• info@semescom.gal

Carril, Arturo. Escritor.

Arturo Carril. [Fotos: Caricatura tirada de www.enciclopediadaemigracióngalega.com]

Arturo Carril. [Fotos: Caricatura tirada de www.enciclopediadaemigracióngalega.com]

Arturo Patricio Carril Amigo (Corcubión, 1902 – Buenos Aires, 1990), ou Patricio Arturo como figura na acta de bautismo, é un dos nosos escritores na emigración. Aínda que algunhas das súas biografías sinalan como lugar de nacemento Malpica de Bergantiños, o certo é que desta vila bergantiñá procedía seu pai. Vaise moi novo a Montevideo para librar do servizo militar, e na cidade uruguaia comeza a traballar como linotipista. Enseguida se introduce no mundo sindical e político, fundamentalmente no anarquista, aínda que non tarda en achegarse ao nacionalismo (participa da “Irmandade Nacionalista d’America do Sul”). Xa desde moi cedo se interesa pola literatura e polo xornalismo. Na década de 1920 exerce como correspondente no Uruguai do prestixioso periódico bonaerense El Correo de Galicia, e despois formará parte do grupo dos “céltigos” (“Peña Céltiga”, intelectuais reunidos darredor da revista bonaerense Céltiga). Nesta década funda tamén a revista Mundo teatral e na seguinte La lectura. Tamén creará a Editorial Mar, na que aparecerá a primeira tradución ao castelán da novela de Castelao Os dous de sempre, feita polo propio Carril en 1937. Na década de 1940 trasládase á Arxentina, onde continúa o seu labor cultural e intelectual, ademais de vencellarse á Federación Libertaria Argentina.

Arturo Carril cultivou a poesía, a novela e o ensaio, pero destacou sobre todo como dramaturgo. As súas moitas obras escritas, algunhas aínda inéditas, foron estreadas en ambas as beiras do río da Prata, e foron merencentes de varios premios. Entre eles destaca o “Premio de la Sociedad de Autores Teatrales del Uruguay” en 1942 pola obra Estoy sola y te espero. Algunhas das súas obras tamén se fixeron famosas pola censura dos gobernos ditatoriais arxentinos, como foi o caso de Argentina, hora cero, que por outra parte está considerada unha das súas mellores pezas. Tamén temos que falar da obra Las viudas de los vivos, que trata do tema da emigración e desenvólvese na vila de Malpica.

Como ensaísta, Carril ten obras dedicadas ao mundo teatral, como El Teatro (ayer, hoy y mañana), pero tamén ao político: Teoría del Estado de Transición.

Obra individual:

 · Teatro:

 

–     3 variaciones sobre un tema. Teatro  (Valencia: Editorial Mar, 1938).

–     Estoy sola y te espero  (Buenos Aires, 1942).

–     Nuestro hermano Florencio  (Buenos Aires)

–     Crónica de una ciudad y su musa  (Buenos Aires)

–     Las viúdas de los vivos  (Buenos Aires).

–     Teatro completo de Arturo Carril  (Buenos Aires: Ed. Mecenas, 2 vol, 1959).

–     Argentina, hora cero  (Buenos Aires, 1969)

 

 · Novela:

–     Sobre el río como mar  (Buenos Aires).

–     Como las ví  (Buenos Aires).

–     Como los ví  (Buenos Aires).

 

 · Poesía:

–     La cofradía de los pescadores  (Buenos Aires).

Tomado de X.Mª Rei Lema.- Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte.