“Quen sabe que a fortuna das familias burguesas dos Barrié e de Eusebio da Garda fíxose en boa parte mediante o tráfico de escravos? Quen, que a cidade coruñesa foi un importante porto corsario e negreiro ata ben avanzado o século XIX? Quen, que o Estado Español foi un dos últimos en abolir a escravitude? Por que non se fala practicamente nada disto nos manuais de Historia, tanto de Galicia como de España, que se estudan nos centros de ensino? O historiador Xosé María Lema Suárez (este ocupándose tamén do fenómeno da piratería) e o filósofo Jorge Álvarez Yágüez rompen con este sorprendente silencio. E reclaman, e con eles Tempos Novos, estudos e debates que impidan que continúe no futuro.
Unha reclamación tanto máis importante hoxe, cando proliferan os sinais dunha inexplicable nostalxia por unha historia amnésica como a que durante tantos anos impuxo o franquismo (e non só o franquismo).”