Convidado por Carlos Fernández Coto –presidente de APATRIGAL (Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego)–, asistiu Xosé Mª Lema como representante do SEMESCOM ao II Encontro Internacional Rede Horrea, celebrado en Arcos de Valdevez (Portugal), que reuniu a investigadores portugueses, asturianos, leoneses, cántabros e galegos cun obxectivo común: a defensa das modalidades de hórreos das súas respectivas comunidades.
A mañá do sábado 20 dedicouse por completo á presentación de comunicacións. Presentaron cadansúa os asturianos Víctor M. Suárez e Fernando Mora (ambos da Asociación del Hórreo Asturiano); o leonés Eloy Algorri (“El hórreo en León (España)”; o cántabro José Francisco Fernández Silió (“Proyecto Reconstrucción Hórreo Cántabro”) e a portuguesa da Universidade de Aveiro, Alice Tavares Costa (“Desafios para a valorização do Patrimonio Rural: do mapeamento à reabilitação dos celeiros elevados da Região Centro de Portugal”).
A parte galega –coordinada por Fernández Coto– estivo representada, por orde de intervención, en primeiro lugar, por Carlos Regueira Méndez, autor de Atlas. Hórreos de Galicia (2017), a obra máis completa e actualizada sobre os hórreos galegos. O seu relatorio levou o título “O hórreo galego trala chegada do millo americano”.
En segundo lugar, por Xosé Mª Lema, quen falou sobre “O contido inmaterial do hórreo galego”, baseándose sobre todo no hórreo atlántico ou fisterrán, que el estudara con anterioridade (lembremos a súa publicación, en colaboración con Carlos Fernández Concheiro de O hórreo atlántico ou fisterrán. Cabazos e cabaceiras da Costa da Morte (Galicia) [Semescom 2012].
Tanto a conferencia de Regueira como a de Lema foron en galego, comprendidas sen maior dificultade tanto polos portugueses, como polos demais asistentes: galegos, asturianos, leoneses e cántabros.
A organización do evento estivo a cargo da Cámara Municipal de Arcos de Valdevez, presidida polo seu alcalde D. João M. do Amaral Esteves, que fixo un excelente discurso de benvida salientando a estreita proximidade e relación entre galegos e portugueses do Norte, que nos lembrou aquela viñeta de Castelao do avó e do neto á beira do Miño: “Nós estamos –dixo– muito máis próximos aos galegos do outro lado da raia que aos nosos compatriotas de Lisboa; como sabemos que muitos galegos están máis próximos a nós que aos de Madrid, e que me perdoen os demais españois aquí presentes”.
Houbo tamén “workshops” –obradoiros, diriamos os galegos– de “Contruções de Canastros de varas” e presentación de documentais sobre o patrimonio inmaterial do Parque Nacional Peneda-Gerês; “Maestros del Hórreo Asturiano”; “Das arquitecturas tradicionais” etc.
Quen levou todo o peso da organización foi Fernando Cerqueira Barros, arquitecto e investigador no Centro de Estudos de Arquitectura e Urbanismo da Facultade de Arquitectura da Universidade do Porto, que tamén foi o guía de privilexio que tivemos para a visita a Aldeia de Sistelo, os seus socalcos para o cultivo do millo nas abas das montañas e os seus espigueiros. Esta aldea conta, no Castelo de Sistelo –un pazo do séc. XIX– cun Centro de Interpretación do cultivo do millo e de todo o patrimonio cultural e natural desta zona verdadeiramente exemplar, con todos os medios modernos (pantallas táctiles, mapeamento etc.).
O domingo volveu haber excursión en bus aos conxuntos de espigueiros e canastros de varas de Vilarinho do Souto; á Vila do Soajo e o seu conxunto de espigueiros da Eira do Penedo (co Centro Interpretativo e Etnográfico do Soajo); ao conxunto de espigueiros de Lindoso (Ponte da Barca) e á aldea de Puxedo (Lobios, Galiza), co seu Ecomuseo Pan do Xurés.
De seguido, a ligazón ao relatorio de Xosé Mª Lema: “O contido inmaterial do hórreo galego”.
Os Penedos de Pasarela e Traba, que se estenden polos concellos de Vimianzo e Laxe, foron declarados como Paisaxe Protexida pola Xunta de Galicia en 2009 e, á espera de que se desenvolva o esperado plan de xestión da contorna, a sú magnificencia foi dada a coñecer no último Congreso Internacional de Xeomorfoloxía celebrado en Coímbra (Portugal), no que o catedrático de Xeografía Física da USC, Augusto Pérez Alberti, presentou os resultado dun amplo estudo de campo elaborado este ano.
