A nosa exposición do megalitismo da Costa da Morte segue a viaxar polos centros de ensino. Este curso estivo no IES de Ponteceso, no de Vimianzo, no de Baio, no CPI de Cabana e en marzo traspasou por primeira vez as fronteiras da rexión, levándoa á cidade da Coruña, no CEIP Fogar Santa Margarida. En abril terémola de novo pola Costa da Morte, no CPI de Laxe.
A mostra itinerante “As Antas da Costa da Morte” consiste en 20 paneis a través dos que se realiza un percorrido polos monumentos fúnebres do megalitismo nas nosas comarcas. Trátase dun dun completo traballo de divulgación que ten a súa orixe no libro Polas antas e mámoas da Costa da Morte de Xosé María Lema Suárez. Iníciase cun mapa no que se ilustra toda a riqueza arqueolóxica da parte central e oriental da Terra de Soneira, marcando como camiño principal a chamada Vía Arqueolóxica. No resto aparecen excelentes fotografías con información sobre estas construcións de carácter funerario: Pedra Vixía, Pedra da Moura, Pedra da Arca, Pedra Cuberta, Arca da Piosa, a Mina de Recesindes, a Mina de Parxubeira, a Pedra da Lebre ou Dombate son algúns exemplos dos 14 monumentos dos que se propón a súa visita.
O alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio puido completar a exposición cunha unidade didáctica elaborada dende o Departamento de Historia; ademais, posteriormente, na primavera, algúns dos cursos achegárase in situ para apreciar esta parte da súa herdanza cultural. Desde o Centro aplauden “iniciativas deste tipo que permiten coñecer o noso patrimonio: só así poderemos defendelo das agresións constantes e difundir a súa historia para non perder a esencia como pobo”.
Por primeira vez, fóra da Costa da Morte
O CEIP Santa Margarida da Coruña acolle na biblioteca Agustín Fernández Paz a mostra, sendo a primeira vez fóra do noso territorio. A mostra estará aberta durante todo o mes de marzo e a ela acudirá alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Formación Profesional Básica, Ciclo Medio e Bacharelato. Profesorado dos departamentos de Lingua e Historia elaboraron distintas propostas didácticas adecuadas a cada nivel educativo. Xeráronse autodefinidos, sopas de letras, encrucillados e un cuestionario-guía para pescudar na información e imaxes dos paneis. A Literatura da Costa da Morte tamén está presente nesta mostra dado que nela se reproducen varios poemas de Eduardo Pondal como o coñecido “O dolmen de Dombate”.
Vídeo de Xosé Manuel Varela Varela sobre a mostra no CEIP Santa Margarida da Coruña
MATERIAL DIDÁCTICO:
Autodefinido (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)
Cuestionario con solucionario (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)
0 Encrucillado Megalitismo Primaria (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)
Cuestionario Expo Megalitismo folleto sen número de panel Sara Varela Rouco (departamento de Historia)
Desde o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte o noso máis caloroso agradecemento e parabéns á comunidade educativa que permite seguir a divulgar a riqueza arqueolóxica da nosa terra.
Os monumentos megalíticos son ben aproveitados noutros lugares para promover o turismo cultural, coma na Bretaña francesa (a principal fonte de ingresos), pero en Galicia seguimos deixando pasar o sol pola porta e o noso goberno segue incumprindo as súas propias promesas (a promoción do Megalitismo da Costa da Morte, anunciado no 2001). Non esquezamos que o famoso dolmen de Dombate, a chamada catedral das antas galegas, estivo, tras as escavacións de 1989, invisible e ó ventimperio uns 16 anos cuberto por unha burda lona de plástico (a chamada “burka de Dombate”). Felizmente agora hai un centro de interpretación presentable, á altura de calquera europeo, pero tiveron que pasar eses longos tres quinquenios (os do goberno de Fraga, casualmente) para que Xunta e Deputación da Coruña se puxesen de acordo, e iso que eran do mesmo signo político.
Hai un ano escribín en diversos medios sobre o abandono por parte da Secretaría de Patrimonio da Xunta de Galicia das 14 antas da Costa da Morte que ela mesma declarada BIC, con moita pompa, cubertas por toxos e silvas, e, polo tanto, invisitables. Desde este organismo non moveron un dedo para mellorar a situación. Tiveron que ser os concellos os que se puxesen man á obra ante tanta desidia: Malpica acondicionou a Pedra da Arca de Cerqueda, Cabana seguiu mantendo as visitas guiadas e organizando actos diversos en Dombate, Zas mandou limpar a Arca da Piosa (a grandiosa “tumba do valente Brandomil” da épica pondaliana) e Vimianzo, que sinalizou a longa ruta do seu territorio, colocou carteis informativos en galego, castelán e inglés en todas as antas, limpounas de maleza e acondicionou os accesos. ¡Todo un exemplo para a Xunta de Galicia!
O domingo día 4 de setembro puxémoslle o ramo ó II Simposio de Megalitismo de Costa da Morte no seu contexto atlántico cunha visita guiada de dous autobuses por catro das principais antas ou dólmens (nós preferimos as denominacións populares galegas de antas, arcas, arquiñas…; ‘mámoa’ xa a demos introducido internacionalmente): Pedra da Arca de Baíñas/Regoelle, Arca da Piosa, Pedra Cuberta e Dombate (popularmente A Fornella de Vilaseco). Asistiron preto de 90 persoas.
O día 2 (re)inauguramos unha Exposición Itinerante que o Seminario de Estudos da Costa da Morte preparada a finais de 2011 e que percorreu moitos centro de ensino (1ª foto). É de loar o labor do Concello de Vimianzo, que acometeu funcións que serían máis ben propias da Secretaría Xeral do Patrimonio, se existise (pero, como comentou algún asistente, “non está nin se lle espera”), coma tal acondicionar os 2 km que separan a estrada asfaltada dos 500 m do tramo final da “tumba do guerreiro Brandomil” (Pondal dixit: a Arca da Piosa) (unha heroicidade a dos dous autobuses que sen medo se aventuraron por esta pista de monte que con urxencia acondicionou minimamente o Concello vimiancés.
O poeta Miro Villar, socio do Semescom, puxo poesía á ruta recitando poemas de autores coma Pondal e Antón Zapata na Pedra da Arca, na “Arca antiga da Piosa” (en honra do valente Brandomil, naturalmente), en Pedra Cuberta e en Dombate. Rodeando as dúas ciclópeas tampas (6 t cada unha) da Arca da Piosa fotografouse o grupo.
Foi o guía (titulado, por certo) o mozo vimiancés Manuel Rial (en Dombate, Ángel Eiroa), pero houbo atinadas colaboracións espontáneas doutros asistentes, coma Evaristo Rial, Pablo Sanmartín, Estevo Lema, Xan Fernández ou Moncho Gándara, que achegaron datos e anécdotas pouco coñecidas.
“Os de abaixo”, o pobo, xa falou: coñece e valora esas “grandes pedras” de 5.000 anos atrás. Malia faceren oídos xordos, cómpre seguir petando nas aínda máis ciclópeas pedras das herméticas murallas de Patrimonio da Xunta de Galicia, que só debe entender por cultura o comecartos da Cidade da Cultura ou as catedrais galegas; o resto non existe: no máis completo abandono (sobre todo o da zona rural). Parafraseando o Cantar do Mío Cid: “Dios, que buen(os) vasallo(s) si hobiese buen(os) señor(es)!”
Texto de Xosé María Lema Suárez
Desenvolverase os vindeiros 2, 3 e 4 de setembro na Casa da Cultura de Vimianzo.
Na presentación participaron o alcalde do Concello de Vimianzo, Manuel Antelo, o catedrático da USC Antón Rodríguez Casal, coordinador científico do Simposio, Xosé María Lema, presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e Marta Rei, concelleira de Cultura, Deportes e Mocidade do Concello de Vimianzo.
Dez anos depois do desenvolvemento da primeira edición do Simposio é preciso voltar a repensar o coñecemento e a divulgación do patrimonio magalítico e da súa posta en valor como elemento favorecedor do contexto socioeconómico.
Vimianzo é o lugar ideal para desenvolver esta segunda edición, pois é un concello que concentra máis de 200 xacementos megalíticos, algúns de enorme importancia como a Pedra da Arca, a Casota de Freáns ou Pedra Cuberta.
Nesta edición do Simposio analizaranse os monumentos, as intervencións que se levaron a cabo nos mesmos, e as novas tecnoloxías que nos poden achegar novas visións e interpretacións.
(www.vimianzo.gal)
Casa da Cultura de Vimianzo
2,3 e 4 de setembro
Venres 2 de setembro
16.00 h Entrega de documentación
16.30 h Inauguración oficial do Simposio e da exposición
17.00 h Conferencia inaugural: Ramón Fábregas Valcarce (Universidade de Santiago de Compostela). O megalitismo galego, hoxe
18.00 h Xosé Mª Lema Suárez (Presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte): Camiñando entre dolmens. Roteiro das antas no seu contexto natural, históricoartístico e cultural da Costa da Morte.
19.00 h Manuel Lestón Gómez (Servicios de arqueoloxía Arkaios S.L.): O dolmen de Dombate como paradigma: das últimas intervencións arqueolóxicas á musealización.
20.00 h Mar Llinares García (Universidade de Santiago de Compostela): A mitoloxía popular e os monumentos megalíticos
Sábado 3 de setembro
10.00 h Miguel Carrero Pazos, Alia Vázquez Martínez e Benito Vilas Estévez (Universidade de Santiago de Compostela): Novas propostas para o estudo do Megalitismo: Arqueoloxía espacial, fotogrametría, modelado 3D e arqueoastronomía.
12.00 h Fernando Carrera Ramírez (Universidade de Vigo): As pinturas nos monumentos megalíticos da Costa da Morte: riqueza ou pobreza?
13.00 h Antón A. Rodríguez Casal (Universidade de Santiago de Compostela): Estelas, ídolos e menhires: a escultura megalítica como imaxe apotropaica.
16.00 h Goreti Sousa (Escola Superior Gallaecia, Vila Nova de Cerveira): O megalitismo da rexión galaico-portuguesa do Miño.
17.00 h Mesa redonda: O Patrimonio megalítico da Costa da Morte a debate. Da arqueoloxía á promoción turística Manuel Antelo (Alcalde), Xosé Mª Lema (Seminario de Estudos Comarcais), César Abella (Trivium ECT Turismo e xestión cultural), Representante da Deputación da Coruña, Representante da Xunta de Galicia Moderador: Xan Fernández Carrera (Seminario de Estudos Comarcais)
18.00 h: Conclusións e peche
Domingo 4 de setembro
Visita arqueolóxica polas principais antas con recital poético
Organiza: Concello de Vimianzo, Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Universidade de Santiago de Compostela Colabora: Centro de Formación e Recursos da Coruña Coordinador científico: Antón Abel Rodríguez Casal