• info@semescom.gal

Tag Archives: Terra de Soneira

Unha liorta cos veciños inmortalizada nunha novela (Foto: XMLema)

Grandes escultores borneiráns encheron de arte igrexas soneirás

Na súa monografía O Santuario do Briño, no apartado da obra en madeira, Juan Félix Neira fala en primeiro lugar do retablo maior, que eu datara a finais do século. XVIII, de autor anónimo. Hoxe teño a certeza de que este foi Juan Martínez Ribera, pois a súa traza é idéntica á do retablo maior da igrexa de Bamiro, realizado por este escultor en 1799. As dúas obras responden ó estilo neoclásico. Martínez Ribera traballou antes no Briño que en Bamiro, pois a imaxe en madeira da Virxe das Virtudes deste retablo é obra súa do ano 1791. Residía en Portomouro (Val do Dubra), pero era fillo e neto de escultores borneiráns.

Oriundos de Borneiro

O seu avó, Juan Antonio Martínez, rexentara en Borneiro un obradoiro moi activo de 1710 a 1749. Debía ser moi mañoso, pois tanto facía retablos como imaxes ?en madeira e en pedra- como atendía encargos como mestre de obras (a fachada da igrexa de Lamas é obra súa). Cónstanos que fixo os retablos maiores das igrexas de Laxe (1723), Sarces (1727) e Baio (1734), e tamén traballou para as de Serantes (1731) e Borneiro (1742).

Con el aprendeu o seu fillo Ignacio, e xuntos tiveron unha liorta cos seus conveciños borneiráns en 1744, pois estes rexeitáronlles unha imaxe da Virxe por ser «una imagen indigna de representar en un altar con señales del Carmen, y por no querer hacer otra mas decentemente formada», e negáronse a pagarlles o axustado. Esta anécdota chamou a atención de Juan Félix (p. 59) e tamén a min, pois introducina na novela Costa do Solpor, no capítulo 49, no que xoga un papel importante o escultor Ignacio ó argallar unha arteira estratexia para salvar os protagonistas da persecución duns piratas.

Ó remate do lance hai unha evocación do acontecido anos atrás en Borneiro pola lea da imaxe rexeitada, en forma de copla festiva entroideira que empezaba así: «A santiña de Borneiro / quer marchar / pra terra allea/ desde que Xan o Santeiro / lle fixo de pau de abeneiro / aquela cariña tan fea» (cap. 50).

As “grandes obras” do séc. XX

Ignacio Martínez mudouse antes de 1750 de Borneiro a Troitosende (Val de Barcala), de onde era a súa muller Vicenta Ribera. O chamado «escultor de Troitosende» vai seguir traballando para as parroquias soneirás ata 1788: fixo retablos e imaxes en Tines (1751), Soesto (1756), Lamas (1773), Baio, etc.

Dous dos seus sete fillos seguiron co seu oficio: o citado Juan, o máis vello, instalouse en Portomouro contra 1790; e o máis novo, Agustín, en Baio nesa mesma época (a casa que habitou, situada no Carballos da Botica -onde tamén está a do escritor Labarta-, aínda hoxe conserva o nome de Casa do Escultor).

En suma: tres xeracións de escultores de orixe borneirán que forneceron as igrexas da comarca durante todo o séc. XVIII e o primeiro terzo do XIX. Alégrame coincidir con Neira na valoración dos artistas rurais. Parte importante da monografía de Neira é a dedicada á progresión da Confraría da Virxe do Carme, creada en 1749. Debulla con diáfano didactismo o seu funcionamento, cun mordomo encargado de levar as contas (o do ano 1750, Venancio de Lema, foi antepasado meu).

Novos datos

Cobran moita importancia para completar o estudo do santuario os novos datos que o autor nos achega, maiormente os das grandes obras da primeira e da derradeira década do século XX: a compra da nova imaxe do Carme (1902); a construción do oratorio exterior (1906); a construción da fonte; o traslado e pintura do cruceiro; a compra de terreos lindeiros e a construción do valado protector do recinto; a plantación de árbores nobres… En todas estas obras salienta o exemplar traballo comunitario e desinteresado da veciñanza.

En resumo: unha monografía que contribuirá a poñer en valor o noso patrimonio artístico rural e a que cando volvamos visitar O Briño o contemplemos doutro xeito: a súa arquitectura, as esculturas e incluso o simpático cataventos metálico do galo fuxitivo do raposo.

Así mesmo, tamén nos serve para valorar o seu rico patrimonio inmaterial que se recolle na parte final e para recapacitar no que significou este lugar para a veciñanza local e comarcá das incontables xeracións que acudiron á súa festa do 18 de xullo, día tamén de santa Mariña, disque santa galega (da que, así mesmo, hai unha imaxe na igrexa parroquial).

Unha liorta cos veciños inmortalizada nunha novela (Foto: XMLema)

Unha liorta cos veciños inmortalizada nunha novela (Foto: XMLema)

Unha moeda do tempo do rei Egica amosa que no século VIII había actividade (Foto: XMLema)

Vestixios do Brandomil romano no ano 1883

Nos retoques finais para a edición en papel de Zas polo miúdo, a cargo do Concello de Zas, a Evaristo Domínguez e a quen subscribe chegounos o dato de que o historiador e arqueólogo Ramón Barros Sibelo residiu nas Torres de Romelle (Loroño) de 1872 a 1880, como administrador. Uns anos despois, en 1883 remitiría á Real Academia de la Historia (RAH) de Madrid, da que era correspondente, un escrito na que recomendaba a adquisición de dúas moedas, «una de ellas de Egica acuñada en Gerona, objetos hallados en las antiguas minas de Limideiro, hoy abandonadas». A RAH adquiriu esas moedas para a súa sede de Madrid, e Galicia quedou sen elas.

Por esa moeda do tempo do rei visigodo Egica, que reinou de 687 a 702, quédanos o dato de que a principios do séc. VIII aínda se seguía traballando -ou, polo menos, escaravellando- nas antigas minas romanas de Limideiro. Delas fala, este mesmo ano de 1883, o investigador Pedro Rodríguez en catro artigos que baixo o título común de Grandimirum publicou por entregas na revista Galicia Diplomática. Xa daquela existía a pequena e profunda lagoa no lugar das minas, que dera orixe ó microtopónimo de Pozo de Limideiro, «en cuyas barreras se descubre perfectamente la acción de la mano del hombre (…), los múltiples montones de tierra movediza que se destacan (…) y lo mucho que abundan las piedras metálicas (…) son datos que no dejan la menor duda [de que] se explotó allí por los antiguos el codiciado estaño (…)».

Mais Pedro Rodríguez, ademais de dar por certa -coma o seu contemporáneo, o cóengo e historiador Antonio López Ferreiro- a identificación da mansión Grandimirum da vía XX romana do Itinerario de Antonino co actual Brandomil-, proporciónanos unha detallada descrición dos testemuños do pasado romano desta parroquia, empezando pola calzada: «Bajando dicha loma [un outeiro da banda esquerda do río Xallas] y a alguna distancia del puente van apareciendo trozos de ancha y sólida calzada, hasta que a corto trecho de éste, se tiene ya ocasión de admirar el trayecto de aquella que conduce al puente para continuar al lado opuesto occidental. Consérvase este trayecto en perfecto estado de cohesión, y se halla, aunque sumamente gastada, tal como salió de manos de sus antiguos constructores a juzgar por sus caracteres».

Oxalá continúen as escavacións da calzada que o ano pasado iniciara o arqueólogo Lino Gorgoso, e outras por outros lugares da parroquia que axuden a poñer en valor o seu pasado. A boa disposición dos veciños, plasmada no documental Brandomil, unha vila a carón do Xallas, dirixido por Manuel Rial e promovido pola Fundación Brandomil, foi un bo comezo.

Despois segue Rodríguez coa descrición da ponte «en forma de lomo de águila» e do castro de tres murallas concéntricas, e comenta a abundancia de restos arqueolóxicos que se atopaban nas terras de labor da freguesía. Ademais da ara ó deus Coso tamén se cita unha estela funeraria, publicada por Barros Sibelo, dunha muller chamada Flavia achada en Olveira. Ignoramos o seu paradoiro e sería importante dala localizado.

Unha moeda do tempo do rei Egica amosa que no século VIII había actividade (Foto: XMLema)

Unha moeda do tempo do rei Egica amosa que no século VIII había actividade (Foto: XMLema)

Fachada-retablo da igrexa de Traba (1716), coas imaxes do Padre Eterno
e da Inmaculada (no ático); Santiago cabaleiro (centro) e, ós lados, 
san Pedro e san Francisco, Adán e Eva [foto X.Mª Lema]

O desenvolvemento do galego como lingua de especialidade: certas dificultades terminolóxicas na Historia da Arte

Hai xa bastantes anos -2004; o tempo pasa axiña- convidáranme a un Simposio de Terminoloxía Galega no Consello da Cultura da Galega, en Santiago. Eu presentara (anos máis atrás aínda, en 1991) a primeira tese de doutoramento na especialidade de Historia da Arte na USC, e, por tal motivo, o tema da miña charla fora “O desenvolvemento do galego como lingua de especialidade: certas dificultades terminolóxicas na Historia da Arte”. Nunca se publicou nin esta nin as outras conferencias, e agora, aproveitando que un investigador amigo está tamén realizando en galego unha tese de doutoramento na mesma especialidade, recuperei este texto medio esquecido que, cunha intención didáctica, intentaba resolver problemas terminolóxicos: “ábsida” ou “ábside”, “retablo” ou “retábulo”, “bóveda” ou “abóbada”?, as partes dun arco, dun castelo, dun pazo, as denominacións dos estilos artísticos etc.. Decidín publicalo agora para quen lle interese. O texto vai acompañado de abundantes fotografías (32) de obras arquitectónicas, retablísticas e escultóricas da Terra de Soneira, unha demostración de que, sen saírmos desta comarca, podemos atopar mostras de cada estilo artístico . www.costasolpor.blogspot.com XMª Lema

Arte Relixiosa TS (1993) A invitación que os organizadores deste Simposio amablemente me fixeron para participar nesta mesa redonda sobre terminoloxía coido que foi debida, por unha parte,  ó feito de ser coautor de varios dicionarios (os de Edicións Xerais, desde o primeiro, de 1986, ó último, de 2002) e autor da primeira –e, de momento, coido que a única- tese de doutoramento en Historia da Arte redactada en lingua galega, A Arte Relixiosa no Arciprestado de Soneira, defendida no Paraninfo da Universidade de Santiago o 29 de xaneiro de 1991[1].

Consciente da miña condición de case pioneiro neste eido, dedicara naquel traballo de investigación varias páxinas da Introdución (da 26 á 34 do tomo I) ó léxico artístico que ía utilizar, valéndome mesmo de gráficos e debuxos: arquitectura exterior e interior dunha igrexa, un retablo e as súas partes, descrición dunha imaxe; as partes dunha cruz parroquial, dun cáliz, dunha custodia ou ostensorio, dun incensario, dunha naveta, etc.[2]

Por outra banda, convén advertir tamén que tiven oportunidade de levar á práctica, de utilizar, na propia Universidade, parte dese vocabulario artístico en galego ó que estou facendo referencia, pois fun profesor asociado de Historia da Arte Contemporánea da Facultade de Xeografía e Historia durante o curso 1992-1993. Eu era daquela o único profesor do departamento que daba as clases en galego, e lembro que un compañeiro tamén o intentara, pero acabara por dar marcha atrás ó non se sentir seguro.arte relixiosa (1998) IMG_20150418_0003_NEW

Que problemas tiven á hora de impartir as clases de Historia da Arte na Universidade? Pois non moitos: os típicos de toda especialidade, nin maiores nin menores cós doutros idiomas, pois son os motivados principalmente por la ausencia, polo menos daquela, dun elemental vocabulario de termos de arte[3].