Un traballo que complementa o estudo que el mismo elaborara para xustificar a declaración do espazo como Paisaxe Protexida e, a través do cal, puido identificar 92 xeoformas singulares polo seu deseño, aínda que, engade, “a bo seguro que a cantidade é maior”. O seu obxectivo é que este “museo de xeoformas que acadan a categoría de arte natural” poida ser coñecido en todo o mundo, pois como ben comprobou no congreso luso, no que se deron cita os maiores especialistas en xeomorfoloxía, “moi poucos coñecían os Penedos de Traba e Pasarela”. Un descoñecemento que, afirma, é extensible ao ámbito nacional e, mesmo, a nivel máis local, a pesares do bo traballo realizado por entidades como o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom).
Entrevista en La Voz de Galicia. Edición Carballo, por Patricia Blanco (02/11/2022)
O catedrático de Xeografía Física Augusto Pérez Alberti (Tortosa, 1947) presentará este sábado en Pasarela, Vimianzo (20.00, escola Labarta Pose) o seu último traballo referente aos Penedos. Novos datos para a interpretación das formas do Penedos de Pasarela e Traba, como el mesmo di, será «unha charla divulgativa», accesible a todo o público interesado. Promoven Semescom, Asociación de Veciños de Pasarela e Plataforma SalvemoSOSPenedos.
—Que nos trae desta volta?
—Quero presentar os resultados dunha análise diferente. O que fixera no estudo previo á declaración de Paisaxe Protexida dos Penedos [ano 2009] foi un inventario de formas, unha pequena introdución. Mais agora, aproveitando modelos dixitais de terreo de alta resolución, cartografei con detalle tanto as liñas de fractura que marcan un pouco o deseño das formas como o seu contorno, características… Un montón de experimentos, mapas de pendente, orientacións…
—E o resultado foi…
—Situei con GPS de precisión as figuras máis relevantes, unhas 93. Ao traballar con modelo dixital todas as formas, máis de 7.000, quedaron rexistradas, mais eu seleccionei as máis significativas. Evidentemente moitas delas xa coñecidas do traballo de Xosé María Lema e Roberto Mouzo, pero tamén algunha máis. Trátase, ademais, de amosar, por que unhas están nun sitio e outras noutro. As máis grandotas e redondeadas, no fondo dos vales, coincidindo con antigas fallas. Na sesión intentarei amosar o papel desa combinación de planos, horizontais e verticais, que ao longo de millóns de anos deu lugar a estas miles de formas que clasifico en zoomorfas, antropomorfas e multiformes. Como se formaron as rochas graníticas? Que idade teñen? Tamén diso falarei este sábado, cunha linguaxe o menos técnica posible, porque a idea é explicar a xénese para intentar entender por que este conxunto de formas singulares é realmente algo único a nivel internacional.
—Veno de contar no Congreso de Xeomorfoloxía de Coímbra, en Portugal. Sabían alí dos Penedos?
—Para este traballo revisei a biblioteca sobre granitos, e hai moitas zonas graníticas, incluso na Antártida, pero con esta variedade de formas tan peculiar non atopei sitio algún. Á entrada do congreso situamos un póster, con destacadas imaxes, para que todo o mundo soubese que existe un lugar chamado Pasarela e Traba… Na miña sección compartía dirección cun belga e un polaco, este último Piotr Migon, un dos grandes estudosos do granito a nivel mundial. Non coñecía os Penedos e quedou admirado das formas. Moita máis xente mo comentou, o atractivo da zona.
—Dixo en Coímbra que debera ser un lugar de Interese Xeolóxico.
—Debera, porque ata o momento non o é, pese a ser algo realmente único. Requiriría do tantas veces falado centro de interpretación, de algo máis de aproveitamento. A zona é unha pasada, dende Vilán a Laxe: dunas, coídos, a lagoa de Traba, estas formas… Penso que se propuxera como lugar de Interese Xeolóxico, máis segue sen selo. A miña idea é redactar un artigo formulando de novo a proposición.
—Explican dende a ciencia e o raciocinio a orixe dos Penedos, pero semella incrible crer na aparición espontánea desas figuras.
—Realmente algunhas parecen feitas a man, si [ri]. Pero non. Son procesos moi longos, de millóns de anos, inflúen as fracturas, o movementos das placas, o vento, a salitre… Temos unha gama de formas, xa digo, espectacular. A xente fala de La Pedriza (Manzanares) ou da Cidade Encantada de Cuenca, pero os Penedos son unha auténtica marabilla. Sempre me abraiaron. Non foron a miña liña de investigación prioritaria, pero dende o primeiro me interesaron e levo tempo traballando no tema, aínda que non sexa do que máis publicacións teña.
—Os Concellos de Vimianzo e Laxe sinalizaron rutas…
—Estamos nun lugar no que aínda hai xente reivindicando. Pero en Pedra Corneira, por exemplo, xa non queda nada. Os Concellos aquí, polo menos, si fixeron, si.
