• info@semescom.gal

Iconografía xacobea nas igrexas e santuarios da Costa da Morte

ICONOGRAFIA XACOBEA NAS IGREXAS E SANTUARIOS DA COSTA DE MORTE

 

Ficha técnica

Título: Iconografía xacobea nas igrexas e santuarios da Costa da Morte

Autores: Xosé María Lema Suárez e Eva López Añón

Edita: Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Vimianzo, 2011)

64 páxinas

 

Aínda que Santiago non era santo de especial devoción neste territorio fisterrán, é evidente que o seu culto na catedral compostelá ó longo dos séculos fixo que nos arciprestados da diocese se fose introducindo a súa devoción en diversas parroquias.

Neste territorio rexistramos sete modelos iconográficos dos nove xerais existentes. Isto danos idea dunha riqueza iconográfica que dificilmente se observa noutras zonas.

As modalidades máis frecuentes son as tradicionais: na do peregrino contabilizamos 17 imaxes, na do cabaleiro 9, aínda que convén lembrar que nestas últimas o Apóstolo leva as vestiduras da peregrinaxe. Observamos certa tendencia de que haxa cadansúa imaxe para cada unha das modalidades máis comúns nas igrexas onde o Apóstolo exerce o padroado: xeralmente tende a ser procesional o cabaleiro – quizais porque dá máis xogo teatral-, pero non sempre se cumpre isto. Nas imaxes de pedra das fachadas dos templos triunfa o peregrino, quizais pola dificultade que entraña a talla do ecuestre.

Tamén chama a atención a existencia de dous Santiagos sedentes, a imaxe e semellanza coa escultura do altar maior da catedral de Santiago.

É importante salientar o que é practicamente un únicum: que nesta zona se conserva a segunda representación máis antiga do tema da translatio: a translación do corpo do Apóstolo en barca (e a primeira en pedra): o relevo do tímpano da porta sur da igrexa de Cereixo. Xa abondaría con esta obra para salientar a importancia destas comarcas occidentais nos estudos iconográficos xacobeos.

Finalmente, salientar tamén a existencia dun modelo iconográfico senlleiro: o do Santiago orante ante a Virxe da Barca, creado aquí a partir da vella lenda da barca de pedra. Unha iconografía moi semellante á do Pilar de Zaragoza; queda por saber cal foi a primeira.

A publicación desta obra foi posible grazas ó proxecto ‘Percorrendo Vieiros da Costa da Morte’, aprobado pola Deputación da Coruña.

Descarga esta obra en formato PDF, premendo aquí.

Se queres adquirir esta obra contacta con nós en info@semescom.gal