A colección «Terra Nomeada» da Sección de Lingua / Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) vén de arrequentar o seu catálogo coa publicación de dous novos títulos: Toponimia de Zas, da autoría de Xosé María Lema Suárez, e Toponimia de Padrón e Pontecesures, elaborada por Fernando Cabeza Quiles, que seguen ao anterior Toponimia de Carnota, de Alfonso Blanco Quintela, todos tres membros da Asociación Galega de Onomástica, entidade coeditora das obras xunto coa propia RAG e os concellos mencionados, alén de contaren co subsidio económico da Deputación da Coruña.
Xosé Mª Lema, presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SemEsCom) e académico correspondente da RAG, en Toponimia de Zas pescuda coa súa coñecida rigorosidade nas certezas e nos enigmas da orixe etimolóxica, ás veces discutida, de todos os lugares das dezaseis parroquias deste concello da Terra de Soneira, analizando 117 topónimos maiores xa que o investigador subliña que Brandoñas e Muíño non existen como lugares e só como denominacións parroquiais. Porén non remata aí o seu labor investigador pois tamén nos subministra cumprida información sobre outros topónimos de lugares deshabitados ou desaparecidos ou de vinte espazos xeográficos, nomeadamente ríos e pontes, montes e pedras senlleiras ou de interese arqueolóxico.
O «Estudo dos Topónimos» vai precedido dunha sucinta e interesante «Introdución» que en pouco máis de vinte páxinas consegue, sen aborrecer malia a profusión de datos, que a persoa lectora poida familiarizarse co contexto xeográfico e histórico do concello, botando man dos seus numerosos traballos anteriores sobre a cuestión, de xeito principal o volume Zas polo miúdo (2020), en coautoría con Evaristo Domínguez Rial. Non esquece percorrer a influencia das familias fidalgas, como os Moscoso ou os Rioboo, na conformación do territorio, así como a demografía que explica o abandono duns lugares e o pulo doutros, para rematar esta entrega coas notas filolóxicas, en diálogo con Xosé María Rei Lema, sobre os trazos que definen a fala de Zas e cun achegamento á cartografía dos apelidos e dos xentilicios máis populares neste concello soneirán.
Resultan moi útiles e necesarias as catro páxinas coa «Explicación dalgúns termos» pois así os que somos neófitos na cuestión podemos aprender, poñamos por caso, que un corónimo é un tipo de topónimo que designa unha entidade superior a un núcleo de poboación ou que un hodotopónimo é un topónimo que fai referencia a vías de comunicación.
O «Estudo dos Topónimos» preséntase en orde alfabética e cada unha das fichas, tanto as máis sintéticas como as de maior extensión, son de amena lectura, con afán didáctico e divulgativo, e mesmo en ocasións con referencias que nos deixan co sorriso nos beizos, velaí cando se explican O Allo e A Cebola ou O Chamberín, de simpática ocorrencia. Por certo, non todo é tan sinxelo porque as diferentes interpretacións do primeiro ocupan até dez páxinas, superando a Brandomil (onde a presenza literaria de Pondal non podía faltar), e con continuos apelos á documentación que tratan de nos ofrecer catro posibles interpretacións, expostas con clareza antes de suxerir a súa escolla.
Xa o primeiro, As Abellas, lugar da parroquia de Muíño, é unicum, nome de lugar único na toponimia maior de Galicia e, como vai suceder sempre ao longo do libro, Lema Suárez explicita as hipóteses da súa orixe, inclinándose desta volta pola máis plausible a priori, ser terra de alvarizas.
A documentación citada e estudada non só pertence ao vello Reino de Galicia e a outras fontes galegas, ou aos sempre citados Catastro de Ensenada (c. 1760) ou Diccionario de Madoz (1845-1850) e os nomenclátor do XIX, pois en moitas ocasións recorre a documentación doutros reinos peninsulares, como cando explica A Andragalla, na parroquia de Lamas, que nos leva á posible orixe nun antropónimo feminino de Nafarroa. Se callar bótanse en falta maior presenza de fontes da antiga Gallaecia, nomeadamente do actual norte de Portugal, por exemplo ao explicar Pudenza faise referencia ao cognado Podence (Palas de Rei) mais non se cita a antiga freguesía portuguesa co mesmo nome en Macedo de Cavaleiros (distrito de Braganza), que ten sona polos Caretos, un dos máis coñecidos entroidos tradicionais coas súas máscaras diabólicas e cun pequeno mais interesante museo que recomendo visitar. Como tamén chama a atención que á hora de explicar Ventoselo non se cite a coñecida Ventosela, en Ribadavia, na comarca do Ribeiro, á que deron sona o seu gaiteiro ou a infancia do académico e profesor Xesús Alonso Montero.
As dificultades de determinar etimoloxías fan que orixes que hoxe damos por certas, como Baio desde o antropónimo latino Badius, tamén sexan postas en cuestión con outros novos argumentos.
Boa parte dos topónimos estudados son únicos en Galicia, algúns teñen etimoloxías discutidas e outros, orixes escuras e mesmo enigmáticas. Lema Suárez confesa eses atrancos como cando escribe “A etimoloxía do topónimo Xallas é realmente complicada”, mais axiña engade todo o catálogo de posibles interpretacións, advertindo que ás veces esas hipóteses non poden ser tomadas como definitivas.
Evidentemente as formas de nítida raíz latina ou incluso árabe (como A Atalaia) son moito máis transparentes e ofrecen menos dificultades de interpretación que aqueloutras, e son bastantes, de voces que proveñen de orixes prerromanas e onde a escuridade abona varias hipóteses.
A ordenación alfabética fai que peche o libro o propio topónimo do concello, Zas, que ilustra perfectamente como as novas interpretacións botan terra sobre as anteriores, xa que até non hai moito dábase por certa a súa orixe no xermánico sala, e de aí ao latín medieval, mais que recentes estudos do filólogo Paulo Martínez Lema relacionan co fitónimo latino salix “salgueiro”.
En definitiva, malia estarmos diante dun ensaio de carácter filolóxico o estudo de Xosé María Lema Suárez devén nunha entretida lectura, na que moito se aprende ou coa que se pode debater, polo que cómpre agradecerlle esta entrega que nós puidemos ler en papel, nun libro ben editado que leva antes da capa un mapa despregable do concello de Zas con todos os topónimos citados, mais que a Real Academia Galega (RAG) dispoñibiliza para descarga libre en pdf, unha versión dixital accesible nesta seguinte ligazón.
(Orixinalmente publicado en quepasanacosta.gal )
“Quen sabe que a fortuna das familias burguesas dos Barrié e de Eusebio da Garda fíxose en boa parte mediante o tráfico de escravos? Quen, que a cidade coruñesa foi un importante porto corsario e negreiro ata ben avanzado o século XIX? Quen, que o Estado Español foi un dos últimos en abolir a escravitude? Por que non se fala practicamente nada disto nos manuais de Historia, tanto de Galicia como de España, que se estudan nos centros de ensino? O historiador Xosé María Lema Suárez (este ocupándose tamén do fenómeno da piratería) e o filósofo Jorge Álvarez Yágüez rompen con este sorprendente silencio. E reclaman, e con eles Tempos Novos, estudos e debates que impidan que continúe no futuro.
Unha reclamación tanto máis importante hoxe, cando proliferan os sinais dunha inexplicable nostalxia por unha historia amnésica como a que durante tantos anos impuxo o franquismo (e non só o franquismo).”

Memorias de R. Duguay-Trouin, nunha exposición bibliográfica na Cidade da Cultura (2019). Foto X.Mª Lema
“Baixo a autoría e asesoramento de ducias de especialistas, Nós Diario publicou 30 castelos e torres galegas para descubrir un reino, un coleccionábel extraordinario, editado para celebrar os 1.000 números do diario, que valoriza o patrimonio, a historia e a contorna territorial dunhas construcións que retratan unha parte importante da identidade da Galiza.”
O presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema Suárez, colaborou en dous dos elementos seleccionados, o castelo de Vimianzo e as Torres do Allo. En semescom.gal ofrecémosche o artigo completo para que poidas consultalo:
LER PDF.
“Baixo a autoría e asesoramento de ducias de especialistas, Nós Diario publicou 30 castelos e torres galegas para descubrir un reino, un coleccionábel extraordinario, editado para celebrar os 1.000 números do diario, que valoriza o patrimonio, a historia e a contorna territorial dunhas construcións que retratan unha parte importante da identidade da Galiza.”
O presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema Suárez, colaborou en dous dos elementos seleccionados, o castelo de Vimianzo e as Torres do Allo. En semescom.gal ofrecémosche o artigo completo para que poidas consultalo:
No último número da revista “A Trabe de Ouro”, o 122 (xaneiro-abril 2023) Xosé Mª Lema publica o artigo “Novas investigacións sobre don Juan Antonio Posse. Presentación en León dun libro sobre o crego liberal galego”. O cura Posse, nacido en Soesto (Laxe) en 1766, desempeñou o seu ministerio en tres parroquias do daquela reino de León entre 1794 e 1854. A última delas, San Andrés del Rabanedo, hoxe o terceiro municipio con maior número de habitantes (uns 31.000) da provincia leonesa despois da capital e de Ponferrada. De San Andrés é Paloma Fernández Oliver, a autora do libro “El infrascrito. Andanzas de don J.A. Posse en el San Andrés del siglo XIX”, libro que leva un prólogo do presidente do SEMESCOM e que foi presentado por el mesmo na propia vila leonesa o 1º de xullo de 2022. No artigo tamén se fala das Xornadas que o SEMESCOM organizou en Laxe (2007) e en Vimianzo (2012) recordando a figura deste “cura de aldea, célebre por su ilustración, sus ideas avanzadas, la energía de su carácter y las persecuciones de que fue víctima”, en palabras do intelectual leonés Gumersindo de Azcárate en 1883.
Hai uns días anunciábase que o Concello de Vimianzo comezaba «os traballos de recuperación do Cruceiro de Cheis, que retirará para a súa restauración e datación». Lemos na web do Concello que se vai realizar un estudo arqueolóxico integral, de restauración e histórico-artístico, pois non están moi claras as datas de construción. Engádese que «existe documentación que fala do século XIV, pero tamén do XV e máis do XVI».
Xa temos dito e repetido en múltiples publicacións —desde A arte relixiosa na Terra de Soneira (1993) a Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte (Semescom 2012), pasando por diversos congresos de cruceiros (Poio 2009, por exemplo)—, que o Cruceiro dos Santos ou de Cheis é unha obra única en Galicia, pois ademais de formar parte do reducido grupo dos máis antigos, tamén forma parte do selecto grupo dos de máis valor artístico.
É de estilo gótico, e no seu día encadrei a súa feitura nun período comprendido entre 1350 e 1500, pero carecía dunha proba documental que o certificase. Se de certo apareceu agora esa proba, ben que me alegro. Conta cun total de nove figuras esculpidas polos catro lados da súa cruz arbórea. Ademais do preceptivo Cristo crucificado nun dos lados, presenta no oposto un tema iconográfico inédito: unha Trindade, que en poucos cruceiros se repite.
Nin que dicir ten que saudamos a iniciativa do Concello vimiancés de poñer en valor esta obra senlleira, de polo menos 500 anos de antigüidade, que chegou intacta ós nosos días nunha solitaria encrucillada de camiños. Un verdadeiro milagre que resistise cinco séculos as inclemencias do tempo e, o que é peor, as accións humanas.
Dúas arqueólogas, unha restauradora e un canteiro encárganse da súa restauración e despois da colocación no mesmo lugar en que se atopaba. Valoramos positivamente esta intervención, pero o que nos preocupa é saber se nela se contempla un plan de protección integral de todo o monumento. Oxalá o haxa, confiemos, pois se non é así o perigo de roubo ou de destrución seguirá latente e estaremos nas mesmas, co problema principal sen resolver. Estes perigos, por desgraza, estanse incrementando día a día; vémolo na prensa.
As terras vimiancesas son particularmente ricas en cruceiros, boa parte deles bastante antigos (dos séculos XVII, XVIII e XIX). No libro que publicamos en 2012 con José Mª Laredo hai unha relación dos máis sobranceiros para unha ruta circular. A asociación galega Amigos dos Cruceiros mesmo pensara nalgunha ocasión en facer un dos seus congresos anuais no concello de Vimianzo.
A Guía de nomes galegos, un recurso en liña coa forma estándar de máis de 1500 antropónimos que forman parte da tradición galega, moitos deles dende a Idade Media, xa pode consultarse en liña nesta mesma páxina web. Cada entrada explica a orixe e o significado do antropónimo, achega a historia ou as lendas dos personaxes que primeiro o levaron ou que o fixeron popular e recompila as correspondencias con outras linguas, entre outra información. O recurso complétase cunha listaxe de nomes femininos e outra de masculinos descargables.
A Guía de nomes galegos é un traballo do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega coordinado por Ana Boullón Agrelo. “A finalidade principal desta obra é dar a coñecer á comunidade galega as formas estándares dos nomes persoais; esta ferramenta permitiralle galeguizalos ou escollerlles nomes ben xeitosos para as fillas ou fillos”, explica a académica de número.
Ana Boullón, o coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, e e o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, presentaron esta mañá na sede da institución este novo recurso. “Con el a Academia culmina un proceso que responde a unha demanda que dende hai tempo viñan facendo os nosos usuarios: unha guía de nomes actualizada, documentada, que serve de orientación para pais e nais que queren para os seus fillos e fillas nomes propios da nosa cultura, da nosa tradición e da nosa memoria histórica. Un servizo máis da RAG á sociedade galega”, salienta o presidente.
A Academia agarda ofrecer tamén proximamente unha guía de apelidos, na que vén traballando dende hai tempo o Seminario de Onomástica, ”igual que traballa na actualización permanente do Nomenclátor”, engade Víctor F. Freixanes, en referencia ao labor de estudo e preservación dos nomes da terra que desenvolve a RAG.
Nomes silenciados nos rexistros e transmitidos oralmente
O repertorio antroponímico do galego, como acontece en todas as linguas, foise compoñendo ao longo do tempo con elementos culturais de moi diverso signo. “A relixión, a literatura, a política ou préstamos doutras linguas son parte deles. No caso dos nomes galegos, a partir do século XVI non se pode obviar o proceso de substitución polos seus correspondentes casteláns nos textos escritos, pero cómpre ter en conta que moitos seguiron a existir ata a actualidade fóra dos rexistros oficiais mais con moita vitalidade oral”, apunta Ana Boullón.
Estes nomes silenciados nos documentos escritos nalgúns casos seguiron a empregarse como nomes de casas (casa de Lourenzo) ou mantivéronse como apelidos, continuando co antigo uso patronímico (Lois) ou como haxiotopónimos, é dicir, nomes de lugar baseados en nomes de santos (Uxía, Tomé); e outro grupo conservouse nos refráns, a partir das calidades atribuídas ao santo portador (Brais). O elenco recólleos xunto a nomes galegos que non teñen unha forma diferencial con respecto ao castelán ou outras linguas da Península Ibérica, como María (nome feminino máis frecuente dende que se conservan rexistros escritos) ou Manuel. Todos eles son antropónimos con presenza significativa en Galicia –en calquera momento dende a Idade Media–, un dos criterios que se tivo en conta para a confección da guía.
Os novos nomes: dos hipocorísticos aos nomes de lugar
O repertorio tamén inclúe, xunto ás formas tradicionais, moitos nomes novos que irromperon nos rexistros dende a eliminación legal da prohibición de escoller antropónimos galegos para as nenas e os nenos (1977). É o caso de numerosos nomes de lugar (Ézaro, Deva, Aldán, Xalo, Sarela, Eume…) ou formas do léxico común (Area, Eira, Dorna), que ata daquela non foran empregados para nomear persoas.
Outra fonte importante foron as variantes familiares (hipocorísticos) que apareceron nas últimas décadas nos rexistros (Catuxa, Maruxa, Xandre, Xela). Algúns deles, dado o considerable número de concorrencias que suman, segundo o Instituto Galego de Estatística, entran na guía como lemas propios.
Finalmente, o Seminario de Onomástica tamén considerou os nomes que, procedentes doutras linguas, se acomodan ás características do galego (Xeila ou Aixa). O repertorio é, en calquera caso, un elenco aberto, porque a creatividade segue a mostrarse en novos nomes que van aparecendo nos rexistros oficiais. Cóntase tamén coa participación da cidadanía para suxerir novas incorporacións, emendar deficiencias e incrementar a información das entradas.
