• info@semescom.gal

"Vida para o río, que é vida para nós" e outros artigos de Moncho Gándara

"Vida para o río, que é vida para nós" e outros artigos de Moncho Gándara

Artigos de Moncho Gándara, membro do SEMESCOM, publicados nestes pasados meses en La Voz de Galicia.

Vida para o río, que é vida para nós (04DEC2014)

Calquera que consulte as fotos aéreas de 1956 do Val de Vimianzo terá a oportunidade de contemplar como era a súa paisaxe agraria daquela, antes da concentración parcelaria, e mesmo de apreciar o pequeno río de Vilar coa súa vexetación de ribeira, serpenteando en solitario -aínda non chegaran as construcións, nin os vertidos ao seu carón- e desprazándose maina e sinuosamente, coma se en cada unha das súas reviravoltas tentase retardar a entrega das súas augas ao xa próximo río Grande.

Pola década dos 70, coa concentración xa rematada, a paisaxe agraria do Val experimentou unha sensible transformación, e o mesmo río de Vilar, seica por necesidades do «progreso», fora sometido anos atrás a unha «operación cirúrxica»: sufrira unha importante redución en lonxitude, e instaláraselle unha canle artificial rectilínea de máis de 500 metros, onde o formigón despoxou das súas marxes á vexetación.

Na época de enchentas invernais, cando o río reborda, está a exercer a súa protesta por esa canle artificial de capacidade insuficiente. Manolo Rivas lémbranos unha desas cheas nun dos seus poemas, o que conta a inundación do taller do pintor Antón Mouzo, ubicado daquela a carón da ponte de Vilar.: o río Pequeno saíu da toponimia, / rebordou canles e ribazos / volveu a brañas e xunqueiras, / ás lagoas desecadas, / á memoria espoliada da auga. / A chea entrou no estudio do pintor / á procura das paisaxes, / de toda aquela materia esperta, / soñadora. / Antón loitou contra o naufraxio, / salvou os cadros do afundimento. / E logo curounos un a un. / Os afogados, os enlamados, os fanados. / O seu estudio era un hospital de campaña.

O río de Vilar, como lles pasou a outros, non foi un río ben tratado. As agresións e o abandono que ten sufrido fan moi difícil que se reconcilie connosco, pero de tódolos xeitos hai que tentalo. Que moi pertiño del se teña case rematada a rehabilitación integral do muíño da Agra é algo que, sen dúbida, o fixo sorrir. Como tamén o fará sorrir o comezo das primeiras fases do tan desexado paseo fluvial de Vimianzo. Vida para o río!… que é vida para nós !!!

Grazas Isabel, grazas Manolo (04SET2014)

Tiven a sorte de coñecer persoalmente a Isabel López e a Manolo Rivas cando establecían o seu fogar en Urroa (Vimianzo). Xente acolledora, afable, cultivadores da autoestima no propio, nas nosas cousas, na nosa xente. Un veciño e unha veciña que calquera de nós tería a gala vivir no seu carón. Lémbrome hoxe daquelas publicacións escolares do instituto Terra de Soneira, que nos descubrían fermosas rutas de sendeirismo feitas polo monte Faro, Castrobuxán, Camariñas, penedos de Pasarela e Traba… rutas que Isabel participaba e impulsaba. Veciños da Costa da Morte e visitantes de moi diferentes países atoparon nas reportaxes periodísticas de Manolo Rivas e na súa obra narrativa e poética novas dimensións da nosa realidade, da nosa paisaxe, do noso ser…

Grazas, Manolo e Isa, por exercer de embaixadores de Vimianzo, Soneira e da Costa da Morte polo mundo adiante, e hoxe tamén, pola vosa sementeira de libros que facedes nesta agra aberta que é a nosa biblioteca municipal. O froito foi e será proveitoso. Parabéns para todos e a todas.

A nosa festa emblemática (28XUÑ2014)

No campo de Trasariz, aquel venres 5 de xullo de 1996, na Primeira Noite Folk, o que comezou como un acto espontáneo de protesta e rebeldía fronte aos poderes establecidos -entre outras cousas, non lles autorizaran a celebración do festival no castelo- rematou converténdose, edición tras edición, e xa van cara a 19, na nosa festa máis emblemática. Que o Asalto ao Castelo de Vimianzo sexa un clásico na Costa da Morte e un referente no país, que acadase a categoría e a relevancia que acadou, descansa en tres piares. O primeiro, o intenso traballo creativo da mocidade. As asociacións xuvenís Axvalso, nas 14 primeiras edicións, e Cherinkas, nestas 5 últimas, son os auténticos motores que levaron, e levan, o peso organizativo do acontecemento. O segundo: a participación dos veciños e veciñas -vellos, mozos, nenos- e visitantes que dun xeito crecente ano a ano remataron converténdose nos protagonistas irmandiños e irmandiñas, mesmo na indumentaria, do día grande e das numerosas actividades paralelas. A Irmandade Parroquial da presente edición continúa o círculo expansivo coa participación dos veciños das parroquias nos actos do Asalto. E o terceiro piar está na aposta da institución municipal que, nestes últimos anos veu prestando, sen reservas, apoio económico, loxístico e mesmo compartindo reto organizativo na presente edición.

