• info@semescom.gal

Tag Archives: Pontevedra

xornadas_patrimonio_rural_pontevedra

O SEMESCOM nas III Xornadas do Patrimonio Rural

Crónica da participación nas III Xornadas de Patrimonio Rural

Manolo Vilar

Pontevedra 5 de abril

Na sede da Misión Biolóxica, en Salcedo, tiveron lugar as III Xornadas de Patrimonio Rural, baixo o subtítulo de “Patrimonio e Participación”  e organizadas polo Concello de Pontevedra a través da súa concellaría de Patrimonio Histórico.

O SEMESCOM foi invitado a participar e fíxoo no segundo día. Foi na mesa redonda que tiña como título “Mesa de experiencias do tecido asociativo”. Estivemos xunto a outras tres asociacións: O Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), representado por Xosé Lois Vilar; Lugo Patrimonio, polo seu presidente Lois Diéguez; e O Sorriso de Daniel, coa súa vicepresidenta Consuelo Castro Rey.

xornadas_patrimonio_rural_pontevedra

Todos falamos do traballo que desenvolvemos coas asociacións que alí representábamos. Todos coincidimos en que o patrimonio cultural é fundamental para o normal funcionamento da sociedade, que sen patrimonio non hai sociedade. Tamén coincidimos nos tempos difíciles que corren para o patrimonio.

Despois cada un fixo fincapé no seu traballo específico. O IEM (http://www.minhor.org/) especialmente no labor arqueolóxico e de recollida de microtoponímia, pero tamén no labor concienciador e de denuncia dos ataques que sufre o patrimonio, cos intentos de crear un parque eólico no Galiñeiro ou a destrución de varios petróglifos para crear plantacións de kiwis.

Lugo Patrimonio (http://www.lugopatrimonio.org/web/) fixo fincapé, primeiro, en que o idioma galego é o principal patrimonio que temos os galegos e as galegas. Despois falou, entre outros, das especificidade como a do Antroido ribeirao, que están nun momento crítico por falta de vitalidade no rural.

O Sorriso de Daniel (http://osorrisodedaniel.blogspot.com.es/ e https://www.facebook.com/osorriso.dedaniel), falou do seu labor a prol da arte románica, da limpeza de igrexas abandonadas (San Paio de Abeleda) e do traballo para facer visible e dignificar un patrimonio que agora está en territorios do abandono, abandono porque o rural está en abandono, xa non hai xente, e abandonado pola administración.

En representación do SEMESCOM, e apoiados por unha presentación en power point, dixemos que os nosos obxectivos eran os de, promocionar e difundir a cultura, con especial énfase no estudo da arte, antropoloxía, historia,economía, etnografía, etc, das comarcas que configuran o territorio coñecido agora como Costa da Morte. Despois expuxemos brevemente o que entendemos por patrimonio cultural e o papel que este debe desempeñar na sociedade, facendo fincapé na súa dimensión social, de que o patrimonio  é a armazón precisa sobre a que tecer e organizar o territorio e, sobre este, crear a sociedade civil.

Dito isto fixemos referencia aos perigos actuais ao se rachar a normal cadea de transmisión, polo que moitos elementos patrimoniais perden significado, ou os perigos da “turistización”, de mostrar o patrimonio como algo que se vende como elemento salvador que nos pode sacar da crise, cando están desaparecendo os sistemas produtivos que nos trouxeron ata aquí.

Mais isto non quer dicir que non vexamos o patrimonio como un posible recurso endóxeno susceptible dun aproveitamento produtivo, como un potencial que axude ao desenvolvemento territorial, algo que tamén pode xerar recursos dos que vivir, pero sempre buscando un equilibrio entre as dinámicas economicistas e as sociais. Pero si hai perigos se ollamos ao patrimonio só como un potencial recurso centrado no turismo, e vendo este como “salvador”, e se o illamos do seu territorio e dos seus habitantes, convertendo estes en simples espectadores e non actores.

Despois pasamos a falar, brevemente, porque o tempo fuxía rapidamente, do noso traballo. Falamos de investigar para coñecer mellor, de difundir para apreciar, de sensibilizar para concienciar, de dinamizar para democratizar e, sempre, tendo en conta que o coñecemento está na base do orgullo do noso.

xornadas_patrimonio_rural_pontevedra

Así como o representante do IEM falou da importancia dos petróglifos na zona do Val Miñor, nós falamos dos megalitos como elementos destacados da nosa paisaxe cultural. Así sacamos a relucir as nosas publicacións sobre este fenómeno cultural (libro, calendario e dvd), ou o congreso que realizamos en Carballo no ano 2006, tamén as nosas viaxes para ver outras experiencias, como a de Bretaña.

Outro aspecto que tocamos foi o da defensa da paisaxe natural (incidindo que toda paisaxe é xa paisaxe cultural). Así falamos da nosa campaña en defensa dos Penedos de Pasarela e Traba, mostrando imaxes dos mesmos, da manifestación, do calendario, do libro guía e do dvd, así como do certame de poesía. Non podíamos rematar falando dos Penedos sen a gran sentenza: “as pedras son pedras”, e mostrando un recorte de prensa no que se podía ler “Deben de querer que nos poñamos coma os indios, con plumas tapando por diante e por detrás”, algo que sorprendeu ao público.

Xa máis apurados, fomos repasando outras actividades, como a reivindicación da figura do crego liberal Juan Antonio Posse, os estudos sobre a casa de Traba, o noso traballo a prol da visibilización do románico da Costa da Morte, batáns, hórreos, cruceiros, faros, imaxes de Santiago, a dinamización da vida cultural por medio da presentación de libros ou charlas, e rematamos coa reivindicación dalgúns dos nosos artistas, como Antón Mouzo.

No debate saíu a relucir o tema de si hai un plan para destruír o patrimonio galego. Pensamos que detrás de todo isto hai unha lectura política, porque a visión sobre o patrimonio non é arqueolóxica, senón que incide sobre o presente e o presente que nós queremos non é o que queren os que están no poder.