Cómpre partir da base de que o vocabulario galego de termos artísticos, como todo vocabulario especializado de calquera ciencia, vai ter unha coincidencia básica cos outros idiomas modernos, especialmente cos do ámbito románico: portugués, castelán, catalán, francés, italiano… Deste xeito, para solventar algúns problemas nos casos máis conflitivos, que aínda son, a solución estaba en acudir á comparanza cos idiomas máis próximos (o portugués en primeiro lugar, por ser do mesmo tronco có galego; e despois o castelán, o catalán, etc.), tendo sempre presente o étimo de cada termo como garantía certa da validez da elección.

Con todo e iso, e sobre todo no eido da arquitectura, no galego hai unha rica tradición patrimonial que c

ómpre ter presente e da que debemos botar man. O léxico vernáculo utilizado polos nosos canteiros, carpinteiros, imaxineiros, ourives, etc., debe estar presente e mesturarse sen medo ningún co máis técnico dos manuais da Historia da Arte. Por sorte, en arquitectura popular e etnografía temos abundantes obras en galego: desde a Terra de Melide, os traballos de Xaquín Lorenzo ós de Begoña Bas ou Pedro de Llano dos nosos tempos, e o recentísimo libro de Manuel Caamaño Suárez (2003), completísima obra que abarca case ó completo o tema etnográfico das construcións populares galegas.

Presento un total de nove fichas para analizar e comentar algunhas das cuestións máis ou menos conflitivas. A primeira destas fichas trata do léxico relacionado coa arquitectura dunha igrexa:

Ficha 1: Terminoloxía culta e popular na arquitectura

No eido da arquitectura é onde mellor se tolera a mestura terminolóxica dos niveis culto e popular.

Lintel da casa de Alonso de Lema II, de Berdoias, cunha inscrición co nome do dono e do ano de construción (1607) (foto X.Mª Lema)

Lintel da casa de Alonso de Lema II, de Berdoias, cunha inscrición co nome do dono e do ano de construción (1607) (foto X.Mª Lema)

1. Lintel, fronte ó castelán (en adiante cast.) ‘dintel’

A primeira xustificación sería dicir que está na fala, pero só o está en parte, pois na fala de moitos canteiros xa pasou a ser *dintel, por influencia do castelán. En portugués (en adiante port.) é lintel, e iso xa constitúe unha boa axuda, refrendada ó acudirmos á etimoloxía: procede do francés (en adiante fr.) medieval lintel ‘linde’, en relación co latín (en adiante lat.) limen.

Portada barroca da igrexa de Baio, cun arco alinteado e orelleiras angulares (foto X.Mª Lema)

Portada barroca da igrexa de Baio, cun arco alinteado e orelleiras angulares (foto X.Mª Lema)

En realidade, a forma máis popular e utilizada polos canteiros é lumieira (tamén capialzo e padieira, segundo as zonas); todas estes sinónimos son totalmente válidos e poden ser utilizados en contextos tanto de arquitectura popular como culta (‘o lintel ou lumieira da porta principal da catedral ou da Casa do Concello’).

2. Beiral, beirado = topete, fronte ó cast. ‘alero’

Son formas todas elas patrimoniais que deben impedir a introdución da forma allea.

3. Canzorro, fronte ó cast. ‘canecillo’

Tres canzorros sosteñen o balcón da torre sur das Torres do Allo (foto XMª Lema)

Tres canzorros sosteñen o balcón da torre sur das Torres do Allo (foto XMª Lema)

Proceden, un e outro de can, debido a que nestas pezas que na arquitectura románica contribuían a soster os beirais do tellado, se esculpían cans ou animais semellantes. É unha forma ben galega, vixente sobre todo para denominar os soportes incrustados na parede dos balcóns (en portugués é cachorro). Hai a dúbida de se as ménsulas –soportes incrustados de arcos e bóvedas- tamén poden ser denominadas canzorros.

4. Deambulatorio, mais non ‘xirola’

En port. só aparece deambulatorio; en castelán e catalán (en adiante cat.), as dúas formas son sinónimas (cast. deambulatorio e girola, cat. deambulatori e girola). No Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa) aparece só deambulatorio; polo tanto, *xirola queda condenada.

5. Ábsida ou ábside? Vale tamén ousia?

As formas válidas son ábsida e ousia, formas femininas as dúas (s.f.), sinónimas e procedentes dun mesmo étimo: lat. absida(m).

En port., en troques, abside ou ábside (admiten ousia na acepción de ‘antiga capela maior’); cast. ábside -substantivo masculino (en adiante s.m.)-; cat. ábsis; italiano (en adiante it.) àbside ou àbsida).

Ábsida románica da igrexa de San Miguel de Treos (foto X.Mª Lema)

Ábsida románica da igrexa de San Miguel de Treos (foto X.Mª Lema)

6. Sancristía e sacristía

Admítense as dúas formas, aínda que o VOLGa preferiu o popularismo, moi estendido, resultado dunha etimoloxía popular nacida do cruzamento de sacra con san(ta).

7. Aparello de cachotaría e de cantaría

Igrexa de Lamas: aparello de cachotaría no corpo da nave (esq.) e de cantaría nos esquinais da nave e en todo o presbiterio, contrafortes incluídos(dta) [foto X.Mª Lema]

Igrexa de Lamas: aparello de cachotaría no corpo da nave (esq.) e de cantaría nos esquinais da nave e en todo o presbiterio, contrafortes incluídos(dta) [foto X.Mª Lema]

Falando dos tipos de aparello, o ‘opus incertum’ e o ‘opus quadratum’ dos romanos correspóndense en galego coa cachotaría e a cantaría, respectivamente, recorrendo unha vez máis á fala popular dos canteiros. Tamén vale cachotería e cantería. As pedras grandes irregulares de pedra usadas na construción son cachotes, e as cortadas coidadosamente, talladas e picadas de forma máis ou menos paralelepipédica son pezas de cantaría (equivalentes, neste caso, ó port. silhar e ó cast. sillar). Unha parede de cachotería (ou ‘de aparello’) é, polo tanto, aquela feita a base de unir pedras irregulares sen puír, e a de cantería (port. silharia; cast. sillería) a realizada con pezas paralelepipédicas traballadas a pico, ben puídas. Unha vez máis a fala popular é a que se impón.

Bufarda da casa dos Lema de Berdoias (1607) (foto X.Mª Lema)

Bufarda da casa dos Lema de Berdoias (1607) (foto X.Mª Lema)

Na nosa fala patrimonial tamén hai paredes de perpiaño, feitas a base de bloques de pedra de forma rectangular, con seis caras, sen picar. A forma ‘perpiaño’ aparece no dicionario de María Moliner (1988) na letra pequena, coa acepción seguinte: “piedra que atraviesa la pared” (non se corresponde, polo tanto, ó noso).

8. Fornelo, fornela (e mesmo furna), fronte ó cast. ‘hornacina’

Imaxe de San Pedro no fornelo da fachada da igrexa de Berdoias (foto XM Lema)

As oquedades feita nunha parede ou no panel dun retablo para colocar unha imaxe reciben en cast. a denominación de ‘hornacinas’, castelanismo de doada introdución no noso idioma.

A orixe da denominación está fóra de toda dúbida: na palabra forno, dada a semellanza evidente, de aí que a adaptación lóxica ó galego deba ser fornelo ou fornela, do mesmo xeito que outros idiomas románicos: port. fórnice; cat. fornícula; it. fornello; fr. forneau.

Casualmente, e en datas recentes, nun documento galego redactado en castelán (coido que do séc. XIX) onde se contrataba a fabricación dun retablo, dicíase que o retablo tiña que ser dun determinado número de ‘furnas’; coido que esta forma, furna, tirada do noso vocabulario xeográfico e tan inequivocamente galega, tamén válida (e certamente expresiva) como sinónimo, o mesmo que nicho, que tamén aceptan o portugués e o castelán.

Ficha 2: As ordes arquitectónicas clásicas. Cúpulas.

A nomenclatura é moi técnica e, polo tanto, as diferencias entre os idiomas por forza teñen que ser mínimas.

Acroterios piramidais sobre a espadana e a fachada da igrexa de Gándara (foto Roberto Mouzo)

Acroterios piramidais sobre a espadana e a fachada da igrexa de Gándara (foto Roberto Mouzo)

O acroterio é, por unha parte, a figura ou adorno que se coloca nos extremos ou no vértice superior do frontón dos templos gregos e romanos; por outra, tamén se pode chamar así ó remate ornamental –xeralmente de forma piramidal- que vai sobre a cornixa do tellado. En castelán é acrótera. O galego é máis fiel ó étimo (gr. akrotérion ‘extremo, punta’), igual que o portugués (acrotério), o catalán (acroteri) e o italiano (acroterio).

Hai unha palabra patrimonial, lampión, que é o remate –xeralmente de forma piramidal- que se adoita colocar sobre o vértice do pinche da paredes máis estreitas do hórreos. Pode ser sinónima da segunda das acepcións de acroterio; para a primeira teño as miñas dúbidas, pois no frontón do templo tamén pode ser unha simple figura.

Noutra orde de cousas, cómpre chamar a atención no xénero feminino da palabra arquitrabe, e no –x- etimolóxico de cornixa (lat. córnix, -cis). Confróntese (cfr.) co port. cornija. No cast. e no cat. é cornisa. Lóxicamente tamén chama a atención a observancia da acentuación esdrúxula do galego e do portugués en termos moi técnicos como métopa ou estilóbata (fronte ó cast. metopa –tamén admite métopa– e estilobata).

Un dos tipos de cúpulas é a que se levanta sobre os catro triángulos esféricos que se forman nos ángulos dos muros dun edificio. En cast. denomínase cúpula sobre pechinas, pola relación –segundo algún dicionario de termos artísticos- coa palabra pecho “por la concha de los peregrinos en la esclavina”[Paniagua;1978, 249]). Obviamente, se a denominación ten a súa orixe nunha palabra inequivocamente castelá, ten moitas posibilidades de que non valla para o galego. Recorremos neste caso ó portugués, onde se denomina cúpula sobre pendentes.

Do mesmo xeito, o ciborio galego coincide co portugués e son máis fieis á etimoloxía (lat. ciborium ‘copa grande’) que o cast. cimborrio e o cat. cimbori.

Ficha 3: Arcos e bóvedas

1. As partes dun arco

No tocante ás partes do arco, a aparición da forma castelá dovela no canto da galega doela nun texto de Historia da Arte das probas de acceso á Universidade motivou hai un par de anos algunha protesta. En efecto, o nome de cada unha das pezas de cantería labradas que, ben en forma de cuña truncada ou en disposición radial, conforman un arco ou bóveda chámase en galego ‘doela’, palabra que procede do fr. antigo douelle. Dentro da arquitectura popular tamén son doelas cada unha das pezas de cantería que conforman as paredes dos hórreos de pedra, lixeiramente rebaixadas pola parte superior para facilitar a entrada do aire. E en carpintería son doelas as táboas curvadas dos bocois.

