• info@semescom.gal

Category Archive: Uncategorised

petroglifos Vimianzo

Novos petróglifos en Vimianzo grazas ao traballo dun rapaz da vila soneirá

O concello de Vimianzo incorpora novas manifestacións de arte rupestre ao seu catálogo patrimonial. Os descubrimentos de petróglifos en Vimianzo son relativamente recentes, salvando o caso da Pedra dos Letreiros de Carnés (hoxe destruídos) e os máis coñecidos son os do Pedrouzo e de Boallo, ambos na parroquia de Berdoias.

Nesta ocasión, por primeira vez catalóganse petróglifos nas parroquias de Vimianzo e Cambeda, moi próximos ademais á capital municipal. E se a noticia da descuberta xa é para sorprenderse, aínda enche de orgullo e alegría que sexa un rapaz novo, David Roget, que recén terminou agora o bacharelato quen se aventura polos montes a investigar e a preocuparse polo patrimonio cultural.

Deixamos ligazón á noticia completa recollida en La Voz de Galicia, edición Carballo.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/vimianzo/2020/08/30/brillante-estudiante-descubre-diez-estaciones-petroglifos-vimianzo/0003_202008C30C3991.htm?fbclid=IwAR1CZi7sQMfDRels1rPpFUXSx3Sxur8us9XAtr8VAq-pm0pMLaOB8DFytxE

mendez domenech

Xosé María Méndez, investigador da fidalguía soneirá

Xosé Mª Méndez Doménech nacera en Santiago en 1944 no seo dunha familia medio fidalga, medio burguesa ligada á Costa da Morte, pois tiña casa en Treos (Vimianzo) -a Casa dos Calza- e tamén a tivera en Laxe (a Casa do Arco). Procedía por vía materna dos Doménech, fomentadores cataláns vencellados á pesca e ó comercio da sardiña instalados en Laxe a mediados do século XVIII. El mesmo investigara a apaixonante historia da súa familia, narrada nas Actas da I Xornada histórica sobre a figura de Don Juan Antonio Posse, o crego liberal (Laxe 21-4-2007), co título Os inicios da burguesía industrial en Laxe: a familia Doménech (Ed. Toxos Outos, 2008).

Esta familia burguesa catalá emparentaría coa fidalga galega da Casa de Xora (Treos-Vimianzo) a mediados de século XIX. A ela pertencía Juan Ferreira Caamaño, poderoso cacique e político español da época.

Cando eu fixera en Laxe a súa presentación na citada I Xornada do crego Posse, dixera que Méndez Doménech para nada respondía ós cánones que del se esperaban como membro dunha familia de tinte conservador como fora a súa, pois en plena ditadura se convertera nun dos líderes do movemento estudantil antifranquista da Universidade de Santiago entre 1964 e 1968. E por iso foi condenado a nove meses de prisión por propaganda ilegal, degradado nas Milicias Universitarias de alférez a soldado raso, e, xa que logo, expulsado delas. Como el dicía, só lle faltou ser excomungado por un bispo.

Con estes antecedentes, sorprende que conseguise fundar en 1974, con Franco aínda vivo, a revista infantil Vagalume, monolingüe en galego (véxase o episodio que lle dedicou o programa Ben falado, número 373, da TVG).

En 1985 dedicouse á dobraxe de audiovisuais, chegando a ser presidente de APADEGA. Gran investigador da nosa historia, Doménech era sen dúbida o mellor coñecedor da fidalguía da Terra de Soneira e talvez de toda a Costa da Morte. Lembramos a súa conferencia (inédita) As casas fidalgas da Terra de Soneira nunhas Xornadas informativas sobre os pazos da Costa da Morte (Asociación Neria, Zas, abril do ano 2000).

O seu mapa, deseñado polo seu amigo Roberto Mouzo (prematuramente finado en 2013), das Interrelacións familiares das casas fidalgas da Terra de Soneira reproducímolo en diversas publicacións. Por encargo do Semescom, do que foi directivo, elaborou co citado Roberto Mouzo un gran cartel-mural (110 centímetros x 80 coa xenealoxía completa das Casas dos Traba, Mariño e Moscoso na súa relación coa fidalguía da Costa da Morte (2007), cartel ó que lle habería que facer un sitio no Castelo de Vimianzo e nas Torres do Allo.

No libro de próxima publicación Zas polo miúdo -de Evaristo Domínguez e quen subscribe- dedicamos un longo apartado a resumir unha investigación súa, o Foro das Facendeyras, unha carga feudal que Urraca de Moscoso (da casa de Altamira), no seu testamento de 1498, lles impuxera ós veciños de Baio pola que tiñan que pagar sete fanegas de trigo anuais ó mosteiro de San Domingos de Bonaval de Santiago. Os baieses non se deron librado desta carga ata 1901.

 

Casa da Calzada

Na chamada Casa da Calzada de Quintáns de Treos, que herdara da familia e na que pasou a residir temporalmente, tiña un impresionante arquivo documental. Polo que un sabe, a veciñanza de Treos tíñalle moito afecto, como persoa desprendida e xenerosa que era (doara terreos para o campo da festa, para ancheamento de camiños, etcétera). Lembramos, pois fora noticia na prensa, que unha providencial intervención súa de finais do ano 2000 librara a corenta veciños de Treos dun longo e custoso preito, pois unha orde relixiosa de Madrid lles reclamaba a propiedade de mil ferrados de terreo de monte (42 hectáreas). O avogado das monxas convocou os veciños afectados a unha reunión para arranxar con eles unha venda, pero Doménech tamén acudiu a esa xuntanza e, grazas ós seus coñecementos históricos, desmontoulle ó letrado un por un os seus argumentos xurídicos e deixouno a velas vir.

No artigo Los antecedentes están en el pacto feudal, que Doménech días antes publicara en La Voz (28-10-2000), xa vertía luz sobre o asunto. Unha demostración máis de que a investigación histórica serve para o momento presente.

moraime Xan Fernández

Un novo libro sobre Moraime

O magnífico conxunto histórico de Moraime contará cunha nova obra monográfica sobre o seu pasado como mosteiro e mesmo como vila romana e lugar de enterramentos altomedievais.

Xan Fernández é o autor de “Moraime, centro histórico da Costa da Morte” que vén de publicar a Deputación da Coruña. A presentación terá lugar na propia igrexa de San Xiao de Moraime o sábado 15 de agosto ás 20h. Intervirán o deputado de Cultura da Deputación da Coruña Xurxo Couto, o historiador e antropólogo Manuel Vilar, e o propio autor do libro.

calzada

Zas, unha potencia en patrimonio e natureza

En novembro de 2016, por iniciativa do exconcelleiro de Cultura de Zas, Manuel García Velo, Lito, empezamos Zas polo miúdo, un estudo das dezaseis parroquias do municipio que fomos publicando mensualmente en www.concellodezas.org. En maio de 2020 contabilizábanse máis de dez mil visitas. O Concello e a Deputación van sacalo á luz tamén en formato libro, co cal confiamos en que se poña aínda máis en valor o rico patrimonio do municipio (arqueolóxico, artístico, histórico e natural) e que se aproveite tanto por parte das Administracións coma dos particulares.

As parroquias rurais teñen sempre algo que ver, empezando polas igrexas e as ermidas, pois cada unha delas -ademais de seren centros de culto- tamén son pequenos museos artísticos que gardan retablos e imaxes de máis de douscentos anos na súa maior parte. Sirvan como mostra uns artigos que publicamos en La Voz no mes de xuño sobre o santuario do Briño e as igrexas de Traba, Brandoñas, Roma e Meanos.

O territorio de Zas, delimitado nos despachos oficiais en 1836 dun xeito moi arbitrario, é unha especie de fuso alongado de norte a sur, do curso alto e medio do río do Porto á beira dereita do Xallas, que trouxo como consecuencia que entre os veciños das parroquias setentrionais e os das meridionais non houbese case ningunha relación e coñecemento durante décadas. A apertura dunha estrada que comunicase o norte co sur aínda data de case onte mesmo, pois aínda se rematou de asfaltar en 1973.

Dada esta dificultade xeográfica pode ser un tanto difícil para o Concello promover actividades que interesen por igual ás dezaseis parroquias.

Tres núcleos básicos

Polo tanto, propoñemos que se conformen tres núcleos -un no norte, outro no centro e outro no sur- para potenciar o máis sobranceiro de cada un. O núcleo do norte debería ter como centro O Allo, o principal espazo monumental do municipio; a visita ó musealizado primeiro pazo galego atrae multitude de visitantes, que tamén adoitan ver a igrexa renacentista e mesmo a fonte barroca do souto, o cruceiro do adro e o novo cemiterio. As visitas mesmo se incrementaron nos últimos anos coa programación de verán do Concello, con visitas teatralizadas, simposios histórico-artísticos e exposicións (coma a do naturalista Víctor López Seoane).

Desde O Allo pódense organizar percorridos polas parroquias próximas: San Cremenzo, Lamas -esta cunha igrexa de orixe gótica e a anta de Pedra Moura de Pedra Vixía (á que cumpriría, dunha vez por todas, prestarlle máis atención)- e, sobre todo, Baio, a parroquia de maior poboación. Aquí téñense feito percorridos urbanos para falar dos seus numerosos persoeiros (Labarta Pose, os irmáns Romero Lema, o escultor Martínez Ribera, o músico Martínez Posse, o bispo Romero Pose…), da historia da construción das escolas Agra Regueiro -un mestre que loitou pola escolarización das nenas- e das dúas igrexas, a nova e a vella. Dun tempo a esta parte espertaron grande interese en Baio os paseos fluviais, nos que cómpre destacar o traballo das asociacións A Fonte de Fornelos e Tabeirón de Baio, que restauraron muíños centenarios e sinalizaron os principais puntos. A Pedra Vixía e A Carballeira son áreas naturais idílicas.

O centro natural do núcleo intermedio é Zas. A capital municipal xa viña sendo o punto de partida para a cada vez máis concorrida Ruta dos Pazos (Romelle, As Hedreiras, Follente, tamén O Allo…) e tamén o pode ser para ver as igrexas da súa contorna (Santo Adrián, Loroño, Vilar, Mira, Carreira e Gándara), pois nalgunhas hai interesantes obras arquitectónicas, retablísticas e escultóricas, sobre todo nas dúas primeiras e na da capital municipal.

Zas tamén é o punto de partida para as rutas de sendeirismo ó curso alto do río do Porto, coas espectaculares fervenzas do Rabiñoso e de Budián, ambas as dúas integradas na Ruta da Auga deseñada para a que a Xunta acaba de aprobar en xuño unha achega de 20.000 euros para a súa homologación, sinalización e posta en valor, visita que se pode completar coa subida ó Bico de Meda, a mellor atalaia das paisaxes soneirás, bergantiñás e xalleiras. Por outra parte, é obriga inescusable seguir dándolle continuidade á Festa da Carballeira, de renome internacional e declarada de interese turístico de Galicia.

