• info@semescom.gal

Tag Archives: Xosé María Lema Suárez

Placa Colección_Benito_Soto de poesía (Wikipedia)

Benito Soto. O “noso” pirata

Por Xosé María Lema Suárez, presidente do SEMESCOM.

En contraste cos nosos “curmáns” bretóns, nós os galegos en xeral non presumimos da actividade pirata e corsaria do noso pasado. Máis ben a agochamos, sobre todo certas familias de poderío económico da Coruña, Vigo ou de Compostela.
Mais imos ver como iso non é tan certo, unha vez que soubemos que tamén tivemos un pirata famoso, contemporáneo do bretón Robert Surcouf (1773-1832), e non se pode dicir que reneguemos del por completo malia a súa historia truculenta…

LER ARTIGO DE TEMPOS NOVOS: Benito Soto. O “noso” pirata

Retablo de Domingos Martínez /Foto:XML/

Dous escultores fronteirizos do século XVIII de Sandrexo e Pazos

Hai uns días publicábase en La Voz un artigo sobre os problemas dos habitantes de dous lugares, Sandrexo e Pazos que, por estaren divididos entre os concellos de Zas e Vimianzo, estaban sometidos a distintos niveis de confinamento pola pandemia. Son casos curiosos das rexións fronteirizas: casualmente acababa de ver na RAI (Radiotelevisione Italiana) o caso extremo dunha vila lindeira entre as rexións da Toscana e da Emilia-Romagna, na que a liña divisoria pasaba polo medio e medio dunha igrexa, coas bancadas dos fieis dun lado confinadas e as do outro non; a saber onde se situaba o cura na misa…

Volvendo a Soneira, a súa partición xa vén de vello, da división parroquial, que aínda que é a máis acorde coa realidade galega, non impediu que unhas casas de Sandrexo pertenzan a Vilar e outras a Treos; e o mesmo en Pazos: unhas vivendas de Vilar e outras de Tines. Veu complicar a cousa a arbitraria división municipal de 1836, coa súa conseguinte burocracia, pois a primeira parroquia quedou para Zas e as outras dúas para Vimianzo.

Para orgullo da veciñanza destas aldeas estremeiras, é bo que se saiba que foron morada de dous artistas do século XVIII, dos que Evaristo Domínguez e mais eu falamos no libro Zas polo miúdo, pois deixaron importantes obras en parroquias deste concello. Os dous, profetas na súa terra, recibiron abundantes encargos das igrexas da redonda.

Nalgunha das casas do Pazos de Tines tivo o seu obradoiro, hai xa trescentos anos, Domingos Martínez, canteiro e escultor en pedra, que foi o autor das dúas fachadas-retablo máis sobranceiras do arciprestado de Soneira, as dúas de estilo barroco: a da igrexa de Traba (1716) e a do santuario do Briño (1721), en Borneiro; fixo tamén a imaxe en pedra de san Pedro da fachada de Vilar (1731) e sospeitamos que tamén esculpiu a escena do Descendemento do cruceiro do adro de Tines e os retablos pétreos laterais da igrexa de Brandoñas (1717), coas súas imaxes.

Nalgunha das casas da parte do Sandrexo de Treos tivo o seu obradoiro Francisco Castro Agudín, o mestre do que temos documentados maior número de retablos no arciprestado soneirán: catorce, dez en madeira e dous en pedra. Iniciouse dentro das directrices do barroco-rococó, pero adaptouse ás innovacións do neoclasicismo. Traballou de 1776 a 1820 nun reducido campo de acción, non superior ós dez quilómetros da redonda do seu obradoiro. Fixo retablos -e imaxes- nas igrexas de Tines (1776), Vilar (1779 e 1809), Treos (1781 e 1786), Salto (1795), Mira (1798) e Gándara (1799), todos de madeira; en pedra realizou o retablo da Virxe do Carme de Zas (1798) e tamén o da capela de san Xurxo das Torres de Romelle (Loroño).

Contemporáneo deste último artista foi o escultor Agustín Martínez Ribera, asentado en Baio, e deste si que sabemos onde tiña o seu taller: na actual casa de Outeda, veciña da do escritor Enrique Labarta. Sabémolo porque chegou oralmente ós nosos días o sobrenome de Casa do Escultor para ela e tamén porque nas súas dependencias os donos aínda conservaban hai anos restos de retablos. Infortunadamente carecemos de pistas deste tipo para saber onde poderían estar situadas as moradas e os obradoiros dos escultores de Pazos e de Sandrexo do século. XVIII.