DSC09022 Arco triunfal igrexa (2)

Arco triunfal ou toral (apuntado ou oxival) da igrexa de Lamas (X. Mª Lema)

O feito de que a superficie exterior dun arco reciba en castelán o nome de extradós e a interior intradós, pode levarnos ó equívoco de pseudogaleguizar as formas en *extradous e *intradous. Falso: en galego e en portugués as formas correctas son, respectivamente, extradorso (de extra- ‘fóra de’ + dorso) e intradorso (de intra- ‘dentro de’ + dorso).

Entre os tipos de arcos están, entre outros, o abucinado (de bucina), o alintelado (de lintel), o apuntado ou oxival (<fr. ogive, de orixe escura, talvez do lat. augere ‘aumentar, reforzar’). Advertímolo porque poida que alguén asocie esta palabra a ‘ollo’, equivocadamente. En port. e cat. (ogival) consérvase o –g- etimolóxico; non así en cast. (ojival). Outro tipo de arcos é o triunfal ou toral (lat. toralis); nada que ver con ‘touro’. En troques, o arco perpiaño tamén se pode denominar arco faixón, pois si ten que ver con ‘faixa’.

2. Bóveda ou ‘abóbada’?

Arco de ingreso á capela do Carme (igrexa de Zas), cuberta con bóveda de canón (X. Mª Lema)

Arco de ingreso á capela do Carme (igrexa de Zas), cuberta con bóveda de canón (X. Mª Lema)

O VOLGa rexeitou a forma portuguesa ‘abóbada’ e deixou a forma bóveda como a correcta, a única que se rexistra na fala. Tamén é admisible a forma vouta, que se atopa en documentos antigos, máis fiel á etimoloxía (do baixo latín *volvita, por voluta, en relación con volvere ‘voltear, volver’) e máis semellante ás formas resultantes doutros idiomas (cat. e it. volta, fr. voûte, inglés vault). Cabe preguntarse de onde proceden o b- do galego e castelán e os dous ‘bes’ do portugués.
Entre os tipos de bóvedas cabe citar as de canón, as de canón con arcos faixóns, as de aresta, as estreladas, as vaídas… e as de crucería con arcobotantes, moi propias da arquitectura gótica. Fronte ó cast. arbotante, chamamos a atención sobre a forma arcobotante –cada un dos arcos que transmiten a un contraforte o empuxe da bóveda-, que é a correcta, pois procede da forma francesa arc-boutant (en portugués tamén é arcobotante e en catalán arcbotant; en italiano tiraron polo camiño do medio e chámanlle contrafforte aereo).

Bóveda nervada da capela maior da igrexa de Lamas (foto X.Mª Lema)

Bóveda nervada da capela maior da igrexa de Lamas (foto X.Mª Lema)

A capela maior de San Pedro de Berdoias tamén se cobre cunha bóveda nervada (foto XMLema)

A capela maior de San Pedro de Berdoias tamén se cobre cunha bóveda nervada (foto XMLema)

Ficha 4: Retablos, imaxes, ourivaría

1.Retablo ou retábulo?

O VOLGa admitiu a primeira forma, retablo, rexeitando a segunda que, por ser a forma portuguesa, se viña rexistrando en textos artísticos. A forma procede do baixo latín retaulus, de re[tro] ‘detrás’ + tabula ‘táboa’.

Retablo barroco das Ánimas, igrexa de Loroño. Arriba, relevo da Madalena; abaixo: san Roque, san Francisco salvando ánim,as; santo Antonio (XMLS)

Retablo barroco das Ánimas, igrexa de Loroño. Arriba, relevo da Madalena;
abaixo: san Roque, san Francisco salvando ánim,as; santo Antonio (XMLS)

En sentido vertical, o retablo divídese en banco ou predela e en corpos (primeiro corpo, segundo corpo…); o último corpo tamén recibe o nome de ático. En sentido horizontal, cada corpo divídese en varios espazos divididos por columnas chamados intercolumnios, pero que en castelán, ademais desta forma, tamén se denominan calles; en base a isto, tense traducido ó galego por *rúas, pero non considero correcta esta denominación. Na miña tese de doutoramento utilizara a forma canle –e a variante cale-, considerando, equivocadamente, que podía estar en relación etimolóxica coa palabra castelá calle (<lat. callis ‘carreiro’, segundo o Diccionario Crítico Etimológico de J. Corominas/J.A. Pascual (1980), que engade que esta palabra “vive también”, entre outros idiomas, no port. cale ‘cano de madeira, desfiladeiro dun río’. Esa forma portuguesa cale fora a que me levara a min a pensar que puidese haber unha forma cale/canle que, no canto de derivar do lat. canale(m), derivase do tamén lat. callis. Obviamente, estaba equivocado. O certo é que, por moito que eu daquela preguntara a reputados lingüistas, ningunha das alternativas que se me deron (‘leirado’, ‘estaxe’, ‘illarga’…) me convencera. Enviei algunha que outra carta a lingüistas portugueses e tampouco me souberon dar razón (en textos relacionados cos retábulos portugueses só aparecen as formas de intercolunio e painel).

Intercolumnio e panel (e mesmo pano, como aparece nalgún texto) son, xa que logo, formas perfectamente válidas para referirse a estes espazos no noso idioma.

Monumental retablo barroco de San Martiño de Riobó, de dous corpos e tres paneis en cada un deles. Imaxes do Padre Eterno no ático; arriba: san Xoán Evanxelista, san Martiño (patrón) e S. Bieito; abaixo: santo Eutelo, neno Xesús e santo Antonio (foto X.Mª Lema, 2020)

Monumental retablo barroco de San Martiño de Riobó, de dous corpos e tres paneis en cada un deles. Imaxes do Padre Eterno no ático; arriba: san Xoán Evanxelista, san Martiño (patrón) e S. Bieito; abaixo: santo Eutelo, neno Xesús e santo Antonio (foto X.Mª Lema, 2020)

Fachada-retablo da igrexa de Traba (1716), coas imaxes do Padre Eterno e da Inmaculada (no ático); Santiago cabaleiro (centro) e, ós lados, san Pedro e san Francisco, Adán e Eva [foto X.Mª Lema]

Fachada-retablo da igrexa de Traba (1716), coas imaxes do Padre Eterno
e da Inmaculada (no ático); Santiago cabaleiro (centro) e, ós lados,
san Pedro e san Francisco, Adán e Eva [foto X.Mª Lema]

2. Descrición das imaxes

As imaxes descríbense polo tipo físico do personaxes (novo, maduro, vello…), polas súas vestiduras e polos obxectos que adoita levar na man que nos permiten a súa identificación (os atributos, xerais ou persoais). Nas súas vestiduras fórmanse pregas ou dobras (cfr. cast. pliegues) que pola súa maior ou menor profundidade ou polas súas formas (dondas, acartoadas…) teñen a súa importancia para a inclusión da obra nun estilo ou noutro.

Imaxe de san Roque (Loroño) [XMLS]

Como denominación da “pintura relixiosa realizada sobre unha táboa, propia das igrexas de Oriente” o VOLGa impuxo a forma icona (s.f.). Vai custar ferro e fouce normalizala, pois non é doado para o profesor utilizala con normalidade ó estar tan próxima ó máis habitual dos nomes populares da parte externa do órgano sexual feminino. Tamén aparece na linguaxe da informática, e sei dalgún profesor que a evita pasándose conscientemente á forma castelá, icono, que parece que “non soa tan mal” (a pesar de que ‘cono’ é tamén outra das denominacións populares galegas da vulva, pero os prexuízos son os prexuízos…). Un caso que nos lembra a loita da forma auténticamente galega polbo para desprazar á castelá pulpo, moi metida na fala (a pesar de todas as explicacións dadas á torta e á dereita, aínda non demos recuperado a nosa forma auténtica).

En port. a forma admitida é ícone (s.m.), en cat. e it. icona (s.f.); en fr. icône (s.f.).

 3. Ourivaría ou ourivesaría?

Ourivaría (ou ourivería) é o oficio, a arte ou a técnica dun ourive (<lat. aurifice‘o que traballa o ouro’). O galego afástase do cast. orfebrería e achégase ó port. ourivesaría (pero obviando esa sílaba –sa- non etimolóxica). Por certo, que ourivería é palabra sinónima de prataría, e ourive de prateiro ‘o que traballa a prata’, pois o certo é que os que desenvolven este oficio tanto traballan no ouro coma na prata (e noutros metais).

Ourivaría sacra de Santiago de Berdeogas. A partir da chave: naveta, cáliz, custodia (ou ostensorio), incensario (foto X.Mª Lema)

Ourivaría sacra de Santiago de Berdeogas. A partir da chave: naveta, cáliz, custodia (ou ostensorio), incensario (foto X.Mª Lema)

4. Incensario, ¿e ‘botafumeiro’?

Botafumeiro07 (turismo de santiago) (2)

No estudio da ourivería relixiosa, cada unha das partes dos diversos obxectos ten unha denominación especial e característica. Así, un cáliz componse de ou peaña (o basamento), dun hastil, vástago ou fuste (a zona estreita intermedia, cuxa parte central é o ) e a copa; unha naveta tamén ten como base un ou peaña, e, a semellanza de calquera nave mariñeira, un casco, unha cuberta, unha proa –e sobre ela pode haber un mascarón-, unha popa e uns laterais que poden ser denominados babor e estribor (ou, o que é o mesmo: couso e arca).

Un incensario ten un ou peaña, unha copa e un corpo de fume. Na miña tese fixera un tímido intento de alternar como sinónimo desta palabra a de botafumeiro, por extensión do arquicoñecido gran turíbulo da catedral de Santiago (por certo, este sinónimo tan erudito, turíbulo, non o utilizara en ningún momento). Confeso que non tivo moito éxito o intento, pois mesmo a algún dos meus lectores lles parecera inapropiada tal denominación –dun nivel de lingua distinto-, quizais porque Botafumeiro, a pesar de ser unha ben expresiva creación inequivocamente popular galega, só hai un (e poida que mereza ser escrito con maiúscula na súa consideración de únicum).

Ficha 5: castelos e pazos

1. A confusión entre ameas e merlóns dos castelos

Castelo de Vimianzo: torre da homenaxe en 1º plano; na parte superior, por dentro, o adarve con elementos defensivos coma os matacáns sostidos por canzorros e as ameas entre merlóns pentagonais (foto Roberto Mouzo Lavandeira)

Castelo de Vimianzo: torre da homenaxe en 1º plano; na parte superior, por dentro, o adarve con elementos defensivos coma os matacáns sostidos por canzorros e as ameas entre merlóns pentagonais (foto Roberto Mouzo Lavandeira)

Paradoxalmente, a palabra castelo aínda non está definitivamente imposta na fala popular para denominar ‘un antigo edificio fortificado e defendido por un conxunto de murallas, torres, baluartes e foxos’, pois foise perdendo e hoxe ten certa preminencia a forma castelá. Si permanece ben viva na toponimia, especialmente para denominar montañas ou outeiros onde houbo ou hai unha construción deste tipo –ou as súas ruínas- ou cunha forma que a recorda.

Interior dunha fiestra seteira do castelo de Vimianzo (XMLS)

Interior dunha fiestra seteira
do castelo de Vimianzo (XMLS)

O vocabulario das partes dun castelo é moi específico, e poucas son as formas que se escoitan a nivel popular. Seguramente se foron perdendo coa historia, a medida que estas construcións defensivas foron quedando ancoradas no pasado. O vocabulario é, polo tanto, aprendido, e por iso vai coincidir co que teñen os idiomas máis próximos, portugués e castelán; nel rexistramos palabras de orixe árabe (adarve, barbacá) ou do francés antigo (baluarte), talvez aínda máis cás de orixe latina.

