Por Xosé María Lema Suárez
7º día (Mittwoch / mércores 26 agosto)
Heidelberg – Colmar (292 km) |
|
Heidelberg – Baden-Baden | 90 km |
Baden Baden – Estrasburgo | 60 km |
Estrasburgo – Friburgo | 90 km |
Friburgo – Colmar | 52 km |
TOTAL | 292 km |
No transcurso da viaxe de Heidelberg a Baden-Baden Antón G. Losada falounos sobre a “A Selva Negra e o Rin”, e Xela Cid, camiño de Estrasburgo, fixo un percorrido bibliográfico pola Selva Negra, a xente importante que naceu nesta zona, o bosque alemán, a ecoloxía alemá e galega (a importancia do Partido dos Verdes), os espazos protexidos de Alemaña e Galicia (moi “parecidos”, como ben se sabe) etc.
-54.000 hab.
-é a estación termal máis importante de Alemaña (termas xa coñecidas polos romanos, Aquae Aureliae).
-no séc. XIX foi a ‘capital estival’ de Europa, frecuentada pola burguesía europea e por intelectuais coma Tolstoi, Nietzsche e Wagner. Fiodor Dostoievski e Johannes Brahms residiron aquí varios anos. Nesta centuria xurdiron grandes establecementos termais, teatro, hipódromo e un dos casinos máis luxosos do mundo. Tras a IIGM foi sede das forzas francesas de ocupación.
-situada no val do Oos, entre as últimas elevacións da Selva Negra (Schwarzwald) e o val do Rin.
Visitas
-o Castelo Novo (Neues Schloss), edificio de finais do séc. XIV sobre o antigo castelo. Situado no outeiro da Florentinerberg e rodeado de maxestosos xardíns. Pódese pasear pola terraza exterior, pois o xardín é privado.
-o Castelo Vello (Altes Schloss) ou Castelo de Hohenbaden data do séc. XII. Atópase en ruínas, pois os seus propietarios –os mesmos do castelo novo- non o reconstruíron tras o incendio sufrido en 1559.
-a Kurhaus*, pazo neoclásico de principios do séc. XIX (1821-1824), que acubilla o luxoso Casino de Baden-Baden, famoso polos decorados do interior, inspirados en pazos franceses, e polos persoeiros que o frecuentaron. Estivemos na entrada do Casino e, ó nos escoitar falar, saudounos unha empregada italiana, que sabía de Galicia porque a súa mellor amiga era galega de Lugo. Por certo, que a italiana aínda debe estar debullando a lección-express que de Galicia lle deu Arturo Novo.
-o Lichtenthaler Allee**, paseo axardinado trazado en 1655 pola beira do río Oos, con máis de 300 variedades de árbores e instalación deportivas. Desde sempre foi un dos lugares máis frecuentados pola burguesía, antes e agora. Preto atópase o parque Gönneranlage, de principios do séc. XX, con fontes e pérgolas.-a Stiftskirche é unha igrexa de estilo gótico do séc. XV, onde se enterraban os margraves de Baden. A alta torre é do séc. XVIII, barroca (coma o interior).
-as ruínas do Balneario Romano son un museo da antiga cultura do baño. Atópase debaixo da praza do Mercado e do balneario Friedrichsbad. Con case dous mil anos de antigüidade son unha das instalacións balnearias mellor conservadas. Tamén se conserva parte das murallas romanas.
Tanto a estación termal de Friedrichsbad como as Termas de Caracalla teñen modernísimas instalacións para o baño.
(FREIBURG IM BREISGAU)**
-212.000 hab.
-cualificada como a máis fermosa e célebre cidade da Alemaña suroccidental, espállase polas ladeiras occidentais da Selva Negra e a chaira do Rin.
-a zona antiga coas famosas canles de auga (Bächle) que atravesan a cidade é destino duns tres millóns de visitantes anuais. A cidade considérase a porta de entrada á Selva Negra; conta cun clima morno e solleiro. Considérase a capital da ecoloxía alemá.
-é famosa a súa universidade, fundada en 1457.
Visitas
-a Catedral (Münster)** está dedicada á Virxe e é un dos edificios góticos máis importantes de Alemaña. Construíuse en tres etapas entre 1120 e 1513. É de estilo gótico, pero de diferentes épocas. A torre-campanario (do ano 1350), de planta cadrada, ten forma de pirámide octogonal que se eleva ata os 116 m de altura.