Brandomil, un espazo romanizado con fonda carga poética e histórica

O núcleo da zona sur, conformado polas parroquias de Roma, Meanos, Muíño, Brandoñas e Brandomil, é obvio que o seu centro debería estar nesta última, dado o seu renome. Brandomil, ademais de ser punto de partida para as visitas ás igrexas destas parroquias meridionais, tamén debe selo para acceder á Arca da Piosa, monumento megalítico tan importante coma o de Dombate, pois nel situou Pondal a tumba do valente Brandomil. Sería ideal adquirir o anaco de monte onde se atopa e acondicionar a súa perfecta mámoa, que mesmo asombrara a Charles Le Roux -que fora director xeral de Patrimonio da Bretaña francesa- cando celebramos o SEMESCOM celebrou o I Simposio de Megalitismo en 2006.

En Brandomil para cada vez máis xente en canto descobre a maxestosa Ponte Vella, pero, despois non ve máis nada e continúa o seu camiño. E algo hai que facer para poñer en valor o que está considerado desde 2008 o cuarto asentamento romano máis importante da provincia da Coruña. O documental de Manuel Rial Brandomil, vila romana a carón do Xallas (2019), producido pola Fundación Brandomil, demostrou o interese da veciñanza por que se coñeza o pasado romano da súa parroquia.

Sería imperdoable non aproveitar este positivo estado de ánimo veciñal e continuar, ano a ano coas escavacións da calzada romana que o verán pasado iniciara o arqueólogo xalleiro Lino Gorgoso. Por estar esta calzada nun camiño público abandonado, penso que se aforran trámites burocráticos. Unha vez ó descuberto -coas debidas proteccións- sería o único tramo de calzada romana de toda a Costa da Morte; un bo atractivo para os peregrinos xacobeos e da Ruta Mariana que tomaron este roteiro atraídos pola monumentalidade da Ponte Vella. Outro dos obxectivos a curto ou a medio prazo sería conseguir un local axeitado como centro de interpretación do Brandomil romano (Grandimirum?), que tamén podería servir de pequeno museo das pezas arqueolóxicas que hoxe hai dispersas.

(Foto: XMLema)

A arte faise perenne cos retablos pétreos de Brandoñas e Santa Sía

O Concello de Zas prepara a edición en formato libro de Zas polo miúdo, resultado do traballo que desde novembro do 2016 viñemos publicando mes a mes Evaristo Domínguez e quen subscribe en www.concellodezas.org. Confiamos en que a edición en papel contribúa a revalorizar o patrimonio natural, histórico e artístico das dezaseis parroquias do concello.

Entre as novidades no eido da arte chamáronnos a atención uns antigos retablos realizados en pedra en dúas das cinco igrexas meridionais do concello. En Brandoñas, os dous retablos laterais da nave, case xemelgos, con paneis enmarcados por columnas helicoidais e grandes volutas. Son de estilo barroco do primeiro terzo do século XVIII, tanto polas columnas helicoidais (chamadas salomónicas) coma pola decoración. O do lado norte presídeo unha imaxe dun Santiago cabaleiro vestido á moda dezaoitesca, con casaca vermella e tricorne na cabeza; no fornelo do corpo inferior, un san Domingos. Que haxa en Brandoñas un altar dedicado a Santiago reforza a existencia dun vello camiño xacobeo de Santiago a Muxía por Brandomil. No retablo sur colocouse na fornela superior unha imaxe dunha mártir que anos atrás estaba no norte; nos nichos do corpo inferior unha Virxe co neno no colo e un Ecce Homo, separados por un anxo portador dunha cruz. Na arquitrabe que separa os dous corpos hai unha inscrición na que se desvelaba o nome do doador, pero quedou mutilada.

Detalle de Santiago Apóstolo na igrexa de Brandoñas (Foto: XMLema)

Detalle de Santiago Apóstolo na igrexa de Brandoñas (Foto: XMLema)

Carentes de documentación, o único dato que nos consta é a inscrición Ano 1717 no frontón dun fornelo da sancristía. En base a esta data e sobre todo pola feitura das imaxes atrevémonos a pensar que o seu autor non foi outro que o canteiro Domingos Martínez (de Pazos-Tines), de quen falamos hai pouco como o probable autor das fachadas-retablo do santuario do Briño (Borneiro) e da igrexa de Traba. Os Santiagos ecuestres de Brandoñas e de Traba son moi semellantes: polas súas vestiduras, os seus rostros serenos e, sobre todo, polas cabezas dos seus cabalos (xunto coa brida e as rendas). Martínez ben puido rematar a obra de Brandoñas en 1717 e despois pasar a Traba (1716-1724) e finalmente ó Briño (remataría a nave en 1733).

(Foto: XMLema)

(Foto: XMLema)

Outro retablo pétreo interesante é o maior de Santa Sía de Roma, que consta dun ático e dun único corpo dividido en tres paneis separados, coma os de Brandoñas, por columnas salomónicas, pero neste caso cos fustes adornados con vides e pámpanos envolventes. No ático, baixo un relevo do Padre Eterno, hai outro da patroa (santa Sía) tocando un clavecín, como patroa da música que é. No corpo principal, á esquerda, un relevo de san Francisco salvando co seu cordón ánimas do purgatorio, e, á dereita, outro relevo representando a san Xoán Bautista. No panel central, un sagrario prismático, tamén de pedra, con relevos en tres caras que representan a san Pedro, san Paulo e a Cristo resucitado.

Desta obra só tiñamos o dato dunha inscrición co nome do párroco que a promoveu, Juan Antonio Salazar y Albarado, pero non o do artífice. Este puidemos pescudalo no Arquivo Diocesano de Santiago, no Libro de Fábrica parroquial de 1695 a 1790, onde nos consta o nome de Antonio García como «el maestro que ha hecho el retablo», ó que se lle pagaron 473 reais en 1715. Tal mestre seguro que era da comarca, e cómpre valorar o seu traballo, pois non é nada doado esculpir no noso duro granito un retablo de columnas con espiras e adornos e os complicados relevos dos santos das fornelas; aínda que o Bautista saíu algo desproporcionado, san Francisco coas ánimas está moi logrado. O motivo dunha certa proliferación de retablos de pedra na primeira metade do século XVIII na nosa zona foi sobre todo económico, pois entendíase que a obra en pedra era máis duradeira que a de madeira. E, ademais, resistía mellor os incendios.

(Foto: XMLema)

(Foto: XMLema)

Unha liorta cos veciños inmortalizada nunha novela (Foto: XMLema)

Grandes escultores borneiráns encheron de arte igrexas soneirás

Na súa monografía O Santuario do Briño, no apartado da obra en madeira, Juan Félix Neira fala en primeiro lugar do retablo maior, que eu datara a finais do século. XVIII, de autor anónimo. Hoxe teño a certeza de que este foi Juan Martínez Ribera, pois a súa traza é idéntica á do retablo maior da igrexa de Bamiro, realizado por este escultor en 1799. As dúas obras responden ó estilo neoclásico. Martínez Ribera traballou antes no Briño que en Bamiro, pois a imaxe en madeira da Virxe das Virtudes deste retablo é obra súa do ano 1791. Residía en Portomouro (Val do Dubra), pero era fillo e neto de escultores borneiráns.

Oriundos de Borneiro

O seu avó, Juan Antonio Martínez, rexentara en Borneiro un obradoiro moi activo de 1710 a 1749. Debía ser moi mañoso, pois tanto facía retablos como imaxes ?en madeira e en pedra- como atendía encargos como mestre de obras (a fachada da igrexa de Lamas é obra súa). Cónstanos que fixo os retablos maiores das igrexas de Laxe (1723), Sarces (1727) e Baio (1734), e tamén traballou para as de Serantes (1731) e Borneiro (1742).

Con el aprendeu o seu fillo Ignacio, e xuntos tiveron unha liorta cos seus conveciños borneiráns en 1744, pois estes rexeitáronlles unha imaxe da Virxe por ser «una imagen indigna de representar en un altar con señales del Carmen, y por no querer hacer otra mas decentemente formada», e negáronse a pagarlles o axustado. Esta anécdota chamou a atención de Juan Félix (p. 59) e tamén a min, pois introducina na novela Costa do Solpor, no capítulo 49, no que xoga un papel importante o escultor Ignacio ó argallar unha arteira estratexia para salvar os protagonistas da persecución duns piratas.

Ó remate do lance hai unha evocación do acontecido anos atrás en Borneiro pola lea da imaxe rexeitada, en forma de copla festiva entroideira que empezaba así: «A santiña de Borneiro / quer marchar / pra terra allea/ desde que Xan o Santeiro / lle fixo de pau de abeneiro / aquela cariña tan fea» (cap. 50).

As “grandes obras” do séc. XX

Ignacio Martínez mudouse antes de 1750 de Borneiro a Troitosende (Val de Barcala), de onde era a súa muller Vicenta Ribera. O chamado «escultor de Troitosende» vai seguir traballando para as parroquias soneirás ata 1788: fixo retablos e imaxes en Tines (1751), Soesto (1756), Lamas (1773), Baio, etc.

Dous dos seus sete fillos seguiron co seu oficio: o citado Juan, o máis vello, instalouse en Portomouro contra 1790; e o máis novo, Agustín, en Baio nesa mesma época (a casa que habitou, situada no Carballos da Botica -onde tamén está a do escritor Labarta-, aínda hoxe conserva o nome de Casa do Escultor).

En suma: tres xeracións de escultores de orixe borneirán que forneceron as igrexas da comarca durante todo o séc. XVIII e o primeiro terzo do XIX. Alégrame coincidir con Neira na valoración dos artistas rurais. Parte importante da monografía de Neira é a dedicada á progresión da Confraría da Virxe do Carme, creada en 1749. Debulla con diáfano didactismo o seu funcionamento, cun mordomo encargado de levar as contas (o do ano 1750, Venancio de Lema, foi antepasado meu).

Novos datos

Cobran moita importancia para completar o estudo do santuario os novos datos que o autor nos achega, maiormente os das grandes obras da primeira e da derradeira década do século XX: a compra da nova imaxe do Carme (1902); a construción do oratorio exterior (1906); a construción da fonte; o traslado e pintura do cruceiro; a compra de terreos lindeiros e a construción do valado protector do recinto; a plantación de árbores nobres… En todas estas obras salienta o exemplar traballo comunitario e desinteresado da veciñanza.

En resumo: unha monografía que contribuirá a poñer en valor o noso patrimonio artístico rural e a que cando volvamos visitar O Briño o contemplemos doutro xeito: a súa arquitectura, as esculturas e incluso o simpático cataventos metálico do galo fuxitivo do raposo.

