• info@semescom.gal

Tag Archives: Moncho Gándara

2019-02-21

Un novo libro sobre o río grande da Terra de Soneira

A semana próxima (25-28 de febreiro 2019) estará na rúa o libro O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, editado polo Seminario de Estudos da Costa da Morte e co-patrocinado polos concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas. Os seus autores, catro soneiráns: Evaristo Domínguez, Xan Fernández, Moncho Gándara e Xosé Mª Lema botaron máis de ano e medio no estudo deste río que nace por detrás do Bico de Meda en terras bergantiñás e xalleiras, pero que axiña se fai soneirán por completo, xunto con toda a súa cunca de afluentes, pois percorre de leste a oeste as terras dos concellos de Zas, Vimianzo e Camarñas, onde desemboca conformando a súa ría.
O libro conta con 140 páxinas, 151 fotos a cor, 13 gráficos e debuxos, 15 mapas e 3 cadros estatísticos. Na contratapas van dous grandes mapas (“A Rede Fluvial do río do Porto” e “Os seus principais aproveitamentos”, da autoría de Rubén Rial. A maior parte das fotos son dos autores, aínda que hai outras cedidas por outras perssoas (Ana García de “La Voz de Galicia”, Tania Carreira, Manuel Rial e Víctor Santos, entre outros). O libro leva a seguinte dedicatoria: “En memoria de Roberto Mouzo Lavandeira, a quen tanto lle seguimos debendo” (a maior parte dos debuxos, planos e unha parte importante das fotos son da súa autoría).
O libro estrutúrase do seguinte xeito: unha introdución; unha investigación sobre os distintos nomes que ó longo da historia tivo o río (desde o Vir fluvius “de los romanos” das crónicas antigas ó río Grande dos anos sesenta do séc. XX, pasando polos nomes de río da Ponte e río do Porto, que viña sendo o máis aceptado.
Despois un breve apartado do río na literatura, pásase a unha descrición polo miíudo do curso alto, do medio e do baixo, convidando a facer rutas de sendeirismo nas que se sinalan os lugares máis interesantes para visitar.

A longa e teimosa loita polo Conxunto Etnográfico do Mosquetín

De Xosé María Lema
Publicado no quepasanacosta.gal

Negativa da DXPatrimonio a declarar BIC o conxunto etnográfico do Mosquetín (20-07-97) copia

Negativa da DXPatrimonio a declarar BIC o conxunto etnográfico do Mosquetín (20-07-97)

Cando hai uns días faciamos memoria (histórica, tamén) da loita de 19 anos atrás polo recoñecemento oficial da Terra de Soneira, tamén faciamos mención das angueiras a mancheas  e non poucos desplantes varios que, polo menos algúns, tivemos que sufrir para salvar o enclave etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín do seu abandono e conseguinte destrución. Esta corta feira santa este conxunto tan senlleiro vai pasar a ser xestionado polo Concello de Vimianzo, e temos esperanza de que se inicie unha nova etapa na que se poña en valor como é debido.

Cando falo de angueiras, traballos e desplantes e mesmo desprezos non estou a falar só de min, senón de amigos e estreitos colaboradores de gran valía da Terra de Soneira, membros de asociacións culturais e veciñais que perderon moito do seu tempo para buscar a forma de que este ben etnográfico tan senlleiro, pois non chegan ós dedos dunha man os que hai en Galicia, se conservase e constituíse un lugar para atraer visitantes á comarca. De entre todos, é de xustiza salientar o labor de dous: o finado Roberto Mouzo e Moncho Gándara.

Xestións iniciadas contra 1984 (polo menos)

Aínda que unha vez os visitara na miña infancia, cando fixen as primeiras fotos dos batáns do Mosquetín foi en 1974. En 1977 publicaría o que seguramente foi o primeiro artigo sobre eles (“Notas de socioloxía e lingüística a propósito dos batáns do Mosquetín”, na revista Verba. Anuario Galego de Filoloxía, da USC).

En 1984, co apoio dos dous únicos concelleiros do grupo Unidade dos Veciños do Concello de Vimianzo (Xan García e Moncho Gándara) e da Asociación Cultural Vencello (por alí xa andaba Roberto Mouzo), fixemos xestións ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para que se renovase, como mínimo, o tellado; xa daquela a prensa subliñaba non só a indiferenza senón tamén a hostilidade da alcaldía vimiancesa, xa daquela con Alejandro Rodríguez (PSOE) á fronte.

Trouxemos a Vimianzo á directora xeral de Patrimonio, Raquel Casal, e conseguimos que en 1985 a Xunta teitase e tellase o edificio da parte alta, o dos tres batáns e dous muíños, e grazas a iso salváronse os aparellos do interior (que son de madeira, como ben se sabe), pois pouco máis adiante houbera grandes inundacións no río do Porto.  Ese mesmo ano conseguiuse unha subvención para que un dos propietarios, José García, coa axuda dun carpinteiro bergantiñán, restaurase un dos aparellos para poñelo a funcionar despois de tantos anos sen o facer (polo menos desde 1966). Como fora seguindo a restauración paso a paso o mestre Moncho Pérez Rey, do Centro de Recursos de Vimianzo, ó final elaborouse un documental dramatizado -con actores do grupo teatral Badius de Baio- que constitúe un testemuño etnográfico único.

En 1988 os batáns volveran ó abandono, ante a indiferenza dos organismos oficiais (a do Concello de Vimianzo za era sabida, pero esperábase máis da Xunta).

Entre 1991-92 houbera unha raiola de esperanza co novo director xeral, o arquitecto Iago Seara, ó que lle remitimos un escrito cunha breve historia deste enclave que xa era citado no Catastro de Ensenada 250 anos atrás, contra 1750. Propoñíaselle que se chegase a un acordo con donos para adquirir o conxunto, pois constituiría un magnífico enclave para o turismo rural
El Correo Gallego-Os Batans do Mosquetin condenados a desaparecer
A campaña Salvemos os batáns

Iago Seara tomara ó principio o asunto con verdadeiro interese; veu a Vimianzo e quedara impresionado á vista dos aparellos, e iso que estes estaban ben estragados (só o restaurado en 1985 mantiña o tipo). Falou cos propietarios e estes estaban dispostos a cederen o uso do conxunto restaurado. Tamén falou con Alejandro Rodríguez, o alcalde (fomos testemuñas da entrevista), propoñéndolle a formación dun convenio coa Xunta e outro cos propietarios; o Concello só tería que destinar unha persoa que velase pola conservación do conxunto. Nada: foi coma mallar en ferro frío: para D. Alejandro os edificios do Mosquetín non tiñan valor ningún.

O director xeral encargoulle ó arquitecto Pedro de Llano un proxecto de restauración e musealización do Mosquetín. Isto motivou que en decembro de 1991, convocadas polo activo concelleiro Moncho Gándara (habería que erguerlle un monumento a este home), dúas ducias de asociacións culturais e veciñais, de pais de alumnos e de amas de casa dos tres concellos da Terra de Soneira iniciaron unha imaxinativa campaña para salvar uns aparellos singulares dos que se sentían orgullosos. O acto máis mediático tivo lugar o día dos inocentes deste ano: membros de todas estas asociacións acudiron ó Mosquetín para limpar de silvas e maleza os edificios para que o arquitecto puidese facer ben as medicións. A prensa escrita e mesmo a TVG e a TVE-G cubriran a información. Manuel Rivas, que daquela vivía na Irroa (Vimianzo), escribira un retranqueiro artigo en La Voz de Galicia (“S.O.S. Salvemos o que se salvou”, 19-01-1992) parodiando a inexplicable oposición da alcaldía vimiancesa á restauración e mesmo á limpeza: “Duro con eles, señor alcalde: vaia caraduras estes das asociacións culturais, que se poñen a limpar o río en vez de emporcalo, co bonito que estaba cheo de latas e plásticos!”.

Ó final, Verba volant (“voan as palabras”), Iago Seara deixou pasar o tempo e, co seu silencio administrativo, o proxecto do Museo do Batán de Pedro de Llano esmoreceu definitivamente.


Enésimo intento de salvación: solicitude de declaración de BIC

Ano 1994. Novo director xeral de Patrimonio, Á. Sicart. Volvemos á carga e volta a empezar cun documentado escrito para informalo de todo, aínda que el ben o sabía. Pasa o tempo e nada: coma quen escoita chover. Pero nós, teimudos, dispostos a seguir perdendo batallas ata a vitoria final, coma os vietnamitas, que fronte ós americanos perderon todas das batallas pero ó final gañaron a guerra.

Xa como último recurso, en ano 1996, ó abeiro do artigo 9 da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, dúas ducias de colectivos da Terra de Soneira elevaron áXunta ed Galicia a petición de declaración de BIC (Ben ed Interese Cultural) do conxunto do Mosquetín.

Un ano despois, en 1997, a Dirección de Patrimonio empeza a solicitar informes técnicos a prestixiosos organismos: o Consello da Cultura Galega, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, Á Real Academia de Belas Artes e á Delegación de Cultura da provincia da Coruña.

Pois ben, tras os seus estudos e informacións, os catro organismos –mesmo a Delegación de Cultura coruñesa- informaron moi favorablemente para esta declaración de BIC, pero a Dirección Xeral –máis teimuda aínda que nós- fixo caso omiso dos catro informes positivos e decidiu non declarar BIC o senlleiro conxunto do Mosquetín, único en Galicia, o que supoñía que se ía deixar arruinar sen remedio. Casualmente (ou non) a noticia aparecía en El Correo Gallego (09-07-1997) ó lado doutra pola que a Xunta aprobaba subvencións cenmillonarias para a mellora do patrimonio da Igrexa: “Patrimonio pobre; patrimonio rico”.

E nisto chegou Felipe-Senén…
doc. 3 Máis de dez anos...! copia
Abreviando: cando xa parecía todo perdido recibimos unha chamada doutra persoa que tamén merecería un monumento –polo menos na Costa da Morte- pola súa eficiencia: Felipe-Senén López Gómez, naquel momento xefe do departamento de Xestión Cultural da Deputación da Coruña (Augusto César Lendoiro era o seu presidente). Felipe solucionou o asunto  decontado: “Falade cos donos e preguntádelle canto queren polos dous edificios dos batáns e muíños”. Así de simple. Moncho Gándara e o lembrado Roberto Mouzo entrevistáronse cos dous curmáns propietarios e non houbo maiores dificultades para chegar a un acordo coa Deputación na venda. As obras de restauración non tardaron en empezar ó ano seguinte. En 1999 presentouse o Plan de Musealización do técnico Paco Doval (actual director do Forno do Forte de Buño, outro ben etnográfico recuperado na época de Felipe-Senén e de Lendoiro). No 2002 iniciouse o proxecto de remate de obra. Carpinteiros da comarca coma o alemán de Calo Rupert Kolb e Martín Senande de Canduas repararan o aparello que se atopaba en mellor estado e refixeron os outros dous.

Guía dos Batáns e muíños Mosquetín (2008)

Guía dos Batáns e muíños Mosquetín (2008)

O 1º de agosto de 2005 a Deputación da Coruña, xa presidida por Fernández Moreda (PSOE) cédelle a xestión do conxunto do Mosquetín a unha asociación, nun solemne e multitudinario acto celebrado nas Torres do Allo. Fomos convidados…, pero convidados de pedra, pois ningún dos que tomaron a palabra naquel ostentoso acto fixo a máis mínima alusión ós que individual ou colectivamente loitaramos durante tantos anos (preto de vinte) pola salvación deste conxunto tan senlleiro. Fixeron tábula rasa de todo o anterior e centráronse no presente como se fose un maná que lles caera do ceo. A historia sempre a escriben os vencedores (ou non).

Iso si: como os datos para calquera publicación os tiñamos nós ninguén se puido apropiar deles. Dous libros e un documental:

  • LEMA SUÁREZ, X. Mª e R. MOUZO LAVANDEIRA (2007): O conxunto etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín, na Terra de Soneira. Outros batáns, folóns ou pisóns de España e Portugal; Seminario de Estudos da Costa da Morte, Vimianzo.
  • LEMA SUÁREZ, X. Mª e R. MOUZO LAVANDEIRA (2009): Batáns e muíños do Mosquetín. Guía breve; Seminario de Estudos da Costa da Morte; Vimianzo.
  • LEMA SUÁREZ, X. Mª e R. MOUZO LAVANDEIRA (2007): Os batáns do Mosquetín, un conxunto etnográfico singular (documental en galego con subtítulos en castelán, italiano, francés e inglés); Seminario de Estudos da Costa da Morte; Vimianzo.

 

Dúas décadas da reaparición no mapa da Terra de Soneira

Xa van 19 anos, certo: o 20 de febreiro de 1997 deuse a noticia de que o Gabinete de Planificación da Xunta de Galicia dera por bo o longo informe de 15 folios que Evaristo Domínguez, Roberto Mouzo, A.Pose e Xosé María Lema elaboraran e que os Concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas refrendaran por unanimidade nos seus plenos. A unanimidade na reclamación valeu moito. Foi un triunfo (colectivo) inesperado. No libro colectivo A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (Xerais, 2010) explicamos o proceso e os motivos polos que unha comarca milenaria como a Terra de Soneira non podía quedar no esquecemento. En contra do que moitos pensan, a Costa da Morte non é unha comarca, senón unha rexión xeográfica como as Rías Baixas ou Altas; esta rexión co cabo de Fisterra como mascarón de proa estaría integrada polas comarcas históricas de Bergantiños, Terra de Soneira, comarca de Fisterra (ou Terra de Nemancos) e mesmo Xallas (a vella Trastámara). En fin, que o “Mapa Comarcal de Galicia” definitivo sairía publicado no DOG o 3-4-1997 e a festa popular sería o 14 de marzo en Vimianzo, organizada polo “argalleiro” maior da comarca, Moncho Gándara (que tamén recibiría o seu diploma, ben merecido). Reconforta rememorar pequenos triunfos. 

Xosé María Lema Suárez.
terra de soneira

Mapa da Terra de Soneira (autor: Roberto Mouzo, en: A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte, Eds. Xerais, 2010)

Estes días podemos ler artigos sobre o asunto en www.quepasanacosta.gal e www.lavozdegalicia.es

Case dúas décadas do recoñecemento oficial da Terra de Soneira no Mapa Comarcal de Galicia (I)

Por Xosé María Lema Suárez

 

La lucha por el reconocimiento de Terra de Soneira en el reparto comarcal tuvo un éxito nominal

Por Juan Ventura Lado

 

"Vida para o río, que é vida para nós" e outros artigos de Moncho Gándara

Artigos de Moncho Gándara, membro do SEMESCOM, publicados nestes pasados meses en La Voz de Galicia.

Vida para o río, que é vida para nós (04DEC2014)

Calquera que consulte as fotos aéreas de 1956 do Val de Vimianzo terá a oportunidade de contemplar como era a súa paisaxe agraria daquela, antes da concentración parcelaria, e mesmo de apreciar o pequeno río de Vilar coa súa vexetación de ribeira, serpenteando en solitario -aínda non chegaran as construcións, nin os vertidos ao seu carón- e desprazándose maina e sinuosamente, coma se en cada unha das súas reviravoltas tentase retardar a entrega das súas augas ao xa próximo río Grande.

Pola década dos 70, coa concentración xa rematada, a paisaxe agraria do Val experimentou unha sensible transformación, e o mesmo río de Vilar, seica por necesidades do «progreso», fora sometido anos atrás a unha «operación cirúrxica»: sufrira unha importante redución en lonxitude, e instaláraselle unha canle artificial rectilínea de máis de 500 metros, onde o formigón despoxou das súas marxes á vexetación.

Na época de enchentas invernais, cando o río reborda, está a exercer a súa protesta por esa canle artificial de capacidade insuficiente. Manolo Rivas lémbranos unha desas cheas nun dos seus poemas, o que conta a inundación do taller do pintor Antón Mouzo, ubicado daquela a carón da ponte de Vilar.: o río Pequeno saíu da toponimia, / rebordou canles e ribazos / volveu a brañas e xunqueiras, / ás lagoas desecadas, / á memoria espoliada da auga. / A chea entrou no estudio do pintor / á procura das paisaxes, / de toda aquela materia esperta, / soñadora. / Antón loitou contra o naufraxio, / salvou os cadros do afundimento. / E logo curounos un a un. / Os afogados, os enlamados, os fanados. / O seu estudio era un hospital de campaña.

O río de Vilar, como lles pasou a outros, non foi un río ben tratado. As agresións e o abandono que ten sufrido fan moi difícil que se reconcilie connosco, pero de tódolos xeitos hai que tentalo. Que moi pertiño del se teña case rematada a rehabilitación integral do muíño da Agra é algo que, sen dúbida, o fixo sorrir. Como tamén o fará sorrir o comezo das primeiras fases do tan desexado paseo fluvial de Vimianzo. Vida para o río!… que é vida para nós !!!

Grazas Isabel, grazas Manolo (04SET2014)

Tiven a sorte de coñecer persoalmente a Isabel López e a Manolo Rivas cando establecían o seu fogar en Urroa (Vimianzo). Xente acolledora, afable, cultivadores da autoestima no propio, nas nosas cousas, na nosa xente. Un veciño e unha veciña que calquera de nós tería a gala vivir no seu carón. Lémbrome hoxe daquelas publicacións escolares do instituto Terra de Soneira, que nos descubrían fermosas rutas de sendeirismo feitas polo monte Faro, Castrobuxán, Camariñas, penedos de Pasarela e Traba… rutas que Isabel participaba e impulsaba. Veciños da Costa da Morte e visitantes de moi diferentes países atoparon nas reportaxes periodísticas de Manolo Rivas e na súa obra narrativa e poética novas dimensións da nosa realidade, da nosa paisaxe, do noso ser…

Grazas, Manolo e Isa, por exercer de embaixadores de Vimianzo, Soneira e da Costa da Morte polo mundo adiante, e hoxe tamén, pola vosa sementeira de libros que facedes nesta agra aberta que é a nosa biblioteca municipal. O froito foi e será proveitoso. Parabéns para todos e a todas.

A nosa festa emblemática (28XUÑ2014)

No campo de Trasariz, aquel venres 5 de xullo de 1996, na Primeira Noite Folk, o que comezou como un acto espontáneo de protesta e rebeldía fronte aos poderes establecidos -entre outras cousas, non lles autorizaran a celebración do festival no castelo- rematou converténdose, edición tras edición, e xa van cara a 19, na nosa festa máis emblemática. Que o Asalto ao Castelo de Vimianzo sexa un clásico na Costa da Morte e un referente no país, que acadase a categoría e a relevancia que acadou, descansa en tres piares. O primeiro, o intenso traballo creativo da mocidade. As asociacións xuvenís Axvalso, nas 14 primeiras edicións, e Cherinkas, nestas 5 últimas, son os auténticos motores que levaron, e levan, o peso organizativo do acontecemento. O segundo: a participación dos veciños e veciñas -vellos, mozos, nenos- e visitantes que dun xeito crecente ano a ano remataron converténdose nos protagonistas irmandiños e irmandiñas, mesmo na indumentaria, do día grande e das numerosas actividades paralelas. A Irmandade Parroquial da presente edición continúa o círculo expansivo coa participación dos veciños das parroquias nos actos do Asalto. E o terceiro piar está na aposta da institución municipal que, nestes últimos anos veu prestando, sen reservas, apoio económico, loxístico e mesmo compartindo reto organizativo na presente edición.

Non resulta casual a consolidación, mellora e multiplicación das actividades paralelas da festa unha semana antes, no día grande e mesmo no postasalto. Sen esquecer, de próxima execución, o proxecto de remodelación e humanización do Campo do Lavadoiro, ubicación da celebración central do Asalto nas últimas dez edicións, e que suporá tamén satisfacer a necesidade de máis espazo -anteriormente celebráranse no campo de Trasariz as 4 primeiras, e, véndose obrigados a facelo, no campo da familia do Pico, as 5 seguintes-.

…Pero non sempre foi doado este xa longo camiño percorrido de celebracións. A pouco que consultemos as hemerotecas dos medios de comunicación atopamos constancia dos tempos nos que os organizadores expresaban o escaso apoio económico e loxístico das institucións daquela, descansando a financiación do Asalto, case en exclusiva, do recadado na cantina e mesmo do cobro de entradas nalgunhas edicións… e o que ten resultado máis doloroso, cando deixan patente a súa condena polas campañas públicas e privadas de desprestixio e menosprezo ás que estivo sometida a propia festa, feitas tamén desde a institución municipal daquel entón. «Resiste Soneira», aparecía escrito na pancarta final que penduraba da Torre da Homenaxe tras as revoltas. Sen lugar a dúbidas, eran tempos de resistencia… de avanzar? e abofé que o lograron.

Teatro, música, gastronomía, artesanía…

E polos canos desa fonte que está a ser o Asalto foron manando dun xeito creativo e expansivo a festa do teatro, da música, da gastronomía, da artesanía, da cultura, a festa da rebeldía, da liberdade… e moito máis. O eixo central e simbólico da nosa festa é a recreación teatral das revoltas irmandiñas do século XV contra o poder abusivo dos nobres. Son recreacións feitas dun xeito libre, lúdico-festivo, mesmo en clave de humor, e nas que se ofrecen un amplo abano de personaxes e situacións que simbolizan dalgún xeito inxustizas e problemas do mundo actual. Nestas representacións búscase sempre a total implicación do espectador, que remata converténdose nun irmandiño ou irmandiña máis. Cada edición tivo, e ten, a súa escenificación propia e singular, abordando cada vez novos recursos e retos técnicos de luz, de son…. Ao longo destes 19 anos, levaron a dirección escénica e os cásting Vicente de Souza, nas 8 primeiras; Minke Lap e Mª Xesús Queiro, nas 6 seguintes; Guillermo Méndez, nas 4 últimas; e na presente edición, Toño Casais.

A música envolve e ambienta toda a festa e ten a súa expresión principal no concerto do día grande. Se ben, nas primeiras edicións celebradas no campo de Trasariz, A Noite Folk, predominou a música celta, en edicións posteriores houbo unha apertura a músicas étnicas ou de raíz doutros mundos como Alberto Bundi e a Turma angolo-galaica, Batuko Tabanka, Uz, Macfecck, Mercado Negro ou Golem System… Nos últimos Asaltos foron tamén tempos de Berrogüeto, Budiño, Luar na Lubre, e mesmo no presente cartel, de Susana Seivane, Kepa Junkera…

Dende o 1º Asalto, a gastronomía estivo intimamente ligada á festa. O touciño entrefebrado foi agasallo clásico en tódalas edicións. Pero o salto cualitativo neste aspecto foron Os Pinchos Irmandiños. A súa 1ª edición foi no 2008, na que participaron 5 establecementos. Hoxe, imos pola sétima, con preto da vintena de establecementos hostaleiros participantes, decididos e dispostos a avanzar nunha oferta de calidade e con novos retos que engadir a ofertas tan innovadoras que xa levan feito coma foron os dos menús castrexos e medievais. Os Pinchos Irmandiños, e a mesma concorrida velada da Cea Medieval, ademais de ofertas gastronómicas de nivel, son tamén factores singulares de ambientación e dinamización que nos axudan a recrear atmosferas de medievo.

Velaquí a nosa festa, a que demostra que o noso patrimonio histórico, aproveitado con intelixencia e creatividade, pode ser un factor de desenvolvemento económico, e un espazo de encontro que nos fai gozar e medrar como sociedade e como pobo? Orgullosos do noso. E xa que logo? Luuumeee!, e longa vida ao Asalto!

A dimensión do salto de Salto (23ABR2014)

A comezos da década dos 80, cando chegaba a Vimianzo para traballar de mestre, Salto asomaba xa coma unha parroquia punteira no sector agrogandeiro, fundamentalmente na produción leiteira. Houbo, polo menos, tres factores que contribuíron dun xeito moi importante a ese avance: a decisión veciñal de facer a concentración parcelaria (a segunda da provincia, principiando os anos 60), que transformou profundamente a estrutura da propiedade; o traballo asociativo entre os propios gandeiros e, sobre todo, o seu esforzo individual que logrou levar adiante un bo número de explotacións.

Polo ano 2000 nacía Neira Marcos, a asociación cultural da parroquia que, durante estes case 15 anos, vén desenvolvendo un intenso e variado traballo tanto no eido cultural coma no formativo e no lecer. E dentro das súas actividades está tamén a edición de tres publicacións, polo de agora, que teñen como denominador común a recuperación da memoria histórica parroquial. Dous libros,Salto: feitos, lendas e outras curiosidades e Salto na lembranza, e por último, o deuvedé Dona Carmen Neira Marcos, mestra de todo e para todos.