• info@semescom.gal

Collazo, Celso. Escritor.

Celso Collazo. caricatura de Xaime Isla]

Celso Collazo. caricatura de Xaime Isla]

Celso Collazo Lema (1921-2014) naceu na vila de Vimianzo, mais as andainas da súa vida levárono a percorrer medio mundo. Xa de novo trasládase a Vigo, onde vive “unha bohemia disparatada e suculenta” en palabras de Borobó. Alí traba amizade con Fernández del Riego, Paz Andrade, os irmáns Álvarez Blázquez, os pintores Laxeiro, Lugrís e Granell, entre outros intelectuais que residían na cidade olívica. Á parte da súa paixón polo xadrez (chegou a formar parte da selección española), publica os seus primeiros textos en revistas como Alba, Posío ou Ínsula, e en xornais, fundamentalmente no compostelán La Noche. Collazo destaca polas súas críticas literarias e artísticas, mais tamén se atreve coa literatura de ficción, tanto o relato como a poesía. En 1951 obtén o terceiro premio nos Xogos Florais de Ferrol polas súas “Cantigas ao mar do Ferrol” (publicadas en La Noche, 4-9-1951). Uns anos atrás acadara gran sona o seu relato dialogado “Pranto en Marcón” que figuraba no libro colectivo Pontevedra, boa vila.

Pero o seu labor xornalístico fará que esqueza a literatura. En 1952 casa coa pintora Mª Antonia Dans e marchan a vivir a Madrid. Alí traballará para o xornal Pueblo, mais o seu matrimonio romperase sete anos despois (deixara polo medio o nacemento dunha filla, a co tempo famosa actriz Rosalía Dans). A mediados da década de 1960 trasládase a Londres como correspondente do xornal madrileño, pero axiña se pasa á Axencia EFE e crea na capital británica unha delegación. Poucos anos vai botar en Londres, pois vai para Nova York montar a nova delegación da Axencia EFE. A comezos de 1970 abandona os Estados Unidos e volve para Madrid, mais por pouco tempo, pois no mes de outubro é enviado a Moscova para crear alí unha nova delegación (vai ser o primeiro xornalista español en territorio soviético e durante cinco anos o único). En 1975 volve para Nova York, pero logo da fin da ditadura regresa a España. Aquí escribe, sen abandonar a Axencia EFE, en publicacións como Sábado Gráfico, La Actualidad Española, ABC Dominical, en moitos casos con artigos sobre restauración (foi presidente da “Cofradía de la Buena Mesa”). Tamén colabora en novas revistas científicas, como Muy Interesante. De 1983 a 1988 foi presidente da “Unión de Periodistas de España”.

Obra colectiva:

–     Pontevedra, boa vila  (Pontevedra: Gráficas Torres, 1947; reedición facsimilar en Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1985): “Pranto en Marcón”.

–     Pontevedra literaria  (Pontevedra: Concello / Fundación Caixa Galicia, 2007): “Pranto en Marcón”.

Tomado de X.Mª Rei Lema.- Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte.