• info@semescom.gal

Category Archive: Patrimonio da Costa da Morte

29Castelos e Torres__N29_Vimianzo_Página_01

Castelo de Vimianzo. Castelos e Torres Galegas para descubrir un reino.

“Baixo a autoría e asesoramento de ducias de especialistas, Nós Diario publicou 30 castelos e torres galegas para descubrir un reino, un coleccionábel extraordinario, editado para celebrar os 1.000 números do diario, que valoriza o patrimonio, a historia e a contorna territorial dunhas construcións que retratan unha parte importante da identidade da Galiza.”

O presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema Suárez, colaborou en dous dos elementos seleccionados, o castelo de Vimianzo e as Torres do Allo. En semescom.gal ofrecémosche o artigo completo para que poidas consultalo:
LER PDF.

30Castelos e Torres__N2_Torres do Allo (pendente de revisión) (1)_Página_01

Torres do Allo. Castelos e Torres Galegas para descubrir un reino.

“Baixo a autoría e asesoramento de ducias de especialistas, Nós Diario publicou 30 castelos e torres galegas para descubrir un reino, un coleccionábel extraordinario, editado para celebrar os 1.000 números do diario, que valoriza o patrimonio, a historia e a contorna territorial dunhas construcións que retratan unha parte importante da identidade da Galiza.”

O presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema Suárez, colaborou en dous dos elementos seleccionados, o castelo de Vimianzo e as Torres do Allo. En semescom.gal ofrecémosche o artigo completo para que poidas consultalo:

LER PDF

 

semescom penedos de pasarela

Proxectan a nivel internacional os Penedos de Pasarela e Traba

Artigo en El Correo Gallego (15/11/2022)

Os Penedos de Pasarela e Traba, que se estenden polos concellos de Vimianzo e Laxe, foron declarados como Paisaxe Protexida pola Xunta de Galicia en 2009 e, á espera de que se desenvolva o esperado plan de xestión da contorna, a sú magnificencia foi dada a coñecer no último Congreso Internacional de Xeomorfoloxía celebrado en Coímbra (Portugal), no que o catedrático de Xeografía Física da USC, Augusto Pérez Alberti, presentou os resultado dun amplo estudo de campo elaborado este ano.

Un traballo que complementa o estudo que el mismo elaborara para xustificar a declaración do espazo como Paisaxe Protexida e, a través do cal, puido identificar 92 xeoformas singulares polo seu deseño, aínda que, engade, “a bo seguro que a cantidade é maior”. O seu obxectivo é que este “museo de xeoformas que acadan a categoría de arte natural” poida ser coñecido en todo o mundo, pois como ben comprobou no congreso luso, no que se deron cita os maiores especialistas en xeomorfoloxía, “moi poucos coñecían os Penedos de Traba e Pasarela”. Un descoñecemento que, afirma, é extensible ao ámbito nacional e, mesmo, a nivel máis local, a pesares do bo traballo realizado por entidades como o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom).

Ler o artigo completo (PDF).

penedos_Alberti

“A paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba” por Augusto Pérez Alberti

O catedrático da USC, Augusto Pérez Alberti, autor en 2008 do Informe que posibilitou a declaración dos Penedos de Pasarela e Traba como Paisaxe Protexida pola Xunta de Galicia (DOG 12-01-2009), fainos chegar o seu traballo “A paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba (Costa da Morte, Galicia)” que nestes días acaba de publicar en ‘Nemus. Revista de l’Ateneu de Natura’, revista radicada en Castellò de la Plana que permite publicar en calquera das linguas hispánicas, entre elas o galego.

Trátase dun traballo moi completo e moi elaborado, que presenta novas importantes respecto á análise de campo.

Augusto Pérez Alberti tamén participou co equipo do Consello da Cultura Galega na redacción das alegacións contra a instalacións de muíños eólicos na área dos Penedos.

> Ler o artigo completo

penedos_Alberti02
Resumo:

O macizo granítico de Pasarela e Traba atópase na Costa da Morte (Galicia, NO de España) e presenta unha disposición Norte-Sur. Na zona predomina a granodiorita biotitítica de idade hercínica tardía, cuxo mineral principal é o feldespato rico en potasio. Tratase dun material granítico de grande uniformidade e grao groso, que o distingue dos granitos de dúas micas que aparecen máis cara o leste. O lugar oficialmente chamado Penedos de Pasarela e Traba foi declarado o 12 de xaneiro de 2009 como paisaxe protexida pola Xunta de Galicia.
Para a presente investigación creouse un modelo dixital de elevacións (MDE) de 2 metros de resolución. A partir deste e con ortofotografías cunha resolución espacial de 15 cm construíronse mapas de pendentes e debuxáronse 7.038 polígonos con límites moi variados e 1.785 liñas de fractura. Obtívose a superficie das primeiras e coas segundas elaborouse un mapa de densidade de fracturación. Todo iso, xunto co traballo de campo, permitiu identificar e xeolocalizar 92 xeoformas singulares con deseños xeométricos, antropomórficos ou zoomórficos que fan dos Penedos un lugar de importancia internacional.

Palabras chave: Galicia, Península Ibérica, xeomorfoloxía granítica, Penedos de Pasarela.

albertilavoz

Identificadas 92 geoformas en los Penedos de Pasarela

Ler o artigo completo en La Voz de Galicia. 24/09/2022

El catedrático de Geografía de la Universidad de Santiago y especialista en geoformas, Augusto Pérez Alberti, dio especial protagonismo a los Penedos de Pasarela e Traba, entre los municipios de Vimianzo y Laxe, en el Congreso Internacional de Xeomorfoloxía de Coimbra, en Portugal. Pérez Alberti indica que los trabajos de campo le han permitido «identificar e xeolocalizar 92 xeoformas singulares con deseños xeométricos, antropomórficos ou zoomórficos que fan dos Penedos un lugar de importancia internacional».

cruceiroCheis

Unha protección especial para o Cruceiro dos Santos, en Bamiro

Por Xosé María Lema Suárez

Hai uns días anunciábase que o Concello de Vimianzo comezaba «os traballos de recuperación do Cruceiro de Cheis, que retirará para a súa restauración e datación». Lemos na web do Concello que se vai realizar un estudo arqueolóxico integral, de restauración e histórico-artístico, pois non están moi claras as datas de construción. Engádese que «existe documentación que fala do século XIV, pero tamén do XV e máis do XVI».

Xa temos dito e repetido en múltiples publicacións —desde A arte relixiosa na Terra de Soneira (1993) a Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte (Semescom 2012), pasando por diversos congresos de cruceiros (Poio 2009, por exemplo)—, que o Cruceiro dos Santos ou de Cheis é unha obra única en Galicia, pois ademais de formar parte do reducido grupo dos máis antigos, tamén forma parte do selecto grupo dos de máis valor artístico.

É de estilo gótico, e no seu día encadrei a súa feitura nun período comprendido entre 1350 e 1500, pero carecía dunha proba documental que o certificase. Se de certo apareceu agora esa proba, ben que me alegro. Conta cun total de nove figuras esculpidas polos catro lados da súa cruz arbórea. Ademais do preceptivo Cristo crucificado nun dos lados, presenta no oposto un tema iconográfico inédito: unha Trindade, que en poucos cruceiros se repite.

Nin que dicir ten que saudamos a iniciativa do Concello vimiancés de poñer en valor esta obra senlleira, de polo menos 500 anos de antigüidade, que chegou intacta ós nosos días nunha solitaria encrucillada de camiños. Un verdadeiro milagre que resistise cinco séculos as inclemencias do tempo e, o que é peor, as accións humanas.

Dúas arqueólogas, unha restauradora e un canteiro encárganse da súa restauración e despois da colocación no mesmo lugar en que se atopaba. Valoramos positivamente esta intervención, pero o que nos preocupa é saber se nela se contempla un plan de protección integral de todo o monumento. Oxalá o haxa, confiemos, pois se non é así o perigo de roubo ou de destrución seguirá latente e estaremos nas mesmas, co problema principal sen resolver. Estes perigos, por desgraza, estanse incrementando día a día; vémolo na prensa.

As terras vimiancesas son particularmente ricas en cruceiros, boa parte deles bastante antigos (dos séculos XVII, XVIII e XIX). No libro que publicamos en 2012 con José Mª Laredo hai unha relación dos máis sobranceiros para unha ruta circular. A asociación galega Amigos dos Cruceiros mesmo pensara nalgunha ocasión en facer un dos seus congresos anuais no concello de Vimianzo.

Visita 5º EI Expo Megalitismo Fogar Santa Margarida

A exposición do Megalitismo da Costa da Morte continúa a xirar polas aulas

A nosa exposición do megalitismo da Costa da Morte segue a viaxar polos centros de ensino. Este curso estivo no IES de Ponteceso, no de Vimianzo, no de Baio, no CPI de Cabana e en marzo traspasou por primeira vez as fronteiras da rexión, levándoa á cidade da Coruña, no CEIP Fogar Santa Margarida. En abril terémola de novo pola Costa da Morte, no CPI de Laxe.

A mostra itinerante “As Antas da Costa da Morte” consiste en 20 paneis a través dos que se realiza un percorrido polos monumentos fúnebres do megalitismo nas nosas comarcas. Trátase dun dun completo traballo de divulgación que ten a súa orixe no libro Polas antas e mámoas da Costa da Morte de Xosé María Lema Suárez. Iníciase cun mapa no que se ilustra toda a riqueza arqueolóxica da parte central e oriental da Terra de Soneira, marcando como camiño principal a chamada Vía Arqueolóxica. No resto aparecen excelentes fotografías con información sobre estas construcións de carácter funerario: Pedra Vixía, Pedra da Moura, Pedra da Arca, Pedra Cuberta, Arca da Piosa, a Mina de Recesindes, a Mina de Parxubeira, a Pedra da Lebre ou Dombate son algúns exemplos dos 14 monumentos dos que se propón a súa visita.

IES Maximino Romero de Lema de Baio

IES Maximino Romero de Lema de Baio

O alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio puido completar a exposición cunha unidade didáctica elaborada dende o Departamento de Historia; ademais, posteriormente, na primavera, algúns dos cursos achegárase in situ para apreciar esta parte da súa herdanza cultural. Desde o Centro aplauden “iniciativas deste tipo que permiten coñecer o noso patrimonio: só así poderemos defendelo das agresións constantes e difundir a súa historia para non perder a esencia como pobo”.

Por primeira vez, fóra da Costa da Morte

O CEIP Santa Margarida da Coruña acolle na biblioteca Agustín Fernández Paz a mostra, sendo a primeira vez fóra do noso territorio. A mostra estará aberta durante todo o mes de marzo e a ela acudirá alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Formación Profesional Básica, Ciclo Medio e Bacharelato. Profesorado dos departamentos de Lingua e Historia elaboraron distintas propostas didácticas adecuadas a cada nivel educativo. Xeráronse autodefinidos, sopas de letras, encrucillados e un cuestionario-guía para pescudar na información e imaxes dos paneis. A Literatura da Costa da Morte tamén está presente nesta mostra dado que nela se reproducen varios poemas de Eduardo Pondal como o coñecido “O dolmen de Dombate”.

Vídeo de Xosé Manuel Varela Varela sobre a mostra no CEIP Santa Margarida da Coruña

 

MATERIAL DIDÁCTICO:

Autodefinido (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)

Cuestionario con solucionario (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)

0 Encrucillado Megalitismo Primaria (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)

Cuestionario Expo Megalitismo folleto sen número de panel  Sara Varela Rouco (departamento de Historia)

 

Desde o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte o noso máis caloroso agradecemento e parabéns á comunidade educativa que permite seguir a divulgar a riqueza arqueolóxica da nosa terra.

 

Visita 5º EI Expo Megalitismo Fogar Santa Margarida

Visita 5º EI Expo Megalitismo Fogar Santa Margarida

sanXian

San Xián de Moraime e a posta en valor da arte relixiosa rural

Artigo de Xosé María Lema, presidente do SEMESCOM.

San Xián é en Galicia un santo moi venerado desde tempos moi antigos: ocupa o noveno lugar nos padroados parroquiais, con 127 freguesías, coas seguintes formas patrimoniais: San Xiao (41), San Xián (28), San Xillao (11) e o semicultismo San Xulián (47). Pero hai tres santos con este nome: o máis coñecido é o hospitaleiro, ou o parricida, pois, segundo a lenda, matou os seus pais e, despois, arrepentido, consagrou a súa vida a axudar os camiñantes e peregrinos; en parte vén sendo a versión cristiá do mito do Edipo grego. Outro foi san Xián de Antioquía, esposo de santa Basilisa. Un terceiro foi san Xián de Brivate (Francia), martirizado xunto con san Ferreol (hai quen di que este é o san Xián patrón de Ferrol, e que a orixe do nome desta cidade está no do seu compañeiro Ferreol).

Desde a Idade Media considerouse san Xián un santo vinculado ós camiños e ós camiñantes; este sería o hospitaleiro, e o de Moraime identificámolo con el. Por algo o seu mosteiro, protexido e potenciado no século XII pola poderosa familia nobre galega dos Traba e polo rei Afonso VII de Galicia, León e Castela, está estratexicamente situado no ancestral camiño de Muxía a Compostela por Brandomil.

Prestixio

Hai días saltou a noticia da venda pola internet dun pseudo «san Xián de Moraime», a todas luces de procedencia americana, da época colonial española. O que chamou a atención é que os vendedores recorresen ó prestixio de Moraime para incrementar o seu prezo, cousa que lograron, pois seica percibiron unha respectable cantidade pola venda.

A imaxe do auténtico san Xián de Moraime é superior en calidade artística á americana. Fora estudada por Eva López Añón en 2007 na súa tese de doutoramento sobre a arte relixiosa do arciprestado de Nemancos. Unha talla de estilo barroco que representa un nobre elegantemente vestido á moda do último terzo do século XVIII: casaca abotoada, manto vermello e gorgueira ó pescozo, sen que falte unha longa perruca ondulada cubríndolle a cabeza. Leva como atributo iconográfico un falcón na man esquerda —como patrón dos cazadores—, convertido nunha pomba branca polo desinformado escultor ou pintor; no costado dereito apenas se percibe o mango dunha espada envaiñada, a arma do seu crime, detalle que tampouco falta na escultura americana.

Oxalá a noticia da venda dun falso san «Xián de Moraime» sirva para coidar e protexer máis o patrimonio artístico relixioso das nosas igrexas rurais. Non sei se a raíz do infausto roubo das imaxes do retablo de san Roque da igrexa de San Simón de Nande de hai uns cantos anos se tomaron medidas e polo menos se instalaron sistemas de alarma nas igrexas.

Con todo, protexer non quere dicir ocultar, e penso que tamén se deberían promover visitas guiadas ás nosas igrexas e ermidas para que valoremos os pequenos museos de arte sacra contidos nelas. Acabamos de comprobar o prestixio que o simple nome do sitio histórico-artístico de Moraime esperta fóra de Galicia. Xa vai sendo hora de que aquí se lle dea o alto valor que lle corresponde.

sanXian

secadoirosCongro_xanfernandez

O secadoiro de congro en Muxía, unha xoia artesanal

Artigo de Xan Fernández Carrera.

consumo de congro curado con vento de nordés muxián xa está documentado na cidade aragonesa de Calatayud desde o 1446, un produto moi demandado nas terras do interior de Castela, A Rioxa, Aragón e Cataluña en séculos pasados. De aí que en varios dos nosos portos se instalasen sistemas de secado deste peixe para abastecer ese amplo mercado. En varias das nosas vilas mariñeiras había mercadores que se dedicaban á exportar congro seco a distintos portos peninsulares, e desde alí, se introducía nesas zonas do interior. Incluso hai constancia de que no século XVII, tratantes das Rías Baixas se achegan aos portos da Costa da Morte a mercar este produto para logo exportalo a cidades como Bilbao. Os fomentadores cataláns a partir de mediados do XVIII, ademais de dedicarse á salgadura de sardiña, tamén exportaban congro seco con destino a Castela e ao Mediterráneo.

A chegada ao mercado doutras especies mariñas como o bacallau fixo minguar o consumo de congro curado, o que levou a que este sistema de conservación natural desaparecese doutras vilas mariñeiras e tan só se mantivese na de Muxía, onde se converteu no medio de vida de varias familias. Chegou a haber ata cinco secadoiros na vila da Barca: catro na zona costeira que dá á ría e un na parte posterior, na Pedriña, sendo este o único que se conserva co sistema de secado tradicional ao aire libre e que actualmente rexenta Miguel Diz, neto de Juan Diz, de quen aprendeu o oficio.

A demanda deste produto vai a menos cada día porque os hábitos de alimentación mudaron moito nos últimos anos e isto diminuíu o seu consumo, pero a importancia do secadoiro tradicional de Muxía xa está moi por enriba do seu rendemento económico, xa que desde hai tempo se converteu nun símbolo cultural e turístico no só de Muxía, senón de toda a Costa da Morte. Desde esta perspectiva é como habería que valorar un ben patrimonial desta categoría, que representa un sistema milenario de conservación natural do peixe, que forma parte da historia mariñeira de Muxía e significa un dos seus maiores símbolos de identidade. Non hai máis que ver a cantidade de visitantes que se achegan ao secadoiro e se interesan por coñecer o proceso deste traballo artesán.

En varias ocasións as imaxes dos secadoiros de congro foron mostradas na Feira Internacional de Turismo (Fitur) como un dos activos de Muxía e da Costa da Morte e con gran éxito. Son poucas as publicacións de promoción desta nosa rexión costeira nas que non aparecen ilustracións dos secadoiros de congro, unha imaxe que actúa xa como un verdadeiro emblema identitario da nosa cultura mariñeira.

O secadoiro de congro o que precisa nestes momentos por parte das Administracións é sensibilidadeapoio, protección e colaboración para que permaneza no tempo, xa que corre un grave risco de desaparecer, e non de trabas como a de chegar a inmobilizar unha partida de congro seco porque parece ser que a estrutura de madeira na que se pendura este peixe se atopa nun lugar público ao que pode acceder calquera persoa. Pois claro que as cabrias teñen que estar ao aire libre e nun lugar venteado para que o proceso de secado se realice plenamente. Non hai outro xeito de conservar o congro de maneira natural. O que non se pode é realizar unha inspección sanitaria a un proceso artesanal igual que se fose un industrial ou un local de hostalaría. O secadoiro débese inspeccionar, pero non deste xeito, senón tendo en conta o seu valor patrimonial e facelo cunha intención de asesoramento, comprensión, colaboración e boas formas, algo que non se aplicou neste caso, do contrario, non se entendería que unha Administración que debe velar polo mantemento e conservación do patrimonio actúe deste xeito e contribúa á desaparición dun ben cultural de máxima relevancia para Muxía e a Costa da Morte.

secadoirosCongro_xanfernandez

faro

Manuel Vilar: «É unha atrocidade que faros como o de Vilán ou o de Fisterra estean pechados»

Entrevista en La Voz de Galicia

O histórico faro do cabo Vilán (Camariñas), o primeiro que funcionou con electricidade de toda España e un dos puntos máis visitados da Costa da Mortecorre o risco de pechar as súas portas ao público. A asociación de empresarios, que levaba varios anos xestionándoo, reuniuse a última hora da tarde de onte para decidir se continuarán ou non con este labor, iniciado en 2008 pola entidade Neria. Naquel proceso tivo unha destacada participación o actual director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar Álvarez (Muxía, 1957), que colaborou na musealización do espazo.

—Como ve a posibilidade de que o faro do Cabo Vilán poida pechar?

—Deberían estar abertos o Vilán, o de Touriñán, o de Fisterra… Que estean pechados paréceme un atentado á nosa dignidade, unha atrocidade.

—O de Camariñas ten, ademais, ese aliciente de ter sido o primeiro electrificado de España.

—Así é, e destaca tamén por moitas outras cousas: a súa arquitectura, a súa beleza, o granito rosáceo que hai alí… É un referente non só marítimo ou cultural, senón tamén social e ten un valor que vai máis aló do que é o propio edificio do faro.

 CE27C1F1_1

BASILIO BELLO

—Como cre que deberían xestionarse estes espazos? Os empresarios piden máis implicación das Administracións públicas.

—Considero que, de estar aberto, un faro como o do Vilán debería ter uns ingresos mínimos para cubrir polo menos unha parte dos custos, xa non digo o 100 %. Por outra banda, a Autoridade Portuaria, propietaria do inmoble, creo que tamén ten moito que dicir ao respecto, como o resto de Administracións. Pechando o faro Vilán perdemos todos, tamén o Concello, que queda sen ese recurso turístico.

—Tense falado moito de cobrar polo patrimonio, pero parece que iso non chega a calar aquí.

—Abrir a porta ten un custo, e como visitantes creo que teriamos que contribuír a manter eses espazos. Creo que non debe entenderse como un negocio, iso si, pero polo menos facer un pequeno aporte. Está ben que a Administración axude, pero isto é un esforzo colectivo.

—Vilán abriu no 2008 da man da asociación Neria e vostede estivo moi implicado na musealización.

—Non do deseño, pero si me encarguei dos contidos. O esencial era fomentar que a xente puidese acceder ao edificio, e despois no que nos centramos foi na historia dos faros de Costa da Morte, especialmente no de Camariñas.

faro
Ana Garcia

—O funcionamento destas torres tamén pode xerar moito interese.

—Sen dúbida, aínda que agora os aparellos están moi modernizados. Outra cousa que si que se podería facer é permitir a subida á torre, ata a lámpada. Eu fíxeno en Estados Unidos e creo que sería un gran atractivo. Habería que controlalo, por suposto, pero sería moi interesante poder subir e que un fareiro ou un experto proporcionase unha explicación, contase as historias vinculadas ao lugar… O problema é que neste aspecto chocamos coa Administración, que cumpre coa normativa, pero de maneira demasiado fría moitas veces.

—Hai xa 20 anos que, xunto con Xosé María Lema, lanzou «Os faros da Costa da Morte», coa que contribuíron á posta en valor destes espazos.

—Si, foi no 2001 e creo que foi a primeira de Galicia dese tipo. Despois viñeron outras publicacións, máis completas e académicas, pero a nosa era puramente de divulgación, para a posta en valor desas torres. Nela contamos as características técnicas deses doce faros elixidos [Sisargas, Nariga, Roncudo, Laxe, Vilán, A Barca, Touriñán, Fisterra, Cabo Cee, Lobeiras, Lariño e Monte Louro], pero tamén as historias e o desleixo que en moitos casos tiveron as Administracións con eles.

—Parece que marcha ben o proxecto para reabrir o de Fisterra.

—Ao faro de Fisterra hai que sumarlle o valor que lle dá o entorno no que está situado, cheo de simbolismo. Non obstante, ten un problema que o de Vilán non tivo, e é que non se conservou o material que foi quedando en desuso co paso dos anos.

—Que opina do aproveitamento turístico destes espazos por parte da iniciativa privada?

O de Lariño e o de Illa Pancha aínda non tiven ocasión de visitalos, pero creo que o propósito que agora se lle dá ao Semáforo de Fisterra é, dende logo, moito mellor que o que tiña antes, que era marxinal. Non se trata de que todos pasen a ser hoteis, pero considero que o ideal sería combinar iniciativa privada e pública en función do lugar que se trate. O que está claro, iso si, é que é necesario un plan estratéxico para toda a zona. Hai que saber o que se quere facer con cada un: que o de Fisterra leve tanto tempo pechado paréceme un crime, por exemplo: é como dicirlle ao visitante ‘dea media volta e lárguese’. O de Touriñán, no Concello de Muxía, ten tamén moito valor e debería ser outro centro de referencia.

CE27C1F1_1

A escasa valoración dos faros da Costa da Morte

Artigo de Xosé María Lema, presidente do SEMESCOM.

O 29-06-2001, nunha das salas abertas no edificio do faro de Fisterra, Manuel Vilar —actual director do Museo do Pobo Galego— e mais eu presentabamos o libro Os faros da Costa da Morte (Galicia), editado por Neria. Foi pioneiro na posta en valor dos faros como un dos patrimonios identitarios deste territorio e para promover o seu aproveitamento cultural e turístico. Presidira o acto o daquela presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Antonio Couceiro, a quen lle solicitamos que non só se abrise ó público o edificio, senón que en horas diúrnas se permitise o acceso de visitantes á torre para poder ver a estrutura e a maquinaria. Comprometeuse a facelo. Hoxe o edificio do faro fisterrán leva cinco anos fechado sen outro aproveitamento durante o día (outra cousa é pola noite, claro) que servir de fito simbólico da fin da terra; nin sequera está aberta a sala onde se presentara o libro. Pasaron vinte anos e andamos de recú, cara a atrás.

Houbo raiolas de esperanza, como cando se inaugurou no edificio do Vilán un Centro de Interpretación dos Faros (2008), un pequeno pero valioso museo que nos permitiu entender o mundo dos sinais marítimos e ver a maquinaria do primeiro faro electrificado de España, xa de por si un gran reclamo. Foi tamén bo que a Asociación de Empresarios de Camariñas o mantivese aberto e con actividades, como lembraba a súa presidenta en La Voz (Edición do 27-01-22).

Agora recibimos a noticia de que a Autoridade Portuaria da Coruña vai fechar o edificio do faro de Camariñas. Que diferenza con respecto ó que se fai en boa parte de Europa! En 2011 visitamos o do cabo Lizard, en Cornualles, o máis meridional da Gran Bretaña. Un faro moi modesto pero moi ben aproveitado para o turismo que xa daquela contaba cun centro de recepción con publicacións sobre Cornualles e obxectos artesanais córnicos. Mesmo se podía subir á torre, pagando entrada, como é lóxico.

En Inglaterra os faros dependen da Trinity House, organismo que hoxe ten abertos sete deles ós visitantes. Todos contan cun Visitor Centre que convidan a entrar: «Visite un dos sete centros que abrimos ó público e experimente por si mesmo os lugares espectaculares dos que gozaban os fareiros», traducimos do seu web. Danlle tanto valor os ingleses ó mundo dos faros que existe unha asociación de torreiros (https://alk.org.uk/) que se ofrece como guía e anuncia eventos periódicos.

faro

Danlle valor en todas partes menos aquí. Ignoramos de quen é a culpa de que o de Fisterra leve un lustro fechado e o de Camariñas vaia por ese camiño. Non se comprende que aínda non haxa un proxecto oficial para un aproveitamento de todo tipo (didáctico, cultural, turístico…) para estes dous faros de primeira orde universalmente coñecidos. As Administracións deberan implicarse. No do Vilán dérase o paso para abrir un museo, de momento único, que servía para explicar o mundo fareiro, os naufraxios, a navegación… Que vai pasar con el? A defensa e posta en valor dos faros non só atinxe ós concellos nos que se sitúan, senón a toda Costa da Morte.