Así mesmo, tamén nos serve para valorar o seu rico patrimonio inmaterial que se recolle na parte final e para recapacitar no que significou este lugar para a veciñanza local e comarcá das incontables xeracións que acudiron á súa festa do 18 de xullo, día tamén de santa Mariña, disque santa galega (da que, así mesmo, hai unha imaxe na igrexa parroquial).

Unha liorta cos veciños inmortalizada nunha novela (Foto: XMLema)

Unha liorta cos veciños inmortalizada nunha novela (Foto: XMLema)

Unha moeda do tempo do rei Egica amosa que no século VIII había actividade (Foto: XMLema)

Vestixios do Brandomil romano no ano 1883

Nos retoques finais para a edición en papel de Zas polo miúdo, a cargo do Concello de Zas, a Evaristo Domínguez e a quen subscribe chegounos o dato de que o historiador e arqueólogo Ramón Barros Sibelo residiu nas Torres de Romelle (Loroño) de 1872 a 1880, como administrador. Uns anos despois, en 1883 remitiría á Real Academia de la Historia (RAH) de Madrid, da que era correspondente, un escrito na que recomendaba a adquisición de dúas moedas, «una de ellas de Egica acuñada en Gerona, objetos hallados en las antiguas minas de Limideiro, hoy abandonadas». A RAH adquiriu esas moedas para a súa sede de Madrid, e Galicia quedou sen elas.

Por esa moeda do tempo do rei visigodo Egica, que reinou de 687 a 702, quédanos o dato de que a principios do séc. VIII aínda se seguía traballando -ou, polo menos, escaravellando- nas antigas minas romanas de Limideiro. Delas fala, este mesmo ano de 1883, o investigador Pedro Rodríguez en catro artigos que baixo o título común de Grandimirum publicou por entregas na revista Galicia Diplomática. Xa daquela existía a pequena e profunda lagoa no lugar das minas, que dera orixe ó microtopónimo de Pozo de Limideiro, «en cuyas barreras se descubre perfectamente la acción de la mano del hombre (…), los múltiples montones de tierra movediza que se destacan (…) y lo mucho que abundan las piedras metálicas (…) son datos que no dejan la menor duda [de que] se explotó allí por los antiguos el codiciado estaño (…)».

Mais Pedro Rodríguez, ademais de dar por certa -coma o seu contemporáneo, o cóengo e historiador Antonio López Ferreiro- a identificación da mansión Grandimirum da vía XX romana do Itinerario de Antonino co actual Brandomil-, proporciónanos unha detallada descrición dos testemuños do pasado romano desta parroquia, empezando pola calzada: «Bajando dicha loma [un outeiro da banda esquerda do río Xallas] y a alguna distancia del puente van apareciendo trozos de ancha y sólida calzada, hasta que a corto trecho de éste, se tiene ya ocasión de admirar el trayecto de aquella que conduce al puente para continuar al lado opuesto occidental. Consérvase este trayecto en perfecto estado de cohesión, y se halla, aunque sumamente gastada, tal como salió de manos de sus antiguos constructores a juzgar por sus caracteres».

Oxalá continúen as escavacións da calzada que o ano pasado iniciara o arqueólogo Lino Gorgoso, e outras por outros lugares da parroquia que axuden a poñer en valor o seu pasado. A boa disposición dos veciños, plasmada no documental Brandomil, unha vila a carón do Xallas, dirixido por Manuel Rial e promovido pola Fundación Brandomil, foi un bo comezo.

Despois segue Rodríguez coa descrición da ponte «en forma de lomo de águila» e do castro de tres murallas concéntricas, e comenta a abundancia de restos arqueolóxicos que se atopaban nas terras de labor da freguesía. Ademais da ara ó deus Coso tamén se cita unha estela funeraria, publicada por Barros Sibelo, dunha muller chamada Flavia achada en Olveira. Ignoramos o seu paradoiro e sería importante dala localizado.

Unha moeda do tempo do rei Egica amosa que no século VIII había actividade (Foto: XMLema)

Unha moeda do tempo do rei Egica amosa que no século VIII había actividade (Foto: XMLema)

Fachada-retablo da igrexa de Traba (1716), coas imaxes do Padre Eterno
e da Inmaculada (no ático); Santiago cabaleiro (centro) e, ós lados, 
san Pedro e san Francisco, Adán e Eva [foto X.Mª Lema]

O desenvolvemento do galego como lingua de especialidade: certas dificultades terminolóxicas na Historia da Arte

Hai xa bastantes anos -2004; o tempo pasa axiña- convidáranme a un Simposio de Terminoloxía Galega no Consello da Cultura da Galega, en Santiago. Eu presentara (anos máis atrás aínda, en 1991) a primeira tese de doutoramento na especialidade de Historia da Arte na USC, e, por tal motivo, o tema da miña charla fora “O desenvolvemento do galego como lingua de especialidade: certas dificultades terminolóxicas na Historia da Arte”. Nunca se publicou nin esta nin as outras conferencias, e agora, aproveitando que un investigador amigo está tamén realizando en galego unha tese de doutoramento na mesma especialidade, recuperei este texto medio esquecido que, cunha intención didáctica, intentaba resolver problemas terminolóxicos: “ábsida” ou “ábside”, “retablo” ou “retábulo”, “bóveda” ou “abóbada”?, as partes dun arco, dun castelo, dun pazo, as denominacións dos estilos artísticos etc.. Decidín publicalo agora para quen lle interese. O texto vai acompañado de abundantes fotografías (32) de obras arquitectónicas, retablísticas e escultóricas da Terra de Soneira, unha demostración de que, sen saírmos desta comarca, podemos atopar mostras de cada estilo artístico . www.costasolpor.blogspot.com XMª Lema

Arte Relixiosa TS (1993) A invitación que os organizadores deste Simposio amablemente me fixeron para participar nesta mesa redonda sobre terminoloxía coido que foi debida, por unha parte,  ó feito de ser coautor de varios dicionarios (os de Edicións Xerais, desde o primeiro, de 1986, ó último, de 2002) e autor da primeira –e, de momento, coido que a única- tese de doutoramento en Historia da Arte redactada en lingua galega, A Arte Relixiosa no Arciprestado de Soneira, defendida no Paraninfo da Universidade de Santiago o 29 de xaneiro de 1991[1].

Consciente da miña condición de case pioneiro neste eido, dedicara naquel traballo de investigación varias páxinas da Introdución (da 26 á 34 do tomo I) ó léxico artístico que ía utilizar, valéndome mesmo de gráficos e debuxos: arquitectura exterior e interior dunha igrexa, un retablo e as súas partes, descrición dunha imaxe; as partes dunha cruz parroquial, dun cáliz, dunha custodia ou ostensorio, dun incensario, dunha naveta, etc.[2]

Por outra banda, convén advertir tamén que tiven oportunidade de levar á práctica, de utilizar, na propia Universidade, parte dese vocabulario artístico en galego ó que estou facendo referencia, pois fun profesor asociado de Historia da Arte Contemporánea da Facultade de Xeografía e Historia durante o curso 1992-1993. Eu era daquela o único profesor do departamento que daba as clases en galego, e lembro que un compañeiro tamén o intentara, pero acabara por dar marcha atrás ó non se sentir seguro.arte relixiosa (1998) IMG_20150418_0003_NEW

Que problemas tiven á hora de impartir as clases de Historia da Arte na Universidade? Pois non moitos: os típicos de toda especialidade, nin maiores nin menores cós doutros idiomas, pois son os motivados principalmente por la ausencia, polo menos daquela, dun elemental vocabulario de termos de arte[3].

Cómpre partir da base de que o vocabulario galego de termos artísticos, como todo vocabulario especializado de calquera ciencia, vai ter unha coincidencia básica cos outros idiomas modernos, especialmente cos do ámbito románico: portugués, castelán, catalán, francés, italiano… Deste xeito, para solventar algúns problemas nos casos máis conflitivos, que aínda son, a solución estaba en acudir á comparanza cos idiomas máis próximos (o portugués en primeiro lugar, por ser do mesmo tronco có galego; e despois o castelán, o catalán, etc.), tendo sempre presente o étimo de cada termo como garantía certa da validez da elección.

Con todo e iso, e sobre todo no eido da arquitectura, no galego hai unha rica tradición patrimonial que c

ómpre ter presente e da que debemos botar man. O léxico vernáculo utilizado polos nosos canteiros, carpinteiros, imaxineiros, ourives, etc., debe estar presente e mesturarse sen medo ningún co máis técnico dos manuais da Historia da Arte. Por sorte, en arquitectura popular e etnografía temos abundantes obras en galego: desde a Terra de Melide, os traballos de Xaquín Lorenzo ós de Begoña Bas ou Pedro de Llano dos nosos tempos, e o recentísimo libro de Manuel Caamaño Suárez (2003), completísima obra que abarca case ó completo o tema etnográfico das construcións populares galegas.

Presento un total de nove fichas para analizar e comentar algunhas das cuestións máis ou menos conflitivas. A primeira destas fichas trata do léxico relacionado coa arquitectura dunha igrexa:

Ficha 1: Terminoloxía culta e popular na arquitectura

No eido da arquitectura é onde mellor se tolera a mestura terminolóxica dos niveis culto e popular.

Lintel da casa de Alonso de Lema II, de Berdoias, cunha inscrición co nome do dono e do ano de construción (1607) (foto X.Mª Lema)

Lintel da casa de Alonso de Lema II, de Berdoias, cunha inscrición co nome do dono e do ano de construción (1607) (foto X.Mª Lema)

1. Lintel, fronte ó castelán (en adiante cast.) ‘dintel’

A primeira xustificación sería dicir que está na fala, pero só o está en parte, pois na fala de moitos canteiros xa pasou a ser *dintel, por influencia do castelán. En portugués (en adiante port.) é lintel, e iso xa constitúe unha boa axuda, refrendada ó acudirmos á etimoloxía: procede do francés (en adiante fr.) medieval lintel ‘linde’, en relación co latín (en adiante lat.) limen.

Portada barroca da igrexa de Baio, cun arco alinteado e orelleiras angulares (foto X.Mª Lema)

Portada barroca da igrexa de Baio, cun arco alinteado e orelleiras angulares (foto X.Mª Lema)

En realidade, a forma máis popular e utilizada polos canteiros é lumieira (tamén capialzo e padieira, segundo as zonas); todas estes sinónimos son totalmente válidos e poden ser utilizados en contextos tanto de arquitectura popular como culta (‘o lintel ou lumieira da porta principal da catedral ou da Casa do Concello’).

2. Beiral, beirado = topete, fronte ó cast. ‘alero’

Son formas todas elas patrimoniais que deben impedir a introdución da forma allea.

3. Canzorro, fronte ó cast. ‘canecillo’

Tres canzorros sosteñen o balcón da torre sur das Torres do Allo (foto XMª Lema)

Tres canzorros sosteñen o balcón da torre sur das Torres do Allo (foto XMª Lema)

Proceden, un e outro de can, debido a que nestas pezas que na arquitectura románica contribuían a soster os beirais do tellado, se esculpían cans ou animais semellantes. É unha forma ben galega, vixente sobre todo para denominar os soportes incrustados na parede dos balcóns (en portugués é cachorro). Hai a dúbida de se as ménsulas –soportes incrustados de arcos e bóvedas- tamén poden ser denominadas canzorros.

4. Deambulatorio, mais non ‘xirola’

En port. só aparece deambulatorio; en castelán e catalán (en adiante cat.), as dúas formas son sinónimas (cast. deambulatorio e girola, cat. deambulatori e girola). No Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa) aparece só deambulatorio; polo tanto, *xirola queda condenada.

5. Ábsida ou ábside? Vale tamén ousia?

As formas válidas son ábsida e ousia, formas femininas as dúas (s.f.), sinónimas e procedentes dun mesmo étimo: lat. absida(m).

En port., en troques, abside ou ábside (admiten ousia na acepción de ‘antiga capela maior’); cast. ábside -substantivo masculino (en adiante s.m.)-; cat. ábsis; italiano (en adiante it.) àbside ou àbsida).

Ábsida románica da igrexa de San Miguel de Treos (foto X.Mª Lema)

Ábsida románica da igrexa de San Miguel de Treos (foto X.Mª Lema)

6. Sancristía e sacristía

Admítense as dúas formas, aínda que o VOLGa preferiu o popularismo, moi estendido, resultado dunha etimoloxía popular nacida do cruzamento de sacra con san(ta).

7. Aparello de cachotaría e de cantaría

Igrexa de Lamas: aparello de cachotaría no corpo da nave (esq.) e de cantaría nos esquinais da nave e en todo o presbiterio, contrafortes incluídos(dta) [foto X.Mª Lema]

Igrexa de Lamas: aparello de cachotaría no corpo da nave (esq.) e de cantaría nos esquinais da nave e en todo o presbiterio, contrafortes incluídos(dta) [foto X.Mª Lema]

Falando dos tipos de aparello, o ‘opus incertum’ e o ‘opus quadratum’ dos romanos correspóndense en galego coa cachotaría e a cantaría, respectivamente, recorrendo unha vez máis á fala popular dos canteiros. Tamén vale cachotería e cantería. As pedras grandes irregulares de pedra usadas na construción son cachotes, e as cortadas coidadosamente, talladas e picadas de forma máis ou menos paralelepipédica son pezas de cantaría (equivalentes, neste caso, ó port. silhar e ó cast. sillar). Unha parede de cachotería (ou ‘de aparello’) é, polo tanto, aquela feita a base de unir pedras irregulares sen puír, e a de cantería (port. silharia; cast. sillería) a realizada con pezas paralelepipédicas traballadas a pico, ben puídas. Unha vez máis a fala popular é a que se impón.

Bufarda da casa dos Lema de Berdoias (1607) (foto X.Mª Lema)

Bufarda da casa dos Lema de Berdoias (1607) (foto X.Mª Lema)

Na nosa fala patrimonial tamén hai paredes de perpiaño, feitas a base de bloques de pedra de forma rectangular, con seis caras, sen picar. A forma ‘perpiaño’ aparece no dicionario de María Moliner (1988) na letra pequena, coa acepción seguinte: “piedra que atraviesa la pared” (non se corresponde, polo tanto, ó noso).

8. Fornelo, fornela (e mesmo furna), fronte ó cast. ‘hornacina’

Imaxe de San Pedro no fornelo da fachada da igrexa de Berdoias (foto XM Lema)

As oquedades feita nunha parede ou no panel dun retablo para colocar unha imaxe reciben en cast. a denominación de ‘hornacinas’, castelanismo de doada introdución no noso idioma.

A orixe da denominación está fóra de toda dúbida: na palabra forno, dada a semellanza evidente, de aí que a adaptación lóxica ó galego deba ser fornelo ou fornela, do mesmo xeito que outros idiomas románicos: port. fórnice; cat. fornícula; it. fornello; fr. forneau.

Casualmente, e en datas recentes, nun documento galego redactado en castelán (coido que do séc. XIX) onde se contrataba a fabricación dun retablo, dicíase que o retablo tiña que ser dun determinado número de ‘furnas’; coido que esta forma, furna, tirada do noso vocabulario xeográfico e tan inequivocamente galega, tamén válida (e certamente expresiva) como sinónimo, o mesmo que nicho, que tamén aceptan o portugués e o castelán.

Ficha 2: As ordes arquitectónicas clásicas. Cúpulas.

A nomenclatura é moi técnica e, polo tanto, as diferencias entre os idiomas por forza teñen que ser mínimas.

Acroterios piramidais sobre a espadana e a fachada da igrexa de Gándara (foto Roberto Mouzo)

Acroterios piramidais sobre a espadana e a fachada da igrexa de Gándara (foto Roberto Mouzo)

O acroterio é, por unha parte, a figura ou adorno que se coloca nos extremos ou no vértice superior do frontón dos templos gregos e romanos; por outra, tamén se pode chamar así ó remate ornamental –xeralmente de forma piramidal- que vai sobre a cornixa do tellado. En castelán é acrótera. O galego é máis fiel ó étimo (gr. akrotérion ‘extremo, punta’), igual que o portugués (acrotério), o catalán (acroteri) e o italiano (acroterio).

Hai unha palabra patrimonial, lampión, que é o remate –xeralmente de forma piramidal- que se adoita colocar sobre o vértice do pinche da paredes máis estreitas do hórreos. Pode ser sinónima da segunda das acepcións de acroterio; para a primeira teño as miñas dúbidas, pois no frontón do templo tamén pode ser unha simple figura.

Noutra orde de cousas, cómpre chamar a atención no xénero feminino da palabra arquitrabe, e no –x- etimolóxico de cornixa (lat. córnix, -cis). Confróntese (cfr.) co port. cornija. No cast. e no cat. é cornisa. Lóxicamente tamén chama a atención a observancia da acentuación esdrúxula do galego e do portugués en termos moi técnicos como métopa ou estilóbata (fronte ó cast. metopa –tamén admite métopa– e estilobata).

Un dos tipos de cúpulas é a que se levanta sobre os catro triángulos esféricos que se forman nos ángulos dos muros dun edificio. En cast. denomínase cúpula sobre pechinas, pola relación –segundo algún dicionario de termos artísticos- coa palabra pecho “por la concha de los peregrinos en la esclavina”[Paniagua;1978, 249]). Obviamente, se a denominación ten a súa orixe nunha palabra inequivocamente castelá, ten moitas posibilidades de que non valla para o galego. Recorremos neste caso ó portugués, onde se denomina cúpula sobre pendentes.

Do mesmo xeito, o ciborio galego coincide co portugués e son máis fieis á etimoloxía (lat. ciborium ‘copa grande’) que o cast. cimborrio e o cat. cimbori.

Ficha 3: Arcos e bóvedas

1. As partes dun arco

No tocante ás partes do arco, a aparición da forma castelá dovela no canto da galega doela nun texto de Historia da Arte das probas de acceso á Universidade motivou hai un par de anos algunha protesta. En efecto, o nome de cada unha das pezas de cantería labradas que, ben en forma de cuña truncada ou en disposición radial, conforman un arco ou bóveda chámase en galego ‘doela’, palabra que procede do fr. antigo douelle. Dentro da arquitectura popular tamén son doelas cada unha das pezas de cantería que conforman as paredes dos hórreos de pedra, lixeiramente rebaixadas pola parte superior para facilitar a entrada do aire. E en carpintería son doelas as táboas curvadas dos bocois.

DSC09022 Arco triunfal igrexa (2)

Arco triunfal ou toral (apuntado ou oxival) da igrexa de Lamas (X. Mª Lema)

O feito de que a superficie exterior dun arco reciba en castelán o nome de extradós e a interior intradós, pode levarnos ó equívoco de pseudogaleguizar as formas en *extradous e *intradous. Falso: en galego e en portugués as formas correctas son, respectivamente, extradorso (de extra- ‘fóra de’ + dorso) e intradorso (de intra- ‘dentro de’ + dorso).

Entre os tipos de arcos están, entre outros, o abucinado (de bucina), o alintelado (de lintel), o apuntado ou oxival (<fr. ogive, de orixe escura, talvez do lat. augere ‘aumentar, reforzar’). Advertímolo porque poida que alguén asocie esta palabra a ‘ollo’, equivocadamente. En port. e cat. (ogival) consérvase o –g- etimolóxico; non así en cast. (ojival). Outro tipo de arcos é o triunfal ou toral (lat. toralis); nada que ver con ‘touro’. En troques, o arco perpiaño tamén se pode denominar arco faixón, pois si ten que ver con ‘faixa’.

2. Bóveda ou ‘abóbada’?

Arco de ingreso á capela do Carme (igrexa de Zas), cuberta con bóveda de canón (X. Mª Lema)

Arco de ingreso á capela do Carme (igrexa de Zas), cuberta con bóveda de canón (X. Mª Lema)

O VOLGa rexeitou a forma portuguesa ‘abóbada’ e deixou a forma bóveda como a correcta, a única que se rexistra na fala. Tamén é admisible a forma vouta, que se atopa en documentos antigos, máis fiel á etimoloxía (do baixo latín *volvita, por voluta, en relación con volvere ‘voltear, volver’) e máis semellante ás formas resultantes doutros idiomas (cat. e it. volta, fr. voûte, inglés vault). Cabe preguntarse de onde proceden o b- do galego e castelán e os dous ‘bes’ do portugués.
Entre os tipos de bóvedas cabe citar as de canón, as de canón con arcos faixóns, as de aresta, as estreladas, as vaídas… e as de crucería con arcobotantes, moi propias da arquitectura gótica. Fronte ó cast. arbotante, chamamos a atención sobre a forma arcobotante –cada un dos arcos que transmiten a un contraforte o empuxe da bóveda-, que é a correcta, pois procede da forma francesa arc-boutant (en portugués tamén é arcobotante e en catalán arcbotant; en italiano tiraron polo camiño do medio e chámanlle contrafforte aereo).

Bóveda nervada da capela maior da igrexa de Lamas (foto X.Mª Lema)

Bóveda nervada da capela maior da igrexa de Lamas (foto X.Mª Lema)

A capela maior de San Pedro de Berdoias tamén se cobre cunha bóveda nervada (foto XMLema)

A capela maior de San Pedro de Berdoias tamén se cobre cunha bóveda nervada (foto XMLema)

Ficha 4: Retablos, imaxes, ourivaría

1.Retablo ou retábulo?

