• info@semescom.gal

Tag Archives: Vimianzo

22852231_1075994075836615_8467747761738537671_n

Coñecemos a Ruta do Val de Vimianzo e os Muíños de Cambeda

O domingo 29 de outubro foi día de reunión na nosa asociación… e de pasalo ben! Como non, aprendendo e descubrindo o rico patrimonio natural e cultural, neste caso, de Vimianzo. Saímos ben cedo do centro da vila para seguir parte da ruta do Val de Vimianzo, polo seu lado leste. En Trasouteiro, primeira parada para oír a historia do seu pazo e capela, neoclásica do século XIX. Bordeando o castro de Sansobre, chegamos a esta aldea despois de coñecer como son as fermosas alvarizas desta terra onde recoller o prezado mel. Baixo a sombra de frondosas árbores autóctonas, bosques de ribeira, carballos, castiñeiros, e, por suposto, piñeiros e eucaliptos, chegamos á aldea con máis altitude do Val: Cubes. En Rasamonde, máis arquitectura popular, cabazos, fonte e curioso escudo na súa casa grande.

22853433_1075994082503281_4751711434061484914_n

Baixando de Cubes

22894437_1075994099169946_8521448384544414045_n

Xosé María Lema explica a igrexa de San Xoán de Cambeda

Era xa mediodía ao chegarmos á igrexa parroquial de Cambeda, onde tivemos dobre sorte: que o guía fose o experto en arte relixiosa soneirá Xosé María Lema… e que a igrexa estivese aberta! Sereas, monstros e outros seres agóchanse na sacristía dun templo con fermosos e ben conservados retablos. Singular é tamén o enorme hórreo no que o cura gardaba as piadosas colleitas que os fregueses non tiñan máis remedio que doar. Da eira que estaba aos seus pés, pouco queda, como ben nos indicaba Pablo Sanmartín, xa que foi estragada coa construción da estrada.

22851870_1075994122503277_1889356053127726740_n

Un dos remansos do río Cambeda

Se descubrir vellos camiños esquecidos ou resistentes bosques autóctonos no mar de eucaliptos que son os montes soneiráns non fosen sorpresas suficientes, quedaba a ruta dos Muíños de Cambeda. O río vai saltando alegre, aínda que con moi pouca auga, polas rochas de granito que pouco a pouco foi desgastando co paso do tempo. Fervenzas inesperadas, chan repleto de landras e ourizos, muíños e até un batán e unha antiga fábrica da luz van facendo gozar aos sentidos. Desvío do río e toca baixar de volta a Ogas, onde aos pés do castro das Barreiras demos conta dun xantar necesario para repoñer forzas despois deste completo paseo polo noso descoñecido patrimonio.

22852231_1075994075836615_8467747761738537671_n

E o tempo acompañou!

Muiñada de Vimianzo

Colaboramos na III Muiñada de Vimianzo

Vimianzo celebra o sábado 21 de outubro a terceira edición da Muiñada, unha recente festa etnográfica que vai mellorando ano a ano. O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte colabora en diversos aspectos da organización desta festa e convida a asistir a todas as persoas que queiran pasar unha boa tarde recuperando vellos saberes, sabores e tradicións.

Entre as novidades deste ano destacan a celebración dun mercado retro e de produtos ecolóxicos, ao xeito dunha feira das de antes. A festa amplíase comezando xa ao mediodía e saí­ndo do Muíño da Agra, trasladándose ás rúas e diferentes establecementos da vila, con Cantos de Taberna, microteatro e Obradoiros de Muiñeira en lugares nada convencionais.

Xa ás 16h a festa vívese baixo as carpas do Muíño da Agra, con sesión café de pota con chulas a cargo dos Campantes da Baña, que darán paso á apertura do Mercado Retro, a feira ecolóxica e unha pequena exposición de imaxes antigas do Val de Vimianzo. Como curiosidade haberá un fotógrafo de época tirando imaxes tamén dos asistentes.

Chega o teatro, coa compañía Trinke Trinke ás 16h45 e co alumnado do IES Terra de Soneira ás 17h30. Estes últimos realizarán unha pasarela de vellos oficios, que dará paso á visita teatralizada ao Muíño da Agra, que se irá facendo en varios pases. Seguidamente comezan os xogos populares, como o gran concurso de debullado de millo, obradoiros de muiñeira, de cantaría e de filloas.