Unha fonte de divulgación da historia e das lendas
A entrada de cada nome ofrece información etimolóxica, as equivalencias noutras linguas, variantes e hipocorísticos, un mapa da distribución municipal proporcionado polo Instituto Galego de Estatística e un apartado de motivación que procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou a lenda de personaxes que se chamaron así.
O Seminario de Onomástica prestoulles especial atención aos nomes de figuras importantes da historia e da mitoloxía galegas. “Consideramos que esta guía tamén debe contribuír a un maior coñecemento da historia de Galicia, a medieval en particular, tan esquecida, agochada e mesmo negada, pois poucas veces aparece na historiografía oficial peninsular -española ou portuguesa- coa importancia que tivo o reino medieval de Galicia”, sinala o equipo na presentación da obra. E canda reis e raíñas como Afonso e Orraca, tamén abondan as referencias a persoeiros da cultura galega e universal (Rosalía, Begoña Caamaño, Xela Arias, Celso Emilio Ferreiro, Gabriela Mistral ou Óscar Wilde) e mais a autores que falaron de Galicia nas súas obras, como Isidoro de Sevilla ou Gregorio de Tours.

O equipo
A comisión académica do Seminario de Onomástica encargada da redacción e actualización da Guía de nomes galegos está formada por Xesús Ferro Ruibal, Xosé María Lema, Gonzalo Navaza, Luz Méndez, Xosé Antón Palacio, Ramón Lorenzo, Vicente Feijoo, Ana Boullón e Antón Santamarina. A obra contou ademais coa contribución de María Teresa Amado na revisión das etimoloxías dos nomes de orixe grega e de Patxi Salaberri para os nomes de orixe éuscara. A edición correu a cargo de Nélida Cosme, que tamén traballou na revisión textual xunto a Carme Cambre e Adrián Estévez.
O repertorio partiu do Diccionario dos nomes galegos (Ir Indo, 1992), dirixido polo académico Xesús Ferro Ruibal e redactado no seu día por un equipo do que formaron tamén parte a académica de número Ana Boullón, o académico correspondente Xosé María Lema, Fernando Tato Plaza e Xosé María García, lembra Antón Santamarina. A Guía de nomes galegos actualiza e amplía a información daquela obra, esgotada na actualidade, e pona a disposición de toda a cidadanía na Rede, facilitando así a súa consulta e a interacción coas persoas usuarias de cara á introdución de novas entradas e a corrección de posibles erros.
A riqueza fraseolóxica na novela Costa do Solpor, do académico correspondente Xosé María Lema (Vimianzo, 1950), abre Cadernos de lingua nº 39, xa dispoñible na sección de publicacións de academia.gal. O mesmo número inclúe un traballo sobre a adquisición de estratexias de cortesía en galego na infancia e unha análise sobre a ideoloxía e a identidade no hip-hop e o trap galegos. Pecha o volume unha recensión sobre a última entrega do Atlas Lingüístico Galego, editado en 2020 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Barrié e centrado no léxico do ser humano.
Costa do Solpor, merecedora do Premio da Crítica de creación literaria de 2014, volveu saír do prelo en 2017 nunha versión titulada Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, con 220 páxinas menos. Nesta última baséase o artigo que asina Xosé María Rei Lema, quen valora esta obra de Xosé María Lema como un exemplo de calidade nun dos campos, o da fraseoloxía, que “máis sofre a pobreza léxica” na prosa galega actual. O autor da análise contabiliza nas súas 425 páxinas uns 950 fraseoloxismos, entre os que se inclúen tamén unha ducia de refráns.
As expresións ofrécense ordenadas alfabeticamente, acompañadas da súa explicación e exemplos tirados da novela coa referencia da páxina correspondente. Entre elas destacan sobre todo as relacionadas co mar, xa que esta é unha novela de aventuras ambientada na costa coruñesa do século XVIII, dende a cidade herculina ata o cabo de Fisterra, unha situación xeográfica que tamén se reflicte a través das formas dialectais propias da costa fisterrá.
