• info@semescom.gal

Castro Agudo, Francisco. Escultor.

Francisco Castro Agudín, retablista e escultor que tivo o seu obradoiro na aldea de Sandrexo (Treos). Ó longo de case 50 anos –grosso modo, de 1775 a 1820- traballou para as parroquias do zona interior soneirá, ó sur do río Grande. A pesar do illamento do seu taller, soubo evolucionar do estilo barroco ó neoclásico, acorde cos novos tempos. Foi profeta na súa terra, pois recibiu gran cantidade de encargos das parroquias da redonda: fai os retablos lateral da Virxe de Guadalupe (1781) e o maior (1786) de Treos, os maiores de Tines (1789, hoxe desaparecido), Salto (1789), Mira (1790) e Gándara (1799, hoxe desaparecido). No ano 1798 fai o retablo da Virxe da Soidade de Vilar (de estilo rococó) e o pétreo da Virxe do Carme de Zas (neoclásico), na capela lateral norte. Da mesma época debe ser o retablo de pedra da capela de san Xoán e san Xurxo, das torres de Romelle. Finalmente, entre 1809 e 1819 realizou o retablo neoclásico de Vilar. Entre as súas imaxes documentadas da súa autoría –nas que se aprecia a influencia do círculo compostelán Gambino-Ferreiro-, pódense salientar: a Virxe do Carme de Tines (1776), a Virxe de Guadalupe, o santo Antonio e o santo Eutelo de Treos (1781), a Asunción e o san Xosé de Salto (1789) e a Anunciación de Mira (1790).

Tirado de A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte.