• info@semescom.gal

Tag Archives: Viaxe

rio_catalunha

Percorrido fluvial. Dez anos de trato cos ríos de Europa nas viaxes do SEMESCOM

Por Xela Cid

Unha década permitiu aos membros viaxeiros do SEMESCOM percorrer moitos países e lugares de Europa. Atopámonos coas grandes vías fluviais que regan este continente e cos pequenos ríos que atravesan cada unha das localidades que imos coñecendo. É un patrimonio case infinito.
Esta quere ser unha pequena lembranza dos momentos nos que nos achegamos á cabeceira dun destes ríos ou moi preto, ao seu curso medio, e ás veces á desembocadura marabillándonos dos esteiros e deltas que forman. As viaxes fixéronse no mes de Agosto con algunha excepción en Xullo.

> CONTINUAR LENDO O ARTIGO

 

Igrexa de Paray-le-Monial (XMLS)

Viaxe ó sur de Alemaña (e nordeste e centro de Francia) 9

 

9º día (Freitag / venres 28 agosto)

Dijon – Limoges:   493 km

Dijon – Macon 127 km
Macon – Cluny  25 km
Cluny – Limoges 341 km
TOTAL 493 km

A ABADÍA DE CLUNY** 

No mundo cristián de Occidente había necesidade de reformar as ordes monásticas. No 743 declárase obrigatoria a regra de san Bieito de Nursia nos conventos do reino franco. No 816 Bieito de Aniane emprende unha 1ª reforma, moi ríxida. Nos sécs. X-XI acométese a 2ª reforma, como consecuencia do feudalismo monástico e das inxerencias dos señores feudais laicos ó reivindicar xurisdición sobre conventos situados nos seus dominios, nace o movemento ou reforma cluniacense, que irradia das abadías de Cluny  e de Gorze.

Cluny: vista da abadía actual (foto XMLS)

Cluny: vista da abadía actual (foto XMLS)

O 11-9-910 Guillerme I, duque de Aquitania, doa a vila de Cluny ó papa para que fundara nela un mosteiro con doce monxes; o doador tiña pouco poder, e así garantía a protección papal. Na carta de fundación establécese a libre elección do abade polos monxes.

Pola súa estrita adhesión a un código beneditino reformado, Cluny converteuse nun mosteiro que marcará un camiño a imitar no estilo de vida monacal en Occidente, desde finais do séc. X.

O grupo coa parte orixinal conservada da igrexa de Cluny

O grupo coa parte orixinal conservada da igrexa de Cluny

A Regra clunisienne foi adoptada por outros mosteiros, e Cluny crea unha extensa orde federada na que os administradores das casas subsidiarias estaban subordinados ó abade de Cluny. Os priores (non abades) reuníanse en Cluny unha vez ó ano, rendían contas e informaban.

Maqueta do que foi a abadía de Cluny

Maqueta do que foi a abadía de Cluny

Os cluniacenses propugnan a reforma da economía e administración monástica (os seus mosteiros foron modelos de produción agrícola autosuficiente, como as villae romanas), a protección exclusiva do papa –e non a do bispo ou señor-, a implantación dunha estrita disciplina e o reforzamento da autoridade do abade. Preto de 200 mosteiros pasan a formar unha congregación situada baixo a obediencia do abade de Cluny. A orde convértese así na máis importante de Europa nesta época: espallouse por Borgoña, o val do Ródano, Provenza… Os monxes cluniacenses viñeron a Galicia polo Camiño de Santiago, que lles debe a eles o gran pulo que tivo nos séculos XI e XII, e influíron na vida monástica e relixiosa dos reinos do norte peninsular (Navarra, Castela, León e Galicia).

O noso simpático (e sincero) guía, que loou a nosa exquisita educación dicindo que eramos "muy civilizados" e que non pareciamos españois ("después de los italianos, los más ruidosos")

O noso simpático (e sincero) guía, que loou a nosa exquisita educación dicindo que eramos “muy civilizados” e que non pareciamos españois (“después de los italianos, los más ruidosos”)

Varios dos seus abades foron figuras relevantes  con sona internacional, e o mosteiro gozou dun gran prestixio. Do séc. X, o da grande expansión, destacan os abades Bernón, san Odón, Aimar e Maiolo (chamado o “árbitro dos reis”, pola súa relación coa aristocracia; rexeitou o papado no 973). No séc. XI, san Odilón dirixe o mosteiro durante 55 anos. No ano 1016 o papa Bieito VIII decretou que os privilexios de Cluny se estendesen ás casas subordinadas, e así o resto das comunidades bieitas sentíronse máis motivadas para seguiren o modelo. No 1049 san Hugo de Semur foi nomeado abade; home de grande elocuencia e sentido político (tivo grande influencia na Querela das Investiduras, entre o emperador e o papado).

Nesta centuria, Cluny foi o instrumento máis eficaz na implantación da reforma gregoriana; moitos papas e legados pontificios procedían da abadía. A orde difunde os principios da reforma fronte ós vicios da Igrexa ligada ós estados feudais (a simonía e o nicolaísmo).

No séc. XII, no 1109, foi nomeado abade Pons (Poncio) de Melgueil,  que continuou coa idea do engrandecemento da orde, e, para iso, iniciou a construción de Cluny III, unha abadía xigantesca que acabaría con todas as doazóns recibidas de León e Castela. As dificultades económicas ocasionaron protestas contra o abade, e tal opulencia fixo que o monacato fose mirando con máis simpatía a orde do Císter, nacida no 1098, máis austera (tamén nas formas  arquitectónicas).

Poncio foi a Roma e presentoulle a dimisión ó papa. Substitúeo Pedro o Venerable en 1122, pero tras unha viaxe a Terra Santa en 1126 terá que se enfrontar a Poncio coas armas; Poncio será excomungado e Pedro terá que facer fronte a unhas finanzas catastróficas, agravadas polo roubo do ouro polos mercenarios que o axudaran na loita.  Coa morte de Pedro no 1157 a orde cluniacense –acusada de enriquecemento e dun poder temporal excesivo- acrecenta o seu declive; a nova orde dos cistercienses de san Bernaldo, inspirada nos ideais de pobreza e austeridade, ía gañando adeptos.

DSC08144

CLUNY EN GALICIA

A primeira abadía dada a Cluny en Galicia foi a de San Salvador de Vilafrío (Castroverde-Lugo), dada ó abade Hugo polo converso Enego Bermudo no 1075. O resto dos priorados cluniacenses galegos déronse no 1º cuarto do séc. XII, a finais do abadiado de Hugo ata comezos do de Pedro o Venerable, patrocinados ou consentidos polo rei Afonso VI, pola raíña Urraca e tamén por Afonso VII. Dos cinco priorados prinucipais galegos cedidos a Cluny, malia o apoio de Xelmírez á orde, ningún está na diocese compostelá nin no Camiño de Santiago: San Vicenzo de Pombeiro (Pantón) –cedido en 1109 pola raíña Urraca ós monxes de Cluny para asegurarse o seu apoio fronte ós nobres galegos partidarios do seu fillo Afonso Raimúndez (polo tanto, cun propósito antigalego)-; San Martiño de Xubia -cedido en 1113 polo conde Pedro Froilaz de Traba ó abade Poncio de Cluny); Sta. María de Ferreira de Pantón;  Valverde (Monforte) e San Salvador de Budiño –dado en 1126 por Gomes Nunes, conde de Toroño, que acabará sendo monxe de Cluny.

Nestes priorados vivían poucos monxes a mediados do séc. XIII, e achegaban a Cluny pouca renda.Contra 1250 a decadencia destes priorados era grande,e os visitadorse acusaban ós abades de daren acubillo a ladróns e cregos incestuosos, e tamén que levaban unha vida disipada (disque vivían con mulleres públicas) e que deixaban arruinar as igrexas.

DSC08145

As tres igrexas de Cluny

A primeira igrexa (Cluny I), da época da fundación (principios do séc. X), respondía ás pautas do estilo carolinxio.

A segunda (Cluny II), de principios do séc. XI , foi un exemplo precoz do románico temperán.

A terceira (Cluny III), levantada na súa maior parte entre 1088 e 1130, foi durante séculos a igrexa máis grande da cristiandade (lonxitude interior de 177 m) ata que San Pedro de Roma foi reconstruída no séc. XVI (186 m). Cando se rematou este templo xigantesco, no mandato de Pedro o Venerable, a comunidade monástica contaba con 460 monxes.

A finais do séc. XV os reis de Francia estableceron aquí unha residencia de paso, e no séc. XVI a abadía converteuse en encomenda (o rei  adquiriu o dereito a nomear abade).

DSC08163

O símbolo de Cluny, no museo

No ano 1790, xa iniciada a Revolución francesa, Cluny foi saqueado e destruído na súa maior parte por unha turba de revolucionarios.  Os edificios foron adquiridos en 1798 por un comerciante, que vendeu as súas pedras.  No ano 1823 só quedaba en pé a basílica de San Pedro e san Paulo, que é a que subsiste hoxe (só unha pequena parte do conxunto orixinal). As dimensións do brazo sur do transepto (32 m baixo a cúpula) son excepcionais dentro do románico e dan idea das enormes proporcións que tivera o templo. O tramo central, cuberto cunha cúpula octogonal sobre trompas, está coroado polo Campanario da Auga Bendita.

No  edificio do papa Xelasio pódese ver de maneira virtual a igrexa de Cluny (unha película de 9 min. en pantalla grande e en 3D).

O símbolo de Cluny, no museo

O símbolo de Cluny, no museo

Quedan restos da antiga abadía. No ano 2007 este sitio foi declarado Patrimonio Europeo.

Hai tamén unha Torre dos Queixos (‘Tour des Fromages’), do séc. XI, con vistas á igrexa e ó campanario da Auga Bendita etc. Tamén un Museo de Arte e Arqueoloxía instalado no antigo pazo abacial.

AUVERNIA E LIMOUSIN

LIMOGES (occitano: LIMOTGES)* (Michelin), p. 477.

-140.000 hab.

É a capital da porcelana, do esmalte e do calzado. Forma parte do Camiño de Santiago (Via Lemovicencis).

A cidade presenta dúas caras: a episcopal, agrupada arredor da catedral, e a do barrio do castelo, cidade comercial construída arredor da abadía de San Marcial.

Casa pintada de Limotges

Casa pintada de Limotges

Visitas:

-no barrio antigo: -a catedral de St.-Étienne (do XIII ó XIX), estilo gótico flamíxero, coa portada de St.-Jean (1516-1530). Tres tumbas rodeando o presbiterio; a máis interesante, a de Jean de Langeac, renacentista (1544).

igrexa de St.-Michel-des-Lions (séc. XIV, gótica), que conserva desde a Revolución francesa as reliquias de san Marcial.

igrexa de St. Pierre-des-Queyroix (séc. XIII), gótica, pero con partes románicas; notable vidreira renacentista e retablo barroco.

Igrexa de San Aureliano (sécs. XIV-XVII), patrón da cidade e dos carniceiros.

abadía da Nosa Señora da Regra (séc. IX-XVIII), fundada no 817 por Ludovico Pío.

Gare des Bénédictins (‘Estación dos Beneditinos’), construída entre 1924-1929. Deseñado por Roger Gonthier: un edificio con cúpula e campanario sobre pilote por enriba das vías; edificio de formigón recuberto con placas de pedra caliza. Na entrada, unhas esculturas simbolizan a porcelana e o esmalte. As vidreiras son do artista Chigot.

Cruceiro en Limotges

Cruceiro en Limotges

Museo das Belas Artes de Limoges-Museo do Esmalte (no antigo pazo episcopal), cunha colección de máis de 500 esmaltes.

O barrio do Chateau é o corazón da cidade, coas súas antigas rúas comerciais.

-Rue de la Boucherie (‘Rúa da Carnicería’), con casas tradicionais con entramado de madeira.

Museo Nacional da Porcelana Adrien-Dubouché, fundado en 1845 (Nacional en 1881). Amosa a evolución da olaría limusina.

A rexión do Limousin é fundamentalmente rural e gandeira (gando bovino). Ó sur, a comarca de Brive (xa a visitamos en 2014) é coñecida polos seus amorodos, ameixas, trufas, castañas e noces. A riqueza da rexión é exclusivamente a natureza, con bosques ben conservados, e tamén a gastronomía. Nos produtos da granxa destacan o foie-gras, os confits e ou rillettes de oca e de parrulo, os patés trufados, a sopa con touciño, as morcillas con castañas, as tortas con noces, o clafoutis con mazás…

Tamén está a artesanía: artesáns da porcelana, a tapicería e o traballo do coiro, que fornecen grandes marcas.

A cerámica de Limoges ten sona universal. A súa arte está ligada a técnicas ancestrais: os esmaltes embelecedores de cofres de xoias, obxectos relixiosos, vasillas etc.

