Hai días o Concello de Cabana publicaba de maneira virtual (dado o estado de alarma) a monografia O santuario do Briño. Paraíso de arte e natureza en Cabana de Bergantiños, do profesor Juan Félix Neira Pérez, un dos investigadores das nosas comarcas «fisterrás» de máis alto creto. Divide a obra en dez grandes apartados, nos que analiza a relixiosidade popular ou as escuras orixes e os datos históricos do santuario; o seu patrimonio artístico; a economía das confrarías ou o patrimonio inmaterial.
Céntrome no que me atinxe máis directamente deste coñecido santuario de Borneiro, o apartado 6, o artístico, interesado polas novidades que se produciran desde o estudo que realicei para a miña tese de doutoramento (1991). Neira segue en boa parte o que eu publicara no tomo III do libro A arte relixiosa na Terra de Soneira (1993), citando a fonte en todo momento, e ben que se agradece, pois aínda segue habendo costumes espurios. Coincido con el en valorar non só a arquitectura interior e exterior da ermida (con lembranzas góticas tardías), senón tamén a súa escultura en pedra, particularmente as seis esculturas pétreas da fachada-retablo -unha das tres do arciprestado de Soneira (as outras, as das igrexas do Allo e Traba)- e os relevos dos catro evanxelistas nas pendentes da cúpula da capela maior (únicos en toda a comarca). Cando a finais dos anos oitenta do pasado século quen subscribe visitara esta ermida e fotografara as imaxes para o seu estudo, confeso que en xeral me pareceran rudas, de talla moi esencial, propia da gubia dun canteiro rural pouco habelencioso na arte escultórica, coa dificultade engadida da dureza do noso granito. Parecía fuxirse de complicacións técnicas, pois prevalecían as liñas esquemáticas sen virtuosismos, sobre todo nas da portada (que, ademais, ó estaren recubertas de liques parecían máis ampulosas e opacas), razóns polas que, ante a ausencia nos libros parroquiais de datos documentais, aventurei para elas unha datación que agora considero esaxeradamente antiga, arredor do séc. XVI; iso si, con moitas interrogantes, como ben sinala Neira.
Pero, afortunadamente, houbo novidades, e ese dato documental que eu botara en falta apareceu da maneira tímida a raíz das reformas dos anos noventa nunha inscrición do lateral sur do arco triunfal do presbiterio: «El Maestro dest[a] obra es Domingos Martines vº [vecino] de Tines», como recolle Neira na súa monografía. Deste mestre canteiro (veciño da parte de Tines do lugar de Pazos) sabiamos que fixera «el cuerpo de la capilla» entre 1721 e 1733. A dúbida agora está en determinar se foi el tamén o autor das seis esculturas da fachada ou non, pois iso non se especifica na inscrición, que si nos deixa claro que obrou na nave («el cuerpo») e non na capela maior (co cal se exclúen da súa autoría os relevos dos evanxelistas desta parte).
Movemento
Das esculturas da fachada, unha vez que se lles limparon as capas de liques que as recubrían e que anos despois puidemos facer fotos de máis nitidez, teño unha visión moi distinta da de hai trinta anos, pois agora xa non me parecen tan ampulosas e herméticas: os seus rostros ovados amosan unha expresión serena e nas súas vestiduras, aínda que non con moita profundidade, prodúcense xogos de luces e sombras que dan impresión de movemento; as figuras parecen romper co espazo circundante…
Todo isto vainos aproximando ás características do barroco de finais do séc. XVII ou de principios do XVIII. Desbotando o meu xuízo anterior, é moi probable que lle poidamos atribuír a este canteiro de Tines, ademais da construción da fachada da ermida, a feitura das seis imaxes. A principal delas, a da patroa, a Virxe das Virtudes do nicho central, malia as dificultades técnicas da talla no granito, é unha figura cun aceptable grao de beleza: o seu rostro perfectamente ovado; certa elegancia no vestir cunha túnica e un manto de movidas pregas onduladas que deixan transparentar timidamente a anatomía; e, sobre todo, a dificultade técnica que supón a talla en pedra da pequena figura do neno Xesús que a Virxe sostén coas dúas mans á altura do colo. Non foi un canteiro calquera o autor de imaxes coma esta, desde logo (tampouco as outras desmerecen o labor). Haberá que pensar nun artista experimentado, e este por aquela época non pode ser outro que o tal Domingos, que xa probara a súa mestría na monumental fachada-retablo de Traba anos atrás (1716), con conxuntos escultóricos de extrema dificultade técnica coma a do Santiago ecuestre.
Canteiro soneirán
Parabéns a Neira por esta oportuna monografía e un agradecemento por forzarme a poñer ó día investigacións que medio quedaran no esquecemento. Cómpre unirmos forzas para seguir indagando na figura deste canteiro soneirán, do que Juan Félix ten datado para a súa tese en curso un retablo pétreo en Brantuas. Ben que me alegraría a confirmación da súa autoría na imaxinería pétrea no Briño, co que se revalorizaría aínda máis a ermida borneirán. No que a min me toca teño localizadas posibles obras del en Tines, Vilar e Brandoñas (os dous retablos laterais, tamén de pedra).

Coa publicación da monografía de Neira Pérez, é tempo de dar á escultura do templo o valor que merece (Foto:XMLema)
En 2019, a raíz da publicación do noso libro colectivo O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, organizaramos unha andaina polo curso medio do río do Porto, parroquias de Bamiro, Baio e O Allo: grosso modo, da ponte de Baio á ponte Lodoso, pasado pola área de Pedra Vixía (desembocadura do río de Zas no Porto) e visita posterior ó monumental recinto do Allo (torres, igrexa, cruceiro do adro e cemiterio novo).
Punto de partida, o nacemento do río: as Brañas do Rabete
En colaboración co Instituto de Estudios Bergantiñáns levamos a cabo unha andaina polo curso alto do río do Porto. Saímos 50 persoas ás 10 horas do 7-03-2020 da vila de Zas nun autobús que nos levou, en primeiro lugar, ó lugar de nacemento da arteria principal do río, nas Brañas do Rabete, preto da aldea dos Fornos (parroquia de San Sabiña, na Terra de Xallas). Antes vimos de pasada, ó pasar por Varilongo (Santa Comba), a casa nativa do poeta popular Pepe de Xan Baña, un emigrante xalleiro en Cuba que se fixera moi popular nas dúas primeiras décadas do séc. XX polas súas poesías en galego.
Evaristo Domínguez Rial exerceu de guía e levounos polo curso do río por todos os puntos que se detallan no libro citado (das pp. 30 á 39). Fomos seguindo o curso do río e dos afluentes que baixan da Serra do Bico de Meda (pola súa esquerda) e, tras atravesar a aldea de Vilar Ramilo (Gándara-Zas) o bus deixounos no lugar coñecido coma O Rabiñoso, onde se concentra o primeiro grupo de fervenzas.

1. Nacemento do río do Porto nas Brañas do Rabete (foto XMLS)
As fervenzas do Rabiñoso
Atravesamos a antiquísima pontella -quizais medieval- de ciclópeas lousas de pedra situada nun vao do curso do río (por ela pasaban as persoas; os animais pola auga) e fomos baixando deixando á dereita unha sucesión de fermosas fervenzas, con moita forza pola cantidade de auga que neste tempo levan. Nesta beira esquerda do río hai tamén dous muíños, xa en desuso; un deles coa caixa escavada na propia laxa.
Facilitou o noso descenso a limpeza efectuada polo Concello de Zas na beira esquerda do río, de xeito que puidemos chegar sen moitas dificultades á última das fervenzas deste tramo (a fervenza de Parga), onde se fixo unha foto de grupo. Tal como se detalla no libro, desde a pontella do Rabiñoso ata a de Parga, en pouco máis de 1.100 m o río salva un desnivel de 70 m.
Despois xa leva, ata a ponte do Sisto, un discorrer moito máis tranquilo. Desde aquí o río troca o nome de río do Rabiñoso polo de río do Sisto, seguindo o vello costume de adoptar localmente o nome polos sitios por onde pasa.

2. A pontella do Rabiñoso, de ciclópeas lousas (XMLS)

3. Paso dos excursionistas pola pontella do Rabiñoso (XMLS)

4. Fervenzas máis altas do Rabiñoso (XMLS)

5. Fervenza central do Rabiñoso (XMLS))

6. Fervenzas da zona baixa do Rabiñoso (XMLS))

7. Máis fervenzas da zona baixa do Rabiñoso (XMLS)

8. O grupo ante a fervenza de Parga, a última das fervenzas do Rabiñoso (XMLS)
O río de Budián (ou da Fervenza)
Pasamos polo lugar de Parga, onde nos interesamos por unha alta e grande abellariza abandonada entre as casas da aldea. Dirixímonos logo cara ó norte, en dirección á aldea de Budián (aínda da parroquia de Gándara) para visitar as fervenzas do río de Budián (ou río da Fervenza ou do Muíño Vello), o afluente máis importante do curso alto do río. A remonta fixémola pola beira dereita do río, e foi bastante dificultosa (menos mal que a limpeza efectuada polo persoal do Concello de Zas nos facilitou o acceso).
A fervenza que dá nome a este río é, desde logo, impresionante, e paga a pena o esforzo para chegar a este punto. As augas do río -que nace en terras bergantiñás da parroquia de Cuns- salvan un desnivel de 40 m en menos de 500 de curso. Véxase a descrición nas pp. 39 e 40 do libro. Mágoa que a contemplación da fervenza principal deste río só sexa accesible para visitantes en boa forma física, pois hai tramos nos que se fai moi dificultosa a subida, pois é todo subida, cada vez máis dificultosa. A axuda prestada pola excursionista Tania Carreira -ata hai pouco técnica de Cultura do Concello de Zas e unha das primeiras “exploradoras” desta ruta- foi moi de agradecer. Para promover esta ruta, o Concello de Zas podería pensar en introducir chanzos de pedra nalgúns puntos, sobre todo onde se sitúa o Muíño Vello.

9. A gran fervenza do río de Budián (XMLS)

10- Fervenza do río Budián (Chus Barbeira)

11. Fervenza do Budián (Chus Barbeira)
No regreso dirixímonos desde Budián ó río do Sisto -resultado na unión dos ríos Rabiñoso e de Budián-, xa por un traxecto moito máis chan, suave e relaxado, pois o desnivel do río apenas supera os 20 m., malia ter que cortar a aliñación montañosa do cordal do Bico de Meda. O río leva por este tramo moita auga, de aí a abundancia de muíños contabilizados no Catastro do Marqués de la Ensenada (1753) na parroquia de Gándara, 17, case todos neste río (pp. 31 e 31 d’O río do Porto…).

12. O río do Sisto antes da ponte do seu nome (XMLS)
Igrexa de San Martiño de Riobó
O xantar estaba concertado nun restaurante da aldea da Mata (Cabana de Bergantiños). Deste xeito, pola tarde achegámonos á igrexa de San Martiño de Riobó, de orixe románica (só restan deste estilo as columnas de capiteis vexetais que sustentan o arco triunfal de entrada ó presbiterio, quizais de principios do séc. XIII).
Interesaron as dúas sepulturas fidalgas existentes no piso do presbiterio. Unha delas xa desgastada, que quizais sexa a do fidalgo Rui Soneira de Rioboo, do que sabemos que morreu contra 1571. A outra ten gravado en relevo un escudo coroado por un helmo de cabaleiro e seis cuarteis coas armas dos Bermúdez, os Castro, os Moscoso, os Rioboo, os Leis e os Vilardefrancos; a inscrición da súa base revélanos que nela repousan os restos do fidalgo Lorenço Bermúdez de Castro “señor de la casa de Penela” e da súa muller (ano 1674).

13. Arco triunfal románico da igrexa de Riobó (XMLS)
O máis interesante desta igrexa é o seu monumental retablo barroco[1], obra anónima de mediados do séc. XVIII. Consta de dous corpos superpostos, divididos á súa vez en tres paneis. No inferior os paneis sepáranse por estípites (falsas columnas barrocas) e o superior por columnas clásicas de éntase avultado. Estípites e columnas adornadas profusamente por decoración vexetal, cintas e camafeos.

14. Retablo maior de San Martiño de Riobó (XMLS)

15. Imaxe de san Martiño, o patrón, presidindo o retablo (XMLS)
No corpo superior aparece presidindo, no remate dunha sobresíante placa barroca, un relevo do Padre Eterno. Debaixo del, unha imaxe de san Martiño, o patrón parroquial, vestido de pontifical e co báculo de bispo; no fornelo da esquerda do espectador, san Xoán Evanxelista (mozo novo, co seu evanxeo aberto na man, onde se le: INITIUM SANCTI EVANGELI); no da dereita, san Bieito, co hábito negro da orde bieita por el fundada, coa tiara de bispo ós pés (por tela rexeitado) e co corvo que o alimentaba.
No corpo inferior hai á esquerda unha imaxe de santo Eutelo (leva a tiara papal e un cano ós pés, por ser avogado contra a peste) e no da dereita un santo Antonio (mozo novo co hábito franciscano co neno Xesús no colo). No panel central, un requintado sagrario protexido por columnas cun neno Xesús espido na fronte.
O retablo foi restaurado e pintado o ano 2015. No interior do templo hai unha inscrición pétrea en galego onde se di que cada familia da parroquia pagou 300 € para esta obra, moi custosa, pois -segundo as informacións de Evaristo Domínguez- alcanzou a cifra de 60.000 €. A excursionista Rosa García Vilariño localizaría posteriormente na Rede o obradoiro que se encargara da obra: Restauraciones Garrido (A Valenzá-Barbadás, Ourense)
Visitouse finalmente a torre da Penela, na veciña parroquia de Silvarredonda, lar nativo da familia fidalga dos Rioboo, torre que segue agardando por unha urxente restauración. A obra actual conservada, cunha porta rematada en arco de medio punto de grandes doelas e cun escudo coas armas dos Bermúdez, dos Castro e dos Rioboo, data do séc. XVI.
A torre da Penela: “pena… dela” -como reza a etimoloxía popular-, vela neste estado de abandono.

