• info@semescom.gal

Tag Archives: Juan Antonio Posse

RICHARD_HERR

Faleceu Richard Herr, editor das Memorias de Juan Antonio Posse, o cura liberal de Soesto

Por Xosé María Lema Suárez, presidente do SEMESCOM

O pasado 29 de maio faleceu en California (EE.UU.) Richard Herr, catedrático emérito da Universidade de Berkeley, historiador e hispanista estadounidense experto no pensamento ilustrado español e portugués do século XVIII. O 7 de abril cumprira cen anos e recibira a felicitación da Real Academia da Historia española, pois era o decano dos seus académicos correspondentes.

Herr realizou moitos estudos sobre a historia de España e de Portugal do séc. XVIII, con obras como España y la revolución del siglo XVIII (Madrid 1962), pero para galegos e leoneses é sobre todo coñecido por ser o editor, en 1984, das agora famosas Memorias del cura liberal don Juan Antonio Posse con su Discurso sobre la Constitución de 1812 (CIS/Siglo XXI Editores).

Nada sabíamos sobre este cura liberal -máis ben colectivista-, que nacera en Soesto (Laxe) en 1766 e que exercera o seu ministerio en tres parroquias do aínda daquela reino de León (Llánaves de la Reina, Lodares e San Andrés del Rabanedo) e que escribira as memorias da súa vida contra o ano 1834, unha vez que os seus inimigos absolutistas xa deixaran de perseguilo.

Como Herr non tiña certeza de que o lugar de Quintáns Meáns, onde o crego dicía que nacera, fose o de Soesto, buscamos e achamos no libro de bautizados desta parroquia a súa partida de nacemento. Logo, en 1985, o daquela párroco de San Andrés del Rabanedo nos facilitaría copia da súa acta de defunción (1854, ós 88 anos). Posteriormente, na súa casa nativa de Soesto -a chamada Casa Vella ou Casa de Mariana -a súa nai- aparecería impresa a Plática Tercera (1838), que publicamos en 1999 co título Un novo documento de don Juan Antonio Posse: a ‘Plática Tercera’ (1838). Foi a segunda das súas obras constitucionalistas, pois en 1813 publicara o seu Discurso ou Sermón a favor da Constitución de 1812, pola que sería perseguido e encarcerado polos absolutistas do rei Fernando VII.

Tiven o coidado de lle remitir a Mr. Herr todas estas novidades. Respondeume cunha carta amabilísima datada o 18-06-1999 acompañada dunha recensión do meu libro antes citado, recensión que se publicaría na revista A Trabe de Ouro nº 39 (1999) e que figura no fondo bibliográfico do ilustre profesor. Seminario de Estudos da Costa da Morte organizaría o 21 de abril de 2007, en Laxe, a I Xornada sobre a figura de D. Juan Antonio Posse, na que non só participaron especialistas galegos, senón tamén Fernando Durán López, profesor de Literatura Española da Universidade de Cádiz, que incluíra na súa tese de doutoramento a figura do noso crego entre as grandes autobiografías dos séculos XVIII e XIX (en 2005 publicara Vidas de sabios, con Posse de figura principal). O SEMESCOM aínda organizaría en Vimianzo, coincidindo co 200 aniversario da Constitución de 1812, a II Xornada sobre o crego.

Na casa de Juan Antonio Posse.

Na casa de Juan Antonio Posse.

Lembro que cando se publicaron as Actas da I Xornada (2008), Richard Herr volveu escribirme “admirado de la bibliografía que ha aparecido sobre Posse” e alegrábase de que Fernando Durán, eu mesmo “y otros labradores en este campo, surco a surco y documento a documento nos van desterrando las hazañas y las penas de Posse, y revelándonos el mundo en que vivió”. Casualmente, o pasado 1 de xullo estivemos en San Andrés del Rabanedo (León) para asistir á presentación dun novo libro que incrementa a bibliografía sobre o sacerdote natural de Soesto: El infraescrito. Andanzas del cura J. A. Posse en el San Andrés del siglo XIX, da leonesa Paloma Fernández Oliver. O finado hispanista norteamericano estaría ben contento de incorporar á autora ó grupo de “labradores do campo dos admiradores de Posse».