• info@semescom.gal

Tag Archives: Perfecto López

Perfecto-López-con-Otero-Pedrayo-e-Picallo-1959

O mecenado como mostra de amor á Terra: “Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal”, de Xosé María Rei Lema

Perfecto-López-con-Otero-Pedrayo-e-Picallo-1959

Perfecto López a carón de Otero Pedrayo mentres escoitan a Suárez Picallo (1959)

No ronsel do imprescindible O soño da Galiza ideal. Estudos sobre exiliados e emigrantes galegos (2016), da autoría de Xosé Manuel Núñez Seixas, a colección «Memoria» de Galaxia publica a biografía dunha desas persoas emigradas de orixe humilde e que fixo fortuna na Arxentina, o vimiancés Perfecto López (1904-1970), alcumado O Tato da Valiña.

A rigorosa investigación do filólogo Xosé María Rei Lema, agrandada polo afecto de quen comparte veciñanza, descobre o labor pouco coñecido e valorado dun deses homes, como Rodolfo Prada, que contribuíron co seu mecenado a moitas iniciativas literarias, socio-culturais e políticas do galeguismo como demostración do amor á Terra.

Un extracto das anotacións sobre Perfecto López proferidas por Otero Pedrayo, a escritora inglesa Nina Epton, Alonso Ríos, Suárez Picallo e Valentín Fernández abren esta obra e sintetizan moi ben o seu perfil biográfico, pois revelan a súa orixe aldeá (“hombre rudo” di Otero) e como chegaría a se converter nun dos “bos e xenerosos” pola súa entrega persoal e económica á causa galeguista.

Dous paratextos, o Prólogo asinado polo alcalde nacionalista de Vimianzo, Manuel Antelo Pazos, que saúda o interese da investigación e salienta que desde o respecto pola singularidade local tamén se pode ser universal, e a Introdución do propio Rei Lema na que xustifica a razón do estudo e agradece as achegas á súa investigación, anteceden aos sete capítulos de desigual extensión que se completan coa extensa Bibliografía e un ben interesante Apéndice gráfico.

«Os primeiros anos en Vimianzo (1904-1922» céntrase na documentación sobre a súa humilde orixe no lugar da Toxa, fillo natural da xornaleira Dolores López, traballo que tamén exerceu na súa mocidade Perfecto, así foi “recolledor de pinas” e nunha breve estadía na Coruña peón, carboeiro e ferreiro, ata que un veciño lle pagou a pasaxe para a Arxentina.

De maneira máis sucinta, Rei Lema relata «As viaxes a Buenos Aires e o seu asentamento (1922-1935)», desde os 18 anos e o seu primeiro traballo de ferreiro para a Municipalidade, logo de taxista coma moitos outros galegos e axiña nos negocios automobilísticos. En 1931 regresou brevemente a Galiza, porén fracasa a súa tentativa emprendedora e regresa á cidade riopratense onde vai chegar o éxito empresarial como concesionario das mellores marcas do sector do automóbil e anos despois tamén noutros ámbitos. De resultas dos resultados favorables Perfecto López principia a participar nas sociedades de emigrantes e en 1933 faise socio da Asociación Benéfica y Cultural (ABC) de Corcubión e do Centro Gallego.

Así vai chegar «O ascenso social e o achegamento ao galeguismo (1935-1943)» que coñecemos deseguida. Nese período a excepción virá dada polo golpe de estado franquista de 1936 xa que coñecidos seus como os irmáns Manuel e José Alborés Gándara (este alcalde republicano) sufriron as gadoupas da represión, Manuel “paseado” preto de Arzúa e José, fuxido 14 anos polos montes da Costa da Morte. A ABC de Corcubión, e Perfecto López en particular, foron leais á II República, e en 1937 crean a Agrupación del Partido de Corcubión de Ayuda al Frente Popular. Ferve a organización de actos de apoio e recadación de fondos, sempre con López coma o maior benefactor, pois a súa economía era xa ben folgada na altura.

Nesta época, alén de casar en 1938 coa vimiancesa Gloria Romero Sánchez e do nacemento do seu primeiro fillo Perfecto un ano despois, xa empeza a aparecer con diferentes cargos directivos societarios e xunto a outros galeguistas loitan, sen éxito, polo control do Centro Gallego, en mans conservadoras e filofascistas.

Porén, o momento máis importante prodúcese o 18 de xullo de 1940, cando Castelao e a súa muller Virxinia Pereira chegan a Buenos Aires a bordo do Arxentina. Constitúense dous grupos de galeguistas de Arxentina e Uruguai que se comprometen a soster a economía do matrimonio, coas achegas xenerosas de Manuel Puente, Rodolfo Prada e Perfecto López, entre moitos outros. Como ben é sabido, Castelao acrecentou o seu labor político e ideou a Irmandade Galega, continuadora do PG, e revitalizouse o voceiro A Nosa Terra. E o emigrante vimiancés sempre estivo aí e tivo moito a ver co feito de que a ABC de Corcubión fixese parte do proxecto.

«Anos de loita a carón de Castelao (1944-1950)» é, sen dúbida, o capítulo máis interesante e revelador, porque Perfecto López vai aparecer sempre nas actividades do rianxeiro: na homenaxe pola publicación do Sempre en Galiza; na creación do Consello de Galiza; nas homenaxes polo seu nomeamento como ministro do Goberno de Giral no exilio republicano, e tamén na correspondencia cando Castelao anda por París e non pode aceptar, como era adoito, o convite da ABC de Corcubión para participar na súa festa anual.

O capítulo remata coa importante e longa estadía de Perfecto López na Terra en 1949, porque se vai converter de aquí en diante na persoa que levou a “conexión” entre o Consello de Galiza e os galeguistas do interior, aínda que non resultase moi frutífera. E un breve epígrafe final desenvolve o misterio da terra galega que se levou para o soterramento de Castelao da que López foi portador, como tamén o foi da “Mensaxe da Terra” que se publicou en A Nosa Terra en xullo de 1950, de autoría colectiva mais con certeza redactada por Ramón Piñeiro, na altura xa o líder galeguista.

Dirixentes da colectividade galega portaron o cadaleito de Castelao, entre eles Perfecto López, na parte traseira coa gravata negra, xaneiro de 1950

Dirixentes da colectividade galega portaron o cadaleito de Castelao, entre eles Perfecto López, na parte traseira coa gravata negra, xaneiro de 1950

«Os anos cincuenta» testemuña a feraz actividade de Perfecto López nesa década, tanto desde a presidencia da ABC de Corcubión como na súa participación no Grupo “Nós”, que presidía Manuel Puente e que constituía o sostén do Consello de Galiza. Mais este capítulo é fulcral á hora de recoller as importantes diferenzas entre o galeguismo do interior e do exilio, fragmentado tamén entre os herdeiros do Consello e o denominado “Grupo Tortoni”, máis virado a posicionamentos esquerdistas, con Seoane, Cuadrado, Baltar, Blanco-Amor, Núñez Búa, Lorenzo Varela ou Valenzuela, entre outros.

Malia todo, o galeguismo do exilio contribúe en desigual maneira á fundación da Editorial Galaxia e máis unha vez Perfecto López estará entre os accionistas do proxecto. Por volta de 1953 nunha nova estadía por terras galegas contacta cos galeguistas de Galaxia, nomeadamente con Otero Pedrayo, pois unha das súas misións era levar para editar na Arxentina os mecanoscritos dos dous primeiros tomos da súa Historia de Galicia. Nese momento tamén coincidirá coa escritora Nina Epton, da que Rei Lema reproduce varios fragmentos alusivos a López do libro Grapes and Granite, do que existe versión galega desde 1993 da man de Antonio e Francisco Fernández del Riego, e que se converten na mellor descrición da súa personalidade.

A súa presenza na organización do I Congreso da Emigración Galega; na fundación da Editorial Citania, que editaría en Buenos Aires un amplo catálogo de importante obra galega, como A esmorga de Blanco-Amor; as súas novas viaxes de retorno que serven para dar testemuño das continuas desavinzas in crescendo entre os galeguistas do exilio e os que se refuxiaban na resistencia cultural no interior, ou a súa implicación na viaxe de Otero Pedrayo á cidade porteña son outros episodios fulxentes do seu compromiso.

«Os últimos anos» transcorren con vellas angueiras, como a súa presenza nun Consello de Galiza a cada vez máis feble, e outras novas como apoiar a revista Alén Mar da Asociación Argentina de Hijos de Gallegos, dirixida polo seu fillo Perfecto nos tres últimos números. Creba a súa saúde e o seu pasamento ten enorme trascendencia na colectividade. En Vimianzo habería que agardar ata 2001 coa homenaxe que lle tributou a entidade Adiante Soneira. A maiores, Rei Lema engade un breve capítulo «A semente que agroma. Perfecto López Romero» sobre o labor do seu fillo.

Perfecto López, de escasa formación académica, non escribiu nada, agás un poema no que lembra a súa avoa analfabeta e algúns textos ou discursos que testemuñan o seu bulir no asociacionismo da emigración, mais o seu labor de mecenado faino digno de lembranza no noso sistema cultural e literario e Rei Lema artellou unha biografía de lectura áxil que nos permite recoñecer esa débeda.

perfecto lopez

O orgullo pola lingua de Perfecto López, empresario e mecenas do galeguismo na emigración americana

Por Xosé María Lema Suárez

«Eu son un rapás novo. Para min é unha cousa da máisima importancia o ter que vos falar a vós, esencia do galeguismo e da cultura. ¿Que podo decirvos eu? Son un home que entrei orgulloso no galeguismo guiado pol-a man da miña aboa analfabeta que me insinou a falar en galego. Non fun levado pol-a doutrina nin pol-a cencia de ningún de vós. Cando ando pol-o mundo a espricarlles ós galegos que son fieles á Terra, a verdade esencial que a nosa língoa garda, revivo na miña mente a lembranza de cando era un rapás analfabeto que iba ó monte coa miña aboa analfabeta coma eu e que coas suas palabras iba enseñándome a profunda verdade das cousas. Cando quero percurar que os galegos que a abandonan volvan á lei do amor á Terra, sempre acudo ás verbas que de neno deprendera da miña aboa e sempre atopo a razón atinada que en cada caso fai falta. Eu sigo sendo aquel rapás humilde. Por iso non quero nin busco cargos (…)».

