• info@semescom.gal

Tag Archives: Viaxe 2014

Viaxe á Alta Normandía, Bélxica, Luxemburgo. Agosto 2014

“De Rens a Reims e de Vimianzo a Bergerac”

CRÓNICA DA VIAXE DO SEMINARIO DE ESTUDOS DA COSTA DA MORTE Á ALTA NORMANDÍA, BÉLXICA, LUXEMBURGO, NE. E CENTRO-SUR DE FRANCIA  (LORENA, CHAMPAGNE E AQUITANIA)

(20-30 agosto 2014)

Temáticas principais desta viaxe:
 – unha ‘fisterra’ altonormanda (os cantís de Étretat),
 – as grandes catedrais góticas do N. de Francia,
– flamengos e valóns (o particularismo belga),
– os principais escenarios da 1ª Guerra mundial,
– a arte mural dunha gruta do Paleolítico

“De Rens a Reims e de Vimianzo a Bergerac”


©Xosé Mª Lema, 2014

1º día ( 20 de agosto, mércores): Vimianzo-Bordeos

Saímos de Vimianzo ás 6 da mañán 49 viaxeiros da Viaxe do Seminario de Estudos da Costa da Morte á Alta Normandía, Bélxica, Luxemburgo e NE. e SE. de Francia. Obxectivos: visitar a fisterra atlántica da Alta Normandía, as grandes catedrais góticas do Norte de Francia –berce deste estilo artítico-, coñecer Bélxica e Luxemburgo e, así mesmo, os escenarios da I Guerra mundial, da que se acaba de cumprir o centenario do seu inicio; finalmente, un paseo pola prehistoria visitando as famosas covas de Lascaux, no Perigord do sur de Francia.
Como complemento para este longo itinerario de once días, elaboramos un resumo da Historia de Bélxica, un cadro de datas fundamentais da Historia de Francia e un resumo dos feitos máis importantes da I Guerra Mundial, coas súas causas e consecuencias.
No primeiro día de viaxe fixemos o percorrido de Vimianzo a Bordeos, onde durmimos, pola autovía do Cantábrico. Houbo sorte e, malia haber brétema, non nos cortaron o paso no novo tramo de autovía do Cantábrico entre a Terra Cha e a Mariña, acabada de inaugurar; xantamos en Cantabria e sen maiores contratempos chegamos ó Fasthotel-Artiguex de Bordeos, onde fixemos noite.

FRANCIA

2º día (21 agosto, xoves): Bordeos – Niort- Angers-  Bolbec (Alta Normandía)

Visitas: Niort, Angers.

Durmida: Bolbec.

(NOTA: Facer clic nas fotos para amplialas)
O donjon do castelo de Niort (foto X. Mª Lema [XMLS])

O donjon do castelo de Niort
(foto X. Mª Lema [XMLS])

NIORT (60.000 hab)

Fixemos unha breve parada  en Niort , cidade do Poitou, a 190 km de Bordeos. Tempo para tomar un café e visitar o donjon (torre da homenaxe)  dun antigo castelo dos condes de Poitiers. É de planta rectangular con poderosos torreóns nos extremos. Acubilla un Museo de Etnografía Rexional. Desde o alto dos torreóns hai excelentes vistas da cidade, que tamén conta coa igrexa tardogótica de Nôtre Dame, cun bonito campanario rematado en agulla.
Vista de Niort desde as ameas do donjon do castelo (XMLS)

Vista de Niort desde as ameas do donjon do castelo (XMLS)

MAINE E LOIRA

ANGERS (150.000 hab)

A seguinte parada foi en Angers, capital de departamento e cidade histórica da provincia de Anjou. No séc. XII foi capital dun reino que se estendía de Inglaterra a Sicilia. Aquí xurdiu a dinastía Anjou, que reinou en Sicilia e Nápoles. O primeiro rei da dinastía borbónica española foi Filipe de Anjou (Filipe V).
Maqueta do castelo de Angers

Maqueta do castelo de Angers

O castelo. Situado na beira esquerda do río Maine. Foi construído entre 1228 e 1238 por Blanca de Castela, rexente do seu fillo Luís IX. É de planta pentagonal e está rodeado dunha muralla provista de 17 torreóns cilíndricos de pedra branca e lousas. Durante as guerras de relixión do séc. XVI o rei Henrique III (o derradeiro da dinastía Valois) ordenou a súa demolición, pero o gobernador só lle eliminou os merlóns dos remates ameados (1585). Desde a torre do Muíño (tour du Moulin) hai unha boa vista da cidade. No interior hai varios edificios do séc. XV que gardan unha colección de tapices, entre eles o Tapiz do Apocalipse (finais séc. XIV), un dos máis antigos que se conservan, obra do artista parisino Nicolas Bataille.

Castelo de Angers, da dinastía Plantagenet (XMLS)

Castelo de Angers, da dinastía Plantagenet (XMLS)

A catedral de S. Mauricio.  Construción gótica dos séculos XII e XIII, dunha soa nave, cuberta cunhas bóvedas chamadas de Anjou (bóvedas anxevinas: a clave das oxivas está situada a máis de 3 m por enriba das claves dos arcos formeiros e perpiaños, mentres que nas outras bóvedas góticas as claves están á mesma altura). A nave é a máis ancha da época(16,38 m, fronte ós 12 m das outras).  A fachada está flanqueada por dúas torres laterais normandas e unha central máis baixa do séc. XVI. Nesta fachada ábrese unha portada con esculturas románicas presidida por un Cristo no tímpano.
La Doutre. É o nome que recibe o barrio antigo, situado fronte ó castelo na beira dereita do Maine, na outra banda da ponte de Verdun.
En St. -Barthélemy-d’Angers, nos arredores da cidade, prodúcese desde 1911 o famoso licor de foitas Cointreau

A dinastía de Anjou

Apareceu a finais do séc. IX con Fulco o Roxo, conde de Angers. O máis temible foi Fulco III Nerra, chamado o Negro, pois era moi moreno (972-1040), que guerreou con todos os señores veciños para ampliar o seu territorio. Un dos seus descendentes foi Henrique II Plantagenet, que casou en 1152 con Leonor de Aquitania, divorciada de Luís VII. Os seus dominios ían da Tolosa occitana (=Toulouse) e da Gascuña a Normandía; en 1154 converteuse en rei de Inglaterra, aínda que residía en Francia, sobre todo en Angers. Despois de Blanca de Castela e do seu fillo Luís IX, Anjou pasou a mans da dinastía dos Capetos. O rei Renato foi o derradeiro dos dques de Anjou (introduciu na rexión o caravel e a rosa de Provins) Luís XI fíxose dono de Anjou, pero abandonou Angers para residir na Provenza, pois tamén era conde da Provenza.
Vista do barrio de La Doutre e do río Maine, afluente do Loira (Angers) [XMLS]

Vista do barrio de La Doutre e do río Maine, afluente do Loira (Angers) [XMLS]

A viaxe continuou ó longo de case 300 km máis, pasando preto de cidades coma Le Mans ou Alençon. Chegamos ó Val do Sena no seu tramo final e, tras atravesar o río pola ponte de Tancarville, arribamos a boa hora ó hotel Le Relais d’Étretat de Bolbec, no que fixemos noite.

3º día (22 agosto, venres): Bolbec-Bolbec

Visitas previstas: Honfleur, Le Havre, cantís de Étretat e de Fécamp.

Durmida: Bolbec 

BREVE VISITA Á BAIXA NORMANDÍA

A PONTE DE NORMANDÍA

Para visitar a vila de Honfleur, a principal da Costa Florida, tivemos que pasar por dúas grandes pontes de tiranteS: a Gran Ponte sobre a canle de Le Havre e a Ponte de Normandía, sobre o esteiro do río Sena. Esta ponte é unha das grandes obras de enxeñería dos últimos tempos: 2.141 m de longo, dos que 856 m corresponden ó van principal entre dúas xigantescas torres de formigón pretensado en forma de Y invertido; estas torres miden 214 m de altura e pesan 20 mil tm.  No van ou arco central a altura é de 60 m, para permitir o paso de todo tipo de barcos.
A piques de atravesar a ponte de Normandía, ó lonxe, no esteiro do río Sena (XMLS)

A piques de atravesar a ponte de Normandía, ó lonxe, no esteiro do río Sena (XMLS)

A Cámara de Comercio de Le Havre correu a cargo coas obras, iniciadas en 1988 e rematadas 7 anos despois. A inauguración foi o 20-01-1995. Neste momento era a ponte máis longa do mundo, logo superada pola Gran Ponte Tatara de Xapón en 34 m (1999) e, como ponte atirantada, tamén se viu superada pola dó río Antirio en Grecia (2004).
Unha das torres-piar da ponte de Normandía (XMLS)

Unha das torres-piar da ponte de Normandía (XMLS)

HONFLEUR, NA CÔTE FLEURIE

Honfleur(8.400 hab) é a principal vila desta costa. Malia estar o día chuvioso, dedicamos un bo anaco de tempo a percorrer as rúas desta fermosa vila.
O seu Porto Vello, na Vella Dársena (‘Vieux Bassin’) -construído por Duquesne a mediados do séc. XVII- é a parte máis pintoresca da cidade, con casas de fachadas de madeira. No ángulo exterior érguese o antigo Lieutenance, palacete do séc. XVI onde residía o Lugartenente Real, con restos de antigas fortificacións. Na fachada que mira ó porto hai unha  placa que conmemora a saída de Samuel de Champlain cara a Canadá. Champlain foi un famoso navegante, explorador, xeógrafo… francés; o primeiro que explorou e describiu os Grandes Lagos de América do Norte- ¿Para cando un recordo visible en Corme que lembre ós visitantes que nesta vila naceu un navegante tan importante como o almirante Mourelle da Rúa, que ten sido comparado co inglés Cook? Nós seguimos sen dar valor ó propio.
No Porto Vello (dársena) de Honfleur
Tamén á interesante a igrexa de Santa Catarina, disque construída a finais da Guerra dos Cen Anos (séc. XV) por traballadores dos estaleiros para agradecer a retirada dos ingleses. No interior –que non puidemos ver por haber un funeral- as naves están cubertas con bóvedas de madeira con forma de quilla de barco investida, sostidas por piares de carballo. O campanario da igrexa, da madeira de carballo,  atópase separada encol da vivenda do campaneiro.
Campanario da igrexa de Sta. Catarina, sobre a casa do campaneiro (XMLS)

Campanario da igrexa de Sta. Catarina,
sobre a casa do campaneiro (XMLS)

Na vila hai outra igrexa gótica, a de Ste.-Etienne, e dous importantes museos: o do Vello Honfleur e o de Eugène Boudin (1824-1898), un dos primeiros pintores impresionistas, natural desta cidade.
Outras vilas desta costaCabourg  (4.000 hab) conserva edificios da Belle Époque, coma o Grand Hotel, construído en 1861 e restaurado en 1907, que inspirou a obra de Marcel Proust. Houlgate, na súa praia conserva palacetes neogóticos de finais do séc. XIX. Despois veñen as falaises (acantilados) das Vaches Noires. En Bénerville volve haber cantís, e tamén un casino. Deauvillesegue sendo un dos grandes centros estivais do turismo parisiense, xunto con Honfleur. Trouville-sur-mer xa fora descuberto polos artistas e escritores románticos no primeiro terzo do séc. XIX, coma Alexandre Dumas ou Gustave Flaubert; a finais do séc. XIX viviron aquí pintores realistas (Honoré Daumier) e os primeiros impresionistas (Engène Boudin).
Placa recordatoria para o navegante Champlain, na casa do Lugartenente

Placa recordatoria para o navegante Champlain, na casa do Lugartenente

A Côte Fleurie (“Costa Florida”) constitúe un dos núcleos tradicionais do turismo europeo máis antigos, pois xa se puxera de moda na chamada Belle Époque (período de paz e prosperidade entre 1880 e 1914), sobre todo por parte da burguesía parisiense. Entre Cabourg e Honfleur hai unha sucesión de praias de fina area –ás veces entre acantilados- que fascinou a artistas, escritores e viaxeiros de finais do séc. XIX. Consérvanse os sinxeloschalets de madeira dos pioneiros do turismo, e tamén hai exemplos de ostentosa arquitectura balnearia de cada época (grandes hoteis que semellan castelos sobre o mar,vilas miliares de estilo ecléctico e neogótico ou orientalizante etc.).

ALTA NORMANDÍA

LE HAVRE (185.000 hab).

Regresamos á Alta Normandía polas mesmas pontes, e puidemos observar a extraordinaria anchura do río Sena na súa desembocadura.
Percorremos Le Havre en autobús, pois o tempo apremaba.
A Casa da Cultura de La Havre (O.Niemeyer) [XMLS]

A Casa da Cultura de La Havre (O.Niemeyer) [XMLS]

Le Havre é o 2º porto comercial e industrial de Francia despois do de Marsella, de dimensións xigantescas (30  de peiraos, 1.100 ha de dársenas, 575.000 m2 de centros comerciais).
-ocupada polos alemáns en 1940 e destruída en 1944 polos ataques aéreos dos aliados.
-a reconstrución postbélica foi sobre proxectos de Auguste Perret.
-en 2005 o complexo urbanístico da cidade foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Maison de la Culture, centro cultural en forma de volcán, obra de Oscar Niemeyer (no Bassin du Commerce), centro polivalente (teatro, cine e auditorio).
Escultura nunha rotonda entre O Havre e Étretat

Escultura nunha rotonda entre O Havre e Étretat

Museo Malraux, con cadros dun dos primeiros impresionistas, Eugène Boudin. Preto está o Peirao do Semáforo (torre de control que regula os movementos do porto).

