Na xa longa historia do Semescom que comezou no ano 2004, as viaxes foron as actividades que máis se mantiveron no tempo e que acadaron un maior éxito. Quizais fose polo acertado da súa planificación, pero tamén pola boa relación que se mantivo entre os compoñentes do grupo que habitualmente participamos nelas.
Unha das causas do seu inicio correspóndese co interese que sempre tivo a nosa asociación en coñecer a cultura máis primitiva do territorio da Costa da Morte, o megalitismo, e descubrir como se desenvolveu noutros territorios da Europa Atlántica. A organización do Simposio sobre o Patrimonio megalítico da Costa da Morte no seu contexto atlántico, realizado no Pazo da Cultura de Carballo en xullo de 2006 cun gran éxito de participantes (172 inscritos), coordinado polo profesor da USC Antón Rodríguez Casal, no que participaron figuras tan relevantes como Germán Delibes ou o bretón Charles Le Roux, serviu de motivación para que ao ano seguinte se organizase a primeira das viaxes do Semescom a Bretaña, unha ruta inesquecible polas terras bretoas para os que participamos nela, polo interesante do seu contido, pero tamén polo magnífico guía que tivemos: o profesor Le Roux.
Dolmen de Crec’h Quillié (Bretaña)
De feito, no ano 2008, a motivación da viaxe que organizamos durante as vacacións de Semana Santa ao Alentejo e a outros lugares de Portugal foi tamén a cultura megalítica. Guiados pola profesora portuguesa Goretti Sousa, visitamos as antas, os menhires e os crómlech máis importantes desa rexión do sur de Portugal, aínda que aproveitamos tamén para ver outros lugares de interese como a citania de Briteiros, Idanha, Garda ou Porto.
Crómlech dos Almendres (Alentejo, Portugal)
Na ponte do primeiro de maio dese mesmo ano o Semescom planificou unha excursión a Atapuerca, na que vimos outros lugares do norte de Burgos e tamén algún dolmen da zona.
Nos anos 2009 e 2010 non se programaron viaxes, pero retomámolas no 2011 coa excursión a Cornualles, guiada por Manolo Vilar, que coñecía ben aquel territorio británico. Nesta o megalitismo tamén se tivo en conta, xa que unha das visitas máis salientables foi a de Stonehenge, o crómlech máis espectacular desta cultura. Nesta ruta había outro aliciente importante que era coñecer outras fisterras atlánticas, e Cornualles era unha delas. Esta era outra das teimas do Semescom.
Land’Send (Cornualles)
No ano 2012 volvemos a Bretaña, para coñecer a súa parte norte que non viramos na anterior, aínda que repetimos algúns dos lugares. Estivemos en Paimpol, Concal, Saint Maló, Dinán, pero tamén nos achegamos a ver o gran menhir Champ Dolent. Despois entramos en Normandía por Saint Michel e continuamos por Granville, Saint Lo, Bayeux e Caen.
No 2013 toucoulle a Irlanda, un pais atlántico que conserva unha gran cultura megalítica, pois aquí están os maiores túmulos coma o de Newgrage. Foi unha viaxe moi completa na que visitamos os lugares patrimoniais máis importantes da illa. Cidades como Lemerik, Cork, Galway ou a súa capital Dublín. Tamén percorremos parte de Irlanda do Norte, con visita á súa capital, Belfast, e a Calzada dos Xigantes.
Calzada dos Xigantes (Irlanda do Norte)
No 2014 completamos a ruta de Normandía e incluímos Bélxica e Luxemburgo e parte da Francia central. Nesta viaxe a historia Contemporánea recobrou máis protagonismo que a prehistoria, polos acontecementos bélicos que se sucederon nesta parte de Francia, como a batalla de Verdún ou o desembarque de Normandía. Mais tamén consideramos que foi a viaxe de gozar do mellor gótico francés con visitas ás cidades de Ruán, Amiens, Reims ou Metz. Tamén vimos as cidades máis notables de Bélxica: Amberes, Bruxas ou Bruxelas.
A viaxe do 2015 levounos ao centro de Europa, ao estado de Baviera, situado no sur de Alemaña. Un estado cunha gran variedade de paisaxes, que van desde as elevadas terras dos Alpes ata as chairas do Rin ou Danubio, un territorio con espléndidos bosques autóctonos que alternan coas augas interiores dos lagos, que tivemos a oportunidade de disfrutar, pero tamén de gozar da historia das súas cidades: Ausburgo, Nuremberg, Bamberg, Ratisbona ou Munich. Tamén se nos presentou a ocasión de visitar Baden, Heindelberg, Friburgo, Estrasburgo ou achegarnos á abadía de Cluny.
Palacio de xustiza de Nuremberg (Alemaña)
No 2016 volvemos de novo á cultura megalítica de Estremadura e Portugal, aos dolmens da Lagunita, recordados sobre todo por aquel día de calor extremo, e do Alentejo, pero tamén á cultura clásica romana representada en Mérida, Alcántara ou Évora. Non desaproveitamos a posibilidade da cultura lingüística que nos ofrecía o val do Xálama coa súa fala, que comprobamos en San Martín de Trevejo. O interese pola historia tamén nos levou ás cidades de Cáceres, Plasencia, Garda, Viseu ou Lisboa.
No 2017 desprazámonos ao Mediterráneo, á Provenza. Nesta viaxe tamén estivo moi presente a historia e a cultura romana, coas visitas a Nimes ou Arlés, pero tamén a cristiá, cando nos trasladamos á abadía cisterciense de Senanque ou á cidade de Aviñón.
Marsella, embarcando cara ás Calanques
En 2018 volvemos ao Mediterráneo, aínda que boa parte da viaxe discorreu polas terras do interior do norte de Italia: Milán, Brescia, Verona, Padua, Módena ou Parma. Para despois desprazarnos ao Mare Nostrum e percorrer as rúas de Xénova e ou as vilas de Cinque Terra.
No 2019 retornamos á cultura atlántica, ao país de Gales. A historia medieval estivo moi presente na visita aos castelos como o de Caerphilly ou Caerfarnon. Mais tamén na abadía de Tintern. Outros compoñentes importantes desta ruta foi a paisaxe galesa tanto de costa como de interior ou a visita ás cidades de Cardiff, capital do pais, ou Birmingham.
Castelo de Caernarfon (País de Gales)
O 2020 foi ese ano perdido, que sería mellor esquecer, non obstante quedará moi gravado na memoria individual e colectiva de todos nós polos feitos acontecidos. Tamén nos lembramos dese fatídico ano pola viaxe que non puidemos realizar ao norte de Alemaña, que xa estaba practicamente organizada e cun programa ben atractivo. Queda pendente para outro ano.
No 2021 retomamos as viaxes, pero cos restricións impostas pola covid-19 que condicionaron o programa da ruta a elixir. Con todo iso a viaxe escollida superou con moito as expectativas que tiñamos antes de realizala. Tivo como centro de interese o románico palentino, pero converteuse nunha ruta diversa e moi completa. Ademais do singular románico que vimos, visitamos verdadeiras xoias do gótico como a catedral de Burgos ou León. Salientables mosteiros como o de San Millán de la Cogolla ou Santo Domingo de Silos. Fermosas vilas históricas: Escaray, Covarrubias, Lerma ou Oña. E as cidades de Logroño, Soria, Burgos, Palencia ou León. Resultou tamén de interese algo non programado como foi a ruta dos dinosaurios e o museo dedicado a estes grandes réptiles en Enciso, tan ben explicado por Chou. De Volta fixemos unha parada en San Andrés del Rabanedo para honrar a figura do crego Juan Antonio Posse.
Igrexa de San Salvador de Catamuda (Palencia)
E chegamos a este 2022 no que volvemos ter como temática central o románico, desta vez o pirenaico de Aragón e Cataluña, pero a viaxe foi moito máis ampla e enriquecedora. Visitamos os mosteiros máis importantes de Cataluña: Poblet, Santes Creus, Vallbona ou Ripoll, vilas históricas de gran encanto como Montblanc, Besalú, Cadaqués, Peralada, Castellfollit de la Roca ou La Seu D’urgell e as cidades de Valladolid, Lleida, Vic ou Girona, pero tamén tivemos ocasión de achegarnos ao mundo clásico na visita ao xacemento de Empuries ou aos espazos naturais dos Pirineos ou da Garrotxa.
Igrexa de Sant Climent de Taüll (Lleida)
Coa ruta deste ano cúmprese o décimo aniversario de viaxes programadas por Chus Barbeira, Xosé Mª Lema e Pablo Bustelo, que se iniciaron coa ruta a Bretaña e Normandía o ano 2012. Por iso nos pereceu un bo momento para botar unha ollada ao retrovisor desta actividade viaxeira do Semescom.
Para algúns dez anos ao mellor non lle parecen moitos, pero se botamos a vista a atrás e vemos as fotos daquela viaxe que fixemos ás terras bretoas ou normandas, seguro que percibiremos mellor ese paso do tempo.
Tamén nos decataremos do discorrer dos anos se intentamos lembrar os centos de lugares visitados en todo ese período, que supuxeron a gran riqueza patrimonial que tivemos a oportunidade de coñecer ao longo dese tempo.
Dez anos compartindo moitos quilómetros en autobús, moitos hoteis, moitas conversas, moitas visitas e moita historia e cultura.
Somos conscientes do traballo que supoñe organizar cada unha destas viaxes, o tempo que hai que dedicarlle a elaborar o programa, a atopar aloxamento no mes de agosto para un grupo tan numeroso, buscar información e redactar a guía de viaxe que se lle entrega a cada un de nós e facer fronte aos imprevistos que xorden a diario.
Por iso este ano queremos ter un recoñecemento especial para estas tres persoas que son as que nos permiten que cada un de nós non teñamos máis preocupación que subir ao autobús e ver cada día o programa de visitas que imos realizar esa xornada.
A Costa da Morte, aínda que hai quen a denomina comarca, é unha rexión xeográfica galega constituída polas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, antiga Nemancos, máis os concellos de Mazaricos e Carnota. Despois de anos de certa polémica sobre cales eran os seus límites, actualmente existe bastante consenso sobre a súa delimitación tanto por parte das institucións públicas como da sociedade e isto supoñe un paso importante de cara a posta en valor do seu patrimonio.
Unha vez delimitado o seu espazo xeográfico, queda por concretar cales son aqueles bens patrimoniais paisaxísticos, naturais, históricos ou culturais a poñer en valor coa finalidade de sacarlle un rendemento turístico, aspecto no que aínda queda moito camiño que percorrer. Administracións públicas e sector privado deberán actuar de maneira conxunta de cara a conseguir ese obxectivo, primordial para o futuro económico deste territorio.
