• info@semescom.gal

Tag Archives: Friburgo

Viaxe ó sur de Alemaña 7

Por Xosé María Lema Suárez
7º día (Mittwoch / mércores 26 agosto)

Heidelberg – Colmar (292 km)

Heidelberg – Baden-Baden 90 km
Baden Baden – Estrasburgo 60 km
Estrasburgo – Friburgo 90 km
Friburgo – Colmar 52 km
TOTAL 292 km

No transcurso da viaxe de Heidelberg a Baden-Baden Antón G. Losada falounos sobre a “A Selva Negra e o Rin”, e Xela Cid, camiño de Estrasburgo, fixo un percorrido bibliográfico pola Selva Negra, a xente importante que naceu nesta zona, o bosque alemán, a ecoloxía alemá e galega (a importancia do Partido dos Verdes), os espazos protexidos de Alemaña e Galicia (moi “parecidos”, como ben se sabe) etc.

BADEN-BADEN **

-54.000 hab.

-é a estación termal máis importante de Alemaña (termas xa coñecidas polos romanos, Aquae Aureliae).

-no séc. XIX foi a ‘capital estival’ de Europa, frecuentada pola burguesía europea e por intelectuais coma Tolstoi, Nietzsche e Wagner. Fiodor Dostoievski e Johannes Brahms residiron aquí varios anos. Nesta centuria xurdiron grandes establecementos termais, teatro, hipódromo e un dos casinos máis luxosos do mundo. Tras a IIGM foi sede das forzas francesas de ocupación.

-situada no val do Oos, entre as últimas elevacións da Selva Negra (Schwarzwald) e o val do Rin.

O río Oos de Baden-Baden (e Manolo tamén, claro)

O río Oos de Baden-Baden (e Manolo tamén, claro)

Visitas

-o Castelo Novo (Neues Schloss), edificio de finais do séc. XIV sobre o antigo castelo. Situado no outeiro da Florentinerberg e rodeado de maxestosos xardíns. Pódese pasear pola terraza exterior, pois o xardín é privado.

-o Castelo Vello (Altes Schloss) ou Castelo de Hohenbaden data do séc. XII. Atópase en ruínas, pois os seus propietarios –os mesmos do castelo novo- non o reconstruíron tras o incendio sufrido en 1559.

-a Kurhaus*, pazo neoclásico de principios do séc. XIX (1821-1824), que acubilla o luxoso Casino de Baden-Baden, famoso polos decorados do interior, inspirados en pazos franceses, e polos persoeiros que o frecuentaron. Estivemos na entrada do Casino e, ó nos escoitar falar, saudounos unha empregada italiana, que sabía de Galicia porque a súa mellor amiga era galega de Lugo. Por certo, que a italiana aínda debe estar debullando a lección-express que de Galicia lle deu Arturo Novo.

A Kurhaus (Casino) de Baden- Baden [XMLS]

A Kurhaus (Casino) de Baden- Baden [XMLS]

-o Lichtenthaler Allee**, paseo axardinado trazado en 1655 pola beira do río Oos, con máis de 300 variedades de árbores e instalación deportivas. Desde sempre foi un dos lugares máis frecuentados pola burguesía, antes e agora. Preto atópase o parque Gönneranlage, de principios do séc. XX, con fontes e pérgolas.

-a Stiftskirche é unha igrexa de estilo gótico do séc. XV, onde se enterraban os margraves de Baden. A alta torre é do séc. XVIII, barroca (coma o interior).

Os casinos, mellor desde fóra, ¿non si Arturo?

Os casinos, mellor desde fóra, ¿non si Arturo?

-as ruínas do Balneario Romano son un museo da antiga cultura do baño. Atópase debaixo da praza do Mercado e do balneario Friedrichsbad. Con case dous mil anos de antigüidade son unha das instalacións balnearias mellor conservadas. Tamén se conserva parte das murallas romanas.

Tanto a estación termal de Friedrichsbad como as Termas de Caracalla teñen modernísimas instalacións para o baño.

FRIBURGO DE BRISGOVIA

(FREIBURG IM BREISGAU)**

-212.000 hab.

-cualificada como a máis fermosa e célebre cidade da Alemaña suroccidental, espállase polas ladeiras occidentais da Selva Negra e a chaira do Rin.

-a zona antiga coas famosas canles de auga (Bächle) que atravesan a cidade é destino duns tres millóns de visitantes anuais. A cidade considérase a porta de entrada á Selva Negra; conta cun clima morno e solleiro. Considérase a capital da ecoloxía alemá.

-é famosa a súa universidade, fundada en 1457.

A Kaufhaus, da praza da catedral (XMLS)

A Kaufhaus, da praza da catedral (XMLS)

Visitas

-a Catedral (Münster)** está dedicada á Virxe e é un dos edificios góticos máis importantes de Alemaña. Construíuse en tres etapas entre 1120 e 1513. É de estilo gótico, pero de diferentes épocas. A torre-campanario (do ano 1350), de planta cadrada, ten forma de pirámide octogonal que se eleva ata os 116 m de altura.

Imaxe de Santiago peregrino, no pórtico da catedral de Friburg (XMLS)

Imaxe de Santiago peregrino, no pórtico da catedral de Friburg (XMLS)

-a praza da Catedral (Münsterplatz)* está formada por notables edificios históricos: unha fonte de 1483 (a Fischbrunnen), o Pazo Arcebispal (1756), a Kaufhaus* (casa de 1525-1532 cunha fachada decorada con estatuas dos emperadores da casa Habsburgo, feitas en 1534), a Wenzigerhaus, casa rococó de 1761.

-no convento dos Agostiños está o Museo de Arte e Historia da Cidade (Augustinermuseum).

-a Rathusplatz* é a praza principal e máis fermosa da cidade. Nela atópase a estatua de Berthold Schwarz, o monxe ó que se atribúe a invención da pólvora para disparar (por volta do ano 1330).

-arredor desta praza atópanse edificios notables, coma o Neus Rathaus (‘Casa Nova do Concello’), obra de entre 1896-1900, e o Altes Rathaus (‘Casa Antiga do Concello’), ergueita entre 1556-1559. Á esquerda da igrexa franciscana de San Martiño atópase a Walfish* (‘Casa da Balea’), construída en 1516, cun elegante pórtico e portada gótica tardía.

Capital da ecoloxía. – Friburgo e tamén moi visitada por persoas interesadas nas enerxías renovables e nas políticas de desenvolvemento, debido ó grande éxito que tiveron na cidade e tamén no länder. A cidade posúe a o maior número de instalacións ambientais da Unión Europea. Como é a cidade con maior número de horas de sol de Alemaña, aquí ten a súa sede a Sociedade Internacional de Enerxía Solar (ISES) e conta co Instituto Fraunhofer para sistemas de enerxía solar. Cada ano celébrase en xuño Intersolar, a maior feira de enerxía solar. Ademais, o medio predominante de transporte é aquí a bicicleta: a cidade integra un circuíto para ciclistas cun total de 400 km de lonxitude. O termo municipal conta cunha superficie total de 15.300 ha, das 6.333 ha son de bosque.

O clan carballés, na praza da catedral [XMLS]

O clan carballés, na praza da catedral [XMLS]

-a 30 km, preto de Rust bei Freiburg, está o Europa-Park, parque temático de diversión para os rapaces. É famosa a mascota do parque, Euro-Maus, e todos os seus amigos. Tamén hai espectáculos para adultos, como o Gladiator Stunt Show, con carreiras de cuádrigas e combates de gladiadores-.

Entrando nesta cidade falamos do noso paisano da Piolla (Nantón-Cabana) Xosé Manuel García Álvarez, casado con Elisabeth Schaible, natural de Freiburg. Os dous viviron durante anos nesta cidade e deron clase na súa universidade. Cando se creou a TVG (contra 1984) decidiron vir para Galicia, pois a Pepe ofrecéranlle o cargo de director do Arquivo da TVG, que estivo ó seu cargo ata que se xubilou hai uns poucos anos. Elisabeth segue sendo profesora de alemán na USC. Xosé Manuel García estudara na Universidade Pontificia de Roma co baiés Uxío Romero Pose (1949-2007), bispo auxiliar de Madrid de 1997 á súa morte; despois tamén en Montpellier e Freiburg im Brisgau, onde sería, durante oito anos, Wissenschaftlicher Assistent para Historia. Foi coautor do Diccionario dos Nomes Galegos (Ed. Ir Indo, 1992), dirixido por X. Ferro Ruibal, e con Elisabeth Schaible ou en solitario traduciu do galego ou ó galego obras do castelán, alemán, italiano e portugués en materias como literatura, sociedade , lingüística ou historia. Traduciu, entre outros, a E. Kant e ó escritor checo de fala alemá Franz Kafka (A Metamorfose). Destaca a súa tradución d’A ética protestante e o «espírito» do capitalismo (USC/Fundación BBVA, 2006), obra do filósofo alemán Max Weber (1864-1920) na que se trata de explicar o maior desenvolvemento económico dos países protestantes do norte de Europa, propagadores do capitalismo moderno, fronte ós católicos do sur.