OS CANTÍS (FALAISE) DA CÔTE D’ALBATRE

Situados na Alta Normandía (Pays-de-Caux). Polos cantís existentes entre Étretat e Fécamp, de rochas calcarias de cor branca, do período cretácico, este tramo de costa da Canle da Manga recibe o nome de Côte d’Albatre (‘Costa de Alabastro’). Tamén é chamada a Costa das Pedras Preciosas (coma a creta). Son paredes verticais de entre 60 e 100 m sobre o nivel do mar, que teñen ó seu pé praias. ACôte d’Albatre, coas súas pequenas vilas de Étretat e Fécamp, chegou a rivalizar  coa Côte Fleurie no veraneo dos parisienses e na preferencia dos artistas e escritores, xa desde o séc. XIX; aquí tamén se iniciaron os paisaxistas impresionistas. Ó lado de Étretat atópanse os acantilados de Aval (accesibles a pé), cunha soberbia vista sobre a vila e a praia; alí pódese ver a aiguille (agulla) de Étretat, obelisco de 70 m de altura. Máis ó norte queda o acantilado deAmont (accesible tamén en coche).
Étretat é unha pequena vila que remata nunha praia de pequenos coios (polo tanto, en realidade é un coído, palabra galega que lles podemos emprestar ós franceses e ó resto do mundo, pois parece que a ignoran) marcado polos cantís de Amont (ó norte) e os de Aval (ó sur).
O arco da Porta de Aval lembra a praia das Catedrais (XMLS)

O arco da Porta de Aval lembra a praia das Catedrais (XMLS)

A nosa chegada foi pasado o mediodía; ó pouco de chegar sorprendeunos unha boa chuvieira e a maior parte dos excursionistas aproveitou para xantar. Con todo, houbo algún apurado que xa empezara o ascenso ós acantilados, empezando polos de Amont , e tivo que soportar a molladura. A maior parte dos viaxeiros só puidemos visitar os cantís de Aval, ó sur, cunha nada doada  subida por escaleiras, ramplas de cemento e carreiros escorredizos debido á lama provocada momentos antes pola chuvia. O ascenso pagou a pena, pois desde o alto albíscanse espléndidas vistas, tanto da vila coma das formacións rochosas. As máis interesantes, a Agulla e o arco chamado La Porte d’Aval,  que tanto nos lembrou ó da chamada praia das Catedrais da Mariña luguesa, o mesmo que o outro arco situado uns metros máis adiante, tras a praia de Jambourg, chamado La Manneporte.
O profesor  Antón Losada ilustraríanos logo no autobús sobre a xeoloxía desta Côte d’Albatre. Non tardaría outro profesor, Xosé Penas Patiño, en darnos a primeira das súa leccións de ornitoloxía. Por algo presumimos de que as nosas viaxes son unha universidade ambulante.
Étretat, coa súa praia (ou coído) (XMLS)

Étretat, coa súa praia (ou coído) (XMLS)

A Agulla dos cantís de Aval (Étretat) [XMLS]

A Agulla dos cantís de Aval (Étretat) [XMLS]

Praia de Jambourg e arco de Manneporte (cantís de Aval, Étretat)

Praia de Jambourg e arco de Manneporte (cantís de Aval, Étretat)

 

FÉCAMP

 

Praia e cantís de Fécamp (XMLS)

Praia e cantís de Fécamp (XMLS)

É un dos principais portos pesqueiros de Francia (o primeiro na pesca de pescada). Conta tamén cunha longa praia e cos cantís máis altos de Normandía (126 m de altura).

Nesta praia fixemos a primeira foto de familia, cos cantís ó fondo. Logo percorremos o porto e as rúas, visitando o Palais Benedictine, a igrexa de Ste. Etienne, a Casa do Concello e a Abadía da Santa Trindade, en ruínas, das que queda en pé unha impresionante igrexa.
Regresamos a Bolbec polo pintoresco Val de Valmont.
foto de familia na praia de Fécamp

foto de familia na praia de Fécamp