• info@semescom.gal

Batáns e muíños do Mosquetín (Vimianzo). Guía breve

Batáns e muiños do Mosquetín (Vimianzo). Guía breve (2008)

Ficha técnica

Título: Batáns e muíños do Mosquetín (Vimianzo). Guía breve

Autor: Xosé María Lema Suárez, Roberto Mouzo Lavandeira

Edita: Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Vimianzo, 2008)

48 páxinas

 

Trátase dun libro máis sinxelo cas anteriores publicacións sobre o conxunto etnográfico dos Batáns e Muíños de Mosquetín,  no tocante ó texto e ó volume (48 páxinas), pero que conta coa particularidade de dispoñer dun maior número de ilustracións (59 en total, a maior parte a toda cor).

Deste xeito, na primeira parte do libro, tomando como exemplo os aparellos do Mosquetín, explícase o que é (ou foi) un batán e para qué servía, as súas tipoloxías, a súa mecánica e funcionamento, os nomes das pezas e os procesos de abatanamento. Con fotos xerais e de detalle, o libro vai indicándonos as diversas partes do batán. Tamén hai debuxos que ocupan páxinas enteiras que nos indican ás claras o funcionamento dos aparellos e os nomes das súas pezas (tamén dos muíños).

Faise historia dos labores de abatanamento (ou apisoamento) desde a época romana, para centrarse un pouco máis na Idade Media, época probable da invención deste tipo de enxeños. Mesmo se recrean unhas interesantes referencias literarias ós batáns contidas en obras coma o Quixote de Cervantes (1605) ou Os piares da Terra (1989) do británico Ken Follett. Chama a atención comprobar que na primeira delas o novelista lle dedicase un capítulo enteiro e parte doutro á aventura dos batáns (o XX e o principio do XXI: en total unhas 16 páxinas completas) mentres que ó episodio dos muíños de vento, que tan popular se fixo, nin sequera encheu dúas páxinas (do capítulo VIII) na súa totalidade.

Como remate faise unha historia deste conxunto etnográfico da Costa da Morte desde os tempos do Catastro de Ensenada (1753), para pasar logo á historia recente, desde as décadas de 1970 e 1980, na que se vai narrando sucintamente os múltiples esforzos que as asociacións culturais e veciñais da Terra de Soneira tiveron que facer para salvar este enclave etnográfico, pois tanto a alcaldía de Vimianzo como as sucesivas direccións xerais de Patrimonio da Xunta de Galicia nunca chegaron a facer o máis mínimo esforzo por evitar a ruína e o abandono dun sitio etnográfico tan senlleiro (nin sequera se aceptou declarar este conxunto Ben de Interese Cultural.

Se queres adquirir esta obra contacta con nós en info@semescom.gal

Preme aquí para descargar un resumo en formato PDF