• info@semescom.gal

Tag Archives: viaxe 2022

viaxeCatalunya_xanfernadez

O retorno á casa

Por Xan Fernández Carrera, vicepresidente do SEMESCOM

Na viaxe do pasado ano comentouse que de non ser pola  COVID-19, un ano en branco, sería a número dez con Xosé María Lema, Chus Barbeira e Pablo Bustelo ao fronte da organización das mesmas.

Pois ben, este ano 2022 si que despedimos por fin unha década de viaxes levadas adiante por estas tres persoas, traballadoras onde as haxa, que lle deron un toque especial, máxico, xerando unha maneira diferente de viaxar.

Estas viaxes, ademais de cumprir cos obxectivos iniciais do SEMESCOM  da descuberta do Megalitismo Atlántico e as súas Fisterras, foron un paso máis alá. Coa participación cada vez maior, aproveitando as etapas longas no bus,  achegando informacións complementarias, naceron as AULAS RODANTES. Destaparon a Xeografía, a Xeoloxía e Bioloxía, os Fósiles, os Espazos Naturais, os Ríos, a Literatura, as Linguas Minoritarias, a Gastronomía e a Música dos lugares por onde pasamos, e xunto coa súa Historia, esta sempre da man do profesor e presidente do Seminario Xosé María Lema.

Segundo o país de destino estas aulas mudan de nome e foron PETISCOS en Portugal, PROVENZAIS no Sur de Francia ou CHIACCHERATAS en Italia. A creatividade e variedade nos temas tratados, así como a paixón nos relatos expostos alixeiran o camiño e contribúen a facer únicas as viaxes deste grupo.

Agradedecemento para as persoas que escriben, as que falan e sobre todo para os que escoitan.

> CONTINUAR LENDO O ARTIGO

viaxeCatalunya_Alavandeira03

Unha viaxe de máis de 3.200 quilómetros á Idade Media

Fotos e artigo de A. Lavandeira en La Voz de Galicia

Seminario de Estudos Comarcais (Semescom) rematou o sábado unha viaxe de máis de 3.200 quilómetros á Idade Media, concretada en 17 grandes conxuntos románicos de Cataluña, Aragón e Navarra, algúns deles sitios declarados patrimonio da humanidade. Foi un intenso e profundo percorrido por mosteiros, igrexas, catedrais, castelos e conxuntos históricos profusamente explicados por varios disertadores e guías que converteron as aulas rodantes da entidade nunha especie de intenso minimáster. Completarase o 15 de outubro coa visita a varios templos románicos da Costa da Morte, en concreto polos que dan á ría de Camariñas e Muxía.

Claustros, ábsidas, arcos, criptas, torres, campanarios, capiteis, crismóns, murallas… Cada elemento arquitectónico ou decorativo recibiu a súa análise correspondente. E así en cada parada. Ademais das sistemáticas introducións históricas de Xosé María Lema Suárez, presidente do Semescom, Pablo Sanmartín, secretario da Rula, debullaba cada elemento construtivo, así como a historia dos mosteiros —moitos deles da orde de cistercense— de gran implantación na comunidade catalá. Santa María de Poblet, Santa María des Santes Creus, La Seu Vella, Vallbona de les Monges, San Pere el Gros, Santa María de Ripoll, Girona, Sant Pere de Besalú, catedral de La Seu d’ Urgell, San Joan de Boí, Santa María e San Climent de Taüll, o castelo de Loarre e Leyre.

viaxeCatalunya_Alavandeira04

Pero non só de románico gozaron os viaxantes do Semescom. O seu periplo tivo unha estación de parada no parque natural de la Garrotxa, con camiñada de acceso ao volcán de Santa Margarida. No seu cráter tamén hai unha capela. Xela Cid, que se mantivo moi activa e foi unha das grandes animadoras da aula rodante, Manuel Chouza e o profesor carballés Antón Losada explicaron profusamente os fenómenos causantes das trinta erupcións durante a historia xeolóxica catalá. En Castellfollit de la Roca, o grupo do Semescom puido admirar as casas colgadas.

Pablo Bustelo, ao fronte do seu vehículo de Autocares de Santiago —que como dixo o poeta Miro Villar vai levando a silueta da catedral de Compostela por Europa adiante—, avanzaba, ás veces, entre montañas vestidas de verde vizoso con curutos alopécicos, e outras, por vales milleirais xa logrados, froiteiras e campos de xirasois. E houbo visita a Cadaqués e ao territorio artístico de Dalí. Ata alguén puido mollarse no Mediterráneo e apreciar a inmensidade da Fisterra oriental á beira do Cabo de Creus.

Non estivo a viaxe exenta de anécdotas e momentos lúdicos. Mesmo no bus hai espazos para o humor. E dá moita tranquilidade viaxar cun médico a bordo. Xan Fernández Garrido atende as incidencias dos pasaxeiros e mesmo de quen se encontre polo camiño. De feito, na torre da igrexa de Sant Joan de Boí atendeu a unha moza que non coñecía de nada que se mancara ao caer polas escaleiras da torre medieval e sufrira unha forte ferida e máis mareos.

viaxeCatalunya_Alavandeira05

En Ampurias correspondeu inmersión no mundo romano e grego, coa conseguinte explicación do latinista Pepe Carballude, quen tamén amosou a vertente lúdica do medievo, con creacións literarias invitando a vivir e a beber. «Cando estamos na taberna non pensamos na terra (morte)», reza unha das estrofas de Carmina Burana.

Camiño dos Pireneos, Rosa García Vilariño tratou na súa quenda sobre as relacións da Xeración Nós con Cataluña e os poetas galegos traducidos á «llengua». Penas Patiño, pola súa banda, disertou apaixonadamente sobre a fauna pirenaica. Tamén contou que agora viñan grandes momentos para observación da migración de aves dende Touriñán. O bus seguía agora por estradas en forma de serpe, entre vagoadas profundas, con vistas a altas montañas adornadas con freixos, faias, pinos silvestres… En fin, unha pantalla verde de inmensas tonalidades. A cada curva, os Pireneos ofrecían unha estampa diferente e o sol reflectido nas súas calvas daba un brillo intenso. Foi neste senso unha viaxe de grandes contrastes, onde se pasou de pobos colgados nas montañas con castelos vencidos polo tempo e montes espidos a vales formados por glaciares. As pistas de esquí están agora ermas.

viaxeCatalunya_Alavandeira03

Traducidos ao catalán

A última charla impartiuna Miro Villar, que lembrou aos poetas da Costa da Morte traducidos ao catalán, Antón Zapata e Gonzalo López Abente, e a influencia de Eduardo Pondal en Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.

Na última xornada houbo un recoñecemento á equipa formada por Xosé María Lema, Chus Barbeira e Pablo Bustelo polos dez anos seguidos (a excepción do 2020 pola pandemia) que levan organizando esta xeira de viaxes formativas, que tiveron o seu comezo no 2004 co congreso sobre o megalitismo. Antes houbo outros percorridos formativos do Semescom, pero desde o 2012 están as mesmas persoas ao fronte desta aventura chea de saberes.

viaxeCatalunya_Alavandeira01

Da Fisterra atlántica á Fisterra mediterránea

Por A. Lavandeira en La Voz de Galicia

Dende a Fisterra atlántica á Fisterra mediterránea é a nova viaxe da aula rodante do Seminario de Estudos Comarcais (Semescom), na que participan medio cento de persoas, a meirande parte delas profesionais do ensino. Uns percorridos que recuperaron a normalidade tralas limitacións da pandemia do covid. «A busca do románico catalán» titula o Semescom a súa aventura.

