na información e imaxes dos paneis. A Literatura da Costa da Morte tamén está presente nesta mostra dado que nela se reproducen varios poemas de Eduardo Pondal como o coñecido “O dolmen de Dombate”.

Vídeo de Xosé Manuel Varela Varela sobre a mostra no CEIP Santa Margarida da Coruña

 

MATERIAL DIDÁCTICO:

Autodefinido (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)

Cuestionario con solucionario (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)

0 Encrucillado Megalitismo Primaria (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)

Cuestionario Expo Megalitismo folleto sen número de panel  Sara Varela Rouco (departamento de Historia)

 

Desde o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte o noso máis caloroso agradecemento e parabéns á comunidade educativa que permite seguir a divulgar a riqueza arqueolóxica da nosa terra.

 

Visita 5º EI Expo Megalitismo Fogar Santa Margarida

Visita 5º EI Expo Megalitismo Fogar Santa Margarida