-a praza da Catedral (Münsterplatz)* está formada por notables edificios históricos: unha fonte de 1483 (a Fischbrunnen), o Pazo Arcebispal (1756), a Kaufhaus* (casa de 1525-1532 cunha fachada decorada con estatuas dos emperadores da casa Habsburgo, feitas en 1534), a Wenzigerhaus, casa rococó de 1761.
-no convento dos Agostiños está o Museo de Arte e Historia da Cidade (Augustinermuseum).
-a Rathusplatz* é a praza principal e máis fermosa da cidade. Nela atópase a estatua de Berthold Schwarz, o monxe ó que se atribúe a invención da pólvora para disparar (por volta do ano 1330).
-arredor desta praza atópanse edificios notables, coma o Neus Rathaus (‘Casa Nova do Concello’), obra de entre 1896-1900, e o Altes Rathaus (‘Casa Antiga do Concello’), ergueita entre 1556-1559. Á esquerda da igrexa franciscana de San Martiño atópase a Walfish* (‘Casa da Balea’), construída en 1516, cun elegante pórtico e portada gótica tardía.
Capital da ecoloxía. – Friburgo e tamén moi visitada por persoas interesadas nas enerxías renovables e nas políticas de desenvolvemento, debido ó grande éxito que tiveron na cidade e tamén no länder. A cidade posúe a o maior número de instalacións ambientais da Unión Europea. Como é a cidade con maior número de horas de sol de Alemaña, aquí ten a súa sede a Sociedade Internacional de Enerxía Solar (ISES) e conta co Instituto Fraunhofer para sistemas de enerxía solar. Cada ano celébrase en xuño Intersolar, a maior feira de enerxía solar. Ademais, o medio predominante de transporte é aquí a bicicleta: a cidade integra un circuíto para ciclistas cun total de 400 km de lonxitude. O termo municipal conta cunha superficie total de 15.300 ha, das 6.333 ha son de bosque.
-a 30 km, preto de Rust bei Freiburg, está o Europa-Park, parque temático de diversión para os rapaces. É famosa a mascota do parque, Euro-Maus, e todos os seus amigos. Tamén hai espectáculos para adultos, como o Gladiator Stunt Show, con carreiras de cuádrigas e combates de gladiadores-.Entrando nesta cidade falamos do noso paisano da Piolla (Nantón-Cabana) Xosé Manuel García Álvarez, casado con Elisabeth Schaible, natural de Freiburg. Os dous viviron durante anos nesta cidade e deron clase na súa universidade. Cando se creou a TVG (contra 1984) decidiron vir para Galicia, pois a Pepe ofrecéranlle o cargo de director do Arquivo da TVG, que estivo ó seu cargo ata que se xubilou hai uns poucos anos. Elisabeth segue sendo profesora de alemán na USC. Xosé Manuel García estudara na Universidade Pontificia de Roma co baiés Uxío Romero Pose (1949-2007), bispo auxiliar de Madrid de 1997 á súa morte; despois tamén en Montpellier e Freiburg im Brisgau, onde sería, durante oito anos, Wissenschaftlicher Assistent para Historia. Foi coautor do Diccionario dos Nomes Galegos (Ed. Ir Indo, 1992), dirixido por X. Ferro Ruibal, e con Elisabeth Schaible ou en solitario traduciu do galego ou ó galego obras do castelán, alemán, italiano e portugués en materias como literatura, sociedade , lingüística ou historia. Traduciu, entre outros, a E. Kant e ó escritor checo de fala alemá Franz Kafka (A Metamorfose). Destaca a súa tradución d’A ética protestante e o «espírito» do capitalismo (USC/Fundación BBVA, 2006), obra do filósofo alemán Max Weber (1864-1920) na que se trata de explicar o maior desenvolvemento económico dos países protestantes do norte de Europa, propagadores do capitalismo moderno, fronte ós católicos do sur.
(STROSSBURI, en alsaciano; STRASSBURG en alemán; STRASBOURG en francés)
-272.000 hab., pero a súa área urbana abarca unha poboación de 1.175.000 hab, estendendo a súa influencia ás localidades próximas de Alemaña.
-capital de Alsacia e do departamento francés do Baixo Rin, sede do Parlamento Europeo e do Consello de Europa. Cidade universitaria con máis de 58.000 estudantes.
-rango cultural moi elevado, con teatro, biblioteca, orquestra e ópera.
-no eido económico, é a segunda praza bancaria de Francia cunha bolsa e seis sedes bancarias. O sector industrial é tamén moi importante.
-é a oitava cidade a nivel mundial en organización de congresos, por detrás de Madrid e por diante de Barcelona.
Historia
A cidade, bañada polo río Ill (afluente do Rin), é de orixe romana; foi fundada no ano 12 aC polo xeneral Druso o Maior a partir dun campamento para as lexións, que recibiu o nome de Argentoratum (‘Arxentina’). Malia seren derrotaron na batalla de Argentoratum no ano 357, o pobo xermánico dos alamáns ocuparon a zona no ano 406; Argentoratum foi destruída polos hunos de Atila no 451, e contra o 500 foi reconstruída polos francos merovinxios de Clodoveo I, que a bautizaron como Strateburgus, reinstaurando un bispado que tivera anteriormente.
–ano 800: Estrasburgo forma parte do Sacro Imperio Romano Xermánico de Carlomagno. Este morre no 813 e sucédeo o seu fillo Ludovico Pío, cun reinado moi convulso, cheo de rebelións . Á súa morte o imperio carolinxio dividirase entre os fillos de Ludovico (netos de Carlomagno): Carlos o Calvo, Luís o Xermánico e Lotario.
–ano 842: os Xuramentos de Estrasburgo (Sacramenta Argentariae) foron uns xuramentos de axuda mutua entre Carlos o Calvo e Luís o Xermánico contra o seu outro irmán Lotario. Teñen a particularidade de que son os documentos máis antigos que se conservan do antigo francés (‘romana lingua’) e do antigo alemán (‘teudisca lingua’); o seu carácter bilingüe proba a existencia de grupos lingüísticos diferenciados, orixe das linguas francesa e alemá.
–ano 843: Tratado de Verdún, polo que queda dividido o Imperio carolinxio en tres reinos: Carlos o Calvo recibe a parte occidental (orixe da actual Francia), Lotario recibe a zona central (a Lotarinxia: desde o mar do Norte –a Renania, os Alpes e Italia-) e Luís o Xermánico a parte oriental (Xermania, orixe da actual Alemaña). A Lotarinxia conservaba a dignidade imperial, nominalmente. Estrasburgo e Alsacia quedaron dentro da Lotarinxia, pero máis adiante integraríase na Xermania, abrindo un período de influencia do ámbito xermánico ata que Alsacia e a súa capital quedaron anexionadas a Francia no séc. XVII.
–ano 982: o emperador Otón II concédelle ó bispo de Estrasburgo a autoridade sobre o conxunto da cidade e arredores.
-durante séculos haberá loitas entre a poderosa burguesía da cidade e os bispos. En 1262 o bispo Walter de Geroldseck foi derrotado na batalla de Hausbergen e Estrasburgo pasa de ser cidade dominada polo señorío feudal eclesiástico a cidade libre do Imperio, rango que a equipara en privilexios a outras cidades alemás.
-en 1681 as tropas de Luís XIV anexionaron Alsacia á coroa de Francia, momento en que pasaron a ser francesas ata a Guerra franco-prusiana (1870), cando volveu a ser alemá ata final da Iª Guerra Mundial, en que volveu a Francia (22-11-1918).
-o 19-6-1940 a tropas alemás entraron en Estrasburgo. A cidade, anexionada de novo a Alemaña, foi designada capital de Alsacia dentro do III Reich. Os nazis e os colaboracionistas alsacianos destruíron a sinagoga xudía –que era unha das maiores de Europa- e en 1942 decidiuse a incorporación forzada masiva de milleiros de mozos alsacianos ó exército alemán (episodio do Malgré Nous ‘ó noso pesar’). Moitos destes mozos alsacianos foron enviados á fronte rusa. No cercano campo de concentración de Struthof-Naztweiler o médico dos SS August Hirt realizou experimentos criminais cos prisioneiros de guerra. Foi o primeiro dos campos de exterminio descuberto polos aliados (novembro 1944). A partir de 1943 a cidade sofre bombardeos da aviación aliada; o de agosto de 1944 afectou ó seu centro histórico.
Visitas en Estrasburgo
A Grande Île (‘a Grande Illa’) –ou Elipse insular, pola súa forma- é o centro histórico de Estrasburgo, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1988 por ser exemplo de barrio antigo de cidade medieval. Para marcar este status hai 22 placas de latón colocadas nas pontes que permiten acceder á illa.
O principal edificio da Grande Île é a catedral de Nôtre Dame***, iniciada no séc. XI, aínda que a maior parte da construción data do séc. XV (estilo gótico). Trátase da cuarta igrexa do mundo en altura. Destaca a fachada***, cun magnífico rosetón; o tímpano da portada central conta con escenas bíblicas en catro rexistros; o tímpano da portada dereita representa a parábola das virxes sabias e as virxes necias; na portada esquerda as esveltas esculturas personalizan as virtudes triunfando sobre os vicios.
Desde o miradoiro da frecha da torre da esquerda hai estupendas vistas.
A portada do Reloxo (séc. XIII) atópase no lado dereito da catedral: rodeando a figura de Salomón a Igrexa sostén a cruz e o cáliz, mentres que a Sinagoga se inclina intentando recoller anacos dunha lanza e das táboas da Lei, que caen das mans. No tímpano do pórtico represéntase a Durmición da Virxe**.
No interior da catedral, ademais das vidreiras, o púlpito e o órgano atópase o famoso Reloxo astronómico (1838), no que se representan os días da semana como carros no que viaxan as divindades e que se van asomando por enriba do reloxo; cada cuarto de hora unha serie de autómatas golpean as campás, mentres que a Morte é a que dá as horas. Ás 12,30 h ten lugar un gran desfile na parte alta do reloxo. Hai tamén desfile dos apóstolos. Para ver todo isto hai que presentarse ás 11,45 h e hai que pagar 2 €.
Á esquerda da catedral, a Maison Kammerzell é unha xoia da arquitectura en madeira decorada con frescos no seu interior. Toda esta zona é de rúas de trazado medieval.
Hai outras igrexas coma a de Sto Estevo (St.Etienne) -románica, parcialmente destruída durante os bombardeos de 1944-; a de San Tomé, románico-gótica; a de San Pedro o Mozo –protestante, de estilo gótico, cunha cripta do séc. V- e a de San Pedro o Vello –neogótica, católica, aínda que hai outra co mesmo nome que é protestante-.
Preto destas últimas igrexas atópase La Petite France**, que no seu tempo foi barrio de pescadores, curtidores e muiñeiros. É unha zona con pontes sobre illas do río Ill, con exclusas, muíños etc. (Le Quai des Ponts-Couverts ‘O Peirao das Pontes Cubertas’).
Hai museos no Palacio Rohan (edificio neoclásico do séc. XVIII). O Museo Alsaciano é un museo de corte etnográfico que reconstrúe interiores de casas alsacianas, un laboratorio dun boticario alquimista etc.
Na gastronomía alsaciana ten sona o choucroute, o foie-gras, os viños alsacianos e os augardentes.
As institucións europeasPor ser historicamente unha cidade disputada por Francia e Alemaña e pola súa situación xeográfica central, Estrasburgo é sede de institucións e organismos da UE e do Consello de Europa.
A cidade é considerada a capital da UE, aínda que organismos e axencias da UE teñen a súa sede noutras cidades (p.ex., o Banco Central Europeo, en Fránkfurt; o Banco Europeo de investimentos en Luxemburgo).Estrasburgo é a sede do Parlamento Europeo (onde se celebran as sesións plenarias), do Eurocorpo, do Europol (centro de información), da Corte Europea dos Dereitos Humanos, e doutras 22 institucións europeas, coma o Consello de Europa.
Os edificios administrativos atópanse no chamado Barrio Europeo, propiedade da cidade.
A cidade simboliza a reconciliación franco-alemá, que se ve plasmada no Jardin des deus rives (‘Xardín das dúas ribeiras’).
COLMAR***
Trátase dunha cidade antiga (de 67.000 hab), ben conservada, que conta con edificios de gran tamaño de estilo gótico alemán e do primeiro renacemento, así como igrexas antigas, como a de San Martiño, colexiata do séc. XIII.
Entre os lugares para visitar, a Praza da Antiga Aduana (Ancienne Douanne / Kolfhus)*, con construcións con trama de madeira, entre elas a chamada Casa do Ferro Candente.
-a Maison Pfister**, construída en 1537, con fachada pintada; a casa que pertenceu ó pintor Schongauer (Casa da Viola), do séc. XV, e a Casa do Cisne (onde viviu o pintor).Entre os museos: o Museo Bartholdi (August Bartholdi, o escultor que fixo a Estatua da Liberdade de Nova York, naceu en Colmar en 1834); nunha das rotondas de entrada á cidade hai unha reprodución a unha escala sensiblemente menor desta famosa estatua. Tamén é interesante o Museo de Unterlinden, co retablo de Ussenheim***, realizado entre 1500-1515 por Mathias Grünewald (dun realismo moi cru).
-Museo Animado do Xoguete e dos trens de xoguete (para ir con nenos).
-Unha vez ó ano, no mes de agosto, Colmar celebra a Feira dos Viños.
Pouco puidemos ver desta cidade, pois chegamos á tardiña. Ceamos (con viño branco alsaciano, en vez da cervexa habitual de toda a viaxe) e xa fomos descansar. Pola mañá veriamos, nunha rotonda, unha reprodución a escala da estatua da Liberdade de Nova York, destinada a lembrar que o seu autor era colmarés.
Ruta dos Viños alsacianos: entre Estrasbusrgo e Colmar, nun val situado ó oeste da autoestrada que une estas dúas cidades (en concreto: de Marlenheim a Thann).
6º día (Dienstag / martes 25 agosto)
Bad-Windsheim – Rothenburg – Heidelberg ( 176 km) |
|
Bad-Windsheim – Rothenberg ob der Tauber | 26 km |
Rothenburg ob der Tauber-Heidelberg | 150 km |
TOTAL | 176 km |
Tras o almorzo, en pouco tempo puxémonos nesta cidade de arredor duns 12.000 hab., situada nun lugar desde o que domina o río Tauber, na Romantische Strasse; a súa principal atracción turística está no ben conservado centro medieval.
Historia
Nun promontorio sobre o río, nos xardíns hoxe chamados de Burggarten, construíuse en 1142 o castelo imperial da casa Hohenstaufen, a carón do cal medrou unha vila amurallada que en 1274 obtivo a rango de cidade libre do Sacro Imperio.
-tras o terremoto de 1356 construíronse as murallas actuais e moitos dos principais monumentos.
–O Grolo Mestre (Meistertrunk):: en 1631, durante a Guerra dos Trinta Anos, a cidade foi tomada polos suecos, ó mando do conde de Tilly, quen fixo prisioneiros ós concelleiros da cidade, condenounos a morte e ordenou que a cidade fose incendiada. O alcalde deulle como ofreza de benvida viño servido nun colorido vaso de vidro de tres litros e medio. Tilly ofreceu respectar a cidade se alguén era capaz de beber o viño da xerra nun único grolo. O alcalde, Georg Musch, ofreceuse e deu bebido todo o viño nun só grolo, co cal a cidade foi salvada da destrución. Este feito deu lugar a unha festa, a Meistertrunk (‘grolo mestre’) que se celebra en distintos momentos do ano, entre maio e outubro.
Despois de que, en 1650, as últimas tropas abandonasen a cidade, o seu desenvolvemento quedou paralizado, e ese foi a razón de que se conservasen moitos edificios desta época.
En 1803 pasou a formar parte do Estado libre de Baviera, e a partir de entón foi destino turístico para ingleses e franceses.
No séc. XX, no período de entreguerras, foi un bastión do incipiente partido nazi (nas eleccións de 1933 este partido recibiu o 83 % dos votos dos seus cidadáns).
O 31-03-1945 foi bombardeada pola aviación americana, que destruíu o 40 % da cidade, pero a destrución apenas afectou ós edificios históricos, que foron reconstruídos ó remate da guerra.
Cóntase que o 17-04-1945, a piques de finalizar a IIGM, o xeneral americano Devers deu orde de que a artillería atacase a cidade, pero esta foi salvada por outro oficial americano, John McCloy, que, como sabía pola súa nai da beleza medieval da cidade, foi remiso a destruíla sen máis e pediu permiso para solicitar a rendición antes do ataque; o comandante rexional alemán rexeitou a oferta, pero o maior alemán Thömmes, que estaba ó mando das tropas de defensa, ignorou esta orde e rendeu a cidade.
Semella unha lenda urbana, pero, como dirían os italianos, “si non è vero, è ben trovatto”.
Visita
Hoxe en día o turismo é a base da economía de Rothenburg (turistas de todo o mundo, xaponeses en particular): rúas estreitas, prazas pequenas, edificios antigos ben conservados… Pasou a ser a imaxe da Alemaña romántica. O conxunto da esquina da praciña Plönlein –na Schmiedgasse- é unha das imaxes máis recoñecidas de Alemaña. Polo seu aspecto medieval a cidade apareceu en varios filmes: Chitty Chitty Bang Bang, Pinoccio de Disney etc.
A maior parte dos visitantes percorremos a pé ocamiño de rolda das murallas dos séculos XIV e XV, con 43 torres. Todo ou en parte. Observamos que nelas había pedras con nomes inscritos, pertencentes a persoas de diversos países do mundo, particularmente xaponeses, pero tamén norteamericanos, alemáns etc. Seguramente foron doadores, persoas que colaboraron economicamente cunha importante cantidade para a restauración e conservacións das murallas. Un método que tamén se podería poñer a andar en Galicia.
As guías recomendan entrar pola porta Röder Tor (E.), para seguir cara ó norte para chegar á Würzburger Tor (despois de pasar por outras dúas); no extremo NO atópase a Klinger Tor (con bos miradoiros); diante da porta, a igrexa Wolfgangskirche (de 1475).
Polo lado O. atopamos outras tres torres, ata chegar á porta fortificada de Burgtor, cunha alta torre. No Burgggaten*, o xardín do montículo penedío sobre o río Tauber, atópase a Blausiuskapelle, único resto da fortaleza imperial do séc. XIII, na actualidade dedicada ós Caídos. Desde alí hai un boa perspectiva sobre o río: na beira do río vese a torre Topplerschlösschen (de 1388) e a ponte Doppelbrücke sobre o Tauber (sécs. XIV-XV), e logo o santuario de Kobolzellerkirche, de estilo gótico serodio.
Continuando polo lado sur chegamos á torre Johanniterturn, situada fronte á igrexa gótica Johanniskirche (finais séc. XIV). No edificio do antigo mosteiro, reconstruído en 1718, ten a súa sede o Mittelalterliches Kriminal Museum (‘Museo da Criminoloxía e da Tortura’), visitable (hai que pagar); no exterior hai unha gaiola de ferro para a exposición pública dos condenados, quizais ata a súa morte (lembra a “armadura de forca”, que existía en Tilbury, na entrada do porto de Londres para escarmento dos piratas e corsarios), un carro-prisión para transportar presos e un aparello para as decapitacións.Continuando cara ó sur pola rúa Untere Schmiedgasse ataPlönlein** (< lat. planum) hai unha encrucillada de rúas entre casas de trabes entrelazadas e unha fonte; á dereita, en descenso, a poderosa torre cadrada Kobolzeller Tor (séc. XIII), e outra cadrada máis, a Kohlturn.
Se desexamos continuar pola estreita prolongación cara ó sur pola rúa Spitalgasse chegaremos ó Spital**, un grande hospital construído entre 1574 e 1591 por L. Weidmann.
Volvendo ó centro da cidade polas rúas citadas, naMarktplatz (‘Praza Maior’) atópase o Rathaus(Casa do Concello), o edificio máis fermoso, cunha parte renacentista (1572-1578) –a que mira á praza-, porticada e con galería no alto, unha torre cun miradoiro na esquina; a parte que mira á rúa Herrngasse é gótica do séc. XIII, cunha torre do séc. XVI. No interior, hai unhas salas renacentistas e a sala gótica Kaisersaal, ligada ó recordo da Meistertrunk.
Na visita que fixemos á Casa do Concello quixemos entrar na Kaisersaal -dedicada ó Grolo Mestre-, pero estaba pechada ós visitantes. Preguntamos e indicóusenos que só se abría con ocasión das celebracións, pois o do Grolo era un evento cultural periódico.
