• info@semescom.gal

Tag Archives: zas

Case dúas décadas do recoñecemento oficial da Terra de Soneira no Mapa Comarcal de Galicia (II)

A-Terra-de-Soneira-oficial-e-a-historica-R.-Mouzo-Lavandeira-copia

O recoñecemento oficial da Terra de Soneira non ía en contra da unidade afectiva desta rexión xeográfica “fisterrá” (no senso amplo da palabra), co cabo de Fisterra –universalmente coñecido- como mascarón de proa, que se deu en chamar Costa da Morte. Todos sabemos que esta foi unha denominación inventada por xornalistas hai pouco máis dun cento de anos, sen base histórica ningunha. A Costa da Morte non é unha comarca: é un ente ou rexión xeográfica integrada, polo menos, por estas comarcas naturais (e históricas): Bergantiños, Terra de Soneira, Terra de Nemancos (a Xunta cambioulle o nome antigo por Comarca de Fisterra) e tamén Xallas (e mesmo o concello de Carnota, que forma parte da Comarca de Muros). Sempre me estrañou que se aceptase sen máis a denominación de Comarca de Fisterra para a Terra de Nemancos, cos mesmos 1.100 anos de antigüidade documental que a Terra de Soneira.

A Terra de Soneira, unha das comarcas da Costa da Morte

As comarcas da Costa da Morte (R. Mouzo Lavandeira en 'A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte') copia

As comarcas da Costa da Morte (R. Mouzo Lavandeira en ‘A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte’)

Aínda que poidamos caer no aforismo que empeza por “excusatio non petita…”, engadamos que daquela houbera quen nos acusara veladamente de “inventar” unha nova comarca. Nada máis lonxe da realidade. No noso longo Informe histórico de 15 folios demostramos que o nome de Terra de Soneira se viña utilizando polo menos desde había máis de mil anos (quizais desde a Prehistoria, pois a etimoloxía do nome, segundo os lingüistas, poida que proveña de *Sub Neria “a pé dos nerios, xunta ós nerios”; é dicir, que designaría un pobo da antigüidade que vivía ó lado dos nerios, habitantes estes da redonda dos cabos de Fisterra e de Touriñán).

Nos documentos en latín dos tempos medievais Soneira aparece coas formas Somnaria, Sonaria, Sunaria e Subnaria, pseudolatinismos que desembocarán nas formas Soneyra e Soneira. No ano 899 fálase do commisso de Sonaria (‘condado de Soneira’). E cómpre dicir que todo o actual concello de Laxe e a maior parte do de Cabana formaban parte da Soneira histórica. Soneira tamén aparece entre os arciprestados (comarcas eclesiásticas), xa desde polo menos o ano 1177.
A comarca nos documentos e na cartografía histórica

A 'Tierra de Soneyra' (con letras ben grandes) en 'Il Regno de Galicia' (1696), do italiano G. Cantelli da Vignola copia

A ‘Tierra de Soneyra’ (con letras ben grandes) en ‘Il Regno de Galicia’ (1696), do italiano G. Cantelli da Vignola

Á Terra de Soneira histórica pertencía todo o territorio do actual concello de Laxe e a maior parte do de Cabana, hoxe bergantiñáns. Un documento en latín do ano 1095 indica que “Burnario [Borneiro] est in territorio Subnaria”; outro do 1105 precisa que “Condines” [Cundíns] está “in Sunaria”; no ano 1189 cítase a freguesía de Cesullas e un hospicio de Neaño: “Cesulles et infantaticum de Neanio quos est in terra de Soneyra”; no 1334 a freguesía de San Pedro de Nantón tamén estaba “en terra de Soneyra”. Finalmente, xa dando un salto no tempo, a principios do séc. XVII, o frade A. Yepes, ne súa Crónica de la Orden de San Benito (Valladolid 1613-1615), fai constar que a freguesía de Santo Antoíño de Baíñas –que xeograficamente xa está na vertente do río Xallas- “era monasterio en Tierra de Soneira”.

No tocante á cartografía, os mapas do reino de Galicia a partir do séc. XVI non deixan de citar a Terra de Soneira, e con caracteres ben grandes, igualándo ás comarcas máis coñecidas de Galicia como «Tierra Deça», «Tierra de Ulloa», «Comarca de Lemos» etc.: a Descripción del Reyno de Galizia de F. Fer. Ojea (Anveres, 1598). Nestes mapas vese como o territorio soneirán era maior có actual, seguramente porque se fai coincidir co territorio da Xurisdición de Vimianzo, dos condes de Altamira.

Co nome de Gallaecia Regnum aparece outra mapa de F. Fer. Ojea de 1634, no que a extensión de Soneira é semellante á anterior e, o que son as cousas, nel o topónimo «Vergantiños» -ó igual que «Xallas»- semella unha aldea máis de Soneira; en troques, «Nemancos» é recoñecido como «Terra»

Quizais o mapa onde se amose con máis claridade a importancia da entidade comarca soneirá e a súa extensión fose Il Regno de Galicia (1696), do italiano G. Cantelli da Vignola.

No mapa do francés N. de Fer, Le Royaume de Galice. Province d’Espagne (1705), a «Tierra de Soneyra» é unha das dúas únicas comarcas galegas que se rexistran. E no mpa de I.B. Nolin e T. Rousseau titulado Le Royaume de Galice divisé en plusiers Territoires et les Asturies divisées en Asturie d’Oviedo et de Santillana (París 1762) o nome de «Tierra de Soneyra» vén con caracteres xigantescos, á altura de bisbarras tan famosas como a Liébana cántabra (téñase en conta o amplitude do mapa: de Galicia ó País Vasco).

Hai outros mapas máis, que detallamos na obra colectiva A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (2010), entre eles o de Tomás López (1784) e, como non, a famosa Carta Geométrica de Galicia de Domingo Fontán (1834), quen, por certo, iniciara unha das primeiras medicións no pazo de Follente (Zas) en 1821 (véxase a recente obra Fontán, de Marcos Calveiro, Premio de Narrativa Breve Repsol 2015).
A obra A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (2010)

portada do libro colectivo 'A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte' (2010) copia

Portada do libro colectivo ‘A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte’ (2010)

No noso libro colectivo (de Evaristo Domínguez, Xan Fernández Carrera, R. Mouzo, Xosé Mª Rei Lema e quen subscribe) A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (Edicións Xerais, Vigo, 2010) introducimos nas primeiras páxinas todos estes documentos históricos, e tamén mapas. Esta obra fora cualificada polo editor, Manuell Bragado, un exemplo que se debía seguir en todas as comarcas de Galicia, pois constituía un estudo completísimo (mesmo se introducen temas pouco habituais coma os apelidos máis frecuentes, as particularidades lingüísticas, as asociacións culturais e deportivas…). “Se todas as comarcas tivesen un estudo tan completo coma este –dixera o editor na presentación en Baio e Vimianzo- Galicia sería outra”.

Non obstante, temos que confesar que foi outra das nosas (polo menos miñas) frustracións persoais,  pois tivo pouca repercusión e escaso éxito de vendas, segundo a editorial, pois nin sequera as tres corporacións municipais lle prestaron moita atención. Quen si lla prestou foi o IES Terra de Soneira de Vimianzo que a instituíu como agasallo para conferenciantes e visitantes ilustres ó centro. Xa só por iso valeu a pena o esforzo.