Na presentación da nova directiva dos profesionais de turismo desta rexión costeira levada a cabo no parador da Costa da Morte o pasado 18 de xullo, encabezada polo empresario Pepe Formoso, semella que teñen as ideas claras en asentar uns principios básicos para emprender un proxecto realista, esperanzador e de futuro para a Costa da Morte.
Principios como crer no gran potencial que temos, a necesidade de actuar unidos todos os implicados no sector, presentar unha directiva representativa no aspecto territorial e na diversidade da actividade turística, ampliar o número de socios para que o importe das cotas sexa menor ou profesionalizar a propia asociación, poñendo en mans de expertos tanto a xestión como a promoción. Creo que tamén atinan ao elixir o parador de turismo como centro de difusión dos diferentes materiais publicitarios, a igual que conseguir unha maior diversificación dos recursos para ampliar a temporada turística.
Xa era hora de que o sector turístico da Costa da Morte presentase unha proposta integradora no territorial, diversa respecto á propia actividade e con miras a ampliar e unir o maior número de profesionais posible. E ao mesmo tempo, descubrir que o propio sector deberá acadar un maior protagonismo na planificación turística deste territorio e unha maior implicación na defensa e posta en valor da riqueza patrimonial existente posto que constitúe a esencia do seu potencial económico e do seu futuro.
Dispoñemos dun extraordinario patrimonio paisaxístico e natural, sobre todo na costa, que mostra unha gran diversidade, desde os sensacionais cantís que se estenden arredor das puntas ou cabos como Santo Hadríán, Roncudo, Vilán, Touriñán ou Fisterra, que alternan con extensos e salvaxes areais como Razo, Soesto, Traba, Nemiña, Rostro ou Carnota, ata as tranquilas rías de Corme e Laxe, Camariñas ou Corcubión. Ademais desta incomparable beleza, a nosa costa oferta outras posibilidades: práctica de surf, observación de aves, pesca de cana ou submarina, navegación, ou práctica de sendeirismo como a ruta do Camiño dos Faros.
Logo está a diversidade paisaxística do interior con espazos tan impresionantes coma os penedos de Pasarela e Traba ou o monte Pindo, ou os acolledores vales dos ríos Anllóns, Porto, Castro ou Xallas, que agochan no medio do bosque de ribeira espazos incomparables como o Refuxio de Verdes ou a área recreativa de Pedra Vixía. Ás veces as augas destes ríos sorpréndenos con inesperados chimpos dando lugar a espectaculares fervenzas como a de San Paio de Entrecruces, as do Rabiñoso, as Caldeiras do Castro ou a sublime do Ézaro. Mais os nosos cursos fluviais e os seus afluentes tamén son lugares idóneos para trazar rutas de sendeirismo, que ofrecen a posibilidade de contemplar a riqueza de fauna e flora que habita nas súas marxes ou nos permite gozar de construcións como muíños, pontes e pontellas e a práctica de deportes como a pesca fluvial ou piragüismo.
Se o patrimonio paisaxístico e natural da Costa da Morte é excepcional, o histórico e cultural tamén resulta de sumo interese. Dispoñemos dun magnífico patrimonio megalítico ben distribuído polo territorio, co dolmen de Dombate como gran reclamo. Queda seguir loitando para que o Parque do Megalitismo se converta en realidade. Contamos tamén con abundantes castros, aínda que poucos deles están en condicións de ser visitados; igrexas e capelas cun elevado valor arquitectónico ou escultórico. Aquelas de maior interese, deberían dispoñer dun horario de apertura ao público. Antigas fortalezas ou pazos, algúns visitables, pero conviña aumentar a oferta. Unha gran variedade de hórreos tanto en formas como tamaño e un gran número de cruceiros. Outro notable patrimonio histórico é o dos faros, moi pouco aproveitado. Temos os faros máis espectaculares de toda a costa peninsular, pero case todos pechados. Urxe realizar as xestións necesarias para poñelos en valor como sucede noutros países.
A artesanía tamén é outro dos nosos activos patrimoniais, sobre todo o encaixe de Camariñas, a cerámica de Buño ou os secadoiros de congro de Muxía, igual que o patrimonio literario, moi pouco explotado, cando dispoñemos de salientables escritores como Eduardo Pondal, Gonzalo López Abente ou Enrique Labarta Pose, que permitirían trazar interesantes rutas literarias polo territorio.
Tamén atraen o turismo as nosas romarías e festas patronais, as celebracións gastronómicas ou de recreación histórica, festivais musicais ou eventos culturais e deportivos que se organizan ao longo do ano.
A gastronomía é outro dos nosos grandes recursos, fundamental para atraer visitantes. A calidade dos nosos peixes e mariscos, constitúe a mellor materia prima para elaborar exquisitos pratos, por iso convén apoiar ao sector pesqueiro e marisqueiro para que a actividade se manteña, xa que se complementa perfectamente coa turística, igual que o agrícola para dispoñer de produtos de proximidade.
A parte sur da Costa da Morte dispón doutro incentivo máis que favoreceu moito o turismo da zona como é o camiño xacobeo de Fisterra e Muxía, que desde que se comezou a promocionar a finais do século XX, foi esencial para o despegue turístico da parte meridional da rexión.
Comprobada a inmensa potencialidade turística deste noso territorio queda por determinar como poñer en valor toda esta riqueza patrimonial baixo a denominación de Costa da Morte, estruturándoa en distintos apartados coa finalidade de chegar a un maior número de visitantes con intereses diferentes, tarefa que aínda queda por acometer e que representa o maior desafío para esta nova directiva da asociación APTCM.
O consumo de congro curado con vento de nordés muxián xa está documentado na cidade aragonesa de Calatayud desde o 1446, un produto moi demandado nas terras do interior de Castela, A Rioxa, Aragón e Cataluña en séculos pasados. De aí que en varios dos nosos portos se instalasen sistemas de secado deste peixe para abastecer ese amplo mercado. En varias das nosas vilas mariñeiras había mercadores que se dedicaban á exportar congro seco a distintos portos peninsulares, e desde alí, se introducía nesas zonas do interior. Incluso hai constancia de que no século XVII, tratantes das Rías Baixas se achegan aos portos da Costa da Morte a mercar este produto para logo exportalo a cidades como Bilbao. Os fomentadores cataláns a partir de mediados do XVIII, ademais de dedicarse á salgadura de sardiña, tamén exportaban congro seco con destino a Castela e ao Mediterráneo.
A chegada ao mercado doutras especies mariñas como o bacallau fixo minguar o consumo de congro curado, o que levou a que este sistema de conservación natural desaparecese doutras vilas mariñeiras e tan só se mantivese na de Muxía, onde se converteu no medio de vida de varias familias. Chegou a haber ata cinco secadoiros na vila da Barca: catro na zona costeira que dá á ría e un na parte posterior, na Pedriña, sendo este o único que se conserva co sistema de secado tradicional ao aire libre e que actualmente rexenta Miguel Diz, neto de Juan Diz, de quen aprendeu o oficio.
A demanda deste produto vai a menos cada día porque os hábitos de alimentación mudaron moito nos últimos anos e isto diminuíu o seu consumo, pero a importancia do secadoiro tradicional de Muxía xa está moi por enriba do seu rendemento económico, xa que desde hai tempo se converteu nun símbolo cultural e turístico no só de Muxía, senón de toda a Costa da Morte. Desde esta perspectiva é como habería que valorar un ben patrimonial desta categoría, que representa un sistema milenario de conservación natural do peixe, que forma parte da historia mariñeira de Muxía e significa un dos seus maiores símbolos de identidade. Non hai máis que ver a cantidade de visitantes que se achegan ao secadoiro e se interesan por coñecer o proceso deste traballo artesán.
En varias ocasións as imaxes dos secadoiros de congro foron mostradas na Feira Internacional de Turismo (Fitur) como un dos activos de Muxía e da Costa da Morte e con gran éxito. Son poucas as publicacións de promoción desta nosa rexión costeira nas que non aparecen ilustracións dos secadoiros de congro, unha imaxe que actúa xa como un verdadeiro emblema identitario da nosa cultura mariñeira.
O secadoiro de congro o que precisa nestes momentos por parte das Administracións é sensibilidade, apoio, protección e colaboración para que permaneza no tempo, xa que corre un grave risco de desaparecer, e non de trabas como a de chegar a inmobilizar unha partida de congro seco porque parece ser que a estrutura de madeira na que se pendura este peixe se atopa nun lugar público ao que pode acceder calquera persoa. Pois claro que as cabrias teñen que estar ao aire libre e nun lugar venteado para que o proceso de secado se realice plenamente. Non hai outro xeito de conservar o congro de maneira natural. O que non se pode é realizar unha inspección sanitaria a un proceso artesanal igual que se fose un industrial ou un local de hostalaría. O secadoiro débese inspeccionar, pero non deste xeito, senón tendo en conta o seu valor patrimonial e facelo cunha intención de asesoramento, comprensión, colaboración e boas formas, algo que non se aplicou neste caso, do contrario, non se entendería que unha Administración que debe velar polo mantemento e conservación do patrimonio actúe deste xeito e contribúa á desaparición dun ben cultural de máxima relevancia para Muxía e a Costa da Morte.
A Costa da Morte, moitas veces idealizada como un territorio virxe, mítico ou incluso lendario, con espazos naturais de gran valor paisaxístico e ecolóxico, durante a historia recente leva sufrido graves agresións que deixaron profundas feridas na súa pel.
Estes ataques producíronse tanto por mar coma por terra. Os do mar con produtos tóxicos como no afundimento do Casón en 1987 ou en forma de marea negra coma a do Prestige, do ano 2002, que lle afectou a todo o noso litoral.
As agresións por terra foron maiores en número e máis continuadas. Nos anos sesenta do pasado século, en plena vaga da construción de encoros, será o río Xallas o que sufra máis o impacto, pois no seu curso levantáronse varias represas, que ademais de anegar aldeas e terras de cultivo, contribuíron á desaparición de especies de pesca autóctonas. Máis tamén nos privaron de poder gozar dunha das fervenzas máis espectaculares, a do Ézaro, un dos maiores atractivos desta rexión costeira.
Por estes anos sesenta tamén comeza a plantación indiscriminada de eucalipto, que continúa aínda nos tempos actuais, sen respectar ningún tipo de solo, nin tan sequera o de uso agrícola. Na década seguinte, intentouse instalar unha planta de celulosa nada menos que en pleno esteiro do Anllóns. Os terreos para súa construción xa foran adquiridos, e tan só a mobilización da sociedade civil que culminaría na gran manifestación de Ponteceso do 28 de febreiro de 1976 impediu este aberrante proxecto.
Anos máis tarde, a finais do século XX e comezos do seguinte, principiou a febre das piscifactorías e das canteiras que tamén nos afectou. Para a construción das piscifactorías non servía calquera lugar da costa, senón que se elixiron espazos de alto valor natural e paisaxístico como foron o cabo Vilán e o cabo Touriñán. No primeiro instalouse unha baixo a oferta de crear máis de 70 postos de traballo, que despois serían menos dunha terceira parte. Curiosamente esta piscifactoría, tal como foi denunciado por unha asociación ecoloxista, estivo máis de cinco anos sen permiso de vertidos, cando o debería ter antes de iniciar a actividade. A súa construción deixou un notable impacto nun dos lugares máis senlleiros desta nosa costa.
O proxecto de Pescanova para construír a piscifactoría do cabo Touriñán era moito máis ambicioso, pois chegaría a ocupar uns 357.000 m2, co cal outro dos salientables espazos naturais quedaría gravemente danado con esta magna obra. O impacto ambiental realizado pola propia empresa promotora recoñecía unha afección crítica para os bancos marisqueiros, especialmente o do percebe e para a paisaxe, pero a pesar deste adverso informe, o goberno da Xunta aprobaría igual a iniciativa. Unha vez máis a mobilización cidadá, conseguiría botar abaixo o proxecto, de boa nos libramos, que de ir adiante, actualmente teríamos un verdadeiro mostro de cemento en abandono.
Por estes mesmos anos chegou tamén o andazo da apertura de canteiras, debido ao auxe da construción. A infección chegaría ata a paraxe singular dos penedos de Pasarela e Traba de Laxe. Unha empresa de maneira ilegal intentou abrir unha destas explotacións ao pé da pedra da Cachucha, pero diante da denuncia da A. C. Adiante Soneira, paralizouse a iniciativa. No ano 2006, outra empresa retomou o proxecto da canteira contando co apoio expreso do alcalde de Vimianzo daquel momento, que logrou crear un clima favorable a esta iniciativa coa oferta de numerosos postos de traballo, os mesmos cantos de serea de sempre. A mobilización de numerosas asociacións e colectivos, que entre outras accións, convocaron a manifestación de Pasarela aos penedos, o 11 de xuño de 2006, lograron paralizar este novo intento de agresión e conseguiuse que os penedos fosen declarados Paisaxe Protexida en 2009.
O penúltimo intento de ataque grave sobre esta Costa do Solpor foi o do proxecto de apertura da mina de ouro de Corcoesto. O método utilizado sempre o mesmo, o ofrecemento de centos de postos de traballo aproveitando un momento de crise económica. A magnitude do proxecto era enorme. A súa superficie sería como a que ocuparían 400 campos de fútbol e para extraer unhas 34 tm de ouro, supoñería acumular uns 122 millóns de tm de entullos e utilizar miles de tm de produtos tóxicos e enormes balsas para depositar os residuos producidos. Unha auténtica loucura, que de chegarse a facer realidade, o impacto ambiental sería demoledor, e no caso de producirse un accidente nunha das balsas, arrasaría toda a desembocadura do Anllóns. Pero sorprendentemente esta desatinada iniciativa contou co beneplácito dalgúns alcaldes. Outra vez máis, asociacións e colectivos, co apoio dalgúns partidos políticos e sindicatos, conseguiron paralizar a que sería unha das maiores agresións que se cometerían contra a Costa da Morte.
Cando xa nos parecía que este tipo de atentados era cousa do pasado, aparecen os parques eólicos, que baixo o paraugas da produción de enerxías alternativas, parece que teñen preferencia para situárense onde lles pete, sen o máis mínimo respecto por aqueles espazos protexidos polo seu valor histórico ou natural. Estas iniciativas, promovidas por empresas multinacionais tan só buscan o lucro económico, sen interesarlles para nada o desenvolvemento do territorio no que implantan estes parques.
Deste xeito, os penedos de Pasarela e Traba volven de novo a seren ameazados coa instalación do parque eólico proxectado para o Monte Chan, a pesar de seren un espazo protexido. Diante deste novo intento de ataque a este parque temático natural dos penedos, ocórrensenos estas interrogantes: Vai permitir a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia semellante agresión? Permanecerán impasibles diante deste atentado, alcaldes o outras autoridades que presumen na Feira Internacional de Turismo (FITUR) das valiosas calidades naturais do territorio ao que representan? Tolerará o sector turístico da Costa da Morte, logo de promover un turismo verde, de contacto co medio natural, que se degrade un espazo singular como estes dos penedos? Agardamos que todos eles se mostren defensores desta causa ben xusta. Ou terán que ser de novo as asociacións e demais colectivos, é dicir, a sociedade civil, a que interveña para salvar, unha vez máis, os penedos de Pasarela e Traba?
Con certo atraso polo da pandemia por fin teño nas miñas mans o libro O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños, da autoría de Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan X. Fernández Carrera, Antón García Losada e Luís Giadás Álvarez, todos membros do Instituto de Estudios Bergantiñáns (IEB), que o publica coa axuda dos Concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha e Ponteceso.