PARAY-LE-MONIAL

Pasamos tamén por Paray-le-Monial, cunha igrexa de peregrinación moi semellante á de Cluny (era priorato dependente desta abadía). Trátase da basílica do Sagrado Corazón, románica, de tres naves lonxitudinais e unha transversal (63,5 m de longo x 23,35 de largo; 22 de altura; altura da torre 56 m).

Nesta igrexa tiveron lugar, en 1671, as visións da mística (despois santa), Margarida María de Alacoque, a quen se lle apareceu Cristo amosándolle o seu corazón. Os xesuítas difundiron moito a devoción ó Sagrado Corazón de Xesús, moi popular no séc. XIX; despois esmoreceu. En Galicia o culto entrou a finais do XIX – principios do XX; as nosas igrexas enchéronse de imaxes do Sagrada Corazón de Xesús.

Igrexa de Paray-le-Monial (XMLS)

Igrexa de Paray-le-Monial (XMLS)

10º día (sábado 29 agosto): Limotges – A Coruña/Santiago:  1.115 km
Parada a xantar en Cantabria

Durante o longo traxecto de máis de 1.120 km cara á casa retomáronse as conferencias rodantes. Penas Patiño proporcionounos unha ampla información sobre o “esquecido” (pola historiografía española) reino dos suevos na antiga Gallaecia. O seu título de urxencia foi “De suabos a suevos”, en base a que a Suabia xermana que acabaramos de visitar fora a terra de orixe deste pobo. Volvemos falar amplamente deste reino de 175 anos de existencia (411-585), que se din moi axiña, e que nas historias de España se “liquida” nun par de liñas para dar preeminencia ó reino visigodo, considerado “máis español”, pero que tamén tiña boa parte do seu territorio no sur de Francia (mesmo chemou a ser Narbona a súa capital). Tamén falamos das “trampas saduceas” de famosos historiadores españois para ocultar a existencia do antigo reino de Galicia, herdeiro do peso ancestral da antiga Gallaecia romana, para facer cadrar o seu esquema visigodos è reino de Castela è España. Mentres que para os cronistas árabes do sur da Península os habitantes do norte do río Douro –ata mesmo a actual Soria- eran “os galegos”, os historiadores españois traducían isto por “Reino de León” porque si, simplemente porque a corte real do reino de Gallaecia/Galicia estaba situada en León. Os monarcas tardaron séculos en se titularen reis de León. Tanto nos cambiaron a historia, que o noso Afonso VIII (de Galicia e León) pasouse a chamar Afonso IX porque houbera un VIII en Castela; como proba disto, o famoso rei Sabio no seu tempo foi o IX (“el Nono”) ata que os historiadores españois lle cambiaron o numeral: véxanse portadas das edicións máis antigas das “Siete Partidas” de “Alfonso el Nono”: http://www.cervantesvirtual.com/FichaAutor.html?Ref=90  // http://www.singularis.es/?p=1143#!prettyPhoto[iframe]/0/).

Tamén falamos do elevado nivel cultural que debeu haber na aínda Gallaecia romana do século anterior, o IV. Os grandes escritores e teólogos de Hispania estaban no Noroeste peninsular, con intelectuais coma o reformador relixioso Prisciliano ou a viaxeira Exeria (non era monxa, como se ten dito) que escribiu a súa peregrinaxe a Palestina nunha das primeiras guías de viaxe do mundo. Posteriormente, a principios do séc. V, sobresaíron Hidacio de Chaves e Paulo Orosio, autores das primeiras historias da Gallaecia e de Hispania, respectivamente, que asistiron (horrorizados) á entrada dos “bárbaros” suevos, dos que temían que ían acabar coa cultura galaico-romana. Para ampliar coñecementos recomendamos a obriña do catedrático de latín da USC José Eduardo López Pereira: O primeiro espertar cultural de Galicia. Cultura e literatura nos séculos IV e V (Biblioteca de Divulgación da USC, 1898).

Manolo Chouza tamén falou, polo que vagamente lembramos (pasou moito tempo…), sobre o cambio climático, o CO2, os combustibles fósiles, as enerxías alternativas (solares, eólicas…).

Máis adiante, xa chegando a Cantabria para degustar o gorentoso marmitako de Hoznayo, Xela Cid falounos  da distribución da poboación alemá; o rural alemán e o galego. O desenvolvemento agrícola alemán e galego; contraste de zonas protexidas en Alemaña e en Galicia; espazos importantes sen protexer en Galicia (o Pindo, os Ancares, o Courel).

Finalmente, a nosa “flor do Salnés” fíxonos unha despedida á alemá repasando os crípticos alcumes postos nesta viaxe, a saber: o(s)/a/s) Correcamiños, a Mafalda galega, o Calviño e o Caneliñas.

Viaxe ó sur de Alemaña 8

 

8º día (Donnerstag / xoves 27 agosto)

Colmar – Riquewihr – Besançon – Dijon ( km): 276 km

Colmar – Riquewihr 15 km
Riquewihr – Dijon 261 km
TOTAL 276 km

No tocante ás “conferencias rodantes”, Penas Patiño falou sobre as cegoñas, aves totémicas en Baden-Baden. Riquewihr e, en xeral, en toda Alsacia. Víanse polos campos a eitoe a súa figura aparecía nas caixas de galletas e escaparates dos comercios (comentou o caso de que se atopara hai anos unha cegoña cunha frecha no pescozo, e polo tipo de frecha púidose saber de que zona de África procedía).

Manolo Chouza (máis coñecido por Manolo de Xeliña) dedicou o seu parlamento a reflexionar sobre “A ciencia e nazismo (o Dr. Mengele)”, e tamén falou das fontes do Danubio (¿ou foi Xela?).

Un destes días tamén tivemos a actuación estelar, a capela, do mozo Xoán Antelo -integrante dos Druídas da Rolda de Vimianzo-, a nosa última adquisición, que nos deleitou con cancións irlandesas coma Whiskey in the jar (“Musha rain dum-a-doo dum-a-da / whack for my daddy-o…”) e outras. Nós respondémoslle co que vén sendo o noso himno viaxeiro desde a viaxe a Bretaña, no 2006 (Molly Malone), mesmo con versión galega. O grupo dos Druídas actuaría no outono en Vimianzo xunto cos grupos A Roda e De Vacas. Prometeron que ían aprender Molly Malone en galego.

Paisaxe agraria alsaciana (XMLS)

Paisaxe agraria alsaciana (XMLS)

ALSACIA (FRANCIA)

RIQUEWIHR** (REICHENWEIER en alsaciano ) (Michelin 227)

Unha das vilas máis visitadas de Francia (2 millóns de visitantes anuais), distinguida pola asociación Les plus beaux villages de France.

-sobreviviu milagrosamente a todas as guerras e conserva case intacto o esplendor medieval ata o do séc. XVI (rúas estreitas, murallas, casas…).

-rúas de trazado medieval (en especial a Rue Charles De Gaulle), que atravesa a vila de norte a sur pola parte centra; a ela van das a Rue des Juifs, a des Orfèvres, de la Couronne, entre outras.

-Conserva tramos amurallados de 1291 e do 1500; a torre da porta norte (La Tour des Voleurs (‘a Torre dos Ladróns’) conserva unha ponte levadiza de madeira no seu exterior.

Rúa principal de Riquewihr (XMLS)

Rúa principal de Riquewihr (XMLS)

Palacio dos Duques de Württemberg, rematado en 1540.

Maison Liebrich, construída en 1535. Distínguese polo Patio das Cegoñas, con galerías de madeira con balaústres, un pozo e un lagar.

Rúa principal de Riquewihr (XMLS)

Rúa principal de Riquewihr (XMLS)

Maison Behrel, cun miradoiro de 1514 cun engadido por encima de 1709.

Maison de l’Oncle Hansi.

Can alsaciano: como estivo calado quedamos sen saber se ladraba en francés ou en alsaciano-alemán (XMLS)

Can alsaciano: como estivo calado quedamos sen saber se ladraba
en francés ou en alsaciano-alemán (XMLS)

Non só gustou a esta fermosa vila, senón tamén toda a comarca, con extensos viñedos preparados coma se dun xardín se tratase. As vilas nos pequenos outeiros cos montes Vosgos ó fondo, como marco, perfectamente integradas na paisaxe.

Toda ordenadiño na paisaxe agraria alsaciana: os viñedos no val, as vilas nos outeiros ou a pé deles (foto XMLS)

Toda ordenadiño na paisaxe agraria alsaciana: os viñedos no val, as vilas nos outeiros ou a pé deles (foto XMLS)

 

FRANCO CONDADO (FRANCIA)

BESANÇON

Os reloxos parecen ser o símbolo de Besançon (XMLS)

Os reloxos parecen ser o símbolo de Besançon (XMLS)

Sen o termos previsto visitamos Besançon, onde paramos para xantar. Trátase dunha cidade de 117.00 hab, regada polo río Doubs, ben coñecida polos emigrantes galegos residentes nos cantóns do noroeste de Suíza (Jura, Basilea, Zúric…), pois queda na súa ruta. Como todo o Franco Condado, formou parte das posesións dos Austrias españois (1664-1674).

A etimoloxía do nome está en Vesontio, unha fortaleza (oppidum) dos secuanos, un pobo galo. Tiña unha muralla construída contra o 80 aC. Xulio César conquistou a cidade no 58 a.C. Da época romana consérvase a Porta Negra e vestixios dun anfiteatro.

O monumento-símbolo da cidade é a cidadela do monte de Saint-Étienne, construída polo famoso enxeñeiro Vauban entre 1668 e 1711 no reinado de Luís XIV; recibe máis de 270.000 visitantes ó ano. A cidadela é un centro cultural e conta con dous museos: o da Resistencia e a Deportación e o Comtois, das tradicións populares do Franco Condado.  As fortificacións de Besançon son Patrimonio da Humanidade desde o ano 2008.

  

Centro de Besançon

Centro de Besançon

DIJON*** (Michelin) p. 273

DSC08117

A curuxa, símbolo de Dijon

-151.000 hab.

-capital do outrora poderoso ducado de Borgoña.

-nomeada Cidade da Arte e da Historia (2008); un dos centros de arte máis importantes de Francia.

O DUCADO DE BORGOÑA

Un dos Estados máis importantes da Europa medieval, independente de 880 a 1482. O seu territorio herdou en parte a Lotarinxia carolinxia. Estes dominios estaban unidos á casa de Valois francesa por unha póla colateral (os duques de Borgoña, que sobre o papel eran vasalos do rei de Francia, pero souberon manter unha política propia).

As irmás Sambad esperando en Dijon a que empece a Panorama a tocar na sesión-vermú (hai que ser fans para seguila tan lonxe!)

As irmás Sambad esperando en Dijon a que empece a Panorama
a tocar na sesión-vermú (hai que ser fans para seguila tan lonxe!)

No ano 1016 Enrique I cedeu o ducado ó seu irmán Roberto, que funda a rama da dinastía dos Capetos. Desta rama procedía Reimundo de Borgoña, que a principios do séc. XII casou con Dª Urraca, filla do rei Afonso VI de León, Castela e Galicia (os dous gobernaron a zona norte de Galicia -a actual-, mentres que Henrique de Lorena e Dª Tareixa, a outra filla, gobernaron a Galicia sur –a de entre Miño e Douro: o Condado de Portucale, futuro Portugal-. Fillo do matrimonio de Reimundo e Urraca foi o futuro emperador Afonso VII, criado por Pedro Froilaz de Traba, señor de Traba e conde de toda Galicia, no mosteiro de Moraime.

O derradeiro representante desta casa na Borgoña foi Filipe de Rouvres, que morreu pola peste en 1361.

O ducado pasou á coroa francesa e o rei Xoán o Bo cedeullo ó seu fillo máis pequeno, Filipe o Atrevido (1363-1404), que o recibiu en propiedade, xunto co Franco Condado e Artois. En 1369 Filipe casou coa herdeira do ducado de Flandres, Margarida, e converteuse nun dos príncipes máis poderosos de Europa. Aínda que vasalos das coroas francesa e alemá, os duques borgoñóns eran no séc. XV os máis ricos de Europa; os reis de Francia chegaron a se sentiren ameazados polo seu poderío; Dijon encheuse de pintores e escultores flamengos, convertida polos duques nunha obra de arte.

O seu sucesor, Xoán Sen Medo (1404-19) tiña esperanzas de ser rei de Francia, pero matárono dun machetazo na ponte de Montereau.

Filipe o Bo (1419-1467) fundou a Orde do Toisón de Ouro para se asegurar o apoio da nobreza. En 1435 reconciliouse con Carlos VII, rei de Francia, e Dijon converteuse na capital dun poderoso estado que comprendía parte de Holanda, Bélxica, Luxemburgo, Flandres, Artois, Picardía etc.

Carlos o Temerario (1467-1477) foi o derradeiro duque de Borgoña valón; empeñouse en conquistar as terras que se interpoñían entre o norte (Holada, Bélxica) e o sur dos seus territorios para crear un reino continuo. As guerras e as rebelións internas provocaron o seu fracaso. Morreu durante o asedio de Nancy; o seu cadáver achouse sobre un lago xeado medio comesto polos lobos.

María de Valois foi a derradeira duquesa da Borgoña independente; casou con Maximiliano I de Austria; nas capitulacións matrimoniais estipulárase que o segundo fillo deste matrimonio herdaría os territorios maternos, pero María faleceu antes de que isto acontecese. Entón, Borgoña pasou a Francia e os Países Baixos a Austria.

VISITAS 

Polas rúas de Dijon

Polas rúas de Dijon

O Museo de Belas Artes está instalado no Pazo dos Duques e dos Estados de Borgoña**, que merece unha visita para ver, entre outras obras, a Sala dos gardas (ou das Festas), construída por Filipe o Bo e onde se celebraban as comelladas; a tumba de Filipe o Atrevido***, na que traballaron, sucesivamente, de 1385 a 1410, escultores como Jean de Marville, Claus Sluter e Claus de Werwe: unha estatua xacente  sobre unha lousa de mármore negro apoiada en arcos de alabastro que acubillan 41 figuriñas de “choronas” (pranteiras) moi naturalistas: cregos, cartuxos, parentes, amigos e oficiais do príncipe, todos enloitados e encapuchados, conformando un lúgubre cortexo fúnebre do defunto.

A tumba de Xoán Sen Medo e de Margarida de Baviera*** (de entre 1443-1470) reproducen o modelo da tumba anterior, pero cun estilo máis próximo ó gótico flamíxero.

Estas tumbas marcaron un antes e un despois na arte dos moimentos funerarios europeos.

Nun bar de Dijon axudaban a calcular

Nun bar de Dijon axudaban a calcular

A catedral de San Benigno (séculos XIV e XVIII, cunha cripta do séc. XI), igrexas de San Filiberto (románica), Nôtre Dame (séc. XIII, estilo gótico borgoñón), de San Miguel (con torres do gótico flamíxero do séc. XV, fachada monumental cos bustos dos profetas Daniel, Baruch, Isaías, Ezequiel, David tocando a harpa e Moisés).

Nos arrabaldos da cidade quedan os restos da cartuxa de Champmol (fundada por Filipe o Atrevido no séc. XV), entre os que se atopa a portada e o chamado Pozo de Moisés, obras de Claus Sluter.

As esculturas do gótico borgoñón son esaxeradamente realistas, con moito aire tráxico, acrecentado pola profundidade e movemento das pregas das vestiduras. Os monumentos funerarios borgoñóns foron modelo para boa parte de Europa.

Feito o cálculo... cervexa ó papo

Feito o cálculo… cervexa ó papo

Viaxe ó sur de Alemaña 7

Por Xosé María Lema Suárez
7º día (Mittwoch / mércores 26 agosto)

Heidelberg – Colmar (292 km)

Heidelberg – Baden-Baden 90 km
Baden Baden – Estrasburgo 60 km
Estrasburgo – Friburgo 90 km
Friburgo – Colmar 52 km
TOTAL 292 km

No transcurso da viaxe de Heidelberg a Baden-Baden Antón G. Losada falounos sobre a “A Selva Negra e o Rin”, e Xela Cid, camiño de Estrasburgo, fixo un percorrido bibliográfico pola Selva Negra, a xente importante que naceu nesta zona, o bosque alemán, a ecoloxía alemá e galega (a importancia do Partido dos Verdes), os espazos protexidos de Alemaña e Galicia (moi “parecidos”, como ben se sabe) etc.

BADEN-BADEN **

-54.000 hab.

-é a estación termal máis importante de Alemaña (termas xa coñecidas polos romanos, Aquae Aureliae).

-no séc. XIX foi a ‘capital estival’ de Europa, frecuentada pola burguesía europea e por intelectuais coma Tolstoi, Nietzsche e Wagner. Fiodor Dostoievski e Johannes Brahms residiron aquí varios anos. Nesta centuria xurdiron grandes establecementos termais, teatro, hipódromo e un dos casinos máis luxosos do mundo. Tras a IIGM foi sede das forzas francesas de ocupación.

-situada no val do Oos, entre as últimas elevacións da Selva Negra (Schwarzwald) e o val do Rin.

O río Oos de Baden-Baden (e Manolo tamén, claro)

O río Oos de Baden-Baden (e Manolo tamén, claro)

Visitas

-o Castelo Novo (Neues Schloss), edificio de finais do séc. XIV sobre o antigo castelo. Situado no outeiro da Florentinerberg e rodeado de maxestosos xardíns. Pódese pasear pola terraza exterior, pois o xardín é privado.

-o Castelo Vello (Altes Schloss) ou Castelo de Hohenbaden data do séc. XII. Atópase en ruínas, pois os seus propietarios –os mesmos do castelo novo- non o reconstruíron tras o incendio sufrido en 1559.

-a Kurhaus*, pazo neoclásico de principios do séc. XIX (1821-1824), que acubilla o luxoso Casino de Baden-Baden, famoso polos decorados do interior, inspirados en pazos franceses, e polos persoeiros que o frecuentaron. Estivemos na entrada do Casino e, ó nos escoitar falar, saudounos unha empregada italiana, que sabía de Galicia porque a súa mellor amiga era galega de Lugo. Por certo, que a italiana aínda debe estar debullando a lección-express que de Galicia lle deu Arturo Novo.

A Kurhaus (Casino) de Baden- Baden [XMLS]

A Kurhaus (Casino) de Baden- Baden [XMLS]

-o Lichtenthaler Allee**, paseo axardinado trazado en 1655 pola beira do río Oos, con máis de 300 variedades de árbores e instalación deportivas. Desde sempre foi un dos lugares máis frecuentados pola burguesía, antes e agora. Preto atópase o parque Gönneranlage, de principios do séc. XX, con fontes e pérgolas.

-a Stiftskirche é unha igrexa de estilo gótico do séc. XV, onde se enterraban os margraves de Baden. A alta torre é do séc. XVIII, barroca (coma o interior).

Os casinos, mellor desde fóra, ¿non si Arturo?

Os casinos, mellor desde fóra, ¿non si Arturo?

-as ruínas do Balneario Romano son un museo da antiga cultura do baño. Atópase debaixo da praza do Mercado e do balneario Friedrichsbad. Con case dous mil anos de antigüidade son unha das instalacións balnearias mellor conservadas. Tamén se conserva parte das murallas romanas.

Tanto a estación termal de Friedrichsbad como as Termas de Caracalla teñen modernísimas instalacións para o baño.

FRIBURGO DE BRISGOVIA

(FREIBURG IM BREISGAU)**

-212.000 hab.

-cualificada como a máis fermosa e célebre cidade da Alemaña suroccidental, espállase polas ladeiras occidentais da Selva Negra e a chaira do Rin.

-a zona antiga coas famosas canles de auga (Bächle) que atravesan a cidade é destino duns tres millóns de visitantes anuais. A cidade considérase a porta de entrada á Selva Negra; conta cun clima morno e solleiro. Considérase a capital da ecoloxía alemá.

-é famosa a súa universidade, fundada en 1457.

A Kaufhaus, da praza da catedral (XMLS)

A Kaufhaus, da praza da catedral (XMLS)

Visitas

-a Catedral (Münster)** está dedicada á Virxe e é un dos edificios góticos máis importantes de Alemaña. Construíuse en tres etapas entre 1120 e 1513. É de estilo gótico, pero de diferentes épocas. A torre-campanario (do ano 1350), de planta cadrada, ten forma de pirámide octogonal que se eleva ata os 116 m de altura.

Imaxe de Santiago peregrino, no pórtico da catedral de Friburg (XMLS)

Imaxe de Santiago peregrino, no pórtico da catedral de Friburg (XMLS)

-a praza da Catedral (Münsterplatz)* está formada por notables edificios históricos: unha fonte de 1483 (a Fischbrunnen), o Pazo Arcebispal (1756), a Kaufhaus* (casa de 1525-1532 cunha fachada decorada con estatuas dos emperadores da casa Habsburgo, feitas en 1534), a Wenzigerhaus, casa rococó de 1761.

-no convento dos Agostiños está o Museo de Arte e Historia da Cidade (Augustinermuseum).

-a Rathusplatz* é a praza principal e máis fermosa da cidade. Nela atópase a estatua de Berthold Schwarz, o monxe ó que se atribúe a invención da pólvora para disparar (por volta do ano 1330).

-arredor desta praza atópanse edificios notables, coma o Neus Rathaus (‘Casa Nova do Concello’), obra de entre 1896-1900, e o Altes Rathaus (‘Casa Antiga do Concello’), ergueita entre 1556-1559. Á esquerda da igrexa franciscana de San Martiño atópase a Walfish* (‘Casa da Balea’), construída en 1516, cun elegante pórtico e portada gótica tardía.

Capital da ecoloxía. – Friburgo e tamén moi visitada por persoas interesadas nas enerxías renovables e nas políticas de desenvolvemento, debido ó grande éxito que tiveron na cidade e tamén no länder. A cidade posúe a o maior número de instalacións ambientais da Unión Europea. Como é a cidade con maior número de horas de sol de Alemaña, aquí ten a súa sede a Sociedade Internacional de Enerxía Solar (ISES) e conta co Instituto Fraunhofer para sistemas de enerxía solar. Cada ano celébrase en xuño Intersolar, a maior feira de enerxía solar. Ademais, o medio predominante de transporte é aquí a bicicleta: a cidade integra un circuíto para ciclistas cun total de 400 km de lonxitude. O termo municipal conta cunha superficie total de 15.300 ha, das 6.333 ha son de bosque.

O clan carballés, na praza da catedral [XMLS]

O clan carballés, na praza da catedral [XMLS]

-a 30 km, preto de Rust bei Freiburg, está o Europa-Park, parque temático de diversión para os rapaces. É famosa a mascota do parque, Euro-Maus, e todos os seus amigos. Tamén hai espectáculos para adultos, como o Gladiator Stunt Show, con carreiras de cuádrigas e combates de gladiadores-.

Entrando nesta cidade falamos do noso paisano da Piolla (Nantón-Cabana) Xosé Manuel García Álvarez, casado con Elisabeth Schaible, natural de Freiburg. Os dous viviron durante anos nesta cidade e deron clase na súa universidade. Cando se creou a TVG (contra 1984) decidiron vir para Galicia, pois a Pepe ofrecéranlle o cargo de director do Arquivo da TVG, que estivo ó seu cargo ata que se xubilou hai uns poucos anos. Elisabeth segue sendo profesora de alemán na USC. Xosé Manuel García estudara na Universidade Pontificia de Roma co baiés Uxío Romero Pose (1949-2007), bispo auxiliar de Madrid de 1997 á súa morte; despois tamén en Montpellier e Freiburg im Brisgau, onde sería, durante oito anos, Wissenschaftlicher Assistent para Historia. Foi coautor do Diccionario dos Nomes Galegos (Ed. Ir Indo, 1992), dirixido por X. Ferro Ruibal, e con Elisabeth Schaible ou en solitario traduciu do galego ou ó galego obras do castelán, alemán, italiano e portugués en materias como literatura, sociedade , lingüística ou historia. Traduciu, entre outros, a E. Kant e ó escritor checo de fala alemá Franz Kafka (A Metamorfose). Destaca a súa tradución d’A ética protestante e o «espírito» do capitalismo (USC/Fundación BBVA, 2006), obra do filósofo alemán Max Weber (1864-1920) na que se trata de explicar o maior desenvolvemento económico dos países protestantes do norte de Europa, propagadores do capitalismo moderno, fronte ós católicos do sur.

Casa onde viviu o humanista Erasmo de Rotterdam (sé XVI)

Casa onde viviu o humanista
Erasmo de Rotterdam (sé XVI)

Unha das traducións do nantonés Xosé M. García do alemán ó galego

Unha das traducións do nantonés
Xosé M. García do alemán ó galego

ALSACIA (FRANCIA)

ESTRASBURGO***

(STROSSBURI, en alsaciano; STRASSBURG en alemán; STRASBOURG en francés)

-272.000 hab., pero a súa área urbana abarca unha poboación de 1.175.000 hab, estendendo a súa influencia ás localidades próximas de Alemaña.

-capital de Alsacia e do departamento francés do Baixo Rin, sede do Parlamento Europeo e do Consello de Europa. Cidade universitaria con máis de 58.000 estudantes.

-rango cultural moi elevado, con teatro, biblioteca, orquestra e ópera.

-no eido económico, é a segunda praza bancaria de Francia cunha bolsa e seis sedes bancarias. O sector industrial é tamén moi importante.

-é a oitava cidade a nivel mundial en organización de congresos, por detrás de Madrid e por diante de Barcelona.

Catedral de Estrasburgo

Catedral de Estrasburgo

Historia

A cidade, bañada polo río Ill (afluente do Rin), é de orixe romana; foi fundada no ano 12 aC polo xeneral Druso o Maior a partir dun campamento para as lexións, que recibiu o nome de Argentoratum (‘Arxentina’). Malia seren derrotaron na batalla de Argentoratum no ano 357, o pobo xermánico dos alamáns ocuparon a zona no ano 406; Argentoratum foi destruída polos hunos de Atila no 451, e contra o 500 foi reconstruída polos francos merovinxios de Clodoveo I, que a bautizaron como Strateburgus, reinstaurando un bispado que tivera anteriormente.

ano 800: Estrasburgo forma parte do Sacro Imperio Romano Xermánico de Carlomagno. Este morre no 813 e sucédeo o seu fillo Ludovico Pío, cun reinado moi convulso, cheo de rebelións . Á súa morte o imperio carolinxio dividirase entre os fillos de Ludovico (netos de Carlomagno): Carlos o Calvo, Luís o Xermánico e Lotario.

ano 842: os Xuramentos de Estrasburgo (Sacramenta Argentariae) foron uns xuramentos de axuda mutua entre Carlos o Calvo e Luís o Xermánico contra o seu outro irmán Lotario. Teñen a particularidade de que son os documentos máis antigos que se conservan do antigo francés (‘romana lingua’) e do antigo alemán (‘teudisca lingua’); o seu carácter bilingüe proba a existencia de grupos lingüísticos diferenciados, orixe das linguas francesa e alemá.

Catedral de Estrasburgo

Rosetón da catedral de Estrasburgo (XMLS)

ano 843: Tratado de Verdún, polo que queda dividido o Imperio carolinxio en tres reinos: Carlos o Calvo recibe a parte occidental (orixe da actual Francia), Lotario recibe a zona central (a Lotarinxia: desde o mar do Norte –a Renania, os Alpes e Italia-) e Luís o Xermánico a parte oriental (Xermania, orixe da actual Alemaña). A Lotarinxia conservaba a dignidade imperial, nominalmente. Estrasburgo e Alsacia quedaron dentro da Lotarinxia, pero máis adiante integraríase na Xermania, abrindo un período de influencia do ámbito xermánico ata que Alsacia e a súa capital quedaron anexionadas a Francia no séc. XVII.

ano 982: o emperador Otón II concédelle ó bispo de Estrasburgo a autoridade sobre o conxunto da cidade e arredores.

-durante séculos haberá loitas entre a poderosa burguesía da cidade e os bispos. En 1262 o bispo Walter de Geroldseck foi derrotado na batalla de Hausbergen e Estrasburgo pasa de ser cidade dominada polo señorío feudal eclesiástico a cidade libre do Imperio, rango que a equipara en privilexios a outras cidades alemás.

-en 1681 as tropas de Luís XIV anexionaron Alsacia á coroa de Francia, momento en que pasaron a ser francesas ata a Guerra franco-prusiana (1870), cando volveu a ser alemá ata final da Iª Guerra Mundial, en que volveu a Francia (22-11-1918).

Rosetón da catedral de Estrasburgo (XMLS)

Rosetón da catedral de Estrasburgo (XMLS)

-o 19-6-1940 a tropas alemás entraron en Estrasburgo. A cidade, anexionada de novo a Alemaña, foi designada capital de Alsacia dentro do III Reich. Os nazis e os colaboracionistas alsacianos destruíron a sinagoga xudía –que era unha das maiores de Europa- e en 1942 decidiuse a incorporación forzada masiva de milleiros de mozos alsacianos ó exército alemán (episodio do Malgré Nous ‘ó noso pesar’). Moitos destes mozos alsacianos foron enviados á fronte rusa. No cercano campo de concentración de Struthof-Naztweiler o médico dos SS August Hirt realizou experimentos criminais cos prisioneiros de guerra. Foi o primeiro dos campos de exterminio descuberto polos aliados (novembro 1944). A partir de 1943 a cidade sofre bombardeos da aviación aliada; o de agosto de 1944 afectou ó seu centro histórico.

Visitas en Estrasburgo

A Grande Île (‘a Grande Illa’) –ou Elipse insular, pola súa forma- é o centro histórico de Estrasburgo, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1988 por ser exemplo de barrio antigo de cidade medieval. Para marcar este status hai 22 placas de latón colocadas nas pontes que permiten acceder á illa.

Vista parcial da Grande Île de Estrasburgo (XMLS)

Vista parcial da Grande Île de Estrasburgo (XMLS)

O principal edificio da Grande Île é a catedral de Nôtre Dame***, iniciada no séc. XI, aínda que a maior parte da construción data do séc. XV (estilo gótico). Trátase da cuarta igrexa do mundo en altura. Destaca a fachada***, cun magnífico rosetón; o tímpano da portada central conta con escenas bíblicas en catro rexistros; o tímpano da portada dereita representa a parábola das virxes sabias e as virxes necias; na portada esquerda as esveltas esculturas personalizan as virtudes triunfando sobre os vicios.

Desde o miradoiro da frecha da torre da esquerda hai estupendas vistas.

A portada do Reloxo (séc. XIII) atópase no lado dereito da catedral: rodeando a figura de Salomón a Igrexa sostén a cruz e o cáliz, mentres que a Sinagoga se inclina intentando recoller anacos dunha lanza e das táboas da Lei, que caen das mans. No tímpano do pórtico represéntase a Durmición da Virxe**.

No interior da catedral, ademais das vidreiras, o púlpito e o órgano atópase o famoso Reloxo astronómico (1838), no que se representan os días da semana como carros no que viaxan as divindades e que se van asomando por enriba do reloxo; cada cuarto de hora unha serie de autómatas golpean as campás, mentres que a Morte é a que dá as horas. Ás 12,30 h ten lugar un gran desfile na parte alta do reloxo. Hai tamén desfile dos apóstolos. Para ver todo isto hai que presentarse ás 11,45 h e hai que pagar 2 €.

Barcaza de turistas pasando por baixo a ponte xiratoria aberta dunha das canles (XMLS)

Barcaza de turistas pasando por baixo a ponte xiratoria aberta
dunha das canles (XMLS)

Á esquerda da catedral, a Maison Kammerzell é unha xoia da arquitectura en madeira decorada con frescos no seu interior. Toda esta zona é de rúas de trazado medieval.

Hai outras igrexas coma a de Sto Estevo (St.Etienne) -románica, parcialmente destruída durante os bombardeos de 1944-; a de San Tomé, románico-gótica; a de San Pedro o Mozo –protestante, de estilo gótico, cunha cripta do séc. V- e a de San Pedro o Vello –neogótica, católica, aínda que hai outra co mesmo nome que é protestante-.

Preto destas últimas igrexas atópase La Petite France**, que no seu tempo foi barrio de pescadores, curtidores e muiñeiros. É unha zona con pontes sobre illas do río Ill, con exclusas, muíños etc. (Le Quai des Ponts-Couverts ‘O Peirao das Pontes Cubertas’).

Hai museos no Palacio Rohan (edificio neoclásico do séc. XVIII). O Museo Alsaciano é un museo de corte etnográfico que reconstrúe interiores de casas alsacianas, un laboratorio dun boticario alquimista etc.

Na gastronomía alsaciana ten sona o choucroute, o foie-gras, os viños alsacianos e os augardentes.

No Peirao das Pontes Cubertas, de La Petit France [XMLS]

No Peirao das Pontes Cubertas, de La Petit France [XMLS]

As institucións europeas

Por ser historicamente unha cidade disputada por Francia e Alemaña e pola súa situación xeográfica central, Estrasburgo é sede de institucións e organismos da UE e do Consello de Europa.

Un dos edificios dependentes do Parlamento Europeo, que puidemos ver "medio clandestinamente" (estaba prohibido o paso) [XMLS]

Un dos edificios dependentes do Parlamento Europeo, que puidemos ver “medio clandestinamente” (estaba prohibido o paso) [XMLS]

A cidade é considerada a capital da UE, aínda que organismos e axencias da UE teñen a súa sede noutras cidades (p.ex., o Banco Central Europeo, en Fránkfurt; o Banco Europeo de investimentos en Luxemburgo).

Estrasburgo é a sede do Parlamento Europeo (onde se celebran as sesións plenarias), do Eurocorpo, do Europol (centro de información), da Corte Europea dos Dereitos Humanos, e doutras 22 institucións europeas, coma o Consello de Europa.

Os edificios administrativos atópanse no chamado Barrio Europeo, propiedade da cidade.

A cidade simboliza a reconciliación franco-alemá, que se ve plasmada no Jardin des deus rives (‘Xardín das dúas ribeiras’).

COLMAR***

Trátase dunha cidade antiga (de 67.000 hab), ben conservada, que conta con edificios de gran tamaño de estilo gótico alemán e do primeiro renacemento, así como igrexas antigas, como a de San Martiño, colexiata do séc. XIII.

Entre os lugares para visitar, a Praza da Antiga Aduana (Ancienne Douanne / Kolfhus)*, con construcións con trama de madeira, entre elas a chamada Casa do Ferro Candente.

Reprodución a escala, nunha rotonda á entrada de Colmar, da Estatua da Liberdade de Bartholdi [XMLS]

Reprodución a escala, nunha rotonda á entrada de Colmar, da Estatua da Liberdade de Bartholdi [XMLS]

-a Maison Pfister**, construída en 1537, con fachada pintada; a casa que pertenceu ó pintor Schongauer (Casa da Viola), do séc. XV, e a Casa do Cisne (onde viviu o pintor).

Entre os museos: o Museo Bartholdi (August Bartholdi, o escultor que fixo a Estatua da Liberdade de Nova York, naceu en Colmar en 1834); nunha das rotondas de entrada á cidade hai unha reprodución a unha escala sensiblemente menor desta famosa estatua. Tamén é interesante o Museo de Unterlinden, co retablo de Ussenheim***, realizado entre 1500-1515 por Mathias Grünewald (dun realismo moi cru).

-Museo Animado do Xoguete e dos trens de xoguete (para ir con nenos).

-Unha vez ó ano, no mes de agosto, Colmar celebra a Feira dos Viños.

Pouco puidemos ver desta cidade, pois chegamos á tardiña. Ceamos (con viño branco alsaciano, en vez da cervexa habitual de toda a viaxe) e xa fomos descansar. Pola mañá veriamos, nunha rotonda, unha reprodución a escala da estatua da Liberdade de Nova York, destinada a lembrar que o seu autor era colmarés.

Ruta dos Viños alsacianos: entre Estrasbusrgo e Colmar, nun val situado ó oeste da autoestrada que une estas dúas cidades (en concreto: de Marlenheim a Thann).

Viaxe ó sur de Alemaña 6

 

6º día (Dienstag / martes 25 agosto)

Bad-Windsheim – Rothenburg – Heidelberg ( 176 km)

Bad-Windsheim – Rothenberg ob der Tauber 26 km
Rothenburg ob der Tauber-Heidelberg 150 km
TOTAL 176 km

ROTHENBURG OB DER TAUBER**

Tras o almorzo, en pouco tempo puxémonos nesta cidade de arredor duns 12.000 hab., situada nun lugar desde o que domina o río Tauber, na Romantische Strasse; a súa principal atracción turística está no ben conservado centro medieval.

A muralla cuberta de Rothenburg (foto XMLS)

A muralla cuberta de Rothenburg (foto XMLS)

Historia

Nun promontorio sobre o río, nos xardíns hoxe chamados de Burggarten, construíuse en 1142 o castelo imperial da casa Hohenstaufen, a carón do cal medrou unha vila amurallada que en 1274 obtivo a rango de cidade libre do Sacro Imperio.

-tras o terremoto de 1356 construíronse as murallas actuais e moitos dos principais monumentos.

O Grolo Mestre (Meistertrunk):: en 1631, durante a Guerra dos Trinta Anos, a cidade foi tomada polos suecos, ó mando do conde de Tilly, quen fixo prisioneiros ós concelleiros da cidade, condenounos  a morte e ordenou que a cidade fose incendiada. O alcalde deulle como ofreza de benvida viño servido nun colorido vaso de vidro de tres litros e medio. Tilly ofreceu respectar a cidade se alguén era capaz de beber o viño da xerra nun único grolo. O alcalde, Georg Musch, ofreceuse e deu bebido todo o viño nun só grolo, co cal a cidade foi salvada da destrución. Este feito deu lugar a unha festa, a Meistertrunk (‘grolo mestre’) que se celebra en distintos momentos do ano, entre maio e outubro.

DSC07951

Testemuño dun doador xaponés na rolda das murallas de Rothenburg (XMLS)

Despois de que, en 1650, as últimas tropas abandonasen a cidade, o seu desenvolvemento quedou paralizado, e ese foi a razón de que se conservasen moitos edificios desta época.

En 1803 pasou a formar parte do Estado libre de Baviera, e a partir de entón foi destino turístico para ingleses e franceses.

No séc. XX, no período de entreguerras, foi un bastión do incipiente partido nazi (nas eleccións de 1933 este partido recibiu o 83 % dos votos dos seus cidadáns).

O 31-03-1945 foi bombardeada pola aviación americana, que destruíu o 40 % da cidade, pero a destrución apenas afectou ós edificios históricos, que foron reconstruídos ó remate da guerra.

Cóntase que o 17-04-1945, a piques de finalizar a IIGM, o xeneral americano Devers deu orde de que a artillería atacase a cidade, pero esta foi salvada por outro oficial americano, John McCloy, que, como sabía pola súa nai da beleza medieval da cidade, foi remiso a destruíla sen máis e pediu permiso para solicitar a rendición antes do ataque; o comandante rexional alemán rexeitou a oferta, pero o maior alemán Thömmes, que estaba ó mando das tropas de defensa, ignorou esta orde e rendeu a cidade.

Semella unha lenda urbana, pero, como dirían os italianos, “si non è vero, è ben trovatto”.

DSC07961

Casa do Concello e praza Maior (XMLS)

Visita

Hoxe en día o turismo é a base da economía de Rothenburg (turistas de todo o mundo, xaponeses en particular): rúas estreitas, prazas pequenas, edificios antigos ben conservados… Pasou a ser a imaxe da Alemaña romántica. O conxunto da esquina da praciña Plönlein –na Schmiedgasse- é unha das imaxes máis recoñecidas de Alemaña. Polo seu aspecto medieval a cidade apareceu en varios filmes: Chitty Chitty Bang BangPinoccio de Disney etc.

A maior parte dos visitantes percorremos a pé ocamiño de rolda das murallas dos séculos XIV e XV, con 43 torres. Todo ou en parte. Observamos que nelas había pedras con nomes inscritos, pertencentes a persoas de diversos países do mundo, particularmente xaponeses, pero tamén norteamericanos, alemáns etc. Seguramente foron doadores, persoas que colaboraron economicamente cunha importante cantidade para a restauración e conservacións das murallas. Un método que tamén se podería poñer a andar en Galicia.

Vista parcial de Rothenburg desde a torre branca do Concello (XMLS)

Vista parcial de Rothenburg desde a torre branca do Concello (XMLS)

As guías recomendan entrar pola porta Röder Tor (E.), para seguir cara ó norte para chegar á Würzburger Tor (despois de pasar por outras dúas); no extremo NO atópase a Klinger Tor (con bos miradoiros); diante da porta, a igrexa Wolfgangskirche (de 1475).

Polo lado O. atopamos outras tres torres, ata chegar á porta fortificada de Burgtor, cunha alta torre. No Burgggaten*, o xardín do montículo penedío sobre o río Tauber, atópase a Blausiuskapelle, único resto da fortaleza imperial do séc. XIII, na actualidade dedicada ós Caídos. Desde alí hai un boa perspectiva sobre o río: na beira do río vese a torre Topplerschlösschen (de 1388) e a ponte Doppelbrücke sobre o Tauber (sécs. XIV-XV), e logo o santuario de Kobolzellerkirche, de estilo gótico serodio.

Igrexa gótica de St. Jacob (Santiago) [XMLS]

Igrexa gótica de St. Jacob (Santiago) [XMLS]

Continuando polo lado sur chegamos á torre Johanniterturn, situada fronte á igrexa gótica Johanniskirche (finais séc. XIV). No edificio do antigo mosteiro, reconstruído en 1718, ten a súa sede o Mittelalterliches Kriminal Museum (‘Museo da Criminoloxía e da Tortura’), visitable (hai que pagar); no exterior hai unha gaiola de ferro para a exposición pública dos condenados, quizais ata a súa morte (lembra a “armadura de forca”, que existía en Tilbury, na entrada do porto de Londres para escarmento dos piratas e corsarios), un carro-prisión para transportar presos e un aparello para as decapitacións.

Continuando cara ó sur pola rúa Untere Schmiedgasse ataPlönlein** (< lat. planum) hai unha encrucillada de rúas entre casas de trabes entrelazadas e unha fonte; á dereita, en descenso, a poderosa torre cadrada Kobolzeller Tor (séc. XIII), e outra cadrada máis, a Kohlturn.

Se desexamos continuar pola estreita prolongación cara ó sur pola rúa Spitalgasse chegaremos ó Spital**, un grande hospital construído entre 1574 e 1591 por L. Weidmann.

A cidade antiga e a nova (ó fondo) de Rothenburg (XMLS)

A cidade antiga e a nova (ó fondo) de Rothenburg (XMLS)

Volvendo ó centro da cidade polas rúas citadas, naMarktplatz (‘Praza Maior’) atópase o Rathaus(Casa do Concello), o edificio máis fermoso, cunha parte renacentista (1572-1578) –a que mira á praza-, porticada e con galería no alto, unha torre cun miradoiro na esquina; a parte que mira á rúa Herrngasse é gótica do séc. XIII, cunha torre do séc. XVI. No interior, hai unhas salas renacentistas e a sala gótica Kaisersaal, ligada ó recordo da Meistertrunk.

Na visita que fixemos á Casa do Concello quixemos entrar na Kaisersaal -dedicada ó Grolo Mestre-, pero estaba pechada ós visitantes. Preguntamos e indicóusenos que só se abría con ocasión das celebracións, pois o do Grolo era un evento cultural periódico.

As vistas desde a torre da Casa do Concello son espléndidas, pero o tramo derradeiro para acceder á parte máis alta é de bastante dificultade. A subida é gratis ata este tramo, que é o que se cobra (2 € por persoa; hai unha funcionaria alí atendendo). Trátase dunha esqueira de madeira disposta verticalmente, duns dez ou doce chanzos. Se dificultoso é o ascenso pola estreitura do oco, aínda máis o é a baixada, pois hai que descender de recú e atoutiñando onde se colocan os pés, ata tocar o chanzo superior. O espazo ó aire libre, ben protexido por unha varanda de metal, é moi estreito, non recomendable para as persoas con certo exceso de peso, pois dificilmente non caben polo portelo de entrada.

A Marktplatz desde a torre da Casa do Concello (XMLS)

A Marktplatz desde a torre da Casa do Concello (XMLS)

-á dereita da Rathaus atópase a antiga adega Ratstrinkstube (de 1466), cun reloxo que se pon en movemento case a cada hora cunhas figuriñas que reconstrúen a historia da Meistertrunk.

rúa Herrngasse é a máis bonita; ábrese entre palacetes de diferentes épocas, e nela hai unha fonte do séc. XV (a Herrnbrunnen) e unha antiga igrexa gótica franciscana (Franziskanerkirche), hoxe evanxélica. Ó norte da Casa do Concello tamén hai unha igrexa de considerables dimensións dedicada a Santiago (St. Jakob**), de estilo gótico do séc. XV. No exterior, na lado sur, hai unha esvelta escultura de bronce dun Santiago peregrino, bastante moderna, co seu chapeu de amplas abas, a cabaza atada ó cinto, unha cuncha de vieira na man esquerda e un longo caxato na dereita. Xunto coa do exterior da igrexa de Augsburgo é a segunda escultura moderna que atopamos de Santiago peregrino, o que pode dar a entender que recentemente houbo unha recuperación das peregrinacións xacobeas desde Alemaña.

A gaiola do Museo da Tortura (XMLS)

A gaiola do Museo da Tortura (XMLS)

O carro-gaiola do Museo da Tortura (XMLS)

O carro-gaiola do Museo da Tortura (XMLS)

Saímos despois en direccións a Heidelberg. No longo traxecto (150 km), no que Pablo nos levou en boa parte por estradas secundarias –así tamén puidemos ver tamén a Alemaña “profunda”, que é de supoñer que tamén exista-, Xosé M. Penas Patiño, que se preocupara de facer as correspondentes fotocopias en Núremberg, deunos outra magnífica charla centrada tres ornitólogos alemáns -Johann F. Naumann (1780-1857), Konrad Lorenz (1903-1989) e Eduard Rüppell (1794-1884) e outros científicos coma Friedrich H. von Humboldt (1769-1859) e Alfred Lothar Wegener (1880-1930), o da teoría da deriva dos continentes. Sobre Von Humboldt tamén falaría Antón G. Losada, pois, segundo o diario da viaxe que o científico emprendeu cara a América desde o porto da Coruña, o último anaco de terra que viu do continente europeo seica foi a illa Sisarga de Malpica: “el último objeto que vieron sus ojos del Viejo Mundo” (Humboldt y el cosmos. Vida, obra y viajes de un hombre universal (1769-1859); Ediciones del Serbal, 1982, páx. 58).

Non fomos todo por autoestradas, pois o intrépido condutor Pablo Bustelo tamén nos aventurou por estradas secundarias, coma esta de Rothenburg a Heidelberg (XMLS)

Non fomos todo por autoestradas, pois o intrépido condutor Pablo Bustelo tamén nos aventurou por estradas secundarias, coma esta de Rothenburg a Heidelberg (XMLS)

HEIDELBERG**

-143.000 hab.

Situada nas beiras do río Neckar (afluente do Rin), nunha das zonas máis cálidas de Alemaña, é unha cidade famosa polo seu centro histórico e por ter a universidade máis antiga de Alemaña (fundada en 1386). Ten augas termais, que tamén atrae o turismo. Tamén é coñecida polo descubrimento, en 1907, da mandíbula do ‘home de Heidelberg’, que habitou este lugar hai 600.000 anos.

Algo de historia

No séc. V a.C. existía neste lugar unha fortaleza celta. No ano 40 d.C. instalouse un campamento permanente e construíuse unha ponte de madeira sobre o río. No ano 260 o campamento foi conquistado polos pobo xermanos.

No ano 863 fundouse o mosteiro de San Miguel no Heiligenberg, no interior da dobre muralla da fortaleza celta. No ano 1115 o castelo de Heidelberg pasa á casa de Hohenstaufen. No 1225 Luís I, duque de Baviera, obtivo o Palatinado e, polo tanto, tamén o castelo.

O ano 1386 Ruperto I, elector do Palatinado, funda a Universidade de Heidelberg, que andando o tempo desempeñará un papel importante na época do humanismo e a Reforma, e tamén no conflito entre o luteranismo e o calvinismo. En 1518, uns meses despois de facer públicas as 95 teses contra as indulxencias, Martiño Lutero foi recibido en Heidelberg para a súa defensa. En 1555 a cidade pasouse ó calvinismo e veríase inmersa na Guerra dos Trinta Anos; foi devastada polos franceses en 1689 e en 1693, e máis tarde reconstruída (casas de estilo barroco). A biblioteca de Heidelberg, fundada en 1421, é a biblioteca pública máis antiga de Alemaña que aínda permanece intacta. Está considerada tamén un dos berces do Romanticismo alemán.

1933-45: Heidelberg foi unha das prazas fortes do partido Nazi, que era o máis votado nas eleccións. Entre 1934-35 o réxime construíu un grande anfiteatro en Heiligenberg para celebrar os acontecementos das SS. A cidade non fora bombardeada durante a IIGM por non ser centro industrial Rematada a guerra, morrería aquí o xeneral americano Patton, en accidente de tráfico.

O castelo de Heidelberg (XMLS)

O castelo de Heidelberg (XMLS)

Visitas

castelo (Schloss)** atópase na parte alta da cidade, no lado sur. Hai desde alí fermosas vista da cidade e do río. Puidemos acceder a el polo funicular, pois ós autobuses estalles prohibido. O billete do funicular (12 € ida e volta) permite tamén a visita á Botica do castelo e ás dúas grandes cubas do bar-restaurante.

Plano da cidade

Plano da cidade

O castelo foi construído contra o 1400 polo príncipe elector e rei de Alemaña Ruperto III, para logo ilo ampliando. Foi semidestruído polos franceses en 1689 e 1693. A través da torre da Portada (TorTurm), de forma cadrada, do ano 1530, accédese a un patio interior, con fachadas renacentistas. Entrando veremos a Fassbau, bodega construída entre 1583-1592 que conta cunha enorme cuba, a Grosses Fass*, construída en 1751 cunha capacidade de 220.000 litros; hai outra máis antiga, a Kleiness Fass*, de “tan só” 45.000 litros (do ano 1664).

Polo lado norte esténdese o Friedriechsbau*, pazo renacentista mandado construír por Frederico IV entre 1592-1610.

No lado leste atópase a xoia do castelo, o Ottheinrichsbau**, pazo mandado construír polo príncipe elector Otón Henrique entre 1556-1559. É unha obra mestra do renacemento alemán, con exuberante decoración dun artista flamengo. Neste edifico instalouse un valioso Museo de Botica (oDeutsches Apotheken Museum), con valiosos mobles do séc. XVIII e unha colección de receitas antigas. A Apotheken Turn presta acubillo a un antigo laboratorio de alquimia.

Vista de Heidelberg desde o Castelo, coa ponte vella sobre o río Necker (XMLS)

Vista de Heidelberg desde o Castelo, coa ponte vella sobre o río Necker (XMLS)

rúa principal da cidade é aHauptstrasse*(uns 2 km de longo), que conta con edificios interesantes, como a Haus zum Riesen (a ‘Casa do Xigante’) de 1707.  Fronte a ela, a Friedrichsbau (1863), sede de institutos universitarios; na rúa Karpfengasse atópase o Kongresshaus, construído en 1901 pero reconstruído en 1990; máis adiante atópase a Providenzkirche(‘igrexa da Providencia’), así chamada polo lema ‘Dominus providebit’ (‘Deus proverá’), lema do príncipe elector Carlos Luís, que a mandara erixir en 1661.

33. Botica (Apotheke) do castelo de Heidelberg

A antiga botica do castelo de Heidelberg (XMLS)

O edificio da Alte Universität (‘Universidade Antiga’) é un edificio barroco de entre 1712-1728. No seu interior atópase aStudentenkarzer (‘Cárcere estudantil’), cuarto pequeno que serviu de 1778 a 1918 para encerrar os estudantes contestatarios.

Tamén é visitable a Neue Universität (‘Universidade nova’), construída entre 1930 e 1932, que conserva no patio aHexenturm (‘Torre das Bruxas’), único resto das edificacións do séc. XV. Fronte á Universidade atópase a Biblioteca universitaria, construída entre 1901-1905, con copias de valiosos manuscritos. Enfronte, cara ó sur, a Peterskirche (‘igrexa de San Pedro’), edificio gótico do séc. XV.

A Heiliggeistkirche (igrexa protestante) XMLS

A Heiliggeistkirche (igrexa protestante) XMLS

A Jesuitenkirche (igrexa católica) XMLS

A Jesuitenkirche (igrexa católica) XMLS

.

.

.

.

.

.

.

.

.

Detrás da Universidade Nova hai edificios xesuíticos: Jesuitenkolleg (1703) e a Jesuitenkirche ‘Igrexa dos xesuítas’ (1711-1749), construcións barrocas.

Non lonxe da ponte Vella queda a Heiliggeistkirche, igrexa protestante construída entre 1399-1441 polo elector Ruperto III para sepulcro familiar. A torre data de 1508, aínda que remata en estilo barroco.

Pola Steingasse chegamos á Ponte Vella (Alte Brücke), construída por M. Maier entre 1786-1788; está decorada con estatuas e precedida por un arco triunfal que se abre entre dúas torres do séc. XV.

Pasando ó outro lado do río por esta ponte pódese ascender por un paso peonil ó Paseo dos Filósofos(Philosophenwag), desde onde se contemplan espléndidas vistas da cidade e do castelo.

A Ponte Vella sobre o río Necker (XMLS)

A Ponte Vella sobre o río Necker (XMLS)

Viaxe ó sur de Alemaña 4

VIAXE Ó SUR DE ALEMAÑA (4ª entrega)

4º día (Sonntag / Domingo 23 August 2015)

Múnic – Augsburgo – Ulm- Ratisbona/Regensburg (374 km)

Múnic-Augsburgo 70 km
Augsburgo-Ulm 85 km
Ulm-Ratisbona/Regensburg 219 km
TOTAL 374 km

AUGSBURGO (AUGSBURG)* 

-260.000 hab., capital  da Suabia bávara. Industrias téxtiles, mecánicas e de fabricación de cervexa.

-Cidade fundada polos romanos o ano 15 a.C. co nome de Augusta Vindelicorum, da provincia de Retia, nun lugar onde había un campamento militar. É polo tanto, unha das cidades máis antigas de Alemaña. Desta época quedan testemuños no seu Museo Romano.

-Na Idade Media estivo gobernada por príncipes bispos e en 1316 recibiu o título de cidade libre do Sacro Imperio Romano Xermánico. Desde entón tivo un progreso económico notable, e no séc. XVI foron famosas familias de banqueiros coma os Fugger e os Welser, prestamistas do emperador Carlos V (I de España), para as súas guerras en Europa e tamén para empresas conquistadoras no Novo Mundo (adquiriron dereitos sobre a explotación das minas de mercurio de Almadén e financiaron exploracións no que hoxe é Venezuela, na procura dalgunha mina de ouro ou de prata).

Os Fugger xa eran prestamistas do emperador Maximiliano, pero cando se presentou o dilema se optar polo apoio financeiro a Francisco I de Francia ou a Carlos de Castela e Aragón, sopesaron os posibles dun e outro. Francisco confiouse e só puido achegar para os subornos dos príncipes electores 300.00 floríns, mentres que Carlos transferiu a suma de 852.000 floríns. Da suma total, os Fugger achegaron case dous terzos, 544.000 floríns, mentres que o resto achegouno a familia Welser e a banca italiana. Deste xeito, o futuro imperio “onde non se poñía o sol”, quedaba en débeda permanente cos Fugger e con outros banqueiros europeos.

Non estaría de máis reflexionar sobre se foi beneficioso ou non para os intereses españois a herdanza europea dos Habsburgo españois (aquí chamados Austrias) ese imperio “no que non se poñía o sol” do que tanto se presume na historiografía española tradicional. En primeiro lugar, a herdanza dos Países Baixos, a Borgoña e o Imperio Alemán era para o rei/emperador e non para o Estado (o reino de Castela, neste caso), que quedou hipotecado indefinidamente cos altísimos gastos, principalmente bélicos (pagamentos ós terzos de Flandres, ós mercenarios dos exércitos etc.), que se requerían para manter as posesións dos monarcas en Europa. O ouro e a prata das Indias non contribuíu a mellorar o nivel de vidas dos súbditos dos reinos peninsulares, senón que ía directamente ás arcas dos banqueiros europeos, pois os reis Carlos I, Filipe II, Filipe III e Filipe IV estiveron constantemente endebedados e chegou a haber profundas crises financeiras (lémbrese o “poderoso caballero es don dinero” de Francisco de Quevedo, xa no séc. XVII: “Nace en las Indias honrado, /donde el mundo le acompaña, / viene a morir en España / y es en Génova enterrado”).  A época imperial é a do Quixote de Cervantes e, sobre todo, da novela picaresca, que transloce unha situación de pobreza endémica no territorio español, onde o pícaro ten que valerse de mil enganos e artimañas para poder comer todos os días. A Europa da época, malia as constantes guerras de relixión, parece que estaba en mellor situación económica que España con todo o seu Imperio colonial (as “posesións españolas” das Provincias Unidas dos Países Baixos eran ben máis ricas, desde logo), co que só se relacionaba o porto de Sevilla, pois tiña o monopolio, e despois o de Cádiz, ata 1765, ano en que se rompeu con ese monopolio e se abriu o comercio ultramarino a outros portos atlánticos como o da Coruña. En suma, que o “imperio onde non se poñía o sol”, non deixaba de ser, coma outros tantos imperior habidos e por haber, un imperio de pés de barro; desde logo, a herdanza enveleñada europea dos Austrias -empeñados en non consentir a independencia dos Países Baixos con interminables guerras- está claro que impediu o progreso económico español a partir do séc. XVI. En suma: que os beneficios do Imperio de América non serviu para desenvolver economicamente España, en comparanza co poderío económico que adquiriron Gran Bretaña, Francia ou Holanda cando crearon, posteriormente, os seus imperios coloniais..

DSC07809

Na Praza do Concello de Augsburgo, coa igrexa de San Pedro (e coa súa alta Perlachturm) e a Casa do Concello detrás (XMLS) [facer clic para ampliar as fotos]

Unha rica historia 

Da Dieta e a Confesión de Augsburgo (1530) á Paz de Augsburgo (1555)

Tras a Dieta [reunión periódica do Imperio alemán] de Worms (1521), na que o emperador Carlos V pretendera acabar coa reforma do frade Martiño Lutero mediante o edicto de Worms, houbo reunións da Dieta en Núremberg (1524) –na que se aceptou o edicto de Worms- e en Spira (1526 e 1529).

O emperador, que precisaba manter a unidade do seu imperio para facer fronte á ameaza turca, convou a Dieta de Augsburgo para lograr a paz cos partidarios de Lutero. Na Dieta de Spira de 1526 decidiuse que de ningún xeito se permitiría matar a Lutero, condenado por herexe no edicto de Worms (1521); esta mesma dieta consagraba a (relativa) tolerancia relixiosa baixo o lema Cuius regio, eius religio (‘cada rexión [debe ter] a relixión do seu señor’). Na nova Dieta de Spira de 1529, ante a intención dos católicos de anularen a tolerancia outorgada en 1526, os reformistas protestaron enerxicamente, e a partir de entón chamóuselles ‘protestantes’.

Á Dieta de Augsburgo de 1530 acudiron os líderes protestantes –dirixidos por Philip Melanchton- pero non o frade, que, ó ser declarado herexe, permanecía en Coburgo (Coburg, preto de Bamberg), baixo a protección do príncipe elector de Saxonia, inspirando desde alí o discurso de Melanchton.

O 25-6-1530 tivo lugar a Confesión de Augsburgo (Confessio Augustana), a declaración de fe dos luteranos ante o emperador, lida en alemán (hai texto escrito en alemán e en latín). Fora preparada por Melanchton coa aprobación de Lutero e asinada por sete príncipes e representantes de dúas cidades autónomas. O texto tiña 28 artigos, dos que nos 21 primeiros se presentaban as doutrinas luteranas e nos sete últimos se rexeitaban abusos da vida cristiá.

  1. As doutrinas luteranas: afirmábase a Trindade; o pecado orixinal como condenatorio se non fose condonado; a deidade e a humanidade de Xesús e o seu sacrificio polo pecado de toda a humanidade; a xustificación pola graza a través da fe (sen necesidade das nosas obras); o evanxeo, o bautismo e a cea do Señor como medios do Espírito Santo para crear e manter a fe; as boas obras como resultado (e non causa) da salvación, pois Cristo xa a lograra sacrificándose por todos nós.
  2. Os abusos estaban relacionados coas prácticas e concepcións falsas na Cea do Señor (négase a transubstanciación da hostia no corpo de Cristo e permítese comungar nas dúas especies, tamén bebendo do cáliz, que os católicos só reservaban para o sacerdote); négase o celibato sacerdotal; critícase o mal uso da confesión e da absolución e négase a autoridade do papa (propúgnase o sacerdocio universal: o crente pódese salvar pola fe e converterse no seu propio sacerdote, polo tanto, invalídanse os sacramentos impartidos polos sacerdotes, a intercesión dos santos etc.).
DSC07796 Santa Ana (luterana)

A capela dos banqueiros Fugger no interior da igrexa de Santa Ana (Augsburgo), onde primeiro se comungou baixo as dúas especies (1525) [foto XMLS]

A REFORMA PROTESTANTE

-1514: o papa León X anova as bulas de indulxencias especiais destinadas a pagar a reconstrución da basílica de San Pedro de Roma.

-O frade agostiño Martiño Lutero (Martin Luder ou Luther, 1483-1546) protesta publicamente sobre esta decisión (os banqueiros Fugger realizan, con comisión, a recadación), e dirixe contra o emisario do arcebispo de Maguncia, as

95 teses contra as indulxencias, que fixa na porta da igrexa de Wittenberg o 31-10-1517. Neste documento negaba a autoridade do papa e o valor das indulxencias, opoñéndose á idea de que o perdón dos pecados se puidese obter a cambio de diñeiro.

Biblias con cánticos á entrada da igrexa de Santa Ana de Augsburgo [XMLS]

Biblias con cánticos á entrada da igrexa de
Santa Ana de Augsburgo [XMLS]

Chamado por Roma a retractarse, Lutero desobedeceu e foi excomungado; queimou publicamente a bula de excomuñón e a súa actitude de rebelión foi apoiada por varios príncipes electores do Imperio alemán, que o protexeron da persecución a que foi sometido.

Deste xeito iniciábase a Reforma protestante.