O VOLGa admitiu a primeira forma, retablo, rexeitando a segunda que, por ser a forma portuguesa, se viña rexistrando en textos artísticos. A forma procede do baixo latín retaulus, de re[tro] ‘detrás’ + tabula ‘táboa’.

Retablo barroco das Ánimas, igrexa de Loroño. Arriba, relevo da Madalena; abaixo: san Roque, san Francisco salvando ánim,as; santo Antonio (XMLS)

Retablo barroco das Ánimas, igrexa de Loroño. Arriba, relevo da Madalena;
abaixo: san Roque, san Francisco salvando ánim,as; santo Antonio (XMLS)

En sentido vertical, o retablo divídese en banco ou predela e en corpos (primeiro corpo, segundo corpo…); o último corpo tamén recibe o nome de ático. En sentido horizontal, cada corpo divídese en varios espazos divididos por columnas chamados intercolumnios, pero que en castelán, ademais desta forma, tamén se denominan calles; en base a isto, tense traducido ó galego por *rúas, pero non considero correcta esta denominación. Na miña tese de doutoramento utilizara a forma canle –e a variante cale-, considerando, equivocadamente, que podía estar en relación etimolóxica coa palabra castelá calle (<lat. callis ‘carreiro’, segundo o Diccionario Crítico Etimológico de J. Corominas/J.A. Pascual (1980), que engade que esta palabra “vive también”, entre outros idiomas, no port. cale ‘cano de madeira, desfiladeiro dun río’. Esa forma portuguesa cale fora a que me levara a min a pensar que puidese haber unha forma cale/canle que, no canto de derivar do lat. canale(m), derivase do tamén lat. callis. Obviamente, estaba equivocado. O certo é que, por moito que eu daquela preguntara a reputados lingüistas, ningunha das alternativas que se me deron (‘leirado’, ‘estaxe’, ‘illarga’…) me convencera. Enviei algunha que outra carta a lingüistas portugueses e tampouco me souberon dar razón (en textos relacionados cos retábulos portugueses só aparecen as formas de intercolunio e painel).

Intercolumnio e panel (e mesmo pano, como aparece nalgún texto) son, xa que logo, formas perfectamente válidas para referirse a estes espazos no noso idioma.

Monumental retablo barroco de San Martiño de Riobó, de dous corpos e tres paneis en cada un deles. Imaxes do Padre Eterno no ático; arriba: san Xoán Evanxelista, san Martiño (patrón) e S. Bieito; abaixo: santo Eutelo, neno Xesús e santo Antonio (foto X.Mª Lema, 2020)

Monumental retablo barroco de San Martiño de Riobó, de dous corpos e tres paneis en cada un deles. Imaxes do Padre Eterno no ático; arriba: san Xoán Evanxelista, san Martiño (patrón) e S. Bieito; abaixo: santo Eutelo, neno Xesús e santo Antonio (foto X.Mª Lema, 2020)

Fachada-retablo da igrexa de Traba (1716), coas imaxes do Padre Eterno e da Inmaculada (no ático); Santiago cabaleiro (centro) e, ós lados, san Pedro e san Francisco, Adán e Eva [foto X.Mª Lema]

Fachada-retablo da igrexa de Traba (1716), coas imaxes do Padre Eterno
e da Inmaculada (no ático); Santiago cabaleiro (centro) e, ós lados,
san Pedro e san Francisco, Adán e Eva [foto X.Mª Lema]

2. Descrición das imaxes

As imaxes descríbense polo tipo físico do personaxes (novo, maduro, vello…), polas súas vestiduras e polos obxectos que adoita levar na man que nos permiten a súa identificación (os atributos, xerais ou persoais). Nas súas vestiduras fórmanse pregas ou dobras (cfr. cast. pliegues) que pola súa maior ou menor profundidade ou polas súas formas (dondas, acartoadas…) teñen a súa importancia para a inclusión da obra nun estilo ou noutro.

Imaxe de san Roque (Loroño) [XMLS]

Como denominación da “pintura relixiosa realizada sobre unha táboa, propia das igrexas de Oriente” o VOLGa impuxo a forma icona (s.f.). Vai custar ferro e fouce normalizala, pois non é doado para o profesor utilizala con normalidade ó estar tan próxima ó máis habitual dos nomes populares da parte externa do órgano sexual feminino. Tamén aparece na linguaxe da informática, e sei dalgún profesor que a evita pasándose conscientemente á forma castelá, icono, que parece que “non soa tan mal” (a pesar de que ‘cono’ é tamén outra das denominacións populares galegas da vulva, pero os prexuízos son os prexuízos…). Un caso que nos lembra a loita da forma auténticamente galega polbo para desprazar á castelá pulpo, moi metida na fala (a pesar de todas as explicacións dadas á torta e á dereita, aínda non demos recuperado a nosa forma auténtica).

En port. a forma admitida é ícone (s.m.), en cat. e it. icona (s.f.); en fr. icône (s.f.).

 3. Ourivaría ou ourivesaría?

Ourivaría (ou ourivería) é o oficio, a arte ou a técnica dun ourive (<lat. aurifice‘o que traballa o ouro’). O galego afástase do cast. orfebrería e achégase ó port. ourivesaría (pero obviando esa sílaba –sa- non etimolóxica). Por certo, que ourivería é palabra sinónima de prataría, e ourive de prateiro ‘o que traballa a prata’, pois o certo é que os que desenvolven este oficio tanto traballan no ouro coma na prata (e noutros metais).

Ourivaría sacra de Santiago de Berdeogas. A partir da chave: naveta, cáliz, custodia (ou ostensorio), incensario (foto X.Mª Lema)

Ourivaría sacra de Santiago de Berdeogas. A partir da chave: naveta, cáliz, custodia (ou ostensorio), incensario (foto X.Mª Lema)

4. Incensario, ¿e ‘botafumeiro’?

Botafumeiro07 (turismo de santiago) (2)

No estudio da ourivería relixiosa, cada unha das partes dos diversos obxectos ten unha denominación especial e característica. Así, un cáliz componse de ou peaña (o basamento), dun hastil, vástago ou fuste (a zona estreita intermedia, cuxa parte central é o ) e a copa; unha naveta tamén ten como base un ou peaña, e, a semellanza de calquera nave mariñeira, un casco, unha cuberta, unha proa –e sobre ela pode haber un mascarón-, unha popa e uns laterais que poden ser denominados babor e estribor (ou, o que é o mesmo: couso e arca).

Un incensario ten un ou peaña, unha copa e un corpo de fume. Na miña tese fixera un tímido intento de alternar como sinónimo desta palabra a de botafumeiro, por extensión do arquicoñecido gran turíbulo da catedral de Santiago (por certo, este sinónimo tan erudito, turíbulo, non o utilizara en ningún momento). Confeso que non tivo moito éxito o intento, pois mesmo a algún dos meus lectores lles parecera inapropiada tal denominación –dun nivel de lingua distinto-, quizais porque Botafumeiro, a pesar de ser unha ben expresiva creación inequivocamente popular galega, só hai un (e poida que mereza ser escrito con maiúscula na súa consideración de únicum).

Ficha 5: castelos e pazos

1. A confusión entre ameas e merlóns dos castelos

Castelo de Vimianzo: torre da homenaxe en 1º plano; na parte superior, por dentro, o adarve con elementos defensivos coma os matacáns sostidos por canzorros e as ameas entre merlóns pentagonais (foto Roberto Mouzo Lavandeira)

Castelo de Vimianzo: torre da homenaxe en 1º plano; na parte superior, por dentro, o adarve con elementos defensivos coma os matacáns sostidos por canzorros e as ameas entre merlóns pentagonais (foto Roberto Mouzo Lavandeira)

Paradoxalmente, a palabra castelo aínda non está definitivamente imposta na fala popular para denominar ‘un antigo edificio fortificado e defendido por un conxunto de murallas, torres, baluartes e foxos’, pois foise perdendo e hoxe ten certa preminencia a forma castelá. Si permanece ben viva na toponimia, especialmente para denominar montañas ou outeiros onde houbo ou hai unha construción deste tipo –ou as súas ruínas- ou cunha forma que a recorda.

Interior dunha fiestra seteira do castelo de Vimianzo (XMLS)

Interior dunha fiestra seteira
do castelo de Vimianzo (XMLS)

O vocabulario das partes dun castelo é moi específico, e poucas son as formas que se escoitan a nivel popular. Seguramente se foron perdendo coa historia, a medida que estas construcións defensivas foron quedando ancoradas no pasado. O vocabulario é, polo tanto, aprendido, e por iso vai coincidir co que teñen os idiomas máis próximos, portugués e castelán; nel rexistramos palabras de orixe árabe (adarve, barbacá) ou do francés antigo (baluarte), talvez aínda máis cás de orixe latina.

Nun castelo hai unha ou varias murallas, torreóns ou baluartes, unha torre da homenaxe, matacáns, canzorros e ventás seteiras (por onde disparar setas ou frechas), pontes levadizas e foxos, etc. E dise que as murallas, torreóns e torres van rematadas por ameas, falándose ademais de torres ameadas, e aí cómpre facer unha precisión. Stricto sensu, as ameas son os espacios ou ocos que quedan entre dous merlóns ou remates dentados da parte superior das murallas dos castelos, pero é un feito que para a xente do común as ameas acabáronse identificando con eses remates dentados e non cos ocos, que quedaron sen nome. matacáns

2. Que é un pazo?

Dado o seu étimo (<lat. palatiu) debera ser sen discusión a palabra patrimonial do galego coa que se designa calquera ‘edificio suntuoso que serve de residencia a unha familia nobre’, estea situado onde estea. Pero non é tan así, pois para moita xente só é un pazo o edificio suntuoso situado na zona rural, propio de Galicia, que foi ou está habitado por unha familia nobre. Por outra banda, a forma plena palacio tamén é admisible, e pode ser sinónima dalgunhas acepcións de ‘pazo’.

As Torres do Allo, considerado o primeiro pazo galego (foto X.Mª Lema)

As Torres do Allo, considerado o primeiro pazo galego (foto X.Mª Lema)

Hai, polo tanto, moitas dúbidas ó respecto. Vexamos o que se recolle en dous dicionarios galegos e nun portugués especializado:

zado:

Pazo. 1. Edificio grande e luxoso que serve de residencia a unha persoa importante, ou que antigamente foi residencia dunha familia nobre. SIN. Palacio. (Pazo de Raxoi; pazo do emperador). 2. Grande edificio destinado a albergar unha institución, un museo, certos servicios públicos, etc. (Pazo do parlamento, pazo de exposicións). SIN. Palacio. 3. Casa grande, antiga e nobre, esp. a situada no medio rural (pazo de Arretén).

[García/González (Dtores.), 1997, Diccionario da Real Academia Galega;

Pazo. 1. Antiga casa señorial galega, construída no campo e destinada a residencia fixa ou temporal de familias nobres –particularmente fidalgas-, con signos heráldicos nalgunha das súas paredes e de proporcións e trazas suntuarias que superan notoriamente as das vivendas campesiñas da súa redonda. 2. Edificio destas características situado na cidade (pazo de Bendaña). 3. Edificio grande e luxoso destinado a residencia dun soberano o xefe de Estado; palacio. 4. Edificio público de carácter monumental. OBS. Ó teren a mesma orixe etimolóxica, palacio e pazo son, en principio, palabras sinónimas; sen embargo a palabra pazo en tratados técnicos tende a identificarse só con ‘casa señorial’.

[Carballeira (coord.) et alii, 2002, Diccionario Xerais da Lingua]

III. Paço: “Casa de habitação do rei, príncipe ou alta nobreza ou, ainda, casa de município ou tribunal”.

Palácio: “Edifício sumptuoso ou amplo, geralmente num aglomerado urbano, destinado a morada de reis, nobres, ricos ou funções públicas”.

[Teixeira, 1985, Dicionário Ilustrado das Belas Artes]

Non hai moitas diferencias entre os dous dicionarios galegos citados nin destes co portugués, aínda que no Dicionario de Xerais se subliña a súa condición de ‘galega’ na acepción 1. Nos dicionarios galegos, a primeira das acepcións é admitida por todos, a case exclusiva do galego e do portugués (paço, neste caso). As publicacións relacionadas coa arquitectura pacega e co seu mundo –a meirande parte delas escritas en castelán- teñen na súa maioría en mente como única definición de pazo a que concorda coa primeira acepción de Xerais (2002).

E aínda así, tampouco hai acordo total entre os tratadistas, pois para moitos non todas as casas suntuosas do mundo rural son pazos, por moi brasonadas que estean. “Hai pazos e pazos”, adóitase dicir considerando que a humildade de moitas destas casas non merecen esta denominación, debendo conformarse coa de casas grandes. Tanto é así que algún estudioso (V. M. Migués; 2000) ten proposto a denominación común de pousa.

Fachada oeste das Torres de Romelle, cos seus xardíns (foto X.Mª Lema)

Fachada oeste das Torres de Romelle, cos seus xardíns (foto X.Mª Lema)

Ficha 6: Que se require para ser pazo?

Os primeiros estudiosos dos pazos, castelánfalantes, para dar resposta a esta pregunta, popularizaron este dito do castelán de Galicia: “Capilla, palomar y ciprés: pazo es”. Con todo e iso, non convenceu a todos, pois houbo outros que o substituíron por outro dito: “Hórreo, capilla y escudo: pazo seguro”.

Pazo das Hedreiras: capela do Rosario (esq.) e solaina con patín (foto Roberto Mouzo Lavandeira)

Pazo das Hedreiras: capela do Rosario (esq.) e solaina con patín (foto Roberto Mouzo Lavandeira)

O conflito continúa, e digamos o que digamos non convenceremos por completo a ninguén. En todo caso, no pazo clásico, xa rural xa urbano, estaremos de acordo en que terá que haber elementos arquitectónicos inequivocamente pacegos, tales como o escudo, o patín ou patamal, a solaina ou soleira, os parladoiros interiores nas ventás, a capela, etc.

Ficha 7: Termos arqueolóxicos

1. Mámoas, antas e pedrafitas

Temos aquí abundantes termos patrimoniais galegos ós que deberamos tratar de dar preferencia fronte a outros foráneos, por moi impostos que estes estean internacionalmente (termos que tamén son admisibles como sinónimos no noso idioma). Moitos destes termos levan connosco milleiros de anos, pois pertencen á cultura megalítica, caracterizada polos monumentos construídos con grandes pedras (megálitos).

Anta (ou dolmen) de Pedra Cuberta (X. Mª Lema)

Anta (ou dolmen) de Pedra Cuberta (X. Mª Lema)

Hoxe en día está moi estendida a palabra bretona dolmen (do bretón dol ‘mesa’ + men ‘pedra’), pero no noso idioma temos palabras patrimoniais a eito para designar este tipo de monumentos, sendo anta e arca as máis comúns. Fronte á palabra bretona menhir (de men ‘pedra’ + hir ‘longa’) dispoñemos de pedrafita ou parafita (<lat. petra ‘pedra’ + ficta ‘fincada, chantada’). En troques, non hai nada concreto para a tamén palabra bretona crómlech (de crom ‘círculo’ + lech ‘pedra’), quizais porque na nosa terra, ou ben nunca existiron eses ancestrais ‘círculos de pedras’ do Megalitismo ou ben desapareceron por completo, quedando só os recordos de carácter toponímico do xeito de eiras das meigas, eiras dos mouros, etc. Non consiste en rexeitar as denominacións internacionais, que penetraron na maior parte dos idiomas europeos, senón en darlles prioridade ás nosas xenuínas formas[4].

Mámoa é o nome máis común que, en base á semellanza que o seu perfil ten cunha mama feminina, o pobo galego lle deu ó túmulo propio do Megalitismo galego que agocha no seu interior unha anta. Hai un chea de variantes en galego (medoña, medorra, meda, madroa, etc.) e non ten equivalente noutros idiomas, pois é un tipo de estrutura tumular característica do Megalitismo do territorio histórico de Galicia, que forma parte da nosa paisaxe desde hai milleiros de anos e que non ten unha correspondencia exacta en ningún outro lugar. En traducións a outros idiomas este termo ou calquera das súas variantes debera ser respectado tal cal, dada a súa especifidade. Trátase dun termo do idioma galego (e portugués en parte) polo que debemos loitar para impoñer no vocabulario arqueolóxico internacional, cousa que se irá logrando na medida en que se vaia revalorizando o noso patrimonio megalítico.

Arca da Piosa: a anta e a mámoa vista desde o aire (foto Tania Carreira Rial, 2019)

Arca da Piosa: a anta e a mámoa vista desde o aire (foto Tania Carreira Rial, 2019)

2. No confín dos verdes castros

Outro termo moi galego, aínda que tamén existente en castelán e, obviamente, en portugués, é castro: ‘aldea ou recinto fortificado da Idade do Ferro, con casas de planta circular ou ovalada, que presenta unha estrutura oval ou circular de carácter defensivo, provista de un ou varios muros concéntricos polo xeral rodeados de cadanseu foxo’.

Durante anos houbo certa controversia entre castro e citania, pois certos arqueólogos portugueses chamábanlles citanias ós castros de grande extensión. Nalgún dicionario actual aínda se recolle así, pero especialistas como A. Romero e F. Arias (1995: 50) cualifican de erro esta diferenciación, aconsellando ‘a denominación xenérica de castro’.

Cómpre lembrar que o castro ten moitas denominacións enxebremente galegas: o foxo, a croa, etc.

Construcións do castro A Cidá de Borneiro (foto XMLema)

Construcións do castro A Cidá de Borneiro (foto XMLema)

Ficha 8: Os estilos artísticos

Deben escribirse con maiúscula inicial, sempre que designen o movemento (o Románico, o Gótico, etc.).

Repárese en que o Plateresco (certo estilo arquitectónico e decorativo español de finais do séc. XV e principios do XVI) debe conservar a forma castelá, pois que é un estilo orixinario de Castela. En port. e it. tamén é Plateresco, e en cat. Plateresc.

Do mesmo xeito, Manierismo conserva a forma orixinaria italiana (maniera ‘maneira’). Neste caso o galego coincide co cast. Manierismo e co cat. Manierisme en respectar o étimo, mentres que o port. fai unha adaptación (Maneirismo).

Casa modernista na Coruña (Galipedia)

Casa modernista na Coruña (Galipedia)

Na denominación do Modernismo (movemento artístico de finais do séc. XIX e principios do XX) coinciden as linguas románicas peninsulares: galego, port. e cast. Modernismo, cat. Modernisme. Respéctanse as denominacións orixinarias, sen previa adaptación, dos movementos artísticos equivalentes doutros países: o Art Nouveau francés (o port. admite a tradución Arte Nova), o Modern Style inglés, o Jungendstil alemán…No Fauvismo tamén se respecta o étimo francés (fauve ‘fera’), recomendándose a pronuncia á francesa (‘fovismo’).

Tamén se respecta a forma francesa en Naíf [5], aínda que en galego o acento substitúe a diérese orixinaria do francés (naïf ‘inxenuo’), que conservan portugués, castelán e catalán; en italiano, naif e naive.

Manuel Lema Otero (1916-1991), pintor naíf natural de Borneiro

Manuel Lema Otero (1916-1991), pintor naíf natural de Borneiro

A denominación de Surrealismo para a pintura, escultura, cinema, etc. procedente do mundo onírico, é produto dunha deficiente tradución do fr. surrealisme ‘por encima do realismo’ (lémbrese que o significado da preposición francesa sur é ‘sobre, por encima de’). A adaptación ó galego (e ó castelán e ó portugués) debera ser Superrealismo, que tamén se admite no noso idioma e no castelán (non así no portugués, que ten como única forma surrealismo). En catatán é surrealisme e en italiano surrealismo (neste idioma, superrealismo é sinónimo de iperrealismo).

O Informalismo (tendencia pictórica nacida contra 1950 que rexeita calquera forma tradicional na procura do valor expresivo da propia materia) é tamén unha deficiente tradución do termo francés informalisme, que significa ‘falto de forma’. A tradución (ó galego, ó portugués e ó castelán) debera ser *Aformalismo, pero non se fixo así nun principio e quedou imposto case sen remedio este híbrido e equívoco termo. En fin, o erro foi xeneralizado na península Ibérica, pois en port. é informalismo e arte informal, en cast. informalismo e en cat. informalisme. En it.: arte informale.

 

Ficha 9: Adaptación dalgunhas correntes artísticas e terminoloxías estranxeiras da arte contemporánea.

Na actualidade certas correntes das vangardas artísticas do séc. XX –e certos termos artísticos- tenden a entrar nos diversos idiomas (non só no galego) sen ningunha adaptación a partir do seu idioma de orixe (agora xa maiormente o inglés, e só anecdoticamente o francés, italiano ou alemán). Estoume a referir a terminoloxías como Action Painting, Art Brut, Arte Povera, Bad Painting, Body-Art, dripping, happenning, kitsch, Land-Art ou Earth-Art, Op-Art, Pop-Art, ready-made, collage, etc., que se rexistran por igual no portugués, castelán, catalán, francés e italiano. A maior parte dos dicionarios galegos aínda non recollen a maioría estes termos, por seren moi específicos, pero quizais entren sen pedir permiso e sen se adaptaren o máis mínimo. De momento unicamente adaptamos colaxe (no canto de collage) e pouco máis. O tempo dirá se logramos impoñer termos como Arte Bruta, Arte Pobre, Arte Corporal, Arte Óptica, Arte Terrestre… ou os deixamos andar coa vestidura allea que traen.

