• info@semescom.gal

O SEMESCOM alega contra o Plan dos Penedos

PENEDOS4

O SEMESCOM alega contra o Plan dos Penedos

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), asociación que desde a súa constitución se decatou do enorme valor paisaxístico, xeolóxico e natural dos Penedos de Pasarela e Traba e participou en todas as accións que se organizaron en defensa deste importante ben patrimonial, desde os seus inicios promoveu unha serie de actividades para dar a coñecer esta singular formación granítica: charlas informativas, visitas guiadas, edición de materiais divulgativos como a “Guía dos Penedos de Pasarela e Traba”, elaboración de materiais audiovisuais como o DVD “Os penedos de Pasarela e Traba, a arte dos dedos do tempo” ou a convocatoria do concurso literario “Certame de Poesía dos Penedos”. Toda esta defensa e divulgación deste espazo natural contribuiría á declaración no ano 2009 como Paisaxe Protexida por parte do goberno da Xunta de Galicia.
Despois dun dilatado período de tempo a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia aproba un plan de xestión para os Penedos de Pasarela e Traba, ao que a nosa asociación presenta as seguintes ALEGACIÓNS:

1.-SOBRE A PROHIBICIÓN DE ACTIVIDADES DE GRANDE IMPACTO NA PAISAXE PROTEXIDA E NA SÚA CONTORNA
Consideramos positiva a prohibición de actividades na contorna desta Paisaxe Protexida que produzan grande impacto no medio como poden ser a instalación de novos parques eólicos, actividades extractivas (minas ou canteiras) ou actividades industriais.

Na actualidade a maior ameaza que existe neste sentido e neste momento é o proxecto do parque eólico de Pena dos Mouros, a nosa asociación xa presentou alegacións contra el (9-03-2021), que
ademais de estar moi próximo aos Penedos, no caso de construírse, tería un impacto severo sobre os Penedos de Piñeo, situados na parroquia de Carantoña (Vimianzo), que tamén dispoñen de
formacións xeolóxicas tan singulares e evocadoras como Pena da Aiga, Pena Orelluda ou Pena do Frade. Por tal motivo pedimos que a Xunta de Galicia non autorice a instalación deste parque.
2.- SOBRE AS PROPOSTAS DE TEMPORALIDADE E PRIORIDADE DAS ACTUACIÓNS QUE SE PROPOÑEN NO PLAN DE XESTIÓN:
Non nos parece adecuada a distribución de temporalidade (5, 10 e máis anos) e de prioridade (alta, media e baixa) que se fai de cada unha das actuacións por ser pouco realista e efectiva. Ten sentido propoñer unha actuación a máis de dez anos cun orzamento actual?
Defendemos que todas estas actuacións do Plan que se consideran necesarias para a posta en valor deste singular espazo natural, como son os Penedos de Pasarela e Traba, non supoñen un orzamento elevado, polo tanto deberían realizarse por parte da Xunta de Galicia e demais administracións, nun prazo breve, como máximo de dous anos.
3.-SOBRE O APARCADOIRO NA ZONA DO CRUCE DO BRAÑAL
Si, á habilitación dunha área destinada a aparcadoiro na zona do Cruce do Brañal, sempre que esta actuación se realice co máximo respecto medioambiental e tendo en conta que se deberá priorizar o acceso a pé desde os núcleos máis próximos: Pasarela e O Penedo (Calo, Vimianzo) e A Costa (Traba, Laxe).
4.- SOBRE A LIMPEZA E MANTEMENTO DAS INFRAESTRUTURAS VIARIAS DO PARQUE
Si, aos labores de limpeza e mantemento das infraestruturas de uso público centradas fundamentalmente en lograr que as pistas forestais e os sendeiros estean limpos de vexetación e en bo
estado de conservación. Pero propoñemos que estes labores se realicen como mínimo con dúas limpezas ao ano, tanto das pistas forestais como dos sendeiros que levan ás estacións onde se atopan as formacións xeolóxicas de maior realce. Consideramos, tamén, imprescindible a ampliación destes labores de limpeza aos arredores de cada unha das esculturas naturais.
A súa vez, hai que ter en conta que as últimas investigacións están a permitir localizar novas xeoformas, o que creará máis necesidades de limpieza diante dun parque en progresiva expansión.

5.- CRITERIOS SOBRE A SINALIZACIÓN DA “PAISAXE PROTEXIDA”
Respecto aos puntos de deseño e instalación de paneis interpretativos das vistas panorámicas situados nos lugares de maior amplitude visual e paisaxística, sinalización do xacemento arqueolóxico da Torre da Moa e instalación dun panel informativo, colocación de novos paneis interpretativos no comezo das rutas de sendeirismo ou a sinalización de cruces de rutas, pensamos que a instalación de paneis informativos ou interpretativos deberían ser os estritamente necesarios sobre o espazo protexido para producir o menor impacto posible. Cremos que é moito máis efectiva a elaboración dunha información dixital á que poida acceder calquera visitante a través dun dispositivo electrónico.
Tampouco nos parece do máis axeitado a sinalización de puntos de observación como miradoiros, xa que ao longo do percorrido hai moitos lugares desde os que se pode observar a paisaxe da contorna, e cada visitante pode gozar dela naqueles sitios do percorrido que considere oportunos.
6.-SOBRE A CREACIÓN DUN CENTRO DE INTERPRETACIÓN DOS PENEDOS
Defendemos a creación dun Centro de Interpretación dos Penedos no edificio da antiga casa-escola Labarta Pose de Pasarela, situado no centro desta localidade, a máis próxima a esta paisaxe protexida e tamén punto de partida da maioría dos visitantes deste espazo. Co futuro trazado da prolongación da autovía AG-55, o núcleo de Pasarela quedará moi próximo a unha das súas saídas, o que facilitará aínda máis a entrada de visitantes a través desta ruta. Este centro consideramos que sería un lugar idóneo para a recepción de excursionistas e para recibir información previa sobre este espazo natural e a súa contorna. Para abaratar os custes de xestión propoñemos que sexa un centro automatizado e autovisitable, como algúns outros que xa se teñen instalados na nosa comunidade.

Alegacións

penedos5

Admin