• info@semescom.gal

Tag Archives: Ulm

Viaxe ó sur de Alemaña 4

VIAXE Ó SUR DE ALEMAÑA (4ª entrega)

4º día (Sonntag / Domingo 23 August 2015)

Múnic – Augsburgo – Ulm- Ratisbona/Regensburg (374 km)

Múnic-Augsburgo 70 km
Augsburgo-Ulm 85 km
Ulm-Ratisbona/Regensburg 219 km
TOTAL 374 km

AUGSBURGO (AUGSBURG)* 

-260.000 hab., capital  da Suabia bávara. Industrias téxtiles, mecánicas e de fabricación de cervexa.

-Cidade fundada polos romanos o ano 15 a.C. co nome de Augusta Vindelicorum, da provincia de Retia, nun lugar onde había un campamento militar. É polo tanto, unha das cidades máis antigas de Alemaña. Desta época quedan testemuños no seu Museo Romano.

-Na Idade Media estivo gobernada por príncipes bispos e en 1316 recibiu o título de cidade libre do Sacro Imperio Romano Xermánico. Desde entón tivo un progreso económico notable, e no séc. XVI foron famosas familias de banqueiros coma os Fugger e os Welser, prestamistas do emperador Carlos V (I de España), para as súas guerras en Europa e tamén para empresas conquistadoras no Novo Mundo (adquiriron dereitos sobre a explotación das minas de mercurio de Almadén e financiaron exploracións no que hoxe é Venezuela, na procura dalgunha mina de ouro ou de prata).

Os Fugger xa eran prestamistas do emperador Maximiliano, pero cando se presentou o dilema se optar polo apoio financeiro a Francisco I de Francia ou a Carlos de Castela e Aragón, sopesaron os posibles dun e outro. Francisco confiouse e só puido achegar para os subornos dos príncipes electores 300.00 floríns, mentres que Carlos transferiu a suma de 852.000 floríns. Da suma total, os Fugger achegaron case dous terzos, 544.000 floríns, mentres que o resto achegouno a familia Welser e a banca italiana. Deste xeito, o futuro imperio “onde non se poñía o sol”, quedaba en débeda permanente cos Fugger e con outros banqueiros europeos.

Non estaría de máis reflexionar sobre se foi beneficioso ou non para os intereses españois a herdanza europea dos Habsburgo españois (aquí chamados Austrias) ese imperio “no que non se poñía o sol” do que tanto se presume na historiografía española tradicional. En primeiro lugar, a herdanza dos Países Baixos, a Borgoña e o Imperio Alemán era para o rei/emperador e non para o Estado (o reino de Castela, neste caso), que quedou hipotecado indefinidamente cos altísimos gastos, principalmente bélicos (pagamentos ós terzos de Flandres, ós mercenarios dos exércitos etc.), que se requerían para manter as posesións dos monarcas en Europa. O ouro e a prata das Indias non contribuíu a mellorar o nivel de vidas dos súbditos dos reinos peninsulares, senón que ía directamente ás arcas dos banqueiros europeos, pois os reis Carlos I, Filipe II, Filipe III e Filipe IV estiveron constantemente endebedados e chegou a haber profundas crises financeiras (lémbrese o “poderoso caballero es don dinero” de Francisco de Quevedo, xa no séc. XVII: “Nace en las Indias honrado, /donde el mundo le acompaña, / viene a morir en España / y es en Génova enterrado”).  A época imperial é a do Quixote de Cervantes e, sobre todo, da novela picaresca, que transloce unha situación de pobreza endémica no territorio español, onde o pícaro ten que valerse de mil enganos e artimañas para poder comer todos os días. A Europa da época, malia as constantes guerras de relixión, parece que estaba en mellor situación económica que España con todo o seu Imperio colonial (as “posesións españolas” das Provincias Unidas dos Países Baixos eran ben máis ricas, desde logo), co que só se relacionaba o porto de Sevilla, pois tiña o monopolio, e despois o de Cádiz, ata 1765, ano en que se rompeu con ese monopolio e se abriu o comercio ultramarino a outros portos atlánticos como o da Coruña. En suma, que o “imperio onde non se poñía o sol”, non deixaba de ser, coma outros tantos imperior habidos e por haber, un imperio de pés de barro; desde logo, a herdanza enveleñada europea dos Austrias -empeñados en non consentir a independencia dos Países Baixos con interminables guerras- está claro que impediu o progreso económico español a partir do séc. XVI. En suma: que os beneficios do Imperio de América non serviu para desenvolver economicamente España, en comparanza co poderío económico que adquiriron Gran Bretaña, Francia ou Holanda cando crearon, posteriormente, os seus imperios coloniais..