Expresións para cualificar o estado do mar como mar desfeito, ferver o mar, unha vaga de mar campal ou ventar un cifral; para referirse ao estado dunha embarcación (quedar ao garete, poñerse ao pairo, á valga, recoller o trapo…) ou para falar das actividades dos personaxes (andar ás crebas, andar ao corso, armar en corso…) son só algúns exemplos da pegada mariñeira na fraseoloxía que se atopan nunha ficción na que tamén abondan, entre moitas outras, as que indican cantidades (a centos, a eito, a embute, ás envorcadas, a esgalla, a pote, a regos…) e na que as distancias veñen marcadas por unha carreiriña de can ou diante dos fociños.
Noutro artigo, Tamara Rial Montes estuda o proceso de adquisición das estratexias de cortesía nas peticións por parte de nenos e nenas galegofalantes, dende os 4 ata o 12 anos. A investigación conclúe que, en xeral, o modelo establecido en estudos anteriores para as persoas galegofalantes tradicionais parece non corresponder co que se observa nas xeracións máis novas.
Mª Belén Senín Santiago publica no mesmo número un traballo sobre a ideoloxía e a identidade no discurso do hip-hop e do trap centrado no caso das bandas Rebeliom do Inframundo e Boyanka Kostova. A autora, a partir dunha análise crítica, expón que cada un destes xéneros encerra dúas posturas opostas no que á identidade e ideoloxía se refire, “dúas reaccións diferentes ao mundo da modernidade líquida”.
“Fraseoloxía da novela ‘Costa do Solpor’, de Xosé Mª Lema” (autor: Xosé Mª Rei Lema, filólogo, licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa)
O pasado 29 de maio faleceu en California (EE.UU.) Richard Herr, catedrático emérito da Universidade de Berkeley, historiador e hispanista estadounidense experto no pensamento ilustrado español e portugués do século XVIII. O 7 de abril cumprira cen anos e recibira a felicitación da Real Academia da Historia española, pois era o decano dos seus académicos correspondentes.
Herr realizou moitos estudos sobre a historia de España e de Portugal do séc. XVIII, con obras como España y la revolución del siglo XVIII (Madrid 1962), pero para galegos e leoneses é sobre todo coñecido por ser o editor, en 1984, das agora famosas Memorias del cura liberal don Juan Antonio Posse con su Discurso sobre la Constitución de 1812 (CIS/Siglo XXI Editores).
Nada sabíamos sobre este cura liberal -máis ben colectivista-, que nacera en Soesto (Laxe) en 1766 e que exercera o seu ministerio en tres parroquias do aínda daquela reino de León (Llánaves de la Reina, Lodares e San Andrés del Rabanedo) e que escribira as memorias da súa vida contra o ano 1834, unha vez que os seus inimigos absolutistas xa deixaran de perseguilo.
Como Herr non tiña certeza de que o lugar de Quintáns Meáns, onde o crego dicía que nacera, fose o de Soesto, buscamos e achamos no libro de bautizados desta parroquia a súa partida de nacemento. Logo, en 1985, o daquela párroco de San Andrés del Rabanedo nos facilitaría copia da súa acta de defunción (1854, ós 88 anos). Posteriormente, na súa casa nativa de Soesto -a chamada Casa Vella ou Casa de Mariana -a súa nai- aparecería impresa a Plática Tercera (1838), que publicamos en 1999 co título Un novo documento de don Juan Antonio Posse: a ‘Plática Tercera’ (1838). Foi a segunda das súas obras constitucionalistas, pois en 1813 publicara o seu Discurso ou Sermón a favor da Constitución de 1812, pola que sería perseguido e encarcerado polos absolutistas do rei Fernando VII.
Tiven o coidado de lle remitir a Mr. Herr todas estas novidades. Respondeume cunha carta amabilísima datada o 18-06-1999 acompañada dunha recensión do meu libro antes citado, recensión que se publicaría na revista A Trabe de Ouro nº 39 (1999) e que figura no fondo bibliográfico do ilustre profesor. O Seminario de Estudos da Costa da Morte organizaría o 21 de abril de 2007, en Laxe, a I Xornada sobre a figura de D. Juan Antonio Posse, na que non só participaron especialistas galegos, senón tamén Fernando Durán López, profesor de Literatura Española da Universidade de Cádiz, que incluíra na súa tese de doutoramento a figura do noso crego entre as grandes autobiografías dos séculos XVIII e XIX (en 2005 publicara Vidas de sabios, con Posse de figura principal). O SEMESCOM aínda organizaría en Vimianzo, coincidindo co 200 aniversario da Constitución de 1812, a II Xornada sobre o crego.