Nun castelo hai unha ou varias murallas, torreóns ou baluartes, unha torre da homenaxe, matacáns, canzorros e ventás seteiras (por onde disparar setas ou frechas), pontes levadizas e foxos, etc. E dise que as murallas, torreóns e torres van rematadas por ameas, falándose ademais de torres ameadas, e aí cómpre facer unha precisión. Stricto sensu, as ameas son os espacios ou ocos que quedan entre dous merlóns ou remates dentados da parte superior das murallas dos castelos, pero é un feito que para a xente do común as ameas acabáronse identificando con eses remates dentados e non cos ocos, que quedaron sen nome. matacáns

2. Que é un pazo?

Dado o seu étimo (<lat. palatiu) debera ser sen discusión a palabra patrimonial do galego coa que se designa calquera ‘edificio suntuoso que serve de residencia a unha familia nobre’, estea situado onde estea. Pero non é tan así, pois para moita xente só é un pazo o edificio suntuoso situado na zona rural, propio de Galicia, que foi ou está habitado por unha familia nobre. Por outra banda, a forma plena palacio tamén é admisible, e pode ser sinónima dalgunhas acepcións de ‘pazo’.

As Torres do Allo, considerado o primeiro pazo galego (foto X.Mª Lema)

As Torres do Allo, considerado o primeiro pazo galego (foto X.Mª Lema)

Hai, polo tanto, moitas dúbidas ó respecto. Vexamos o que se recolle en dous dicionarios galegos e nun portugués especializado:

zado:

Pazo. 1. Edificio grande e luxoso que serve de residencia a unha persoa importante, ou que antigamente foi residencia dunha familia nobre. SIN. Palacio. (Pazo de Raxoi; pazo do emperador). 2. Grande edificio destinado a albergar unha institución, un museo, certos servicios públicos, etc. (Pazo do parlamento, pazo de exposicións). SIN. Palacio. 3. Casa grande, antiga e nobre, esp. a situada no medio rural (pazo de Arretén).

[García/González (Dtores.), 1997, Diccionario da Real Academia Galega;

Pazo. 1. Antiga casa señorial galega, construída no campo e destinada a residencia fixa ou temporal de familias nobres –particularmente fidalgas-, con signos heráldicos nalgunha das súas paredes e de proporcións e trazas suntuarias que superan notoriamente as das vivendas campesiñas da súa redonda. 2. Edificio destas características situado na cidade (pazo de Bendaña). 3. Edificio grande e luxoso destinado a residencia dun soberano o xefe de Estado; palacio. 4. Edificio público de carácter monumental. OBS. Ó teren a mesma orixe etimolóxica, palacio e pazo son, en principio, palabras sinónimas; sen embargo a palabra pazo en tratados técnicos tende a identificarse só con ‘casa señorial’.

[Carballeira (coord.) et alii, 2002, Diccionario Xerais da Lingua]

III. Paço: “Casa de habitação do rei, príncipe ou alta nobreza ou, ainda, casa de município ou tribunal”.

Palácio: “Edifício sumptuoso ou amplo, geralmente num aglomerado urbano, destinado a morada de reis, nobres, ricos ou funções públicas”.

[Teixeira, 1985, Dicionário Ilustrado das Belas Artes]

Non hai moitas diferencias entre os dous dicionarios galegos citados nin destes co portugués, aínda que no Dicionario de Xerais se subliña a súa condición de ‘galega’ na acepción 1. Nos dicionarios galegos, a primeira das acepcións é admitida por todos, a case exclusiva do galego e do portugués (paço, neste caso). As publicacións relacionadas coa arquitectura pacega e co seu mundo –a meirande parte delas escritas en castelán- teñen na súa maioría en mente como única definición de pazo a que concorda coa primeira acepción de Xerais (2002).

E aínda así, tampouco hai acordo total entre os tratadistas, pois para moitos non todas as casas suntuosas do mundo rural son pazos, por moi brasonadas que estean. “Hai pazos e pazos”, adóitase dicir considerando que a humildade de moitas destas casas non merecen esta denominación, debendo conformarse coa de casas grandes. Tanto é así que algún estudioso (V. M. Migués; 2000) ten proposto a denominación común de pousa.

Fachada oeste das Torres de Romelle, cos seus xardíns (foto X.Mª Lema)

Fachada oeste das Torres de Romelle, cos seus xardíns (foto X.Mª Lema)

Ficha 6: Que se require para ser pazo?

Os primeiros estudiosos dos pazos, castelánfalantes, para dar resposta a esta pregunta, popularizaron este dito do castelán de Galicia: “Capilla, palomar y ciprés: pazo es”. Con todo e iso, non convenceu a todos, pois houbo outros que o substituíron por outro dito: “Hórreo, capilla y escudo: pazo seguro”.

Pazo das Hedreiras: capela do Rosario (esq.) e solaina con patín (foto Roberto Mouzo Lavandeira)

Pazo das Hedreiras: capela do Rosario (esq.) e solaina con patín (foto Roberto Mouzo Lavandeira)

O conflito continúa, e digamos o que digamos non convenceremos por completo a ninguén. En todo caso, no pazo clásico, xa rural xa urbano, estaremos de acordo en que terá que haber elementos arquitectónicos inequivocamente pacegos, tales como o escudo, o patín ou patamal, a solaina ou soleira, os parladoiros interiores nas ventás, a capela, etc.

Ficha 7: Termos arqueolóxicos

1. Mámoas, antas e pedrafitas

Temos aquí abundantes termos patrimoniais galegos ós que deberamos tratar de dar preferencia fronte a outros foráneos, por moi impostos que estes estean internacionalmente (termos que tamén son admisibles como sinónimos no noso idioma). Moitos destes termos levan connosco milleiros de anos, pois pertencen á cultura megalítica, caracterizada polos monumentos construídos con grandes pedras (megálitos).

Anta (ou dolmen) de Pedra Cuberta (X. Mª Lema)

Anta (ou dolmen) de Pedra Cuberta (X. Mª Lema)

Hoxe en día está moi estendida a palabra bretona dolmen (do bretón dol ‘mesa’ + men ‘pedra’), pero no noso idioma temos palabras patrimoniais a eito para designar este tipo de monumentos, sendo anta e arca as máis comúns. Fronte á palabra bretona menhir (de men ‘pedra’ + hir ‘longa’) dispoñemos de pedrafita ou parafita (<lat. petra ‘pedra’ + ficta ‘fincada, chantada’). En troques, non hai nada concreto para a tamén palabra bretona crómlech (de crom ‘círculo’ + lech ‘pedra’), quizais porque na nosa terra, ou ben nunca existiron eses ancestrais ‘círculos de pedras’ do Megalitismo ou ben desapareceron por completo, quedando só os recordos de carácter toponímico do xeito de eiras das meigas, eiras dos mouros, etc. Non consiste en rexeitar as denominacións internacionais, que penetraron na maior parte dos idiomas europeos, senón en darlles prioridade ás nosas xenuínas formas[4].

Mámoa é o nome máis común que, en base á semellanza que o seu perfil ten cunha mama feminina, o pobo galego lle deu ó túmulo propio do Megalitismo galego que agocha no seu interior unha anta. Hai un chea de variantes en galego (medoña, medorra, meda, madroa, etc.) e non ten equivalente noutros idiomas, pois é un tipo de estrutura tumular característica do Megalitismo do territorio histórico de Galicia, que forma parte da nosa paisaxe desde hai milleiros de anos e que non ten unha correspondencia exacta en ningún outro lugar. En traducións a outros idiomas este termo ou calquera das súas variantes debera ser respectado tal cal, dada a súa especifidade. Trátase dun termo do idioma galego (e portugués en parte) polo que debemos loitar para impoñer no vocabulario arqueolóxico internacional, cousa que se irá logrando na medida en que se vaia revalorizando o noso patrimonio megalítico.

Arca da Piosa: a anta e a mámoa vista desde o aire (foto Tania Carreira Rial, 2019)

Arca da Piosa: a anta e a mámoa vista desde o aire (foto Tania Carreira Rial, 2019)

2. No confín dos verdes castros

Outro termo moi galego, aínda que tamén existente en castelán e, obviamente, en portugués, é castro: ‘aldea ou recinto fortificado da Idade do Ferro, con casas de planta circular ou ovalada, que presenta unha estrutura oval ou circular de carácter defensivo, provista de un ou varios muros concéntricos polo xeral rodeados de cadanseu foxo’.

Durante anos houbo certa controversia entre castro e citania, pois certos arqueólogos portugueses chamábanlles citanias ós castros de grande extensión. Nalgún dicionario actual aínda se recolle así, pero especialistas como A. Romero e F. Arias (1995: 50) cualifican de erro esta diferenciación, aconsellando ‘a denominación xenérica de castro’.

Cómpre lembrar que o castro ten moitas denominacións enxebremente galegas: o foxo, a croa, etc.

Construcións do castro A Cidá de Borneiro (foto XMLema)

Construcións do castro A Cidá de Borneiro (foto XMLema)

Ficha 8: Os estilos artísticos

Deben escribirse con maiúscula inicial, sempre que designen o movemento (o Románico, o Gótico, etc.).

Repárese en que o Plateresco (certo estilo arquitectónico e decorativo español de finais do séc. XV e principios do XVI) debe conservar a forma castelá, pois que é un estilo orixinario de Castela. En port. e it. tamén é Plateresco, e en cat. Plateresc.

Do mesmo xeito, Manierismo conserva a forma orixinaria italiana (maniera ‘maneira’). Neste caso o galego coincide co cast. Manierismo e co cat. Manierisme en respectar o étimo, mentres que o port. fai unha adaptación (Maneirismo).

Casa modernista na Coruña (Galipedia)

Casa modernista na Coruña (Galipedia)

Na denominación do Modernismo (movemento artístico de finais do séc. XIX e principios do XX) coinciden as linguas románicas peninsulares: galego, port. e cast. Modernismo, cat. Modernisme. Respéctanse as denominacións orixinarias, sen previa adaptación, dos movementos artísticos equivalentes doutros países: o Art Nouveau francés (o port. admite a tradución Arte Nova), o Modern Style inglés, o Jungendstil alemán…No Fauvismo tamén se respecta o étimo francés (fauve ‘fera’), recomendándose a pronuncia á francesa (‘fovismo’).

Tamén se respecta a forma francesa en Naíf [5], aínda que en galego o acento substitúe a diérese orixinaria do francés (naïf ‘inxenuo’), que conservan portugués, castelán e catalán; en italiano, naif e naive.

Manuel Lema Otero (1916-1991), pintor naíf natural de Borneiro

Manuel Lema Otero (1916-1991), pintor naíf natural de Borneiro

A denominación de Surrealismo para a pintura, escultura, cinema, etc. procedente do mundo onírico, é produto dunha deficiente tradución do fr. surrealisme ‘por encima do realismo’ (lémbrese que o significado da preposición francesa sur é ‘sobre, por encima de’). A adaptación ó galego (e ó castelán e ó portugués) debera ser Superrealismo, que tamén se admite no noso idioma e no castelán (non así no portugués, que ten como única forma surrealismo). En catatán é surrealisme e en italiano surrealismo (neste idioma, superrealismo é sinónimo de iperrealismo).