Precisamente isto abrirá o apetito para a Cea tradicional, con broa, empanada de millo, costela, filloas, caldo de rabizas con chourizo, e as esperadas papas de millo, que poucas veces se poden degustar. Para adquirir a bebida ou a cea haberá que pasar polo servizo de banca da Muiñada, xa que daquela o euro non existía, trócanse por “moscosos“!

Coa comida e o magosto popular, a música da foliada de diferentes grupos da zona desembocará na noite de concertos cos grupos Ghaveta, Tanxugueiras e a Compañía do Ruído.

Finalmente, pídese que as persoas que acudan á festa vaian vestidas ao xeito da época. É un xeito moi sinxelo de poder colaborar na ambientación da festa.

Muinhada_web

roberto_acto

Roberto Mouzo Lavandeira, a mirada que dignifica o noso patrimonio

O Concello de Vimianzo inaugura o sábado 8 de abril unha exposición que leva por título Roberto Mouzo Lavandeira, a mirada que dignifica o noso patrimonio. Unha sentida homenaxe ao noso compañeiro na que intervirán Xosé María Lema, Manuel Rivas, Rocío Soto e o alcalde de Vimianzo Manuel Antelo.

Na exposición poderase ver parte do seu gran traballo a prol do patrimonio natural e histórico da Costa da Morte e, nomeadamente, da Terra de Soneira. Unha comarca da que foi recoñecido como Soneirán de honra.

Pode consultar a biografía de Roberto Mouzo Lavandeira nesta ligazón.

En La Voz de Galicia, varias persoas quixeron escribir unhas liñas en homenaxe:

A mirada que dignifica o noso. Moncho Gándara

Roberto, un home bo”. Xosé Mª Méndez Doménech

Roberto. Vicente Mohedano.

Aquel «merlo branco» de Vimianzo. Flori Xoubanova.

 

pondal

Marzo é o mes de Pondal

Quen teña diante o calendario dos Pazos e Casas Fidalgas da Costa da Morte editado polo SEMESCOM, vería que no mes de marzo o protagonista é Pondal. A súa casa de Ponteceso é a escollida para este mes, xa que se cumpren cen anos da súa morte neste 8 de marzo. Esta é unha pequena contribución ao centenario, xunto cunha actividade que estamos preparando en colaboración co concello de Vimianzo: limpar de silvas e maleza o poético banco de pedra do crego Eduardo Abente Chans, tío e padriño de Pondal, de mediados do séc. XIX, no igrexario de San Amedio de Bamiro.

Descarga os calendarios aquí.

marzo pondal

batancinho_naVoz

O batanciño xa está no Mosquetín

Fixeron falta dezaoito anos para podermos ver a maqueta do batán de Servia no Mosquetín, mais finalmente chegou ao seu destino. No muíño-centro de interpretación do lugar instalouse este elemento que vai axudar aos visitantes a poderen comprender mellor o funcionamento do mesmo. E é que cun simple movemento de dedos a maqueta móvese! Nun emotivo acto lembrouse ao vello bataneiro de Lousame José Ramón Ces Ces, autor desta peza, que quixo legar ás xeracións futuras este coñecemento tradicional.

A foto da portada do artigo é de Ana García para La Voz de Galicia.

Así se reflectiu na prensa:

La Voz de Galicia. Edición Barbanza.

La Voz de Galicia. Edición Carballo.

O «Batanciño» de Servia, por fin no Mosquetín”. Xosé María Lema.

“O rescate dos Batáns do Mosquetín”. Moncho Gándara.

2017-02-08 (3)

 

El Correo Gallego

2017-02-08

Quepasanacosta

2017-02-08 (2)

 

batan servia

A maqueta do batán de Servia chega por fin ao Mosquetín

O conxunto etnográfico do Mosquetín (Salto-Vimianzo) acollerá por fin no seu interior a maqueta dun batán. Un modelo especial realizado por un vello bataneiro de Servia (Vilacoba-Lousame) nos sesenta, cando vía que á industria non lle ían quedar moitos anos de vida.

O presidente do SEMESCOM relataba así nun artigo publicado en La Voz de Galicia a historia desta maqueta:

Cando a finais dos anos noventa andaba investigando a existencia doutros batáns galegos, tiven noticia de que nunha aldea de Lousame existía un exemplar destes aparellos. Dada a súa escaseza, achegueime a onde se me indicara, á Casa do Rego de Servia (Vilacova) e comprobei que o batán xa non existía, nin tampouco o bataneiro –José Ces Ces, o patrucio da casa- pois falecera en 1985. Pero resulta que o vello bataneiro, decatándose de que cando el morrese non ía quedar ninguén capaz de reconstruílo, decidiu facer a escala do catro por cento un exemplar, e non só iso, senón que se preocupou por escribir nun caderno a enumeración das pezas cos seus nomes. A súa familia conservou as pezas desmontadas durante anos e mais o seu manuscrito autógrafo, do que me facilitaron unha copia, da que transcribo algúns parágrafos, coa súa ortografía orixinal):

«Batáns de Servia, Parroquia de Vilacoba, Lousame, Noya, La Coruña. Estos Batáns se encuentran situados en la carballeira do Abelan, a la orilla del Río (…). Datan de lo mas antiguo y trabajaron asta el año 1960 ayudando a rrepararlos desde mi infancia asta 1936, que fuy ala gerra y falleciendo el Padre en 1938 y al terminar la gerra fuy rreclamado en 1939 para atender la industria y el resto de la vida, siendo yo el que tuve que aser cargo de todas las atenciones dela Lana y del Lino (…)».

«José Ces Ces. Nasí en Servia el diesiseis de Diciembre de Mil Nuebecientos Diesisiete. Y conociendo perfectamente la antigua industria llamada Batans, ago el siguiente diseño de las piesas que lleva, que en total son ciento treinta y cinco. En unha escala aprosimada a un cuatro por ciento de un mine(?) que boy hacer para Recuerdo ygual del cuatro por ciento del propio Batan de trabajo (…)».

 Consciente da importancia etnográfica do legado do vello patrucio servián, comuniquei a súa existencia ó equipo mixto Universidade de Santiago/Servizo de Arquitectura da Deputación da Coruña que daquela estaba reconstruíndo o conxunto do Mosquetín. E así, acompañado polo técnico encargado do proxecto de musealización, Paco Doval Galán (actual director do Forno do Forte de Buño), volvín o 5 de agosto de 1999 á Casa do Rego, e conseguimos que a familia de José Ces cedese gratuitamente á Deputación a singular maqueta de carballo (de 130 kg de peso) coa condición expresa de que estivese permanentemente exposta no futuro Ecomuseo do Mosquetín, cun letreiro co nome do doador. As pezas quedaron depositadas nas dependencias do Forno do Forte buñés en espera do remate das obras do Mosquetín, e alí seguen sen función ningunha. ¡Que paisiño o noso: pensar que se botaron case vinte anos de loita contra a Administración para que non desaparecese o conxunto do Mosquetín e agora vai resultar que, para que a rústica maqueta de Lousame dea chegado ó seu destino, tiveron que pasar dezasete!».

O acto de presentación da maqueta terá lugar o sábado 4 de febreiro ás 12 do mediodía no Mosquetín.

batan servia modelo

berdoias

Presentación en Berdoias do Calendario 2017

Berdoias é o lugar escollido para presentar o novo calendario do SEMESCOM do 2017 sobre Pazos e casas fidalgas da Costa da Morte.
O venres 16 de decembro ás 20h comezará o acto cunha conferencia do presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema Suárez, sobre “Os primeiros apelidos documentados dunha parroquia galega – Berdoias Século XVII”.
Ao finalizar presentarase o calendario 2017 do SEMESCOM.

cartel-charla-presentacion-de-berdoias-16-12-16

muinadavimianzo

Unha muiñada para recuperar a tradición do millo

A vila de Vimianzo volveu reunirse ao redor do vello Muíño da Agra para pór en marcha as súas moas. Trátase da segunda edición dunha “antropofesta” como é chamada pola organización, na que non faltan as actividades culturais, lúdicas, gastronómicas e por suposto, musicais. O principal obxectivo da festa é recuperar toda a sabedoría que existe ao redor do traballo do millo e que este ano, coa colaboración do SEMESCOM, nomeadamente Chus Barbeira, leváronse á contorna do Muíño imaxes que había ben tempo non se repetían.