As vistas desde a torre da Casa do Concello son espléndidas, pero o tramo derradeiro para acceder á parte máis alta é de bastante dificultade. A subida é gratis ata este tramo, que é o que se cobra (2 € por persoa; hai unha funcionaria alí atendendo). Trátase dunha esqueira de madeira disposta verticalmente, duns dez ou doce chanzos. Se dificultoso é o ascenso pola estreitura do oco, aínda máis o é a baixada, pois hai que descender de recú e atoutiñando onde se colocan os pés, ata tocar o chanzo superior. O espazo ó aire libre, ben protexido por unha varanda de metal, é moi estreito, non recomendable para as persoas con certo exceso de peso, pois dificilmente non caben polo portelo de entrada.
-á dereita da Rathaus atópase a antiga adega Ratstrinkstube (de 1466), cun reloxo que se pon en movemento case a cada hora cunhas figuriñas que reconstrúen a historia da Meistertrunk.
A rúa Herrngasse é a máis bonita; ábrese entre palacetes de diferentes épocas, e nela hai unha fonte do séc. XV (a Herrnbrunnen) e unha antiga igrexa gótica franciscana (Franziskanerkirche), hoxe evanxélica. Ó norte da Casa do Concello tamén hai unha igrexa de considerables dimensións dedicada a Santiago (St. Jakob**), de estilo gótico do séc. XV. No exterior, na lado sur, hai unha esvelta escultura de bronce dun Santiago peregrino, bastante moderna, co seu chapeu de amplas abas, a cabaza atada ó cinto, unha cuncha de vieira na man esquerda e un longo caxato na dereita. Xunto coa do exterior da igrexa de Augsburgo é a segunda escultura moderna que atopamos de Santiago peregrino, o que pode dar a entender que recentemente houbo unha recuperación das peregrinacións xacobeas desde Alemaña.
Saímos despois en direccións a Heidelberg. No longo traxecto (150 km), no que Pablo nos levou en boa parte por estradas secundarias –así tamén puidemos ver tamén a Alemaña “profunda”, que é de supoñer que tamén exista-, Xosé M. Penas Patiño, que se preocupara de facer as correspondentes fotocopias en Núremberg, deunos outra magnífica charla centrada tres ornitólogos alemáns -Johann F. Naumann (1780-1857), Konrad Lorenz (1903-1989) e Eduard Rüppell (1794-1884) e outros científicos coma Friedrich H. von Humboldt (1769-1859) e Alfred Lothar Wegener (1880-1930), o da teoría da deriva dos continentes. Sobre Von Humboldt tamén falaría Antón G. Losada, pois, segundo o diario da viaxe que o científico emprendeu cara a América desde o porto da Coruña, o último anaco de terra que viu do continente europeo seica foi a illa Sisarga de Malpica: “el último objeto que vieron sus ojos del Viejo Mundo” (Humboldt y el cosmos. Vida, obra y viajes de un hombre universal (1769-1859); Ediciones del Serbal, 1982, páx. 58).
-143.000 hab.
Situada nas beiras do río Neckar (afluente do Rin), nunha das zonas máis cálidas de Alemaña, é unha cidade famosa polo seu centro histórico e por ter a universidade máis antiga de Alemaña (fundada en 1386). Ten augas termais, que tamén atrae o turismo. Tamén é coñecida polo descubrimento, en 1907, da mandíbula do ‘home de Heidelberg’, que habitou este lugar hai 600.000 anos.
Algo de historia
No séc. V a.C. existía neste lugar unha fortaleza celta. No ano 40 d.C. instalouse un campamento permanente e construíuse unha ponte de madeira sobre o río. No ano 260 o campamento foi conquistado polos pobo xermanos.
No ano 863 fundouse o mosteiro de San Miguel no Heiligenberg, no interior da dobre muralla da fortaleza celta. No ano 1115 o castelo de Heidelberg pasa á casa de Hohenstaufen. No 1225 Luís I, duque de Baviera, obtivo o Palatinado e, polo tanto, tamén o castelo.
O ano 1386 Ruperto I, elector do Palatinado, funda a Universidade de Heidelberg, que andando o tempo desempeñará un papel importante na época do humanismo e a Reforma, e tamén no conflito entre o luteranismo e o calvinismo. En 1518, uns meses despois de facer públicas as 95 teses contra as indulxencias, Martiño Lutero foi recibido en Heidelberg para a súa defensa. En 1555 a cidade pasouse ó calvinismo e veríase inmersa na Guerra dos Trinta Anos; foi devastada polos franceses en 1689 e en 1693, e máis tarde reconstruída (casas de estilo barroco). A biblioteca de Heidelberg, fundada en 1421, é a biblioteca pública máis antiga de Alemaña que aínda permanece intacta. Está considerada tamén un dos berces do Romanticismo alemán.
