• info@semescom.gal

Mouzo Lavandeira, Roberto. Cartógrafo e amante do patrimonio.

Roberto Mouzo Lavandeira naceu en Vimianzo en 1964 e finou na súa mesma vila natal en 2013, ós 49 anos. Estudou enxeñería técnica agrícola en Lugo (1982-1985) e, entre as súas afeccións, como el mesmo confesaba, estaban a cartografía o debuxo, a fotografía, a toponimia e a arqueoloxía. Pola dimensión, importancia e actualidade da obra que nos deixou  merece ser recoñecido como un auténtico soneirán de honra, e foi toda a súa vida un apaixonado vimiancés de corazón.roberto_mouzo

Sen temor a caer en esaxeración podemos decir que nada do que se refire ao noso patrimonio natural e cultural da Terra de Soneira quedou alleo á mirada atenta de Roberto. De talante reservado, discreto, fuxindo de calquera tipo de protagonismo pùblico e mediático, converteu o seu traballo, nun acto de dignificación  de cada obra ou feito  que investigaba.

Como bo herdeiro das botas de seu pai, -botas que inmortalizou o seu irmán Antón, pintor– Roberto Mouzo pateou cada curruncho da comarca  co seu caderno de campo, a cámara fotográfica e cos seus utensilios de agrimensor, xa para localizar e estudar unha anta ou un castro, buscar un petróglifo, xa para medir, facer un esbozo ou un apuntamento dun muíño, dun cabazo, dun cruceiro, dun escudo, dun castelo, dun pazo… ou mesmo para fotografar, interpretar e proxectar siluetas dos penedos multiformes de Pasarela e Traba, ou do Piñeo, un  a un, nome  a nome… E todo ese caudaloso volume de datos de campo que ía recollendo na  cámara e no caderno era gardado no seu ordenador persoal para que, despois de horas e horas de traballo, saísen á luz froitos, elaborados con precisión e agarimo, en forma de debuxos, planos, mapas, deseños, ilustracións, fotos, fichas, cadros sinópticos, etc.

A súa vocación de agrimensor –xa dixemos que fixera estudos de enxeñería técnica agrícola- estivo presente en toda a súa obra. Véxanse senón como mostra eses debuxos dun aparello artesanal, fermoso exemplo de sabedoría popular, coma un batán, perfectamente diseccionado e medido peza a peza, ou véxase, tamén, a magnífica representación que fixo da nosa arquitectura megalítica máis importante  en tres dimensións…

Roberto Mouzo, perfeccionista, traballou a súa obra a xeito dun artesán, tan minucioso coma un ourive. Os seus innumerables planos, os seus numerosos mapas temáticos – cantos roteiros deseñados pola Terra de Soneira e boa parte da Costa da Morte! – están feitos cun trazo fino e preciso; coa maior diversidade posible de cores; cada información, nome, debuxo ou símbolo, perfectamente engarzados, localizados e incluso con siluetas personalizadas dos diferentes monumentos. Todo tan pulcramente coidado e acabado que a un lle queda a impresión de que non falta nin sobra nada. Mágoa  que toda esta cartografía non sexa utilizada aínda como é debido polos nosos nenos e a nosa mocidade nos centros de ensino!

Unha parte da obra de Roberto  fica gardada no seu ordenador: incontables fotos, debuxos, gráficos… en espera de que algún día saian a luz,  pero  outra boa parte figura,  xa en  colaboración con Xosé Mª Lema, xa en publicacións colectivas. A parella conformada por Xosé Mª na parte literaria e Roberto na gráfica, publicou, entre libros e  documentais, un total de  seis obras, con temáticas relativas á comarca (o castelo de Vimianzo, os batáns do Mosquetín, os Penedos de Pasarela e Traba, etc.).

A Cadea Humana

A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (2010), unha guía modélica do estudo dunha comarca, foi unha obra colectiva que contou coa colaboración de Roberto na parte gráfica: os seus 26 mapas temáticos, 21 gráficos, todos os debuxos e boa parte das fotos foron da súa autoría. Con esta e con outras obras, Roberto Mouzo é sen dúbida o primeiro autor de mapas temáticos con roteiros da Terra de Soneira.