A realización dun documentario polo colectivo Catro Ghatos e a escenificación de varias pezas teatrais ambientadas na época fixo comprender mellor o mundo labrego de metade do século XX para quen non o viviu. Nestas últimas pezas  entre outras historias puidemos oír o conto inspirado en feitos reais que lle aconteceu a Manuel Suárez cando era novo. El foi o neno do lobo.

simposio_megalitismo_vimianzo_6

II Simposio de Megalitismo da Costa da Morte no seu contexto atlántico

Os monumentos megalíticos son ben aproveitados noutros lugares para promover o turismo cultural, coma na Bretaña francesa (a principal fonte de ingresos), pero en Galicia seguimos deixando pasar o sol pola porta e o noso goberno segue incumprindo as súas propias promesas (a promoción do Megalitismo da Costa da Morte, anunciado no 2001). Non esquezamos que o famoso dolmen de Dombate, a chamada catedral das antas galegas, estivo, tras as escavacións de 1989, invisible e ó ventimperio uns 16 anos cuberto por unha burda lona de plástico (a chamada “burka de Dombate”). Felizmente agora hai un centro de interpretación presentable, á altura de calquera europeo, pero tiveron que pasar eses longos tres quinquenios (os do goberno de Fraga, casualmente) para que Xunta e Deputación da Coruña se puxesen de acordo, e iso que eran do mesmo signo político.

simposio_megalitismo_vimianzo_1 simposio_megalitismo_vimianzo_2

Hai un ano escribín en diversos medios sobre o abandono por parte da Secretaría de Patrimonio da Xunta de Galicia das 14 antas da Costa da Morte que ela mesma declarada BIC, con moita pompa, cubertas por toxos e silvas, e, polo tanto, invisitables. Desde este organismo non moveron un dedo para mellorar a situación. Tiveron que ser os concellos os que se puxesen man á obra ante tanta desidia: Malpica acondicionou a Pedra da Arca de Cerqueda, Cabana seguiu mantendo as visitas guiadas e organizando actos diversos en Dombate, Zas mandou limpar a Arca da Piosa (a grandiosa “tumba do valente Brandomil” da épica pondaliana) e Vimianzo, que sinalizou a longa ruta do seu territorio, colocou carteis informativos en galego, castelán e inglés en todas as antas, limpounas de maleza e acondicionou os accesos. ¡Todo un exemplo para a Xunta de Galicia!

simposio_megalitismo_vimianzo_3 simposio_megalitismo_vimianzo_4 simposio_megalitismo_vimianzo_5

O domingo día 4 de setembro puxémoslle o ramo ó II Simposio de Megalitismo de Costa da Morte no seu contexto atlántico cunha visita guiada de dous autobuses por catro das principais antas ou dólmens (nós preferimos as denominacións populares galegas de antas, arcas, arquiñas…; ‘mámoa’ xa a demos introducido internacionalmente): Pedra da Arca de Baíñas/Regoelle, Arca da Piosa, Pedra Cuberta e Dombate (popularmente A Fornella de Vilaseco). Asistiron preto de 90 persoas.

simposio_megalitismo_vimianzo_6

O día 2 (re)inauguramos unha Exposición Itinerante que o Seminario de Estudos da Costa da Morte preparada a finais de 2011 e que percorreu moitos centro de ensino (1ª foto). É de loar o labor do Concello de Vimianzo, que acometeu funcións que serían máis ben propias da Secretaría Xeral do Patrimonio, se existise (pero, como comentou algún asistente, “non está nin se lle espera”), coma tal acondicionar os 2 km que separan a estrada asfaltada dos 500 m do tramo final da “tumba do guerreiro Brandomil” (Pondal dixit: a Arca da Piosa) (unha heroicidade a dos dous autobuses que sen medo se aventuraron por esta pista de monte que con urxencia acondicionou minimamente o Concello vimiancés. 

simposio_megalitismo_vimianzo_7

 

O poeta Miro Villar, socio do Semescom, puxo poesía á ruta recitando poemas de autores coma Pondal e Antón Zapata na Pedra da Arca, na “Arca antiga da Piosa” (en honra do valente Brandomil, naturalmente), en Pedra Cuberta e en Dombate. Rodeando as dúas ciclópeas tampas (6 t cada unha) da Arca da Piosa fotografouse o grupo.

simposio_megalitismo_vimianzo_8

Foi o guía (titulado, por certo) o mozo vimiancés Manuel Rial (en Dombate, Ángel Eiroa), pero houbo atinadas colaboracións espontáneas doutros asistentes, coma Evaristo Rial, Pablo Sanmartín, Estevo Lema, Xan Fernández ou Moncho Gándara, que achegaron datos e anécdotas pouco coñecidas.

simposio_megalitismo_vimianzo_9

“Os de abaixo”, o pobo, xa falou: coñece e valora esas “grandes pedras” de 5.000 anos atrás. Malia faceren oídos xordos, cómpre seguir petando nas aínda máis ciclópeas pedras das herméticas murallas de Patrimonio da Xunta de Galicia, que só debe entender por cultura o comecartos da Cidade da Cultura ou as catedrais galegas; o resto non existe: no máis completo abandono (sobre todo o da zona rural). Parafraseando o Cantar do Mío Cid: “Dios, que buen(os) vasallo(s) si hobiese buen(os) señor(es)!”

