• info@semescom.gal

Category Archive: Patrimonio en perigo

denegadoparqueeolico

Os Penedos, salvados (Unha vez máis, e van…!)

Unha boa noticia. Unha vitoria colectiva das entidades que, como o Seminario de Estudos da Costa da Morte (SEMESCOM), se molestaran no seu día en redactar e presentar alegacións contra este parque eólico que ameazaba unha das dúas únicas Paisaxes Protexidas de Galicia. As alegacións do SEMESCOM (9-03-2021), que asinaron outras entidades da zona, consta de 69 páxinas, dada a importancia do lugar. A prensa salientaba en titulares: “Batería de alegaciones del Semescom contra el parque eólico de los Penedos de Pasarela y Traba” (La Voz de Galicia, 12-03-2021). Sabemos que tamén o Consello da Cultura Galega presentara alegacións demoledoras contra este atentado paisaxístico que a Xunta de Galicia debera ter desbotado de inicio. O Seminario tamén presentara alegacións contra o outro parque, Pena dos Mouros, pois afecta visualmente ó de Pasarela e Traba e nel atópanse os Penedos do Piñeo (nada se di del, de momento).

Xosé María Lema Suárez, presidente do SEMESCOM.

denegadoparqueeolico
sanXian

San Xián de Moraime e a posta en valor da arte relixiosa rural

Artigo de Xosé María Lema, presidente do SEMESCOM.

San Xián é en Galicia un santo moi venerado desde tempos moi antigos: ocupa o noveno lugar nos padroados parroquiais, con 127 freguesías, coas seguintes formas patrimoniais: San Xiao (41), San Xián (28), San Xillao (11) e o semicultismo San Xulián (47). Pero hai tres santos con este nome: o máis coñecido é o hospitaleiro, ou o parricida, pois, segundo a lenda, matou os seus pais e, despois, arrepentido, consagrou a súa vida a axudar os camiñantes e peregrinos; en parte vén sendo a versión cristiá do mito do Edipo grego. Outro foi san Xián de Antioquía, esposo de santa Basilisa. Un terceiro foi san Xián de Brivate (Francia), martirizado xunto con san Ferreol (hai quen di que este é o san Xián patrón de Ferrol, e que a orixe do nome desta cidade está no do seu compañeiro Ferreol).

Desde a Idade Media considerouse san Xián un santo vinculado ós camiños e ós camiñantes; este sería o hospitaleiro, e o de Moraime identificámolo con el. Por algo o seu mosteiro, protexido e potenciado no século XII pola poderosa familia nobre galega dos Traba e polo rei Afonso VII de Galicia, León e Castela, está estratexicamente situado no ancestral camiño de Muxía a Compostela por Brandomil.

Prestixio

Hai días saltou a noticia da venda pola internet dun pseudo «san Xián de Moraime», a todas luces de procedencia americana, da época colonial española. O que chamou a atención é que os vendedores recorresen ó prestixio de Moraime para incrementar o seu prezo, cousa que lograron, pois seica percibiron unha respectable cantidade pola venda.

A imaxe do auténtico san Xián de Moraime é superior en calidade artística á americana. Fora estudada por Eva López Añón en 2007 na súa tese de doutoramento sobre a arte relixiosa do arciprestado de Nemancos. Unha talla de estilo barroco que representa un nobre elegantemente vestido á moda do último terzo do século XVIII: casaca abotoada, manto vermello e gorgueira ó pescozo, sen que falte unha longa perruca ondulada cubríndolle a cabeza. Leva como atributo iconográfico un falcón na man esquerda —como patrón dos cazadores—, convertido nunha pomba branca polo desinformado escultor ou pintor; no costado dereito apenas se percibe o mango dunha espada envaiñada, a arma do seu crime, detalle que tampouco falta na escultura americana.

Oxalá a noticia da venda dun falso san «Xián de Moraime» sirva para coidar e protexer máis o patrimonio artístico relixioso das nosas igrexas rurais. Non sei se a raíz do infausto roubo das imaxes do retablo de san Roque da igrexa de San Simón de Nande de hai uns cantos anos se tomaron medidas e polo menos se instalaron sistemas de alarma nas igrexas.

