Dende a Fisterra atlántica á Fisterra mediterránea é a nova viaxe da aula rodante do Seminario de Estudos Comarcais (Semescom), na que participan medio cento de persoas, a meirande parte delas profesionais do ensino. Uns percorridos que recuperaron a normalidade tralas limitacións da pandemia do covid. «A busca do románico catalán» titula o Semescom a súa aventura.
O percorrido comezou o xoves 17, no autobús de Lázara, guiado coma sempre por Pablo Bustelo, de gran experiencia en viaxes de tipo cultural. A primeira parada deste periplo tivo lugar en Urueña (Valladolid), conxunto histórico artístico dende 1975 e que goza do título de Vila do Libro. Esta pequena cidade rodeada de murallas do século XIII, cun castelo do XI e cun centro dedicado Miguel Delibes foi a elexida para xantar. Valladolid converteuse no lugar da pernocta inaugural con percorrido e visitas, entre outros lugares, ao Museo Arqueolóxico.
Virían logo na mañá do venres as primeiras aulas rodantes, a cargo do presidente do Semescom, Xosé María Lema, autor da guía histórica da viaxe; Xela Cid, que disertou sobre ríos, ecosistemas e flora do Ebro e outros cauces incluídos na guía, que elaborou Chus Barbeira, tamén responsable da organización do percorrido. Mentres o autobús avanzaba no medio dun mar de viñas de Vega Sicilia (e outras bodegas de Ribera del Duero), o latinista Pepe Carballude abordou a vida e obra de autores nacidos no territorio do itinerario e que foron grandes persoeiros da vida cultural e literaria de Roma, Quintiliano a Marcial, natural da cidade agora aragonesa Bílbilis. A pesares de que os temas poidan semellar áridos, a verdade é que son amenos.
Pablo Sanmartín, secretario de A Rula, tratou sobre o románico e dos moitos mosteiros cistercenses, obxecto case principal da viaxe. Pola súa banda, Xan Fernández Carrera, presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns, aproveitou a proximidade de Calatayud para abordar a relación desta cidade con Muxía e o consumo de congro procedente dos secadoiros da vila da Barca. Esta actividade artesanal con máis de 500 anos de historia vai desaparecer por culpa das normativas sanitarias e a conseguinte aplicación dunha multa por parte de Sanidade ao último produtor.
Antón Losada, profesor carballés, disertou sobre os aspectos xeográficos da área de incursión, e nos vindeiros días haberá máis participantes neste intercambio de saberes.
En San Esteban de Gormaz, terra de aventuras do Cid, o Douro baixa recollido e silencioso por debaixo dunha ponte romana. O venres, nunha viaxe entre pobos torrados con pouso histórico e restos de castelos e igrexas cargadas de séculos e ríos con augas entre grises e verdes, tivo lugar a primeira visita a un convento, o Monasterio de Piedra, na provincia de Zaragoza. Un vello cenobio reconvertido en parte en establecemento hostaleiro e rodeado dunha natureza moi vizosa, con moitas fervenzas, pasadizos con escaleiras e pequenos túneles que mesmo semella máis froito da fantasía ca da realidade.
En Lleida, lugar da segunda pernocta, os viaxeiros buscaron, como xa tiña explicado Lema Suárez, unha das tres representacións medievais da Traslatio de Santiago, semellante á do pórtico sur da igrexa de Cereixo, e que está nun capitel do claustro da Seu Vella. O sábado houbo visitas aos mosteiros de Poblet, Patrimonio Mundial da Humanidade, e Santa María de Santes Creus. Un verdadeiro mergullo, moi detido e profundo, no nacemento no século XII destes conventos cistercenses e a súa importancia histórica, relixiosa, social, cultural, económica e política. Ámbolos dous acollen tumbas dos reis de Aragón e Cataluña. Os monarcas favoreceron estas institucións, que acadaron grandes dimensións en moitos aspectos, tamén no interese arquitectónico. No medio houbo unha parada para xantar na vila medieval de Montblanc, onde hai unha inscrición en latín que vén a dicir que os monumentos de Montblanc ensinan a grandeza deste lugar. Quedan, ata o día 27, outros moitos mosteiros por ver e examinar e tamén por ir a Cabo de Creus, a Fisterra mediterránea.