• info@semescom.gal

Cartel explicativo dos Penedos de Pasarela e Traba

Nun mapa a gran escala foron situados os Penedos máis senlleiros da Paisaxe Protexida de Pasarela e Traba. Roberto Mouzo deseñou un cartel no que se divide a Paisaxe en seis zonas (Pedra do Barco, sur da Pena Forcada, norte da Pena Forcada, Galla da Pena Forcada, Torre da Moa e As Milleiras).

presentacion-cartel-penedos

O panel -situado polo azar á beira dunha pintada que reza “Canteira non”- viuse complementado por un pequeno sinal desde a estrada que indica aos coches onde teñen que xirar para dirixirse aos Penedos.

Posto que situar nun mapa tan extenso ducias de pedras sen sinalización é moi complicado, o SEMESCOM editou unhas guías de 72 páxinas nas que se detalla polo miúdo como se poden visitar os Penedos e as rutas máis doadas. Explícase “tal e como están agora, nunha situación moi mala, con maleza, sen preparar para as visitas” como lembraba na presentación do cartel Xosé María Lema Suárez, o presidente do SEMESCOM. “Se isto chega a estar noutro país, estarían de marabilla…”

cartel-penedos
As guías, ademais das rutas e dun dossier da historia recente dos Penedos de Pasarela e Traba, inclúen unha explicación científica de como se formaron os Penedos realizada polo xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático de Xeoloxía da Universidade da Coruña e director do Instituto Xeolóxico Parga Pondal. O catedrático lamenta que non se mire máis por esta Paisaxe, xa que é “un patrimonio que se conserva só, que non fai falta case gasto.”

Ademais destas guías, o Seminario de Estudos Comarcais ten editado uns DVD co documental Os Penedos de Pasarela e Traba: a arte nos dedos do tempo e tamén axudou a poñer en valor a paisaxe con actividades e certames coma un de poesía.