Ó sueste do Trinity College queda a National Gallery (museo de pintura con ricas coleccións de pintores europeos) e o National Museum (Museo Nacional), cunha parte arqueolóxica moi interesante. Varios viaxeiros non deixaron de visitar estes museos, de entrada gratuíta, pois dependen do Estado.
Á beira esquerda do río Liffey e á parte norte da cidade chégase pola ponte Carlisle, que nos leva directamente á principal das rúas comerciais dublinesas: a Ó Connell Street, en honra a este político nacionalista do séc. XIX, un dos primeiros en utilizar a non-violencia para conseguir os seus obxectivos (o autogoberno de Irlanda); ten unha estatua sobre un alto pedestal ó principio da rúa. Non é o único que ten estatua nesta vía, pois tamén contan con cadansúa os políticos William Ó Brien e Charles Parnell, o sindicalista James Larkin e o enxeñeiro John Gray (este por traer a auga corrente á cidade). Nunha das rúas transversais atópase tamén a escultura de bronce do escritor James Joyce.
MOLLY MALONE[1]
Versión en inglés
|
Versión en galego
|
In Dublin’s fair city
where the girls are so pretty
I first set my eyes on sweet Molly Malone;
as she wheeled her wheelbarrow
through streets broad and narrow
crying cockles and mussels alive, alive-oh!
(chorus):
Alive alive-oh, alive alive-oh
crying cockles and mussels alive alive-oh!
She was a fishmonger
and sure it’s no wonder
for so were her father and mother before;
they both wheeled their barrows
through streets broad and narrow
crying cockles and mussels alive, alive-oh!
(chorus):
Alive alive-oh, alive alive-oh
crying cockles and mussels alive alive-oh!
She died of a fever
and no one could save her
and that was the end of sweet Molly Malone;
her ghost wheels her barrow
through streets broad and narrow
crying cockles and mussels alive, alive-oh!
(chorus):
Alive alive-oh, alive alive-oh
crying cockles and mussels alive alive-oh!
Alive alive-oh, alive alive-oh
crying cockles and mussels alive alive-oh!
Alive alive-oh, alive alive-oh
crying cockles and mussels alive alive-oooh!
|
De varanda por Irlanda,
oito días de parranda,
(os) meus ollos fixei na sweet Molly Malone;
da carreta turrando,
pola rúa berrando:
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
CORO: ¡Hai, hai, hai, hai, ho!
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
Era ela peixeira,
en mercados e feiras;
(como) así o foran (os) seus pais en Cork,
das carretas turrando,
pola rúa berrando:
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
CORO: ¡Hai, hai, hai, hai, ho!
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
A súa vida foi breve,
pois morreu dunha febre,
e na Compaña anda a sweet Molly Malone;
da carreta turrando,
pola rúa berrando:
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
CORO: ¡Hai, hai, hai, hai, ho!
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, hooo!”
|
[1] Versión libre para potenciar a irmandade galego-irlandesa dos tataranetos de Breoghan.
De Dublín saímos de mañá en dirección norte, na procura do Val do río Boyne (Bóinne en irlandés), onde se atopan os monumentos megalíticos máis importantes de Irlanda e o campo de batalla do Bóinne, acontecida nas beiras deste río o 1º de xullo de 1690, que marcou un antes e un despois na historia da illa de Irlanda. Nas nosas NOTAS SOBRE A HISTORIA DE IRLANDA (pp. 10-11) xa indicamos que esta fora a batalla máis importante acontecida en chan irlandés, e que supuxera o sometemento dos católicos á minoría protestante (Protestant Ascendency) durante séculos. A chamada Orde de Orange de Irlanda do Norte ata hai pouco celebraba con provocadores pomposos desfiles esta vitoria (trasladada ó 12 de xullo polos cambios do Calendario Gregoriano).
