• info@semescom.gal

Tag Archives: ruta

costa do solpor

Primeira excursión "Costa do Solpor" (17/10/2015)

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), organiza a primeira excursión en autobús (e, en parte, a pé) da Ruta Costa do Solpor para o sábado 17 de outubro de 2015.

Trátase dunha ruta  turístico-literaria de un día (mañá e tarde) que percorre os escenarios naturais da novela Costa do Solpor (Finalista Premio Xerais de Novela 2011 e Premio da Crítica Galicia 2014 de Creación Literaria) de Xosé Mª Lema, escenarios na súa maior parte de grande interese paisaxístico.

Escenarios da "Costa do Solpor"

Escenarios da “Costa do Solpor”

A excursión permitirá identificar a maior parte dos lugares do mapa da páx. 636 da novela: o pazo de Boallo; a Casa do Camiño; no litoral fisterrán, a visión dos “espidos peitos da muller enfesta” e da “montaña Vermella”, o porto de Fisterra e a fortaleza de San Carlos; a casa natal do Crego Sabio; litoral muxián: praia da Arnela, monte Cachelmo e a furna da Buserana; Vilasumisa, a vila maldita; litoral camariñán: cabo Vilán, a “Area Escorredía”, o Penal do Veo e a Serra das Penas Rubias; Valverde; os Coídos Xemelgos; os valados litorais etc.

O percorrido será na súa maior parte en autobús, con algúns tramos a pé (2,2 km en total na área da punta da Buitra e un total de 1,5 km na área praia do Trece-Santa Mariña). Polo tanto, convén levar calzado axeitado.

Ruta Costa do Solpor

Mapa de Galicia. Escala 1:250.000; Edicións do Cumio 2014

O guieiro será o propio autor da novela, e contaremos coa colaboración especial do poeta fisterrán Alexandre Nerium, que recitará algunhas poesías súas que inspiraron algúns momentos importantes da obra.

A ruta completa atópase no web da AELG: www.aelg.gal (Ruta Costa do Solpor:

http://www.aelg.org/Centrodoc/GetParatextById.do?id=paratext7894). Quen o desexe pode levala impresa, pero advírtese que o seu contido está pensado para varios días e non só para un, e que nela hai tramos longos que só se poden percorrer a pé.

Saída de Vimianzo (Praza do Concello) ás 10 da mañá do 17 de outubro.

Xantar no Restaurante O Pinar (Os Muños-Muxía), ás 14,30 horas.

De volta en Vimianzo: sobre as 8 da tarde.

Prezo por persoa: 25 € (inclúe xantar e autobús).

Aínda quedan prazas dispoñibles. Anotarse antes do día 10 de outubro.

Contáctese con semescom.info@gmail.com.