Polas antas e mámoas da Costa da Morte é o título da obra máis coñecida, quizais, creada polo Seminario de Estudos Comarcais. Xosé María Lema Suárez propón unha viaxe guiada polos dolmens máis representativos da zona, de norte a sur. Un percorrido polos enterramentos dos nosos antergos que comeza cunha introducción explicativa do que é unha anta e a súa contextualización na cultura megalítica.
Ese libro transformouse en exposición, nunha mostra que se move por varios centros da zona e que xa estivo en varios colexios. Manuel Suárez e Xosé María Lema crearon o guión desta exposición no 2011, no que colaboraron coas súas fotografías o vimiancés Roberto Mouzo, o arqueólogo Antón Rodríguez Casal e o propio Xosé María. Ademais, a exposición introduce novos elementos que non aparecen no libro, coma o fantástico mapa creado por Roberto Mouzo que ilustra toda a riqueza arqueolóxica da parte central e oriental da Terra de Soneira, marcando como camiño principal a chamada Vía Arqueolóxica.
A Pedra da Moura, Pedra da Arca, Pedra Cuberta, Arca da Piosa, Pedra da Lebre e ata Dombate son algúns dos 14 monumentos dos que se propoñen a súa visita. Case os mesmos que nun futuro incógnito pasarán a ser mercados pola Xunta para crear o tan prometido e agardado Parque Arqueolóxico da Costa da Morte.
Preme aquí para descargar a crónica completa en formato PDF