16. San Bieito, do retablo de Riobó (XMLS)

17. Imaxe de santo Eutelo e detalle da decoración profusa do retablo (placa con querubín, estípite e columna) (XMLS)
[1] Detállase este retablo polo miúdo en Xosé Mª Lema Suárez (1993): A arte relixiosa na Terra de Soneira, tomo II, pp. 618-623. Nesta obra tamén se fala da arquitectura do tempo e das tumbas da capela maior.
Por Xosé María Lema Suárez
«Eu son un rapás novo. Para min é unha cousa da máisima importancia o ter que vos falar a vós, esencia do galeguismo e da cultura. ¿Que podo decirvos eu? Son un home que entrei orgulloso no galeguismo guiado pol-a man da miña aboa analfabeta que me insinou a falar en galego. Non fun levado pol-a doutrina nin pol-a cencia de ningún de vós. Cando ando pol-o mundo a espricarlles ós galegos que son fieles á Terra, a verdade esencial que a nosa língoa garda, revivo na miña mente a lembranza de cando era un rapás analfabeto que iba ó monte coa miña aboa analfabeta coma eu e que coas suas palabras iba enseñándome a profunda verdade das cousas. Cando quero percurar que os galegos que a abandonan volvan á lei do amor á Terra, sempre acudo ás verbas que de neno deprendera da miña aboa e sempre atopo a razón atinada que en cada caso fai falta. Eu sigo sendo aquel rapás humilde. Por iso non quero nin busco cargos (…)».
Como recolle Xosé Mª Rei Lema na súa recentísima obra publicada na Ed. Galaxia[1], así falaba Perfecto López ‘o Tato’ -emigrante vimiancés na Arxentina- o 27 de setembro de 1953 nunha xuntanza que tivera en Calo (Teo) cos máis importantes representantes do galeguismo interior (Xaime Isla Couto, Manuel Beiras, Gonzalo R. Mourullo, Ramón Piñeiro, Ramón Lugrís, Fernández del Riego, Otero Pedrayo, García Sabell…).
Nesta reunión Piñeiro presentárao coma
“o home que fai viaxes a Galicia non pra ver a familia, que a ten toda aló, incruso sua nai, senón pra ver a Terra, pra estar na Terra. Quizais seña por isto mesmo pol-o que o Perfecto está destinado a sere un mensaxeiro de cousas transcendentes entre os galegos de eiquí e mail-os de aló. No seu viaxe anterior foi portador da terra galega pra Castelao; agora é portador do pirmeiro tomo de unha grande Historia de Galicia (…)”.
En efecto, Perfecto era unha ‘andoriña’, un mensaxeiro máis ou menos clandestino entre os galeguistas de Buenos Aires (Prada, Abraira, Puente, Suárez Picallo, Alonso Ríos…) e os do aquí arriba citados, cos que se carteaba. Nas súas frecuentes viaxes a Galicia, ademais de visitar os galeguistas, non deixaba de pasar polo seu Vimianzo natal, onde os impoñentes coches que conducía -os ‘haigas’ do Tato- causaban admiración.
Perfecto López nacera nunha aldea de Vimianzo en 1904, fillo e neto de nais solteiras e moi pobre. Apenas foi á escola ano e medio (el era consciente desta eiva). Traballou coma xornaleiro e carboeiro e, emigrado á Arxentina nun segundo intento (polos anos 30), conseguiu facer fortuna como concesionario de automóbiles estadounidenses. Boa parte da súa riqueza vaina compartir cos seus paisanos con moita xenerosidade, financiando obras e actividades de centros galegos en Buenos Aires e, particularmente, en soster e promover a cultura e lingua galegas. Xunto con outros bos e xenerosos da capital porteña -que, segundo Suárez Picallo, eran “cuáseque sempre os mesmos” (Manuel Puente, José B. Abraira, Rodolfo Prada, J. M. Cascallar, Jesús Porto…)- colaborou no financiamento da estadía de Castelao e dona en Buenos Aires, de 1940 a 1950, e noutras moitas iniciativas. Ó regreso dunha das súas moitas viaxes a Galicia trouxo, a finais de 1949, terra galega para introducir no cadaleito de Castelao.
Nesta ‘Voz’ céntrome nunha declaración de amor á lingua que para min merecería enmarcarse: a que fai un home rico, moi rico; pero humilde, consciente das súas carencias culturais ante un auditorio cheo de excelsas figuras do galeguismo interior que el tanto admiraba. Estes próceres do galeguismo ben que o respectaban.
Imposible resumir neste espazo todo o que fixo este emigrante soneirán na Galicia exterior des 1935 a 1970 (ano en que morreu) financiando ou cofinanciando proxectos e iniciativas a prol de Galicia, da súa cultura ou da súa lingua. Por exemplo: el e Manuel Puente de Buenos Aires e Xesús Canabal de Montevideo foron os que máis prata deron para as actividades e viaxes dos membros do Consello de Galiza ou para o Congreso da Emigración: milleiros de pesos. Na Galicia de aquén puxo cartos para a fundación da Ed. Galaxia. Foi tamén o segundo mecenas (despois de Puente) dos tres grandes tomos da Historia de Galiza (1962), dirixida por Otero Pedrayo.
En fin: cómpre ler ó completo este libriño de Rei Lema, de tan só 190 páxinas, para poder valorar na súa xusta medida o enorme labor deste pouco coñecido ‘bo e xeneroso’ que mesmo deixou boa sementeira, pois o seu fillo Perfecto López Romero chegou a formar parte do grupo xuvenil Alén Mar. Oxalá sirva para facerlle algún tipo de recoñecemento público, na Galicia ideal ou na real.
Este sábado 24 de novembro, catro membros da xunta directiva do Semescom temos actividades en forma de conferencia.
Evaristo Domínguez Rial participará no ciclo de conferencias “Monografías do Allo”. Será ás 16h30 con “150 anos de educación en Zas. O caso particular da escola do Allo”. De seguido comezará a conferencia de Antonio Presedo “A vida cotiá nos pazos da fidalguía galega no século XVIII”.
Manuel Vilar e Xosé María Lema estarán en Lugo no X Congreso Galego de Cruceiros, con estas comunicacións: “Dúas cruces, dúas historias ou a reactualización da memoria” (M. Vilar) e “O novo cruceiro parroquial do Allo (Zas): unha nova Trindade como motivo iconográfico” (X.Mª Lema). Desenvolverase no Centro de Artesanía e Deseño da cidade de Lugo.
Finalmente, Xan Fernández Carrera estará falando das actividades do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte nunha xornada organizada por Afiprodel.
A concellaría de Cultura de Zas está a promover unha interesante iniciativa para divulgar a historia das súas parroquias. Freguesía a freguesía a información vaise completando co traballo de Evaristo Domínguez Rial e Xosé María Lema Suárez. A información aínda está en proceso pero hai varias parroquias que xa están rexistradas. Podes consultalas na web do concello de Zas.
A información das parroquias tamén se irá subindo pouco a pouco á web do SEMESCOM, no apartado Patrimonio da Costa da Morte. Polo momento podes consultar Brandomil e Brandoñas.
Agradecemos á Concellería de Cultura do Concello de Zas o permiso para difundir no noso web as parroquias que vaian saíndo.
Por Xosé María Lema Suárez
| 7º día (Mittwoch / mércores 26 agosto)
Heidelberg – Colmar (292 km) |
|
| Heidelberg – Baden-Baden | 90 km |
| Baden Baden – Estrasburgo | 60 km |
| Estrasburgo – Friburgo | 90 km |
| Friburgo – Colmar | 52 km |
| TOTAL | 292 km |
No transcurso da viaxe de Heidelberg a Baden-Baden Antón G. Losada falounos sobre a “A Selva Negra e o Rin”, e Xela Cid, camiño de Estrasburgo, fixo un percorrido bibliográfico pola Selva Negra, a xente importante que naceu nesta zona, o bosque alemán, a ecoloxía alemá e galega (a importancia do Partido dos Verdes), os espazos protexidos de Alemaña e Galicia (moi “parecidos”, como ben se sabe) etc.
-54.000 hab.
-é a estación termal máis importante de Alemaña (termas xa coñecidas polos romanos, Aquae Aureliae).
-no séc. XIX foi a ‘capital estival’ de Europa, frecuentada pola burguesía europea e por intelectuais coma Tolstoi, Nietzsche e Wagner. Fiodor Dostoievski e Johannes Brahms residiron aquí varios anos. Nesta centuria xurdiron grandes establecementos termais, teatro, hipódromo e un dos casinos máis luxosos do mundo. Tras a IIGM foi sede das forzas francesas de ocupación.
-situada no val do Oos, entre as últimas elevacións da Selva Negra (Schwarzwald) e o val do Rin.

O río Oos de Baden-Baden (e Manolo tamén, claro)
Visitas
-o Castelo Novo (Neues Schloss), edificio de finais do séc. XIV sobre o antigo castelo. Situado no outeiro da Florentinerberg e rodeado de maxestosos xardíns. Pódese pasear pola terraza exterior, pois o xardín é privado.
-o Castelo Vello (Altes Schloss) ou Castelo de Hohenbaden data do séc. XII. Atópase en ruínas, pois os seus propietarios –os mesmos do castelo novo- non o reconstruíron tras o incendio sufrido en 1559.
-a Kurhaus*, pazo neoclásico de principios do séc. XIX (1821-1824), que acubilla o luxoso Casino de Baden-Baden, famoso polos decorados do interior, inspirados en pazos franceses, e polos persoeiros que o frecuentaron. Estivemos na entrada do Casino e, ó nos escoitar falar, saudounos unha empregada italiana, que sabía de Galicia porque a súa mellor amiga era galega de Lugo. Por certo, que a italiana aínda debe estar debullando a lección-express que de Galicia lle deu Arturo Novo.
![A Kurhaus (Casino) de Baden- Baden [XMLS]](http://semescom.gal/wp-content/uploads/2016/02/DSC08023-300x225.jpg)
A Kurhaus (Casino) de Baden- Baden [XMLS]
-a Stiftskirche é unha igrexa de estilo gótico do séc. XV, onde se enterraban os margraves de Baden. A alta torre é do séc. XVIII, barroca (coma o interior).

