• info@semescom.gal

Quen somos?

O Seminario de Estudos Comarcais para a promoción do patrimonio cultural da Costa da Morte é unha asociación cultural de ámbito provincial, sen ánimo de lucro, constituída en Vimianzo o 24 de setembro de 2004 co fin de estudar, difundir, promover e dinamizar a cultura galega, con especial énfase na arte, antropoloxía, historia, economía, lingua, literatura, socioloxía e xeografía das comarcas que conforman a chamada Costa da Morte: Bergantiños, Terra de Soneira, Comarca de Fisterra, Xallas e Comarca de Muros.

Na casa de Juan Antonio Posse.

Na casa de Juan Antonio Posse.

Desde a nosa constitución puidemos levar a cabo actividades diversas encarreiradas a dar a coñecer ou promover o rico patrimonio artístico, paisaxístico ou cultural das comarcas da Costa da Morte. Por exemplo: varias charlas e un simposio internacional sobre o megalitismo da zona, dous simposios sobre o cura liberal Juan Antonio Posse, conferencias sobre outras fisterras do mundo (Terra do Fogo-Arxentina; Terranova-Canadá etc.) e publicacións variadas (libros ou documentais) sobre o patrimonio deste extenso territorio que leva o cabo Fisterra como mascarón de proa: as antas e mámoas, os faros, iconografía xacobea das igrexas e santuarios da Costa da Morte, batáns e muíños do Mosquetín (Vimianzo), penedos da Pasarela e Traba (Vimianzo e Laxe), os hórreos da Costa da Morte e Barbanza (o hórreo atlántico ou fisterrán), cruceiros, escritores e escritoras da Costa da Morte, textos literarios sobre a Costa da Morte, as romarías máis sobranceiras da Costa da Morte, o berro seco e as romarías dos San Fins, a romaría da Barca de Muxía, rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte etc. Tamén organizamos exposicións itinerantes sobre os dolmens da Costa da Morte e concursos de poesía para nenos/as e adultos, con grande éxito de participación. A maior parte das actividades anteriormente citadas contaron coa axuda da Deputación da Coruña.

penedos-cartel-portada

Por outra banda, organizamos excursións colectivas para dar a coñecer a Costa da Morte a propios e estraños en visitas guiadas: a ruta do megalitismo, dos faros, do románico, dos penedos de Pasarela e Traba, dos naufraxios (todas en varias ocasións). Anualmente tamén preparamos excursións colectivas guiadas na procura das rutas do Megalitismo europeo e as fisterras atlánticas, que nos levaron a visitar Bretaña, o Alentejo portugués, o suroeste británico e Cornualles e Normandía.

Excursión a Cornualles, Agosto de 2011

Excursión a Cornualles, Agosto de 2011

Así mesmo, ofrecemos colaboración ós concellos de calquera das comarcas e a outras entidades (asociacións culturais, de empresarios, de turismo etc.) da Costa da Morte. De feito, temos colaborado con outras asociacións en actividades organizadas por elas (Departamento de Arqueoloxía da Universidade de Santiago, Aulas da Costa da Morte da Universidade da Coruña, Departamento de Xeoloxía da Universidade da Coruña, Asociación de Arqueólogos Galegos, Concello de Vimianzo etc.).

Entendemos que o patrimonio cultural é un equipamento colectivo imprescindible nunha sociedade moderna e democrática.