Casa onde viviu o humanista Erasmo de Rotterdam (sé XVI)

Casa onde viviu o humanista
Erasmo de Rotterdam (sé XVI)

Unha das traducións do nantonés Xosé M. García do alemán ó galego

Unha das traducións do nantonés
Xosé M. García do alemán ó galego

ALSACIA (FRANCIA)

ESTRASBURGO***

(STROSSBURI, en alsaciano; STRASSBURG en alemán; STRASBOURG en francés)

-272.000 hab., pero a súa área urbana abarca unha poboación de 1.175.000 hab, estendendo a súa influencia ás localidades próximas de Alemaña.

-capital de Alsacia e do departamento francés do Baixo Rin, sede do Parlamento Europeo e do Consello de Europa. Cidade universitaria con máis de 58.000 estudantes.

-rango cultural moi elevado, con teatro, biblioteca, orquestra e ópera.

-no eido económico, é a segunda praza bancaria de Francia cunha bolsa e seis sedes bancarias. O sector industrial é tamén moi importante.

-é a oitava cidade a nivel mundial en organización de congresos, por detrás de Madrid e por diante de Barcelona.

Catedral de Estrasburgo

Catedral de Estrasburgo

Historia

A cidade, bañada polo río Ill (afluente do Rin), é de orixe romana; foi fundada no ano 12 aC polo xeneral Druso o Maior a partir dun campamento para as lexións, que recibiu o nome de Argentoratum (‘Arxentina’). Malia seren derrotaron na batalla de Argentoratum no ano 357, o pobo xermánico dos alamáns ocuparon a zona no ano 406; Argentoratum foi destruída polos hunos de Atila no 451, e contra o 500 foi reconstruída polos francos merovinxios de Clodoveo I, que a bautizaron como Strateburgus, reinstaurando un bispado que tivera anteriormente.

ano 800: Estrasburgo forma parte do Sacro Imperio Romano Xermánico de Carlomagno. Este morre no 813 e sucédeo o seu fillo Ludovico Pío, cun reinado moi convulso, cheo de rebelións . Á súa morte o imperio carolinxio dividirase entre os fillos de Ludovico (netos de Carlomagno): Carlos o Calvo, Luís o Xermánico e Lotario.

ano 842: os Xuramentos de Estrasburgo (Sacramenta Argentariae) foron uns xuramentos de axuda mutua entre Carlos o Calvo e Luís o Xermánico contra o seu outro irmán Lotario. Teñen a particularidade de que son os documentos máis antigos que se conservan do antigo francés (‘romana lingua’) e do antigo alemán (‘teudisca lingua’); o seu carácter bilingüe proba a existencia de grupos lingüísticos diferenciados, orixe das linguas francesa e alemá.

Catedral de Estrasburgo

Rosetón da catedral de Estrasburgo (XMLS)

ano 843: Tratado de Verdún, polo que queda dividido o Imperio carolinxio en tres reinos: Carlos o Calvo recibe a parte occidental (orixe da actual Francia), Lotario recibe a zona central (a Lotarinxia: desde o mar do Norte –a Renania, os Alpes e Italia-) e Luís o Xermánico a parte oriental (Xermania, orixe da actual Alemaña). A Lotarinxia conservaba a dignidade imperial, nominalmente. Estrasburgo e Alsacia quedaron dentro da Lotarinxia, pero máis adiante integraríase na Xermania, abrindo un período de influencia do ámbito xermánico ata que Alsacia e a súa capital quedaron anexionadas a Francia no séc. XVII.

ano 982: o emperador Otón II concédelle ó bispo de Estrasburgo a autoridade sobre o conxunto da cidade e arredores.

-durante séculos haberá loitas entre a poderosa burguesía da cidade e os bispos. En 1262 o bispo Walter de Geroldseck foi derrotado na batalla de Hausbergen e Estrasburgo pasa de ser cidade dominada polo señorío feudal eclesiástico a cidade libre do Imperio, rango que a equipara en privilexios a outras cidades alemás.

-en 1681 as tropas de Luís XIV anexionaron Alsacia á coroa de Francia, momento en que pasaron a ser francesas ata a Guerra franco-prusiana (1870), cando volveu a ser alemá ata final da Iª Guerra Mundial, en que volveu a Francia (22-11-1918).

Rosetón da catedral de Estrasburgo (XMLS)

Rosetón da catedral de Estrasburgo (XMLS)

-o 19-6-1940 a tropas alemás entraron en Estrasburgo. A cidade, anexionada de novo a Alemaña, foi designada capital de Alsacia dentro do III Reich. Os nazis e os colaboracionistas alsacianos destruíron a sinagoga xudía –que era unha das maiores de Europa- e en 1942 decidiuse a incorporación forzada masiva de milleiros de mozos alsacianos ó exército alemán (episodio do Malgré Nous ‘ó noso pesar’). Moitos destes mozos alsacianos foron enviados á fronte rusa. No cercano campo de concentración de Struthof-Naztweiler o médico dos SS August Hirt realizou experimentos criminais cos prisioneiros de guerra. Foi o primeiro dos campos de exterminio descuberto polos aliados (novembro 1944). A partir de 1943 a cidade sofre bombardeos da aviación aliada; o de agosto de 1944 afectou ó seu centro histórico.

Visitas en Estrasburgo

A Grande Île (‘a Grande Illa’) –ou Elipse insular, pola súa forma- é o centro histórico de Estrasburgo, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1988 por ser exemplo de barrio antigo de cidade medieval. Para marcar este status hai 22 placas de latón colocadas nas pontes que permiten acceder á illa.

Vista parcial da Grande Île de Estrasburgo (XMLS)

Vista parcial da Grande Île de Estrasburgo (XMLS)

O principal edificio da Grande Île é a catedral de Nôtre Dame***, iniciada no séc. XI, aínda que a maior parte da construción data do séc. XV (estilo gótico). Trátase da cuarta igrexa do mundo en altura. Destaca a fachada***, cun magnífico rosetón; o tímpano da portada central conta con escenas bíblicas en catro rexistros; o tímpano da portada dereita representa a parábola das virxes sabias e as virxes necias; na portada esquerda as esveltas esculturas personalizan as virtudes triunfando sobre os vicios.

Desde o miradoiro da frecha da torre da esquerda hai estupendas vistas.

A portada do Reloxo (séc. XIII) atópase no lado dereito da catedral: rodeando a figura de Salomón a Igrexa sostén a cruz e o cáliz, mentres que a Sinagoga se inclina intentando recoller anacos dunha lanza e das táboas da Lei, que caen das mans. No tímpano do pórtico represéntase a Durmición da Virxe**.

No interior da catedral, ademais das vidreiras, o púlpito e o órgano atópase o famoso Reloxo astronómico (1838), no que se representan os días da semana como carros no que viaxan as divindades e que se van asomando por enriba do reloxo; cada cuarto de hora unha serie de autómatas golpean as campás, mentres que a Morte é a que dá as horas. Ás 12,30 h ten lugar un gran desfile na parte alta do reloxo. Hai tamén desfile dos apóstolos. Para ver todo isto hai que presentarse ás 11,45 h e hai que pagar 2 €.

Barcaza de turistas pasando por baixo a ponte xiratoria aberta dunha das canles (XMLS)

Barcaza de turistas pasando por baixo a ponte xiratoria aberta
dunha das canles (XMLS)

Á esquerda da catedral, a Maison Kammerzell é unha xoia da arquitectura en madeira decorada con frescos no seu interior. Toda esta zona é de rúas de trazado medieval.

Hai outras igrexas coma a de Sto Estevo (St.Etienne) -románica, parcialmente destruída durante os bombardeos de 1944-; a de San Tomé, románico-gótica; a de San Pedro o Mozo –protestante, de estilo gótico, cunha cripta do séc. V- e a de San Pedro o Vello –neogótica, católica, aínda que hai outra co mesmo nome que é protestante-.