Os casinos, mellor desde fóra, ¿non si Arturo?
-as ruínas do Balneario Romano son un museo da antiga cultura do baño. Atópase debaixo da praza do Mercado e do balneario Friedrichsbad. Con case dous mil anos de antigüidade son unha das instalacións balnearias mellor conservadas. Tamén se conserva parte das murallas romanas.
Tanto a estación termal de Friedrichsbad como as Termas de Caracalla teñen modernísimas instalacións para o baño.
(FREIBURG IM BREISGAU)**
-212.000 hab.
-cualificada como a máis fermosa e célebre cidade da Alemaña suroccidental, espállase polas ladeiras occidentais da Selva Negra e a chaira do Rin.
-a zona antiga coas famosas canles de auga (Bächle) que atravesan a cidade é destino duns tres millóns de visitantes anuais. A cidade considérase a porta de entrada á Selva Negra; conta cun clima morno e solleiro. Considérase a capital da ecoloxía alemá.
-é famosa a súa universidade, fundada en 1457.

A Kaufhaus, da praza da catedral (XMLS)
Visitas
-a Catedral (Münster)** está dedicada á Virxe e é un dos edificios góticos máis importantes de Alemaña. Construíuse en tres etapas entre 1120 e 1513. É de estilo gótico, pero de diferentes épocas. A torre-campanario (do ano 1350), de planta cadrada, ten forma de pirámide octogonal que se eleva ata os 116 m de altura.

Imaxe de Santiago peregrino, no pórtico da catedral de Friburg (XMLS)
-a praza da Catedral (Münsterplatz)* está formada por notables edificios históricos: unha fonte de 1483 (a Fischbrunnen), o Pazo Arcebispal (1756), a Kaufhaus* (casa de 1525-1532 cunha fachada decorada con estatuas dos emperadores da casa Habsburgo, feitas en 1534), a Wenzigerhaus, casa rococó de 1761.
-no convento dos Agostiños está o Museo de Arte e Historia da Cidade (Augustinermuseum).
-a Rathusplatz* é a praza principal e máis fermosa da cidade. Nela atópase a estatua de Berthold Schwarz, o monxe ó que se atribúe a invención da pólvora para disparar (por volta do ano 1330).
-arredor desta praza atópanse edificios notables, coma o Neus Rathaus (‘Casa Nova do Concello’), obra de entre 1896-1900, e o Altes Rathaus (‘Casa Antiga do Concello’), ergueita entre 1556-1559. Á esquerda da igrexa franciscana de San Martiño atópase a Walfish* (‘Casa da Balea’), construída en 1516, cun elegante pórtico e portada gótica tardía.
Capital da ecoloxía. – Friburgo e tamén moi visitada por persoas interesadas nas enerxías renovables e nas políticas de desenvolvemento, debido ó grande éxito que tiveron na cidade e tamén no länder. A cidade posúe a o maior número de instalacións ambientais da Unión Europea. Como é a cidade con maior número de horas de sol de Alemaña, aquí ten a súa sede a Sociedade Internacional de Enerxía Solar (ISES) e conta co Instituto Fraunhofer para sistemas de enerxía solar. Cada ano celébrase en xuño Intersolar, a maior feira de enerxía solar. Ademais, o medio predominante de transporte é aquí a bicicleta: a cidade integra un circuíto para ciclistas cun total de 400 km de lonxitude. O termo municipal conta cunha superficie total de 15.300 ha, das 6.333 ha son de bosque.
![O clan carballés, na praza da catedral [XMLS]](http://semescom.gal/wp-content/uploads/2016/02/DSC08084-1-300x225.jpg)
O clan carballés, na praza da catedral [XMLS]
Entrando nesta cidade falamos do noso paisano da Piolla (Nantón-Cabana) Xosé Manuel García Álvarez, casado con Elisabeth Schaible, natural de Freiburg. Os dous viviron durante anos nesta cidade e deron clase na súa universidade. Cando se creou a TVG (contra 1984) decidiron vir para Galicia, pois a Pepe ofrecéranlle o cargo de director do Arquivo da TVG, que estivo ó seu cargo ata que se xubilou hai uns poucos anos. Elisabeth segue sendo profesora de alemán na USC. Xosé Manuel García estudara na Universidade Pontificia de Roma co baiés Uxío Romero Pose (1949-2007), bispo auxiliar de Madrid de 1997 á súa morte; despois tamén en Montpellier e Freiburg im Brisgau, onde sería, durante oito anos, Wissenschaftlicher Assistent para Historia. Foi coautor do Diccionario dos Nomes Galegos (Ed. Ir Indo, 1992), dirixido por X. Ferro Ruibal, e con Elisabeth Schaible ou en solitario traduciu do galego ou ó galego obras do castelán, alemán, italiano e portugués en materias como literatura, sociedade , lingüística ou historia. Traduciu, entre outros, a E. Kant e ó escritor checo de fala alemá Franz Kafka (A Metamorfose). Destaca a súa tradución d’A ética protestante e o «espírito» do capitalismo (USC/Fundación BBVA, 2006), obra do filósofo alemán Max Weber (1864-1920) na que se trata de explicar o maior desenvolvemento económico dos países protestantes do norte de Europa, propagadores do capitalismo moderno, fronte ós católicos do sur.

Casa onde viviu o humanista
Erasmo de Rotterdam (sé XVI)

Unha das traducións do nantonés
Xosé M. García do alemán ó galego
(STROSSBURI, en alsaciano; STRASSBURG en alemán; STRASBOURG en francés)
-272.000 hab., pero a súa área urbana abarca unha poboación de 1.175.000 hab, estendendo a súa influencia ás localidades próximas de Alemaña.
-capital de Alsacia e do departamento francés do Baixo Rin, sede do Parlamento Europeo e do Consello de Europa. Cidade universitaria con máis de 58.000 estudantes.
-rango cultural moi elevado, con teatro, biblioteca, orquestra e ópera.
-no eido económico, é a segunda praza bancaria de Francia cunha bolsa e seis sedes bancarias. O sector industrial é tamén moi importante.
-é a oitava cidade a nivel mundial en organización de congresos, por detrás de Madrid e por diante de Barcelona.

Catedral de Estrasburgo
Historia
A cidade, bañada polo río Ill (afluente do Rin), é de orixe romana; foi fundada no ano 12 aC polo xeneral Druso o Maior a partir dun campamento para as lexións, que recibiu o nome de Argentoratum (‘Arxentina’). Malia seren derrotaron na batalla de Argentoratum no ano 357, o pobo xermánico dos alamáns ocuparon a zona no ano 406; Argentoratum foi destruída polos hunos de Atila no 451, e contra o 500 foi reconstruída polos francos merovinxios de Clodoveo I, que a bautizaron como Strateburgus, reinstaurando un bispado que tivera anteriormente.
–ano 800: Estrasburgo forma parte do Sacro Imperio Romano Xermánico de Carlomagno. Este morre no 813 e sucédeo o seu fillo Ludovico Pío, cun reinado moi convulso, cheo de rebelións . Á súa morte o imperio carolinxio dividirase entre os fillos de Ludovico (netos de Carlomagno): Carlos o Calvo, Luís o Xermánico e Lotario.
–ano 842: os Xuramentos de Estrasburgo (Sacramenta Argentariae) foron uns xuramentos de axuda mutua entre Carlos o Calvo e Luís o Xermánico contra o seu outro irmán Lotario. Teñen a particularidade de que son os documentos máis antigos que se conservan do antigo francés (‘romana lingua’) e do antigo alemán (‘teudisca lingua’); o seu carácter bilingüe proba a existencia de grupos lingüísticos diferenciados, orixe das linguas francesa e alemá.

Rosetón da catedral de Estrasburgo (XMLS)
–ano 843: Tratado de Verdún, polo que queda dividido o Imperio carolinxio en tres reinos: Carlos o Calvo recibe a parte occidental (orixe da actual Francia), Lotario recibe a zona central (a Lotarinxia: desde o mar do Norte –a Renania, os Alpes e Italia-) e Luís o Xermánico a parte oriental (Xermania, orixe da actual Alemaña). A Lotarinxia conservaba a dignidade imperial, nominalmente. Estrasburgo e Alsacia quedaron dentro da Lotarinxia, pero máis adiante integraríase na Xermania, abrindo un período de influencia do ámbito xermánico ata que Alsacia e a súa capital quedaron anexionadas a Francia no séc. XVII.
–ano 982: o emperador Otón II concédelle ó bispo de Estrasburgo a autoridade sobre o conxunto da cidade e arredores.
-durante séculos haberá loitas entre a poderosa burguesía da cidade e os bispos. En 1262 o bispo Walter de Geroldseck foi derrotado na batalla de Hausbergen e Estrasburgo pasa de ser cidade dominada polo señorío feudal eclesiástico a cidade libre do Imperio, rango que a equipara en privilexios a outras cidades alemás.
-en 1681 as tropas de Luís XIV anexionaron Alsacia á coroa de Francia, momento en que pasaron a ser francesas ata a Guerra franco-prusiana (1870), cando volveu a ser alemá ata final da Iª Guerra Mundial, en que volveu a Francia (22-11-1918).

Rosetón da catedral de Estrasburgo (XMLS)
-o 19-6-1940 a tropas alemás entraron en Estrasburgo. A cidade, anexionada de novo a Alemaña, foi designada capital de Alsacia dentro do III Reich. Os nazis e os colaboracionistas alsacianos destruíron a sinagoga xudía –que era unha das maiores de Europa- e en 1942 decidiuse a incorporación forzada masiva de milleiros de mozos alsacianos ó exército alemán (episodio do Malgré Nous ‘ó noso pesar’). Moitos destes mozos alsacianos foron enviados á fronte rusa. No cercano campo de concentración de Struthof-Naztweiler o médico dos SS August Hirt realizou experimentos criminais cos prisioneiros de guerra. Foi o primeiro dos campos de exterminio descuberto polos aliados (novembro 1944). A partir de 1943 a cidade sofre bombardeos da aviación aliada; o de agosto de 1944 afectou ó seu centro histórico.
Visitas en Estrasburgo
A Grande Île (‘a Grande Illa’) –ou Elipse insular, pola súa forma- é o centro histórico de Estrasburgo, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1988 por ser exemplo de barrio antigo de cidade medieval. Para marcar este status hai 22 placas de latón colocadas nas pontes que permiten acceder á illa.

Vista parcial da Grande Île de Estrasburgo (XMLS)
O principal edificio da Grande Île é a catedral de Nôtre Dame***, iniciada no séc. XI, aínda que a maior parte da construción data do séc. XV (estilo gótico). Trátase da cuarta igrexa do mundo en altura. Destaca a fachada***, cun magnífico rosetón; o tímpano da portada central conta con escenas bíblicas en catro rexistros; o tímpano da portada dereita representa a parábola das virxes sabias e as virxes necias; na portada esquerda as esveltas esculturas personalizan as virtudes triunfando sobre os vicios.
Desde o miradoiro da frecha da torre da esquerda hai estupendas vistas.
A portada do Reloxo (séc. XIII) atópase no lado dereito da catedral: rodeando a figura de Salomón a Igrexa sostén a cruz e o cáliz, mentres que a Sinagoga se inclina intentando recoller anacos dunha lanza e das táboas da Lei, que caen das mans. No tímpano do pórtico represéntase a Durmición da Virxe**.
No interior da catedral, ademais das vidreiras, o púlpito e o órgano atópase o famoso Reloxo astronómico (1838), no que se representan os días da semana como carros no que viaxan as divindades e que se van asomando por enriba do reloxo; cada cuarto de hora unha serie de autómatas golpean as campás, mentres que a Morte é a que dá as horas. Ás 12,30 h ten lugar un gran desfile na parte alta do reloxo. Hai tamén desfile dos apóstolos. Para ver todo isto hai que presentarse ás 11,45 h e hai que pagar 2 €.

Barcaza de turistas pasando por baixo a ponte xiratoria aberta
dunha das canles (XMLS)
Á esquerda da catedral, a Maison Kammerzell é unha xoia da arquitectura en madeira decorada con frescos no seu interior. Toda esta zona é de rúas de trazado medieval.
Hai outras igrexas coma a de Sto Estevo (St.Etienne) -románica, parcialmente destruída durante os bombardeos de 1944-; a de San Tomé, románico-gótica; a de San Pedro o Mozo –protestante, de estilo gótico, cunha cripta do séc. V- e a de San Pedro o Vello –neogótica, católica, aínda que hai outra co mesmo nome que é protestante-.
Preto destas últimas igrexas atópase La Petite France**, que no seu tempo foi barrio de pescadores, curtidores e muiñeiros. É unha zona con pontes sobre illas do río Ill, con exclusas, muíños etc. (Le Quai des Ponts-Couverts ‘O Peirao das Pontes Cubertas’).
Hai museos no Palacio Rohan (edificio neoclásico do séc. XVIII). O Museo Alsaciano é un museo de corte etnográfico que reconstrúe interiores de casas alsacianas, un laboratorio dun boticario alquimista etc.
Na gastronomía alsaciana ten sona o choucroute, o foie-gras, os viños alsacianos e os augardentes.
![No Peirao das Pontes Cubertas, de La Petit France [XMLS]](http://semescom.gal/wp-content/uploads/2016/02/DSC08061-1024x768.jpg)
No Peirao das Pontes Cubertas, de La Petit France [XMLS]
Por ser historicamente unha cidade disputada por Francia e Alemaña e pola súa situación xeográfica central, Estrasburgo é sede de institucións e organismos da UE e do Consello de Europa.
![Un dos edificios dependentes do Parlamento Europeo, que puidemos ver "medio clandestinamente" (estaba prohibido o paso) [XMLS]](http://semescom.gal/wp-content/uploads/2016/02/DSC08030-copia-1-300x281.jpg)
Un dos edificios dependentes do Parlamento Europeo, que puidemos ver “medio clandestinamente” (estaba prohibido o paso) [XMLS]
Estrasburgo é a sede do Parlamento Europeo (onde se celebran as sesións plenarias), do Eurocorpo, do Europol (centro de información), da Corte Europea dos Dereitos Humanos, e doutras 22 institucións europeas, coma o Consello de Europa.
Os edificios administrativos atópanse no chamado Barrio Europeo, propiedade da cidade.
A cidade simboliza a reconciliación franco-alemá, que se ve plasmada no Jardin des deus rives (‘Xardín das dúas ribeiras’).
COLMAR***
Trátase dunha cidade antiga (de 67.000 hab), ben conservada, que conta con edificios de gran tamaño de estilo gótico alemán e do primeiro renacemento, así como igrexas antigas, como a de San Martiño, colexiata do séc. XIII.
Entre os lugares para visitar, a Praza da Antiga Aduana (Ancienne Douanne / Kolfhus)*, con construcións con trama de madeira, entre elas a chamada Casa do Ferro Candente.
![Reprodución a escala, nunha rotonda á entrada de Colmar, da Estatua da Liberdade de Bartholdi [XMLS]](http://semescom.gal/wp-content/uploads/2016/02/DSC08085-copia-213x300.jpg)
Reprodución a escala, nunha rotonda á entrada de Colmar, da Estatua da Liberdade de Bartholdi [XMLS]
Entre os museos: o Museo Bartholdi (August Bartholdi, o escultor que fixo a Estatua da Liberdade de Nova York, naceu en Colmar en 1834); nunha das rotondas de entrada á cidade hai unha reprodución a unha escala sensiblemente menor desta famosa estatua. Tamén é interesante o Museo de Unterlinden, co retablo de Ussenheim***, realizado entre 1500-1515 por Mathias Grünewald (dun realismo moi cru).
-Museo Animado do Xoguete e dos trens de xoguete (para ir con nenos).
-Unha vez ó ano, no mes de agosto, Colmar celebra a Feira dos Viños.
Pouco puidemos ver desta cidade, pois chegamos á tardiña. Ceamos (con viño branco alsaciano, en vez da cervexa habitual de toda a viaxe) e xa fomos descansar. Pola mañá veriamos, nunha rotonda, unha reprodución a escala da estatua da Liberdade de Nova York, destinada a lembrar que o seu autor era colmarés.
Ruta dos Viños alsacianos: entre Estrasbusrgo e Colmar, nun val situado ó oeste da autoestrada que une estas dúas cidades (en concreto: de Marlenheim a Thann).
Xa van 19 anos, certo: o 20 de febreiro de 1997 deuse a noticia de que o Gabinete de Planificación da Xunta de Galicia dera por bo o longo informe de 15 folios que Evaristo Domínguez, Roberto Mouzo, A.Pose e Xosé María Lema elaboraran e que os Concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas refrendaran por unanimidade nos seus plenos. A unanimidade na reclamación valeu moito. Foi un triunfo (colectivo) inesperado. No libro colectivo A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (Xerais, 2010) explicamos o proceso e os motivos polos que unha comarca milenaria como a Terra de Soneira non podía quedar no esquecemento. En contra do que moitos pensan, a Costa da Morte non é unha comarca, senón unha rexión xeográfica como as Rías Baixas ou Altas; esta rexión co cabo de Fisterra como mascarón de proa estaría integrada polas comarcas históricas de Bergantiños, Terra de Soneira, comarca de Fisterra (ou Terra de Nemancos) e mesmo Xallas (a vella Trastámara). En fin, que o “Mapa Comarcal de Galicia” definitivo sairía publicado no DOG o 3-4-1997 e a festa popular sería o 14 de marzo en Vimianzo, organizada polo “argalleiro” maior da comarca, Moncho Gándara (que tamén recibiría o seu diploma, ben merecido). Reconforta rememorar pequenos triunfos.