O Informalismo (tendencia pictórica nacida contra 1950 que rexeita calquera forma tradicional na procura do valor expresivo da propia materia) é tamén unha deficiente tradución do termo francés informalisme, que significa ‘falto de forma’. A tradución (ó galego, ó portugués e ó castelán) debera ser *Aformalismo, pero non se fixo así nun principio e quedou imposto case sen remedio este híbrido e equívoco termo. En fin, o erro foi xeneralizado na península Ibérica, pois en port. é informalismo e arte informal, en cast. informalismo e en cat. informalisme. En it.: arte informale.

 

Ficha 9: Adaptación dalgunhas correntes artísticas e terminoloxías estranxeiras da arte contemporánea.

Na actualidade certas correntes das vangardas artísticas do séc. XX –e certos termos artísticos- tenden a entrar nos diversos idiomas (non só no galego) sen ningunha adaptación a partir do seu idioma de orixe (agora xa maiormente o inglés, e só anecdoticamente o francés, italiano ou alemán). Estoume a referir a terminoloxías como Action Painting, Art Brut, Arte Povera, Bad Painting, Body-Art, dripping, happenning, kitsch, Land-Art ou Earth-Art, Op-Art, Pop-Art, ready-made, collage, etc., que se rexistran por igual no portugués, castelán, catalán, francés e italiano. A maior parte dos dicionarios galegos aínda non recollen a maioría estes termos, por seren moi específicos, pero quizais entren sen pedir permiso e sen se adaptaren o máis mínimo. De momento unicamente adaptamos colaxe (no canto de collage) e pouco máis. O tempo dirá se logramos impoñer termos como Arte Bruta, Arte Pobre, Arte Corporal, Arte Óptica, Arte Terrestre… ou os deixamos andar coa vestidura allea que traen.

Bibliografía[6]

Atkins, R. (1990): Petit Lexique de l’Art Contemporain (tradución e adaptación ó francés a partir do inglés de J. Bouniort); Editions Abbeville, France.

Bas López, B. (1983): As construccións populares. Un tema de etnografía de Galicia; Ediciós do Castro, Sada.

Caamaño Suárez, M. (2003): As construccións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia; Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.

Carballeira Anllo, X.Mª (coord.) et alii (2002): Diccionario Xerais da Lingua; Edicións Xerais, Vigo.

Coromines, J. e J. A. Pascual (1980): Diccionario Crítico Etimológico Castellano e Hispánico (vol. I); Ed. Gredos, Madrid.

García, C. e M. González (directores), et alii (1997): Diccionario da Real Academia Galega; Real Academia Galega, A Coruña.

Instituto da Lingua Galega (1989). Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa); Universidade de Santiago.

Lajo, R. e J. Surroca (1993): Lèxic d’Art; Ediciones Akal, Madrid (tradución ó catalán de P. Freixas, a partir do orixinal en castelán Léxico de Arte).

Lema Suárez, X. Mª (1993, 1ª ed.): A Arte Relixiosa na Terra de Soneira (tomo I); Fundación Universitaria de Cultura/Coordenadas; Santiago.

Llano Cabado, P. (1981 e 1983): Arquitectura popular de Galicia (2 vols.); COAG, Santiago.

Lorenzo Fernández, X. (1962): “Etnografía. Cultura material”, en Historia de Galiza (dir. por R. Otero Pedrayo); Ediciós Nós, Bos Aires (Arxentina).

Lucie-Smith, E. (1988): Dizionario dei termini d’arte; Franco Muzzio Editore, Padova (versión italiana de D. Battilotti, a partir do orixinal en inglés The Thames and Hudson Dictionary of Art Terms, Londres, 1988).

Migués Rodrigues, V.M. (2000): “Repensando o número e as características das pousas galegas”, en Xornadas informativas sobre os pazos da Costa da Morte; Zas, 29 abril.

Moliner, M. (1988): Diccionario de uso del español; Editorial Gredos, Madrid.

Paniagua Soto, J. R. (1978): Vocabulario básico de arquitectura; Ediciones Cátedra, Madrid.

Romero Masiá, A. e F. Arias Vilas (1995): Diccionario de termos de Arqueoloxía e Prehistoria; Ir Indo Edicións, Vigo.

Seminario de Estudos Galegos (1933): Terra de Melide; Compostela.

Teixeira, L. M. (1985): Dicionário Ilustrado de Belas Artes; Editorial Presença, Lisboa.

————————————————————————————————

[1] Publicaríase en tres tomos co título A Arte Relixiosa na Terra de Soneira (1993); obtivo o Premio Extraordinario de Doutoramento da Facultade de Xeografía e Historia (curso 1990-1991) e o Premio Losada Diéguez de Investigación de 1994.

[2] Varios destes debuxos fóronselles entregados ós asistentes ó Simposio.

[3] Os maiores inimigos adoitan ser certos prexuízos, especialmente os orixinados pola enorme presión do castelán. Lembro as caras dalgúns alumnos e alumnas cando me escoitaron os títulos correspondentes en galego de certas obras pictóricas coma O berro (E. Munch) ou escultóricas coma O bico (A. Rodin), quizais matinando que títulos tan enxebres non casaban con obras tan universais (algúns pensarían que semellantes títulos cadrarían mellor en obras de Asorei ou de Castelao, poñamos por caso). Tamén lembro que causara certa estrañeza que titulara A noite estrelecida (e non ‘estrelada’, que era o esperado) a coñecida pintura de Van Gogh. Igualmente denominara Xeración Dorida –e non ‘doente’ como adoita aparecer en certas publicacións- á dos infortunados mozos pintores galegos do derradeiro tercio do séc. XIX -O. Murguía, J. Vaamonde, R. Parada Justel e J. Carreño-; o tamén pintor, o ferrolán Bello Piñeiro, fora quen bautizara a esta xeración como ‘La Generación Doliente’, en castelán, no senso de ‘aflixida, desgraciada, con dor, dorida’, xa que todos os seus membros tiveran a desgracia de finaren prematuramente –doentes, iso si (é dicir: enfermos)- por volta dos trinta anos, pero ningunha das acepcións do adxectivo castelán doliente se corresponde, ó meu modo de ver, coas do galego doente (algunhas delas, que seguramente estarán na mente de todos, ¡ben distintas, por certo!).

[4] O propio Pondal sacralizou unha desas formas bretonas na súa coñecida poesía titulada ‘O dolmen de Dombate’.

[5] Son admisibles os sinónimos Inxenuísmo e Primitivismo.

[6] Unicamente se fai referencia á que se cita.

 

 

 

 

 

ÇDKJ

 

6. Fervenzas da zona baixa do Rabiñoso (XMLS))

Andaina polo curso alto do río do Porto e polas terras bergantiñás de Riobó (7-03-2020)

Por Xosé María Lema

En 2019, a raíz da publicación do noso libro colectivo O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, organizaramos unha andaina polo curso medio do río do Porto, parroquias de Bamiro, Baio e O Allo: grosso modo, da ponte de Baio á ponte Lodoso, pasado pola área de Pedra Vixía (desembocadura do río de Zas no Porto) e visita posterior ó monumental recinto do Allo (torres, igrexa, cruceiro do adro e cemiterio novo).

Punto de partida, o nacemento do río: as Brañas do Rabete

En colaboración co Instituto de Estudios Bergantiñáns levamos a cabo unha andaina polo curso alto do río do Porto. Saímos 50 persoas ás 10 horas do 7-03-2020 da vila de Zas nun autobús que nos levou, en primeiro lugar, ó lugar de nacemento da arteria principal do río, nas Brañas do Rabete, preto da aldea dos Fornos (parroquia de San Sabiña, na Terra de Xallas). Antes vimos de pasada, ó pasar por Varilongo (Santa Comba), a casa nativa do poeta popular Pepe de Xan Baña, un emigrante xalleiro en Cuba que se fixera moi popular nas dúas primeiras décadas do séc. XX polas súas poesías en galego.

Evaristo Domínguez Rial exerceu de guía e levounos polo curso do río por todos os puntos que se detallan no libro citado (das pp. 30 á 39). Fomos seguindo o curso do río e dos afluentes que baixan da Serra do Bico de Meda (pola súa esquerda) e, tras atravesar a aldea de Vilar Ramilo (Gándara-Zas) o bus deixounos no lugar coñecido coma O Rabiñoso, onde se concentra o primeiro grupo de fervenzas.

1. Nacemento do río do Porto nas Brañas do Rabete (foto XMLS)

1. Nacemento do río do Porto nas Brañas do Rabete (foto XMLS)

As fervenzas do Rabiñoso

Atravesamos a antiquísima pontella -quizais medieval- de ciclópeas lousas de pedra situada nun vao do curso do río (por ela pasaban as persoas; os animais pola auga) e fomos baixando deixando á dereita unha sucesión de fermosas fervenzas, con moita forza pola cantidade de auga que neste tempo levan. Nesta beira esquerda do río hai tamén dous muíños, xa en desuso; un deles coa caixa escavada na propia laxa.

Facilitou o noso descenso a limpeza efectuada polo Concello de Zas na beira esquerda do río, de xeito que puidemos chegar sen moitas dificultades á última das fervenzas deste tramo (a fervenza de Parga), onde se fixo unha foto de grupo. Tal como se detalla no libro, desde a pontella do Rabiñoso ata a de Parga, en pouco máis de 1.100 m o río salva un desnivel de 70 m.

Despois xa leva, ata a ponte do Sisto, un discorrer moito máis tranquilo. Desde aquí o río troca o nome de río do Rabiñoso polo de río do Sisto, seguindo o vello costume de adoptar localmente o nome polos sitios por onde pasa.

2. A pontella do Rabiñoso, de ciclópeas lousas (XMLS)

2. A pontella do Rabiñoso, de ciclópeas lousas (XMLS)

3. Paso dos excursionistas pola pontella do Rabiñoso (XMLS)

3. Paso dos excursionistas pola pontella do Rabiñoso (XMLS)

4. Fervenzas máis altas do Rabiñoso (XMLS)

4. Fervenzas máis altas do Rabiñoso (XMLS)

5. Fervenza central do Rabiñoso (XMLS))

5. Fervenza central do Rabiñoso (XMLS))

6. Fervenzas da zona baixa do Rabiñoso (XMLS))

6. Fervenzas da zona baixa do Rabiñoso (XMLS))

7. Máis fervenzas da zona baixa do Rabiñoso (XMLS)

7. Máis fervenzas da zona baixa do Rabiñoso (XMLS)

8. O grupo ante a fervenza de Parga, a última das fervenzas do Rabiñoso (XMLS)

8. O grupo ante a fervenza de Parga, a última das fervenzas do Rabiñoso (XMLS)

O río de Budián (ou da Fervenza)

Pasamos polo lugar de Parga, onde nos interesamos por unha alta e grande abellariza abandonada entre as casas da aldea. Dirixímonos logo cara ó norte, en dirección á aldea de Budián (aínda da parroquia de Gándara) para visitar as fervenzas do río de Budián (ou río da Fervenza ou do Muíño Vello), o afluente máis importante do curso alto do río. A remonta fixémola pola beira dereita do río, e foi bastante dificultosa (menos mal que a limpeza efectuada polo persoal do Concello de Zas nos facilitou o acceso).