Con todo, protexer non quere dicir ocultar, e penso que tamén se deberían promover visitas guiadas ás nosas igrexas e ermidas para que valoremos os pequenos museos de arte sacra contidos nelas. Acabamos de comprobar o prestixio que o simple nome do sitio histórico-artístico de Moraime esperta fóra de Galicia. Xa vai sendo hora de que aquí se lle dea o alto valor que lle corresponde.

sanXian

secadoirosCongro_xanfernandez

O secadoiro de congro en Muxía, unha xoia artesanal

Artigo de Xan Fernández Carrera.

consumo de congro curado con vento de nordés muxián xa está documentado na cidade aragonesa de Calatayud desde o 1446, un produto moi demandado nas terras do interior de Castela, A Rioxa, Aragón e Cataluña en séculos pasados. De aí que en varios dos nosos portos se instalasen sistemas de secado deste peixe para abastecer ese amplo mercado. En varias das nosas vilas mariñeiras había mercadores que se dedicaban á exportar congro seco a distintos portos peninsulares, e desde alí, se introducía nesas zonas do interior. Incluso hai constancia de que no século XVII, tratantes das Rías Baixas se achegan aos portos da Costa da Morte a mercar este produto para logo exportalo a cidades como Bilbao. Os fomentadores cataláns a partir de mediados do XVIII, ademais de dedicarse á salgadura de sardiña, tamén exportaban congro seco con destino a Castela e ao Mediterráneo.

A chegada ao mercado doutras especies mariñas como o bacallau fixo minguar o consumo de congro curado, o que levou a que este sistema de conservación natural desaparecese doutras vilas mariñeiras e tan só se mantivese na de Muxía, onde se converteu no medio de vida de varias familias. Chegou a haber ata cinco secadoiros na vila da Barca: catro na zona costeira que dá á ría e un na parte posterior, na Pedriña, sendo este o único que se conserva co sistema de secado tradicional ao aire libre e que actualmente rexenta Miguel Diz, neto de Juan Diz, de quen aprendeu o oficio.

A demanda deste produto vai a menos cada día porque os hábitos de alimentación mudaron moito nos últimos anos e isto diminuíu o seu consumo, pero a importancia do secadoiro tradicional de Muxía xa está moi por enriba do seu rendemento económico, xa que desde hai tempo se converteu nun símbolo cultural e turístico no só de Muxía, senón de toda a Costa da Morte. Desde esta perspectiva é como habería que valorar un ben patrimonial desta categoría, que representa un sistema milenario de conservación natural do peixe, que forma parte da historia mariñeira de Muxía e significa un dos seus maiores símbolos de identidade. Non hai máis que ver a cantidade de visitantes que se achegan ao secadoiro e se interesan por coñecer o proceso deste traballo artesán.

En varias ocasións as imaxes dos secadoiros de congro foron mostradas na Feira Internacional de Turismo (Fitur) como un dos activos de Muxía e da Costa da Morte e con gran éxito. Son poucas as publicacións de promoción desta nosa rexión costeira nas que non aparecen ilustracións dos secadoiros de congro, unha imaxe que actúa xa como un verdadeiro emblema identitario da nosa cultura mariñeira.

O secadoiro de congro o que precisa nestes momentos por parte das Administracións é sensibilidadeapoio, protección e colaboración para que permaneza no tempo, xa que corre un grave risco de desaparecer, e non de trabas como a de chegar a inmobilizar unha partida de congro seco porque parece ser que a estrutura de madeira na que se pendura este peixe se atopa nun lugar público ao que pode acceder calquera persoa. Pois claro que as cabrias teñen que estar ao aire libre e nun lugar venteado para que o proceso de secado se realice plenamente. Non hai outro xeito de conservar o congro de maneira natural. O que non se pode é realizar unha inspección sanitaria a un proceso artesanal igual que se fose un industrial ou un local de hostalaría. O secadoiro débese inspeccionar, pero non deste xeito, senón tendo en conta o seu valor patrimonial e facelo cunha intención de asesoramento, comprensión, colaboración e boas formas, algo que non se aplicou neste caso, do contrario, non se entendería que unha Administración que debe velar polo mantemento e conservación do patrimonio actúe deste xeito e contribúa á desaparición dun ben cultural de máxima relevancia para Muxía e a Costa da Morte.