Excluído da Igrexa, Lutero dedícase á redacción e proclamación da súa doutrina, que se pode resumir nestes puntos:

1. O cristián debe ter fe en Deus e amar o próximo; o perdón dos pecados só se obtén pola fe e non polas boas obras.

  1. O culto consiste só na lectura e comentario da Biblia, que pode ser interpretada libremente por cadaquén (o propio Lutero traduciría a Biblia ó alemán, por vez primeira, cousa atrevida naqueles tempos, pois a lingua “bárbara” xermana non se consideraba digna e apta para uso relixioso (só o era o latín, como o seguiu sendo no culto católico). Esta tradución deulle grande auxe á lingua alemá, pois contribuiu a espallala coa axuda da imprenta).
  2. Só hai tres sacramentos: bautismo, penitencia (sen confesión co crego) e a eucaristía baixo as dúas especies; nega tamén a transubstanciación da hostia no corpo de Cristo).
  3. Nega a autoridade do papa e defende a igualdade entre os sacerdotes. O fiel, o crente, é o seu propio sacerdote (sacerdocio universal); polo tanto, non son válidos os sacramentos impartidos polos sacerdotes nin tampouco é válida a intercesión dos santos.

DSC07799

Os retratos de Martiño Lutero e do seu protector o príncipe Frederico de Saxonia (de Lucas Cranach, 1535) consérvanse á esquerda deste altar da igrexa de Santa Ana de Augsburgo [XMLS] -facer clic para ampliar a foto-

O luteranismo influiría no calvinismo (Xoán Calvino, 1509-1564), que incide máis no destino do home desde o seu nacemento (predestinación) e, en parte, no anglicanismo.

O luteranismo difundiríase rapidamente polo centro e norte do Imperio alemán (Palatinado, Hessen, Turinxia, Saxonia, Brandenburgo, Prusia), mentres que o sur permaneceu dentro do catolicismo (Baden, Würtemberg, Baviera, Austria, Bohemia [actual Rep. Checa] e a maior parte de Polonia).Debido ó seu ton conciliador e á súa brevidade, a Confesión de Augsburgo influíu en todo o movemento da Reforma, en especial no anglicanismo e no calvinismo (Xoán Calvino subscribiu unha versión de 1540). Nos tempos máis actuais foi a base do diálogo ecuménico entre católicos e luteranos promovido polo Concilio Vaticano II (1963-1965).

Un grupo de teólogos católicos realizou unha refutación o 3-8-1530 (a Confutatio Pontificia), que foi contestada por Melanchton coa Apoloxía da Confesión de Augsburgo (1531).

O emperador, forzado pola guerra contra os turcos e contra a Liga de Esmalcalda (exército organizado polos príncipes protestantes en defensa da súa doutrina) de 1531, conseguiu asegurar a unidade mediante a Paz ou tregua de Núremberg (1532), que atrasaba a solución do problema ata que se celebrase un concilio xeral. Esta paz establecía a aceptación dos reformistas no seo do Imperio.

DSC07825

Lutero conta en Augsbugo con roteiros guiados

En 1539 a Reforma introdúcese en Saxonia e Brandenburgo. Carlos V trata de chegar a un acordo cos protestantes, o que conduce a inútiles controversias relixiosas en Worms e Ratisbona (1540-41).

Dieta de Worms (1545): os Estados protestantes néganse a asistir ó Concilio de Trento (1545-1563).

Aliado co papa, coa maior parte da católica Baviera e mesmo con príncipes protestantes coma Mauricio de Saxonia o emperador decide resolver o conflito relixioso pola forza, e na batalla de Mühlberg (1547) vence o exército protestante da Liga de Esmalcalda.

En 1548 Carlos V dita por iniciativa propia o Interim de Augsburgo, polo que se autorizaba nos Estados protestantes a recibir a comuñón baixo as dúas especies e o matrimonio sacerdotal. O Interim foi recibido con hostilidade por católicos e protestantes e Mauricio de Saxonia cambia de bando erixíndose en defensor do protestantismo.

-1552: derrogación do Interim de Augsburgo.

-1555: Paz de Augsburgo, que proclama a liberdade relixiosa e consagra a excisión do cristianismo.

Esta paz supón o fracaso de Carlos V no seu propósito de impedir a implantación da reforma luterana nos territorios do seu Imperio, e tamén da súa política imperial. En 1556 abdica no seu fillo Filipe II a coroa de España, as posesións italianas, os estados da Casa de Borgoña e os territorios do Novo Mundo; ó seu irmán Fernando cédelle o Imperio alemán e os territorios austríacos.

Visitas na cidade de Augsburgo

A catedral (Hoher Dom) **.- Edificio de gran lonxitude (113 m) iniciado no séc. X (no estilo románico); en 1331 empezáronse as bóvedas de crucería góticas e en 1536 o coro oriental. Nos séculos XV e XVI as naves laterais e as torres (estilo gótico).

-o interior é grandioso, cunha nave central e dúas laterais do séc. XIV (góticas). Debaixo do chan das naves hai dúas criptas. Na nave central, unhas vidreiras realizadas en 1130 decoran os ventanais.

-nos altares dos piares centrais hai catro táboas realizadas por Hans Holbein o Vello en 1493.

A Casa do Concello (Rathaus).- Na praza do Concello. A súa fachada fíxose entre 1615-20 (estilo renacentista); o seu corpo central remata cun frontón co emblema da cidade.

Perlachturm*.- Torre románica de 70 m, reconstruída en 1618, situada sobre a fachada da pequena igrexa de St. Peter (na mesma praza do Concello), de 1182, posteriormente restaurada en estilo barroco.

A igrexa de Santiago (St.-Jakob) e as rúas de Santiago (Jacoberstrasse) e do Albergue de Peregrinos (Pilgerhausstrasse) amosan a Augsburgo como un importante punto das peregrinacións xacobeas (XMLS).

A igrexa de Santiago (St.-Jakob) e as rúas de Santiago (Jacoberstrasse)
e do Albergue de Peregrinos (Pilgerhausstrasse) amosan a Augsburgo
como un importante punto das peregrinacións xacobeas (XMLS).

Outras igrexas:

Sta. Anna**.- Resultou moi interesante esta igrexa luterana evanxélica que pertencera a un convento de carmelitas. Construída no séc. XV, o interior restaurouse no estilo barroco en 1748. Foi a primeira igrexa onde se celebrou, na misa da Nadal de 1525, a comuñón nas dúas especies segundo a doutrina luterana. Esta igrexa foi un dos centros da confesión protestante de Augsburgo (desde 1545).

-no coro, sobre o altar, os retratos de Lutero e do elector Frederico de Saxonia (de Lucas Cranach o Vello, 1535).

-no coro occidental, a Fuggerkapelle (‘Capela dos Fugger’) mandada construír entre 1509 e 1518 polos banqueiros Jakob e Ulrich Fugger; obra renacentista. Nela están enterrados só estes dous banqueiros, pois ó pasar a igrexa ó culto luterano a partir de 1545, xa non se enterrou ningún membro máis da familia.

Non se debe esquecer que os Fugger foron unha das causas da protesta de Lutero contra o abuso das indulxencias, pois os representantes dos banqueiros acompañaban ós monxes predicadores das indulxencias nas recadacións, para recibiren a súa parte. En 1520 Lutero atacaba ós Fugger no escrito Á nobreza cristiá da nación alemá dicindo que lles había que poñer unha brida na boca pola súa cobiza.

St. Ulrich e S. Afra*.- Igrexa que ten a súa orixe no sepulcro romano de san Afra, martirizado no 304. Sobre el o bispo Ulrich mandou no 973 construír un santuario. En 1475 ergueuse un novo edificio. En 1594 a torre e en 1710 modificouse ó estilo barroco. No interior (94 m lonxitude x 2750 anchura x 30 m altura), un púlpito de 1608; baixo o coro, a cripta, cos sarcófagos dos santos Afra e Simpert e o mausoleo da S. Ulrich (rococó, 1672).

DSC07823

Fonte cun moderno grupo escultórico cuns peregrinos a Compostela ós pés dunha imaxe de Santiago sobre unha columna (XMLS)

Igrexa de Santiago (St.-Jakob).- Pequena igrexa situada no final da Pilgerhausstrase (‘rúa do Albergue de Peregrinos’) e a Jacoberstrasse (‘rúa de Santiago’). Nesta confluencia hai unha fonte que na súa parte central, sobre unha columna, hai unha escultura de bronce de Santiago peregrino, co seu caxato e coa súa vieira (motivo iconográfico que se repite na todas as imaxes do Apóstolo en moitas igrexas alemás e francesas). Ó pé da columna, no chan, uns peregrinos xacobeos. Esta igrexa forma parte, sen dúbida, do Camiño de Santiago no sur de Alemaña.

Santiago debeu ser un santo de notable culto na cidade; non se esqueza que levou o seu nome o poderoso banqueiro do séc. XVI Jakob Fugger.

Na Halderstrasse atópase unha sinagoga convertida en Museo da Cultura xudía, o primeiro da posguerra europea.

O restaurante Welser Kuche.- Atópase no nº 83 da Maximilianstrasse (a principal da cidade), e ten a particularidade de que nel hai que comer valéndose das mans (e non con garfos), para revivir con fidelidade o ambiente dun banquete medieval. Cómense pratos (supostamente) do séc. XVI, inventados por Philippine Welser, descendente dunha ilustre familia de comerciantes. Sérvense diversos tipos de asados e un trobeiro ameniza a velada. Hai que facer reserva.

DSC07828

O barrio Fuggerei, coas súas casiñas, protexido por un alto muro (XMLS)

Fuggerei**.- Conxunto de 67 casiñas (1519-1525) construídas polo banqueiro Jakob Fugger para os pobres da cidade, e agora para xente de pouca solvencia económica que pagan un canon anual simbólico de 0,88 € e teñen a obriga moral de rezar polos fundadores; coma nos tempos antigos, as tres portas deste barrio péchanse de 10 da noite ás 5 da mañá. Para visitalo hai que chamar ós portais de listas brancas e azuis de entrada e pagar. Un grupo dos nosos viaxeiros (o ‘Barbeira’s Group’) efectuou esta visita.

Nesta cidade naceu Leopold Mozart (o pai do músico W. Amadeus Mozart) e o escritor Bertold-Brecht. Pódense visitar as súas casas, musealizadas, a Mozarthaus e a Bertold-Brecht Haus, esta moi próxima ó barrio das Fuggerei.

ULM*

-120.000 hab.

-situada na beira esquerda do Danubio (Donau en alemán), na Suabia bávara.

Visitas:

DSC07838

Fachada da catedral de Ulm, coa torre de pedra máis alta do mundo [XMLS]

-a antiga Catedral (Ulmer Münster ‘a Grande Igrexa de Ulm’)**.-  Hoxe igrexa parroquial evanxélica, obra mestra da arquitectura gótica alemá, só superada en tamaño pola catedral de Colonia. De estilo gótico (1377-1530), destaca a súa colosal torre** da fachada, a torre de pedra máis alta do mundo (161 m), con 768 chanzos para subir a ela (pagando). Rematouse a finais do séc. XIX.

Tamén é interesante a portada dobre**, cun famoso Ecce Homo.

Algúns dos nosos viaxeiros -os intrépidos “correcamiños” maiormente- atrevéronse a subir os 768 chanzos da torre para contemplar as espléndidas vistas da cidade.

-tamén é interesante a Casa do Concello (Rathaus).

DSC07860

Casiñas para os paxaros en Ulm (XMLS)

-Como nos recordou un dos nosos asesores científicos, nesta cidade naceu un dos máis importantes científicos do séc. XX: Albert Einstein (1879-1955), de familia xudía, o enunciador da teoría física da relatividade, a equivalencia masa-enerxía, segundo a ecuación E = mc2.

Estrada secundaria bávara de Ulm a Ratisbona, cos cultivos de lúpulo nas leiras lindeiras (XMLS)

Estrada secundaria bávara de Ulm a Ratisbona,
cos cultivos de lúpulo nas leiras lindeiras (XMLS)

RATISBONA (REGENSBURG)**

– 128.000 hab.

-na beira dereita do Danubio. Cidade nacida dun campamento romano (Castra Regia) do séc. II destinado a albergar a única lexión romana ó norte dos Alpes (o centro da cidade conserva a clásica proxección ortogonal romana). -nesta cidade naceu D. Juan de Austria (1547 ou 1549 – 1578), fillo ilexítimo do emperador Carlos V e de Bárbara Blomberg, veciña desta cidade. Foi bautizado co nome de Jerónimo (Jeromín), pero cando foi recoñecido polo emperador como fillo cambióuselle o nome polo de Juan. Foi militar e diplomático ó servico do seu irmán Filipe II.  -cidade comercial da Idade Media, nó de rutas comerciais.