Trátase dunha obra verdadeiramente enciclopédica na que se abarca todo o relativo a esta arteria fluvial identificada coa comarca de Bergantiños. Tras o limiar do escritor coristanqués Xosé Antonio Andrade, os autores manifestan o seu propósito de realizar «un estudo integral do río coa finalidade de achegar un maior coñecemento sobre el e espertar na poboación maior conciencia cara á súa conservación».
Consta de oito capítulos. O primeiro trata das diferentes denominacións que o río tivo ó longo da historia: río de Cesso, Discesso ou Decesso, ata as máis recentes de Allóns -ou a castelanizada Allones- ata chegar á actual de Anllóns.
Ata tres nomes
Para Carré Aldao (c. 1928) mesmo podía ter tres nomes: «Río Grande, Anllóns o Canduas». No noso libro anterior -tamén colectivo- sobre o río do Porto (2019) non nos dabamos explicado como ó gran colector das augas da Terra de Soneira lle impuxeran oficialmente, a partir dos anos sesenta do pasado século, o aséptico nome de «río Grande», cando está documentado «río do Porto» desde hai máis de 250 anos, polo menos desde 1764 (José Cornide), denominación que usaron xeógrafos da categoría de Domingo Fontán (1834) e Otero Pedrayo (a partir de 1920).
«Ríos grandes son todos os considerados principais para distinguilos dos ríos afluentes», advertiamos no noso libro, e a proba témola agora coa denominación popular -esta si- e semioficial de «río Grande» para un dos ramais do curso alto do Anllóns, que lles serviu ós autores para identificar o ramal primixenio: o que ten o seu nacemento no extremo oriental da serra de Montemaior (Soandres).
No capítulo segundo recóllense as descricións históricas do século XIX e do XX, de xeógrafos coma Otero Pedrayo, Río Barja, Pérez Alberti e, sobre todo, a exhaustiva do bergantiñán Salvador Parga Pondal na súa tese de 1950.
O capítulo terceiro dedícase integramente á personificación literaria do río nos poemas de Eduardo Pondal. O cuarto céntrase no estudo do seu curso en relación co resto da rede hidrográfica galega, coa subcunca da Costa da Morte e coa propia rede, na que se destaca o seu carácter disimétrico, xa que os afluentes da esquerda son máis longos e caudalosos cós da dereita (de aí a dificultade de concretar o ramal principal).
Por 29 parroquias
No quinto descríbese o río por cada unha das parroquias polas que pasa (29); un apartado moi extenso e ilustrativo no que se informa dos muíños, pontes, vilas, castros, torres, pazos, igrexas ou ermidas. O capítulo sexto é para os espazos naturais e o sétimo para a análise da hidronimia e a toponimia relacionada. Remátase cun estudo sobre a calidade das augas asinado por un grupo de científicas colaboradoras.
Convén ir lendo de vagar, dada a súa extensión (341 páxinas), esta ambiciosa obra ilustrada con múltiples fotografías e mapas a toda cor, dedicada ó gran colector das augas bergantiñás, o sexto río galego en lonxitude (71,46 km) tras o Miño, Ulla, Tambre, Eo e Eume.
Énchenos de satisfacción que en dous anos se publicasen dúas obras divulgativas de dous ríos do ámbito da Costa da Morte. Seguimos sendo pioneiros. A ver se hai quen se anime cos outros dous que faltan: o curto -pero ás veces impetuoso- río Castro da Terra de Nemancos, e o Xallas que tanta historia real ou lendaria recadou no seu curso de 64,5 km; o senlleiro río que non forma ría por desembocar en fervenza, a máis famosa de Galicia.
O magnífico conxunto histórico de Moraime contará cunha nova obra monográfica sobre o seu pasado como mosteiro e mesmo como vila romana e lugar de enterramentos altomedievais.
Xan Fernández é o autor de “Moraime, centro histórico da Costa da Morte” que vén de publicar a Deputación da Coruña. A presentación terá lugar na propia igrexa de San Xiao de Moraime o sábado 15 de agosto ás 20h. Intervirán o deputado de Cultura da Deputación da Coruña Xurxo Couto, o historiador e antropólogo Manuel Vilar, e o propio autor do libro.
Vai para un ano da publicación do libro O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, un traballo elaborado por varios membros do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que pretendía, como obxectivo primordial, dar a coñecer con miudeza este río soneirán, desde a súa presenza na documentación histórica e cartográfica, continuando pola descrición pormenorizada de toda a súa cunca hidrográfica, ata recoller a abondosa riqueza patrimonial que se foi creando nas súas marxes ao longo dos anos.
Os diferentes nomes que tivo este río no decorrer dos tempos, foi un dos apartados que se estudou con máis profundidade, desde a súa denominación máis antiga de Vir Fluvius, que aparece no mapa Gallaecia Ptolemaei, do libro España Sagrada (1763), do padre Flórez, e que José Cornide no seu Mapa corográfico de la antigua Galicia (1790) o identifica co río soneirán, pasando por outras designacións como «río de la Puente», «río de la Puente del Puerto», «río del Puerto», río de Baio, río Grande ou río do Porto. Capítulo elaborado con rigor documental por Xosé Mª Lema, un dos autores deste traballo. Nel móstranse abundantes referencias a textos históricos e a mapas antigos nos que se amosan as diferentes denominacións que recibiu en distintas épocas.
