• info@semescom.gal

A escasa valoración dos faros da Costa da Morte

CE27C1F1_1

A escasa valoración dos faros da Costa da Morte

Artigo de Xosé María Lema, presidente do SEMESCOM.

O 29-06-2001, nunha das salas abertas no edificio do faro de Fisterra, Manuel Vilar —actual director do Museo do Pobo Galego— e mais eu presentabamos o libro Os faros da Costa da Morte (Galicia), editado por Neria. Foi pioneiro na posta en valor dos faros como un dos patrimonios identitarios deste territorio e para promover o seu aproveitamento cultural e turístico. Presidira o acto o daquela presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Antonio Couceiro, a quen lle solicitamos que non só se abrise ó público o edificio, senón que en horas diúrnas se permitise o acceso de visitantes á torre para poder ver a estrutura e a maquinaria. Comprometeuse a facelo. Hoxe o edificio do faro fisterrán leva cinco anos fechado sen outro aproveitamento durante o día (outra cousa é pola noite, claro) que servir de fito simbólico da fin da terra; nin sequera está aberta a sala onde se presentara o libro. Pasaron vinte anos e andamos de recú, cara a atrás.

Houbo raiolas de esperanza, como cando se inaugurou no edificio do Vilán un Centro de Interpretación dos Faros (2008), un pequeno pero valioso museo que nos permitiu entender o mundo dos sinais marítimos e ver a maquinaria do primeiro faro electrificado de España, xa de por si un gran reclamo. Foi tamén bo que a Asociación de Empresarios de Camariñas o mantivese aberto e con actividades, como lembraba a súa presidenta en La Voz (Edición do 27-01-22).

Agora recibimos a noticia de que a Autoridade Portuaria da Coruña vai fechar o edificio do faro de Camariñas. Que diferenza con respecto ó que se fai en boa parte de Europa! En 2011 visitamos o do cabo Lizard, en Cornualles, o máis meridional da Gran Bretaña. Un faro moi modesto pero moi ben aproveitado para o turismo que xa daquela contaba cun centro de recepción con publicacións sobre Cornualles e obxectos artesanais córnicos. Mesmo se podía subir á torre, pagando entrada, como é lóxico.

En Inglaterra os faros dependen da Trinity House, organismo que hoxe ten abertos sete deles ós visitantes. Todos contan cun Visitor Centre que convidan a entrar: «Visite un dos sete centros que abrimos ó público e experimente por si mesmo os lugares espectaculares dos que gozaban os fareiros», traducimos do seu web. Danlle tanto valor os ingleses ó mundo dos faros que existe unha asociación de torreiros (https://alk.org.uk/) que se ofrece como guía e anuncia eventos periódicos.

faro

Danlle valor en todas partes menos aquí. Ignoramos de quen é a culpa de que o de Fisterra leve un lustro fechado e o de Camariñas vaia por ese camiño. Non se comprende que aínda non haxa un proxecto oficial para un aproveitamento de todo tipo (didáctico, cultural, turístico…) para estes dous faros de primeira orde universalmente coñecidos. As Administracións deberan implicarse. No do Vilán dérase o paso para abrir un museo, de momento único, que servía para explicar o mundo fareiro, os naufraxios, a navegación… Que vai pasar con el? A defensa e posta en valor dos faros non só atinxe ós concellos nos que se sitúan, senón a toda Costa da Morte.

Admin