A Asociación Parroquial de Berdoias (Vimianzo), a Asociación cultural Colectivo A Rula e o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte presentamos alegacións conxuntas contra o proxecto para o Parque Eólico de Berdoias e da súa infraestrutura de Evacuación (LAAT) promovido pola sociedade Iberdrola Renovables Galicia S.A.
No seu Documento Inicial, a empresa de enerxía eólica non recolle algúns dos elementos patrimoniais máis destacados da parroquia, como os conxuntos de petróglifos do Pedrouzo. Ademais este Parque terá un impacto severo en determinados bens, en especial para o patrimonio arqueolóxico da parroquia como o dolmen da Casota (Ben de Interese Cultural), a mámoa de Freáns e as dúas estacións de arte rupestre do Outeiro do Pedrouzo. Ademais, a proximidade excesiva da LAAT de Evacuación ao núcleo de Santa Cristiña e o seu patrimonio; así como a proximidade – nalgún caso interferencias- de diferentes tramos do Parque Eólico proxectado con rutas culturais como o Vieiro Fidalgo, o Camiño de Santiago a Muxía (por Brandomil) ou a Vía Mariana de Braga a Muxía.
Nas alegacións presentamos as seguintes conclusións:
A Casota de noite. Foto: Colectivo A Rula
Consecuentemente, reclamamos a inclusión de todos os elementos culturais referidos nas alegacións e a modificación do proxecto para preservar a zona no seu contexto.
Tesouros de Berdoias: https://www.quepasanacosta.gal/tags/tesouros-berdoias
Petróglifos de Berdoias: https://www.quepasanacosta.gal/articulo/vimianzo/tesouros-berdoias-xxvi-prehistoria-petroglifos/20210213100541124978.html
Se se fala de petróglifos en Galicia, é imprescindible falar do Colectivo A Rula. Unha asociación que mudou radicalmente a visión que se tiña da arte rupestre galega, especialmente na Terra de Santiago. O descubrimento de numerosos novos gravados, a divulgación e protección deste patrimonio fixeron da Rula un referente fundamental no país.
É, pois, motivo de alegría ver como sae á luz a súa primeira publicación Na espiral dos círculos concéntricos. Un repaso en máis de 400 páxinas pola arte rupestre galega a través dos seus pasos e achegas. Nesta viaxe non faltan referencias á Costa da Morte, dúas delas na parroquia vimiancesa de Berdoais.
Precisamente esta será a primeira parada deste libro por estas terras, nun acto promovido polo SEMESCOM e pola Asociación Parroquial de Berdoias. A presentación terá lugar o sábado 17 de outubro nun lugar especial, tamén circular, a Eira do Carmelo. Desde aquí agradecemos ao propietario a súa amabilidade por cedernos este fantástico auditorio ao aire libre cargado de historia.
Presentación de Na espiral dos círculos concéntricos do Colectivo A Rula
Lugar: Eira do Carmelo en Berdoias – Vimianzo (ao lado da Escola)
Hora: 19h30
Prégase poñerse en contacto coa Asociación Parroquial de Berdoias para confirmar asistencia e non superar a capacidade máxima permitida para actos culturais como medida de prevención fronte á covid-19.
Texto recollido do facebook do Colectivo A Rula:
“As aldeas de Berdoias e Boallo (Vimianzo) protagonizan dous capítulos do noso novo libro polo que esta presentación “enxebre e diferente” serve para render tributo a dous lugares que conservan un legado cultural único.
Patrimonio relixioso, arqueolóxico e etnolóxico que agroman en cada recuncho destas aldeas da terra de Soneira hoxe unidas polo chamado “vieiro fidalgo”, axeitado nome que lembra a fonda pegada da familia Lema de orixe fidalga nestes lares. Porén, é a veciñanza desta parroquia o seu verdadeiro tesouro, fomos testemuñas disto en dúas xeiras nocturnas inesquecibles, a primeira, nunha chuviosa noite de Berdoias ó son das coplas de Carmen de Limideiro, e a segunda, un noite estival en Boallo na que aínda lembramos as lendas e contos narradas polos/as veciños/as da contorna sobre a ponte centenaria do río Castro. Esa mesma veciñanza que trata agora de rescatar do esquecemento a súa historia e o seu patrimonio como vía para frear o seu abandono.
Será un pracer e unha honra compartir de novo experiencias culturais e de vida con todas/os vós neste novo encontro e falarvos do patrimonio arqueolóxico destas aldeas. E será tamén, unha boa ocasión para sacar dos arquivos da Rula novas e vellas historias das pedras labradas na paisaxe da Terra de Soneira. Estades convidados!.
Agradecer finalmente á Asociación Parroquial de Berdoias e o SEMESCOM o convite e a organización desta actividade.”
A Casa da Cultura de Vimianzo acolleu o pasado 1 de febreiro a presentación da obra Antropoloxía e lexicografía. No acto interviron Ana Isabel Boullón (editora e membro da AGOn e do ILG), o presidente do SEMESCOM Xosé María Lema Suárez, e presidiron o alcalde Manuel Antelo e Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega. O acto congregou a 45-50 persoas, a maior parte de Berdoias, a parroquia vimiancesa sobre a que Lema Suárez realizou o seu estudo sobre os seus apelidos no século XVII (a única parroquia de toda Galicia que dispón deste estudo).
Se queres consultar este interesante traballo xa o podes descargar a través da nosa web nesta ligazón.
Berdoias é o lugar escollido para presentar o novo calendario do SEMESCOM do 2017 sobre Pazos e casas fidalgas da Costa da Morte.
O venres 16 de decembro ás 20h comezará o acto cunha conferencia do presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema Suárez, sobre “Os primeiros apelidos documentados dunha parroquia galega – Berdoias Século XVII”.
Ao finalizar presentarase o calendario 2017 do SEMESCOM.