 

Algunhas destas rutas deseñadas son únicas, foi el o seu creador, débeselle a el a iniciativa, tales como as Rutas dos Penedos, a Ruta Arqueolóxica ou a Ruta da Cadea Humana dos escolares galegos do 22-01-2003 polo desastre do petroleiro “Prestige” (único testemuño gráfico dun acontecemento que debera figurar no libro Guinness, pois xuntar 40.000 alumnos/as de toda Galicia ó longo de 40 km de costa non se dá conseguido todos os días); do mesmo xeito, a partir dos datos dos investigadores atreveuse a reconstruír o trazado da Ruta da Vía XX romana “per loca maritima” do Itinerario de Antonino ó seu paso pola Costa da Morte ou as vías de comunicación da Terra de Soneira ó longo dos séculos XIX e XX.

 

Xosé María Méndez Doménech e mais el elaboraron unha obra tamén única, senlleira: o cadro mural sinóptico coa xenealoxía das principais familias fidalgas da Terra de Soneira, encabezadas polos Traba, Mariño e Moscoso, de tanta importancia na Historia da Galicia medieval.

 

Roberto Mouzo foi un home plenamente implicado co asociacionismo. Sempre estivo aberto á colaboración veciñal e coas entidades sociais. Xa para asesorar,  xa para compartir deseños e ilustracións ou mesmo para confeccionar carteis. Entre outras, colaborou con Vencello, unha das asociacións culturais decanas da comarca; coas asociacións xuvenís Axvalso e Cherinkas e mais coa agrupación deportiva Vimio. Foi directivo-fundador do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (2005), o manancial da maior parte das súas publicacións. Igualmente foi directivo do colectivo Adiante Soneira, protagonista dun traballo intenso e exitoso tanto pola súa contribución ao recoñecemento oficial pola Xunta da Terra de Soneira como unha das 53 comarcas do Mapa Comarcal de Galicia (DOG 03-04-1997), como na defensa e protección dos Penedos de Pasarela e Traba, loita iniciada en 1997 e culminada de maneira exitosa coa declaración de Paisaxe Protexida por parte da Xunta de Galicia (DOG 14-01-2009).

OBRA COÑECIDA DE ROBERTO MOUZO

O Castelo de Vimianzo

1. INVESTIGACIÓN ARQUEOLÓXICA E ETNOGRÁFICA

  • Inventario e catalogación do Patrimonio Arqueolóxico do Concello de Vimianzo (1986), en colaboración coa arqueóloga Florentina Xoubanova.
  • Inventario do Patrimonio Etnográfico Inmobiliario dos concellos de Vimianzo (1993), Zas (1994) e Laxe (1995) [en colaboración con Moncho Gándara e Xosé Mª Lema, traballo depositado nos fondos documentais da Consellería de Cultura, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela].
  • Conservación e Revalorización Sociocultural do Patrimonio Megalítico da Costa da Morte (2001-2004), proxecto da Universidade de Santiago de Compostela baixo a dirección do Prof. Dr. Antón A. Rodríguez Casal.

A Terra de Soneira

2. LIBROS

  • O castelo de Vimianzo e os Moscoso de Altamira (1998); Deputación da Coruña, A Coruña [en colab. con Xosé Mª Lema].
  • O conxunto etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín, na Terra de Soneira. Outros batáns, folóns e pisóns de España e Portugal (2007); Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Vimianzo [en colab. con X. Mª Lema].
  • Batáns e muíños do Mosquetín (Vimianzo). Guía breve (2008); Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Vimianzo [en colab. con X. Mª Lema].
  • As casas dos Traba, Mariño e Moscoso na súa relación xenealóxica coa fidalguía da Costa da Morte (2007); Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Vimianzo [en colab. con Xosé Mª Méndez Doménech].
  • A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (2010); Edicións Xerais de Galicia, Vigo [obra dirixida e coordinada por X. Mª Lema, en colab. con Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Xosé Mª Rei Lema e Marta Rei Lema].
  • Guía dos Penedos de Pasarela e Traba (2012); Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Vimianzo [en colab. con Juan R. Vidal Romaní e X. Mª Lema].

Batáns do Mosquetín

3. DOCUMENTAIS

Terra Milenaria

4. ALGÚNS DESEÑOS, CARTEIS E MURAIS

  • Terra de Soneira, Terra milenaria (1997), cartel que encabezou a exitosa loita polo recoñecemento oficial desta comarca (cun mural na Praza do Concello de Vimianzo).
  • Logotipo do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (2005).
  • O Patrimonio Megalítico da Costa da Morte no seu contexto atlántico (I Simposio Internacional do Megalitismo da Costa da Morte, Carballo 7, 8 e 9 de xuño de 2006), Cartel anunciador deste simposio.
  • Roteiro megalítico pola Terra de Soneira (2006). Presentado no I Simposio Internacional do Megalitismo. Foi modelo para a sinalización da Ruta dos dólmens do Concello de Vimianzo e tamén figurou no panel de apertura da I Exposición Itinerante das Antas da Costa da Morte (Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, 2011).
  • Pedra Cuberta (Arquitectura megalítica da Costa da Morte). Deseño dun modelo de sinalización e información dunha anta para o futuro Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte (presentado no I Simposio Internacional do Megalitismo, 2006).
  • 2ª edición do Asalto ó Castelo de Vimianzo (1997). Deseño do cartel.
  • Penedos de Pasarela e Traba (da Pedra do Barco á Torre da Moa). Deseño do gran cartel anunciador destes famosos penedos a cargo do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (decembro 2012).

Ruta dos Penedos

5.  MAPAS DE ROTEIROS DA SÚA AUTORÍA

 

Roteiro megalítico pola Terra de Soneira (2006); editada para repartir no I Simposio Internacional do Megalitismo da Costa da Morte (Carballo 7, 8 e 9 de xuño de 2006). Tamén formou parte da Exposición Itinerante Antas da Costa da Morte (Seminario de Estudos da Costa da Morte, 2011).

Rutas da Terra de Soneira (publicadas no libro colectivo A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte; 2010). As páxinas corresponden a esta publicación:

  • Ruta Arqueolóxica da Terra de Soneira (p. 227).
  • Ruta dos pazos da Terra de Soneira (p. 235).
  • Ruta dos Naufraxios (I. De Mórdomo a Arou; II. De Santa Mariña a Cabo Vilán), p. 246.
  • A Cadea Humana do 22 de xaneiro de 2003 polo desastre do Prestige), p. 259.
  • Ruta dos Penedos (I). Penedos de Pasarela e Traba (p. 262); tamén na contratapa da Guía dos Penedos de Pasarela e Traba; 2012.
  • Ruta dos Penedos (II). Piñeo (p. 266).
  • Ruta Oriental da Terra de Soneira: do curso alto do río Grande ao medio do río Xallas (p. 270).
  • Rutas centrais da Terra de Soneira. De Baio a Baíñas e de Vimianzo a Berdoias (p. 280).
  • Ruta Occidental da Terra de Soneira. Curso baixo do río Grande e ría de Camariñas (p. 297).
  • Mapa das vías de comunicación da Terra de Soneira ó longo dos séculos XIX e XX (p. 67).
  • Posible trazado da vía XX “per loca maritima” do Itinerario de Antonino (séc. II), p. 75.

Neste libro tamén son obra súa os mapas temáticos, como o das xurisdicións do Antigo Réxime, as casas fidalgas, as interrelacións familiares das casas fidalgas da Terra de Soneira, a cultura megalítica etc.

I Certame de Poesía sobre os Faros da Costa da Morte

6. ALGUNHAS COLABORACIÓNS DESINTERESADAS EN OBRAS DOUTROS AUTORES

  • Mapas das viaxes do crego Posse, da obra Un novo documento de D. Juan Antonio Posse: a «Plática Tercera»(1838), de X. Mª Lema (ano 1998).
  • Mapas da obra Onomástica histórica dunha parroquia galega: Berdoias (1607-2000). I. Os nomes masculinos (2006), de X. Mª Lema.
  • Silueta dos Penedos e varias fotos do Calendario 2009. Penedos de Pasarela e Traba (Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte).
  • Varias fotos e debuxos do Calendario 2010. Hórreos da Costa da Morte (Galicia), do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte.
  • Varias fotos e debuxos do Calendario 2011. Cruceiros da Costa da Morte (Galicia), do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte.
  • Deseño da portada e contraportada (e varias fotos) do libro Cando vos vexo, penedos. I Certame de Poesía sobre os Penedos da Costa da Morte (Seminario de Estudos da Costa da Morte, 2011).
  • Portada do libro É un cíclope soberbo… I Certame de Poesías sobre os faros da Costa da Morte (Seminario de Estudos da Costa da Morte, 2013).
  • Fotos da portada e contraportada, e outras fotos e debuxos do interior do libro Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte. I. Bergantiños Occidental e Terra de Soneira, de J. Mª Laredo Cordonié e X.Mª Lema  (Seminario de Estudos da Costa da Morte, 2013).

 

7. UN RECOÑECEMENTO

Roberto Mouzo unicamente recibiu un recoñecemento público, o de Soneirán de honra, xunto con outros veciños da Terra de Soneira, outorgado polas entidades dos concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas pola súa achega a prol do recoñecemento oficial da Terra de Soneira (14 de marzo de 1997).

(No nome do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, realizaron esta semblanza Moncho Gándara e Xosé Mª Lema)