Mapa da Terra de Soneira (autor: Roberto Mouzo, en: A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte, Eds. Xerais, 2010)
Estes días podemos ler artigos sobre o asunto en www.quepasanacosta.gal e www.lavozdegalicia.es
Despois do éxito da primeira edición, este sábado realizarase unha edición da ruta Costa do Solpor. Neste caso, non é unha convocatoria aberta ao público en xeral, xa que está dirixido a mestres e mestras de toda Galicia. O encontro está organizado polo CEFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación), o antigo CEFORE (Formación do Profesorado), dependente da Xunta de Galicia. Perante a alta demanda (un cento de persoas) vanse realizar dúas quendas.
A viaxe é semellante á “excursión inaugural” organizada polo Seminario de Estudos da Costa da Morte do pasado 17 de outubro de 2015.
Vimianzo ==> ruínas do pazo de Boallo (Berdoias) ==> praia da Langosteira (Fisterra) ==> porto de Fisterra e castelo de San Carlos, onde o poeta Alexandre Nerium recitará unhas poesías súas que inspiraron pasaxes da novela ==> paso por preto da Casa do Crego Sabio (Sta.Mariña-Muxía) – punta da Buitra / furna da Buserana / monte Cachelmo ==> xantar nos Muños (Muxía); pola tarde: paso pola Ponte do Porto ==> Alto das Campeleiras (Santa Mariña) e Camelle.

Participantes na primeira edición da Ruta Costa do Solpor. (Foto: Xurxo Lobato)
Organizada polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) e co acolaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) o pasado 17 de outubro tivo lugar a primeira excursión ou excursión inaugural da Ruta Costa do Solpor, ruta que combina o turismo coa literatura, pois pretende levar os viaxeiros no tempo polos principais escenarios nos que se desenvolveu, en agosto de 1761, a narración.
Lembremos que Costa do Solpor empeza onde remata A illa do tesouro, a famosísima obra do escritor escocés Robert Louis Stevenson, e esta é a sinopse da súa trama:
Un descoñecido escritor en lingua inglesa narra polo miúdo, a finais do séc. XIX, a viaxe de volta da goleta Hispaniola, cargada cun fabuloso tesouro conseguido tras múltiples penalidades nunha perdida illa do Atlántico. Tal viaxe de volta non fora o camiño de rosas da narración stevensoniana, pois o navío tivo serios contratempos na costa galega máis occidental, a chamada Costa do Solpor ou do Solposto, ó ser abordada fronte ó cabo Vilán por dous navíos corsarios con base no porto da Coruña. O destino da goleta era ser incendiada, despois de lle quitar o seu tesouro, con todos os seus tripulantes dentro en mar aberto; pero o grumete Jim Hawkins logra escapar e acadar a costa, onde coñece un mozo pegureiro chamado o Chavián e unha valente fidalga chamada dona Mariña de Lobeira que o van axudar a salvar os seus compañeiros dunha morte certa e recuperar o seu tesouro.
Éxito de convocatoria: todas as prazas cubertas (55)
O SEMESCOM anunciara a excursión no seu web con quince días de antelación, e no prazo dunha semana xa practicamente estaban cubertas todas as prazas, que nun principios eran 50, pero que houbo que ampliar a 55 atendendo algunhas peticións. Nin que dicir ten que houbo lista de espera, pero ninguén se deu de baixa a última hora. O éxito de convocatoria foi total; faltaba por ver se tamén sería exitoso o desenvolvemento do percorrido cos seus horarios tal como `prepararan dosu membros do Seminario.
A MAÑÁO autobús da empresa Facal de San Cremenzo de Pazos (Zas) saíu pouco despois das 10 h da mañá da Praza do Concello de Vimianzo cos seus 55 viaxeiros, lectores da novela na súa maior parte (pero, a dicir a verdade completa, outra boa parte confesou que aínda non a lera).
Á saída de Vimianzo o guía salientou a importancia desta vila do interior do territorio, maiormente porque nela se ergue un castelo medieval ben conservado que de principios do séc. XVI a mediados do XIX fora cabeza reitora da xurisdición señorial de Vimianzo, que formaba parte dos estados dos condes de Altamira. Dos estados dos Altamira eran tamén as xurisdicións señoriais veciñas de Mens e de Corcubión, tamén con cadanseu castelo, nos que residían os meiriños ou apoderados dos condes, que eran os que recollían e almacenaban os froitos das colleitas dos vasalos. Estamos en plena época do mundo dos foros, que é tratado na novela con amplitude.
1ª parada: ruínas do pazo de Boallo (Berdoias-Vimianzo)
Os señores de Altamira –a poderosa familia Moscoso- marcharan para a Corte vivir preto dos reis e acabáronse desgaleguizando. Quen vivía en Galicia, na zona rural e nas vilas e cidades, era a pequena nobreza, a fidalguía, escribáns e administradores das terras dos grandes señores, intermediarios que quedaban para o seu goberno con parte dos produtos que os vasalos estaban obrigados a entregarlles ós señores como pagamento polo usufruto das terras que cultivaban.
Houbo que desviarse uns quilómetros pola estrada de Muxía para ir ver unha ruínas dunha casa fidalga do séc. XVII hoxe invadida pola maleza. Trátase da casa que a principios do séc. XVII construíra o fidalgo Martiño de Castiñeira, fillo menor de Alonso II de Lema (do que se conserva no lugar de Berdoias, tamén en vías ruinosas, a súa casa do ano 1607).
En Costa do Solpor hai personaxes reais e imaxinarios. Entre os primeiros está a familia do escribán D. Rodrigo Sancho de Leis, a súa esposa Dª Josefa de Santiyán y Valdivieso e os seus numerosos fillos e fillas. Dela fálase no cap. 48 (‘Casamento de trato’).
Malia as hedras e silvas que practicamente recobren a mansión, os viaxeiros puideron observar formas arquitectónicas de séculos pasados, coma unha fermosa cheminea.