—Como é posible que aglutinen tantas vontades, que se conseguise paralizar un proxecto eólico e que, dende o 2009, se siga esperando polo plan de xestión?
—Parece que está en marcha, pero penso que segue sen haber unha vontade clara de aproveitamento. Un edificio grande, con persoal, suporía gastos, pero hoxe hai moitos outros sistemas para divulgar. Un pequeno centro de interpretación, automático, visual, unha aula á que ao visitante acceda cun código, cun control. Un lugar onde falarlle das rochas graníticas, da orixe, de como se formaron os Penedos… e que logo poidan facer a ruta. Ou ao revés. Ollo, que explicar algún penedo doado non é: por que a forma da aguia, do camelo ou da tartaruga? Ten o seu aquel.
—Por iso lle dicía antes que semella máis doado recorrer á imaxinación, ao misterio, á lenda…
—É que un pode ir simplemente a disfrutar de velos. Hai alí un campo de fotografía fermoso, un espazo para gozar dun paseo tranquilo. Non sei como sería por cuestión de propiedade, pero ao mellor tamén habería que potenciar especies autóctonas, ter en conta esa parte botánica.
O catedrático da USC, Augusto Pérez Alberti, autor en 2008 do Informe que posibilitou a declaración dos Penedos de Pasarela e Traba como Paisaxe Protexida pola Xunta de Galicia (DOG 12-01-2009), fainos chegar o seu traballo “A paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba (Costa da Morte, Galicia)” que nestes días acaba de publicar en ‘Nemus. Revista de l’Ateneu de Natura’, revista radicada en Castellò de la Plana que permite publicar en calquera das linguas hispánicas, entre elas o galego.
Trátase dun traballo moi completo e moi elaborado, que presenta novas importantes respecto á análise de campo.
Augusto Pérez Alberti tamén participou co equipo do Consello da Cultura Galega na redacción das alegacións contra a instalacións de muíños eólicos na área dos Penedos.
Resumo:
O macizo granítico de Pasarela e Traba atópase na Costa da Morte (Galicia, NO de España) e presenta unha disposición Norte-Sur. Na zona predomina a granodiorita biotitítica de idade hercínica tardía, cuxo mineral principal é o feldespato rico en potasio. Tratase dun material granítico de grande uniformidade e grao groso, que o distingue dos granitos de dúas micas que aparecen máis cara o leste. O lugar oficialmente chamado Penedos de Pasarela e Traba foi declarado o 12 de xaneiro de 2009 como paisaxe protexida pola Xunta de Galicia.
Para a presente investigación creouse un modelo dixital de elevacións (MDE) de 2 metros de resolución. A partir deste e con ortofotografías cunha resolución espacial de 15 cm construíronse mapas de pendentes e debuxáronse 7.038 polígonos con límites moi variados e 1.785 liñas de fractura. Obtívose a superficie das primeiras e coas segundas elaborouse un mapa de densidade de fracturación. Todo iso, xunto co traballo de campo, permitiu identificar e xeolocalizar 92 xeoformas singulares con deseños xeométricos, antropomórficos ou zoomórficos que fan dos Penedos un lugar de importancia internacional.
Palabras chave: Galicia, Península Ibérica, xeomorfoloxía granítica, Penedos de Pasarela.
Ler o artigo completo en La Voz de Galicia. 24/09/2022
El catedrático de Geografía de la Universidad de Santiago y especialista en geoformas, Augusto Pérez Alberti, dio especial protagonismo a los Penedos de Pasarela e Traba, entre los municipios de Vimianzo y Laxe, en el Congreso Internacional de Xeomorfoloxía de Coimbra, en Portugal. Pérez Alberti indica que los trabajos de campo le han permitido «identificar e xeolocalizar 92 xeoformas singulares con deseños xeométricos, antropomórficos ou zoomórficos que fan dos Penedos un lugar de importancia internacional».
A Costa da Morte, aínda que hai quen a denomina comarca, é unha rexión xeográfica galega constituída polas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, antiga Nemancos, máis os concellos de Mazaricos e Carnota. Despois de anos de certa polémica sobre cales eran os seus límites, actualmente existe bastante consenso sobre a súa delimitación tanto por parte das institucións públicas como da sociedade e isto supoñe un paso importante de cara a posta en valor do seu patrimonio.
Unha vez delimitado o seu espazo xeográfico, queda por concretar cales son aqueles bens patrimoniais paisaxísticos, naturais, históricos ou culturais a poñer en valor coa finalidade de sacarlle un rendemento turístico, aspecto no que aínda queda moito camiño que percorrer. Administracións públicas e sector privado deberán actuar de maneira conxunta de cara a conseguir ese obxectivo, primordial para o futuro económico deste territorio.