DSC07809

Na Praza do Concello de Augsburgo, coa igrexa de San Pedro (e coa súa alta Perlachturm) e a Casa do Concello detrás (XMLS) [facer clic para ampliar as fotos]

Unha rica historia 

Da Dieta e a Confesión de Augsburgo (1530) á Paz de Augsburgo (1555)

Tras a Dieta [reunión periódica do Imperio alemán] de Worms (1521), na que o emperador Carlos V pretendera acabar coa reforma do frade Martiño Lutero mediante o edicto de Worms, houbo reunións da Dieta en Núremberg (1524) –na que se aceptou o edicto de Worms- e en Spira (1526 e 1529).

O emperador, que precisaba manter a unidade do seu imperio para facer fronte á ameaza turca, convou a Dieta de Augsburgo para lograr a paz cos partidarios de Lutero. Na Dieta de Spira de 1526 decidiuse que de ningún xeito se permitiría matar a Lutero, condenado por herexe no edicto de Worms (1521); esta mesma dieta consagraba a (relativa) tolerancia relixiosa baixo o lema Cuius regio, eius religio (‘cada rexión [debe ter] a relixión do seu señor’). Na nova Dieta de Spira de 1529, ante a intención dos católicos de anularen a tolerancia outorgada en 1526, os reformistas protestaron enerxicamente, e a partir de entón chamóuselles ‘protestantes’.

Á Dieta de Augsburgo de 1530 acudiron os líderes protestantes –dirixidos por Philip Melanchton- pero non o frade, que, ó ser declarado herexe, permanecía en Coburgo (Coburg, preto de Bamberg), baixo a protección do príncipe elector de Saxonia, inspirando desde alí o discurso de Melanchton.

O 25-6-1530 tivo lugar a Confesión de Augsburgo (Confessio Augustana), a declaración de fe dos luteranos ante o emperador, lida en alemán (hai texto escrito en alemán e en latín). Fora preparada por Melanchton coa aprobación de Lutero e asinada por sete príncipes e representantes de dúas cidades autónomas. O texto tiña 28 artigos, dos que nos 21 primeiros se presentaban as doutrinas luteranas e nos sete últimos se rexeitaban abusos da vida cristiá.

  1. As doutrinas luteranas: afirmábase a Trindade; o pecado orixinal como condenatorio se non fose condonado; a deidade e a humanidade de Xesús e o seu sacrificio polo pecado de toda a humanidade; a xustificación pola graza a través da fe (sen necesidade das nosas obras); o evanxeo, o bautismo e a cea do Señor como medios do Espírito Santo para crear e manter a fe; as boas obras como resultado (e non causa) da salvación, pois Cristo xa a lograra sacrificándose por todos nós.
  2. Os abusos estaban relacionados coas prácticas e concepcións falsas na Cea do Señor (négase a transubstanciación da hostia no corpo de Cristo e permítese comungar nas dúas especies, tamén bebendo do cáliz, que os católicos só reservaban para o sacerdote); négase o celibato sacerdotal; critícase o mal uso da confesión e da absolución e négase a autoridade do papa (propúgnase o sacerdocio universal: o crente pódese salvar pola fe e converterse no seu propio sacerdote, polo tanto, invalídanse os sacramentos impartidos polos sacerdotes, a intercesión dos santos etc.).
DSC07796 Santa Ana (luterana)

A capela dos banqueiros Fugger no interior da igrexa de Santa Ana (Augsburgo), onde primeiro se comungou baixo as dúas especies (1525) [foto XMLS]

A REFORMA PROTESTANTE

-1514: o papa León X anova as bulas de indulxencias especiais destinadas a pagar a reconstrución da basílica de San Pedro de Roma.

-O frade agostiño Martiño Lutero (Martin Luder ou Luther, 1483-1546) protesta publicamente sobre esta decisión (os banqueiros Fugger realizan, con comisión, a recadación), e dirixe contra o emisario do arcebispo de Maguncia, as

95 teses contra as indulxencias, que fixa na porta da igrexa de Wittenberg o 31-10-1517. Neste documento negaba a autoridade do papa e o valor das indulxencias, opoñéndose á idea de que o perdón dos pecados se puidese obter a cambio de diñeiro.