-os seus comerciantes inspiráronse en Venecia para as súas residencias.

casas-torre pintadas con tons delicados, rúas lousadas, casas con arcos románicos que contrastan coas agullas góticas da catedral. Unha cidade que conserva unha aparencia antiga, dos séculos XV e XVI.

-saíu indemne da 2ª GM, conserva edificios dos séculos XV e XVI. Hoxe é unha tranquila cidade universitaria.

A casa-torre de Goliat de Ratisbona, pintada coa escena de David e Goliat (fresco de 1573) [XMLS]

A casa-torre de Goliat de Ratisbona, pintada coa escena de David e Goliat
(fresco de 1573) [XMLS]

Visitas

Catedral de S. Pedro (Dom St. Peter)**.-  Gótica, iniciada en 1270; as obras duraron máis de tres séculos. A maxestosa fachada principal está flanqueada por dúas torres de 105 m de altura (do séc. XV); a portada principal está decorada con estatuas e relevos. O coro, do séc. XIII, está inspirado nas catedrais francesas. O interior está dividido en tres naves, transepto e coro. Conta con numerosas obras escultóricas e pictóricas de mérito, e unha cripta baixo a nave na que están enterrados os seus bispos. Detrás da catedral, preto da Porta Praetoria, ábrese o claustro (Kreuzgang) do séc. XI.

Niedermünster*.-  Igrexa dun antigo mosteiro do séc. XII (hoxe pazo episcopal).

-o interior, de tres naves, foi reformado ó estilo barroco no séc. XVIII.

-hai tamén unha igrexa dedicada a Santiago (Saint Jakob). Polo que nos relata A. Lavandeira na súa crónica de La Voz de Galicia do 26-08, dous mozos alemáns de Bamberg, Daniel Wehofoith e Silke Vollath, de 26 anos, emprenderon o luns 24 a peregrinaxe a Santiago e, posiblemente, tamén a Fisterra. A presenza de Santiago nas igrexas alemás é bastante apreciable, como iremos vendo.

En Ratisbona vimos por vez primeira as augas do Danubio; a ponte Steinerne estaba en obras (XMLS)

En Ratisbona vimos por vez primeira as augas do Danubio; a ponte Steinerne estaba en obras (XMLS)

Centro histórico

Saíndo da Krauterermarkt, fronte á catedral, chégase á zona medieval. No nº 4 de Watmarkt atópase a Baumbergerturm, casa-torre de sete plantas construída no séc. XIII. No nº 6 pódese ver unha casa gótica (hoxe restaurante) onde, segundo a tradición, naceu D. Juan de Austria, fillo bastardo de Carlos V (a nai, unha muller da burguesía local). No nº 7 áchase a Goliathaus, casa-torre do séc. XIII decorada cun gran fresco de David e Goliat de 1573.

En toda a cidade destaca a decoración das ventás dos edificios, todas con flores.

Steinerne Brücke, ponte de pedra sobre o Danubio, do ano 1135, considerada unha marabilla da técnica (os 16 ollos miden 320 m de longo).

Altes Rathaus (Antiga Casa do Concello), edificio con partes góticas do séc. XIV (oeste) e barrocas de 1661 (leste).

-tamén se atopa unha igrexa de Santiago (St. Jakob), tamén chamada dos Escoceses, un dos puntos de partida do Camiño de Santiago en Alemaña, igrexa dun convento bieito construído por monxes irlandeses no séc. XII. É de feitura románica; é célebre a súa portada**, cun tímpano no que aparece Cristo entre Santiago e san Xoán.

-Nos arredores destaca o Walhalla, edificio con planta de templo dórico construído por Luís I de Baviera para honrar os grandes personaxes alemáns (na mitoloxía nórdica o Walhalla era a residencia dos heroes mortos na batalla).

En Ratisbona, coma en toda Baviera, os símbolos identitarios do Freistaat Bayern ('Estado libre de Baviera'), como a súa bandeira de rombos azuis e brancos, son constante [XMLS]

En Ratisbona, coma en toda Baviera, os símbolos identitarios do Freistaat Bayern (‘Estado libre de Baviera’), como a súa bandeira de rombos azuis e brancos, son constante [XMLS]

Limerick  (24-8-13)

Capítulo 3 Killarney – península de Dingle- Tralee – Adare – Limerick – Shannon (Viaxe a Irlanda)

NA PROCURA DO MEGALITISMO ATLÁNTICO E DAS FISTERRAS
CRÓNICA DA VIAXE A IRLANDA DO SEMINARIO DE ESTUDOS DA COSTA DA MORTE 

(22-29 DE AGOSTO DE 2013)

Capítulo 3: Killarney – península de Dingle- Tralee – Adare – Limerick – Shannon (sábado 24 de agosto)

Como preámbulo ó resumo desta xornada, algunhas precisións importantes, como a que nos fai Pablo Sanmartín, lembrándonos que tamén aquí en Galicia hai grupos musicais que animan bares e tabernas, coma Os Carunchos no barrio compostelán de San Pedro os venres pola noite.

Nin que dicir ten que agradecemos estas precisións dos excursionistas, como tamén agradecemos a súa colaboración desinteresada durante a viaxe: ademais de Pablo e Antón (xa citados), os doutores Chelo García e Xan Fernández, Emilio Roca (como intérprete e como reporteiro, pola excelente reportaxe de vídeo que nos enviou o día 12 de setembro), Xan Fernández Carrera e todos/as os/as que amablemente propuxestes ideas e mesmo críticas. Non esquecemos a nosa benxamina Antía, sempre disposta a botar unha man, en especial como intérprete.

Postos a agradecer, rogámoslle á viaxeira Fina Barbeira que lle transmita ó seu fillo Javier Val o noso agradecemento por nos facilitar cadansúa copia das películas que fomos vendo nos traxectos longos, todas elas –de épocas distintas- evocadoras de importantes episodios da historia recente de Irlanda: O home tranquilo (1952; As cinzas de Ánxela (1999) e No nome do pai (1993). O outro filme, A filla de Ryan (1970) foi un agasallo particular de Pablo Bustelo, o comandante ó volante, que a mercara en Killarney. Para completar a filmografía, recomendamos que vexades O vento que axita a cebada(2006), un drama ambientado nos complicados anos da guerra da independencia contra Gran Bretaña e na posterior guerra civil irlandesa (entre 1919 e 1923). Aínda que trata sobre un episodio da historia de Escocia, lembremos que Braveheart foi en parte rodada no castelo de Trim.

Dingle (24-8-13) XML

Rúa en Dingle. (Foto: XMLS)

Volvendo ó rego, o sábado 24 amenceu chuviñento e bretemoso, inaxeitado para visitar a península de Dingle, a fisterra irlandesa. De Killarney dirixímonos á baía de Dingle, avistando o mar na vila de Castlemaine. Continuariamos logo pola estreita estrada R-561 e chegamos a Dingle a media mañá sen que nos deixase nin o orballo nin a néboa. Aínda que a algún non lle gustou –e comprendémolo- tomamos a decisión de deternos en Dingle e non continuar deica Dunquin, como estaba no programa, posto que a persistente chuvia e, sobre todo a brétema, nos ía impedir ver a paisaxe e mesmo transitar polas estradas cada vez máis estreitas, con moitas curvas e á beira dos cantís. Deste xeito, empregamos máis tempo en Dingle, que é a poboación máis importante da fisterra irlandesa, que aínda hoxe ten certos lazos con Galicia, pois hoxe adoita ser porto-base dos nosos pesqueiros do Grand Sole. Houbo quen falou cun camioneiro galego que viña levar peixe para Galicia. Houbo quen se achegou á igrexa de Santiago e quen viu a inscrición alusiva ó embarque de peregrinos cara a Compostela. O que non sabemos é se alguén localizou a tenda de xoguetes Bréagáin (Breogán).

BREAGAIN BREOGAN DINGLE

A tenda de xoguetes Breogán de Dingle (foto Manuel Vilar, 2013)

De volta, atravesamos ó nesgo a montañosa península de Dingle e albiscamos pola parte norte a baía de Tralee. Aínda que algunhas guías comparan estas baías ou firths ás rías galegas, en realidade teñen orixe glaciar (polo tanto, co seu val en forma de U e non de V).

En Tralee [pronunciado trolí], onde aclarou algo o día –moi pouco-, xantamos e visitamos a pequena cidade, que é coñecida polo festival internacional de agosto Rose of Tralee e mais por certos feitos da historia de Irlanda que tiveron lugar alí ==> ver ITINERARIO, p. 11.

DSC05022 Tralee Bay (24-8-13)

Paisaxe rural na baía de Tralee (foto XMLS)

Esta foi unha xornada de estradas estreitas, onde comprobamos o respecto que en Irlanda se lles ten ós camiños tradicionais, especialmente se teñen valados de pedra a cada beira. Todos nos admiramos do civismo dos condutores que, en canto advirten a chegada dun autobús, se arriman á beira para ceder amablemente o paso. Un pouco canso de tanta estreitura, respiramos aliviados cando en Castleisland empatamos coa estrada nacional N-21 en dirección a Limerick, pero o noso gozo nun pozo, pois foi cando un inoportuno accidente que había na estrada nos obrigou a perder un tempo precioso.

Casa antiga de Adare (foto XMLS)

Casa antiga de Adare (foto XMLS)

Como estaba previsto, detivémonos en Adare, vila coñecida por conservar unhas casas con teito de colmo de máis de 200 anos de antigüidade. (Lembremos que nos Ancares galegos o empeño de moitos veciños -e alcaldes- era e segue sendo destruír as pallozas porque disque son signo de atraso. Hai anos quixérase facer nesta comarca un parque natural e os primeiros que se opuxeron foron os alcaldes aducindo que se lles quería condenar a a andar con taparrabos, coma nunha reserva india. Nin que dicir ten que, debido á destrución das pallozas e á súa substitución por casas “modernas”, os Ancares perderon moito do seu atractivo).

Limerick (24-8-13)

O río Shannon ó seu paso por Limerick, no chuviñento día 24-8-2013. ö fondo a ponte Thomond e o castelo do rei John (foto XMLS)

Por fin chegamos a Luimneach / Limerick, a 4ª cidade da República de Irlanda. Polo camiño foramos vendo o filme d’As Cinzas de Ánxela, ambientada nesta cidade e na que chovía sen parar todo o tempo; abofé que fixo honor ó filme, pois a chuvia non nos deixou nin por un momento durante a nosa estadía na cidade. Acompañados polo persistente orballo percorrimos a cidade de oeste a leste, visitando a catedral de Santa María, con fachada románica, a sede da Loxa Masónica, o castelo do rei John, a ponte sobre o río Shannon, o monumento á pedra do Tratado de 1691 (the Treaty Stone) e, sobre outra ponte, un monumento –cunha inscrición en gaélico e en inglés- dedicado a un dos nacionalistas fusilados polos británicos en 1916 (Thomas J. Clarke).

Malia que Limerick non recibe un bo trato na novela e no filme As cinzas de Angela, hai unha ruta turística urbana que percorre os lugares que se citan. O autor do libro -publicado en 1996 (Premio Pulitzer)-, o irlandés estadounidense Frank McCourt, conta a historia da súa infancia. Nacido en Nova York, fillo máis dun matrimonio de inmigrantes irlandeses (Malachy e Angela McCourt), en 1935 a familia decide retornar a Irlanda, á cidade de Limerick, onde van sufrir múltiples penalidades debido ó atraso do país, ós ríxidos costumes católicos irlandeses e ó dura que era a vida naqueles momentos. O filme (1999) foi dirixido por Alan Parker.

A Universidade de Limerick tiña -e supoñemos que aínda ten- un convenio coa Xunta de Galicia para que profesores galegos dos ensinos básico e secundario vaian perfeccionar o inglés nos meses de verán. O seu campus está situado na beira dereita do río Shannon.

Non sempre chove en Limerick; como proba, esta foto de xullo de 2006 (foto XMLS)

Non sempre chove en Limerick; como proba, esta foto de xullo de 2006 (foto XMLS)

A xornada rematou coa cea no hotel de Shannon. Tras a cea, no pub, tivemos unha actuación especial para nós dun cantor local, que nos amenizou a velada atendendo as nosas peticións especiais (Molly Malone, The fields of Athenry…), pero que nos defraudou porque era un dos poucos irlandeses que descoñecía non só a existencia de Galicia e de Santiago de Compostela, senón a do grupo Milladoiro e do gaiteiro Carlos Núñez. ¿De que lles valeron a estes tantas actuacións cos universalmente famosos The Chieftains?

O xornalista A. Lavandeira enviou a súa primeira crónica dos primeiros días da viaxe, que aparecería publicada en La Voz de Galicia (edición de Carballo) o 26 de agosto: “Un viaje por los mares legendarios del atlantismo celta”