• info@semescom.gal

Unha viaxe de máis de 3.200 quilómetros á Idade Media

viaxeCatalunya_Alavandeira03

Unha viaxe de máis de 3.200 quilómetros á Idade Media

Fotos e artigo de A. Lavandeira en La Voz de Galicia

Seminario de Estudos Comarcais (Semescom) rematou o sábado unha viaxe de máis de 3.200 quilómetros á Idade Media, concretada en 17 grandes conxuntos románicos de Cataluña, Aragón e Navarra, algúns deles sitios declarados patrimonio da humanidade. Foi un intenso e profundo percorrido por mosteiros, igrexas, catedrais, castelos e conxuntos históricos profusamente explicados por varios disertadores e guías que converteron as aulas rodantes da entidade nunha especie de intenso minimáster. Completarase o 15 de outubro coa visita a varios templos románicos da Costa da Morte, en concreto polos que dan á ría de Camariñas e Muxía.

Claustros, ábsidas, arcos, criptas, torres, campanarios, capiteis, crismóns, murallas… Cada elemento arquitectónico ou decorativo recibiu a súa análise correspondente. E así en cada parada. Ademais das sistemáticas introducións históricas de Xosé María Lema Suárez, presidente do Semescom, Pablo Sanmartín, secretario da Rula, debullaba cada elemento construtivo, así como a historia dos mosteiros —moitos deles da orde de cistercense— de gran implantación na comunidade catalá. Santa María de Poblet, Santa María des Santes Creus, La Seu Vella, Vallbona de les Monges, San Pere el Gros, Santa María de Ripoll, Girona, Sant Pere de Besalú, catedral de La Seu d’ Urgell, San Joan de Boí, Santa María e San Climent de Taüll, o castelo de Loarre e Leyre.

viaxeCatalunya_Alavandeira04

Pero non só de románico gozaron os viaxantes do Semescom. O seu periplo tivo unha estación de parada no parque natural de la Garrotxa, con camiñada de acceso ao volcán de Santa Margarida. No seu cráter tamén hai unha capela. Xela Cid, que se mantivo moi activa e foi unha das grandes animadoras da aula rodante, Manuel Chouza e o profesor carballés Antón Losada explicaron profusamente os fenómenos causantes das trinta erupcións durante a historia xeolóxica catalá. En Castellfollit de la Roca, o grupo do Semescom puido admirar as casas colgadas.

Pablo Bustelo, ao fronte do seu vehículo de Autocares de Santiago —que como dixo o poeta Miro Villar vai levando a silueta da catedral de Compostela por Europa adiante—, avanzaba, ás veces, entre montañas vestidas de verde vizoso con curutos alopécicos, e outras, por vales milleirais xa logrados, froiteiras e campos de xirasois. E houbo visita a Cadaqués e ao territorio artístico de Dalí. Ata alguén puido mollarse no Mediterráneo e apreciar a inmensidade da Fisterra oriental á beira do Cabo de Creus.

Non estivo a viaxe exenta de anécdotas e momentos lúdicos. Mesmo no bus hai espazos para o humor. E dá moita tranquilidade viaxar cun médico a bordo. Xan Fernández Garrido atende as incidencias dos pasaxeiros e mesmo de quen se encontre polo camiño. De feito, na torre da igrexa de Sant Joan de Boí atendeu a unha moza que non coñecía de nada que se mancara ao caer polas escaleiras da torre medieval e sufrira unha forte ferida e máis mareos.

viaxeCatalunya_Alavandeira05

En Ampurias correspondeu inmersión no mundo romano e grego, coa conseguinte explicación do latinista Pepe Carballude, quen tamén amosou a vertente lúdica do medievo, con creacións literarias invitando a vivir e a beber. «Cando estamos na taberna non pensamos na terra (morte)», reza unha das estrofas de Carmina Burana.

Camiño dos Pireneos, Rosa García Vilariño tratou na súa quenda sobre as relacións da Xeración Nós con Cataluña e os poetas galegos traducidos á «llengua». Penas Patiño, pola súa banda, disertou apaixonadamente sobre a fauna pirenaica. Tamén contou que agora viñan grandes momentos para observación da migración de aves dende Touriñán. O bus seguía agora por estradas en forma de serpe, entre vagoadas profundas, con vistas a altas montañas adornadas con freixos, faias, pinos silvestres… En fin, unha pantalla verde de inmensas tonalidades. A cada curva, os Pireneos ofrecían unha estampa diferente e o sol reflectido nas súas calvas daba un brillo intenso. Foi neste senso unha viaxe de grandes contrastes, onde se pasou de pobos colgados nas montañas con castelos vencidos polo tempo e montes espidos a vales formados por glaciares. As pistas de esquí están agora ermas.

viaxeCatalunya_Alavandeira03

Traducidos ao catalán

A última charla impartiuna Miro Villar, que lembrou aos poetas da Costa da Morte traducidos ao catalán, Antón Zapata e Gonzalo López Abente, e a influencia de Eduardo Pondal en Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.

Na última xornada houbo un recoñecemento á equipa formada por Xosé María Lema, Chus Barbeira e Pablo Bustelo polos dez anos seguidos (a excepción do 2020 pola pandemia) que levan organizando esta xeira de viaxes formativas, que tiveron o seu comezo no 2004 co congreso sobre o megalitismo. Antes houbo outros percorridos formativos do Semescom, pero desde o 2012 están as mesmas persoas ao fronte desta aventura chea de saberes.

Admin