1933-45: Heidelberg foi unha das prazas fortes do partido Nazi, que era o máis votado nas eleccións. Entre 1934-35 o réxime construíu un grande anfiteatro en Heiligenberg para celebrar os acontecementos das SS. A cidade non fora bombardeada durante a IIGM por non ser centro industrial Rematada a guerra, morrería aquí o xeneral americano Patton, en accidente de tráfico.
Visitas
O castelo (Schloss)** atópase na parte alta da cidade, no lado sur. Hai desde alí fermosas vista da cidade e do río. Puidemos acceder a el polo funicular, pois ós autobuses estalles prohibido. O billete do funicular (12 € ida e volta) permite tamén a visita á Botica do castelo e ás dúas grandes cubas do bar-restaurante.
O castelo foi construído contra o 1400 polo príncipe elector e rei de Alemaña Ruperto III, para logo ilo ampliando. Foi semidestruído polos franceses en 1689 e 1693. A través da torre da Portada (TorTurm), de forma cadrada, do ano 1530, accédese a un patio interior, con fachadas renacentistas. Entrando veremos a Fassbau, bodega construída entre 1583-1592 que conta cunha enorme cuba, a Grosses Fass*, construída en 1751 cunha capacidade de 220.000 litros; hai outra máis antiga, a Kleiness Fass*, de “tan só” 45.000 litros (do ano 1664).
Polo lado norte esténdese o Friedriechsbau*, pazo renacentista mandado construír por Frederico IV entre 1592-1610.
No lado leste atópase a xoia do castelo, o Ottheinrichsbau**, pazo mandado construír polo príncipe elector Otón Henrique entre 1556-1559. É unha obra mestra do renacemento alemán, con exuberante decoración dun artista flamengo. Neste edifico instalouse un valioso Museo de Botica (oDeutsches Apotheken Museum), con valiosos mobles do séc. XVIII e unha colección de receitas antigas. A Apotheken Turn presta acubillo a un antigo laboratorio de alquimia.
A rúa principal da cidade é aHauptstrasse*(uns 2 km de longo), que conta con edificios interesantes, como a Haus zum Riesen (a ‘Casa do Xigante’) de 1707. Fronte a ela, a Friedrichsbau (1863), sede de institutos universitarios; na rúa Karpfengasse atópase o Kongresshaus, construído en 1901 pero reconstruído en 1990; máis adiante atópase a Providenzkirche(‘igrexa da Providencia’), así chamada polo lema ‘Dominus providebit’ (‘Deus proverá’), lema do príncipe elector Carlos Luís, que a mandara erixir en 1661.
O edificio da Alte Universität (‘Universidade Antiga’) é un edificio barroco de entre 1712-1728. No seu interior atópase aStudentenkarzer (‘Cárcere estudantil’), cuarto pequeno que serviu de 1778 a 1918 para encerrar os estudantes contestatarios.
Tamén é visitable a Neue Universität (‘Universidade nova’), construída entre 1930 e 1932, que conserva no patio aHexenturm (‘Torre das Bruxas’), único resto das edificacións do séc. XV. Fronte á Universidade atópase a Biblioteca universitaria, construída entre 1901-1905, con copias de valiosos manuscritos. Enfronte, cara ó sur, a Peterskirche (‘igrexa de San Pedro’), edificio gótico do séc. XV.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
Detrás da Universidade Nova hai edificios xesuíticos: Jesuitenkolleg (1703) e a Jesuitenkirche ‘Igrexa dos xesuítas’ (1711-1749), construcións barrocas.
Non lonxe da ponte Vella queda a Heiliggeistkirche, igrexa protestante construída entre 1399-1441 polo elector Ruperto III para sepulcro familiar. A torre data de 1508, aínda que remata en estilo barroco.
Pola Steingasse chegamos á Ponte Vella (Alte Brücke), construída por M. Maier entre 1786-1788; está decorada con estatuas e precedida por un arco triunfal que se abre entre dúas torres do séc. XV.
Pasando ó outro lado do río por esta ponte pódese ascender por un paso peonil ó Paseo dos Filósofos(Philosophenwag), desde onde se contemplan espléndidas vistas da cidade e do castelo.