Retablo de Domingos Martínez /Foto:XML/

Retablo de Domingos Martínez /Foto:XML/

2019-02-21

Un novo libro sobre o río grande da Terra de Soneira

A semana próxima (25-28 de febreiro 2019) estará na rúa o libro O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, editado polo Seminario de Estudos da Costa da Morte e co-patrocinado polos concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas. Os seus autores, catro soneiráns: Evaristo Domínguez, Xan Fernández, Moncho Gándara e Xosé Mª Lema botaron máis de ano e medio no estudo deste río que nace por detrás do Bico de Meda en terras bergantiñás e xalleiras, pero que axiña se fai soneirán por completo, xunto con toda a súa cunca de afluentes, pois percorre de leste a oeste as terras dos concellos de Zas, Vimianzo e Camarñas, onde desemboca conformando a súa ría.
O libro conta con 140 páxinas, 151 fotos a cor, 13 gráficos e debuxos, 15 mapas e 3 cadros estatísticos. Na contratapas van dous grandes mapas (“A Rede Fluvial do río do Porto” e “Os seus principais aproveitamentos”, da autoría de Rubén Rial. A maior parte das fotos son dos autores, aínda que hai outras cedidas por outras perssoas (Ana García de “La Voz de Galicia”, Tania Carreira, Manuel Rial e Víctor Santos, entre outros). O libro leva a seguinte dedicatoria: “En memoria de Roberto Mouzo Lavandeira, a quen tanto lle seguimos debendo” (a maior parte dos debuxos, planos e unha parte importante das fotos son da súa autoría).
O libro estrutúrase do seguinte xeito: unha introdución; unha investigación sobre os distintos nomes que ó longo da historia tivo o río (desde o Vir fluvius “de los romanos” das crónicas antigas ó río Grande dos anos sesenta do séc. XX, pasando polos nomes de río da Ponte e río do Porto, que viña sendo o máis aceptado.
Despois un breve apartado do río na literatura, pásase a unha descrición polo miíudo do curso alto, do medio e do baixo, convidando a facer rutas de sendeirismo nas que se sinalan os lugares máis interesantes para visitar.

PRESENTACION LIBRO ANTROPONIMIA_acto

Os primeiros apelidos dunha parroquia galega: Berdoias (séc. XVII)

A Casa da Cultura de Vimianzo acolleu o pasado 1 de febreiro a presentación da obra Antropoloxía e lexicografía. No acto interviron Ana Isabel Boullón (editora e membro da AGOn e do ILG), o presidente do SEMESCOM Xosé María Lema Suárez, e presidiron o alcalde Manuel Antelo e Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega. O acto congregou a 45-50 persoas, a maior parte de Berdoias, a parroquia vimiancesa sobre a que Lema Suárez realizou o seu estudo sobre os seus apelidos no século XVII (a única parroquia de toda Galicia que dispón deste estudo).
Se queres consultar este interesante traballo xa o podes descargar a través da nosa web nesta ligazón.

 

PRESENTACION LIBRO ANTROPONIMIA

Queres coñecer os primeiros apelidos do Concello de Vimianzo?

Convidámoste á presentación do libro Antroponimia e lexicografía, publicado polo Consello da Cultura Galega en colaboración co ILG (USC), no que se inclúe a investigación sobre os primeiros apelidos da parroquia de Berdoias (séc. XVII).
Falarán:
Ana Isabel Boullón Agrelo (editora do libro e coautora do Dicionario dos Apelidos
Galegos)
Xosé Mª Lema: “Os apelidos de Berdoias no séc. XVII”
Presiden:
Rosario Álvarez Blanco (presidenta do Consello da Cultura Galega)
Manuel Antelo Pazos (alcalde de Vimianzo)
Venres 1 de febreiro; 8 da tarde
Casa da Cultura de Vimianzo
Organiza: Seminario de Estudos da Costa da Morte
Colabora: Concello de Vimianzo
Resumo da obra:
Este volume parte das conferencias lidas no Simposio Antroponimia e lexicografía organizado polo Instituto da Lingua Galega (USC) en 2016, coordinado por Ana Boullón coa cooperación de Sandra Beis Silva. Constitúe a continuación dunha serie de encontros comezados no ano 2000, coa colaboración desde o inicio do Consello da Cultura Galega.
Reúnense aquí contribucións sobre a elaboración de dicionarios antroponímicos, tanto desde unha perspectiva románica como en distintos ámbitos xeográficos (Italia, Reino Unido e Irlanda, Estados Unidos, Galicia), así como a conexión entre a antroponimia e o léxico común (a deonomástica) e sobre aspectos específicos do estudo da antroponimia galega (problemas etimolóxicos, sobre a transmisión dos apelidos e o estudo histórico dunha área concreta). Tamén se realiza por primeira vez unha aproximación ao valor simbólico dos apelidos en Galicia.
Quérese, en definitiva, con este volume, contribuír ao tratamento lexicográfico dos apelidos e afondar no coñecemento deles no noso territorio.
O santuario da Barca, 24 horas despois do incendio. /Foto: Manuel Rial/

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte súmase ao "luito" pola Barca

Artigos publicados en La Voz de Galicia. 26-12-2013

A gran familia da Costa da Morte está de «luito» pola Barca

Xosé María Lema Suárez, presidente do SEMESCOM.

Espertar coa mala nova do incendio do santuario da Barca de Muxía foi terrible. Como presidente do Seminario de Estudos da Costa da Morte e como membro da Fundación López Abente, lamento na alma esta inagardada desgraza e comparto a dor da vila e do concello de Muxía. A perda emocional e material non é só para os muxiáns, senón que tamén a sentimos como propia os nativos nas comarcas fisterrás da Costa da Morte e estou seguro que Galicia a debera sentir, pois a Barca era (e é) moito máis ca un centro de peregrinación: era e seguirá sendo un dos nosos principais sinais de identidade, que mesmo transcende o sentimento relixioso. Nestes momentos a perda que parece irreparable é a artística, sobre todo os seus tres ben labrados retablos de estilo barroco, dous laterais e o maior, feitos entre 1719 e 1726, polo tanto, próximos a cumpriren os trescentos anos. O lateral sur, de san Xoán, doárao un fidalgo da casa de Romelle (Zas), D. Juan de Caamaño. O maior, obra do gran mestre compostelán Miguel de Romai, fora doazón dos grandes benfeitores do santuario, os condes de Maceda. Póñome agora a consultar datos dos muxiáns estudosos de todo o da Barca: J. E. Rivadulla Porta, Antón Castro e Xan Fernández Carrera, compañeiro este do Seminario de Estudos Comarcais.

Quero imaxinar unha Santa Compaña de muxiáns esbagullando no Alén por esta desfeita: o citado Rivadulla Porta, López Abente e Paz Lestón, o crego Canosa Mouzo… e, como non, o historiador Antonio de Rioboo e Seixas, que en 1728 fixera apoloxía da Virxe muxiá con aquel poema La barca más prodigiosa. Uniranse á Compaña celestial outros poetas universais, coma Rosalía de Castro ou Federico García Lorca, que poetizaran a romaría. Hoxe a gran familia da Costa do Solpor, co Crego Sabio á cabeza, está de luito, pero que saiban os nosos amigos e amigas muxiáns -Viki e Xosé H. Rivadulla, Manolo Vilar, Suso Sambade, J.E. Benlloch, Arturo Suárez, Amparo Baña, Rosa Rial, Rosalía Fernández e tantos outros-, e tamén o alcalde Félix Porto, que non están sós, que nos acabaremos recuperando desta como nos recuperamos doutras. A ver se desta vez os que nos gobernan non nos viran as costas coma en tantas outras ocasións (Prestige, Monte Pindo…).

 

O santuario da Barca, 24 horas despois do incendio. /Foto: Manuel Rial/

O santuario da Barca, 24 horas despois do incendio. /Foto: Manuel Rial/

O lume non pode queimar a nosa memoria

Manuel Vilar, vicepresidente do SEMESCOM

Curiosamente onte fun visitar un amigo ao hospital. Falamos longo sobre temas que teñen que ver coa identidade e memoria do nós colectivo. El, que percorreu o país facendo arqueoloxía e etnografía hai corenta anos, recordou unha frase dun paisano: o que non se recorda non existe. O lume vén de arrasar o santuario da Virxe da Barca. Un patrimonio artístico e histórico de considerable valor foi comesto polas lapas. Todo desapareceu para sempre. Por suposto que tanta destrución afecta aos elementos que configuran o simbólico e o identitario, elementos que inciden na construción das identidades persoais e sociais. Todo isto vaise ver moi afectado, pero non pode desaparecer porque entón desapareceriamos nós. De aí que incidamos na capacidade do recordo como memoria para seguir existindo, pois si somos é porque temos memoria e a Barca é un lugar da memoria colectiva. O santuario da Barca é un lugar simbólico situado nun espazo único. Esa contorna incidiu na definición do seu aspecto relixioso. A devoción é tamén unha construción cultural que estrutura a vida social e articula a memoria. É difícil, pero hai que mirar adiante. O lume ten destruído outros lugares emblemáticos, como santuario de Oñate ou o Liceo de Barcelona, por citar só dous exemplos. Estes sitios rexurdiron das cinzas e seguen sendo o que foron: lugares cun peso simbólico determinante. Temos que traballar para rexenerar o santuario muxián e que siga sendo un referente na nosa xeografía espacial e simbólica, un lugar para a nosa memoria.

O retablo da Barca na poesía de Gonzalo López Abente

Miro Villar, SEMESCOM

O incendio da igrexa santuario da Virxe da Barca provocou a desfeita e a desaparición dun legado histórico e patrimonial, no que sobranceaba o retablo da autoría do escultor compostelán Miguel Romay. O poeta Gonzalo López Abente, tal e como recollemos na súa Poesía Completa (Espiral Maior, 2012, en coedición coa Fundación López Abente), como muxián de nacenza, tiña unha inmensa devoción polo santuario e pola súa Virxe. De feito, na década dos cincuenta publica varios poemas na revista Vida Gallega, que viña de iniciar unha segunda etapa en novembro de 1954 da man do editor Iglesias Presa, entre eles No coroamento da Virxen da Barca.

Deixou sen publicar moitos versos que a honran. Será despois do seu pasamento (1963) cando vai ver a luz Monza de frores bravas para nosa señora da barca. Trátase dun pequeno libro de poesías inéditas que publica a RAG no 1971, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas e do que salientamos o artigo Presencia da obra de López Abente que asina Salvador Lorenzana (seudónimo de Fernández del Riego) despois dos quince poemas, nun dos mellores e máis completos estudos sobre a biografía e a obra do poeta, que tamén inclúe un apartado para a súa obra en prosa. Ademais leva unha introdución de Sebastián Risco, que xa prologara o libroCentileos nas ondas (1958) e que nesta altura era presidente da RAG, intitulado No adral, do que tomamos estas palabras: «Gonzalo López Abente non tiña tocado deica entón en ningún dos seus libros príncipe de poesías, ao menos de xeito escrusivo e con unidade formal, o tema relixioso, nin adoitou poetizar a súa devoción á Virxen da Barca. Fai falla pescudar moito niles pra atopar composiciós dise tenor. Apenas unha, A Pedra da Barca, na que ise tema tócase tanxencialmente, enEscumas da Ribeira; outra, O Santo Cristo de Fisterre, en Nemancos. Ningunha máis poidemos alcontrar nin en Centileos nas ondas nin no seu libro póstumo Decrúa. Na súa obra, a paisaxe, enxergada dun xeito simbolista e cósmico que transparenta no poema Nosa Señora a Terra, é a verdadeira fonte de inspiración. E, sobor de todo, o mar, co que il se identificou en termos de posesión chamándolle «o meu mar», foi o gran protagonista da súa obra poética».

Con todo, sen coñecermos a razón, os compiladores desde libro de 15 poemas non inclúen a composición que López Abente escribiu inspirándose no artístico retablo barroco construído en 1717 polo escultor compostelán Miguel Romay, poema que se publicou co título Retabro da Barca, na revistaVida gallega, 2ª Época, 46-47, xaneiro-febreiro de 1959. Velaquí: RETABRO DA BARCA,

 

A Miguel Romay, escultor santiagués

autor deste manífico retabro:

Lostregaron no souto escentileos

do aceirado sorrir da ferramenta.

Suspenso e trepezal o bosco alenta

e o xenio creador baixa dos ceos.

Renxer de serras, machadazos crúos,

toradas a rolar polas encostas,

as mans do artista a traballar dispostas

e os portentos en pé, ceibos e múos.

Castiñeiros do monte esnaquizados

en pezas ben miudas, ao Obradoiro

fóstedes polo boi marelo ou loiro

nos carros cantareiros carrexados.

E bebe a inspiración do seu poema

o poeta cantor en Compostela.

¡Pregaria a revoar na gran capela

en onde a Virxen nunha barca rema!

O sol, no lenzo azul, da a derradeira

pincelada de ensoño, e a pregar

cai de xoellos, devoto, na fogueira

onde se beixan o alto ceu e o mar.

As vagas de cristal rompen na orela

lixando o espazo nu de húmeda bruma,

e ao estreitaren de bruzos a capela

vese o milagre buligar na escuma.

Cantan os anxos arredor da Santa

que no seu camarín os abenzoa

e espertándose o eco tamén canta

e polas amplas bóvedas revoa.

O retabro de pé no Santuario

deixa o castaño, e de remate vai

orquestando os misterios do Rosario

o grorioso escultor Miguel Romay.

 

Villar é ademais vogal da Fundación López Abente