Non resulta casual a consolidación, mellora e multiplicación das actividades paralelas da festa unha semana antes, no día grande e mesmo no postasalto. Sen esquecer, de próxima execución, o proxecto de remodelación e humanización do Campo do Lavadoiro, ubicación da celebración central do Asalto nas últimas dez edicións, e que suporá tamén satisfacer a necesidade de máis espazo -anteriormente celebráranse no campo de Trasariz as 4 primeiras, e, véndose obrigados a facelo, no campo da familia do Pico, as 5 seguintes-.

…Pero non sempre foi doado este xa longo camiño percorrido de celebracións. A pouco que consultemos as hemerotecas dos medios de comunicación atopamos constancia dos tempos nos que os organizadores expresaban o escaso apoio económico e loxístico das institucións daquela, descansando a financiación do Asalto, case en exclusiva, do recadado na cantina e mesmo do cobro de entradas nalgunhas edicións… e o que ten resultado máis doloroso, cando deixan patente a súa condena polas campañas públicas e privadas de desprestixio e menosprezo ás que estivo sometida a propia festa, feitas tamén desde a institución municipal daquel entón. «Resiste Soneira», aparecía escrito na pancarta final que penduraba da Torre da Homenaxe tras as revoltas. Sen lugar a dúbidas, eran tempos de resistencia… de avanzar? e abofé que o lograron.

Teatro, música, gastronomía, artesanía…

E polos canos desa fonte que está a ser o Asalto foron manando dun xeito creativo e expansivo a festa do teatro, da música, da gastronomía, da artesanía, da cultura, a festa da rebeldía, da liberdade… e moito máis. O eixo central e simbólico da nosa festa é a recreación teatral das revoltas irmandiñas do século XV contra o poder abusivo dos nobres. Son recreacións feitas dun xeito libre, lúdico-festivo, mesmo en clave de humor, e nas que se ofrecen un amplo abano de personaxes e situacións que simbolizan dalgún xeito inxustizas e problemas do mundo actual. Nestas representacións búscase sempre a total implicación do espectador, que remata converténdose nun irmandiño ou irmandiña máis. Cada edición tivo, e ten, a súa escenificación propia e singular, abordando cada vez novos recursos e retos técnicos de luz, de son…. Ao longo destes 19 anos, levaron a dirección escénica e os cásting Vicente de Souza, nas 8 primeiras; Minke Lap e Mª Xesús Queiro, nas 6 seguintes; Guillermo Méndez, nas 4 últimas; e na presente edición, Toño Casais.

A música envolve e ambienta toda a festa e ten a súa expresión principal no concerto do día grande. Se ben, nas primeiras edicións celebradas no campo de Trasariz, A Noite Folk, predominou a música celta, en edicións posteriores houbo unha apertura a músicas étnicas ou de raíz doutros mundos como Alberto Bundi e a Turma angolo-galaica, Batuko Tabanka, Uz, Macfecck, Mercado Negro ou Golem System… Nos últimos Asaltos foron tamén tempos de Berrogüeto, Budiño, Luar na Lubre, e mesmo no presente cartel, de Susana Seivane, Kepa Junkera…

Dende o 1º Asalto, a gastronomía estivo intimamente ligada á festa. O touciño entrefebrado foi agasallo clásico en tódalas edicións. Pero o salto cualitativo neste aspecto foron Os Pinchos Irmandiños. A súa 1ª edición foi no 2008, na que participaron 5 establecementos. Hoxe, imos pola sétima, con preto da vintena de establecementos hostaleiros participantes, decididos e dispostos a avanzar nunha oferta de calidade e con novos retos que engadir a ofertas tan innovadoras que xa levan feito coma foron os dos menús castrexos e medievais. Os Pinchos Irmandiños, e a mesma concorrida velada da Cea Medieval, ademais de ofertas gastronómicas de nivel, son tamén factores singulares de ambientación e dinamización que nos axudan a recrear atmosferas de medievo.

Velaquí a nosa festa, a que demostra que o noso patrimonio histórico, aproveitado con intelixencia e creatividade, pode ser un factor de desenvolvemento económico, e un espazo de encontro que nos fai gozar e medrar como sociedade e como pobo? Orgullosos do noso. E xa que logo? Luuumeee!, e longa vida ao Asalto!

A dimensión do salto de Salto (23ABR2014)

A comezos da década dos 80, cando chegaba a Vimianzo para traballar de mestre, Salto asomaba xa coma unha parroquia punteira no sector agrogandeiro, fundamentalmente na produción leiteira. Houbo, polo menos, tres factores que contribuíron dun xeito moi importante a ese avance: a decisión veciñal de facer a concentración parcelaria (a segunda da provincia, principiando os anos 60), que transformou profundamente a estrutura da propiedade; o traballo asociativo entre os propios gandeiros e, sobre todo, o seu esforzo individual que logrou levar adiante un bo número de explotacións.

Polo ano 2000 nacía Neira Marcos, a asociación cultural da parroquia que, durante estes case 15 anos, vén desenvolvendo un intenso e variado traballo tanto no eido cultural coma no formativo e no lecer. E dentro das súas actividades está tamén a edición de tres publicacións, polo de agora, que teñen como denominador común a recuperación da memoria histórica parroquial. Dous libros,Salto: feitos, lendas e outras curiosidades e Salto na lembranza, e por último, o deuvedé Dona Carmen Neira Marcos, mestra de todo e para todos.

Admin