Bibliografía[6]

Atkins, R. (1990): Petit Lexique de l’Art Contemporain (tradución e adaptación ó francés a partir do inglés de J. Bouniort); Editions Abbeville, France.

Bas López, B. (1983): As construccións populares. Un tema de etnografía de Galicia; Ediciós do Castro, Sada.

Caamaño Suárez, M. (2003): As construccións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia; Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.

Carballeira Anllo, X.Mª (coord.) et alii (2002): Diccionario Xerais da Lingua; Edicións Xerais, Vigo.

Coromines, J. e J. A. Pascual (1980): Diccionario Crítico Etimológico Castellano e Hispánico (vol. I); Ed. Gredos, Madrid.

García, C. e M. González (directores), et alii (1997): Diccionario da Real Academia Galega; Real Academia Galega, A Coruña.

Instituto da Lingua Galega (1989). Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa); Universidade de Santiago.

Lajo, R. e J. Surroca (1993): Lèxic d’Art; Ediciones Akal, Madrid (tradución ó catalán de P. Freixas, a partir do orixinal en castelán Léxico de Arte).

Lema Suárez, X. Mª (1993, 1ª ed.): A Arte Relixiosa na Terra de Soneira (tomo I); Fundación Universitaria de Cultura/Coordenadas; Santiago.

Llano Cabado, P. (1981 e 1983): Arquitectura popular de Galicia (2 vols.); COAG, Santiago.

Lorenzo Fernández, X. (1962): “Etnografía. Cultura material”, en Historia de Galiza (dir. por R. Otero Pedrayo); Ediciós Nós, Bos Aires (Arxentina).

Lucie-Smith, E. (1988): Dizionario dei termini d’arte; Franco Muzzio Editore, Padova (versión italiana de D. Battilotti, a partir do orixinal en inglés The Thames and Hudson Dictionary of Art Terms, Londres, 1988).

Migués Rodrigues, V.M. (2000): “Repensando o número e as características das pousas galegas”, en Xornadas informativas sobre os pazos da Costa da Morte; Zas, 29 abril.

Moliner, M. (1988): Diccionario de uso del español; Editorial Gredos, Madrid.

Paniagua Soto, J. R. (1978): Vocabulario básico de arquitectura; Ediciones Cátedra, Madrid.

Romero Masiá, A. e F. Arias Vilas (1995): Diccionario de termos de Arqueoloxía e Prehistoria; Ir Indo Edicións, Vigo.

Seminario de Estudos Galegos (1933): Terra de Melide; Compostela.

Teixeira, L. M. (1985): Dicionário Ilustrado de Belas Artes; Editorial Presença, Lisboa.

————————————————————————————————

[1] Publicaríase en tres tomos co título A Arte Relixiosa na Terra de Soneira (1993); obtivo o Premio Extraordinario de Doutoramento da Facultade de Xeografía e Historia (curso 1990-1991) e o Premio Losada Diéguez de Investigación de 1994.

[2] Varios destes debuxos fóronselles entregados ós asistentes ó Simposio.

[3] Os maiores inimigos adoitan ser certos prexuízos, especialmente os orixinados pola enorme presión do castelán. Lembro as caras dalgúns alumnos e alumnas cando me escoitaron os títulos correspondentes en galego de certas obras pictóricas coma O berro (E. Munch) ou escultóricas coma O bico (A. Rodin), quizais matinando que títulos tan enxebres non casaban con obras tan universais (algúns pensarían que semellantes títulos cadrarían mellor en obras de Asorei ou de Castelao, poñamos por caso). Tamén lembro que causara certa estrañeza que titulara A noite estrelecida (e non ‘estrelada’, que era o esperado) a coñecida pintura de Van Gogh. Igualmente denominara Xeración Dorida –e non ‘doente’ como adoita aparecer en certas publicacións- á dos infortunados mozos pintores galegos do derradeiro tercio do séc. XIX -O. Murguía, J. Vaamonde, R. Parada Justel e J. Carreño-; o tamén pintor, o ferrolán Bello Piñeiro, fora quen bautizara a esta xeración como ‘La Generación Doliente’, en castelán, no senso de ‘aflixida, desgraciada, con dor, dorida’, xa que todos os seus membros tiveran a desgracia de finaren prematuramente –doentes, iso si (é dicir: enfermos)- por volta dos trinta anos, pero ningunha das acepcións do adxectivo castelán doliente se corresponde, ó meu modo de ver, coas do galego doente (algunhas delas, que seguramente estarán na mente de todos, ¡ben distintas, por certo!).

[4] O propio Pondal sacralizou unha desas formas bretonas na súa coñecida poesía titulada ‘O dolmen de Dombate’.

[5] Son admisibles os sinónimos Inxenuísmo e Primitivismo.

[6] Unicamente se fai referencia á que se cita.

 

 

 

 

 

ÇDKJ

 

Coa publicación da monografía de Neira Pérez, é tempo de dar á escultura do templo o valor que merece (Foto:XMLema)

O merecido valor da obra escultórica do santuario do Briño

Hai días o Concello de Cabana publicaba de maneira virtual (dado o estado de alarma) a monografia O santuario do Briño. Paraíso de arte e natureza en Cabana de Bergantiños, do profesor Juan Félix Neira Pérez, un dos investigadores das nosas comarcas «fisterrás» de máis alto creto. Divide a obra en dez grandes apartados, nos que analiza a relixiosidade popular ou as escuras orixes e os datos históricos do santuario; o seu patrimonio artístico; a economía das confrarías ou o patrimonio inmaterial.

Céntrome no que me atinxe máis directamente deste coñecido santuario de Borneiro, o apartado 6, o artístico, interesado polas novidades que se produciran desde o estudo que realicei para a miña tese de doutoramento (1991). Neira segue en boa parte o que eu publicara no tomo III do libro A arte relixiosa na Terra de Soneira (1993), citando a fonte en todo momento, e ben que se agradece, pois aínda segue habendo costumes espurios. Coincido con el en valorar non só a arquitectura interior e exterior da ermida (con lembranzas góticas tardías), senón tamén a súa escultura en pedra, particularmente as seis esculturas pétreas da fachada-retablo -unha das tres do arciprestado de Soneira (as outras, as das igrexas do Allo e Traba)- e os relevos dos catro evanxelistas nas pendentes da cúpula da capela maior (únicos en toda a comarca). Cando a finais dos anos oitenta do pasado século quen subscribe visitara esta ermida e fotografara as imaxes para o seu estudo, confeso que en xeral me pareceran rudas, de talla moi esencial, propia da gubia dun canteiro rural pouco habelencioso na arte escultórica, coa dificultade engadida da dureza do noso granito. Parecía fuxirse de complicacións técnicas, pois prevalecían as liñas esquemáticas sen virtuosismos, sobre todo nas da portada (que, ademais, ó estaren recubertas de liques parecían máis ampulosas e opacas), razóns polas que, ante a ausencia nos libros parroquiais de datos documentais, aventurei para elas unha datación que agora considero esaxeradamente antiga, arredor do séc. XVI; iso si, con moitas interrogantes, como ben sinala Neira.

Pero, afortunadamente, houbo novidades, e ese dato documental que eu botara en falta apareceu da maneira tímida a raíz das reformas dos anos noventa nunha inscrición do lateral sur do arco triunfal do presbiterio: «El Maestro dest[a] obra es Domingos Martines vº [vecino] de Tines», como recolle Neira na súa monografía. Deste mestre canteiro (veciño da parte de Tines do lugar de Pazos) sabiamos que fixera «el cuerpo de la capilla» entre 1721 e 1733. A dúbida agora está en determinar se foi el tamén o autor das seis esculturas da fachada ou non, pois iso non se especifica na inscrición, que si nos deixa claro que obrou na nave («el cuerpo») e non na capela maior (co cal se exclúen da súa autoría os relevos dos evanxelistas desta parte).

Movemento

Das esculturas da fachada, unha vez que se lles limparon as capas de liques que as recubrían e que anos despois puidemos facer fotos de máis nitidez, teño unha visión moi distinta da de hai trinta anos, pois agora xa non me parecen tan ampulosas e herméticas: os seus rostros ovados amosan unha expresión serena e nas súas vestiduras, aínda que non con moita profundidade, prodúcense xogos de luces e sombras que dan impresión de movemento; as figuras parecen romper co espazo circundante…

Todo isto vainos aproximando ás características do barroco de finais do séc. XVII ou de principios do XVIII. Desbotando o meu xuízo anterior, é moi probable que lle poidamos atribuír a este canteiro de Tines, ademais da construción da fachada da ermida, a feitura das seis imaxes. A principal delas, a da patroa, a Virxe das Virtudes do nicho central, malia as dificultades técnicas da talla no granito, é unha figura cun aceptable grao de beleza: o seu rostro perfectamente ovado; certa elegancia no vestir cunha túnica e un manto de movidas pregas onduladas que deixan transparentar timidamente a anatomía; e, sobre todo, a dificultade técnica que supón a talla en pedra da pequena figura do neno Xesús que a Virxe sostén coas dúas mans á altura do colo. Non foi un canteiro calquera o autor de imaxes coma esta, desde logo (tampouco as outras desmerecen o labor). Haberá que pensar nun artista experimentado, e este por aquela época non pode ser outro que o tal Domingos, que xa probara a súa mestría na monumental fachada-retablo de Traba anos atrás (1716), con conxuntos escultóricos de extrema dificultade técnica coma a do Santiago ecuestre.

Canteiro soneirán

Parabéns a Neira por esta oportuna monografía e un agradecemento por forzarme a poñer ó día investigacións que medio quedaran no esquecemento. Cómpre unirmos forzas para seguir indagando na figura deste canteiro soneirán, do que Juan Félix ten datado para a súa tese en curso un retablo pétreo en Brantuas. Ben que me alegraría a confirmación da súa autoría na imaxinería pétrea no Briño, co que se revalorizaría aínda máis a ermida borneirán. No que a min me toca teño localizadas posibles obras del en Tines, Vilar e Brandoñas (os dous retablos laterais, tamén de pedra).