 
Texto de Xosé María Lema Suárez

simposio megalitismo

Vimianzo acollerá un novo simposio sobre o megalitismo

Desenvolverase os vindeiros 2, 3 e 4 de setembro na Casa da Cultura de Vimianzo.

presentacion

Na presentación participaron o alcalde do Concello de Vimianzo, Manuel Antelo, o catedrático da USC Antón Rodríguez Casal, coordinador científico do Simposio, Xosé María Lema, presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e Marta Rei, concelleira de Cultura, Deportes e Mocidade do Concello de Vimianzo.

Dez anos depois do desenvolvemento da primeira edición do Simposio é preciso voltar a repensar o coñecemento e a divulgación do patrimonio magalítico e da súa posta en valor como elemento favorecedor do contexto socioeconómico.

Vimianzo é o lugar ideal para desenvolver esta segunda edición, pois é un concello que concentra máis de 200 xacementos megalíticos, algúns de enorme importancia como a Pedra da Arca, a Casota de Freáns ou Pedra Cuberta.

Nesta edición do Simposio analizaranse os monumentos, as intervencións que se levaron a cabo nos mesmos, e as novas tecnoloxías que nos poden achegar novas visións e interpretacións.

(www.vimianzo.gal)

simposio megalitismo

PROGRAMA

II SIMPOSIO

O MEGALITISMO DA COSTA DA MORTE NO SEU CONTEXTO ATLÁNTICO

DA ARQUEOLOXÍA Á PROMOCIÓN TURÍSTICA

Casa da Cultura de Vimianzo

2,3 e 4 de setembro

Venres 2 de setembro

 16.00 h Entrega de documentación

 16.30 h Inauguración oficial do Simposio e da exposición

 17.00 h Conferencia inaugural: Ramón Fábregas Valcarce (Universidade de Santiago de Compostela). O megalitismo galego, hoxe

 18.00 h Xosé Mª Lema Suárez (Presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte): Camiñando entre dolmens. Roteiro das antas no seu contexto natural, históricoartístico e cultural da Costa da Morte.

 19.00 h Manuel Lestón Gómez (Servicios de arqueoloxía Arkaios S.L.): O dolmen de Dombate como paradigma: das últimas intervencións arqueolóxicas á musealización.

 20.00 h Mar Llinares García (Universidade de Santiago de Compostela): A mitoloxía popular e os monumentos megalíticos

Sábado 3 de setembro

 10.00 h Miguel Carrero Pazos, Alia Vázquez Martínez e Benito Vilas Estévez (Universidade de Santiago de Compostela): Novas propostas para o estudo do Megalitismo: Arqueoloxía espacial, fotogrametría, modelado 3D e arqueoastronomía.

 12.00 h Fernando Carrera Ramírez (Universidade de Vigo): As pinturas nos monumentos megalíticos da Costa da Morte: riqueza ou pobreza?

 13.00 h Antón A. Rodríguez Casal (Universidade de Santiago de Compostela): Estelas, ídolos e menhires: a escultura megalítica como imaxe apotropaica.

 16.00 h Goreti Sousa (Escola Superior Gallaecia, Vila Nova de Cerveira): O megalitismo da rexión galaico-portuguesa do Miño.

 17.00 h Mesa redonda: O Patrimonio megalítico da Costa da Morte a debate. Da arqueoloxía á promoción turística Manuel Antelo (Alcalde), Xosé Mª Lema (Seminario de Estudos Comarcais), César Abella (Trivium ECT Turismo e xestión cultural), Representante da Deputación da Coruña, Representante da Xunta de Galicia Moderador: Xan Fernández Carrera (Seminario de Estudos Comarcais)

 18.00 h: Conclusións e peche

Domingo 4 de setembro

 Visita arqueolóxica polas principais antas con recital poético

Organiza: Concello de Vimianzo, Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Universidade de Santiago de Compostela Colabora: Centro de Formación e Recursos da Coruña Coordinador científico: Antón Abel Rodríguez Casal