A fervenza que dá nome a este río é, desde logo, impresionante, e paga a pena o esforzo para chegar a este punto. As augas do río -que nace en terras bergantiñás da parroquia de Cuns- salvan un desnivel de 40 m en menos de 500 de curso. Véxase a descrición nas pp. 39 e 40 do libro. Mágoa que a contemplación da fervenza principal deste río só sexa accesible para visitantes en boa forma física, pois hai tramos nos que se fai moi dificultosa a subida, pois é todo subida, cada vez máis dificultosa. A axuda prestada pola excursionista Tania Carreira -ata hai pouco técnica de Cultura do Concello de Zas e unha das primeiras “exploradoras” desta ruta- foi moi de agradecer. Para promover esta ruta, o Concello de Zas podería pensar en introducir chanzos de pedra nalgúns puntos, sobre todo onde se sitúa o Muíño Vello.

9. A gran fervenza do río de Budián (XMLS)

9. A gran fervenza do río de Budián (XMLS)

WhatsApp Image 2020-03-13 at 20.56.08

10- Fervenza do río Budián (Chus Barbeira)

WhatsApp Image 2020-03-13 at 20.54.17

11. Fervenza do Budián (Chus Barbeira)

No regreso dirixímonos desde Budián ó río do Sisto -resultado na unión dos ríos Rabiñoso e de Budián-, xa por un traxecto moito máis chan, suave  e relaxado, pois o desnivel do río apenas supera os 20 m., malia ter que cortar a aliñación montañosa do cordal do Bico de Meda. O río leva por este tramo moita auga, de aí a abundancia de muíños contabilizados no Catastro do Marqués de la Ensenada (1753) na parroquia de Gándara, 17, case todos neste río (pp. 31 e 31 d’O río do Porto…).

12. O río do Sisto antes da ponte do seu nome (XMLS)

12. O río do Sisto antes da ponte do seu nome (XMLS)

Igrexa de San Martiño de Riobó

O xantar estaba concertado nun restaurante da aldea da Mata (Cabana de Bergantiños). Deste xeito, pola tarde achegámonos á igrexa de San Martiño de Riobó, de orixe románica (só restan deste estilo as columnas de capiteis vexetais que sustentan o arco triunfal de entrada ó presbiterio, quizais de principios do séc. XIII).

Interesaron as dúas sepulturas fidalgas existentes no piso do presbiterio. Unha delas xa desgastada, que quizais sexa a do fidalgo Rui Soneira de Rioboo, do que sabemos que morreu contra 1571. A outra ten gravado en relevo un escudo coroado por un helmo de cabaleiro e seis cuarteis coas armas dos Bermúdez, os Castro, os Moscoso, os Rioboo, os Leis e os Vilardefrancos; a inscrición da súa base revélanos que nela repousan os restos do fidalgo Lorenço Bermúdez de Castro “señor de la casa de Penela” e da súa muller (ano 1674).

13. Arco triunfal románico da igrexa de Riobó (XMLS)

13. Arco triunfal románico da igrexa de Riobó (XMLS)

O máis interesante desta igrexa é o seu monumental retablo barroco[1], obra anónima de mediados do séc. XVIII. Consta de dous corpos superpostos, divididos á súa vez en tres paneis. No inferior os paneis sepáranse por estípites (falsas columnas barrocas) e o superior por columnas clásicas de éntase avultado. Estípites e columnas adornadas profusamente por decoración vexetal, cintas e camafeos.

14. Retablo maior de San Martiño de Riobó (XMLS)

14. Retablo maior de San Martiño de Riobó (XMLS)

15. Imaxe de san Martiño, o patrón, presidindo o retablo (XMLS)

No corpo superior aparece presidindo, no remate dunha sobresíante placa barroca, un relevo do Padre Eterno. Debaixo del, unha imaxe de san Martiño, o patrón parroquial, vestido de pontifical e co báculo de bispo; no fornelo da esquerda do espectador, san Xoán Evanxelista (mozo novo, co seu evanxeo aberto na man, onde se le: INITIUM SANCTI EVANGELI); no da dereita, san Bieito, co hábito negro da orde bieita por el fundada, coa tiara de bispo ós pés (por tela rexeitado) e co corvo que o alimentaba.

No corpo inferior hai á esquerda unha imaxe de santo Eutelo (leva a tiara papal e un cano ós pés, por ser avogado contra a peste) e no da dereita un santo Antonio (mozo novo co hábito franciscano co neno Xesús no colo). No panel central, un requintado sagrario protexido por columnas cun neno Xesús espido na fronte.

O retablo foi restaurado e pintado o ano 2015. No interior do templo hai unha inscrición pétrea en galego onde se di que cada familia da parroquia pagou 300 € para esta obra, moi custosa, pois -segundo as informacións de Evaristo Domínguez- alcanzou a cifra de 60.000 €. A excursionista Rosa García Vilariño localizaría posteriormente na Rede o obradoiro que se encargara da obra: Restauraciones Garrido (A Valenzá-Barbadás, Ourense)

(http://restauracionesgarrido.es/trabajos/restauracion-del.retablo-mayor-de-la-iglesia-parroquial-de-san-martino-de-rioboo-cabana-de-bergantinos-a-coruna/).

Visitouse finalmente a torre da Penela, na veciña parroquia de Silvarredonda, lar nativo da familia fidalga dos Rioboo, torre que segue agardando por unha urxente restauración. A obra actual conservada, cunha porta rematada en arco de medio punto de grandes doelas e cun escudo coas armas dos Bermúdez, dos Castro e dos Rioboo, data do séc. XVI.

A torre da Penela: “pena… dela” -como reza a etimoloxía popular-, vela neste estado de abandono.

16. San Bieito, do retablo de Riobó (XMLS)

16. San Bieito, do retablo de Riobó (XMLS)

17. Imaxe de santo Eutelo e detalle da decoración profusa do retablo (placa con querubín, estípite e columna) (XMLS)

 

[1] Detállase este retablo polo miúdo en Xosé Mª Lema Suárez (1993): A arte relixiosa na Terra de Soneira, tomo II, pp. 618-623. Nesta obra tamén se fala da arquitectura do tempo e das tumbas da capela maior.

xanFdez

Novos datos sobre o río do Porto

Por Xan Fernández Carrera

Vai para un ano da publicación do libro O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, un traballo elaborado por varios membros do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que pretendía, como obxectivo primordial, dar a coñecer con miudeza este río soneirán, desde a súa presenza na documentación histórica e cartográfica, continuando pola descrición pormenorizada de toda a súa cunca hidrográfica, ata recoller a abondosa riqueza patrimonial que se foi creando nas súas marxes ao longo dos anos.

Os diferentes nomes que tivo este río no decorrer dos tempos, foi un dos apartados que se estudou con máis profundidade, desde a súa denominación máis antiga de Vir Fluvius, que aparece no mapa Gallaecia Ptolemaei, do libro España Sagrada (1763), do padre Flórez, e que José Cornide no seu Mapa corográfico de la antigua Galicia (1790) o identifica co río soneirán, pasando por outras designacións como «río de la Puente», «río de la Puente del Puerto», «río del Puerto», río de Baio, río Grande ou río do Porto. Capítulo elaborado con rigor documental por Xosé Mª Lema, un dos autores deste traballo. Nel móstranse abundantes referencias a textos históricos e a mapas antigos nos que se amosan as diferentes denominacións que recibiu en distintas épocas.

Desde os anos sesenta do pasado século aparece escrito baixo a designación de río Grande, denominación recente sen ningunha base histórica, recollida nos primeiros folletos informativos sobre os coutos de pesca de Baio e Ponte do Porte, e que logo pasará aos mapas, primeiro aos do exército e despois aos do Instituto Xeográfico Nacional.

A continuación vímolo representado nos rótulos situados nas pontes das estradas que atravesan a súa canle. Xeógrafos e estudosos da historia local tamén por estas datas denomínano así nas súas publicacións.

Unha das nosas intencionalidades era recuperar o nome tradicional desta arteria fluvial, que substituíse ao de río Grande, xa que esta denominación adoita atribuírselle a todos aqueles ríos de maior longura, con respecto a outros de tamaño máis reducido, como poden ser os seus propios afluentes.

 xanFdez

As máis frecuentes

Tralo estudo da presenza do seu nome en documentos e mapas históricos, comprobamos que as dúas denominacións máis frecuentes deste noso río ao longo do tempo eran «río de la Puente», que se mostra por primeira vez no mapa de Tomás López (1784), e «río del Puerto», reproducido no mapa do cartógrafo galego Domingo Fontán, elaborado entre 1817 e 1834 e publicado en París en 1845. Con este mesmo apelativo, pero en galego, reflícteo o xeógrafo Ramón Otero Pedrayo, nun artigo seu publicado no xornal A Nosa Terra en 1925.

Para a miña sorpresa, consultando hai poucos días o libro do ilustrado José Cornide, Descrición circunstanciada de la costa de Galicia, y raya por donde confina con el inmediato reino de Portugal (1764), en edición do profesor X. L. Axeitos, ao describir a costa de Camariñas, atopei esta información: «En el centro de esta bahía desemboca un río llamado do Porto, este nace más arriba de Vimianzo, baña toda la tierra de Soneira, pasa por el puente de Porto y desagua en esta bahía».

Este libro de Cornide era ben coñecido por nós, xa que o utilizaramos para outras publicacións anteriores, pero por despiste, non o consultamos para este traballo, e dáse a circunstancia que contiña unha información de gran interese para dilucidar a auténtica denominación deste río.

Nada menos que neste parágrafo aparece escrito o que nós consideramos o seu verdadeiro nome, río do Porto, así en galego, 160 anos antes de que o publicase Otero Pedrayo no xornal A Nosa Terra. E non referido só a súa desembocadura, como sucedeu nun principio co de Lézaro, para o Xallas ou Vau Çerveyro, no caso do río Castro, senón cunha intencionalidade xeral para todo o seu curso, como se pode comprobar no contido do texto.

A información que recolle Cornide consolida aínda moito máis as razóns que nós defendiamos para o cambio de nome de río Grande a río do Porto. Poucos ríos do tamaño coma ao que nos estamos a referir, dispoñían dun nome xenérico desde hai máis de 250 anos, e ademais no noso idioma, aínda que máis tarde fose traducido ao castelán ou cambiado como «río del Puente», e finalmente, en tempos do franquismo se substituíse polo de río Grande.

Por iso sería desexable que tanto os concellos que constitúen a Terra de Soneira, como os diferentes organismos da Xunta de Galicia, utilizasen na súa linguaxe oficial a denominación de río do Porto, a mesma que debería constar na cartografía do Instituto Xeográfico Nacional.

Para incrementar o coñecemento do río soneirán e espertar unha maior sensibilidade de cara a súa conservación, propuxémonos tamén a programación de rutas por diferentes tramos do seu curso. No pasado outono o Semescom organizou unha primeira polo curso medio, guiada por Xosé Mª Lema, coa participación dun nutrido número de asistentes.

Para este próximo sábado 7 de marzo temos programada unha segunda para percorrer o curso alto, un dos tramos de maior beleza, sobre todo nos espazos das fervenzas do Rabiñoso, Parga e Budián. Esta andaina será guiada por outro dos autores do libro, Evaristo Domínguez Rial, excelente coñecedor desta parte do río.

MapaRedeFluvialPorto

Unha lectura da guía “O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira”, do SEMESCOM

Por Miro Villar

A colección de publicacións do Seminario de Estudos Comarcais para a Promoción do Patrimonio Cultural da Costa da Morte (SemEsCom) vén de presentar un novo volume intitulado O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, de autoría colectiva e que asinan Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Ramón Gándara e Xosé Mª Lema Suárez, coa implicación no patrocinio das administracións municipais dos tres concellos soneiráns Camariñas, Vimianzo e Zas. Unha edición que se engade ao calendario de mesa publicado con anterioridade e que tamén inclúe unha escolla de imaxes representativas deste río.

A obra leva unha sentida dedicatoria «en memoria de Roberto Mouzo Lavandeira, a quen tanto lle seguimos debendo», e non se trata de retórica, pois unha parte dos mapas e fotografías reproducidos   son da autoría do artista e investigador vimiancés finado de xeito prematuro en 2013.

Os autores dividen o seu estudo en seis epígrafes, as tres primeiras históricas, pois botan man da Xeografía, da Toponimia e da Literatura para nos achegar ás primeiras descricións do río do Porto, e as tres últimas desenvolven unha actualización pormenorizada feita polas achegas propias do curso alto, do curso medio e do curso baixo desta arteria fluvial da Terra de Soneira. Imos por partes.

Previamente, a «Introdución» contextualiza o río na vertente atlántica, xunto ao Anllóns na comarca bergantiñán, o Castro na antiga Nemancos (comarca de Fisterra na actualidade) e o Xallas que lle dá nome a outra comarca interior que non é próxima. Como ben se sinala, os ríos teñen diferentes denominacións (onte e hoxe) no seu curso, mais adoitan ser coñecidos por lugares ou parroquias polos que pasan ou desembocan. Alén diso, adiantásenos unha síntese do que imos atopar na obra.

A primeira epígrafe «Breves descricións da cunca do río do Porto» realiza unha cala nos estudos xeográficos e salienta tres realizadas ao longo do século XX: de Eugenio Carré Aldao en 1928, de Ramón Otero Pedrayo en 1962 e de Río Barja e Rodríguez Lestegás en 1992. Para os autores desta monografía a de Carré “é bastante deficiente, pero cómpre ter en conta os medios cos que se contaba na época”. Porén esas deficiencias só aparecen en nota a rodapé e ben merecerían unha análise máis detallada. Tampouco comentan as outras dúas descricións que se limitan a reproducir ao pé da letra, a de Otero Pedrayo coma todos os seus estudos está escrita cunha linguaxe moi literaria, que acada a preciosidade estilística en fragmentos coma este: “Por iso góstase millor dos engados do val do río do Porto, veiga lenturenta de millos e herbás, cas casas de Baio, cinguida de pomareiras dispostas en escada pra seren ben asoelladas…”, sempre inconfundible e sorprendente a prosa de Otero Pedrayo, nada a ver coa descrición moito máis científica e fría de Río Barja e Rodríguez Lestegás que pecha o capítulo.

Portada Libro do Rio do Porto do SEMESCOM

«Un río de nome incerto: Vir fluvius, río da Ponte, río do Porto ou río Grande?» é unha deliciosa epígrafe que percorre as fontes históricas para rastrexar o nome deste río, así nos mapas de Galiza dos séculos XVI, XVII e XVIII coñecemos nestas páxinas que figurou sen nome ou con outro errado. Interesante tamén é sabermos que no Catastro da Ensenada (1753) recibiu moitas outras denominacións que viñan a coincidir cos nomes locais das diferentes parroquias e conclúen sinalando que a denominación “río del Puerto” sería localista e limitada ao derradeito tramo ao tempo de se extrañaren porque non recibise nome nalgunhas parroquias onde ten longo percorrido como Gándara, Baio ou Bamiro.

Documéntanse testemuños históricos de todas as denominacións, desde o Vir fluvius romano até chegarmos á que foi máis común na segunda metade do século XX: o río Grande, que se data por vez primeira nos planos oficiais de Obras Públicas de 1950.

A terceira epígrafe «O río na literatura» é para nós unha pescuda relevante malia constatar a escasa atención que recibiu de poetas e narradores. O filólogo Xosé Mª Rei Lema colaborou neste capítulo rescatando un poema de Xosé Collazo, emigrante de Baio a Buenos Aires en 1912, que publicou en 1943 en Alborada e en 1953 en La Unión de Teo y Vedra, revistas da diáspora. E outro do poeta contemporáneo Manuel Rivas, inserido no seu libro Costa da Morte Blues (1995).

A maiores sinálase a presenza do río na novela xuvenil Capitán Araña (1999) de Rafael Lema e en Costa do Solpor (2013) de Xosé Mª Lema. Botamos de menos que non se mencione ao colectivo de poesía de mozos e mozas costeiros «Blas Espín» que convocaron nos anos noventa un certame poético co nome de Vir fluvius, cuxas obras eran publicadas. E tamén que o río Grande aparece nomeado na obra narrativa Os comedores de patacas (2004) de Manuel Rivas.

Contraportada Libro Semescom Rio do Porto

Deseguida principian os tres capítulos descritivos e que funcionan como unha guía didáctica e que van percorrendo o río desde o seu nacemento até a súa comuñón co mar. Nestas páxinas abundan as fotografías realizadas polos propios autores do estudo que lle engaden atractivo á descrición do patrimonio histórico e natural que podemos atopar ás beiras.

Así, temos o «Curso alto: das fontes xalleiras e bergantiñás do seu nacemento á Ponte do Sisto (Gándara)». Non imos adiantar aquí, obviamente, todas as descubertas que nos ofrecen, tan só salientar que sitúan como primixenio o río Sisto, que recollería as escorrentías da serra do Bico de Meda, ou o río Budián. É unha zona onde se suceden pequenas fervenzas para salvar os diferentes desniveis desde os montes até os vales. Alén destes cadoiros e dos numerosos muíños (nas páxinas finais do libro hai unha relación de todos eles e do seu estado de conservación) os autores detéñense no castro do Bico da Cruz e a mámoa da Pedra da Lebre, sen esquecer a aldea das minas do volframio (Varilongo) que achegou tanta riqueza aos xalleiros, e que foi a patria pequena do escritor Xosé Baña Pose “Pepe de Xan Baña” de quen se fai unha síntese biobibliográfica.

No «Curso medio: da ponte de Sisto (Gándara) á do Albardeiro (Calo)», alén das súas pontes e muíños, teñen especial relevo as Torres de Boén ou de Surribado, con documentación histórica e con lendas de seu; o Castro de San Cremenzo, un interesante exemplo dos denominados “castros de chaira”, mais nun proceso de destrución que non permite recoñecer o seu perímetro defensivo. Porén, neste curso do río as xoias son o primeiro pazo galego, As Torres do Allo, e a veciña igrexa renacentista de San Pedro de Allo.

Tamén se deteñen nunha síntese histórico-literaria da vila de Baio, con mencións ás súas orixes, á súa toponimia, aos seus edificios singulares e aos seus escritores: Enrique Labarta Pose (1863-1925), Francisco Romero Lema (1903-1972) ou o físico Jorge Mira (1968), así como a tres eclesiásticos de sona: o compositor Manuel Martínez Pose (1858-1935), o arcebispo Maximino Romero Lema (1911-1996) e o bispo Uxío Romero Pose (1949-2007).

Neste capítulo tamén se ocupan con detalle do pouco coñecido campamento militar da Cacharosa e das razóns da súa existencia; do afluente máis longo, o río Zas ou de Lamas, característico por abeirar o castro de san Adrián do Castro e a paraxe onde se celebra a Festa da Carballeira, ben coñecida en todas as nacións célticas; a área natural de Pedra Vixía, onde tamén se atopa a anta de Pedra de Moura de Pedra Vixía; a histórica Feira de Baio, na Piroga (Bamiro), hoxe en decadencia mais que foi un nó nas relacións comerciais da comarca e que xa se describía no imprescindible Diccionario Geográfico (1847) de Madoz.

No esquecemento tamén están xa a Casa da Fábrica ou da Máquina, xeradora de electricidade, ou moitos dos noutrora cantareiros muíños de auga. Despois do río de Vilar, o segundo afluente máis longo, os autores do estudo achégannos ao senlleiro conxunto etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín, lembrando a loita para os declarar Ben de Interese Cultural e a súa posta en valor pola Delegación de Cultura da Deputación coruñesa que os converteu en lugar de visita obrigada.

As piscifactorías e as pequenas centrais hidroeléctricas testemuñan o caudal do río neste curso até chegarmos á ermida e a ponte de Santa Eirena ou Irena na denominación oficial, e axiña xa nos atopamos a percorrer o río de Cambeda ou de Vimianzo, que sería o terceiro afluente máis longo.

Despois de lembrar a recente recuperación da festa etnográfica da Muiñada imos bater con outro territorio espectacular e que ultimamente está a poñerse en valor, os penedos de Traba e Pasarela, que chamaran a atención do primeiro gran xeógrafo hispano, Guillermo Schulz, dos nosos Ramón Otero Pedrayo e Augusto Pérez Alberti ou de poetas como Pondal, Evaristo Martelo Paumán ou Manuel Rivas.

A última epígrafe «Curso baixo: da ponte de Albardeiro á desembocadura na ría de Camariñas» revela un curso moi accidentado pola proximidade dos montes da serra de Pena Forcada e por terreo granítico. Alén das numerosas pontes e pontellas e dos moitos muíños, como os de Albardeiro, salientan a ermida de Castrobuxán (Calo) e os antigos “poxados”, pasos para atravesar o río, ao tempo que recollen a historia da familia fidalga dos Carantoña, da que se comentan os seus brasóns.

Novos aproveitamentos hidroeléctricos, áreas recreativas, coutos de pesca, acompañan o río até albiscarmos o castro do Croado, nas Barrosas, aínda en Vimianzo, e dísenos que “desde o seu cume gózase da mellor panorámica sobre a vila porteña e o último tramo do río do Porto”.

Estamos chegando xa a terras de Camariñas e aquí aprovéitase para realizar unha chamada conservacionista perante as ameazas que sofren a flora e a fauna autóctonas das beiras do río, coa chegada de especies invasoras como o eucalipto e as acacias e lembrando a desaparición de pescarías emblemáticas coma o reo, o mexillón ou a angula, que deran lugar á existencia dun lugar denominado A Pesqueira, onde se pescaba salmón de xeito artesanal.

A obra remata coa descrición detallada da Ponte do Porto e de Cereixo, dous lugares con moita historia detrás e cuxos pequenos portos ribeiráns tiveron moita actividade, prosperidade económica que en palabras do historiador Luís Lamela foi fracturada co golpe de estado de 1936 e a dura represión, xa que varios sindicalistas foron fusilados.

A igrexa de Santiago e as Torres de Cereixo, co seu muíño da Arcea, o único de mareas da Costa da Morte, conforman un espazo singular que tamén é descrito antes de chegarmos á desembocadura entre as parroquias de Leis (Muxía) e Xaviña (Camariñas), coa súa igrexa se Santa María e non moi lonxe o pazo dos Mouzo de Tasaraño.

A viaxe remata e as descubertas foron moitas, xunto a espazos máis coñecidos e citados en calquera guía da Costa da Morte apareceron aos nosos ollos ducias de lugares case descoñecidos que este estudo axuda a divulgar, primeiro entre nós, os habitantes e namorados da Costa que temos a obriga de os conservar para as xeracións futuras, e logo para as persoas que teñan interese no patrimonio cultural, histórico e natural.

Non é pouco o que aquí se nos mostra e sempre con amenidade. E non abonda unha xornada ou dúas para este percorrido, pois son moitas as propostas para o coñecemento e para o lecer. Benvida sexa esta obra que descende agarimosa polo río do Porto, o río grande da Terra de Soneira.

MapaRedeFluvialPorto

Presentación do libro “O río do Porto” en Baio

O próximo sábado 2 de marzo ás 12 do mediodía presentamos en Baio o novo libro O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, editado polo Seminario de Estudos da Costa da Morte e co-patrocinado polos concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas.