Biblias con cánticos á entrada da igrexa de Santa Ana de Augsburgo [XMLS]

Biblias con cánticos á entrada da igrexa de
Santa Ana de Augsburgo [XMLS]

Chamado por Roma a retractarse, Lutero desobedeceu e foi excomungado; queimou publicamente a bula de excomuñón e a súa actitude de rebelión foi apoiada por varios príncipes electores do Imperio alemán, que o protexeron da persecución a que foi sometido.

Deste xeito iniciábase a Reforma protestante.

Excluído da Igrexa, Lutero dedícase á redacción e proclamación da súa doutrina, que se pode resumir nestes puntos:

1. O cristián debe ter fe en Deus e amar o próximo; o perdón dos pecados só se obtén pola fe e non polas boas obras.

  1. O culto consiste só na lectura e comentario da Biblia, que pode ser interpretada libremente por cadaquén (o propio Lutero traduciría a Biblia ó alemán, por vez primeira, cousa atrevida naqueles tempos, pois a lingua “bárbara” xermana non se consideraba digna e apta para uso relixioso (só o era o latín, como o seguiu sendo no culto católico). Esta tradución deulle grande auxe á lingua alemá, pois contribuiu a espallala coa axuda da imprenta).
  2. Só hai tres sacramentos: bautismo, penitencia (sen confesión co crego) e a eucaristía baixo as dúas especies; nega tamén a transubstanciación da hostia no corpo de Cristo).
  3. Nega a autoridade do papa e defende a igualdade entre os sacerdotes. O fiel, o crente, é o seu propio sacerdote (sacerdocio universal); polo tanto, non son válidos os sacramentos impartidos polos sacerdotes nin tampouco é válida a intercesión dos santos.

DSC07799

Os retratos de Martiño Lutero e do seu protector o príncipe Frederico de Saxonia (de Lucas Cranach, 1535) consérvanse á esquerda deste altar da igrexa de Santa Ana de Augsburgo [XMLS] -facer clic para ampliar a foto-

O luteranismo influiría no calvinismo (Xoán Calvino, 1509-1564), que incide máis no destino do home desde o seu nacemento (predestinación) e, en parte, no anglicanismo.

O luteranismo difundiríase rapidamente polo centro e norte do Imperio alemán (Palatinado, Hessen, Turinxia, Saxonia, Brandenburgo, Prusia), mentres que o sur permaneceu dentro do catolicismo (Baden, Würtemberg, Baviera, Austria, Bohemia [actual Rep. Checa] e a maior parte de Polonia).Debido ó seu ton conciliador e á súa brevidade, a Confesión de Augsburgo influíu en todo o movemento da Reforma, en especial no anglicanismo e no calvinismo (Xoán Calvino subscribiu unha versión de 1540). Nos tempos máis actuais foi a base do diálogo ecuménico entre católicos e luteranos promovido polo Concilio Vaticano II (1963-1965).

Un grupo de teólogos católicos realizou unha refutación o 3-8-1530 (a Confutatio Pontificia), que foi contestada por Melanchton coa Apoloxía da Confesión de Augsburgo (1531).

O emperador, forzado pola guerra contra os turcos e contra a Liga de Esmalcalda (exército organizado polos príncipes protestantes en defensa da súa doutrina) de 1531, conseguiu asegurar a unidade mediante a Paz ou tregua de Núremberg (1532), que atrasaba a solución do problema ata que se celebrase un concilio xeral. Esta paz establecía a aceptación dos reformistas no seo do Imperio.

DSC07825

Lutero conta en Augsbugo con roteiros guiados

En 1539 a Reforma introdúcese en Saxonia e Brandenburgo. Carlos V trata de chegar a un acordo cos protestantes, o que conduce a inútiles controversias relixiosas en Worms e Ratisbona (1540-41).

Dieta de Worms (1545): os Estados protestantes néganse a asistir ó Concilio de Trento (1545-1563).

Aliado co papa, coa maior parte da católica Baviera e mesmo con príncipes protestantes coma Mauricio de Saxonia o emperador decide resolver o conflito relixioso pola forza, e na batalla de Mühlberg (1547) vence o exército protestante da Liga de Esmalcalda.

En 1548 Carlos V dita por iniciativa propia o Interim de Augsburgo, polo que se autorizaba nos Estados protestantes a recibir a comuñón baixo as dúas especies e o matrimonio sacerdotal. O Interim foi recibido con hostilidade por católicos e protestantes e Mauricio de Saxonia cambia de bando erixíndose en defensor do protestantismo.

-1552: derrogación do Interim de Augsburgo.

-1555: Paz de Augsburgo, que proclama a liberdade relixiosa e consagra a excisión do cristianismo.

Esta paz supón o fracaso de Carlos V no seu propósito de impedir a implantación da reforma luterana nos territorios do seu Imperio, e tamén da súa política imperial. En 1556 abdica no seu fillo Filipe II a coroa de España, as posesións italianas, os estados da Casa de Borgoña e os territorios do Novo Mundo; ó seu irmán Fernando cédelle o Imperio alemán e os territorios austríacos.

Visitas na cidade de Augsburgo

A catedral (Hoher Dom) **.- Edificio de gran lonxitude (113 m) iniciado no séc. X (no estilo románico); en 1331 empezáronse as bóvedas de crucería góticas e en 1536 o coro oriental. Nos séculos XV e XVI as naves laterais e as torres (estilo gótico).

-o interior é grandioso, cunha nave central e dúas laterais do séc. XIV (góticas). Debaixo do chan das naves hai dúas criptas. Na nave central, unhas vidreiras realizadas en 1130 decoran os ventanais.

-nos altares dos piares centrais hai catro táboas realizadas por Hans Holbein o Vello en 1493.

A Casa do Concello (Rathaus).- Na praza do Concello. A súa fachada fíxose entre 1615-20 (estilo renacentista); o seu corpo central remata cun frontón co emblema da cidade.

Perlachturm*.- Torre románica de 70 m, reconstruída en 1618, situada sobre a fachada da pequena igrexa de St. Peter (na mesma praza do Concello), de 1182, posteriormente restaurada en estilo barroco.

A igrexa de Santiago (St.-Jakob) e as rúas de Santiago (Jacoberstrasse) e do Albergue de Peregrinos (Pilgerhausstrasse) amosan a Augsburgo como un importante punto das peregrinacións xacobeas (XMLS).

A igrexa de Santiago (St.-Jakob) e as rúas de Santiago (Jacoberstrasse)
e do Albergue de Peregrinos (Pilgerhausstrasse) amosan a Augsburgo
como un importante punto das peregrinacións xacobeas (XMLS).

Outras igrexas:

Sta. Anna**.- Resultou moi interesante esta igrexa luterana evanxélica que pertencera a un convento de carmelitas. Construída no séc. XV, o interior restaurouse no estilo barroco en 1748. Foi a primeira igrexa onde se celebrou, na misa da Nadal de 1525, a comuñón nas dúas especies segundo a doutrina luterana. Esta igrexa foi un dos centros da confesión protestante de Augsburgo (desde 1545).

-no coro, sobre o altar, os retratos de Lutero e do elector Frederico de Saxonia (de Lucas Cranach o Vello, 1535).

-no coro occidental, a Fuggerkapelle (‘Capela dos Fugger’) mandada construír entre 1509 e 1518 polos banqueiros Jakob e Ulrich Fugger; obra renacentista. Nela están enterrados só estes dous banqueiros, pois ó pasar a igrexa ó culto luterano a partir de 1545, xa non se enterrou ningún membro máis da familia.

Non se debe esquecer que os Fugger foron unha das causas da protesta de Lutero contra o abuso das indulxencias, pois os representantes dos banqueiros acompañaban ós monxes predicadores das indulxencias nas recadacións, para recibiren a súa parte. En 1520 Lutero atacaba ós Fugger no escrito Á nobreza cristiá da nación alemá dicindo que lles había que poñer unha brida na boca pola súa cobiza.

St. Ulrich e S. Afra*.- Igrexa que ten a súa orixe no sepulcro romano de san Afra, martirizado no 304. Sobre el o bispo Ulrich mandou no 973 construír un santuario. En 1475 ergueuse un novo edificio. En 1594 a torre e en 1710 modificouse ó estilo barroco. No interior (94 m lonxitude x 2750 anchura x 30 m altura), un púlpito de 1608; baixo o coro, a cripta, cos sarcófagos dos santos Afra e Simpert e o mausoleo da S. Ulrich (rococó, 1672).

DSC07823

Fonte cun moderno grupo escultórico cuns peregrinos a Compostela ós pés dunha imaxe de Santiago sobre unha columna (XMLS)

Igrexa de Santiago (St.-Jakob).- Pequena igrexa situada no final da Pilgerhausstrase (‘rúa do Albergue de Peregrinos’) e a Jacoberstrasse (‘rúa de Santiago’). Nesta confluencia hai unha fonte que na súa parte central, sobre unha columna, hai unha escultura de bronce de Santiago peregrino, co seu caxato e coa súa vieira (motivo iconográfico que se repite na todas as imaxes do Apóstolo en moitas igrexas alemás e francesas). Ó pé da columna, no chan, uns peregrinos xacobeos. Esta igrexa forma parte, sen dúbida, do Camiño de Santiago no sur de Alemaña.

Santiago debeu ser un santo de notable culto na cidade; non se esqueza que levou o seu nome o poderoso banqueiro do séc. XVI Jakob Fugger.

Na Halderstrasse atópase unha sinagoga convertida en Museo da Cultura xudía, o primeiro da posguerra europea.

O restaurante Welser Kuche.- Atópase no nº 83 da Maximilianstrasse (a principal da cidade), e ten a particularidade de que nel hai que comer valéndose das mans (e non con garfos), para revivir con fidelidade o ambiente dun banquete medieval. Cómense pratos (supostamente) do séc. XVI, inventados por Philippine Welser, descendente dunha ilustre familia de comerciantes. Sérvense diversos tipos de asados e un trobeiro ameniza a velada. Hai que facer reserva.

DSC07828

O barrio Fuggerei, coas súas casiñas, protexido por un alto muro (XMLS)

Fuggerei**.- Conxunto de 67 casiñas (1519-1525) construídas polo banqueiro Jakob Fugger para os pobres da cidade, e agora para xente de pouca solvencia económica que pagan un canon anual simbólico de 0,88 € e teñen a obriga moral de rezar polos fundadores; coma nos tempos antigos, as tres portas deste barrio péchanse de 10 da noite ás 5 da mañá. Para visitalo hai que chamar ós portais de listas brancas e azuis de entrada e pagar. Un grupo dos nosos viaxeiros (o ‘Barbeira’s Group’) efectuou esta visita.

Nesta cidade naceu Leopold Mozart (o pai do músico W. Amadeus Mozart) e o escritor Bertold-Brecht. Pódense visitar as súas casas, musealizadas, a Mozarthaus e a Bertold-Brecht Haus, esta moi próxima ó barrio das Fuggerei.

ULM*

-120.000 hab.

-situada na beira esquerda do Danubio (Donau en alemán), na Suabia bávara.

Visitas:

DSC07838

Fachada da catedral de Ulm, coa torre de pedra máis alta do mundo [XMLS]

-a antiga Catedral (Ulmer Münster ‘a Grande Igrexa de Ulm’)**.-  Hoxe igrexa parroquial evanxélica, obra mestra da arquitectura gótica alemá, só superada en tamaño pola catedral de Colonia. De estilo gótico (1377-1530), destaca a súa colosal torre** da fachada, a torre de pedra máis alta do mundo (161 m), con 768 chanzos para subir a ela (pagando). Rematouse a finais do séc. XIX.

Tamén é interesante a portada dobre**, cun famoso Ecce Homo.

Algúns dos nosos viaxeiros -os intrépidos “correcamiños” maiormente- atrevéronse a subir os 768 chanzos da torre para contemplar as espléndidas vistas da cidade.

-tamén é interesante a Casa do Concello (Rathaus).

DSC07860

Casiñas para os paxaros en Ulm (XMLS)

-Como nos recordou un dos nosos asesores científicos, nesta cidade naceu un dos máis importantes científicos do séc. XX: Albert Einstein (1879-1955), de familia xudía, o enunciador da teoría física da relatividade, a equivalencia masa-enerxía, segundo a ecuación E = mc2.

Estrada secundaria bávara de Ulm a Ratisbona, cos cultivos de lúpulo nas leiras lindeiras (XMLS)

Estrada secundaria bávara de Ulm a Ratisbona,
cos cultivos de lúpulo nas leiras lindeiras (XMLS)

RATISBONA (REGENSBURG)**

– 128.000 hab.

-na beira dereita do Danubio. Cidade nacida dun campamento romano (Castra Regia) do séc. II destinado a albergar a única lexión romana ó norte dos Alpes (o centro da cidade conserva a clásica proxección ortogonal romana). -nesta cidade naceu D. Juan de Austria (1547 ou 1549 – 1578), fillo ilexítimo do emperador Carlos V e de Bárbara Blomberg, veciña desta cidade. Foi bautizado co nome de Jerónimo (Jeromín), pero cando foi recoñecido polo emperador como fillo cambióuselle o nome polo de Juan. Foi militar e diplomático ó servico do seu irmán Filipe II.  -cidade comercial da Idade Media, nó de rutas comerciais.

-os seus comerciantes inspiráronse en Venecia para as súas residencias.

casas-torre pintadas con tons delicados, rúas lousadas, casas con arcos románicos que contrastan coas agullas góticas da catedral. Unha cidade que conserva unha aparencia antiga, dos séculos XV e XVI.

-saíu indemne da 2ª GM, conserva edificios dos séculos XV e XVI. Hoxe é unha tranquila cidade universitaria.

A casa-torre de Goliat de Ratisbona, pintada coa escena de David e Goliat (fresco de 1573) [XMLS]

A casa-torre de Goliat de Ratisbona, pintada coa escena de David e Goliat
(fresco de 1573) [XMLS]

Visitas

Catedral de S. Pedro (Dom St. Peter)**.-  Gótica, iniciada en 1270; as obras duraron máis de tres séculos. A maxestosa fachada principal está flanqueada por dúas torres de 105 m de altura (do séc. XV); a portada principal está decorada con estatuas e relevos. O coro, do séc. XIII, está inspirado nas catedrais francesas. O interior está dividido en tres naves, transepto e coro. Conta con numerosas obras escultóricas e pictóricas de mérito, e unha cripta baixo a nave na que están enterrados os seus bispos. Detrás da catedral, preto da Porta Praetoria, ábrese o claustro (Kreuzgang) do séc. XI.

Niedermünster*.-  Igrexa dun antigo mosteiro do séc. XII (hoxe pazo episcopal).

-o interior, de tres naves, foi reformado ó estilo barroco no séc. XVIII.

-hai tamén unha igrexa dedicada a Santiago (Saint Jakob). Polo que nos relata A. Lavandeira na súa crónica de La Voz de Galicia do 26-08, dous mozos alemáns de Bamberg, Daniel Wehofoith e Silke Vollath, de 26 anos, emprenderon o luns 24 a peregrinaxe a Santiago e, posiblemente, tamén a Fisterra. A presenza de Santiago nas igrexas alemás é bastante apreciable, como iremos vendo.

En Ratisbona vimos por vez primeira as augas do Danubio; a ponte Steinerne estaba en obras (XMLS)

En Ratisbona vimos por vez primeira as augas do Danubio; a ponte Steinerne estaba en obras (XMLS)

Centro histórico

Saíndo da Krauterermarkt, fronte á catedral, chégase á zona medieval. No nº 4 de Watmarkt atópase a Baumbergerturm, casa-torre de sete plantas construída no séc. XIII. No nº 6 pódese ver unha casa gótica (hoxe restaurante) onde, segundo a tradición, naceu D. Juan de Austria, fillo bastardo de Carlos V (a nai, unha muller da burguesía local). No nº 7 áchase a Goliathaus, casa-torre do séc. XIII decorada cun gran fresco de David e Goliat de 1573.

En toda a cidade destaca a decoración das ventás dos edificios, todas con flores.

Steinerne Brücke, ponte de pedra sobre o Danubio, do ano 1135, considerada unha marabilla da técnica (os 16 ollos miden 320 m de longo).

Altes Rathaus (Antiga Casa do Concello), edificio con partes góticas do séc. XIV (oeste) e barrocas de 1661 (leste).

-tamén se atopa unha igrexa de Santiago (St. Jakob), tamén chamada dos Escoceses, un dos puntos de partida do Camiño de Santiago en Alemaña, igrexa dun convento bieito construído por monxes irlandeses no séc. XII. É de feitura románica; é célebre a súa portada**, cun tímpano no que aparece Cristo entre Santiago e san Xoán.

-Nos arredores destaca o Walhalla, edificio con planta de templo dórico construído por Luís I de Baviera para honrar os grandes personaxes alemáns (na mitoloxía nórdica o Walhalla era a residencia dos heroes mortos na batalla).

En Ratisbona, coma en toda Baviera, os símbolos identitarios do Freistaat Bayern ('Estado libre de Baviera'), como a súa bandeira de rombos azuis e brancos, son constante [XMLS]

En Ratisbona, coma en toda Baviera, os símbolos identitarios do Freistaat Bayern (‘Estado libre de Baviera’), como a súa bandeira de rombos azuis e brancos, son constante [XMLS]