• info@semescom.gal

Os batáns de Mosquetín, un conxunto etnográfico singular, DVD (2008)

Os batáns de Mosquetins un conxunto etnográfico singular (2010)

Os batáns de Mosquetins un conxunto etnográfico singular (2008)

Os protagonistas deste didáctico DVD son os tres batáns do conxunto etnográfico do Mosquetín (Salto, Vimianzo) –no que tamén hai sete muíños-, situados na beira dereita do río Grande ou río do Porto, entre as vilas de Baio e Vimianzo.

Tomándoos como modelo, explícanse tamén os labores de abatanamento, nos que se aprecian os batáns en funcionamento. Acompañando estas imaxes, a voz da última bataneira: Estrella Lema.

Séguelle un apartado dedicado ós batáns na historia e a súa presenza en obras literarias: recréase a invención do aparello na Idade Media (segundo o novelista británico Ken Follett) e saliéntase o feito de que Cervantes lle concedeu no Quixote moita máis importancia á aventura dos batáns que á dos muíños do vento (14 páxinas fronte a tan só unha e media).

Rememórase logo a historia remota dos batáns do Mosquetín, xa citados en 1753 polo Catastro de Ensenada.

No apartado seguinte recupérase un documento gráfico de 1986, cando se foi seguindo cunha cámara os traballos artesanais diarios da reconstrución dun dos aparellos por parte do bataneiro José García e o carpinteiro Daniel da Carballo, ambos xa falecidos. É de salientar a importancia deste extraordinario documento etnográfico, pois vese nas imaxes como se van substituíndo unha a unha as pezas estragadas por outras novas, a dificultade que entrañou a súa instalación no interior do edificio, etc. Foi moi emotivo ver, ó final dos traballo, como o aparello volvía funcionar despois de tantos anos parado, rexurdindo das súas cinzas.

Isto cobra maior importancia se pensamos que a día de hoxe os aparellos do Mosquetín non funcionan. Esperemos que se arranxen axiña e que os visitantes os poidan ver traballar.

O último apartado (¡Salvemos os batáns!) narra de maneira sucinta os esforzos que ó longo de vinte anos fixeron as asociacións culturais e veciñais da Terra de Soneira pola salvación do conxunto etnográfico do Mosquetín, dado que a Administración local e autonómica o condenaran ó abandono. Malia a incomprensión dos responsables políticos, ó final logrouse a salvación do conxunto.

Ninguén tivo o máis mínimo recoñecemento cara ó labor destas asociación soneirás que salvaron o conxunto do abandono, de aí que este DVD vaia dedicado con toda xustiza ó ex-concelleiro vimiancés Moncho Gándara como cabeza máis visible de todas elas.

 

Ficha artística

Dirección e guión: / Xosé María Lema
Produción: / Manuel Suárez
Imaxes: / Ramón Pérez Rey, Marcos Gallego, Antón Bugallo.
Edición: / Manuel G. Torre

Debuxos e mapas: / Roberto Mouzo

 

Ficha técnica

Subvención ou axuda pública / Deputación da Coruña

Titulo orixinal: Os batáns de Mosquetín, un conxunto etnográfico singular
Tipo: Documental
Xénero: Etnográfico
Produción propia
Realizada a cor
Duración: 30′
Orixe: Galicia
Ano: 2008
Idioma V.O.: Galego /Subt. Castelán, italiano, francés e inglés.

Se queres adquirir esta obra contacta con nós en info@semescom.gal