secadoirosCongro_xanfernandez

PENEDOS4

Entrevista a Augusto Pérez-Alberti: «Os Penedos de Pasarela son un lugar único a nivel internacional»

O catedrático de Xeografía Física Augusto Pérez-Alberti foi entrevistado por La Voz de Galicia este domingo 21 de marzo.

Entrevista a Pérez Alberti

penedos

Presentamos alegacións contra os proxectos dos parques eólicos que ameazan a Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba e a serra costeira da Pena Forcada

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) enviou á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia alegacións en contra do documento de inicio do procedemento de impacto ambiental dos parques eólicos do “Monte Chan” e da “Pena dos Mouros”, que lle afectarían gravemente aos espazos naturais dos Penedos de Pasarela e Traba e aos seus veciños do Piñeo da serra da Pena Forcada.

Alegacións contra o proxecto eólico Monte Chan

O documento relativo ao proxecto de parque eólico (P.E.) “Monte Chan” é o máis extenso (68 páxinas). Contra el arguméntanse: 1) razóns lexislativas; 2) científicas e naturais; 3) históricas, culturais e literarias; 4) económicas; 5) Didácticas.

Nas razóns lexislativas faise fincapé, en primeiro lugar, no feito importantísimo de que os Penedos de Pasarela e Traba están declarados Paisaxe Protexida -unha das dúas únicas paisaxes oficialmente recoñecidas en Galicia- segundo o Decreto 294/2008 do 11 de novembro pola propia Xunta da Galicia (DOG 12-01-2009). Ao longo de tres páxinas enuméranse os valores que levaron a esta declaración, en base ao informe presentado no seu día por un equipo da Universidade de Santiago (USC) dirixido polo Prof. Dr. Augusto Pérez Alberti.

En segundo lugar, dentro das razóns lexislativas, tamén se argumenta que o proxecto presentado non cumpre con varios epígrafes dos anexos II e IV do recente Decreto 238/2020 do 29 de decembro (DOG 1-02-2021) da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, pois con tan só un aeroxerador que se coloque na área protexida dos Penedos ou na súa contorna, atentaría contra o conxunto da paisaxe. Estes anexos falan de avaliar o impacto visual en “áreas de especial interese paisaxístico”, e incluso de “reducir ou mitigar o impacto visual con plantacións arbóreas”. Non deixa de parecer un sarcasmo dar a entender que pode haber algún xeito de “reducir ou mitigar” con “plantacións arbóreas” (ou “apantallar con formación vexetais”) os xigantescos aeroxeradores de 90 m a 150 m de altura (sen contar as aspas) que se pretenden instalar, tres veces máis altos ca Torre de Hércules da Coruña ou cá fachada do Obradoiro da catedral de Santiago.

O apartado das razóns científicas e naturais céntrase primeiro nos estudos xeolóxicos, pois os Penedos de Pasarela e Traba xa interesaran no séc. XIX ao famoso enxeñeiro hispano-alemán Guillermo Schulz, e no XX ao xeólogo Isidro Parga Pondal, para finalmente pasar ao recente estudo científico pormenorizado do Prof. Dr. Juan Ramón Vidal Romaní (Universidade da Coruña) -resumido nas alegacións-, que as denominou “formas graníticas únicas no mundo”.