Como recolle Xosé Mª Rei Lema na súa recentísima obra publicada na Ed. Galaxia[1], así falaba Perfecto López ‘o Tato’ -emigrante vimiancés na Arxentina- o 27 de setembro de 1953 nunha xuntanza que tivera en Calo (Teo) cos máis importantes representantes do galeguismo interior (Xaime Isla Couto, Manuel Beiras, Gonzalo R. Mourullo, Ramón Piñeiro, Ramón Lugrís, Fernández del Riego, Otero Pedrayo, García Sabell…).

Nesta reunión Piñeiro presentárao coma

“o home que fai viaxes a Galicia non pra ver a familia, que a ten toda aló, incruso sua nai, senón pra ver a Terra, pra estar na Terra. Quizais seña por isto mesmo pol-o que o Perfecto está destinado a sere un mensaxeiro de cousas transcendentes entre os galegos de eiquí e mail-os de aló. No seu viaxe anterior foi portador da terra galega pra Castelao; agora é portador do pirmeiro tomo de unha grande Historia de Galicia (…)”.

En efecto, Perfecto era unha ‘andoriña’, un mensaxeiro máis ou menos clandestino entre os galeguistas de Buenos Aires (Prada, Abraira,  Puente, Suárez Picallo, Alonso Ríos…) e os do aquí arriba citados, cos que se carteaba. Nas súas frecuentes viaxes a Galicia, ademais de visitar os galeguistas, non deixaba de pasar polo seu Vimianzo natal, onde os impoñentes coches que conducía -os ‘haigas’ do Tato- causaban admiración.

Perfecto López nacera nunha aldea de Vimianzo en 1904, fillo e neto de nais solteiras e moi pobre. Apenas foi á escola ano e medio (el era consciente desta eiva). Traballou coma xornaleiro e carboeiro e, emigrado á Arxentina nun segundo intento (polos anos 30), conseguiu facer fortuna como concesionario de automóbiles estadounidenses. Boa parte da súa riqueza vaina compartir cos seus paisanos con moita xenerosidade, financiando obras e actividades de centros galegos en Buenos Aires e, particularmente, en soster e promover a cultura e lingua galegas. Xunto con outros bos e xenerosos da capital porteña -que, segundo Suárez Picallo, eran “cuáseque sempre os mesmos” (Manuel Puente, José B. Abraira, Rodolfo Prada, J. M. Cascallar, Jesús Porto…)- colaborou no financiamento da estadía de Castelao e dona en Buenos Aires, de 1940 a 1950, e noutras moitas iniciativas. Ó regreso dunha das súas moitas viaxes a Galicia trouxo, a finais de 1949, terra galega para introducir no cadaleito de Castelao.

Nesta ‘Voz’ céntrome nunha declaración de amor á lingua que para min merecería enmarcarse: a que fai un home rico, moi rico; pero humilde, consciente das súas carencias culturais ante un auditorio cheo de excelsas figuras do galeguismo interior que el tanto admiraba. Estes próceres do galeguismo ben que o respectaban.

Imposible resumir neste espazo todo o que fixo este emigrante soneirán na Galicia exterior des 1935 a 1970 (ano en que morreu) financiando ou cofinanciando proxectos e iniciativas a prol de Galicia, da súa cultura ou da súa lingua. Por exemplo: el e Manuel Puente de Buenos Aires e Xesús Canabal de Montevideo foron os que máis prata deron para as actividades e viaxes dos membros do Consello de Galiza ou para o Congreso da Emigración: milleiros de pesos. Na Galicia de aquén puxo cartos para a fundación da Ed. Galaxia. Foi tamén o segundo mecenas (despois de Puente) dos tres grandes tomos da Historia de Galiza (1962), dirixida por Otero Pedrayo.

En fin: cómpre ler ó completo este libriño de Rei Lema, de tan só 190 páxinas, para poder valorar na súa xusta medida o enorme labor deste pouco coñecido ‘bo e xeneroso’ que mesmo deixou boa sementeira, pois o seu fillo Perfecto López Romero chegou a formar parte do grupo xuvenil Alén Mar. Oxalá sirva para facerlle algún tipo de recoñecemento público, na Galicia ideal ou na real.