• info@semescom.gal

Unha ollada ao retrovisor das viaxes do SEMESCOM

2007_viaxe_bretanha

Unha ollada ao retrovisor das viaxes do SEMESCOM

Por Xan Fernández Carrera, vicepresidente do SEMESCOM

Na xa longa historia do Semescom que comezou no ano 2004, as viaxes foron as actividades que máis se mantiveron no tempo e que acadaron un maior éxito. Quizais fose polo acertado da súa planificación, pero tamén pola boa relación que se mantivo entre os compoñentes do grupo que habitualmente participamos nelas.

Unha das causas do seu inicio correspóndese co interese que sempre tivo a nosa asociación en coñecer a cultura máis primitiva do territorio da Costa da Morte, o megalitismo, e descubrir como se desenvolveu noutros territorios  da Europa Atlántica. A organización do Simposio sobre o Patrimonio megalítico da Costa da Morte no seu contexto atlántico, realizado no Pazo da Cultura de Carballo en xullo de 2006 cun gran éxito de participantes (172 inscritos), coordinado polo profesor da USC Antón Rodríguez Casal, no que participaron figuras tan relevantes como Germán Delibes ou o bretón Charles Le Roux, serviu de motivación para que ao ano seguinte se organizase a primeira das viaxes do Semescom a Bretaña, unha ruta inesquecible polas terras bretoas para os que participamos nela, polo interesante do seu contido, pero tamén polo magnífico guía que tivemos: o profesor Le Roux.

2007_viaxe_bretanha

Dolmen de Crec’h Quillié (Bretaña)

 

De feito, no ano 2008, a motivación da viaxe que organizamos durante as vacacións de Semana Santa ao Alentejo e a outros lugares de Portugal foi tamén a cultura megalítica. Guiados pola profesora portuguesa Goretti Sousa, visitamos as antas, os  menhires e os crómlech máis importantes desa rexión do sur de Portugal, aínda que aproveitamos tamén para ver outros lugares de interese como  a citania de Briteiros, Idanha, Garda ou Porto.

200_viaxe_alentejo

Crómlech dos Almendres (Alentejo, Portugal)

Na ponte do primeiro de maio dese mesmo ano o Semescom planificou unha excursión a Atapuerca, na que vimos outros lugares do norte de Burgos e tamén algún dolmen da zona.

Nos anos 2009 e 2010 non se programaron viaxes, pero retomámolas no 2011 coa excursión a Cornualles, guiada por Manolo Vilar, que coñecía ben aquel territorio británico. Nesta o megalitismo tamén se tivo en conta, xa que unha das visitas máis salientables foi a de Stonehenge, o crómlech máis espectacular desta cultura. Nesta ruta había outro aliciente importante que era coñecer outras fisterras atlánticas, e Cornualles era unha delas. Esta era outra das teimas do Semescom.

200_viaxe_cornualles
Land’Send (Cornualles)

No ano 2012 volvemos a Bretaña, para coñecer a súa parte norte que non viramos na anterior, aínda que repetimos algúns dos lugares. Estivemos en Paimpol, Concal, Saint Maló, Dinán, pero tamén nos achegamos a ver o gran menhir Champ Dolent. Despois entramos en Normandía por Saint Michel e continuamos por Granville, Saint Lo, Bayeux e Caen.

No 2013 toucoulle a Irlanda, un pais atlántico que conserva unha gran cultura megalítica, pois aquí están os maiores túmulos coma o de Newgrage. Foi unha viaxe moi completa na que visitamos os lugares patrimoniais máis importantes da illa. Cidades como Lemerik, Cork, Galway ou a súa capital Dublín. Tamén percorremos parte de Irlanda do Norte, con visita á súa capital, Belfast, e a Calzada dos Xigantes.

200_viaxe_irlandanorte

Calzada dos Xigantes (Irlanda do Norte)

No 2014 completamos a ruta de Normandía e incluímos Bélxica e Luxemburgo e parte da Francia central. Nesta viaxe a historia Contemporánea recobrou máis protagonismo  que a prehistoria, polos acontecementos bélicos que se sucederon nesta parte de Francia, como a batalla de Verdún ou o desembarque de Normandía. Mais tamén consideramos que foi a viaxe de gozar do mellor gótico francés con visitas ás cidades de Ruán, Amiens, Reims ou Metz. Tamén vimos as cidades máis notables de Bélxica: Amberes, Bruxas ou Bruxelas.

A viaxe do 2015 levounos ao centro de Europa, ao estado de Baviera, situado no sur de Alemaña. Un estado cunha gran variedade de paisaxes, que van desde as elevadas terras dos Alpes ata as chairas do Rin ou Danubio, un territorio con espléndidos bosques autóctonos que alternan coas augas interiores dos lagos, que tivemos a oportunidade de disfrutar, pero tamén de gozar da historia das súas cidades: Ausburgo, Nuremberg, Bamberg, Ratisbona ou Munich. Tamén se nos presentou a ocasión de visitar Baden,  Heindelberg,  Friburgo, Estrasburgo ou achegarnos á abadía de Cluny.