Na presentación da nova directiva dos profesionais de turismo desta rexión costeira levada a cabo no parador da Costa da Morte o pasado 18 de xullo, encabezada polo empresario Pepe Formoso, semella que teñen as ideas claras en asentar uns principios básicos para emprender un proxecto realista, esperanzador e de futuro para a Costa da Morte.
Principios como crer no gran potencial que temos, a necesidade de actuar unidos todos os implicados no sector, presentar unha directiva representativa no aspecto territorial e na diversidade da actividade turística, ampliar o número de socios para que o importe das cotas sexa menor ou profesionalizar a propia asociación, poñendo en mans de expertos tanto a xestión como a promoción. Creo que tamén atinan ao elixir o parador de turismo como centro de difusión dos diferentes materiais publicitarios, a igual que conseguir unha maior diversificación dos recursos para ampliar a temporada turística.
Xa era hora de que o sector turístico da Costa da Morte presentase unha proposta integradora no territorial, diversa respecto á propia actividade e con miras a ampliar e unir o maior número de profesionais posible. E ao mesmo tempo, descubrir que o propio sector deberá acadar un maior protagonismo na planificación turística deste territorio e unha maior implicación na defensa e posta en valor da riqueza patrimonial existente posto que constitúe a esencia do seu potencial económico e do seu futuro.
Dispoñemos dun extraordinario patrimonio paisaxístico e natural, sobre todo na costa, que mostra unha gran diversidade, desde os sensacionais cantís que se estenden arredor das puntas ou cabos como Santo Hadríán, Roncudo, Vilán, Touriñán ou Fisterra, que alternan con extensos e salvaxes areais como Razo, Soesto, Traba, Nemiña, Rostro ou Carnota, ata as tranquilas rías de Corme e Laxe, Camariñas ou Corcubión. Ademais desta incomparable beleza, a nosa costa oferta outras posibilidades: práctica de surf, observación de aves, pesca de cana ou submarina, navegación, ou práctica de sendeirismo como a ruta do Camiño dos Faros.
Logo está a diversidade paisaxística do interior con espazos tan impresionantes coma os penedos de Pasarela e Traba ou o monte Pindo, ou os acolledores vales dos ríos Anllóns, Porto, Castro ou Xallas, que agochan no medio do bosque de ribeira espazos incomparables como o Refuxio de Verdes ou a área recreativa de Pedra Vixía. Ás veces as augas destes ríos sorpréndenos con inesperados chimpos dando lugar a espectaculares fervenzas como a de San Paio de Entrecruces, as do Rabiñoso, as Caldeiras do Castro ou a sublime do Ézaro. Mais os nosos cursos fluviais e os seus afluentes tamén son lugares idóneos para trazar rutas de sendeirismo, que ofrecen a posibilidade de contemplar a riqueza de fauna e flora que habita nas súas marxes ou nos permite gozar de construcións como muíños, pontes e pontellas e a práctica de deportes como a pesca fluvial ou piragüismo.
Se o patrimonio paisaxístico e natural da Costa da Morte é excepcional, o histórico e cultural tamén resulta de sumo interese. Dispoñemos dun magnífico patrimonio megalítico ben distribuído polo territorio, co dolmen de Dombate como gran reclamo. Queda seguir loitando para que o Parque do Megalitismo se converta en realidade. Contamos tamén con abundantes castros, aínda que poucos deles están en condicións de ser visitados; igrexas e capelas cun elevado valor arquitectónico ou escultórico. Aquelas de maior interese, deberían dispoñer dun horario de apertura ao público. Antigas fortalezas ou pazos, algúns visitables, pero conviña aumentar a oferta. Unha gran variedade de hórreos tanto en formas como tamaño e un gran número de cruceiros. Outro notable patrimonio histórico é o dos faros, moi pouco aproveitado. Temos os faros máis espectaculares de toda a costa peninsular, pero case todos pechados. Urxe realizar as xestións necesarias para poñelos en valor como sucede noutros países.
A artesanía tamén é outro dos nosos activos patrimoniais, sobre todo o encaixe de Camariñas, a cerámica de Buño ou os secadoiros de congro de Muxía, igual que o patrimonio literario, moi pouco explotado, cando dispoñemos de salientables escritores como Eduardo Pondal, Gonzalo López Abente ou Enrique Labarta Pose, que permitirían trazar interesantes rutas literarias polo territorio.
Tamén atraen o turismo as nosas romarías e festas patronais, as celebracións gastronómicas ou de recreación histórica, festivais musicais ou eventos culturais e deportivos que se organizan ao longo do ano.
