San Xián é en Galicia un santo moi venerado desde tempos moi antigos: ocupa o noveno lugar nos padroados parroquiais, con 127 freguesías, coas seguintes formas patrimoniais: San Xiao (41), San Xián (28), San Xillao (11) e o semicultismo San Xulián (47). Pero hai tres santos con este nome: o máis coñecido é o hospitaleiro, ou o parricida, pois, segundo a lenda, matou os seus pais e, despois, arrepentido, consagrou a súa vida a axudar os camiñantes e peregrinos; en parte vén sendo a versión cristiá do mito do Edipo grego. Outro foi san Xián de Antioquía, esposo de santa Basilisa. Un terceiro foi san Xián de Brivate (Francia), martirizado xunto con san Ferreol (hai quen di que este é o san Xián patrón de Ferrol, e que a orixe do nome desta cidade está no do seu compañeiro Ferreol).
Desde a Idade Media considerouse san Xián un santo vinculado ós camiños e ós camiñantes; este sería o hospitaleiro, e o de Moraime identificámolo con el. Por algo o seu mosteiro, protexido e potenciado no século XII pola poderosa familia nobre galega dos Traba e polo rei Afonso VII de Galicia, León e Castela, está estratexicamente situado no ancestral camiño de Muxía a Compostela por Brandomil.
Prestixio
Hai días saltou a noticia da venda pola internet dun pseudo «san Xián de Moraime», a todas luces de procedencia americana, da época colonial española. O que chamou a atención é que os vendedores recorresen ó prestixio de Moraime para incrementar o seu prezo, cousa que lograron, pois seica percibiron unha respectable cantidade pola venda.
A imaxe do auténtico san Xián de Moraime é superior en calidade artística á americana. Fora estudada por Eva López Añón en 2007 na súa tese de doutoramento sobre a arte relixiosa do arciprestado de Nemancos. Unha talla de estilo barroco que representa un nobre elegantemente vestido á moda do último terzo do século XVIII: casaca abotoada, manto vermello e gorgueira ó pescozo, sen que falte unha longa perruca ondulada cubríndolle a cabeza. Leva como atributo iconográfico un falcón na man esquerda —como patrón dos cazadores—, convertido nunha pomba branca polo desinformado escultor ou pintor; no costado dereito apenas se percibe o mango dunha espada envaiñada, a arma do seu crime, detalle que tampouco falta na escultura americana.
Oxalá a noticia da venda dun falso san «Xián de Moraime» sirva para coidar e protexer máis o patrimonio artístico relixioso das nosas igrexas rurais. Non sei se a raíz do infausto roubo das imaxes do retablo de san Roque da igrexa de San Simón de Nande de hai uns cantos anos se tomaron medidas e polo menos se instalaron sistemas de alarma nas igrexas.
Con todo, protexer non quere dicir ocultar, e penso que tamén se deberían promover visitas guiadas ás nosas igrexas e ermidas para que valoremos os pequenos museos de arte sacra contidos nelas. Acabamos de comprobar o prestixio que o simple nome do sitio histórico-artístico de Moraime esperta fóra de Galicia. Xa vai sendo hora de que aquí se lle dea o alto valor que lle corresponde.
O magnífico conxunto histórico de Moraime contará cunha nova obra monográfica sobre o seu pasado como mosteiro e mesmo como vila romana e lugar de enterramentos altomedievais.
Xan Fernández é o autor de “Moraime, centro histórico da Costa da Morte” que vén de publicar a Deputación da Coruña. A presentación terá lugar na propia igrexa de San Xiao de Moraime o sábado 15 de agosto ás 20h. Intervirán o deputado de Cultura da Deputación da Coruña Xurxo Couto, o historiador e antropólogo Manuel Vilar, e o propio autor do libro.
A pegada literaria de Rosalía de Castro en Muxía é o tema principal sobre o que xiran as actividades que está a realizar a Asociación Turismo Rural Muxía Natural. Para este domingo 21 organizan unha visita guiada a Moraime, antigo mosteiro do que hoxe se conserva a súa fermosa igrexa. O guía deste acto literario será o antropólogo Manuel Vilar. A visita comeza ás 17h deste domingo 21. Aínda que a visita é libre recoméndase realizar unha inscrición en muxiaturismorural2015@gmail.com para ter en conta os participantes dun acto que terá “doce” final.