Na súa monografía O Santuario do Briño, no apartado da obra en madeira, Juan Félix Neira fala en primeiro lugar do retablo maior, que eu datara a finais do século. XVIII, de autor anónimo. Hoxe teño a certeza de que este foi Juan Martínez Ribera, pois a súa traza é idéntica á do retablo maior da igrexa de Bamiro, realizado por este escultor en 1799. As dúas obras responden ó estilo neoclásico. Martínez Ribera traballou antes no Briño que en Bamiro, pois a imaxe en madeira da Virxe das Virtudes deste retablo é obra súa do ano 1791. Residía en Portomouro (Val do Dubra), pero era fillo e neto de escultores borneiráns.
Oriundos de Borneiro
O seu avó, Juan Antonio Martínez, rexentara en Borneiro un obradoiro moi activo de 1710 a 1749. Debía ser moi mañoso, pois tanto facía retablos como imaxes ?en madeira e en pedra- como atendía encargos como mestre de obras (a fachada da igrexa de Lamas é obra súa). Cónstanos que fixo os retablos maiores das igrexas de Laxe (1723), Sarces (1727) e Baio (1734), e tamén traballou para as de Serantes (1731) e Borneiro (1742).
Con el aprendeu o seu fillo Ignacio, e xuntos tiveron unha liorta cos seus conveciños borneiráns en 1744, pois estes rexeitáronlles unha imaxe da Virxe por ser «una imagen indigna de representar en un altar con señales del Carmen, y por no querer hacer otra mas decentemente formada», e negáronse a pagarlles o axustado. Esta anécdota chamou a atención de Juan Félix (p. 59) e tamén a min, pois introducina na novela Costa do Solpor, no capítulo 49, no que xoga un papel importante o escultor Ignacio ó argallar unha arteira estratexia para salvar os protagonistas da persecución duns piratas.
Ó remate do lance hai unha evocación do acontecido anos atrás en Borneiro pola lea da imaxe rexeitada, en forma de copla festiva entroideira que empezaba así: «A santiña de Borneiro / quer marchar / pra terra allea/ desde que Xan o Santeiro / lle fixo de pau de abeneiro / aquela cariña tan fea» (cap. 50).
As “grandes obras” do séc. XX
Ignacio Martínez mudouse antes de 1750 de Borneiro a Troitosende (Val de Barcala), de onde era a súa muller Vicenta Ribera. O chamado «escultor de Troitosende» vai seguir traballando para as parroquias soneirás ata 1788: fixo retablos e imaxes en Tines (1751), Soesto (1756), Lamas (1773), Baio, etc.
Dous dos seus sete fillos seguiron co seu oficio: o citado Juan, o máis vello, instalouse en Portomouro contra 1790; e o máis novo, Agustín, en Baio nesa mesma época (a casa que habitou, situada no Carballos da Botica -onde tamén está a do escritor Labarta-, aínda hoxe conserva o nome de Casa do Escultor).
En suma: tres xeracións de escultores de orixe borneirán que forneceron as igrexas da comarca durante todo o séc. XVIII e o primeiro terzo do XIX. Alégrame coincidir con Neira na valoración dos artistas rurais. Parte importante da monografía de Neira é a dedicada á progresión da Confraría da Virxe do Carme, creada en 1749. Debulla con diáfano didactismo o seu funcionamento, cun mordomo encargado de levar as contas (o do ano 1750, Venancio de Lema, foi antepasado meu).
Novos datos
Cobran moita importancia para completar o estudo do santuario os novos datos que o autor nos achega, maiormente os das grandes obras da primeira e da derradeira década do século XX: a compra da nova imaxe do Carme (1902); a construción do oratorio exterior (1906); a construción da fonte; o traslado e pintura do cruceiro; a compra de terreos lindeiros e a construción do valado protector do recinto; a plantación de árbores nobres… En todas estas obras salienta o exemplar traballo comunitario e desinteresado da veciñanza.
En resumo: unha monografía que contribuirá a poñer en valor o noso patrimonio artístico rural e a que cando volvamos visitar O Briño o contemplemos doutro xeito: a súa arquitectura, as esculturas e incluso o simpático cataventos metálico do galo fuxitivo do raposo.
Así mesmo, tamén nos serve para valorar o seu rico patrimonio inmaterial que se recolle na parte final e para recapacitar no que significou este lugar para a veciñanza local e comarcá das incontables xeracións que acudiron á súa festa do 18 de xullo, día tamén de santa Mariña, disque santa galega (da que, así mesmo, hai unha imaxe na igrexa parroquial).