O percorrido comezou o xoves 17, no autobús de Lázara, guiado coma sempre por Pablo Bustelo, de gran experiencia en viaxes de tipo cultural. A primeira parada deste periplo tivo lugar en Urueña (Valladolid), conxunto histórico artístico dende 1975 e que goza do título de Vila do Libro. Esta pequena cidade rodeada de murallas do século XIII, cun castelo do XI e cun centro dedicado Miguel Delibes foi a elexida para xantar. Valladolid converteuse no lugar da pernocta inaugural con percorrido e visitas, entre outros lugares, ao Museo Arqueolóxico.

viaxeCatalunya_Alavandeira02

Virían logo na mañá do venres as primeiras aulas rodantes, a cargo do presidente do Semescom, Xosé María Lema, autor da guía histórica da viaxe; Xela Cid, que disertou sobre ríos, ecosistemas e flora do Ebro e outros cauces incluídos na guía, que elaborou Chus Barbeira, tamén responsable da organización do percorrido. Mentres o autobús avanzaba no medio dun mar de viñas de Vega Sicilia (e outras bodegas de Ribera del Duero), o latinista Pepe Carballude abordou a vida e obra de autores nacidos no territorio do itinerario e que foron grandes persoeiros da vida cultural e literaria de Roma, Quintiliano a Marcial, natural da cidade agora aragonesa Bílbilis. A pesares de que os temas poidan semellar áridos, a verdade é que son amenos.

Pablo Sanmartín, secretario de A Rula, tratou sobre o románico e dos moitos mosteiros cistercenses, obxecto case principal da viaxe. Pola súa banda, Xan Fernández Carrera, presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns, aproveitou a proximidade de Calatayud para abordar a relación desta cidade con Muxía e o consumo de congro procedente dos secadoiros da vila da Barca. Esta actividade artesanal con máis de 500 anos de historia vai desaparecer por culpa das normativas sanitarias e a conseguinte aplicación dunha multa por parte de Sanidade ao último produtor.

Antón Losada, profesor carballés, disertou sobre os aspectos xeográficos da área de incursión, e nos vindeiros días haberá máis participantes neste intercambio de saberes.

En San Esteban de Gormaz, terra de aventuras do Cid, o Douro baixa recollido e silencioso por debaixo dunha ponte romana. O venres, nunha viaxe entre pobos torrados con pouso histórico e restos de castelos e igrexas cargadas de séculos e ríos con augas entre grises e verdes, tivo lugar a primeira visita a un convento, o Monasterio de Piedra, na provincia de Zaragoza. Un vello cenobio reconvertido en parte en establecemento hostaleiro e rodeado dunha natureza moi vizosa, con moitas fervenzas, pasadizos con escaleiras e pequenos túneles que mesmo semella máis froito da fantasía ca da realidade.

viaxeCatalunya_Alavandeira01

En Lleida, lugar da segunda pernocta, os viaxeiros buscaron, como xa tiña explicado Lema Suárez, unha das tres representacións medievais da Traslatio de Santiago, semellante á do pórtico sur da igrexa de Cereixo, e que está nun capitel do claustro da Seu Vella. O sábado houbo visitas aos mosteiros de Poblet, Patrimonio Mundial da Humanidade, e Santa María de Santes Creus. Un verdadeiro mergullo, moi detido e profundo, no nacemento no século XII destes conventos cistercenses e a súa importancia histórica, relixiosa, social, cultural, económica e política. Ámbolos dous acollen tumbas dos reis de Aragón e Cataluña. Os monarcas favoreceron estas institucións, que acadaron grandes dimensións en moitos aspectos, tamén no interese arquitectónico. No medio houbo unha parada para xantar na vila medieval de Montblanc, onde hai unha inscrición en latín que vén a dicir que os monumentos de Montblanc ensinan a grandeza deste lugar. Quedan, ata o día 27, outros moitos mosteiros por ver e examinar e tamén por ir a Cabo de Creus, a Fisterra mediterránea.