Os seus autores, catro soneiráns: Evaristo Domínguez, Xan Fernández, Moncho Gándara e Xosé Mª Lema botaron máis de ano e medio no estudo deste río que nace por detrás do Bico de Meda en terras bergantiñás e xalleiras, pero que axiña se fai soneirán por completo, xunto con toda a súa cunca de afluentes, pois percorre de leste a oeste as terras dos concellos de Zas, Vimianzo e Camarñas, onde desemboca conformando a súa ría.
O libro conta con 140 páxinas, 151 fotos a cor, 13 gráficos e debuxos, 15 mapas e 3 cadros estatísticos. Na contratapas van dous grandes mapas (“A Rede Fluvial do río do Porto” e “Os seus principais aproveitamentos”, da autoría de Rubén Rial. A maior parte das fotos son dos autores, aínda que hai outras cedidas por outras perssoas (Ana García de “La Voz de Galicia”, Tania Carreira, Manuel Rial e Víctor Santos, entre outros). O libro leva a seguinte dedicatoria: “En memoria de Roberto Mouzo Lavandeira, a quen tanto lle seguimos debendo” (a maior parte dos debuxos, planos e unha parte importante das fotos son da súa autoría).

O libro estrutúrase do seguinte xeito: unha introdución; unha investigación sobre os distintos nomes que ó longo da historia tivo o río (desde o Vir fluvius “de los romanos” das crónicas antigas ó río Grande dos anos sesenta do séc. XX, pasando polos nomes de río da Ponte e río do Porto, que viña sendo o máis aceptado.
Despois un breve apartado do río na literatura, pásase a unha descrición polo miíudo do curso alto, do medio e do baixo, convidando a facer rutas de sendeirismo nas que se sinalan os lugares máis interesantes para visitar.

contraportada_rioPorto

2019-02-21

Un novo libro sobre o río grande da Terra de Soneira

A semana próxima (25-28 de febreiro 2019) estará na rúa o libro O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, editado polo Seminario de Estudos da Costa da Morte e co-patrocinado polos concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas. Os seus autores, catro soneiráns: Evaristo Domínguez, Xan Fernández, Moncho Gándara e Xosé Mª Lema botaron máis de ano e medio no estudo deste río que nace por detrás do Bico de Meda en terras bergantiñás e xalleiras, pero que axiña se fai soneirán por completo, xunto con toda a súa cunca de afluentes, pois percorre de leste a oeste as terras dos concellos de Zas, Vimianzo e Camarñas, onde desemboca conformando a súa ría.
O libro conta con 140 páxinas, 151 fotos a cor, 13 gráficos e debuxos, 15 mapas e 3 cadros estatísticos. Na contratapas van dous grandes mapas (“A Rede Fluvial do río do Porto” e “Os seus principais aproveitamentos”, da autoría de Rubén Rial. A maior parte das fotos son dos autores, aínda que hai outras cedidas por outras perssoas (Ana García de “La Voz de Galicia”, Tania Carreira, Manuel Rial e Víctor Santos, entre outros). O libro leva a seguinte dedicatoria: “En memoria de Roberto Mouzo Lavandeira, a quen tanto lle seguimos debendo” (a maior parte dos debuxos, planos e unha parte importante das fotos son da súa autoría).
O libro estrutúrase do seguinte xeito: unha introdución; unha investigación sobre os distintos nomes que ó longo da historia tivo o río (desde o Vir fluvius “de los romanos” das crónicas antigas ó río Grande dos anos sesenta do séc. XX, pasando polos nomes de río da Ponte e río do Porto, que viña sendo o máis aceptado.
Despois un breve apartado do río na literatura, pásase a unha descrición polo miíudo do curso alto, do medio e do baixo, convidando a facer rutas de sendeirismo nas que se sinalan os lugares máis interesantes para visitar.

Calendario 2018_portada

O novo ano dedicámolo ao río do Porto

O Seminario de Estudos da Costa da Morte presenta o seu habitual calendario de mesa de cada ano, esta vez dedicado ó Río do Porto, o gran colector das augas da Terra de Soneira.

Trátase dun río cunhas fermosas paisaxes en cada un dos seus tramos. Ademais de reivindicar o nome histórico do río, denominado así xa en mapas do séc. XVI, preséntanse doce fotos correspondentes ós diversos tramos do río: no curso alto, onde se chama río Rabiñoso, aparecen fotos das fervenzas e da pontella desta zona; do curso medio aparece o río ó seu paso pola Carballeira da Devesa de Baio, a ponte de Baio, O Mosquetín e a ponte de Torelo en Salto, a ponte de Pasarela en Calo; no curso baixo: o Pozo dos Corvos (Carantoña), a ponte da Ponte do Porto, o muíño de mareas e as Torres de Cereixo e a desembocadura na ría de Camariñas, foto que tamén ocupa a portada e que foi da autoría do falecido Roberto Mouzo.

Ademais de Mouzo, as fotos son da autoría de Evaristo Domínguez, Xan Fernández Carrera, Xosé Mª Lema e Manuel Rial, todos membros do Seminario.

Podes descargalo nesta ligazón.

Case dúas décadas do recoñecemento oficial da Terra de Soneira no Mapa Comarcal de Galicia (I)

Mapa da Terra de Soneira, cos seus tres concellos, parroquias e lugares (R.Mouzo en ‘A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte’, 2010)

Mapa da Terra de Soneira, cos seus tres concellos, parroquias e lugares (R.Mouzo en ‘A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte’, 2010)

O 20-10-96 o Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial da Xunta de Galicia, presidido por Andrés Precedo Ledo (catedrático de Xeografía da USC), presentara a súa proposta de Mapa Comarcal de Galicia, e nela ignorábase a Terra de Soneira, incluíndo o seu territorio, sen máis, na polo Gabinete denominada Comarca de Fisterra (co cal, unicamente se facía coincidir co Partido Xudicial de Corcubión, creado en 1833).

Deseño de Roberto Mouzo para reivindicar o recoñecemento oficial da Terra de Soneira (1997)

Deseño de Roberto Mouzo para reivindicar o recoñecemento oficial da Terra de Soneira (1997)

Mobilización popular inusual

Isto motivou unha mobilización popular inusual a favor do recoñecemento oficial da comarca. Por unanimidade, os plenos municipais dos concellos de Camariñas (alcalde Bautista Santos), de Vimianzo (Alejandro Rodríguez) e de Zas (Ernesto Rieiro) presentarían na Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia alegacións a prol do recoñecemento oficial desta terra (sinónimo de comarca), acompañadas dun longo Informe histórico de quince folios e doutro xeográfico, elaborados por quen subscribe (o primeiro) e por Evaristo Dominguez (o segundo); os vimianceses Roberto Mouzo e Andrés Pose achegarían estudos cartográficos. Xunto cos concellos tamén presentaran alegacións unha vintena de asociacións culturais e veciñais e varios veciños a título individual.

O mural de Roberto Mouzo da Praza do Concello de Vimianzo (A Terra de Soneira, no corazón..., p.18) copia

O mural de Roberto Mouzo da Praza do Concello de Vimianzo (A Terra de Soneira, no corazón…

O finado Roberto Mouzo tamén fora autor dun gran mural pintado na parede dun edificio lindeiro coa Praza do Concello de Vimianzo, coa lenda “Terra de Soneira, terra milenaria” sobre as siluetas de tres significados monumentos soneiráns: o castelo de Vimianzo, a ponte de Brandomil e o faro do cabo Vilán. Estaría ben que se repintase este mural para o ano que vén, cando se cumpran os vinte anos. Para o 2017 tamén sería bo que os concellos de Vimianzo e Zas colocasen nas estradas de entrada á comarca (na C-552, na C-404 e na C-441) uns grandes letreiros dándolle a benvida ó viaxeiro á Terra de Soneira.

Quen subscribe, afeito como estaba a que a Administración autonómica fixese oídos xordos ás reivindicacións desta nosa marxinada zona, o certo é que non pensei que nos fixesen caso. Deste xeito, cando o 20 de febreiro de 1997 a prensa deu a noticia de que o Gabinete de Planificación aceptara as nosas alegacións, de tal xeito que a histórica Terra de Soneira quedara finalmente incluída dentro das 53 comarcas do Mapa Comarcal de Galicia, levei unha agradable sorpresa, pero tamén un bo anoxo, pois, coma os madianitas (aquel pobo bíblico, preguiceiro, que esperaba a que os hebreos tivesen as colleitas a punto para roubarllas), xa houbera quen se apuntara o éxito: un significado concelleiro do PP de Vimianzo, que adiantara a noticia engadindo que fora grazas ós seus “ímprobos esforzos” e influencias políticas. Así e todo, axiña quedou co cu ó aire, pois ninguén dera o máis mínimo creto ás súas afirmacións.

O Mapa Comarcal de Galicia publicaríase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 3 de abril de 1997, e desde aquela a Terra de Soneira figura con fachenda entre as 53 comarcas galegas. Mágoa que o propio goberno galego, impulsor do Mapa, nunca crese realmente na comarcalización e que non se lle dese contido político á comarca. ¿Como no se fai agora que tanto se fala da redución de concellos? ¿Que mellor cousa que mancomunar servizos comúns por comarcas, poñamos por caso? Na Terra de Soneira parece que os tres alcaldes actuais (Manuel V. Alonso de Camariñas, Manuel Antelo de Vimianzo e Manuel Muíño de Zas) algo intentaron, pero non sei se quedaría a cousa en auga de castañas. Sería un bo exemplo para todo Galicia se isto se lograse.

A festa polo recoñecemento oficial da comarca: os “Soneiráns de honra”

4. A festa polo recoñecemento oficial da comarca. copia

A festa polo recoñecemento oficial da comarca

Celebrouse na Praza do Concello de Vimianzo, e, segundo as crónicas, a ela asistiron unhas 400 persoas. Fora presidido polos tres alcaldes e presentado por Manuel Antelo Pazos (actual alcalde de Vimianzo), que empezara a súa intervención cun “¡Viva a Terra de Soneira!” para seguir dicindo que os sólidos argumentos presentados (históricos, xeográficos, cartográficos) botaran abaixo os argumentos dos autores do primeiro Mapa.

O momento máis emotivo fora cando se entregaran os pergamiños cos títulos de “Soneiráns de honra”: a Xosé Luís Acción (presidente da federación de asociacións de Zas), ós vimianceses Andrés Pose e Roberto Mouzo; ó zasense da Gándara Evaristo Domínguez e a quen subscribe. Tamén o recibira o escritor Manuel Rivas, que daquela residía na Irroa (Vimianzo), que o recibira de mans do alcalde Alejandro Rodríguez, quen adiantara que ía nomear a Rivas –que acababa de recibir o Premio Nacional de Literatura- fillo predilecto de Vimianzo (promesa que nunca se vería cumprida, quizais pola oposición do escritor a que os Penedos de Pasarela se convertesen nunha canteira).
Finalmente, e por sorpresa, os membros da organización tamén lle entregaron o pregamiño de “Soneirán de honra” ó muxián Moncho Gándara, concelleiro do BNG de Vimianzo, que fora o verdadeiro organizador na sombra do acto. Lembro que Moncho, coa súa flegma habitual, cando o foi recoller limitouse a dicir un lacónico “Moitas gracias”, sen máis requilorios. Moito teriamos outros que aprender del.

CONTINUAR LENDO (Parte II)