A primeira visita foi ás ruínas do mosteiro de Monasterboice, fundado por san Buithe (san Boecio), seguidor de san Patricio, a finais do séc. V. Fora asaltado polos viquingos no ano 968. O máis interesante deste enclave é a súa torre cilíndrica de 30 m de altura (que servía de refuxio ós monxes durante os ataques viquingos) e o seu cemiterio, inzado de cruces ‘irlandesas’ (co característico círculo unindo os brazos). O noso propósito era contemplar as máis antigas e artísticas destas cruces, decoradas con relevos alusivos a escenas bíblicas ou da paixón de Cristo. A máis antiga e máis artística é chamada cruz de Muiredach, nome que recibe polo nome do seu doador, que figura nunha inscrición da base: “unha oración por Muiredach, por quen se fixo esta cruz”. Pola base tamén aparecen dúas figuras tirándose mutuamente da barba, detalle que, segundo Pablo Sanmartín, tamén aparece no románico de Moraime. Data do séc. X. Lembremos que os cruceiros galegos máis antigos –o de Melide, por exemplo- son os datados no séc. XIV. O Cruceiro dos Santos de Bamiro –esa marabilla escultórica gótica que milagrosamente se mantén totalmente desprotexida nunha encrucillada de monte- data dos sécs. XV ou XVI. Véxase no ITINERARIO APROXIMADO… (p. 18-19) a descrición dos relevos das tres principais cruces e da historia do mosteiro de Monasterboice. A entrada a este cemiterio é gratuíta, pero existe un centro de recepción móbil (unha caseta de madeira), atendida por un xubilado, que ten á venda postais e publicacións.
A seguinte visita foi ó túmulo megalítico de Newgrange, o máis famoso dos monumentos do conxunto arqueolóxico de Brú na Bóinne (‘Mansión ou pazo do [río] Bóinne’); os outros son os de Knowth e Dowth. Este conxunto, situado a uns 8 km ó oeste da cidade de Drogheda, foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, e é un dos enclaves máis importantes do megalitismo europeo (véxanse as súas características no ITINERARIO APROXIMADO… (p. 17-18). O centro de recepción de todo o conxunto está situado ó sur do río Bóinne; os tres monumentos ó norte, na beira esquerda. O campo da Batalla do Bóinne, que non puidemos visitar por falta de tempo (tampouco estaba no programa), tamén na beira sur, a poucos quilómetros de Drogheda.
Cando no centro de recepción sacamos as entradas para visitar o túmulo de Newgrange atopámonos coa desagradable sorpresa de que o tique só nos habilitaba para ver o centro de interpretación do monumento, pero non o monumento en si, pois as entradas para ese día xa estaban vendidas. A responsable da recepción explicounos que a sona de Newgrange é tan grande que, especialmente nos meses de verán, os visitantes corren o risco de non poder facer a visita se non chegan cedo. A recepcionista mesmo parece que deixou caer que tiñamos que ter feitas as reservas con meses de antelación, pero iso contradicía o que se advirte moi ás claras no propio sitio web do monumento (http://www.newgrange.com/visitor.htm): que non se poden reservar as entradas con antelación (“Tickets… cannot be reserved in advance”). O que si se avisa é que, como o acceso a Newgrange e Knowth é limitado, non se garante que todo o mundo poida acceder ós monumentos, polo que se recomenda que o día previsto para a visita se chegue o máis cedo posible.
Ofrecéusenos como alternativa a visita a outro monumento, o de Knowth, que acabamos aceptando. Non existe acceso público por estrada a este monumento, de xeito que se nos trasladou en dous buses especiais de enlace (shuttle buses) de 24 prazas exactas cada un (como eramos 51 viaxeiros en total, tres dos nosos tiveron que ir noutra excursión).
É ben certo que non hai mal que non haxa ben, pois ó final saímos gañando co cambio, pois Knowth, aínda que non ten a sona de Newgrange, non só o supera en tamaño, senón tamén en importancia arqueolóxica.
Iso foi das primeiras cousas que nos dixo a amable guía que nos estaba esperando, que tamén nos informou que Knowth, ademais do gran túmulo central (67 m de diámetro e 12 de altura) conta con 17 pequenas tumbas-satélice ó seu arredor, inexistentes tanto en Newgrange coma en Dowth. O gran túmulo central ten na súa circunferencia 127 pedras “de borde” (kerbstones), a maior parte decoradas con espirais, rombos e serpentiformes, pero tamén con outras imaxes, de formas variadas (cun total de 300 pedras gravadas, Knowth está considerada unha das principais estacións de arte megalítica de Europa).
Este túmulo presenta outra particularidade: que ten dous corredores en dirección á cámara mortuoria central independentes un do outro (Newgrange só un); o do leste mide 34 m e chega á cámara mortuoria (a través del recíbese, durante uns 15 min., os primeiros raios de sol no solsticio de inverno, como acontece tamén en Newgrange); o do oeste mide 30 m e non dá chegado á tumba. O famoso arqueólogo George Eogan empezou as escavacións en 1962, e cinco anos despois descubriu o corredor leste e a cámara. Desde aquela viñéronse facendo escavacións periódicas, con novos descubrimentos (un deles, un curioso calendario lunar). A guía tamén falou de que unhas pedras que había diante da entrada ó corredor leste, se trouxeran desde distancias moi longas: os brancos seixos (flintstones) desde as montañas de Wicklow (70 km ó sur de Dublín), e as outras desde Dundalk (a uns 25 km ó norte).
Os inicios do xacemento datan do 4.000 a.C., pero o fundamental da obra parece que se construíu entre o 2.500 e o 2.000 a.C., roldando xa coa Idade do Bronce. Como acontece co crómlech de Stonehenge en Inglaterra e cos megálitos bretóns, o túmulo foi reutilizado en séculos posteriores, mesmo xa na era cristiá. Sobre o seu cume quedan as marcas do perímetro cuadrangular dun muro que pertenceu a unha mansión da época das invasións viquingas do séc. X; puidemos ascender a este lugar por unha escaleira de madeira e contemplar desde alí unha ampla paisaxe.
A seguinte visita foi ó Outeiro de Tara (Hill of Tara), outro monumento megalítico con moito simbolismo na historia de Irlanda, pois nel considérase que tiñan a súa sede os primitivos reis da illa (véxase ITINERARIO APROXIMADO… (p. 20). A entrada é gratuíta, e conta cun centro de recepción onde se facilita todo tipo de información. O outeiro consta de dous monumentos principais: o que parece ser outro túmulo megalítico cunha entrada pétrea alintelada (protexido na actualidade cunha cerca de aramio, non sabemos se por escavacións ou por arranxos) e a Pedra de Pé, unha pedrafita de escasa altura a pé da que eran coroados os Grandes Reis irlandeses.
Segundo a lenda, neste lugar san Patricio derrotaría os druídas do rei gaélico Lóegaire, que permitiu que o santo lles predicase o Evanxeo ós seus súbditos. No séc. XIX o político nacionalista Daniel Ó Connell logrou xuntar a pé deste outeiro máis de cen mil persoas para reclamar a derrogación da Acta de Unión de Gran Bretaña e Irlanda de 1801 (ver NOTAS HISTORIA DE IRLANDA, p. 15).
Desde o alto do outeiro dexérgase unha extensa paisaxe. Hai que di que se ven terras das catro provincias irlandesas (Ulster, Leinster, Munster e Connacht). Aínda que a illa non ten moitas alturas, pareceunos bastante difícil. Nun lateral había unha árbore cun panos, trapos e papeis pendurados; debía ser unha árbore do amor, a xulgar por algúns dos papeis escritos.
Seguindo as suxestións dun dos nosos activos viaxeiros, visitamos logo a pequena e fermosa cidade de Trim, para ver sobre todo as ruínas do seu castelo medieval, situado na beira dereita do río Bóinne. Valeu a pena desviarse para iso, pois xunto coas súas murallas ocupa unha extensión de 30.000 m2, o que o converte no castelo máis extenso de Irlanda e da arquitectura normanda en Europa. O máis sobranceiro é a súa torre central, a torre da garda ou da homenaxe, de tres alturas, construída en tres fases: a primeira por Hugh de Lacy en 1174, a segunda en 1196 e a terceira por Walter de Lacy, o fillo de Hugo, en 1206. O tal Hugh era de ascendencia normanda (lémbrese a conquista de Inglaterra no ano 1066, por parte do duque de Normandía, Guillerme o Conquistador; o ano pasado puidemos ver o seu castelo en Caen). A muralla data duns anos despois, 1250. Neste castelo rodáronse en 1994 escenas do filme Braveheart, de Mel Gibson, actor e director americano descendente de escoceses.
De Shannon saímos de mañá en dirección oeste cara á península de Burren, tendo como primeiro obxectivo a visita ós impresionantes cantís de Moher, a uns 60 km do punto de partida, por estradas secundarias. Pasamos preto de Inis / Enis (25.000 hab) localidade na que hai uns anos había unha numerosa colonia brasileira: era habitual ver polas súas rúas xente vestida coa camisola amarela da selección do Brasil.
O que a ninguén lle pasou desapercibido é que na aldea máis remota non se aprecian as aberracións urbanísticas que observamos nas vilas e na zona rural galega: as casas seguen un modelo establecido, co seu xardinciño ben coidado por diante da fachada e coas construcións adxectivas (cabanotes, garaxes…) en harmonía coa vivenda; para nada aparecen as casas con ladrillo á vista, galpóns de bloques de formigón nin nos tellados de fibrocemento (“uralita”).
Como preámbulo ó resumo desta xornada, algunhas precisións importantes, como a que nos fai Pablo Sanmartín, lembrándonos que tamén aquí en Galicia hai grupos musicais que animan bares e tabernas, coma Os Carunchos no barrio compostelán de San Pedro os venres pola noite.
Nin que dicir ten que agradecemos estas precisións dos excursionistas, como tamén agradecemos a súa colaboración desinteresada durante a viaxe: ademais de Pablo e Antón (xa citados), os doutores Chelo García e Xan Fernández, Emilio Roca (como intérprete e como reporteiro, pola excelente reportaxe de vídeo que nos enviou o día 12 de setembro), Xan Fernández Carrera e todos/as os/as que amablemente propuxestes ideas e mesmo críticas. Non esquecemos a nosa benxamina Antía, sempre disposta a botar unha man, en especial como intérprete.
Postos a agradecer, rogámoslle á viaxeira Fina Barbeira que lle transmita ó seu fillo Javier Val o noso agradecemento por nos facilitar cadansúa copia das películas que fomos vendo nos traxectos longos, todas elas –de épocas distintas- evocadoras de importantes episodios da historia recente de Irlanda: O home tranquilo (1952; As cinzas de Ánxela (1999) e No nome do pai (1993). O outro filme, A filla de Ryan (1970) foi un agasallo particular de Pablo Bustelo, o comandante ó volante, que a mercara en Killarney. Para completar a filmografía, recomendamos que vexades O vento que axita a cebada(2006), un drama ambientado nos complicados anos da guerra da independencia contra Gran Bretaña e na posterior guerra civil irlandesa (entre 1919 e 1923). Aínda que trata sobre un episodio da historia de Escocia, lembremos que Braveheart foi en parte rodada no castelo de Trim.
Volvendo ó rego, o sábado 24 amenceu chuviñento e bretemoso, inaxeitado para visitar a península de Dingle, a fisterra irlandesa. De Killarney dirixímonos á baía de Dingle, avistando o mar na vila de Castlemaine. Continuariamos logo pola estreita estrada R-561 e chegamos a Dingle a media mañá sen que nos deixase nin o orballo nin a néboa. Aínda que a algún non lle gustou –e comprendémolo- tomamos a decisión de deternos en Dingle e non continuar deica Dunquin, como estaba no programa, posto que a persistente chuvia e, sobre todo a brétema, nos ía impedir ver a paisaxe e mesmo transitar polas estradas cada vez máis estreitas, con moitas curvas e á beira dos cantís. Deste xeito, empregamos máis tempo en Dingle, que é a poboación máis importante da fisterra irlandesa, que aínda hoxe ten certos lazos con Galicia, pois hoxe adoita ser porto-base dos nosos pesqueiros do Grand Sole. Houbo quen falou cun camioneiro galego que viña levar peixe para Galicia. Houbo quen se achegou á igrexa de Santiago e quen viu a inscrición alusiva ó embarque de peregrinos cara a Compostela. O que non sabemos é se alguén localizou a tenda de xoguetes Bréagáin (Breogán).
De volta, atravesamos ó nesgo a montañosa península de Dingle e albiscamos pola parte norte a baía de Tralee. Aínda que algunhas guías comparan estas baías ou firths ás rías galegas, en realidade teñen orixe glaciar (polo tanto, co seu val en forma de U e non de V).
En Tralee [pronunciado trolí], onde aclarou algo o día –moi pouco-, xantamos e visitamos a pequena cidade, que é coñecida polo festival internacional de agosto Rose of Tralee e mais por certos feitos da historia de Irlanda que tiveron lugar alí ==> ver ITINERARIO, p. 11.
Esta foi unha xornada de estradas estreitas, onde comprobamos o respecto que en Irlanda se lles ten ós camiños tradicionais, especialmente se teñen valados de pedra a cada beira. Todos nos admiramos do civismo dos condutores que, en canto advirten a chegada dun autobús, se arriman á beira para ceder amablemente o paso. Un pouco canso de tanta estreitura, respiramos aliviados cando en Castleisland empatamos coa estrada nacional N-21 en dirección a Limerick, pero o noso gozo nun pozo, pois foi cando un inoportuno accidente que había na estrada nos obrigou a perder un tempo precioso.
Como estaba previsto, detivémonos en Adare, vila coñecida por conservar unhas casas con teito de colmo de máis de 200 anos de antigüidade. (Lembremos que nos Ancares galegos o empeño de moitos veciños -e alcaldes- era e segue sendo destruír as pallozas porque disque son signo de atraso. Hai anos quixérase facer nesta comarca un parque natural e os primeiros que se opuxeron foron os alcaldes aducindo que se lles quería condenar a a andar con taparrabos, coma nunha reserva india. Nin que dicir ten que, debido á destrución das pallozas e á súa substitución por casas “modernas”, os Ancares perderon moito do seu atractivo).
Por fin chegamos a Luimneach / Limerick, a 4ª cidade da República de Irlanda. Polo camiño foramos vendo o filme d’As Cinzas de Ánxela, ambientada nesta cidade e na que chovía sen parar todo o tempo; abofé que fixo honor ó filme, pois a chuvia non nos deixou nin por un momento durante a nosa estadía na cidade. Acompañados polo persistente orballo percorrimos a cidade de oeste a leste, visitando a catedral de Santa María, con fachada románica, a sede da Loxa Masónica, o castelo do rei John, a ponte sobre o río Shannon, o monumento á pedra do Tratado de 1691 (the Treaty Stone) e, sobre outra ponte, un monumento –cunha inscrición en gaélico e en inglés- dedicado a un dos nacionalistas fusilados polos británicos en 1916 (Thomas J. Clarke).
Malia que Limerick non recibe un bo trato na novela e no filme As cinzas de Angela, hai unha ruta turística urbana que percorre os lugares que se citan. O autor do libro -publicado en 1996 (Premio Pulitzer)-, o irlandés estadounidense Frank McCourt, conta a historia da súa infancia. Nacido en Nova York, fillo máis dun matrimonio de inmigrantes irlandeses (Malachy e Angela McCourt), en 1935 a familia decide retornar a Irlanda, á cidade de Limerick, onde van sufrir múltiples penalidades debido ó atraso do país, ós ríxidos costumes católicos irlandeses e ó dura que era a vida naqueles momentos. O filme (1999) foi dirixido por Alan Parker.
A Universidade de Limerick tiña -e supoñemos que aínda ten- un convenio coa Xunta de Galicia para que profesores galegos dos ensinos básico e secundario vaian perfeccionar o inglés nos meses de verán. O seu campus está situado na beira dereita do río Shannon.
A xornada rematou coa cea no hotel de Shannon. Tras a cea, no pub, tivemos unha actuación especial para nós dun cantor local, que nos amenizou a velada atendendo as nosas peticións especiais (Molly Malone, The fields of Athenry…), pero que nos defraudou porque era un dos poucos irlandeses que descoñecía non só a existencia de Galicia e de Santiago de Compostela, senón a do grupo Milladoiro e do gaiteiro Carlos Núñez. ¿De que lles valeron a estes tantas actuacións cos universalmente famosos The Chieftains?
O xornalista A. Lavandeira enviou a súa primeira crónica dos primeiros días da viaxe, que aparecería publicada en La Voz de Galicia (edición de Carballo) o 26 de agosto: “Un viaje por los mares legendarios del atlantismo celta”
O avión de Aer Lingus que despegara de Lavacolla pousou no aeroporto de Dublín á media tarde do día 22. Pouco tempo despois, con puntualidade galega, veunos buscar o autobús da Empresa Lázara, conducido polo experimentado (sobre todo en excursións de tipo cultural) Pablo Bustelo, que días antes saíra de Compostela en dirección a Cherburgo (Normandía-Francia), onde tomou o ferry cara a Rosslare, no SE de Irlanda.
Cobh, na baía de Cork (foto X.Mª Lema [XMLS], 2013) |
Corcaigh/Cork: ponte sobre o río Lee e o Mentireiro das Catro Caras ó fondo (foto XMLS) |
Parte do grupo co Lough Leane de fondo, no Parque Nacional de Killarney |
(Para ter unha visión máis ampla da Historia de Irlanda)