Desde os anos sesenta do pasado século aparece escrito baixo a designación de río Grande, denominación recente sen ningunha base histórica, recollida nos primeiros folletos informativos sobre os coutos de pesca de Baio e Ponte do Porte, e que logo pasará aos mapas, primeiro aos do exército e despois aos do Instituto Xeográfico Nacional.
A continuación vímolo representado nos rótulos situados nas pontes das estradas que atravesan a súa canle. Xeógrafos e estudosos da historia local tamén por estas datas denomínano así nas súas publicacións.
Unha das nosas intencionalidades era recuperar o nome tradicional desta arteria fluvial, que substituíse ao de río Grande, xa que esta denominación adoita atribuírselle a todos aqueles ríos de maior longura, con respecto a outros de tamaño máis reducido, como poden ser os seus propios afluentes.
As máis frecuentes
Tralo estudo da presenza do seu nome en documentos e mapas históricos, comprobamos que as dúas denominacións máis frecuentes deste noso río ao longo do tempo eran «río de la Puente», que se mostra por primeira vez no mapa de Tomás López (1784), e «río del Puerto», reproducido no mapa do cartógrafo galego Domingo Fontán, elaborado entre 1817 e 1834 e publicado en París en 1845. Con este mesmo apelativo, pero en galego, reflícteo o xeógrafo Ramón Otero Pedrayo, nun artigo seu publicado no xornal A Nosa Terra en 1925.
Para a miña sorpresa, consultando hai poucos días o libro do ilustrado José Cornide, Descrición circunstanciada de la costa de Galicia, y raya por donde confina con el inmediato reino de Portugal (1764), en edición do profesor X. L. Axeitos, ao describir a costa de Camariñas, atopei esta información: «En el centro de esta bahía desemboca un río llamado do Porto, este nace más arriba de Vimianzo, baña toda la tierra de Soneira, pasa por el puente de Porto y desagua en esta bahía».
Este libro de Cornide era ben coñecido por nós, xa que o utilizaramos para outras publicacións anteriores, pero por despiste, non o consultamos para este traballo, e dáse a circunstancia que contiña unha información de gran interese para dilucidar a auténtica denominación deste río.
Nada menos que neste parágrafo aparece escrito o que nós consideramos o seu verdadeiro nome, río do Porto, así en galego, 160 anos antes de que o publicase Otero Pedrayo no xornal A Nosa Terra. E non referido só a súa desembocadura, como sucedeu nun principio co de Lézaro, para o Xallas ou Vau Çerveyro, no caso do río Castro, senón cunha intencionalidade xeral para todo o seu curso, como se pode comprobar no contido do texto.
A información que recolle Cornide consolida aínda moito máis as razóns que nós defendiamos para o cambio de nome de río Grande a río do Porto. Poucos ríos do tamaño coma ao que nos estamos a referir, dispoñían dun nome xenérico desde hai máis de 250 anos, e ademais no noso idioma, aínda que máis tarde fose traducido ao castelán ou cambiado como «río del Puente», e finalmente, en tempos do franquismo se substituíse polo de río Grande.
Por iso sería desexable que tanto os concellos que constitúen a Terra de Soneira, como os diferentes organismos da Xunta de Galicia, utilizasen na súa linguaxe oficial a denominación de río do Porto, a mesma que debería constar na cartografía do Instituto Xeográfico Nacional.
Para incrementar o coñecemento do río soneirán e espertar unha maior sensibilidade de cara a súa conservación, propuxémonos tamén a programación de rutas por diferentes tramos do seu curso. No pasado outono o Semescom organizou unha primeira polo curso medio, guiada por Xosé Mª Lema, coa participación dun nutrido número de asistentes.
Para este próximo sábado 7 de marzo temos programada unha segunda para percorrer o curso alto, un dos tramos de maior beleza, sobre todo nos espazos das fervenzas do Rabiñoso, Parga e Budián. Esta andaina será guiada por outro dos autores do libro, Evaristo Domínguez Rial, excelente coñecedor desta parte do río.
A semana próxima (25-28 de febreiro 2019) estará na rúa o libro O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, editado polo Seminario de Estudos da Costa da Morte e co-patrocinado polos concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas. Os seus autores, catro soneiráns: Evaristo Domínguez, Xan Fernández, Moncho Gándara e Xosé Mª Lema botaron máis de ano e medio no estudo deste río que nace por detrás do Bico de Meda en terras bergantiñás e xalleiras, pero que axiña se fai soneirán por completo, xunto con toda a súa cunca de afluentes, pois percorre de leste a oeste as terras dos concellos de Zas, Vimianzo e Camarñas, onde desemboca conformando a súa ría.
O libro conta con 140 páxinas, 151 fotos a cor, 13 gráficos e debuxos, 15 mapas e 3 cadros estatísticos. Na contratapas van dous grandes mapas (“A Rede Fluvial do río do Porto” e “Os seus principais aproveitamentos”, da autoría de Rubén Rial. A maior parte das fotos son dos autores, aínda que hai outras cedidas por outras perssoas (Ana García de “La Voz de Galicia”, Tania Carreira, Manuel Rial e Víctor Santos, entre outros). O libro leva a seguinte dedicatoria: “En memoria de Roberto Mouzo Lavandeira, a quen tanto lle seguimos debendo” (a maior parte dos debuxos, planos e unha parte importante das fotos son da súa autoría).
