Ficha técnica
Título: Romarías da Costa da Morte
Autores: Xan Fernández Carrera e Manuel Vilar Álvarez
Edita: Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (2011)
Tras unha ilustrativa Introdución, na que se analiza o sentido das festas populares e, especialmente, o sentido de “ir de romaría”, os autores presentan, en primeiro lugar, un detallado estudo das cinco principais romaxes das comarcas da Costa da Morte: o Cristo de Fisterra, a Barca de Muxía, San Fins do Castro (Cesullas-Cabana), Santo Hadrián do Mar (Malpica) e os Milagres de Caión (A Laracha). En cada unha delas trátanse os seguintes aspectos: a situación do santuario; a lenda que lle deu orixe; a imaxe obxecto de culto; a historia documentada; a descrición da romaría, en base ós costumes antigos e os cambios recentes.
O terceiro punto son as outras romarías da Costa da Morte, por concellos. Deste xeito, no de Cabana de Bergantiños analízanse a do Carme do Briño, a do Espiño da Eirita (Anos), a de Santa Margarida de Baneira e Santa Mariña do Remuíño (Corcoesto), san Ramón do Esto e san Brais de Folgoso (Riobó); no de Camariñas, a festa do Carme e a Virxe do Monte da vila camariñá, a de Santa Mariña e san Bartolo de Arou (Xaviña) e do Espírito Santo de Camelle; no de Caballo: San Paio da Devesa, santo Hadrián da Piña, santo Antonio de Vilardefrancos e a romaría do Bosque de Añón, entre outras; no de Carnota: a Virxe dos Remedios de Lira; no de Cee: a festa da Xunqueira da propia capital, santo Hadrián de Toba e san Pedro Mártir, entre outras; no de Corcubión: as Mercedes e san Pedro da Redonda; no de Coristanco: santo Antón da Agualada, santo Hadrián de Verdes e santa Ana da Rabadeira; no de Dumbría: a Virxe das Neves e santa Lucía de Olveira, entre outras; no da Laracha, santa Margarida de Montemaior e santa Marta de Soandres; no de Laxe: santa Rosa de Lima, os Milagres de Traba e tamén a modernísima representación do Naufraxio; no de Malpica: o Espírito Santo de Barizo e santa Filomena de Buño, entre outras; no de Muxía, a Santiña de Trasufre, san Roque de Chorente, Santa Mariña e san Miguel de Coucieiro, entre outras; no de Ponteceso: Nosa Señora do Faro, santo Hadrián de Corme e san Vicente da Graña; no de Vimianzo: a Faguía de Carnés, e Concepción de Castrobuxán, san Fins de Cambeda, san Bartolomeu de Salto, santa Mariña de Paizás, santa Cristiña de Berdoias e Nosa Señora de Monte Torán (Bamiro); no de Zas: san Roque do Monte (Mira), santa Margarida de Muíño e san Ramón do Allo.
A publicación, que ten como obxectivo a divulgación, consta de 86 páxinas e conta con 68 fotografías, antigas e modernas, de cada unha das celebracións. Nas páxinas finais leva un mapa de situación das 49 romaxes citadas.
Descarga esta obra en formato PDF, premendo aquí.
Se queres adquirir esta obra contacta con nós en info@semescom.gal