A gastronomía é outro dos nosos grandes recursos, fundamental para atraer visitantes. A calidade dos nosos peixes e mariscos, constitúe a mellor materia prima para elaborar exquisitos pratos, por iso convén apoiar ao sector pesqueiro e marisqueiro para que a actividade se manteña, xa que se complementa perfectamente coa turística, igual que o agrícola para dispoñer de produtos de proximidade.
A parte sur da Costa da Morte dispón doutro incentivo máis que favoreceu moito o turismo da zona como é o camiño xacobeo de Fisterra e Muxía, que desde que se comezou a promocionar a finais do século XX, foi esencial para o despegue turístico da parte meridional da rexión.
Comprobada a inmensa potencialidade turística deste noso territorio queda por determinar como poñer en valor toda esta riqueza patrimonial baixo a denominación de Costa da Morte, estruturándoa en distintos apartados coa finalidade de chegar a un maior número de visitantes con intereses diferentes, tarefa que aínda queda por acometer e que representa o maior desafío para esta nova directiva da asociación APTCM.
A nosa exposición do megalitismo da Costa da Morte segue a viaxar polos centros de ensino. Este curso estivo no IES de Ponteceso, no de Vimianzo, no de Baio, no CPI de Cabana e en marzo traspasou por primeira vez as fronteiras da rexión, levándoa á cidade da Coruña, no CEIP Fogar Santa Margarida. En abril terémola de novo pola Costa da Morte, no CPI de Laxe.
A mostra itinerante “As Antas da Costa da Morte” consiste en 20 paneis a través dos que se realiza un percorrido polos monumentos fúnebres do megalitismo nas nosas comarcas. Trátase dun dun completo traballo de divulgación que ten a súa orixe no libro Polas antas e mámoas da Costa da Morte de Xosé María Lema Suárez. Iníciase cun mapa no que se ilustra toda a riqueza arqueolóxica da parte central e oriental da Terra de Soneira, marcando como camiño principal a chamada Vía Arqueolóxica. No resto aparecen excelentes fotografías con información sobre estas construcións de carácter funerario: Pedra Vixía, Pedra da Moura, Pedra da Arca, Pedra Cuberta, Arca da Piosa, a Mina de Recesindes, a Mina de Parxubeira, a Pedra da Lebre ou Dombate son algúns exemplos dos 14 monumentos dos que se propón a súa visita.
IES Maximino Romero de Lema de Baio
O alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio puido completar a exposición cunha unidade didáctica elaborada dende o Departamento de Historia; ademais, posteriormente, na primavera, algúns dos cursos achegárase in situ para apreciar esta parte da súa herdanza cultural. Desde o Centro aplauden “iniciativas deste tipo que permiten coñecer o noso patrimonio: só así poderemos defendelo das agresións constantes e difundir a súa historia para non perder a esencia como pobo”.
Por primeira vez, fóra da Costa da Morte
O CEIP Santa Margarida da Coruña acolle na biblioteca Agustín Fernández Paz a mostra, sendo a primeira vez fóra do noso territorio. A mostra estará aberta durante todo o mes de marzo e a ela acudirá alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Formación Profesional Básica, Ciclo Medio e Bacharelato. Profesorado dos departamentos de Lingua e Historia elaboraron distintas propostas didácticas adecuadas a cada nivel educativo. Xeráronse autodefinidos, sopas de letras, encrucillados e un cuestionario-guía para pescudar na información e imaxes dos paneis. A Literatura da Costa da Morte tamén está presente nesta mostra dado que nela se reproducen varios poemas de Eduardo Pondal como o coñecido “O dolmen de Dombate”.
Vídeo de Xosé Manuel Varela Varela sobre a mostra no CEIP Santa Margarida da Coruña
MATERIAL DIDÁCTICO:
Autodefinido (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)
Cuestionario con solucionario (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)
0 Encrucillado Megalitismo Primaria (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)
Cuestionario Expo Megalitismo folleto sen número de panel Sara Varela Rouco (departamento de Historia)
Desde o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte o noso máis caloroso agradecemento e parabéns á comunidade educativa que permite seguir a divulgar a riqueza arqueolóxica da nosa terra.
Visita 5º EI Expo Megalitismo Fogar Santa Margarida
San Xián é en Galicia un santo moi venerado desde tempos moi antigos: ocupa o noveno lugar nos padroados parroquiais, con 127 freguesías, coas seguintes formas patrimoniais: San Xiao (41), San Xián (28), San Xillao (11) e o semicultismo San Xulián (47). Pero hai tres santos con este nome: o máis coñecido é o hospitaleiro, ou o parricida, pois, segundo a lenda, matou os seus pais e, despois, arrepentido, consagrou a súa vida a axudar os camiñantes e peregrinos; en parte vén sendo a versión cristiá do mito do Edipo grego. Outro foi san Xián de Antioquía, esposo de santa Basilisa. Un terceiro foi san Xián de Brivate (Francia), martirizado xunto con san Ferreol (hai quen di que este é o san Xián patrón de Ferrol, e que a orixe do nome desta cidade está no do seu compañeiro Ferreol).
Desde a Idade Media considerouse san Xián un santo vinculado ós camiños e ós camiñantes; este sería o hospitaleiro, e o de Moraime identificámolo con el. Por algo o seu mosteiro, protexido e potenciado no século XII pola poderosa familia nobre galega dos Traba e polo rei Afonso VII de Galicia, León e Castela, está estratexicamente situado no ancestral camiño de Muxía a Compostela por Brandomil.
Prestixio
Hai días saltou a noticia da venda pola internet dun pseudo «san Xián de Moraime», a todas luces de procedencia americana, da época colonial española. O que chamou a atención é que os vendedores recorresen ó prestixio de Moraime para incrementar o seu prezo, cousa que lograron, pois seica percibiron unha respectable cantidade pola venda.
A imaxe do auténtico san Xián de Moraime é superior en calidade artística á americana. Fora estudada por Eva López Añón en 2007 na súa tese de doutoramento sobre a arte relixiosa do arciprestado de Nemancos. Unha talla de estilo barroco que representa un nobre elegantemente vestido á moda do último terzo do século XVIII: casaca abotoada, manto vermello e gorgueira ó pescozo, sen que falte unha longa perruca ondulada cubríndolle a cabeza. Leva como atributo iconográfico un falcón na man esquerda —como patrón dos cazadores—, convertido nunha pomba branca polo desinformado escultor ou pintor; no costado dereito apenas se percibe o mango dunha espada envaiñada, a arma do seu crime, detalle que tampouco falta na escultura americana.
Oxalá a noticia da venda dun falso san «Xián de Moraime» sirva para coidar e protexer máis o patrimonio artístico relixioso das nosas igrexas rurais. Non sei se a raíz do infausto roubo das imaxes do retablo de san Roque da igrexa de San Simón de Nande de hai uns cantos anos se tomaron medidas e polo menos se instalaron sistemas de alarma nas igrexas.
Con todo, protexer non quere dicir ocultar, e penso que tamén se deberían promover visitas guiadas ás nosas igrexas e ermidas para que valoremos os pequenos museos de arte sacra contidos nelas. Acabamos de comprobar o prestixio que o simple nome do sitio histórico-artístico de Moraime esperta fóra de Galicia. Xa vai sendo hora de que aquí se lle dea o alto valor que lle corresponde.
O consumo de congro curado con vento de nordés muxián xa está documentado na cidade aragonesa de Calatayud desde o 1446, un produto moi demandado nas terras do interior de Castela, A Rioxa, Aragón e Cataluña en séculos pasados. De aí que en varios dos nosos portos se instalasen sistemas de secado deste peixe para abastecer ese amplo mercado. En varias das nosas vilas mariñeiras había mercadores que se dedicaban á exportar congro seco a distintos portos peninsulares, e desde alí, se introducía nesas zonas do interior. Incluso hai constancia de que no século XVII, tratantes das Rías Baixas se achegan aos portos da Costa da Morte a mercar este produto para logo exportalo a cidades como Bilbao. Os fomentadores cataláns a partir de mediados do XVIII, ademais de dedicarse á salgadura de sardiña, tamén exportaban congro seco con destino a Castela e ao Mediterráneo.
A chegada ao mercado doutras especies mariñas como o bacallau fixo minguar o consumo de congro curado, o que levou a que este sistema de conservación natural desaparecese doutras vilas mariñeiras e tan só se mantivese na de Muxía, onde se converteu no medio de vida de varias familias. Chegou a haber ata cinco secadoiros na vila da Barca: catro na zona costeira que dá á ría e un na parte posterior, na Pedriña, sendo este o único que se conserva co sistema de secado tradicional ao aire libre e que actualmente rexenta Miguel Diz, neto de Juan Diz, de quen aprendeu o oficio.
A demanda deste produto vai a menos cada día porque os hábitos de alimentación mudaron moito nos últimos anos e isto diminuíu o seu consumo, pero a importancia do secadoiro tradicional de Muxía xa está moi por enriba do seu rendemento económico, xa que desde hai tempo se converteu nun símbolo cultural e turístico no só de Muxía, senón de toda a Costa da Morte. Desde esta perspectiva é como habería que valorar un ben patrimonial desta categoría, que representa un sistema milenario de conservación natural do peixe, que forma parte da historia mariñeira de Muxía e significa un dos seus maiores símbolos de identidade. Non hai máis que ver a cantidade de visitantes que se achegan ao secadoiro e se interesan por coñecer o proceso deste traballo artesán.
En varias ocasións as imaxes dos secadoiros de congro foron mostradas na Feira Internacional de Turismo (Fitur) como un dos activos de Muxía e da Costa da Morte e con gran éxito. Son poucas as publicacións de promoción desta nosa rexión costeira nas que non aparecen ilustracións dos secadoiros de congro, unha imaxe que actúa xa como un verdadeiro emblema identitario da nosa cultura mariñeira.
O secadoiro de congro o que precisa nestes momentos por parte das Administracións é sensibilidade, apoio, protección e colaboración para que permaneza no tempo, xa que corre un grave risco de desaparecer, e non de trabas como a de chegar a inmobilizar unha partida de congro seco porque parece ser que a estrutura de madeira na que se pendura este peixe se atopa nun lugar público ao que pode acceder calquera persoa. Pois claro que as cabrias teñen que estar ao aire libre e nun lugar venteado para que o proceso de secado se realice plenamente. Non hai outro xeito de conservar o congro de maneira natural. O que non se pode é realizar unha inspección sanitaria a un proceso artesanal igual que se fose un industrial ou un local de hostalaría. O secadoiro débese inspeccionar, pero non deste xeito, senón tendo en conta o seu valor patrimonial e facelo cunha intención de asesoramento, comprensión, colaboración e boas formas, algo que non se aplicou neste caso, do contrario, non se entendería que unha Administración que debe velar polo mantemento e conservación do patrimonio actúe deste xeito e contribúa á desaparición dun ben cultural de máxima relevancia para Muxía e a Costa da Morte.
O histórico faro do cabo Vilán (Camariñas), o primeiro que funcionou con electricidade de toda España e un dos puntos máis visitados da Costa da Morte, corre o risco de pechar as súas portas ao público. A asociación de empresarios, que levaba varios anos xestionándoo, reuniuse a última hora da tarde de onte para decidir se continuarán ou non con este labor, iniciado en 2008 pola entidade Neria. Naquel proceso tivo unha destacada participación o actual director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar Álvarez (Muxía, 1957), que colaborou na musealización do espazo.
—Como ve a posibilidade de que o faro do Cabo Vilán poida pechar?
—Deberían estar abertos o Vilán, o de Touriñán, o de Fisterra… Que estean pechados paréceme un atentado á nosa dignidade, unha atrocidade.
—O de Camariñas ten, ademais, ese aliciente de ter sido o primeiro electrificado de España.
—Así é, e destaca tamén por moitas outras cousas: a súa arquitectura, a súa beleza, o granito rosáceo que hai alí… É un referente non só marítimo ou cultural, senón tamén social e ten un valor que vai máis aló do que é o propio edificio do faro.
BASILIO BELLO
—Como cre que deberían xestionarse estes espazos? Os empresarios piden máis implicación das Administracións públicas.
—Considero que, de estar aberto, un faro como o do Vilán debería ter uns ingresos mínimos para cubrir polo menos unha parte dos custos, xa non digo o 100 %. Por outra banda, a Autoridade Portuaria, propietaria do inmoble, creo que tamén ten moito que dicir ao respecto, como o resto de Administracións. Pechando o faro Vilán perdemos todos, tamén o Concello, que queda sen ese recurso turístico.
—Tense falado moito de cobrar polo patrimonio, pero parece que iso non chega a calar aquí.
—Abrir a porta ten un custo, e como visitantes creo que teriamos que contribuír a manter eses espazos. Creo que non debe entenderse como un negocio, iso si, pero polo menos facer un pequeno aporte. Está ben que a Administración axude, pero isto é un esforzo colectivo.
—Vilán abriu no 2008 da man da asociación Neria e vostede estivo moi implicado na musealización.
—Non do deseño, pero si me encarguei dos contidos. O esencial era fomentar que a xente puidese acceder ao edificio, e despois no que nos centramos foi na historia dos faros de Costa da Morte, especialmente no de Camariñas.
—O funcionamento destas torres tamén pode xerar moito interese.
—Sen dúbida, aínda que agora os aparellos están moi modernizados. Outra cousa que si que se podería facer é permitir a subida á torre, ata a lámpada. Eu fíxeno en Estados Unidos e creo que sería un gran atractivo. Habería que controlalo, por suposto, pero sería moi interesante poder subir e que un fareiro ou un experto proporcionase unha explicación, contase as historias vinculadas ao lugar… O problema é que neste aspecto chocamos coa Administración, que cumpre coa normativa, pero de maneira demasiado fría moitas veces.
—Hai xa 20 anos que, xunto con Xosé María Lema, lanzou «Os faros da Costa da Morte», coa que contribuíron á posta en valor destes espazos.
—Si, foi no 2001 e creo que foi a primeira de Galicia dese tipo. Despois viñeron outras publicacións, máis completas e académicas, pero a nosa era puramente de divulgación, para a posta en valor desas torres. Nela contamos as características técnicas deses doce faros elixidos [Sisargas, Nariga, Roncudo, Laxe, Vilán, A Barca, Touriñán, Fisterra, Cabo Cee, Lobeiras, Lariño e Monte Louro], pero tamén as historias e o desleixo que en moitos casos tiveron as Administracións con eles.
—Parece que marcha ben o proxecto para reabrir o de Fisterra.
—Ao faro de Fisterra hai que sumarlle o valor que lle dá o entorno no que está situado, cheo de simbolismo. Non obstante, ten un problema que o de Vilán non tivo, e é que non se conservou o material que foi quedando en desuso co paso dos anos.
—Que opina do aproveitamento turístico destes espazos por parte da iniciativa privada?
—O de Lariño e o de Illa Pancha aínda non tiven ocasión de visitalos, pero creo que o propósito que agora se lle dá ao Semáforo de Fisterra é, dende logo, moito mellor que o que tiña antes, que era marxinal. Non se trata de que todos pasen a ser hoteis, pero considero que o ideal sería combinar iniciativa privada e pública en función do lugar que se trate. O que está claro, iso si, é que é necesario un plan estratéxico para toda a zona. Hai que saber o que se quere facer con cada un: que o de Fisterra leve tanto tempo pechado paréceme un crime, por exemplo: é como dicirlle ao visitante ‘dea media volta e lárguese’. O de Touriñán, no Concello de Muxía, ten tamén moito valor e debería ser outro centro de referencia.
O 29-06-2001, nunha das salas abertas no edificio do faro de Fisterra, Manuel Vilar —actual director do Museo do Pobo Galego— e mais eu presentabamos o libro Os faros da Costa da Morte (Galicia), editado por Neria. Foi pioneiro na posta en valor dos faros como un dos patrimonios identitarios deste territorio e para promover o seu aproveitamento cultural e turístico. Presidira o acto o daquela presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Antonio Couceiro, a quen lle solicitamos que non só se abrise ó público o edificio, senón que en horas diúrnas se permitise o acceso de visitantes á torre para poder ver a estrutura e a maquinaria. Comprometeuse a facelo. Hoxe o edificio do faro fisterrán leva cinco anos fechado sen outro aproveitamento durante o día (outra cousa é pola noite, claro) que servir de fito simbólico da fin da terra; nin sequera está aberta a sala onde se presentara o libro. Pasaron vinte anos e andamos de recú, cara a atrás.
Houbo raiolas de esperanza, como cando se inaugurou no edificio do Vilán un Centro de Interpretación dos Faros (2008), un pequeno pero valioso museo que nos permitiu entender o mundo dos sinais marítimos e ver a maquinaria do primeiro faro electrificado de España, xa de por si un gran reclamo. Foi tamén bo que a Asociación de Empresarios de Camariñas o mantivese aberto e con actividades, como lembraba a súa presidenta en La Voz (Edición do 27-01-22).
Agora recibimos a noticia de que a Autoridade Portuaria da Coruña vai fechar o edificio do faro de Camariñas. Que diferenza con respecto ó que se fai en boa parte de Europa! En 2011 visitamos o do cabo Lizard, en Cornualles, o máis meridional da Gran Bretaña. Un faro moi modesto pero moi ben aproveitado para o turismo que xa daquela contaba cun centro de recepción con publicacións sobre Cornualles e obxectos artesanais córnicos. Mesmo se podía subir á torre, pagando entrada, como é lóxico.
En Inglaterra os faros dependen da Trinity House, organismo que hoxe ten abertos sete deles ós visitantes. Todos contan cun Visitor Centre que convidan a entrar: «Visite un dos sete centros que abrimos ó público e experimente por si mesmo os lugares espectaculares dos que gozaban os fareiros», traducimos do seu web. Danlle tanto valor os ingleses ó mundo dos faros que existe unha asociación de torreiros (https://alk.org.uk/) que se ofrece como guía e anuncia eventos periódicos.
Danlle valor en todas partes menos aquí. Ignoramos de quen é a culpa de que o de Fisterra leve un lustro fechado e o de Camariñas vaia por ese camiño. Non se comprende que aínda non haxa un proxecto oficial para un aproveitamento de todo tipo (didáctico, cultural, turístico…) para estes dous faros de primeira orde universalmente coñecidos. As Administracións deberan implicarse. No do Vilán dérase o paso para abrir un museo, de momento único, que servía para explicar o mundo fareiro, os naufraxios, a navegación… Que vai pasar con el? A defensa e posta en valor dos faros non só atinxe ós concellos nos que se sitúan, senón a toda Costa da Morte.