O libro estrutúrase do seguinte xeito: unha introdución; unha investigación sobre os distintos nomes que ó longo da historia tivo o río (desde o Vir fluvius “de los romanos” das crónicas antigas ó río Grande dos anos sesenta do séc. XX, pasando polos nomes de río da Ponte e río do Porto, que viña sendo o máis aceptado.
Despois un breve apartado do río na literatura, pásase a unha descrición polo miíudo do curso alto, do medio e do baixo, convidando a facer rutas de sendeirismo nas que se sinalan os lugares máis interesantes para visitar.
Este sábado 24 de novembro, catro membros da xunta directiva do Semescom temos actividades en forma de conferencia.
Evaristo Domínguez Rial participará no ciclo de conferencias “Monografías do Allo”. Será ás 16h30 con “150 anos de educación en Zas. O caso particular da escola do Allo”. De seguido comezará a conferencia de Antonio Presedo “A vida cotiá nos pazos da fidalguía galega no século XVIII”.
Manuel Vilar e Xosé María Lema estarán en Lugo no X Congreso Galego de Cruceiros, con estas comunicacións: “Dúas cruces, dúas historias ou a reactualización da memoria” (M. Vilar) e “O novo cruceiro parroquial do Allo (Zas): unha nova Trindade como motivo iconográfico” (X.Mª Lema). Desenvolverase no Centro de Artesanía e Deseño da cidade de Lugo.
Finalmente, Xan Fernández Carrera estará falando das actividades do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte nunha xornada organizada por Afiprodel.
Estamos vivindo un momento de auxe das rutas literarias, sobre todo as que se desenvolven en territorio urbano, pois tanto na Coruña como en Vigo estanse a organizar con éxito itinerarios deste tipo guiados por escritores locais.
Hai uns días, o Seminario de Estudos da Costa da Morte, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, organizou unha ruta baseada na novela Costa do Solpor, do escritor soneirán Xosé María Lema, para visitar aqueles espazos xeográficos que tiveron un maior protagonismo no libro. A convocatoria foi todo un éxito xa que se inscribiron 54 participantes dispostos a emprender esta viaxe baixo a guía do propio autor.
A primeira parada foi en Boallo (Berdoias), para ver os restos da casa na que habitaron o fidalgo Rodrigo Sánchez de Leis e a súa dona Josefa de Santiyán. O fillo maior deste matrimonio, Xosé de Leis, era o que quería de pretendente para a súa filla, Mariña, o fidalgo Cristovo de Lobeira. Estes personaxes reais aparecen no libro xunto con outros ficticios.
Antes de entrar en Fisterra tomamos o desvío cara a praia da Langosteira, o primeiro escenario, xa que é aquí onde atracou a Hispaniola despois da longa e accidentada travesía. Neste areal, o guía indícanos que ollemos cara ao monte Facho para localizar os dous outeiros cónicos que hai nos extremos, e que semellan os seos dunha muller deitada, que serían os «espidos peitos de muller enfesta». Ollando cara a esquerda vemos a impoñente mole granítica de cor rosada que forma o monte Pindo, a Montaña Vermella da novela.
No porto fisterrán agardábanos o poeta Alexandre Nerium, pseudónimo de Manuel López, o guía do Museo da Pesca situado no Castelo de San Carlos. Neste escenario é onde se dá o encontro entre Antón do Campón, sarxento que estaba a cargo da fortaleza, e o señor Trelawney, armador do barco, que viña solicitar operarios para arranxar os estragos que unha tormenta fixera no navío. Nerium recitounos varios dos seus poemas nos que o novelista se inspirou.
Rumbo ás terras de Muxía
Desde Fisterra partimos con rumbo ás terras de Muxía. Ao chegar a Vilarmide viramos á esquerda cara a Santa Mariña para pasar por diante da casa na que nacera o verdadeiro Crego Sabio, no que se inspirou o narrador para crear un dos personaxes do seu libro. Despois fomos a pé pola pista que conduce á punta da Buítra para ver desde alí destacados escenarios da novela: os cabos Touriñán e Vilán e, sobre todo, a praia da Arnela e a furna da Buserana. Desta praia partirá a Hispaniola para o seu país. Dentro da furna gardaban os piratas da Confraría da Man Morta os botíns das súas abordaxes.
Pola tarde emprendemos unha camiñada de máis de 2 quilómetros desde o Alto das Campeleiras (Santa Mariña de Xaviña) pola pista de terra ata o monte Branco. Neste lugar ollamos a Area Escorredía, unha rampla areenta que baixa pola ladeira do monte desde unha altura de máis de cen metros, e o Penal do Veo, un bloque granítico de forma cónica, pertencente á serra de Pedras Rubias, nome ficticio da serra de Pena Forcada. Xa de volta vimos, desde a parte alta do lugar de Santa Mariña, outro dos escenarios destacados da novela: os Coídos Xemelgos (enseadas do Colludo e de Cabanas, na realidade); no primeiro deles situaríase o Porto Valente, onde estivera atracada a Hispaniola vixiada polo bergantín An Ankou.
Finalmente paramos en Camelle para ver os valados das pequenas hortas da beiramar, que inspiraron o Valado do Vento da novela. Demos por rematada a ruta diante do Museo da Fundación Man, satisfeitos de visitar os escenarios máis representativos nos que se desenvolve a narración e tamén de gozar dos magníficos escenarios reais que nos brindou a natureza.
En la Voz de Galicia http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/fisterra/2015/10/23/ruta-literaria-pola-costa-da-morte/0003_201510C23C11992.htm