Os 54 viaxeiros da excursión inaugural da ruta na praia da Serra, onde fondeara a Hispaniola tras a tempestade; ó fondo, Fisterra e mais os “espidos peitos da muller enfesta”
2ª parada: praia da Langosteira (Fisterra)
Despois de pasar polo concello de Cee á altura do que noutrora foi a Casa do Camiño –onde o espía da Confraría da Man Morta, Mingos o Tiopa, alugara un cabalo para percorrer ó trote as 15 leguas que o separaban da Coruña- ó fío das 11 h o autobús aparcou nunha das entradas da praia da Langosteira.
Nesta fermosa praia fisterrá, localmente coñecida como praia da Serra, recalara a Hispaniola tras sufrir a noite anterior un violento trebón (narrado polo miúdo no cap. 6). Rematada a tempestade, seguindo unha luz no alto dun monte darían arribado a este areal. Ó día seguinte viron cara ó leste unha alta montaña de pedra de cor rosada (a Montaña Vermella: o monte Pindo) e as casas de pedra escura dunha aldea situada cara ó oeste (Fisterra). Esta aldea estaba coroada por un monte rematado en dúas formas cónicas case idénticas que semellaban os peitos dunha muller deitada (“os espidos peitos da muller enfesta”, do poeta Alexandre Nerium). O guía leu tamén un poema da poeta fisterrá Mónica Góñez alusiva a esta formación natural; un poema que empeza deste xeito:
“Puta libidinosa
que fa-lo morto eternamente;
berro de sal
que estoupa en terra sacra
mollada de luxuria (…)”
Un dos viaxeiros, o profesor Antón García Losada, explicou a formación do asombroso macizo do Pindo, da desembocadura en fervenza do río Xallas ó seu caróon e do tómbolo de Fisterra. Outra profesora, Xela Cid, completou a explicación falando da reivindicación do Parque Natural do Pindo, negado teimudamente pola Xunta de Galicia.
3ª parada: porto de Fisterra e castelo de San Carlos
Na novela, o armador da goleta –o squire (fidalgo) John Trelawney- o grumete Jim Hawkins e algúns mariñeiros foron en lancha ó porto de Fisterra para contratar uns operarios (carpinteiros, trinqueiros, calafates…) que os axudasen a reparar os estragos do temporal.
Recibiunos no peirao unha pequena formación militar ó cargo dos mostachudo sarxento, Antón do Campón (o Atrevido de Fisterra ou Muito Home), que estaba ó cargo do castelo de San Carlos, fortaleza para defender a vila dos ataques de frotas estranxeiras ou de piratas.
Cando o armador lle pregunta ó sarxento -nun portugués macarrónico (pois pensaba que estaba na costa portuguesa)- onde se atopaba, este respóndelle que estaban na Estrela Escura, nome produto dunha tradución equivocada de finais do séc. XV do latinismo Finis Terrae por Stella Obscura. Despois aclararíaselle que era “Finisterra”.

O poeta Alexandre Nerium (guía do Museo da Pesca do castelo de San Carlos) nun momento da recitación (foto XMLS)
O castelo de San Carlos garda no seu interior na actualidade o Museo da Pesca de Fisterra, do que é o guía Alexandre Nerium (pseudónimo literario de Manolo López, mariñeiro e poeta). Tras unha breve explicación introdutoria, Alexandre Nerium recitou varias poesías inspiradoras de varias pasaxes da novela, empezando co soneto “Tómbolo”, o dos “espidos peitos da muller enfesta” e mais “a nave de pedra de velames rafados polo vento”; continuou coas poesías alusivas ós barcos “que levan o crepúsculo gravado nas cadernas” (p. 410 da novela) e desvelou amén a poesía inspiradora da vella cántiga que madre Farruca –a ama de cría da fidalga dona Mariña- non foi quen de acabar (p. 380: “Dos teus ollos quero naufragar na fondura…”). Rematou co poema “Cabaleiro de mar”. Os viaxeiros premiaron con efusivos aplausos a intervención do poeta fisterrán.
4ª parada: pista da punta da Buitra
Veu logo un longo tramo de 35 km polo interior da comarca fisterrá (a vella Terra de Nemancos) no que se foron explicando outros pormenores da novela. Neste tramo o profesor Xosé M. Penas Patiño falou da caza de baleas á que se dedicaron moitos portos desta costa. En embarcacións rudimentarias moitos mariñeiros expoñían constantemente a vida (moitos perdérona) nesta perigosa aventura. Ata non hai moito existía na punta de Caneliñas (Cee) unha factoría baleeira. Nesta costa consérvase moita toponimia alusiva ás baleas, e os lugares sinalados como atalaias eran puntos para vixiar a presenza destes mamíferos mariños.
Sobre as 12,50 h o guía recibimos a chamada de Isabel Freire, locutora do programa “Coñecer Galicia”, da Radio Galega. Neses dez minutos previos ás noticias da unha da tarde fíxose un resumo do percorrido xa feito e o que quedaba por facer. Naquel momento, precisamente, o autobús pasaba preto da Casa de Trillo, hoxe dedicada a turismo rural, que fora a casa natal do auténtico crego sabio, José Díaz Arosa, párroco de San Cibrán de Vilastose que vivira a finais do séc. XIX e no primeiro terzo do XX. O directivo do SEMESCOM e profesor Xan Fernández Carrera ampliou a información sobre este crego con sona de menciñeiro e adiviño. Na Casa e Trillo consérvase unha copia das Cartas forales del lugar de Santamarina, de 1558, con acoutacións á marxe do cura, nas que criticaba o réxime foral e ós abusos dos frades de Moraime.
O Crego Sabio da novela, aclararía o autor e guía, é o compendio doutros dous cregos máis, un deles o crego liberal e revolucionario Juan Antonio Posse (1766-1854), autor dunhas famosas memorias escritas contra 1834.
Pasamos polo lugar do Cuño –que conta con un dos coídos (praia de coios) máis grande e fermosos da costa- e axiña nos detivemos á entrada da pista forestal que remata na punta da Buitra.
![Nas entrañas do monte Cachelmo atópase a furna de Buserán ou do Trabeiro, onde "escachan as ondas espalladas polo mar" (López Abente) [foto XMLS]](http://semescom.gal/wp-content/uploads/2015/10/monte_cachelmo-1024x768.jpg)
Nas entrañas do monte Cachelmo atópase a furna de Buserán ou do Trabeiro, onde “escachan as ondas espalladas polo mar” (López Abente) [foto XMLS]
En primeiro lugar, á esquerda, pódese apreciar o longo brazo do cabo Touriñán metido no océano, o punto máis occidental de Galicia e da España peninsular (hai pouco celebrouse un evento turístico denominado “Touriñán, Solpor de Europa”).
Cando rompeu amarras de Fisterra, a Hispaniola, tras virar na punta do cabo fisterrán, pasou preto do cabo Touriñán na procura do Vilán, o que mellor daba a enfilación das Illas Británicas.
De fronte, ó lonxe, albícase precisamente a inequívoca formación penedía do cabo Vilán, ó que hai que imaxinar sen a súa alta torre-faro, pois á altura de 1761, agás a Torre de Hércules da Coruña, a costa española estaba desprovista de faros (os primeiros datan de 1853).
Pero o principal motivo para achegarnos a este sitio era para ver de preto tres importantes escenarios da novela: o monte Cachelmo, a furna de Buxerán ou do Trabeiro e a praia da Arnela.
Os viaxeiros lectores tiveron que facer unha viaxe no tempo para imaxinar nestes escenarios ou na súa redonda os sucesos que se narran nos capítulos 51 (‘A meiga Melania’), 52 (‘Novexilde’), 53 (‘A eira das meigas’), 54 (‘A boca da serpe’), 55 (‘Un plan moi arriscado’); o desenlace final da novela ten a furna como escenario: capítulos do 64 ó 71 (este titulado ‘A maldición da furna’). Na Arnela terán lugar os episodios máis inesperados do remate (capítulos do 70 ó 74).
De camiño cara ó xantar aclaróuselles ó viaxeiros o lugar aproximado de Vilasumisa, a vila fantasma, a vila maldita, a dos lombudos de tanto abaixar a cabeza, a que pola preguiza e submisión dos seus habitantes ós poderosos acabou por desaparecer baixo as areas da súa extensa praia, transformadas hoxe en voluminosas formacións dunares. O lugar onde estivo situada esta infausta vila desaparecida –esperemos que para sempre- da faz da terra era unha das sorpresas que se lles reservaba ós viaxeiros.
Pasando preto da igrexa de San Xián de Moraime falóuselles ós viaxeiros da importancia deste edificio –tanto desde o punto de vista histórico como do artístico- e tamén do caso curioso de que a imaxe do seu patrón, san Xián, do seu interior, apareza vestido coma un nobre do séc. XVIII. ¡Nin que se tomara o modelo das ricas vestiduras do squire Mr. Trelawney da Hispaniola!
A TARDE
Tras o xantar nun restaurante dos Muíños (Muxía), sobre as 4,15 h da tarde arrincou o autobús en dirección á Ponte do Porto. Fomos pola estrada litoral dos Muíños a Cereixo (Vimianzo) polos lugares de Merexo e Leis; arredor duns 13 km. Trátase dunha estrada que vai bordeando a ría de Camariñas e ollando constantemente, polo tanto, fermosas paisaxes mariñas. Un dos lugares máis paradisíacos é a praia do Lago, onde desemboca un regato formando unha pequena lagoa litoral.
Atravesamos o río do Porto pola vella ponte que deu nome á vila camariñá da Ponte do Porto. Nesta ponte tivo lugar un divertivo episodio que se narra no cap. 49 (‘O milagre de san Roque’), motivado pola particular iconografía de san Roque, e tamén porque nunha das entradas da ponte houbera unha ermida dedicada ó santo avogoso contra a peste. A principios do séc. XX destruíuse esta ermida e construíse no seu lugar a igrexa parroquial porteña, desafortunado exemplo de feísmo arquitectónico (localmente chámanlle “a igrexa do silabario”).6ª parada: Alto das Campeleiras-Santa Mariña
Continuamos pola estrada da Ponte do Porto a Camelle. Despois do cemiterio desta localidade collemos á esquerda o ramal en dirección a Santa Mariña. Chegamos ó Alto das Campeleiras (citado na novela) arredor das 5 da tarde. Desde este punto, situado xunto ó cemiterio de Santa Mariña, iniciamos o segundo percorrido a pé, primeiro por un camiño forestal en bastante bo estado e logo, na parte final, por un camiño de monte moi irregular. Uns 2,2 km na ida (4,4 km entre ida e volta).
A anécdota da excursión estivo en que, cando chegados ós 2 km se albiscaba á dereita a area da gran duna-cráter do monte Branco (a uns 100 m de altitude), algúns dos viaxeiros máis adiantados viron un carreiro de monte e deron en dicir que era un atallo para chegar a ela. Os organizadores sabiamos que había un camiño uns 100 m máis adiante, pero uns polos outros acabamos por deixarnos levar porque tamén nos parecía un atallo. Resultado: fomos todos atrás da “avanzadilla” e o “atallo” resultou ser un tortuoso e revirado carreiro estreito entre toxos de certa altura. Tantas eran as ansias de chegar ó “paraíso” natural que case todos demos pasado por entre as agresivas toxeiras, con non poucas dificultades. “Todo paraíso ten o seu camiño esgrevio para percorrer antes”, dixemos para mellor dourar a píldora. Esta inesperada “ruta dos toxos” deu pé para falar da Côte des Ajones (‘Costa dos Toxos’), ruta turística que constitúe, xunto coa Côte du Granite Rosé (‘Costa do Granito Rosado’) un dos atractivos turísticos do norte da Bretaña francesa; o seu emblema é a chorima.
Desde a parte alta da duna cóncava do monte Branco contémplase unha das mellores paisaxes de toda esta costa. Nel situáronse varios escenarios naturais da novela. Non podía ser menos: mirando cara ó norte, á nosa dereita: as enseadas do Colludo e das Cabanas de Santa Mariña seperadas pola estreita restinga do Capelo (os Coídos Xemelgos da novela: as enseadas do Porto Valente -onde estivera ancorada a Hispaniola vixiada polo bergantín pirata An Ankou– e das Lobeiras –onde se atopaba o outro navío pirata: o El Trueno).
Mirando cara ó oeste contémplase a extensa e fermosa praia do Trece (localmente coñecida como o Cusiñaduiro). Se queremos baixar rapidamente cara a ela teriamos que facer como o Chavián e Jim: baixar pola Area Escorredía, coma se fose un moderno tobogán. Jim baixara con moito medo e forzado –e de que maneira- polo seu amigo (cap. 34).
Os penedos rosados deste paradisíaco lugar inspiraron a Serra das penas Rubias (Serra da Pena Forcada, na realidade), que forma parte das formacións de penedos de formas diversas que bordean esta costa e se erguen cara ó ceo como poutas de animais salvaxes. Esta serra remata no mar co Penal do Veo, fermoso penedo cónico.
O profesor Antón G. Losada volveu dar unhas explicacións científicas sobre a formación destas estruturas pétreas e o fotógrafo Xurxo Lobato realizou non poucas tomas, incluso primeiros planos dalgúns dos viaxeiros.
Cando volvemos onda o autobús xa case eran as 7 da tarde. Un pouco máis adiante baixamos a pé pola desviación que leva ó lugar de Santa Mariña e ó seu porto e, desde o alto, albiscamos ó fondo as dúas enseadas xemelgas como as deberon contemplar o Chavián e Jim desde o alto da Pedra Vixía, o gran penedo da Costa do Cairo (cap. 33).
Con Santa Mariña, a súa igrexiña románica e os Coídos Xemelgos ó lonxe evocáronse outros momentos importantes da novela.