PENEDOS2

Na segunda parte deste apartado adúcense as razóns xeográficas -con descricións precisas dos xeógrafos Ramón Otero Pedrayo, A. Pérez Alberti e Antón García Losada- e na terceira, as razóns paisaxísticas, que son as máis evidentes, pois ben coñecidas son as loas de escritores como Otero Pedrayo ou Manuel Rivas, a quen corresponden estes parágrafos: “Os Penedos de Pasarela e Traba son moito máis que pedras. Son monumentos naturais, arte da natureza feita amorosamente durante miles e miles de anos polos dedos do tempo. (…) Un dos centros de arte máis abraiantes de Galicia (…). Rochas zoomórficas e antropomórficas que cantou Pondal e que enfeitizaron a Otero Pedrayo. (…) O Henry Moore quedaría sen fala e o Chillida dedicaríase a outra cousa”.

As razóns arqueolóxicas, históricas, culturais e literarias enchen doce páxinas, completadas con oito máis coas abundantes publicacións sobre os Penedos, pois poucos espazos paisaxísticos contan cun documental (2009), unha guía específica (2012), calendarios, carteis, certames poéticos etc.

As razóns económicas céntranse sobre todo no turismo. A pesar do desleixo da Xunta de Galicia -que tiña a obriga de poñer en valor os Penedos antes de dous anos a partir da publicación do Decreto de 2008- a declaración de Paisaxe Protexida trouxo consigo visitas periódicas de sendeiristas de toda Galicia que, loxicamente, fixeron gasto na zona. Hoxe en día están abertas máis dunha ducia de casas de turismo rural en Calo (Vimianzo) e Traba e Soesto (Laxe), que deben aos Penedos boa parte dos seus ingresos. Da importancia turística da Paisaxe Protexida dos Penedos mesmo se fixo eco a Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, que a recomenda e describe na súa páxina web. A Plataforma do Turismo da Costa da Morte tamén se manifestou en contra deste P.E.

Na parte final das alegacións, o Semescom lánzalle un reto á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia: que transforme esta ameaza contra os Penedos nunha oportunidade inmellorable para acometer o que se estipulaba no Decreto 294/2008: a posta en valor desta Paisaxe Protexida e convertela no Parque Granítico Multiforme de Galicia, nun senlleiro museo xeolóxico ao aire libre que atraería milleiros de visitantes e que proporcionaría múltiples postos de traballo directos e indirectos. Nas alegacións póñense como exemplo lugares tan emblemáticos como a Cidade Encantada de Cuenca, o monumento natural de Los Barruecos (Estremadura) e a Calzada do Xigante de Irlanda do Norte (Patrimonio da Humanidade pola UNESCO) que desde hai ben anos proporcionan cuantiosos ingresos nos lugares onde se atopan. Son áreas naturais distintas, pero a ningunha delas nada teñen que envexarlles os Penedos de Pasarela e Traba, como xa afirmaron varios expertos.

Ver alegacións ao proxecto eólico Monte Chan

 

Alegacións contra o proxecto eólico Pena dos Mouros

Contra o P.E. “´Pena dos Mouros” o Semescom tamén presentou alegacións, que neste caso se centraron en razóns lexislativas, científicas, naturais e paisaxísticas.

No tocante ás primeiras, argumentouse que, por unha parte, a instalación deste P.E. afectaría visualmente, pola zona oeste, á área protexida dos Penedos de Pasarela e Traba e danaría e invalidaría tamén esta paisaxe singular; incumpre, polo tanto, o Decreto 294/2008.

Por outra parte tamén incumpre o recente Decreto 238/2020 do 29 de decembro, pois os muíños eólicos que se propoñen danarían e invalidarían a chamada Ruta dos Penedos do Piñeo que propoñen varias guías turísticas, que se desenvolve no primeiro tramo da Serra da Pena Forcada, que vai bordeando a costa a mar aberto desde Pasarela (Vimianzo) e Mórdomo (Laxe) a Camelle (Camariñas); ruta que conta con espectaculares penedos -no informe adxúntanse fotografías- con nomes tan suxerentes como A Capela de Lucas, A Pena dos Mouros. O Castelo, Pena Tellada, Pena Orelluda, Pedra do Frade ou do Home ou Pena da Aiga.

Tamén se chama a atención que na citada páxina web da Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia se cita a Pena dos Mouros como un dos catro cumes da paisaxe protexida Penedos de Pasarela e Traba, o que demostra que se atopa dentro da súa área visual. E sobre todo no perfil ou skyline que cerra o Val de Traba, visible desde a súa longa praia e a lagoa do seu nome.

Finalmente, tamén se argumenta en contra deste P.E. en base á existencia doutras dúas rutas de capital importancia: a Ruta dos Naufraxios da Costa da Morte, no seu 2º percorrido de Laxe a Santa Mariña (segundo a obra pioneira de José Baña Hein, 1979), e a exitosa Ruta de sendeirismo O Camiño dos Faros, no seu 4º tramo. Dáse a circunstancia de que estas dúas rutas se desenvolven por un antiquísimo camiño carreteiro litoral, que desde a Administración autonómica sempre se quixo preservar.

Ver alegacións ao proxecto eólico Pena dos Mouros

penedos5

Novo ataque á Costa da Morte

Xan Fernández Carrera

A Costa da Morte, moitas veces idealizada como un territorio virxe, mítico ou incluso lendario, con espazos naturais de gran valor paisaxístico e ecolóxico, durante a historia recente leva sufrido graves agresións que deixaron profundas feridas na súa pel.

Estes ataques producíronse tanto por mar coma por terra. Os do mar con produtos tóxicos como no afundimento do Casón en 1987 ou en forma de marea negra coma a do Prestige, do ano 2002, que lle afectou a todo o noso litoral.

As agresións por terra foron maiores en número e máis continuadas. Nos anos sesenta do pasado século, en plena vaga da construción de encoros, será o río Xallas o que sufra máis o impacto, pois no seu curso levantáronse varias represas, que ademais de anegar aldeas e terras de cultivo, contribuíron á desaparición de especies de pesca autóctonas. Máis tamén nos privaron de poder gozar dunha das fervenzas máis espectaculares, a do Ézaro, un dos maiores atractivos desta rexión costeira.

Por estes anos sesenta tamén comeza a plantación indiscriminada de eucalipto, que continúa aínda nos tempos actuais, sen respectar ningún tipo de solo, nin tan sequera o de uso agrícola. Na década seguinte, intentouse instalar unha planta de celulosa nada menos que en pleno esteiro do Anllóns. Os terreos para súa construción xa foran adquiridos, e tan só a mobilización da sociedade civil que culminaría na gran manifestación de Ponteceso do 28 de febreiro de 1976 impediu este aberrante proxecto.

Anos máis tarde, a finais do século XX e comezos do seguinte, principiou a febre das piscifactorías e das canteiras que tamén nos afectou. Para a construción das piscifactorías non servía calquera lugar da costa, senón que se elixiron espazos de alto valor natural e paisaxístico como foron o cabo Vilán e o cabo Touriñán. No primeiro instalouse unha baixo a oferta de crear máis de 70 postos de traballo, que despois serían menos dunha terceira parte. Curiosamente esta piscifactoría, tal como foi denunciado por unha asociación ecoloxista, estivo máis de cinco anos sen permiso de vertidos, cando o debería ter antes de iniciar a actividade. A súa construción deixou un notable impacto nun dos lugares máis senlleiros desta nosa costa.

O proxecto de Pescanova para construír a piscifactoría do cabo Touriñán era moito máis ambicioso, pois chegaría a ocupar uns 357.000 m2, co cal outro dos salientables espazos naturais quedaría gravemente danado con esta magna obra. O impacto ambiental realizado pola propia empresa promotora recoñecía unha afección crítica para os bancos marisqueiros, especialmente o do percebe e para a paisaxe, pero a pesar deste adverso informe, o goberno da Xunta aprobaría igual a iniciativa. Unha vez máis a mobilización cidadá, conseguiría botar abaixo o proxecto, de boa nos libramos, que de ir adiante, actualmente teríamos un verdadeiro mostro de cemento en abandono.

Por estes mesmos anos chegou tamén o andazo da apertura de canteiras, debido ao auxe da construción. A infección chegaría ata a paraxe singular dos penedos de Pasarela e Traba de Laxe. Unha empresa de maneira ilegal intentou abrir unha destas explotacións ao pé da pedra da Cachucha, pero diante da denuncia da A. C. Adiante Soneira, paralizouse a iniciativa. No ano 2006, outra empresa retomou o proxecto da canteira contando co apoio expreso do alcalde de Vimianzo daquel momento, que logrou crear un clima favorable a esta iniciativa coa oferta de numerosos postos de traballo, os mesmos cantos de serea de sempre. A mobilización de numerosas asociacións e colectivos, que entre outras accións, convocaron a manifestación de Pasarela aos penedos, o 11 de xuño de 2006, lograron paralizar este novo intento de agresión e conseguiuse que os penedos fosen declarados Paisaxe Protexida en 2009.

O penúltimo intento de ataque grave sobre esta Costa do Solpor foi o do proxecto de apertura da mina de ouro de Corcoesto. O método utilizado sempre o mesmo, o ofrecemento de centos de postos de traballo aproveitando un momento de crise económica. A magnitude do proxecto era enorme. A súa superficie sería como a que ocuparían 400 campos de fútbol e para extraer unhas 34 tm de ouro, supoñería acumular uns 122 millóns de tm de entullos e utilizar miles de tm de produtos tóxicos e enormes balsas para depositar os residuos producidos. Unha auténtica loucura, que de chegarse a facer realidade, o impacto ambiental sería demoledor, e no caso de producirse un accidente nunha das balsas, arrasaría toda a desembocadura do Anllóns. Pero sorprendentemente esta desatinada iniciativa contou co beneplácito dalgúns alcaldes. Outra vez máis, asociacións e colectivos, co apoio dalgúns partidos políticos e sindicatos, conseguiron paralizar a que sería unha das maiores agresións que se cometerían contra a Costa da Morte.

Cando xa nos parecía que este tipo de atentados era cousa do pasado, aparecen os parques eólicos, que baixo o paraugas da produción de enerxías alternativas, parece que teñen preferencia para situárense onde lles pete, sen o máis mínimo respecto por aqueles espazos protexidos polo seu valor histórico ou natural. Estas iniciativas, promovidas por empresas multinacionais tan só buscan o lucro económico, sen interesarlles para nada o desenvolvemento do territorio no que implantan estes parques.

Deste xeito, os penedos de Pasarela e Traba volven de novo a seren ameazados coa instalación do parque eólico proxectado para o Monte Chan, a pesar de seren un espazo protexido. Diante deste novo intento de ataque a este parque temático natural dos penedos, ocórrensenos estas interrogantes: Vai permitir a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia semellante agresión? Permanecerán impasibles diante deste atentado, alcaldes o outras autoridades que presumen na Feira Internacional de Turismo (FITUR) das valiosas calidades naturais do territorio ao que representan? Tolerará o sector turístico da Costa da Morte, logo de promover un turismo verde, de contacto co medio natural, que se degrade un espazo singular como estes dos penedos? Agardamos que todos eles se mostren defensores desta causa ben xusta. Ou terán que ser de novo as asociacións e demais colectivos, é dicir, a sociedade civil, a que interveña para salvar, unha vez máis, os penedos de Pasarela e Traba?

DSCN2289

Os Penedos de Pasarela e Traba, ameazados por un Parque Eólico

“Salvemos os Penedos!” O 11 de xuño de 2006 varias asociacións culturais e ecoloxistas galegas levabamos a cabo unha marcha reivindicativa de máis de 300 persoas. Manuel Rivas, Premio Nacional de Literatura, lía o manifesto titulado “A fermosa xeografía da dignidade” contra o proxecto dunha canteira que ía destruír o magnífico conxunto dos Penedos de Pasarela e Traba.

Quince anos despois, temos que volver berrar contra quen quere estragar esta paisaxe xeolóxica singular. A pesar de que en 2009 se declaraba o conxunto como Paisaxe Protexida, a empresa EDP Renováveis proxecta igualmente a creación dun Parque Eólico na zona. Non só existe afectación á área delimitada como Protexida, senón que tamén se inclúen aeroxeradores dentro, un ao pé mesmo da Cachucha. Outro colócase moi próximo ao campo de mámoas da Gándara da Barca.

150034899_1604738143055411_4561041067773240154_n

Como se pode apreciar na imaxe, ademais de ter a ousadía de incluír aeroxeradores nunha zona protexida, o proxecto preve rodear por completo unha zona de especial interese e protección da biodiversidade como é o val, areal e lagoa de Traba (Laxe).

Unímonos aos berros dos colectivos que xa están a erguer a voz contra este proxecto e á campaña de sinaturas online en change.org

Asina!

O Documento do Proxecto de EDP Renovables España, S.L.U. do chamado Parque Eólico de Monte Chan pode consultarse nesta ligazón da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

O presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema Suárez, comentaba para El Correo Gallego  que “hai que impedir a toda costa que este proxecto vaia adiante”. Asegura que “se perdemos un dos nosos potenciais, que é a paisaxe, xa non nos queda nada”, polo que confía en que a Xunta “non aprobe isto, pois senón para que serve unha Paisaxe Protexida se non se respecta?”.

Noticia de El Correo Gallego

Noticia en La Voz de Galicia

Noticia en Que Pasa na Costa

Noticia en Historia de Galicia

 

Guía dos Penedos de Pasarela e Traba

Petróglifos do Pedrouzo (Foto: A Rula)

Presentamos alegacións contra o Parque eólico de Berdoias

A Asociación Parroquial de Berdoias (Vimianzo),  a Asociación cultural Colectivo A Rula e o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte presentamos alegacións conxuntas contra o proxecto para o Parque Eólico de Berdoias e da súa infraestrutura de Evacuación (LAAT) promovido pola sociedade Iberdrola Renovables Galicia S.A.

No seu Documento Inicial, a empresa de enerxía eólica non recolle algúns dos elementos patrimoniais máis destacados da parroquia, como os conxuntos de petróglifos do Pedrouzo. Ademais este Parque terá un impacto severo en determinados bens, en especial para o patrimonio arqueolóxico da parroquia como o dolmen da Casota (Ben de Interese Cultural), a mámoa de Freáns e as dúas estacións de arte rupestre do Outeiro do Pedrouzo. Ademais, a proximidade excesiva da LAAT de Evacuación ao núcleo de Santa Cristiña e o seu patrimonio; así como a proximidade – nalgún caso interferencias- de diferentes tramos do Parque Eólico proxectado con rutas culturais como o Vieiro Fidalgo, o Camiño de Santiago a Muxía (por Brandomil) ou a Vía Mariana de Braga a Muxía.

ameazaEolicaBerdoias

Nas alegacións presentamos as seguintes conclusións:

  • Salientamos a relevancia que desde o punto de vista histórico e do patrimonio cultural ten esta zona afectada polo proxecto de construcción do parque eólico promovido por Iberdrola.
  • Cuestionamos a ausencia no proxecto de varios bens culturais catalogados e non catalogados e a falta dun estudo de campo en maior profundidade da zona afectada. Como sinalamos, algúns deles sufrirían un impacto severo de continuar adiante este proxecto.
  • É esencial unha protección integral da zona polo elevado número de bens culturais que presenta. Os xacementos arqueolóxicos e os diferentes bens etnolóxicos e naturais deste lugar deben ser considerados e valorados conxuntamente, non como elementos illados. A presenza na parroquia de até tres vieiros/rutas de carácter cultural testemuña este singular valor etnográfico, histórico, arquitectónico e antropolóxico vinculados ás formas de vida e cultura tradicional galega que debemos preservar sen alteracións que desvirtúen este contexto.
A Casota de noite. Foto: Colectivo A Rula

A Casota de noite. Foto: Colectivo A Rula

Consecuentemente, reclamamos a inclusión de todos os elementos culturais referidos nas alegacións e a modificación do proxecto para preservar a zona no seu contexto.

Artigos de Moncho Gándara sobre o patrimonio da parroquia:

Tesouros de Berdoias: https://www.quepasanacosta.gal/tags/tesouros-berdoias

Petróglifos de Berdoias: https://www.quepasanacosta.gal/articulo/vimianzo/tesouros-berdoias-xxvi-prehistoria-petroglifos/20210213100541124978.html

O Pazo de Boallo, un dos edificios civís máis antigos da comarca

Vaia por diante o noso apoio á reclamación do goberno municipal de Vimianzo de lle esixir á Xunta de Galicia que faga valer o dereito de retracto para que a Casa de Boallo (Berdoias) pase a titularidade pública, pois esta mansión -hoxe en ruínas- é un dos edificios civís máis antigos de toda a Costa da Morte, xunto coa tamén berdoiesa casa de Alonso de Lema II, a dos Leis da Vacariza de Berdeogas (Dumbría) e a chamada Casa gótica de Fisterra (e máis, como é lóxico, os castelos de Vimianzo e Mens).

Nas nosas publicacións temos falado da importancia etnográfica e histórica das dúas casas fidalgas da parroquia de Berdoias: a de Alonso de Lema II situada no propio lugar de Berdoias, e a do seu fillo Martiño de Castiñeira en Boallo. A primeira casa -que tamén está pedindo unha restauración urxente, pois estase deixando arruinar- data de 1607, como se pode ver na inscrición do lintel da porta principal; a segunda construíuse antes de 1637, pois nela xa naceu Martín Rodríguez de Leis, fillo maior mellorado do citado Martiño, señor de Berdoias e Boallo e, tamén, por matrimonio, das Hedreiras e Mira (do actual concello de Zas). A filla de Martín Rodríguez, María Quiteria, ó casar co herdeiro do pazo de Arrueiro (Soesto), Francisco de Leis, incorporaría tamén as propiedades deste pazo ás anteriores.

Imaxe de A. L.  publicada en La Voz de Galicia

Imaxe de A. L. publicada en La Voz de Galicia

Xa no séc. XVIII, o vinculeiro deste matrimonio, Rodrigo Sancho de Leis, que casara en 1746 por poderes coa fidalga castelá Josepha Santiyán Valdivieso na Colexiata de Santillana [de Mar], habitou a casa de Boallo desde 1749 ata polo menos 1762, data en que a familia decidiu trasladarse a Santiago, pero sen deixar de visitar periodicamente a casa da aldea. Agás o primeiro fillo, don Joseph, que nacera en Soesto en 1747, os outros oito viron a luz neste lugar berdoiés; o último en 1761. Os lectores de ?Costa do Solpor? decataríanse de que esta familia fidalga boallesa, con certo protagonismo indirecto na trama, forma parte da nómina de personaxes que existiron realmente na época en que se desenvolve a novela. Polo seu actual estado ruinoso, a casa de Boallo tamén foi fonte inspiradora das torres de Novexilde.

O día en que esta ancestral mansión se vexa libre das hedras e silveiras que a ocultan poderemos ver nela formas construtivas arcaicas, dos séculos XVII e XVIII, como unha solaina cuberta no nacente e no poñente unha escaleira de pedra cun patín, que dá acceso ó sobrado; un sobrado co chan construído con longas trabes de pedra que conserva -polo menos así o espero- unha lareira cunha fermosa cheminea. En fin: confiemos en que a Xunta de Galicia dea o paso requerido e abandone o teimudo “non” ó patrimonio histórico e natural da Costa da Morte como vén facendo desde hai anos (non ó Parque do Megalitismo, non á posta en valor dos Penedos de Pasarela e Traba, non á declaración do monte Pindo como parque natural…) e poidamos recuperar unha arquitectura de preto de 400 anos de antigüidade, que será sen dúbida outro atractivo máis para todo este territorio fisterrán tan inxustamente marxinado.

Artigo de Xosé María Lema, presidente do SEMESCOM publicado en La Voz de Galicia o 03-03-2015

A raíz da reclamación do Concello de Vimianzo. Ler o resto de información sobre a noticia: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/vimianzo/2015/03/03/arquitecto-vimianzo-compro-pazo-boallo-30000-euros/0003_201503C3C2992.htm

"O Parque Megalítico, no caixón"

parque megalitico