Preto destas últimas igrexas atópase La Petite France**, que no seu tempo foi barrio de pescadores, curtidores e muiñeiros. É unha zona con pontes sobre illas do río Ill, con exclusas, muíños etc. (Le Quai des Ponts-Couverts ‘O Peirao das Pontes Cubertas’).

Hai museos no Palacio Rohan (edificio neoclásico do séc. XVIII). O Museo Alsaciano é un museo de corte etnográfico que reconstrúe interiores de casas alsacianas, un laboratorio dun boticario alquimista etc.

Na gastronomía alsaciana ten sona o choucroute, o foie-gras, os viños alsacianos e os augardentes.

No Peirao das Pontes Cubertas, de La Petit France [XMLS]

No Peirao das Pontes Cubertas, de La Petit France [XMLS]

As institucións europeas

Por ser historicamente unha cidade disputada por Francia e Alemaña e pola súa situación xeográfica central, Estrasburgo é sede de institucións e organismos da UE e do Consello de Europa.

Un dos edificios dependentes do Parlamento Europeo, que puidemos ver "medio clandestinamente" (estaba prohibido o paso) [XMLS]

Un dos edificios dependentes do Parlamento Europeo, que puidemos ver “medio clandestinamente” (estaba prohibido o paso) [XMLS]

A cidade é considerada a capital da UE, aínda que organismos e axencias da UE teñen a súa sede noutras cidades (p.ex., o Banco Central Europeo, en Fránkfurt; o Banco Europeo de investimentos en Luxemburgo).

Estrasburgo é a sede do Parlamento Europeo (onde se celebran as sesións plenarias), do Eurocorpo, do Europol (centro de información), da Corte Europea dos Dereitos Humanos, e doutras 22 institucións europeas, coma o Consello de Europa.

Os edificios administrativos atópanse no chamado Barrio Europeo, propiedade da cidade.

A cidade simboliza a reconciliación franco-alemá, que se ve plasmada no Jardin des deus rives (‘Xardín das dúas ribeiras’).

COLMAR***

Trátase dunha cidade antiga (de 67.000 hab), ben conservada, que conta con edificios de gran tamaño de estilo gótico alemán e do primeiro renacemento, así como igrexas antigas, como a de San Martiño, colexiata do séc. XIII.

Entre os lugares para visitar, a Praza da Antiga Aduana (Ancienne Douanne / Kolfhus)*, con construcións con trama de madeira, entre elas a chamada Casa do Ferro Candente.

Reprodución a escala, nunha rotonda á entrada de Colmar, da Estatua da Liberdade de Bartholdi [XMLS]

Reprodución a escala, nunha rotonda á entrada de Colmar, da Estatua da Liberdade de Bartholdi [XMLS]

-a Maison Pfister**, construída en 1537, con fachada pintada; a casa que pertenceu ó pintor Schongauer (Casa da Viola), do séc. XV, e a Casa do Cisne (onde viviu o pintor).

Entre os museos: o Museo Bartholdi (August Bartholdi, o escultor que fixo a Estatua da Liberdade de Nova York, naceu en Colmar en 1834); nunha das rotondas de entrada á cidade hai unha reprodución a unha escala sensiblemente menor desta famosa estatua. Tamén é interesante o Museo de Unterlinden, co retablo de Ussenheim***, realizado entre 1500-1515 por Mathias Grünewald (dun realismo moi cru).

-Museo Animado do Xoguete e dos trens de xoguete (para ir con nenos).

-Unha vez ó ano, no mes de agosto, Colmar celebra a Feira dos Viños.

Pouco puidemos ver desta cidade, pois chegamos á tardiña. Ceamos (con viño branco alsaciano, en vez da cervexa habitual de toda a viaxe) e xa fomos descansar. Pola mañá veriamos, nunha rotonda, unha reprodución a escala da estatua da Liberdade de Nova York, destinada a lembrar que o seu autor era colmarés.

Ruta dos Viños alsacianos: entre Estrasbusrgo e Colmar, nun val situado ó oeste da autoestrada que une estas dúas cidades (en concreto: de Marlenheim a Thann).