Ser fotografado por un profesional da fotografía coa praia do Trece ó fondo, presta (foto Xurxo Lobato)

O grupo tamén foi fotografado por Xurxo Lobato neste fermoso lugar que tanto protagonismo tivo na novela
7ª parada: Camelle
Desandamos parte do andado e dirixímonos cara á vila de Camelle, para dar remate á nosa singradura. Alí introducímonos entre as minúsculas leiras da beiramar para ollar os elevados valados que as protexen (ou protexían, pois a maior parte están a monte, sen cultivar). Estes valos feitos de croios arredondados foron fonte de inspiración para o Valado do Vento da península da Pedrosa, obra mestra de Alfred, o náufrago inglés, o paí do Chavián. Alfred tiña na novela un don especial: que construía altos valos esburatados coma cenefas de encaixe nos lugares máis altos e batidos polo vento, pero este non llos tiraba, quizais porque el sabía escoitar o susurro do vento e levaba as pedras ó oído para escoitalas tamén e colocalas no lugar que elas desexaban. O seu fillo Chavián desexaba saber se tamén herdara ese don paterno.
Moitos lectores pensaban que o personaxe do náufrago inglés está tomado de Manfred Gnädinger, Man, o alemán de Camelle, que finara de pena o Día dos Inocentes do ano 2002 ó ver o seu museo invadido polo fuel, a galipota, do petroleiro Prestige.
O autor aclarou que hai cousas de Man neste náufrafo inglés, sen dúbida, pero a principal fonte de inspiración para o home que falaba coas pedras do cap. 43 fora un personaxe dunha lenda bretoa, aínda que na propia Galicia sempre houbo tamén homes con este don; un dos viaxeiros lembrou que seu pai, canteiro, sempre dicía que non había pedra mala para construír: todas son aproveitables; só había que saber atoparlles o asentamento axeitado. Non se pode negar que, na parte correspondente ós derradeiros anos de vida daquel náufrago desmemoriado, a figura de Man está presente, pero no do home que se entendía co vento e coas pedras xa non.
O autor recordou tamén a anécdota dunha lectora de Camelle, membro do Club de Lectores Arao da Ponte do Porto, que pensaba que ela ben podería ser descendente do náufrago inglés da novela. ¿Como non ía ser así se a súa casa era “a casa do Ingrés” e a súa familia era “a do Ingrés”?. Si non è vero, è ben trovato: non hai dúbida de que Carmen de Lelucho –así se chama a lectora- descende dalgún náufrago inglés, fose quen fose.
Houbo unha visita rápida ó Museo do Alemán, o situado ó aire libre ó lado dun espigón do porto, e todos os viaxeiros lamentaron o estado de abandono en que se atopan as súas esculturas o aire libre formadas por pedras arredondadas polo mar, ósos de animais, vértebras de cetáceos… O seu estreito habitáculo está xa practicamente en ruínas sen que ningún organismo oficial se moleste en reconstruílo.
Demos por rematada a primeira excursión da Ruta Costa do Solpor cunha foto de familia a un e a outro lado da escultura coa súa efixie situada diante do museo a el dedicado, o da Fundación Man, onde se conservan todos os seus pequenos cadernos coas súas notas e cos debuxos que obrigaba a facer ós visitantes ó seu museo, entre outros obxectos persoais.
Foi unha sentida homenaxe a este alemán que deixara polos anos 60 a pracidez das augas do lago de Constanza da súa Alemaña natal polo mar bravo do porto camellán. Escolleu unha vida de anacoreta e transformouse no artista das crebas mariñas. Coa súa morte transformouse nun mito, e tamén a súa obra.

O viaxeiro Xurxo Lobato tamén nos fotografou en Camelle co gallo de lle render a Man unha sinxela homenaxe, ó remate da primeira excursión da Ruta Costa do Solpor.
(A Ruta Costa do Solpor ó completo pode verse no web da AELG)