Manuel Caamaño Devesa (Laxe, 1879 – Montevideo, 1928) é outro dos nosos poetas da emigración, neste caso riopratense. Da súa vida pouco se sabe. Segundo Álvaro de las Casas (Antología de poetas gallegos; 1939), era mariñeiro e pesador de carbón no porto de Bos Aires. Pero debeu compartir residencia entre a capital arxentina e Montevideo, se nos atemos á datación dos poemas. Así sabemos que “Horfa” foi composto en Bos Aires en marzo de 1914, pero foron escritos no Cerro-Montevideo “¡Fisterráns!” en 1918, “Íntema” e “A compra dun faco na feira de Baio” en 1927. Polo tanto poderíase pensar que polo menos nos últimos dez anos da súa vida residiu no Uruguai, a pesar de que mantiña unha importante comunicación co outro lado do río da Prata como o demostra o feito de que publicaba os seus poemas alí.
E falando da súa poesía, Álvaro de las Casas dinos que publicou un pequeno opúsculo de poemas titulado Marisqueiras, do que nada se sabe. Os poemas que coñecemos del son os editados nas distintas revistas e periódicos da colectividade emigrada na Arxentina; algúns deles viron a luz postumamente grazas ao seu amigo e veciño Antón Zapata. Nestes poucos poemas obsérvase que se trata dun poeta de certo valor, coidadoso das artes métricas, da rima e do número de sílabas, tendo composicións tan complicadas coma os sonetos ou as décimas, afastándose da poesía de tipo popular. Entre os temas que aborda destaca o mar, o mundo dos mariñeiros, o seu mundo; mais tamén toca os temas sentimental ou a crítica social.
Obra individual:
– Marisqueiras (d.d.)
Obra colectiva:
– Namorados da Costa da Morte (Cee: Concello / Asociación Neria, 2001).
– De Pondal ao Batallón Literario (120 anos de poesía na Costa da Morte) (Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2009).
Tomado de X.Mª Rei Lema.- Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte.