• info@semescom.gal

Participación do SEMESCOM no II Encontro Internacional Rede HORREA

horrea

Participación do SEMESCOM no II Encontro Internacional Rede HORREA

Convidado por Carlos Fernández Coto –presidente de APATRIGAL (Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego)–, asistiu Xosé Mª Lema como representante do SEMESCOM ao II Encontro Internacional Rede Horrea, celebrado en Arcos de Valdevez (Portugal), que reuniu a investigadores portugueses, asturianos, leoneses, cántabros e galegos cun obxectivo común: a defensa das modalidades de hórreos das súas respectivas comunidades.

A mañá do sábado 20 dedicouse por completo á presentación de comunicacións. Presentaron cadansúa os asturianos Víctor M. Suárez e Fernando Mora (ambos da Asociación del Hórreo Asturiano); o leonés Eloy Algorri (“El hórreo en León (España)”; o cántabro José Francisco Fernández Silió (“Proyecto Reconstrucción Hórreo Cántabro”) e a portuguesa da Universidade de Aveiro, Alice Tavares Costa (“Desafios para a valorização do Patrimonio Rural: do mapeamento à reabilitação dos celeiros elevados da Região Centro de Portugal”).

A parte galega –coordinada por Fernández Coto– estivo representada, por orde de intervención, en primeiro lugar, por Carlos Regueira Méndez, autor de Atlas. Hórreos de Galicia (2017), a obra máis completa e actualizada sobre os hórreos galegos. O seu relatorio levou o título “O hórreo galego trala chegada do millo americano”.

En segundo lugar, por Xosé Mª Lema, quen falou sobre “O contido inmaterial do hórreo galego”, baseándose sobre todo no hórreo atlántico ou fisterrán, que el estudara con anterioridade (lembremos a súa publicación, en colaboración con Carlos Fernández Concheiro de O hórreo atlántico ou fisterrán. Cabazos e cabaceiras da Costa da Morte (Galicia) [Semescom 2012].horrea2

Tanto a conferencia de Regueira como a de Lema foron en galego, comprendidas sen maior dificultade tanto polos portugueses, como polos demais asistentes: galegos, asturianos, leoneses e cántabros.

A organización do evento estivo a cargo da Cámara Municipal de Arcos de Valdevez, presidida polo seu alcalde D. João M. do Amaral Esteves, que fixo un excelente discurso de benvida salientando a estreita proximidade e relación entre galegos e portugueses do Norte, que nos lembrou aquela viñeta de Castelao do avó e do neto á beira do Miño: “Nós estamos –dixo– muito máis próximos aos galegos do outro lado da raia que aos nosos compatriotas de Lisboa; como sabemos que muitos galegos están máis próximos a nós que aos de Madrid, e que me perdoen os demais españois aquí presentes”.

horrea3

Houbo tamén “workshops” –obradoiros, diriamos os galegos– de “Contruções de Canastros de varas” e presentación de documentais sobre o patrimonio inmaterial do Parque Nacional Peneda-Gerês; “Maestros del Hórreo Asturiano”; “Das arquitecturas tradicionais” etc.

Quen levou todo o peso da organización foi Fernando Cerqueira Barros, arquitecto e investigador no Centro de Estudos de Arquitectura e Urbanismo da Facultade de Arquitectura da Universidade do Porto, que tamén foi o guía de privilexio que tivemos para a visita a Aldeia de Sistelo, os seus socalcos para o cultivo do millo nas abas das montañas e os seus espigueiros. Esta aldea conta, no Castelo de Sistelo –un pazo do séc. XIX– cun Centro de Interpretación do cultivo do millo e de todo o patrimonio cultural e natural desta zona verdadeiramente exemplar, con todos os medios modernos (pantallas táctiles, mapeamento etc.).

O domingo volveu haber excursión en bus aos conxuntos de espigueiros e canastros de varas de Vilarinho do Souto; á Vila do Soajo e o seu conxunto de espigueiros da Eira do Penedo (co Centro Interpretativo e Etnográfico do Soajo); ao conxunto de espigueiros de Lindoso (Ponte da Barca) e á aldea de Puxedo (Lobios, Galiza), co seu Ecomuseo Pan do Xurés.

De seguido, a ligazón ao relatorio de Xosé Mª Lema: “O contido inmaterial do hórreo galego”.

Admin