Na casa de Juan Antonio Posse.
Lembro que cando se publicaron as Actas da I Xornada (2008), Richard Herr volveu escribirme “admirado de la bibliografía que ha aparecido sobre Posse” e alegrábase de que Fernando Durán, eu mesmo “y otros labradores en este campo, surco a surco y documento a documento nos van desterrando las hazañas y las penas de Posse, y revelándonos el mundo en que vivió”. Casualmente, o pasado 1 de xullo estivemos en San Andrés del Rabanedo (León) para asistir á presentación dun novo libro que incrementa a bibliografía sobre o sacerdote natural de Soesto: El infraescrito. Andanzas del cura J. A. Posse en el San Andrés del siglo XIX, da leonesa Paloma Fernández Oliver. O finado hispanista norteamericano estaría ben contento de incorporar á autora ó grupo de “labradores do campo dos admiradores de Posse».
San Xián é en Galicia un santo moi venerado desde tempos moi antigos: ocupa o noveno lugar nos padroados parroquiais, con 127 freguesías, coas seguintes formas patrimoniais: San Xiao (41), San Xián (28), San Xillao (11) e o semicultismo San Xulián (47). Pero hai tres santos con este nome: o máis coñecido é o hospitaleiro, ou o parricida, pois, segundo a lenda, matou os seus pais e, despois, arrepentido, consagrou a súa vida a axudar os camiñantes e peregrinos; en parte vén sendo a versión cristiá do mito do Edipo grego. Outro foi san Xián de Antioquía, esposo de santa Basilisa. Un terceiro foi san Xián de Brivate (Francia), martirizado xunto con san Ferreol (hai quen di que este é o san Xián patrón de Ferrol, e que a orixe do nome desta cidade está no do seu compañeiro Ferreol).
Desde a Idade Media considerouse san Xián un santo vinculado ós camiños e ós camiñantes; este sería o hospitaleiro, e o de Moraime identificámolo con el. Por algo o seu mosteiro, protexido e potenciado no século XII pola poderosa familia nobre galega dos Traba e polo rei Afonso VII de Galicia, León e Castela, está estratexicamente situado no ancestral camiño de Muxía a Compostela por Brandomil.
Prestixio
Hai días saltou a noticia da venda pola internet dun pseudo «san Xián de Moraime», a todas luces de procedencia americana, da época colonial española. O que chamou a atención é que os vendedores recorresen ó prestixio de Moraime para incrementar o seu prezo, cousa que lograron, pois seica percibiron unha respectable cantidade pola venda.
A imaxe do auténtico san Xián de Moraime é superior en calidade artística á americana. Fora estudada por Eva López Añón en 2007 na súa tese de doutoramento sobre a arte relixiosa do arciprestado de Nemancos. Unha talla de estilo barroco que representa un nobre elegantemente vestido á moda do último terzo do século XVIII: casaca abotoada, manto vermello e gorgueira ó pescozo, sen que falte unha longa perruca ondulada cubríndolle a cabeza. Leva como atributo iconográfico un falcón na man esquerda —como patrón dos cazadores—, convertido nunha pomba branca polo desinformado escultor ou pintor; no costado dereito apenas se percibe o mango dunha espada envaiñada, a arma do seu crime, detalle que tampouco falta na escultura americana.
Oxalá a noticia da venda dun falso san «Xián de Moraime» sirva para coidar e protexer máis o patrimonio artístico relixioso das nosas igrexas rurais. Non sei se a raíz do infausto roubo das imaxes do retablo de san Roque da igrexa de San Simón de Nande de hai uns cantos anos se tomaron medidas e polo menos se instalaron sistemas de alarma nas igrexas.
Con todo, protexer non quere dicir ocultar, e penso que tamén se deberían promover visitas guiadas ás nosas igrexas e ermidas para que valoremos os pequenos museos de arte sacra contidos nelas. Acabamos de comprobar o prestixio que o simple nome do sitio histórico-artístico de Moraime esperta fóra de Galicia. Xa vai sendo hora de que aquí se lle dea o alto valor que lle corresponde.