200_viaxe_alemanha

Palacio de xustiza de Nuremberg (Alemaña)

No 2016 volvemos de novo á cultura megalítica de Estremadura e Portugal, aos dolmens da Lagunita, recordados sobre todo por aquel día de calor extremo, e do Alentejo, pero tamén á cultura clásica romana representada en Mérida, Alcántara ou Évora. Non desaproveitamos a posibilidade da cultura lingüística que nos ofrecía o val do Xálama coa súa fala, que comprobamos en San Martín de Trevejo. O interese pola historia tamén nos levou ás cidades de Cáceres, Plasencia, Garda, Viseu ou Lisboa.

No 2017 desprazámonos ao Mediterráneo, á Provenza. Nesta viaxe tamén estivo moi presente a historia e a cultura romana, coas visitas a Nimes ou Arlés,  pero tamén a cristiá, cando nos trasladamos á abadía cisterciense de Senanque ou á cidade de Aviñón.

200_viaxe_marsella

Marsella, embarcando cara ás Calanques

En 2018 volvemos ao Mediterráneo, aínda que boa parte da viaxe discorreu polas terras do interior do norte de Italia: Milán, Brescia, Verona, Padua, Módena ou Parma. Para despois desprazarnos ao Mare Nostrum e percorrer as rúas de Xénova e ou as vilas de Cinque Terra.

No 2019 retornamos á cultura atlántica, ao país de Gales. A historia medieval estivo moi presente na visita aos castelos como o de  Caerphilly ou Caerfarnon. Mais tamén na abadía de Tintern. Outros compoñentes importantes desta ruta foi a paisaxe galesa tanto de costa como de interior ou a visita ás cidades de Cardiff, capital do pais, ou Birmingham.

200_viaxe_gales

Castelo de Caernarfon (País de Gales)

O 2020 foi ese ano perdido, que sería mellor esquecer, non obstante quedará moi gravado na memoria individual e colectiva de todos nós polos feitos acontecidos. Tamén nos lembramos dese fatídico ano pola viaxe que non puidemos realizar ao norte de Alemaña, que xa estaba practicamente organizada e cun programa ben atractivo. Queda pendente para outro ano.

No 2021 retomamos as viaxes, pero cos restricións impostas pola covid-19 que condicionaron o programa da ruta a elixir. Con todo iso a viaxe escollida superou con moito as expectativas que tiñamos antes de realizala. Tivo como centro de interese o románico palentino, pero converteuse nunha ruta diversa e moi completa. Ademais do singular  románico que  vimos,  visitamos verdadeiras xoias do gótico como a catedral de Burgos ou León. Salientables mosteiros como o de San Millán de la Cogolla ou Santo Domingo de Silos. Fermosas vilas históricas: Escaray, Covarrubias, Lerma ou Oña. E as cidades de Logroño, Soria, Burgos, Palencia ou León. Resultou tamén de interese algo non programado como foi a ruta dos dinosaurios e o museo dedicado a estes grandes réptiles en Enciso,  tan ben explicado por Chou. De Volta fixemos unha parada en San Andrés del Rabanedo para honrar a figura do crego Juan Antonio Posse.

200_viaxe_castela

Igrexa de San Salvador de Catamuda (Palencia)

E chegamos a este 2022 no que volvemos ter como temática central o románico, desta vez o pirenaico de Aragón e Cataluña, pero a viaxe foi moito máis ampla e enriquecedora. Visitamos os mosteiros máis importantes de Cataluña: Poblet, Santes Creus, Vallbona ou Ripoll, vilas históricas de gran encanto como Montblanc, Besalú, Cadaqués,  Peralada, Castellfollit de la Roca ou La Seu D’urgell e as cidades de Valladolid,  Lleida, Vic ou Girona, pero tamén tivemos ocasión de achegarnos ao mundo clásico na visita ao xacemento de Empuries ou aos espazos naturais dos Pirineos ou da Garrotxa.

2007_viaxe_catalunha

Igrexa de Sant Climent de Taüll (Lleida)

Coa ruta deste ano cúmprese o décimo aniversario de viaxes programadas por Chus Barbeira, Xosé Mª Lema e Pablo Bustelo, que se iniciaron coa ruta a Bretaña e Normandía o ano 2012. Por iso nos pereceu un bo momento para botar unha ollada ao retrovisor desta actividade viaxeira  do Semescom.

Para algúns dez anos ao mellor non lle parecen moitos, pero se botamos a vista a atrás e vemos as fotos daquela viaxe que fixemos ás terras bretoas ou normandas, seguro que percibiremos mellor ese paso do tempo.

Tamén nos decataremos do discorrer dos anos se intentamos lembrar os centos de lugares visitados en todo ese período, que supuxeron a gran riqueza patrimonial que tivemos a oportunidade de coñecer ao longo dese tempo.

Dez anos compartindo moitos quilómetros en autobús, moitos hoteis, moitas conversas, moitas visitas e moita historia e cultura.

Somos conscientes do traballo que supoñe organizar cada unha destas viaxes, o tempo que hai que dedicarlle a elaborar o programa, a atopar aloxamento no mes de agosto para un grupo tan numeroso, buscar información e redactar a guía de viaxe que se lle entrega a cada un de nós e facer fronte aos imprevistos que xorden a diario.

Por iso este ano queremos ter un recoñecemento especial para estas tres persoas que son as que nos permiten que cada un de nós non teñamos máis preocupación que subir ao autobús e ver cada día o programa de visitas que imos realizar esa xornada.

Admin