POBOACIÓN (2016)
Con nome de orixe celta (case con seguridade segundo os últimos estudos) e situada ao sueste do concello, á beira do río Xallas, confórmana os lugares de Acalabanda, Brandomil, A Lagoa, Limideiro, Padreiro, Pudenza e Quintáns.
Con 246 habitantes en 2016, conta con xacementos arqueolóxicos de gran relevancia entre os que destacan: varios castros, a Ponte Vella situada sobre o río Xallas (que probablemente data do século XVI, aínda que sobre unha base romana) e unha posible vía romana que iría entre Brandomil e Brigantium (A Coruña) xunto cun asentamento tamén desta época situado baixo o actual lugar de Brandomil e no cal se atoparon numerosos elementos arquitectónicos (reutilizados pola veciñanza para as súas construcións) ademais de numerosos gravados, restos cerámicos, vidros e pezas metálicas.
O período de ocupación, parece que foi prolongado: os vestixios romanos van do séc. I ao IV, pero o abano podería ser máis amplo.
Tras as prospeccións e escavacións que se levaron a cabo en 2007 por Naveiro López revalorizouse en gran medida a relevancia histórica do xacemento, converténdose nun dos máis importantes da provincia da Coruña, tras a propia Coruña, Iria/Padrón e Ciadella (Naveiro, 2008).
A aldea de Brandomil serviu ao poeta galego Eduardo Pondal para poñerlle nome ao heroe celta que protagonizaba varios dos seus textos.
FESTAS: