• info@semescom.gal

Presentación en Berdoias do primeiro libro do Colectivo A Rula

berdoias

Presentación en Berdoias do primeiro libro do Colectivo A Rula

Se se fala de petróglifos en Galicia, é imprescindible falar do Colectivo A Rula. Unha asociación que mudou radicalmente a visión que se tiña da arte rupestre galega, especialmente na Terra de Santiago. O descubrimento de numerosos novos gravados, a divulgación e protección deste patrimonio fixeron da Rula un referente fundamental no país.

É, pois, motivo de alegría ver como sae á luz a súa primeira publicación Na espiral dos círculos concéntricos. Un repaso en máis de 400 páxinas pola arte rupestre galega a través dos seus pasos e achegas. Nesta viaxe non faltan referencias á Costa da Morte, dúas delas na parroquia vimiancesa de Berdoais.

Precisamente esta será a primeira parada deste libro por estas terras, nun acto promovido polo SEMESCOM e pola Asociación Parroquial de Berdoias. A presentación terá lugar o sábado 17 de outubro nun lugar especial, tamén circular, a Eira do Carmelo. Desde aquí agradecemos ao propietario a súa amabilidade por cedernos este fantástico auditorio ao aire libre cargado de historia.

Presentación de Na espiral dos círculos concéntricos do Colectivo A Rula

Lugar: Eira do Carmelo en Berdoias – Vimianzo (ao lado da Escola)

Hora: 19h30

Prégase poñerse en contacto coa Asociación Parroquial de Berdoias para confirmar asistencia e non superar a capacidade máxima permitida para actos culturais como medida de prevención fronte á covid-19.

berdoias

Texto recollido do facebook do Colectivo A Rula:

“As aldeas de Berdoias e Boallo (Vimianzo) protagonizan dous capítulos do noso novo libro polo que esta presentación “enxebre e diferente” serve para render tributo a dous lugares que conservan un legado cultural único.

Patrimonio relixioso, arqueolóxico e etnolóxico que agroman en cada recuncho destas aldeas da terra de Soneira hoxe unidas polo chamado “vieiro fidalgo”, axeitado nome que lembra a fonda pegada da familia Lema de orixe fidalga nestes lares. Porén, é a veciñanza desta parroquia o seu verdadeiro tesouro, fomos testemuñas disto en dúas xeiras nocturnas inesquecibles, a primeira, nunha chuviosa noite de Berdoias ó son das coplas de Carmen de Limideiro, e a segunda, un noite estival en Boallo na que aínda lembramos as lendas e contos narradas polos/as veciños/as da contorna sobre a ponte centenaria do río Castro. Esa mesma veciñanza que trata agora de rescatar do esquecemento a súa historia e o seu patrimonio como vía para frear o seu abandono.

Será un pracer e unha honra compartir de novo experiencias culturais e de vida con todas/os vós neste novo encontro e falarvos do patrimonio arqueolóxico destas aldeas. E será tamén, unha boa ocasión para sacar dos arquivos da Rula novas e vellas historias das pedras labradas na paisaxe da Terra de Soneira. Estades convidados!.

Agradecer finalmente á Asociación Parroquial de Berdoias e o SEMESCOM o convite e a organización desta actividade.”

 

Admin