Coa publicación da monografía de Neira Pérez, é tempo de dar á escultura do templo o valor que merece (Foto:XMLema)

Coa publicación da monografía de Neira Pérez, é tempo de dar á escultura do templo o valor que merece (Foto:XMLema)

6. Fervenzas da zona baixa do Rabiñoso (XMLS))

Andaina polo curso alto do río do Porto e polas terras bergantiñás de Riobó (7-03-2020)

Por Xosé María Lema

En 2019, a raíz da publicación do noso libro colectivo O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, organizaramos unha andaina polo curso medio do río do Porto, parroquias de Bamiro, Baio e O Allo: grosso modo, da ponte de Baio á ponte Lodoso, pasado pola área de Pedra Vixía (desembocadura do río de Zas no Porto) e visita posterior ó monumental recinto do Allo (torres, igrexa, cruceiro do adro e cemiterio novo).

Punto de partida, o nacemento do río: as Brañas do Rabete

En colaboración co Instituto de Estudios Bergantiñáns levamos a cabo unha andaina polo curso alto do río do Porto. Saímos 50 persoas ás 10 horas do 7-03-2020 da vila de Zas nun autobús que nos levou, en primeiro lugar, ó lugar de nacemento da arteria principal do río, nas Brañas do Rabete, preto da aldea dos Fornos (parroquia de San Sabiña, na Terra de Xallas). Antes vimos de pasada, ó pasar por Varilongo (Santa Comba), a casa nativa do poeta popular Pepe de Xan Baña, un emigrante xalleiro en Cuba que se fixera moi popular nas dúas primeiras décadas do séc. XX polas súas poesías en galego.

Evaristo Domínguez Rial exerceu de guía e levounos polo curso do río por todos os puntos que se detallan no libro citado (das pp. 30 á 39). Fomos seguindo o curso do río e dos afluentes que baixan da Serra do Bico de Meda (pola súa esquerda) e, tras atravesar a aldea de Vilar Ramilo (Gándara-Zas) o bus deixounos no lugar coñecido coma O Rabiñoso, onde se concentra o primeiro grupo de fervenzas.

1. Nacemento do río do Porto nas Brañas do Rabete (foto XMLS)

1. Nacemento do río do Porto nas Brañas do Rabete (foto XMLS)

As fervenzas do Rabiñoso

Atravesamos a antiquísima pontella -quizais medieval- de ciclópeas lousas de pedra situada nun vao do curso do río (por ela pasaban as persoas; os animais pola auga) e fomos baixando deixando á dereita unha sucesión de fermosas fervenzas, con moita forza pola cantidade de auga que neste tempo levan. Nesta beira esquerda do río hai tamén dous muíños, xa en desuso; un deles coa caixa escavada na propia laxa.

Facilitou o noso descenso a limpeza efectuada polo Concello de Zas na beira esquerda do río, de xeito que puidemos chegar sen moitas dificultades á última das fervenzas deste tramo (a fervenza de Parga), onde se fixo unha foto de grupo. Tal como se detalla no libro, desde a pontella do Rabiñoso ata a de Parga, en pouco máis de 1.100 m o río salva un desnivel de 70 m.

Despois xa leva, ata a ponte do Sisto, un discorrer moito máis tranquilo. Desde aquí o río troca o nome de río do Rabiñoso polo de río do Sisto, seguindo o vello costume de adoptar localmente o nome polos sitios por onde pasa.

2. A pontella do Rabiñoso, de ciclópeas lousas (XMLS)

2. A pontella do Rabiñoso, de ciclópeas lousas (XMLS)

3. Paso dos excursionistas pola pontella do Rabiñoso (XMLS)

3. Paso dos excursionistas pola pontella do Rabiñoso (XMLS)

4. Fervenzas máis altas do Rabiñoso (XMLS)

4. Fervenzas máis altas do Rabiñoso (XMLS)

5. Fervenza central do Rabiñoso (XMLS))

5. Fervenza central do Rabiñoso (XMLS))

6. Fervenzas da zona baixa do Rabiñoso (XMLS))

6. Fervenzas da zona baixa do Rabiñoso (XMLS))

7. Máis fervenzas da zona baixa do Rabiñoso (XMLS)

7. Máis fervenzas da zona baixa do Rabiñoso (XMLS)

8. O grupo ante a fervenza de Parga, a última das fervenzas do Rabiñoso (XMLS)

8. O grupo ante a fervenza de Parga, a última das fervenzas do Rabiñoso (XMLS)

O río de Budián (ou da Fervenza)

Pasamos polo lugar de Parga, onde nos interesamos por unha alta e grande abellariza abandonada entre as casas da aldea. Dirixímonos logo cara ó norte, en dirección á aldea de Budián (aínda da parroquia de Gándara) para visitar as fervenzas do río de Budián (ou río da Fervenza ou do Muíño Vello), o afluente máis importante do curso alto do río. A remonta fixémola pola beira dereita do río, e foi bastante dificultosa (menos mal que a limpeza efectuada polo persoal do Concello de Zas nos facilitou o acceso).

A fervenza que dá nome a este río é, desde logo, impresionante, e paga a pena o esforzo para chegar a este punto. As augas do río -que nace en terras bergantiñás da parroquia de Cuns- salvan un desnivel de 40 m en menos de 500 de curso. Véxase a descrición nas pp. 39 e 40 do libro. Mágoa que a contemplación da fervenza principal deste río só sexa accesible para visitantes en boa forma física, pois hai tramos nos que se fai moi dificultosa a subida, pois é todo subida, cada vez máis dificultosa. A axuda prestada pola excursionista Tania Carreira -ata hai pouco técnica de Cultura do Concello de Zas e unha das primeiras “exploradoras” desta ruta- foi moi de agradecer. Para promover esta ruta, o Concello de Zas podería pensar en introducir chanzos de pedra nalgúns puntos, sobre todo onde se sitúa o Muíño Vello.

9. A gran fervenza do río de Budián (XMLS)

9. A gran fervenza do río de Budián (XMLS)

WhatsApp Image 2020-03-13 at 20.56.08

10- Fervenza do río Budián (Chus Barbeira)

WhatsApp Image 2020-03-13 at 20.54.17

11. Fervenza do Budián (Chus Barbeira)

No regreso dirixímonos desde Budián ó río do Sisto -resultado na unión dos ríos Rabiñoso e de Budián-, xa por un traxecto moito máis chan, suave  e relaxado, pois o desnivel do río apenas supera os 20 m., malia ter que cortar a aliñación montañosa do cordal do Bico de Meda. O río leva por este tramo moita auga, de aí a abundancia de muíños contabilizados no Catastro do Marqués de la Ensenada (1753) na parroquia de Gándara, 17, case todos neste río (pp. 31 e 31 d’O río do Porto…).

12. O río do Sisto antes da ponte do seu nome (XMLS)

12. O río do Sisto antes da ponte do seu nome (XMLS)

Igrexa de San Martiño de Riobó

O xantar estaba concertado nun restaurante da aldea da Mata (Cabana de Bergantiños). Deste xeito, pola tarde achegámonos á igrexa de San Martiño de Riobó, de orixe románica (só restan deste estilo as columnas de capiteis vexetais que sustentan o arco triunfal de entrada ó presbiterio, quizais de principios do séc. XIII).

Interesaron as dúas sepulturas fidalgas existentes no piso do presbiterio. Unha delas xa desgastada, que quizais sexa a do fidalgo Rui Soneira de Rioboo, do que sabemos que morreu contra 1571. A outra ten gravado en relevo un escudo coroado por un helmo de cabaleiro e seis cuarteis coas armas dos Bermúdez, os Castro, os Moscoso, os Rioboo, os Leis e os Vilardefrancos; a inscrición da súa base revélanos que nela repousan os restos do fidalgo Lorenço Bermúdez de Castro “señor de la casa de Penela” e da súa muller (ano 1674).

13. Arco triunfal románico da igrexa de Riobó (XMLS)

13. Arco triunfal románico da igrexa de Riobó (XMLS)

O máis interesante desta igrexa é o seu monumental retablo barroco[1], obra anónima de mediados do séc. XVIII. Consta de dous corpos superpostos, divididos á súa vez en tres paneis. No inferior os paneis sepáranse por estípites (falsas columnas barrocas) e o superior por columnas clásicas de éntase avultado. Estípites e columnas adornadas profusamente por decoración vexetal, cintas e camafeos.

14. Retablo maior de San Martiño de Riobó (XMLS)

14. Retablo maior de San Martiño de Riobó (XMLS)

15. Imaxe de san Martiño, o patrón, presidindo o retablo (XMLS)

No corpo superior aparece presidindo, no remate dunha sobresíante placa barroca, un relevo do Padre Eterno. Debaixo del, unha imaxe de san Martiño, o patrón parroquial, vestido de pontifical e co báculo de bispo; no fornelo da esquerda do espectador, san Xoán Evanxelista (mozo novo, co seu evanxeo aberto na man, onde se le: INITIUM SANCTI EVANGELI); no da dereita, san Bieito, co hábito negro da orde bieita por el fundada, coa tiara de bispo ós pés (por tela rexeitado) e co corvo que o alimentaba.

No corpo inferior hai á esquerda unha imaxe de santo Eutelo (leva a tiara papal e un cano ós pés, por ser avogado contra a peste) e no da dereita un santo Antonio (mozo novo co hábito franciscano co neno Xesús no colo). No panel central, un requintado sagrario protexido por columnas cun neno Xesús espido na fronte.

O retablo foi restaurado e pintado o ano 2015. No interior do templo hai unha inscrición pétrea en galego onde se di que cada familia da parroquia pagou 300 € para esta obra, moi custosa, pois -segundo as informacións de Evaristo Domínguez- alcanzou a cifra de 60.000 €. A excursionista Rosa García Vilariño localizaría posteriormente na Rede o obradoiro que se encargara da obra: Restauraciones Garrido (A Valenzá-Barbadás, Ourense)

(http://restauracionesgarrido.es/trabajos/restauracion-del.retablo-mayor-de-la-iglesia-parroquial-de-san-martino-de-rioboo-cabana-de-bergantinos-a-coruna/).

Visitouse finalmente a torre da Penela, na veciña parroquia de Silvarredonda, lar nativo da familia fidalga dos Rioboo, torre que segue agardando por unha urxente restauración. A obra actual conservada, cunha porta rematada en arco de medio punto de grandes doelas e cun escudo coas armas dos Bermúdez, dos Castro e dos Rioboo, data do séc. XVI.

A torre da Penela: “pena… dela” -como reza a etimoloxía popular-, vela neste estado de abandono.

16. San Bieito, do retablo de Riobó (XMLS)

16. San Bieito, do retablo de Riobó (XMLS)

17. Imaxe de santo Eutelo e detalle da decoración profusa do retablo (placa con querubín, estípite e columna) (XMLS)

 

[1] Detállase este retablo polo miúdo en Xosé Mª Lema Suárez (1993): A arte relixiosa na Terra de Soneira, tomo II, pp. 618-623. Nesta obra tamén se fala da arquitectura do tempo e das tumbas da capela maior.